Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Mércores, 21 de maio de 1997 Páx. 4.716

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 1 de abril de 1997 pola que se regulan os requisitos específicos que deberán reuni-los centros de acollida para mulleres víctimas de malos tratos.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, atribúelle á Administración autonómica competencia para a regulamentación dos centros e servicios, públicos ou privados, con ou sen ánimo de lucro, que presten servicios sociais, establecendo as condicións para a súa apertura e funcionamento, modificación, capacitación do seu persoal e peche.

No exercicio desta competencia, o Consello da Xunta de Galicia aprobou o Decreto 243/1995, do 28 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación de centros de servicios sociais e no que se establecen os requisitos xerais que deben cumpri-los centros para a súa creación, apertura e posta en funcionamento, remitindo a unha normativa de desenvolvemento a fixación das condicións e requisitos específicos que cada centro debe cumprir, de acordo coa tipoloxía de que se trate e a área de actuación á que se dirixa.

A presente orde ten por obxectivo determina-los requisitos específicos esixibles ós centros dedicados á acollida das mulleres víctimas de malos tratos,

co fin de garanti-la calidade na prestación dos seus servicios e unha asistencia axustada ás necesidades e características das súas usuarias.

En virtude do exposto, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto o desenvolvemento do Decreto 243/1995, do 28 de xullo, que regula o réxime de autorización e acreditación de centros de servicios sociais, no relativo ós requisitos específicos que deben reuni-los centros de acollida para mulleres víctimas de malos tratos, así como as prestacións mínimas que deben ofertarlles ás usuarias para poder ser autorizado o seu funcionamento.

Artigo 2º.-Concepto e obxectivos.

Son centros de acollida para mulleres víctimas de malos tratos, aqueles establecementos destinados a acoller durante un período determinado de tempo ás mulleres e, se é o caso, acompañadas das súas fillas e fillos menores ou incapacitados, que se encontren inmersas nunha problemática grave de malos tratos domésticos, inferidos polo cónxuxe ou persoa coa que manteña análoga relación de afectividade.

A existencia de centros de acollida para mulleres víctimas de malos tratos ten como obxectivo, por unha banda, denunciar publicamente a violencia de que é obxecto en numerosos casos a muller dentro do seo do fogar familiar, concibindo a dita problemática como unha grave lacra social, e por outra dun modo prioritario, atende-las necesidades individuais das afectadas e as súas fillas e fillos menores ou incapacitados.

Para tal fin, os centros de acollida para mulleres víctimas de malos tratos darán acollida a aquelas mulleres que se encontren nunha situación de extrema indefensión, permitíndolles que gocen dun tempo e un espacio no que poidan reflexionar sobre a súa situación persoal e as distintas alternativas a esta, promovendo a autonomía persoal e a solidariedade entre as mulleres e, en definitiva, facilitándolle-las ferramentas elementais que lles axuden a reface-la súa vida en condicións de normalidade dentro do seu contorno social.

Artigo 3º.-Tipos.

Os centros de acollida para mulleres víctimas de malos tratos poderán ser:

A) Casas de acollida: son aqueles establecementos destinados a darlles aloxamento de forma temporal e con carácter de urxencia ás mulleres e as súas fillas e fillos menores ou incapacitados que sufran unha problemática de malos tratos domésticos. O tempo de permanencia nestes centros non será supe

rior a tres meses, podendo establecerse unha prórroga por un período igual en circunstancias excepcionais.

B) Vivendas tuteladas: son fogares alternativos que darán acollida preferentemente a mulleres procedentes de casas de acollida e que serven de ponte cara a unha normalización da súa situación persoal e familiar. O tempo de permanencia non poderá ser superior a un ano.

Artigo 4º.-Disposición xeral.

Tódolos centros de acollida para mulleres víctimas de malos tratos deberán cumpri-los requisitos xerais establecidos no artigo 7 do Decreto 243/1995, do 28 de xullo, así como os específicos que de acordo coa súa tipoloxía se establecen no anexo I desta orde.

Artigo 5º.-De autorizacións e permisos.

1. Para a obtención das autorizacións administrativas para a creación, construcción ou modificación substancial dos centros regulados na presente orde, así como os correspondentes permisos de inicio ou cesamento de actividades neles, o titular ou representante legal da entidade de que dependa o centro presentará unha solicitude normalizada segundo os respectivos modelos establecidos nos anexos, II, III e IV da presente orde.

2. As solicitudes tramitaranse conforme os procedementos establecidos nos artigos 13 e seguintes do Decreto 243/1995, do 28 de xullo, e dirixiranse á Secretaría Xeral da consellería, que tramitará e resolverá os expedientes, todo isto sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. Para os efectos de emiti-los informes a que se fai referencia nos artigos 17 e 22 do Decreto 243/1995, os órganos competentes poderán solicitar doutras unidades administrativas informes técnicos específicos da súa competencia.

Disposición adicional

Os libros de rexistro de usuarias e de reclamacións regulados nos apartados c) e d) do artigo 7.1.2. do Decreto 243/1995, do 28 de xullo, estarán constituídos por follas encadernadas e numeradas.

No libro de rexistro de usuarias deberán constar os seguintes datos: nome e apelidos, data de alta, incidencias, data de baixa e causa, número de prazas ocupadas, número de fillas e fillos, e concello de procedencia.

O libro de reclamacións será dilixenciado pola secretaría xeral unha vez concedido o permiso de actividades do centro, e nas súas follas deberán figura-los apartados necesarios para identifica-la persoa que realiza a reclamación, o centro afectado por ela, e a data e obxecto da reclamación.

Disposición transitoria

Os centros regulados na presente orde que estean en funcionamento deberán adecuarse ós requisitos esixidos no anexo I nos termos e condicións establecidos na disposición transitoria segunda do Decreto 243/1995, do 28 de xullo.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 1997.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

ANEXO I

Sen prexuízo da normativa de carácter xeral considerada no Decreto 243/1995, do 28 de xullo, que regula o réxime de autorización e acreditación de centros de servicios sociais, os centros de acollida para mulleres víctimas de malos tratos teranse que adapta-los requisitos que se conteñen no presente anexo:

Primeiro.-Infraestructura.

A.-A zona de localización dos centros de acollida para mulleres víctimas de malos tratos será céntrica, ou no caso contrario ben comunicada e ben dotada de servicios. En todo caso deberá encontrarse integrada na área de actuación dun centro de aaúde dependendo da rede sanitaria pública, así como próximo a unha unidade de ensino público nos niveis de ensino primario e secundario obrigatorio.

B.-O edificio: capacidade.

Para os efectos de logra-lo máximo aproveitamento dos recursos e unha adecuada relación humana entre as mulleres residentes e as súas fillas e fillos e o equipo de traballo dos centros de acollida para mulleres víctimas de malos tratos, establécese unha capacidade máxima destes de 30 prazas.

C.-As dependencias.

C.1.-Espacios privados.

Os centros de acollida para mulleres víctimas de malos tratos deberán contar cuns espacios privados destinados a garanti-la privacidade e intimidade necesaria para as usuarias e o contacto coas súas fillas e fillos.

C.2.-Espacios comúns.

Os espacios comúns nos supostos das casas de acollida deberán conter como mínimo: un despacho destinado á dirección-administración, e á utilización por parte do equipo técnico; un comedor colectivo e sala de estar; espacio apto para visitas; espacio apto para a utilización polos menores; zona lavadoiro, prancha, cociña, almacenamento, trasteiro e sanitario acordes co número de prazas de que dispoña a casa.

En canto ás vivendas tuteladas, os requisitos serán os mesmos, coa salvidade de que o despacho destinado á dirección-administración e á utilización polo equipo técnico non será necesario que se encontre situado na mesma vivenda senón que, se é o caso, poderá localizarse nos distintos servicios municipais ou autonómicos que existan na localidade, logo da sinatura do convenio.

D.-Equipamento.

Cada dependencia deberá estar provista de mobiliario adecuado. Os mobles deberán ser cómodos, funcionais e cálidos, debendo proporciona-la decoración un ambiente acolledor que evite o efecto de institucionalización.

Segundo.-Medios humanos.

Composición e características dos membros do equipo.

A.-Composición.

Os centros de acollida para mulleres víctimas de malos tratos, deberán contar cos seguintes medios humanos:

1) Directora-coordinadora.

2) Persoal auxiliar.

3) Persoal administrativo.

4) Avogada.

5) Psicóloga.

6) Traballadora social.

No suposto das casas de acollida, o persoal sinalado nos apartados 1 e 2 deberá ter unha dedicación exclusiva ó centro. Pola contra, a dedicación do persoal sinalado nos apartados 3, 4, 5 e 6 poderán ser concertados cos diferentes servicios municipais ou autonómicos que existan na localidade; para tal efecto, estableceranse os convenios de colaboración pertinentes.

En canto ás vivendas tuteladas, o persoal sinalado no apartado 2 deberá ter unha dedicación exclusiva ó centro. Pola contra, a dedicación do persoal sinalado nos apartados 1, 3, 4, 5, e 6 poderá ser concertado cos diferentes servicios municipais ou autonómicos que existan na localidade; para tal efecto, estableceranse os convenios de colaboración pertinentes.

B.-Características.

B.1. A directora-coordinadora do centro de acollida deberá ter unha titulación mínima de grao medio preferentemente nas áreas psicolóxica ou social, e o persoal auxiliar deberá contar cunha titulación mínima de graduado escolar ou FP1.

B.2.-Todo o persoal deberá ser seleccionado atendendo a uns criterios de adecuación á tarefa designada, tendo como base as seguintes consideracións xerais:

-Especial sensibilidade cara a problemática da muller en xeral, e os malos tratos domésticos en particular.

-Cualidades para o traballo en equipo.

-Experiencia previa con grupos de mulleres.

-Compromiso ideolóxico orientado á non discriminación sexista.

A ratio de persoal será aquela que permita a existencia dunha auxiliar por cada cinco persoas ingresadas no centro de acollida e unha cando menos, en horario nocturno.

Os centros de acollida para mulleres víctimas de malos tratos levarán a cabo procesos de capacitación para o seu persoal, asistindo e participando activamente en congresos, seminarios e xornadas nas que se provexa as traballadoras dun marco teórico-práctico sobre a problemática específica das mulleres víctimas de malos tratos e a forma máis adecuada de logra-la súa normalización e desenvolvemento na sociedade.

C.-Funcións.

Directora-coordinadora:

-Supervisará o traballo dos distintos membros do equipo e velará pola aplicación da lexislación vixente.

-Estará obrigada a respectar e facer respecta-la discreción necesaria para a protección do segredo das mulleres.

-Promoverá e planificará a formación e perfeccionamento do conxunto do persoal da casa.

-Será a responsable da seguridade da casa.

-Será a responsable das relacións públicas cos servicios sociais, profesionais, educativos, sanitarios, etc.

-Velará pola aplicación da lexislación social e laboral.

-Velará para que se cumpra o regulamento interior instituído.

-Levará a cabo a elaboración dunha memoria anual.

-Realizará as xestións con bancos, pagamentos, facturas e secretaría.

Persoal auxiliar:

-Supervisará e organizará a intendencia xeral do centro fomentando a participación e solidariedade.

-Apoiará ás mulleres na comprensión das normas de funcionamento do centro.

-Intervirá como mediadora nos conflictos.

Persoal administrativo:

-Levará a cabo unha tarefa auxiliar da directora-coordinadora en todo o que se refire ós traballos administrativos.

Avogada:

-Asesorará xuridicamente ás mulleres en todos aqueles aspectos civís ou penais derivados das circunstancias que deron lugar ó ingreso no centro de acollida para mulleres víctimas de malos tratos.

-Interporá perante os tribunais competentes a solicitude de medidas cautelares destinadas a protexe-la integridade física e psíquica das mulleres e as súas fillas e fillos menores ou incapacitados.

-Acompañará ás mulleres en todas aquelas xestións ou comparecencias que fosen necesarias perante os tribunais de Xustiza.

Psicóloga:

-Realizaralles entrevistas de apoio e atención psicolóxica ás mulleres e ás súas fillas e fillos acollidos no centro.

-Psicoterapias breves.

-Psicoterapia familiar.

Traballadora social:

-Informará, orientará e asesorará ás mulleres en canto os recursos e servicios sociais existentes na comunidade.

-Establecerá relacións con organismos públicos, entidades, asociacións, etc., que coa súa intervención poidan axuda-las mulleres acollidas.

-Xestionará o ingreso das fillas e fillos menores das mulleres nos centros públicos de ensino, garderías, etc.

-Xestionará os trámites necesarios para a prestación da asistencia sanitaria, obtención de duplicados da cartilla da Seguridade Social se é o caso, etc., das mulleres acollidas.

Terceiro.-Canles de acceso.

As canles de acceso para o ingreso nos centros de acollida de mulleres para mulleres víctimas de malos tratos poderán ser:

-Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller e delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

-Centros de información da muller existentes na Comunidade Autónoma.

-Servicios sociais das distintas entidades municipais.

-Servicios de urxencia da rede sanitaria.

-Xulgados de garda.

-Dependencias da Policía Nacional, Municipal e Garda Civil.

-Outros centros de acollida. Para tal efecto, levaranse a cabo convenios de colaboración entre os distintos centros de acollida da Comunidade Autónoma e con outros fóra da comunidade, destinados a resolver aqueles supostos nos que dada a súa gravidade fixesen preciso o traslado da muller e as súas fillas e fillos a outra localidade distinta daquela na que reside.

-Excepcionalmente e en supostos de urxencia, permitirase o acceso directo das mulleres ós centros de acollida para mulleres víctimas de malos tratos durante un período de 72 horas, previo á valoración para o seu ingreso definitivo, que realice o equipo do centro de acollida.

Cuarto.-Requisitos para a admisión.

-Identificación.

-Acreditación de situación real de malos tratos domésticos.

-Non padecer enfermidades mentais graves.

-Non padecer nese momento ningún tipo de drogadicción.

-Non padecer enfermidade infecto-contaxiosa.

Quinto.-Prestacións.

Os centros de acollida para mulleres víctimas de malos tratos prestaranlles ás usuarias e persoas dependentes con elas acollidas unha intervención integral na que se salienta:

-Aloxamento, refuxio, protección e manutención.

-Información e asesoramento xurídico, social, laboral e apoio psicolóxico.

-Atención ás necesidades educativas, sociais, de saúde e de integración que se precisen.

Sexto.-Regulamento interno.

Os centros de acollida para mulleres víctimas de malos tratos deberán contar cun Regulamento de réxime interno no que se establezan as normas de convivencia, dereitos e obrigas das usuarias e persoas dependentes, así como os mecanismos de participación.

3663