Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Venres, 31 de xullo de 1998 Páx. 8.861

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 24 de xullo de 1998 pola que se establece a organización e funcionamento da orientación educativa e profesional na Comunidade Autónoma de Galicia regulada polo Decreto 120/1998.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo no seu artigo 2.3º g), establece que a actividade educativa se desenvolverá atendendo entre outros principios, ó de atención psicopedagóxica e orientación educativa e profesional.

No preámbulo da citada lei inclúese, como parte da función docente, a titoría e a orientación e establécese o dereito do alumnado a recibir esta nos campos psicopedagóxico e profesional.

Nesta liña, o artigo 60.2º da mesma lei establece que as administracións educativas garantirán a orientación académica, psicopedagóxica e profesional dos alumnos, especialmente no que se refire ás distintas opcións educativas e á transición do sistema educativo ó mundo laboral, prestando singular atención á superación de hábitos sociais discriminatorios que condicionan o acceso ós diferentes estudios e profesións. A coordinación das actividades de orientación levarana a cabo profesionais coa debida preparación.

O Decreto 374/1996, do 17 de outubro, polo que se aproba o Regulamento das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria, o artigo 34, entre as competencias do xefe de estudios sinala no apartado f) a de coordinar e orienta-la acción dos titores de acordo co plan de acción titorial. Así mesmo, dedica o capítulo V do seu título III ós titores.

Igualmente, o Decreto 324/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, no artigo 53.1º a),

establece que neses centros existirán -como órgano de coordinación docente- un departamento de orientación.

No Decreto 120/1998, do 23 de abril, polo que se regula a orientación educativa e profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, no artigo 1.1º, creáse, nos institutos de educación secundaria un departamento de orientación que abranguerá no seu plan de actuación as escolas de educación infantil, os colexios de educación infantil e primaria e os de educación primaria adscritos a el.

Igualmente, no citado decreto, artigo 1º.2, créase un departamento de orientación nos colexios de educación infantil e primaria, e nos colexios de educación primaria, que abranguerá no seu ámbito de actuación, ademais do propio centro, aqueloutros centros incompletos da mesma zona de escolarización.

No artigo 2 deste mesmo decreto, créanse os equipos de orientación específicos, que abranguerán no seu plan de actuación os institutos de educación secundaria, os centros públicos integrados, as escolas de educación infantil, os colexios de educación infantil e primaria, os centros específicos de adultos e os colexios de educación especial. Estes equipos de orientación específicos estarán formados por aqueles profesionais que poidan da-la resposta mais axeitada ás necesidades de intervención externa ligadas a aspectos psicopedagóxicos específicos e a cuestións sociais ou mesmo familiares que teñen incidencia no ámbito educativo.

Nesta liña, os departamentos de orientación e os equipos de orientación específicos han de constituí-lo garante de que a orientación forme parte esencial da actividade educativa e de que se estableza unha vía de asesoramento permanente ó alumnado, ó profesorado e ás familias mediante un plan de actuación común entre os diferentes profesionais.

Así, enténdese a orientación como un proceso que inclúe a toda a comunidade educativa, que debe

garantirse desde as primeiras idades do alumnado permitindo así a prevención e detección temperá das súas dificultades tanto no desenvolvemento persoal ou da aprendizaxe como profesional. De aí a necesidade de que os propios centros educativos conten con profesionais da orientación que colaboren co profesorado e as familias para logra-lo maior desenvolvemento do alumnado e que lles permitan ter unha imaxe completa e adecuada de si mesmos e das súas posibilidades no mundo sociolaboral.

A presente orde ten a intencionalidade normativa de proporcionar un marco referencial estable pero dotado ó mesmo tempo da flexibilidade e ductilidade suficiente que permita a organización e funcionamento dos servicios de orientación axeitados ós diferentes contextos educativos.

En consecuencia co exposto e en virtude da disposición derradeira primeira do Decreto120/1998, do 23 de abril, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Servicios da orientación.

De acordo co establecido no Decreto 120/1998, do 23 de abril, polo que se regula a orientación educativa e profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, os servicios de orientación configúranse como:

a) Servicios internos, mediante os departamentos de orientación nos centros docentes de ensinanzas non universitarias de réxime xeral, dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

b) Servicios externos, mediante os equipos de orientación específicos de ámbito provincial.

Artigo 2º.-Creación dos departamentos de orientación.

Créanse os departamentos de orientación:

a) Nos institutos de educación secundaria e nos centros públicos integrados.

b) Nos colexios de educación infantil e primaria e nos colexios de educación primaria de doce ou máis unidades e nos centros específicos de educación de adultos.

c) Poderán crearse departamentos de orientación nos colexios de educación infantil e primaria e nos colexios de educación primaria de menos de doce unidades, cando as circunstancias de dispersión da poboación así o aconsellen.

Artigo 3º.-Ámbito de actuación.

1. Os departamentos de orientación dos institutos de educación secundaria e dos centros públicos integrados abranguerán no seu plan de actuación, ademais do propio centro, aquelas escolas de educación

infantil, colexios de educación infantil e primaria e colexios de educación primaria que lles estean adscritos.

2. Os departamentos de orientación dos colexios de educación infantil e primaria e de educación primaria abranguerán no seu plan de actuación, ademais do propio centro, aqueloutros centros incompletos da mesma zona de escolarización que, se é o caso, lles adscriba a delegación provincial por proposta do Servicio de Inspección Educativa.

3. Cando a xefatura do departamento de orientación dos colexios de educación infantil e primaria e educación primaria estea desempeñada por un mestre que posúa algunha das titulacións relacionadas no artigo 4 do Decreto 120/1998, a delegación provincial poderá adscribirlle outros colexios de educación infantil e primaria e de educación primaria. O plan de orientación abranguerá os centros que sexan adscritos.

Neste suposto os mestres especialistas de pedagoxía terapéutica ou de audición e linguaxe nomeados responsables de orientación, en aplicación da disposición transitoria cuarta do Decreto 120/1998, do 23 de abril, formarán parte do departamento de orientación constituído no colexio de educación infantil e primaria ou educación primaria.

4. Os equipos de orientación específicos abranguerán no seu plan de actuación as escolas de educación infantil, os colexios de educación infantil e primaria, os colexios de educación primaria, os institutos de educación secundaria e os centros públicos integrados.

Igualmente, os equipos de orientación específicos intervirán nos centros específicos de educación de adultos e, se é o caso, nos centros de educación especial dependentes da Administración educativa.

Capítulo II

Servicios internos

Sección primeira

Os departamentos de orientación dos institutos de educación secundaria e dos centros públicos integrados

Artigo 4º.-Composición.

1. O departamento de orientación dos institutos de educación secundaria e dos centros públicos integrados terá a composición establecida no artigo 3 do Decreto 120/1998, do 23 de abril.

2. A xefatura do departamento de orientación será desempeñada polo funcionario do corpo de profesores de ensino secundario, especialidade «Psicoloxía e pedagoxía», agás nos supostos recollidos na disposición adicional terceira do dito Decreto 120/1998, do 23 de abril, e sen prexuízo da reserva prevista na disposición transitoria segunda.

3. Cando no instituto de educación secundaria ou no colexio público integrado exista máis dun funcionario do corpo de profesores de ensino secun

dario, da especialidade de «Psicoloxía e pedagoxía», o nomeamento e cesamento do xefe de departamento realizarase de conformidade co establecido nos artigos 74 e 76 do Decreto 324/1996, do 26 de xullo e nos apartados 51 e 52 da Orde do 1 de agosto de 1997, pola que se dictan instruccións para o desenvolvemento do Decreto 324/1996, polo que se aproba o Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria e se establece a súa organización e funcionamento.

Artigo 5º.-Funcións.

Son competencia do departamento de orientación dos institutos de educación secundaria e centros públicos integrados as funcións seguintes:

a) Valora-las necesidades educativas, no ámbito da orientación, dos alumnos e alumnas do seu contorno e deseñar, desenvolver e avaliar programas específicos de intervención do seu ámbito de actuación.

b) Elaborar, de acordo coas directrices establecidas pola comisión de coordinación pedagóxica, as propostas do plan de orientación académica e profesional, e do plan de acción titorial, incidindo no desenvolvemento persoal, social e cognitivo do alumnado e ofrecerlle ó profesorado soporte técnico para o desenvolvemento destes plans.

c) Participar na elaboración, seguimento e avaliación dos proxectos educativo e curricular do centro, incidindo nos criterios de carácter organizativo e pedagóxico para a atención ó alumnado con necesidades educativas especiais e nos principios de avaliación formativa e, cando cumpra, na adecuación dos criterios de promoción.

d) Deseñar accións encamiñadas á atención temperá, se é o caso, do seu alumnado e o dos colexios e escolas que lle sexan adscritos e á prevención de dificultades ou problemas de desenvolvemento ou de aprendizaxe derivados tanto de condicións desfavorables como de altas capacidades que presenten os alumnos e alumnas.

e) Participar na avaliación psicopedagóxica conforme a normativa ó respecto e participar no deseño e desenvolvemento de medidas de atención á diversidade.

f) Facilitarlle ó alumnado o apoio e o asesoramento necesarios para adquirir habilidades básicas de vida e enfronta-los momentos escolares máis decisivos ou de maior dificultade, como o ingreso no centro, o cambio de ciclo ou etapa, a elección de optativas ou de itinerarios formativos, a transición á vida profesional e a resolución de conflictos de relación interpersoal.

g) Informa-lo alumnado dos recursos laborais e profesionais ó seu alcance e propoñe-la realización de actividades de orientación que lle faciliten a toma de decisións sobre o seu futuro.

h) Cooperar cos membros dos equipos de orientación específicos no deseño, desenvolvemento e avaliación de programas de orientación.

i) Impulsa-la participación do profesorado en programas de investigación e innovación educativa nos ámbitos relativos a hábitos de traballo intelectual, programas de ensinar a pensar, habilidades sociais, técnicas de dinámica de grupos ou en calquera outro relacionado co seu ámbito de actuación.

l) Promove-la cooperación entre o centro e as familias, implicándoas no proceso educativo dos seus fillos, especialmente no relativo á motivación, á construcción do autoconcepto e da autoestima e no proceso de toma de decisións.

m) Establecer canles de comunicación cos diferentes servicios ou institucións no ámbito das súas competencias.

n) Nos institutos onde se imparta formación profesional específica, coordina-la orientación laboral e profesional con outras administracións o institucións.

o) Aqueloutras que a Administración educativa lle puidese encomendar no ámbito das súas funcións.

Artigo 6º.-Funcións da xefatura do departamento.

1. A xefatura dos departamentos de orientación terá as seguintes funcións:

a) Representa-lo departamento na comisión de coordinación pedagóxica.

b) Dirixir e coordina-las actividades e actuacións propias do departamento e facilita-la colaboración entre os seus membros.

c) Responsabilizarse da redacción do plan anual do departamento e velar polo seu cumprimento; así como da elaboración e redacción da memoria final de curso.

d) Convocar e presidi-las reunións ordinarias do departamento e as que con carácter extraordinario fose preciso celebrar, levantando a acta correspondente.

e) Velar pola confidencialidade dos documentos, se é o caso.

f) Coordina-la organización de espacios e instalacións para a orientación, así como a adquisición de material e de equipamento específico, velando polo seu uso correcto e conservación.

g) Realiza-las avaliacións psicopedagóxicas do seu centro e, se é o caso, as dos centros que lle sexan adscritos, así como asesorar no deseño, desenvolvemento e avaliación das medidas de atención á diversidade conforme o procedemento e criterios establecidos no proxecto curricular do centro e responsabilizarse, cando cumpra, da elaboración do informe psicopedagóxico.

h) Coordina-las accións dos profesores de apoio na atención do alumnado con necesidades educativas

especiais, elevando ó xefe de estudios, cando cumpra, a proposta de organización da docencia para este alumnado.

i) Participar nas sesións de avaliación para o deseño, desenvolvemento e avaliación de actuacións conxuntas que permitan a coherencia das respostas educativas.

l) Aqueloutras funcións que a Administración educativa lle poida asignar referidas á orientación.

2. A participación do xefe do departamento de orientación nas sesións de avaliación responderá ás súas competencias de asesoramento e apoio ó profesorado e asistirá a elas con voz e sen voto.

Artigo 7º.-Funcións do profesorado de apoio ó alumnado con necesidades educativas especiais: especialista en pedagoxía terapéutica e en audición e linguaxe.

Sen prexuízo do establecido no Decreto 374/1996, do 17 de outubro, do Regulamento orgánico das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria e da Orde do 22 de xullo de 1997 pola que se regulan determinados aspectos de organización e funcionamento dos ditos centros, os mestres especialistas en pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe exercerán as súas funcións en tódalas etapas educativas que se impartan no centro e desenvolverán, ademais das que lles competen como membros do departamento de orientación, as seguintes funcións:

a) Asistir ás reunións da comisión de coordinación pedagóxica.

b) Participar na avaliación inicial do alumnado que acceda á educación secundaria obrigatoria e, cando cumpra, naquelas sesións de avaliación que afecten a alumnado con necesidades educativas especiais.

c) Colaborar na elaboración, seguimento e avaliación das adaptacións curriculares individuais, así como das medidas de reforzo, se é o caso, e daqueloutras dirixidas á atención á diversidade do alumnado.

d) Prestarlle atención docente directa ó alumnado con necesidades educativas especiais que así o requira, atención que, en xeral, se prestará no grupo no que está integrado.

e) Aqueloutras funcións que a Administración educativa lles poida asignar referidas á orientación.

Artigo 8º.-Funcións do profesor de formación e orientación laboral.

O profesor de formación e orientación laboral desenvolverá, ademais das funcións que lle competen como membro do departamento de orientación, as seguintes:

a) Informa-lo alumnado sobre o marco legal de traballo e das relacións laborais.

b) Orientar sobre formas e procedementos de inserción profesional.

c) Dar a coñece-los recursos profesionais e laborais existentes.

d) Deseñar actividades ou programas para que o alumnado poida elabora-lo seu propio itinerario profesional de busca de emprego, facéndoo consciente da necesidade de formación permanente.

e) Potenciar estratexias encamiñadas á consecución, se é o caso, dunha reorientación profesional axustada ás demandas do mundo laboral.

f) Colaborar cos titores responsables da formación en centros de traballo na elaboración de programas para a realización de actividades formativo-productivas en centros de traballo.

g) Promover que o alumnado que accede a un programa de iniciación profesional interveña activamente no seu proceso de aprendizaxe e no deseño da súa traxectoria persoal e laboral.

h) Aqueloutras funcións que a Administración educativa lle poida asignar referidas á orientación.

Sección segunda

Os departamentos de orientación dos colexios de educación infantil e primaria e dos colexios de educación primaria

Artigo 9º.-Composición.

O departamento de orientación dos colexios de educación infantil e primaria e dos colexios de educación primaria terá a composición establecida no artigo 4 do Decreto 120/1998, do 23 de abril, polo que se regula a orientación educativa e profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo do establecido no segundo parágrafo do apartado tres do artigo 3º da presente orde.

Artigo 10º.-Funcións.

Son competencia do departamento de orientación dos colexios de educación infantil e primaria e de educación primaria as funcións seguintes:

a) Valora-las necesidades educativas, no ámbito da orientación, dos alumnos e alumnas do seu contorno e deseñar, desenvolver e avaliar programas específicos de intervención.

b) De acordo coas directrices establecidas no plan de orientación deseñado conforme o que se establece no artigo 13º da presente orde e da comisión de coordinación pedagóxica do centro, elabora-las propostas do plan de orientación académica e do plan de acción titorial, incidindo no desenvolvemento persoal, social e cognitivo do alumnado e ofrecerlle ó profesorado o soporte técnico para o desenvolvemento deste plan.

c) Participar na elaboración, seguimento e avaliación dos proxectos educativo e curricular do centro, incidindo nos criterios de carácter organizativo e pedagóxico para a atención á diversidade do alum

nado e nos principios de avaliación formativa e, cando cumpra, na adecuación dos criterios de promoción.

d) Deseñar accións encamiñadas á atención temperá e á prevención de dificultades ou problemas de desenvolvemento ou de aprendizaxe derivadas tanto de condicións desfavorables como de sobredotación que presenten os alumnos e alumnas.

e) Participar na avaliación psicopedagóxica conforme a normativa ó respecto e participar no deseño e desenvolvemento de medidas de atención á diversidade.

f) Facilitarlle á comunidade educativa os apoios e o asesoramento necesarios para que o alumnado poida enfrontar adecuadamente os momentos escolares máis decisivos ou de maior dificultade, como o ingreso no centro, o cambio de ciclo ou etapa ou a resolución de conflictos de relación interpersoal.

g) Impulsa-la participación do profesorado en programas de investigación e innovación educativa nos ámbitos relativos a hábitos de traballo intelectual, programas de ensinar a pensar, habilidades sociais, técnicas de dinámica de grupos ou en calquera outro relacionado co seu ámbito de actuación.

h) Cooperar cos membros dos equipos de orientación específicos no deseño, desenvolvemento e avaliación de programas de intervención.

i) Co obxecto de potenciar estratexias de actuación conxuntas, promove-la cooperación entre o centro e as familias, implicándoas no proceso educativo dos seus fillos: estimulación da motivación e intereses; adquisición de hábitos de hixiene e de autonomía; desenvolvemento motriz e da linguaxe; relacións interpersoais e aqueloutros aspectos que favorezan o desenvolvemento evolutivo do alumnado.

l) Establecer canles de comunicación cos diferentes servicios ou institucións no ámbito das súas competencias.

m) Aqueloutras que a Administración educativa lle puidese encomendar no ámbito das súas funcións.

Artigo 11º.-Funcións da xefatura do departamento.

1. Sen prexuízo do establecido no Decreto 374/1996, do 17 de outubro, do regulamento orgánico das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria, os xefes ou xefas dos departamentos de orientación dos ditos centros terán as seguintes funcións:

a) Dirixir e coordina-las actividades e actuacións propias do departamento de orientación.

b) Responsabilizarse da redacción do plan anual de actividades do departamento, velar polo seu cumprimento e elabora-la memoria final de curso.

c) Representa-lo departamento na comisión de coordinación pedagóxica.

d) Convocar e presidi-las reunións ordinarias do departamento e as que con carácter extraordinario

fose preciso celebrar, levantando a acta correspondente.

e) Asistir ás reunións convocadas polo xefe ou xefa do departamento de orientación do instituto de educación secundaria ó que está adscrito.

f) Velar pola confidencialidade dos documentos, se é o caso.

g) Coordina-la organización de espacios e instalacións para a orientación, así como a adquisición de material e de equipamento específico, velando polo seu uso correcto e conservación.

h) Realiza-las avaliacións psicopedagóxicas, no caso de estar en posesión das titulacións que se indican no artigo 4 a) do Decreto 120/1998, e asesorar no deseño, desenvolvemento e avaliación das medidas de atención á diversidade conforme o procedemento e os criterios establecidos no proxecto curricular do centro e responsabilizarse da elaboración do informe psicopedagóxico.

i) Coordinar, en colaboración cos profesores ou profesoras de apoio, a atención do alumnado con necesidades educativas especiais, elevando ó xefe de estudios, cando cumpra, a proposta de organización da docencia para este alumnado.

l) Participar nas sesións de avaliación para o deseño, desenvolvemento e avaliación de actuacións conxuntas que permitan a coherencia das respostas educativas.

m) Aqueloutras funcións que a Administración educativa lle poida asignar referidas á orientación.

2. A participación do xefe do departamento de orientación nas sesións de avaliación responderá ás súas competencias de asesoramento e apoio ó profesorado e asistirá a elas con voz e sen voto.

Sección terceira

Organización e funcionamento dos departamentos de orientación

Artigo 12º.-Plan xeral de actuación.

A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional poderá dicta-las instruccións dirixidas a unifica-las actuacións dos diferentes plans de orientación, establecendo un marco común para a súa planificación, desenvolvemento e avaliación, así como aqueles ámbitos de actuación prioritarios Estas accións levaranse a cabo sen prexuízo do establecido nos proxectos educativo e curricular de cada centro para permiti-la necesaria adaptación de tales medidas ós diferentes contextos educativos.

Artigo 13º.-Organización da coordinación entre os departamentos de orientación.

1. Para asegura-la actuación coordinada entre os departamentos de orientación dos institutos de educación secundaria ou dos centros integrados cos colexios de educación infantil e primaria e de educación primaria que lles sexan adscritos, elaboraranse conxuntamente as liñas xerais do plan de orien

tación académica e profesional e do plan de acción titorial, que deberán adaptarse ós diferentes contextos educativos de cada centro. Esta posta en común deberá realizarse durante o mes de setembro.

2. Para realiza-la coordinación e seguimento do plan de orientación establecido no punto anterior, os membros do departamento de orientación reuniránse unha vez ó trimestre, sen prexuízo de que se realicen as reunións que sexan necesarias para tal efecto.

Artigo 14º.-Funcionamento.

1. Os membros do departamento de orientación con destino no propio centro celebrarán reunións semanais na hora destinada para tal fin no seu horario. A asistencia será obrigatoria.

2. O mestre responsable da orientación nos centros nos que non exista departamento de orientación recollerá nun informe anual a avaliación do desenvolvemento do plan de orientación e as modificacións adoptadas, se é o caso, que se incorporará no anexo da memoria final do instituto de educación secundaria ou centro público integrado ó que estean adscritos.

Artigo 15º.-Elaboración e estructura do plan de orientación e da súa memoria.

1. O plan de orientación incluirá, alomenos, os seguintes aspectos:

a) Xustificación baseada no contexto.

b) Obxectivos.

c) Planificación xeral e definición de accións prioritarias.

d) Estratexias de intervención.

e) Criterios de avaliación do plan.

2. Á vista das actas e dos informes de tódolos centros adscritos, ó final de curso os departamentos realizarán unha memoria na que se recollerán, polo menos, os seguintes aspectos:

a) Modificacións introducidas no proceso de desenvolvemento do plan, programa ou programas e cambio, se procede, na realidade educativa.

b) Valoración do grao de consecución dos obxectivos establecidos no dito plan, así como a implicación e participación dos diferentes profesionais que colaboren nel.

c) Conclusións e propostas concretas de mellora.

A memoria será redactada polo xefe de departamento e entregada ó equipo directivo para a súa inclusión na memoria final do centro á que se xuntará como anexo ás memorias correspondentes dos centros adscritos, se é o caso.

Artigo 16º

Os institutos de educación secundaria, os centros públicos integrados, os colexios de educación infantil e primaria e educación primaria que conten con

departamento de orientación reservarán, no seu orzamento, unha cantidade necesaria para o funcionamento dese departamento, considerando o plan anual de orientación do centro.

A Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa poderá determinar, para cada centro, a contía necesaria para o desenvolvemento das accións de coordinación e os desprazamentos, se é o caso, dos membros do departamento de orientación.

Capítulo III

Servicios externos

Os equipos de orientación específicos

Artigo 17º.-Composición dos equipos de orientación específicos.

1. Os equipos de orientación específicos terán a composición establecida no artigo 5 do Decreto 120/1998, do 23 de abril.

2. Os delegados provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria fixarán a sede dos equipos de orientación específicos.

3. Os membros dos equipos de orientación específicos continuarán percibindo o complemento específico que estaba fixado para os equipos psicopedagóxicos de apoio.

Artigo 18º.-Funcións.

Os equipos de orientación específicos terán as seguintes funcións:

a) Colaborar, como técnicos educativos, nas diferentes actuacións encamiñadas á prevención e atención temperá que lle faciliten ó alumnado o seu desenvolvemento evolutivo.

b) Asesorar e apoia-los departamentos de orientación, dos centros da provincia, mediante a elaboración de pautas de intervención, a intervención directa, o seguimento das accións iniciadas e calquera outra acción ou prestación de recursos que se precise.

c) Desenvolver programas de investigación, elaboración, recompilación e difusión de recursos para darlles resposta ás necesidades específicas do alumnado.

d) Asesora-los departamentos de orientación dos centros educativos na atención á diversidade persoal e sociocultural do alumnado e colaborar na aplicación de medidas educativas axeitadas.

e) Colaborar cos departamentos de orientación na avaliación psicopedagóxica do alumnado, cando sexa necesaria a intervención dun profesional externo ó centro, e participar, se é o caso, no dictame de escolarización.

f) Contribuír á formación especializada dos departamentos de orientación e do profesorado no ámbito das necesidades educativas especiais que atenden.

g) Colaborar con outros servicios ou institucións que desenvolvan actividades no campo educativo,

laboral, social, da saúde e naqueloutros ámbitos da súa competencia.

h) Cooperar cos departamentos de orientación dos centros do seu ámbito de actuación no deseño, desenvolvemento e avaliación de programas de intervención relativos á orientación profesional, á modificación de conducta, á saúde, etc. ou de programas integrados.

i) Colaborar no deseño, desenvolvemento e avaliación de actividades ou en programas formativos de orientación educativa e sociofamiliar, así como asesorar e colaborar coas familias sobre o tipo de intervención que deben seguir cos seus fillos.

l) Calquera outra que se lles puidese encomendar no ámbito das súas funcións.

Artigo 19º.-Coordinación.

1. O equipo de orientación específico estará coordinado por un dos seus membros, conforme se establece no artigo 9 do Decreto 120/1998, que será o responsable da unificación de criterios técnicos de intervención entre eles. Estes criterios aplicaranse, alomenos, á análise da valoración interdisciplinar do alumnado, ás metodoloxías que se vaian seguir, ás adaptacións de materiais, á elaboración colexiada dos modelos de informe psicopedagóxico, ós rexistros de datos e ó intercambio de información referido tanto ó alumnado como ós centros e ás familias.

2. Os equipos de orientación específicos deberán establecer diferentes canles de comunicación que permitan a colaboración, no ámbito das súas competencias, cos diferentes axentes da comunidade educativa, así como con outros servicios ou institucións que posibiliten actuacións conxuntas e coherentes cos obxectivos previstos en cada contexto educativo.

3. Os equipos de orientación específicos celebrarán, dentro do seu horario, unha reunión semanal de coordinación, sendo polo tanto a asistencia obrigatoria para tódolos seus membros. Polo menos unha vez ó mes, as reunións dos equipos terán por obxecto face-lo seguimento do desenvolvemento do plan de actuación e establece-las medidas de reaxuste que, se é o caso, se consideren necesarias.

Artigo 20º.- Funcións do coordinador.

1. Ademais das funcións que lle corresponden como membro do equipo, o coordinador deberá desenvolve-las seguintes funcións:

a) Representa-lo equipo nas reunións ás que oficialmente sexa convocado.

b) Coordina-la elaboración, seguimento e avaliación do plan xeral anual no seu ámbito de intervención e redacta-la memoria final.

c) Fomenta-lo traballo colaborativo entre os diferentes membros do equipo que permitan actuacións coherentes entre os diferentes especialistas.

d) Impulsa-las tarefas de formación e de investigación e aqueloutras que poidan ser de interese tanto para o equipo como para os departamentos de orientación dos centros da provincia.

e) Calquera outra que se lle asigne regulamentariamente.

2. O coordinador finalizará as súas funcións ó remate do seu mandato ou ó producirse algunha das circunstancias seguintes:

a) Traslado temporal ou definitivo, voluntario ou forzoso, paso a situación de servicios especiais, xubilación, excedencia voluntaria ou forzosa.

b) Cesamento polo delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, de oficio ou por proposta do inspector coordinador, a causa de incumprimento grave de funcións, oídos, se é o caso, os membros do equipo e o propio interesado.

c) Renuncia motivada e aceptada polo inspector coordinador.

Artigo 21º.- Funcións do especialista en audición e linguaxe.

Ademais das funcións que lle corresponden como membro do equipo, o especialista en audición e linguaxe dos equipos de orientación específicos atenderá os casos das dificultades da linguaxe comprensiva e expresiva, prioritariamente nos centros de educación infantil e primaria que non conten cun especialista, para permitir unha prevención e detección temperá que posibilite unha atención axeitada ás necesidades do alumnado destas idades, e responsabilizarase das seguintes funcións:

a) Asesora-los departamentos de orientación e, de se-lo caso, o profesorado na atención ás dificultades en audición e linguaxe que poida presenta-lo alumnado.

b) Asesorar e coordina-los profesores especialistas de audición e linguaxe dos departamentos de orientación dos centros adscritos da provincia no ámbito das súas competencias específicas.

c) Colaborar cos centros do seu ámbito de actuación no deseño, seguimento e avaliación de programas encamiñados á prevención das dificultades que poida presenta-lo alumnado no campo da audición e linguaxe.

d) Colaborar cos centros do seu ámbito territorial no deseño, seguimento e avaliación das adaptacións curriculares para o alumnado con necesidades educativas especiais asociadas a dificultades de audición e linguaxe.

e) Intervir directamente na rehabilitación de problemas de audición e linguaxe, naqueles casos nos que o alumnado non conte no seu centro cun especialista en audición e linguaxe ou que pola singularidade da dificultade se precise da colaboración doutro profesional.

f) Calquera outra que se lle puidese encomendar relacionada coa súa especialidade.

Artigo 22º.-Funcións do traballador ou educador social.

Ademais das funcións que lle corresponden como membro do equipo, o traballador ou educador social realizará accións de intervención socio-educativa cos alumnos que presenten problemas ou dificultades de integración escolar e social. Para o desenvolvemento do seu traballo deberá coordinarse cos diferentes profesionais dos distintos servicios, así como con outras persoas ou institucións que teñan a garda dos menores. Este especialista desenvolverá as seguintes funcións:

a) Coordinar e asesora-los departamentos de orientación dos centros adscritos na elaboración das diferentes estratexias de actuación para a detección daqueles factores de risco que poidan derivar en situacións socioeducativas desfavorables.

b) Dar pautas para a realización ou realizar, se é o caso, a valoración sociofamiliar do alumnado que presente problemas que proveñan de determinados factores e condicionantes sociais desfavorecidos e propoñer liñas de actuación.

c) Informar sobre os recursos socioeconómicos, educativos e culturais da zona que poidan ser de interese para o desenvolvemento persoal, social e de inserción laboral do alumnado.

d) Colaborar na valoración interdisciplinar do alumnado e cooperar con outros servicios sociais e da saúde para a atención á infancia e á adolescencia que lles permitan ós diferentes colectivos da comunidade educativa unha actuación coordinada.

e) Cooperar cos centros educativos na elaboración de propostas de intervencións dirixidas ó alumnado con necesidades educativas especiais derivadas de situacións sociais, culturais e familiares desfavorables, así como promove-la integración das familias e do contorno nas actividades do centro.

f) Participar no desenvolvemento de programas de garantía social dirixidos ó alumnado, así como en programas formativos para pais e nais de alumnos.

g) Calquera outra que se lle puidera encomendar no ámbito das súas funcións.

Artigo 23º.-Funcións do psicólogo/pedagogo.

Ademais das funcións que lles corresponden como membros dos equipos, os psicólogos, pedagogos ou psicopedagogos dos equipos de orientación específicos exercerán as funcións seguintes:

1. Funcións xerais:

a) Participar no proceso da avaliación psicopedagóxica, ou nas fases deste que se consideren oportunas, no ámbito da súa competencia.

b) Como consecuencia da avaliación das necesidades socioeducativas do seu ámbito, coordina-lo deseño, desenvolvemento e avaliación de programas

de intervención e orientación educativa acordes con tales necesidades e en colaboración, cando cumpra, con outros servicios, institucións ou entidades de carácter social, laboral, de saúde, etc.

c) Asesora-los departamentos de orientación do seu ámbito no deseño, desenvolvemento e avaliación de actividades de orientación profesional e de medidas de atención á diversidade, intervindo directamente, cando cumpra, cos diferentes axentes da comunidade educativa.

d) Asesora-los membros dos departamentos de orientación do seu ámbito de actuación que desempeñan a función de apoio ó alumnado con necesidades educativas especiais.

e) Calquera outra que se lles puidera encomendar no ámbito das súas funcións.

2. Funcións específicas para os diferentes profesionais:

2.1. Profesional dedicado á atención das necesidades educativas especiais sensoriais, motóricas, de sobredotación e de transtornos xeralizados do desenvolvemento.

a) Potencia-las actuacións de colaboración cos diferentes profesionais para actuacións conxuntas de prevención e intervención que dean a resposta axeitada ás necesidades educativas deste alumnado.

b) Elaborar, se é o caso, recompilar e difundi-la información necesaria para o alumnado, profesorado e familias, para facilita-la identificación e utilización das axudas técnicas e outros recursos que lle permitan ó alumnado con necesidades educativas especiais acceder ó currículo.

c) Asesora-los diferentes axentes da comunidade educativa sobre aquelas medidas que potencien ó máximo as capacidades do alumnado e faciliten a súa integración escolar e social, incidindo no desenvolvemento comunicativo e intelectual e na consecución da autonomía e equilibrio persoal de cada alumno.

2.2. Profesional dedicado á atención das necesidades educativas especiais derivadas de transtornos de conducta.

a) Valora-las necesidades do seu ámbito de actuación e, en consecuencia, colaborar cos departamentos de orientación no deseño, desenvolvemento e avaliación de accións encamiñadas á prevención e intervención sobre factores persoais, familiares, de grupos de pares, escolares ou dos medios de comunicación que provocan situacións de risco.

b) Elaborar, recompilar e difundir ós departamentos de orientación materiais informativos sobre os factores ou indicadores de risco que poidan provocar situacións conflictivas nas diferentes comunidades educativas.

c) Coordinar actividades intercentros destinadas á prevención de problemas de conducta e intervir,

cando cumpra, co alumnado, profesorado, familias e cos diferentes axentes do contorno.

2.3. Profesional dedicado á orientación profesional.

a) Ofrecer apoio técnico especializado ós departamentos de orientación para a elaboración, seguimento e avaliación de programas de orientación académica e profesional dirixidos á inserción no mundo social e laboral do alumnado, independentemente da diversidade que presente.

b) Promove-la colaboración intercentros con diferentes empresas, entidades e organismos para o desenvolvemento de actuacións conxuntas, no ámbito da súa competencia, que lle permitan ó alumnado unha axeitada inserción laboral.

c) Asesora-los departamentos de orientación e os centros educativos para poder integra-la orientación profesional nas diferentes áreas do currículo.

d) Elaborar, recompilar e difundir recursos escolares e profesionais para que os alumnos poidan decidirse pola opción máis axeitada ás súas características e preferencias.

e) Asesorar e colaborar, no ámbito das súas competencias, co profesorado de formación e orientación laboral dos departamentos de orientación dos institutos educativos de educación secundaria.

f) No ámbito do ensino para as persoas adultas, favorece-lo desenvolvemento de conductas vocacionais que contribúan á mellora ou recualificación profesional, ou á incorporación ó mercado laboral.

Artigo 24º.-Organización e funcionamento.

1. A nivel provincial, correspóndelle a coordinación do equipo de orientación específico a un inspector de educación.

O plan anual será aprobado polo delegado provincial e o seguimento será realizado polo inspector coordinador correspondente.

2. Por motivos debidamente xustificados, a intervención dos membros dos equipos de orientación específicos nun determinado centro poderá producirse por requirimento do xefe do departamento de orientación, do director do centro, xuntando o informe do xefe do departamento de orientación, co visto e prace do inspector de zona ou por proposta deste último. Estas intervencións organizaranse en función das prioridades establecidas no plan anual dos ditos equipos.

3. Os membros dos equipos de orientación específicos desempeñarán as súas funcións a través dun horario de traballo que permita o contacto coa comunidade educativa dos centros.

4. Cada membro do equipo de orientación específico dedicará un día á semana, na sede correspondente e en horario de mañá e tarde, á atención personalizada das diferentes demandas socioeducativas do seu ámbito de intervención.

5. Tódolos membros do equipo de orientación específico deberán permanecer na sede, cando menos, unha xornada de mañá ou de tarde para facilita-la atención coordinada á comunidade educativa.

Artigo 25º.-Plan de actuación e memoria.

1. Correspóndelle a cada equipo a elaboración do plan de actuación anual e a realización do seguimento deste. O dito plan deberá someterse, antes do 15 de outubro, á aprobación do inspector coordinador correspondente e será remitido á Subdirección Xeral de Ordenación Educativa co visto e prace do delegado provincial.

2. O plan de actuación anual deberá incluí-los seguintes epígrafes:

a) Datos do equipo: compoñentes e coordinador.

b) Análise das necesidades educativas do seu ámbito de intervención:

-Características da poboación

-Necesidades educativas detectadas

-Priorización das intervencións

c) Plan de actuación:

-Obxectivos xerais

-Temporalización

-Estratexias de traballo

-Distribución de tarefas

d) Coordinación.

e) Criterios de avaliación.

3. Cando se produzan cambios relevantes respecto do plan anual, estes deberán serlle comunicados, nun prazo non superior ó mes, para a súa autorización, ó inspector correspondente.

4.Ó remate do ano académico, cada equipo de orientación específico elaborará unha memoria das súas actuacións na que se avaliarán os aspectos seguintes:

-Intervencións realizadas nos centros educativos e valoración delas.

-Materiais elaborados e difundidos

-Coordinación de actividades intercentros

-Valoración dos programas de intervención levados a cabo

-Colaboracións realizadas con outros servicios e institucións.

-Valoración global do cumprimento dos obxectivos do plan anual e propostas de mellora, se é o caso.

5. A memoria á que se fai referencia nos apartados anteriores pecharase con data de 30 de xuño e remitirase antes do 15 de xullo á inspección educativa correspondente e unha copia á Subdirección Xeral de Ordenación Educativa.

Disposicións transitorias

Primeira.-Os directores dos colexios de educación infantil e primaria e educación primaria que non conten con departamento de orientación no curso académico 1998/1999, nomearán un mestre responsable de orientación conforme o previsto na disposición transitoria cuarta do Decreto 120/1998, do 23 de abril.

Nos colexios de educación infantil e primaria e nos colexios de educación primaria que non vaian contar con departamento de orientación, de acordo co establecido na presente orde, nomearán un mestre responsable da orientación conforme o establecido no parágrafo anterior.

O horario destes funcionarios, logo da autorización da inspección educativa , flexibilizarase para atenderen a tódalas funcións que teñen encomendadas.

Segunda.-Os delegados provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria procederán a realizar anualmente as adscricións previstas na disposición transitoria terceira do Decreto 120/1998, do 23 de abril.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, para dictar cantas disposicións sexan precisas para a execución e desenvolvemento do establecido nesta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte o da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 1998.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

7332