Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Venres, 31 de xullo de 1998 Páx. 8.870

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 24 de xullo de 1998, da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, pola que se dictan normas para regula-lo desenvolvemento dos ciclos formativos de formación profesional específica no curso 1998-1999.

Polo Decreto 239/1995, do 28 de xullo (Diario Oficial de Galicia do 16 de agosto), establécese para a Comunidade Autónoma de Galicia a ordenación xeral das ensinanzas de formación profesional e as directrices sobre os seus títulos.

O Real Decreto 777/1998, do 30 de abril (BOE do 8 de maio), polo que se desenvolven determinados aspectos da ordenación profesional no ámbito do sistema educativo, vén a modificar e completa-lo marco establecido, polo que é preciso a adaptación a el no funcionamento dos ciclos formativos.

Os procedementos de acceso e admisión a ciclos formativos están regulados para a Comunidade Autó

noma de Galicia pola Orde do 6 de abril de 1995 (Diario Oficial de Galicia do 12 de maio) que regula o procedemento para admisión do alumnado no bacharelato e ciclos formativos de grao medio en centros sostidos con fondos públicos; pola Orde do 22 de maio de 1998 (Diario Oficial de Galicia do 1 de xullo), que regula a admisión de alumnado nos ciclos formativos de formación profesional específica de grao superior en centros sostidos con fondos públicos e pola Orde do 23 de maio de 1998 (Diario Oficial de Galicia do 1 de xullo), que regula as probas de acceso ós ciclos formativos de graos medio e superior. En aplicación, a Resolución do 11 de xuño de 1998 (Diario Oficial de Galicia do 1 de xullo) dicta instruccións sobre o acceso e admisión para o curso 1998-1999.

Tendo en conta que a disposición derradeira da Orde do 7 de novembro de 1997 (Diario Oficial de Galicia do 17), pola que se regula a renovación da oferta de ensinanzas nos centros sostidos con fondos públicos de ensino secundario e escolas de arte, durante o curso 1998/1999 e a disposición derradeira da Orde do 1 de setembro de 1995 (Diario Oficial de Galicia do 21), pola que se regula a avaliación e acreditación académica do alumnado que cursa a formación profesional específica na Comunidade Autónoma de Galicia, autorizan á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional a dicta-las instruccións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do previsto nelas.

Coa finalidade de regula-lo funcionamento dos ciclos formativos durante o curso 1998-1999 esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Esta resolución ten por obxecto regula-lo funcionamento dos ciclos formativos de formación profesional específica que se desenvolvan no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia durante o curso 1998-1999.

Segundo.-Matrícula.

1. A matrícula realizarase para todo o ciclo formativo segundo os prazos establecidos na Orde do 6 de abril de 1995 e na Resolución do 11 de xuño de 1998. Cando estas ensinanzas abranguen máis dun curso académico o alumnado deberá aboa-lo importe do seguro escolar en cada un deles nos mesmos prazos establecidos para a matrícula.

2. A matrícula dálle dereito ó alumnado a realizar, por unha vez, as actividades programadas para cada módulo, sen prexuízo das actividades de recuperación que lle propoña o equipo docente, en caso de non superalo na avaliación ordinaria.

3. Para efectos da limitación de realiza-las actividades programadas un máximo de dúas veces, o alumnado poderá solicita-la renuncia da avaliación, dun ou varios módulos cando concorran circunstan

cias que o xustifiquen, como incorporación laboral, servicio militar ou prestación social substitutoria, enfermidade grave e aquelas que a dirección do centro estime pertinentes á proposta do equipo docente.

4. As solicitudes deberán presentarse ante o director ou directora do centro nun prazo de dous meses antes da avaliación final do módulo ó que se pretende renunciar. No caso de centros públicos o director/a resolverá no prazo máximo de 10 días. No caso de centros privados, resolverá o director do centro público ó que estea adscrito no mesmo prazo, a partir da data da recepción da solicitude.

5. A resolución do director aceptando a renuncia, permitiralle ó alumno a realización de novo durante outro período escolar as actividades programadas para o módulo. Non obstante o expresado anteriormente, no caso de incompatibilidade horaria entre módulos de períodos diferentes, estes deberanse cursar de forma secuenciada segundo figuren no anexo I da presente resolución.

6. Non é posible compatibiliza-la matrícula en ciclos formativos coa doutro tipo de ensinanzas de carácter regrado presencial.

7. Co obxecto de contribuír á formación permanente das persoas adultas e atende-las demandas de cualificación do sistema productivo, a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional poderá autorizar matrícula parcial en módulos profesionais para colectivos específicos que cumpran os requisitos de acceso ó ciclo formativo. Para os solicitantes, membros destes colectivos, que non posúan os requisitos de acceso, poderanse realizar, en períodos extraordinarios, probas de acceso ós ciclos formativos segundo o establecido na orde de 23 de maio de 1998.

Terceiro.-Constitución de grupos.

Para cada ciclo formativo constituirase, con carácter xeral, un único grupo de alumnos/as por centro. O número de alumnos de cada grupo dependerá das características pedagóxico-didácticas e das posibilidades das instalacións e medios de cada ciclo e centro en particular e non deberá superar en ningún caso os 30 alumnos, non contabilizándose para estes efectos o alumnado repetidor. Calquera modificación destes límites requirirá autorización expresa da delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Cuarto.-Horario do ciclo formativo.

1. A formación no centro educativo e a formación no centro de traballo deberá coincidir co número total de horas que se dispoñen no decreto polo que se establece o documento base do título (DBT). A temporalización non ten que coincidir necesariamente coa duración do curso académico ordinario.

2. A distribución horaria dos módulos que constitúen o ciclo formativo corresponderá coa que se indica no anexo I desta norma, no que tamén se reflicte o número de sesións semanais de 50 minutos

equivalentes (1ª columna do citado anexo). Non obstante o centro educativo poderá establecer no seu proxecto curricular unha distribución horaria diferente que deberá ser aprobada pola delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria antes do inicio do ciclo formativo.

3. Aqueles centros que, polas súas características específicas ou polas dos ciclos que imparten, requiran unha modalidade horaria especial deberanllo solicitar á delegación provincial que, logo do informe da Inspección Educativa, resolverá o que proceda.

4. Co obxecto de contribuír á formación permanente das persoas e atende-las demandas de cualificación do sistema productivo, a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional poderá autorizar outras modalidades horarias diferentes adecuadas a singulares características de colectivos concretos ou na modalidade a distancia, se é o caso. A solicitude desta modalidade horaria deberá xustificar:

-Que a distribución horaria que se adopte cumpra as horas totais establecidas para cada módulo no anexo I.

-Que o período no que se realizará o módulo profesional de formación en centros de traballo é posterior ós asignados para cursa-lo resto de módulos profesionais que compoñen o ciclo.

-Que se atenda á poboación traballadora identificada que cumpra as condicións de acceso ó ciclo formativo.

-Que responda á planificación da oferta formativa asignada ó centro.

5. O horario de libre disposición do centro empregarase para reforzar nos módulos asociados a unidades de competencia as capacidades da formación profesional de base ou da formación profesional específica. Este horario de libre disposición utilizarase no primeiro curso.

6. Coa finalidade de verifica-lo cumprimento do horario mínimo para cada ciclo, a dirección do centro remitiralle á Inspección Educativa, xunto co horario semanal do grupo, un calendario no que irán especificados os días lectivos da formación no centro educativo.

Quinto.-Profesorado.

1. O equipo docente do ciclo está constituído polo conxunto de profesores e profesoras que imparten docencia nos diferentes módulos que o integran.

2. Cada módulo dun ciclo formativo constitúe unha unidade de oferta formativa e, polo tanto, será impartido, con carácter xeral, por un só profesor ou profesora. Nos centros públicos e naqueles módulos nos que así se indica no anexo I sempre que o número de alumnos/as sexa superior a 20 por grupo, logo da constatación por parte da Inspección Educativa dos espacios e doutras circunstancias que os xus

tifiquen, poderá esta autoriza-lo o desdobramento do grupo.

3. No caso de desdobramento de grupos de alumnos terase en conta que:

O profesorado que participe do desdobramento dun módulo ten a obriga de se responsabilizar da impartición da totalidade dos contidos e de avalia-lo alumnado que o cursa, polo tanto:

-Non se poderá dividi-lo módulo profesional por tipos de contidos.

-En ningún caso o profesorado dos grupos desdobrados rotará na aula ou no taller.

4. O profesorado que poderá impartir docencia nos diferentes módulos será o que se establece nos anexos IIa, IIb, IId, III, IVa, IVb, IVc e V do Real decreto 1635/1995, do 6 de outubro (BOE do 10), polo que se adscribe o profesorado dos corpos de profesores de ensinanza secundaria e profesores técnicos de formación profesional ás especialidades propias da formación profesional específica, e a disposición adicional oitava do Real decreto 777/1998, do 30 de abril, (BOE do 8 de maio) que o modifica e amplía.

5. O módulo de proxecto integrado será impartido polo profesor ou profesora que designe o director/a do centro unha vez oído o equipo docente do ciclo.

6. Aqueles módulos que figuran no anexo I desta resolución sen atribución docente poderán ser impartidos por calquera membro do equipo docente do ciclo que designe o director ou directora do centro, unha vez oídas as propostas feitas polo devandito equipo docente.

7. Naqueles ciclos formativos nos que, segundo o real decreto que establece as correspondentes ensinanzas mínimas, sexa necesario o concurso de profesorado especialista para a impartición dalgún módulo, contarase en primeiro lugar cos docentes pertencentes ós corpos de profesores de ensino secundario ou de profesores técnicos de formación profesional, que se encontren cualificados, ben mediante formación específica acreditada, ben mediante experiencia laboral. De non existir no centro profesorado co perfil idóneo, a dirección do centro comunicaralle, para maior brevidade, esta circunstancia á Inspección Educativa-delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, para que adopte as medidas oportunas.

8. Coa finalidade de favorece-la coordinación e a integración dos contidos dos diferentes módulos

do ciclo formativo o número de profesores/as que constitúan o equipo docente será o menor posible (con carácter xeral, entre tres e cinco persoas). Calquera outro equipo docente cun número de persoas diferente deberá ser autorizado polo delegado provincial, mediante solicitude razoada do centro e logo do informe da Inspección Educativa.

9. O equipo docente dun ciclo formativo deberá establecerse procurando a continuidade dos seus compoñentes ó longo de todo o ciclo e polo profesorado que teña destino definitivo no centro. A Inspección Educativa resolverá sobre as posibles excepcións a esta norma.

10. Para a constitución do equipo docente terá prioridade o profesorado con destino definitivo no centro que no momento de presenta-lo proxecto-solicitude do ciclo formativo segundo a Orde do 7 de novembro de 1997 e que, posuíndo a titulación requirida, manifestou o seu compromiso en impartir a docencia no ciclo.

11. O número de períodos lectivos de docencia directa de cada profesor/a no ciclo formativo é o que se establece na Orde do 1 de setembro de 1987 (Diario Oficial de Galicia do 11 de setembro) ou normativa que a substitúa.

12. A xefatura de estudios establecerá no horario do profesorado do ciclo formativo unha hora semanal para reunións de todo o equipo docente do ciclo formativo para efectos de programación, coordinación, seguimento e avaliación. Estas reunións son de obrigatoria asistencia.

13. O profesorado titor disporá dunha reducción horaria para o desempeño das súas funcións. Esta reducción será de 3 horas á semana ademais das horas complementarias. No seu horario figurará 1 hora para atención ós alumnos fóra do horario lectivo destes.

14. Mentres o alumnado do ciclo formativo estea realizando o módulo profesional de formación en centros de traballo os membros do equipo docente realizarán, entre outras, as seguintes actividades:

-Impartición de actividades de recuperación ó alumnado que teña pendente de superar algún módulo profesional. Para tal fin a xefatura de estudios, co apoio do titor do ciclo formativo, elaborará o novo horario do profesorado que resulte con horas vacantes.

-Realización de actividades de avaliación e cualificación extraordinaria do alumnado con módulos profesionais pendentes.

-Labores de apoio ó profesorado nos módulos que quedaron pendentes de recuperación, na formación

en centros de traballo (FCT) así como a alumnado con necesidades educativas especiais.

-Participación nas actividades de actualización e formación que se convoquen pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Sexto.-Titoría.

Cada grupo de alumnos dun ciclo formativo terá un profesor ou profesora titor que pertencerá ó equipo docente do ciclo. O titor desempeñará as súas funcións durante todo o proceso formativo, salvo causas debidamente xustificadas. Será nomeado/a polo director/a do centro unha vez oído o equipo docente do ciclo e asumirá as seguintes funcións:

-Organizar e coordina-las reunións do equipo docente e a coordinación intermódulos, cubrindo as correspondentes actas.

-Colaborar coa xefatura de estudios, na elaboración do horario lectivo, atendendo ás necesidades de temporalización e organización docente de cada un dos módulos do ciclo.

-Coordinar, orientar e asesora-la avaliación, os procesos de ensino-aprendizaxe, así como a orientación profesional do alumnado en relación coa súa evolución escolar, métodos de traballo, técnicas de estudio e de busca de emprego, saídas académicas e profesionais, posibles validacións, sempre co apoio do profesorado do módulo de formación e orientación laboral e, se é o caso, do departamento de orientación do centro.

-Propor e presidi-las correspondentes sesións de avaliación do seu grupo.

-Informar do proceso educativo de aprendizaxe do alumnado, tanto a eles mesmos como ós seus pais ou titores legais, a través do procedemento que o centro determine.

-Informar e asesora-lo alumnado sobre as actividades que se van realizar na FCT así como sobre a maneira de abri-la documentación relativa a ela.

-Proporlle ó director ou directora do centro educativo e ó coordinador da FCT, se é o caso, as empresas coas que procede contactar para o desenvolvemento da formación en centros de traballo (FCT).

-Realiza-lo seguimento educativo do módulo de formación en centros de traballo, coa colaboración do resto do equipo docente do ciclo.

-Realiza-la avaliación do módulo de formación en centros de traballo, coa colaboración da persoa responsable designada para tal efecto pola empresa. A colaboración do titor ou titora de empresa consistirá nun informe que valore a actividade realizada

e o grao de consecución das capacidades atribuídas ó dito módulo. Se a formación en centros de traballo se desenvolve en varios centros ou empresas solicitarase un informe de cada unha delas.

-Informa-lo alumnado sobre as posibles exencións e validacións.

-Tramitar e emitir informe sobre as peticións de validación ou exención formuladas polo alumnado do ciclo.

-Concretar e tramita-la documentación relativa á formación en centros de traballo.

-Coordina-lo desenvolvemento da programación das actividades complementarias previstas para o alumnado.

-Actuar como interlocutor/a entre o equipo docente, a dirección do centro e os distintos servicios da Administración, se é o caso, colaborando con esta no desenvolvemento e seguimento da acción educativa.

-Informar sobre as necesidades de material preciso para a impartición das ensinanzas.

-Redactar a memoria de final de curso.

Sétimo.-Proxecto curricular do ciclo formativo.

1. O equipo docente, coordinado polo/a titor/a do ciclo formativo baixo a supervisión da comisión de coordinación pedagóxica do centro, elaborará o proxecto curricular do ciclo formativo de acordo co currículo oficial.

2. O proxecto curricular incluirá os obxectivos xerais que se pretenden acadar no ciclo formativo para dar resposta ás finalidades a que fai referencia o artigo 2 do Decreto 239/1995, do 28 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas de formación profesional, e demais aspectos que se indican no artigo 94 do Decreto 324/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico dos institutos de secundaria, contextualizados no ámbito socioproductivo no que está inmerso o centro. Incluirá para cada módulo profesional as capacidades, os contidos que se deben desenvolver, a metodoloxía que se vai empregar, os criterios de avaliación que van seguir, as medidas de atención á diversidade e, se é o caso, as adaptacións curriculares para o alumnado que o precise. Tamén deberá especifica-lo calendario do proceso de avaliación do ciclo formativo.

3. Co fin de garanti-la función formativa que ten a avaliación e o dereito do alumnado de que o seu rendemento escolar sexa avaliado con plena obxectividade conforme o establecido na normativa vixen

te, para cada módulo profesional deberán concretarse:

-Os criterios de avaliación que permitirán evidencia-la adquisición das capacidades correspondentes así como o nivel mínimo que se considera suficiente para acada-la avaliación positiva.

-Os criterios e procedementos para establece-las actividades de recuperación daqueles módulos profesionais pendentes de superación polo alumnado, para efectos de avaliación extraordinaria.

-O procedemento de avaliación e cualificación extraordinaria do alumnado con módulos profesionais pendentes.

4. No caso do módulo de formación en centros de traballo o proxecto curricular do ciclo formativo incluirá tamén o perfil básico das empresas nas que se deba realiza-la formación, engadindo a relación das existentes na contorna do centro nas que sería posible realizala.

5. As programacións elaboradas a partir do proxecto curricular do ciclo formativo, asinadas por tódolos membros do equipo docente, serán remitidas á Inspección Educativa antes do 15 de outubro. Se algún membro do equipo docente estivese desconforme con elas, manifestarao en escrito razoado, sen que isto exima inicialmente do seu cumprimento.

6. A Inspección Educativa asesorará os equipos docentes no proceso de elaboración do proxecto curricular do ciclo formativo e efectuará o oportuno seguimento do seu cumprimento.

Oitavo.-Módulo de proxecto integrado.

1. O módulo de proxecto integrado contribuirá de forma específica ó logro das seguintes finalidades:

-Comprender globalmente aspectos sobresaíntes da competencia profesional característica do título que foron abordados noutros módulos profesionais do ciclo formativo.

-Integrar ordenadamente distintos coñecementos sobre organización, características, condicións, tipoloxías, técnicas e procesos que se desenvolven nas diferentes actividades productivas do sector a que corresponde o título.

-Adquirir, se é o caso, coñecementos, habilidades, destrezas e actitudes que favorezan o desenvolvemento daquelas capacidades relacionadas coa profesión para a que se forma que, sendo demandadas polo contorno productivo en que radica o centro, non poidan ser recollidas no resto de módulos profesionais.

2. Tomando como referencia un proceso productivo, real ou simulado, o proxecto integrado debe:

-Analiza-la interrelación e contribución das distintas etapas da organización, programación e control dun proceso.

-Determina-las especificacións do proceso productivo dun artigo, (materia prima, medio productivo, método operativo, etc.) e os métodos que aseguren a calidade, a partir das especificacións dun deseño, dun pedido, de obxectivos de calidade, dos recursos dispoñibles e de catálogos comerciais de materiais.

-Determina-la viabilidade das especificacións do proceso de producción e, se é preciso, as medidas correctoras a partir da elaboración e avaliación do prototipo.

-Determina-la cantidade de recursos, o nivel de stock óptimo, os sistemas de traballo e de control da producción máis adecuada e a organización das liñas de producción, aprovisionamento, mantemento preventivo dos recursos e as fases productivas necesarias para a producción en función dos recursos dispoñibles, volume e variedade do pedido, así como os prazos establecidos.

-Determina-las medidas correctoras que se deben tomar e a súa viabilidade no hipotético proceso de producción para garanti-las condicións de producción establecidas, considerando as posibles anomalías, incidencias ou desviacións simuladas.

Este módulo forma parte do currículo dos ciclos formativos de grao superior que se indica no anexo I desta resolución.

Noveno.-Formación en centros de traballo (FCT).

1. A formación en centros de traballo, na que se perseguirán as finalidades que se indican no artigo 7 punto 3º do Decreto 239/1995, ten carácter obrigatorio en tódolos ciclos formativos e estructurarase a través do programa da formación en centros de traballo. Desenvolverase procurando aplica-las competencias profesionais adquiridas no centro educativo, complementándoas con aquelas previamente identificadas entre as actividades productivas do centro de traballo. Posibilitará, así mesmo, avalia-los aspectos máis relevantes da competencia profesional do alumnado, razón pola que con carácter xeral, constituirá a última fase de formación do alumnado, conforme se establece nos artigos 7 e seguintes da Orde do 1 de setembro de 1995.

2. A duración da formación en centros de traballo será a que se establece no anexo I para cada ciclo formativo.

O centro educativo proporalle á Inspección Educativa para a súa aprobación, se procede, cunha antelación mínima de dous meses á data prevista para o inicio, os convenios de colaboración, a relación de alumnado por cada unha das empresas e os programas formativos que hai que desenvolver nelas.

3. O período de formación en centros de traballo constitúe unha parte obrigatoria dos currículos dos ciclos. Consecuentemente, a súa realización non dá dereito á percepción por parte do alumnado de ningunha compensación económica distinta das bolsas e axudas ó estudio de carácter xeral.

Décimo.-Validacións e exencións.

1. Segundo establece o Real decreto 777/1998, de 30 de abril, serán validables aqueles módulos profesionales comúns a varios ciclos formativos que teñan idéntica denominación e duración, así como as mesmas capacidades terminais e criterios de avaliación cós descritos nos reais decretos polos que se establecen cada un dos títulos de formación profesional específica.

Non obstante o anterior, os que superaran o módulo profesional de formación e orientación laboral dun ciclo formativo de grao superior terán validado o módulo profesional de formación e orientación laboral de grao medio para o que solicita validación.

2. O módulo profesional de formación en centros de traballo é susceptible de exención pola súa correspondencia coa práctica laboral. Para iso debe acreditarse unha experiencia laboral, de doce meses, relacionada cos estudios profesionais que permitan demostra-las capacidades terminais correspondentes ós módulos profesionais de formación en centros de traballo dos reais decretos polos que se establecen os títulos de formación profesional específica.

A acreditación da experiencia laboral realizarase mediante a documentación seguinte de forma acumulativa:

a) Certificación da Tesourería Xeral da Seguridade Social e/ou mutualidade laboral a que estivese afiliado, onde conste a empresa, a categoría laboral (grupo de cotización) e o período de contratación, ou, se é o caso, período de cotización en réxime-especial de traballadores autónomos ou de calquera outro medio de proba admitido en dereito.

b) Certificación da empresa na que se indique especificamente a duración do contrato, as actividades desenvolvidas e o período de tempo no que se realizaron as ditas actividades. No caso de traballadores por conta propia, certificación de alta no imposto de actividades económicas e xustificante de pagamento do dito imposto.

3. Procedemento dos sistemas de validacións e correspondencias.

As solicitudes de validación de estudios cursados con módulos profesionais, e de correspondencia coa práctica laboral co módulo de formación en centros de traballo requirirán a matriculación previa do alumno nun centro docente autorizado para impartir estas ensinanzas.

A solicitude, segundo o modelo do anexo II, irá acompañada dun certificado académico oficial, ou, se é o caso, fotocopia do título, libro de cualificacións, certificado de profesionalidade ou acreditación da Administración laboral, debidamente compulsados. Será dirixida á dirección do centro docente onde estea matriculado o alumno. No caso de centros privados, a dirección destes daralle traslado das solicitudes ó centro público ó que estea adscrito.

No caso de exención do módulo de formación en centros de traballo por correspondencia coa práctica laboral, o titor/a do ciclo realizará un informe de cada unha das solicitudes presentadas, sobre a idoneidade das actividades desenvolvidas, contrastando a documentación achegada pola persoa solicitante coas capacidades terminais que se deben acadar en cada caso. Para elabora-lo informe recadará a información precisa dos profesores ou profesoras que forman parte do equipo docente.

Sobre as solicitudes de validación de módulos entre ciclos formativos resolverá a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, a quen llas remitirá o centro público a través da inspección educativa acompañada do preceptivo informe.

Sobre a exención do módulo de formación en centros de traballo resolverá a dirección do centro, no caso de centros públicos, e no caso de centros privados a dirección do centro público ó que estea adscrito.

As validacións non recollidas nos parágrafos anteriores serán obxecto necesariamente de solicitude ante o Ministerio de Educación e Cultura, para a súa resolución individualizada.

4. Como consecuencia do sistema de validación e correspondencia, quedarán rexistrados no expediente académico do alumno, na acta de avaliación e no libro de cualificacións, respectivamente como:

a) Validado, naqueles módulos profesionais que fosen validados, sen que, en ningún caso, se compute o dito módulo profesional para efectos da avaliación final do ciclo formativo.

b) Exento, no caso do módulo de formación no centro de traballo e naqueles módulos profesionais que fosen obxecto de correspondencia coa práctica laboral, sen que, en ningún caso, se compute o dito módulo profesional para efectos da avaliación final do ciclo formativo.

Décimo primeiro.-Avaliacións.

1. O proceso de avaliación, tal e como recolle no artigo 16.3º do Decreto 239/1995, do 28 de xullo (Diario Oficial de Galicia 16 de agosto) é un proceso continuo que implica a asistencia regular do alumnado á clase e ás actividades programadas para os distintos módulos. Implicará os tipos de actuación que se establecen nos artigos 5 da Orde do 1 de setembro de 1995 (Diario Oficial de Galicia do 21).

2. Tódolos membros do equipo docente do ciclo formativo teñen que asistir obrigatoriamente á totalidade de sesións de avaliación, imparta ou non clase no período que se avalía.

3. O proceso avaliativo, tal e como se recolle no artigo 6 da devandita orde, comprenderá as seguintes sesións de avaliación:

-Sesións de avaliación ordinaria:

a) O equipo docente realizará unha sesión de avaliación e cualificación parcial dos módulos que integran a formación no centro educativo, cunha frecuencia mínima trimestral. O seu resultado reflectirase nunha acta como a do anexo III desta resolución.

b) A sesión de avaliación final ordinaria de cada un dos módulos da formación no centro educativo (FCE), realizarase ó remate do período lectivo asignado a cada un deles.

Esta sesión de avaliación poderá coincidir coa avaliación parcial indicada na letra a). O seu resultado reflectirase nunha acta segundo modelo do anexo IV desta resolución.

A superación de un módulo profesional dará lugar á correspondente acreditación. Esta acreditación consistirá nunha certificación expedida pola secretaria do centro na que conste, á vista das actas, a denominación e as cualificacións obtidas nos módulos superados. A certificación será realizada nas dúas linguas oficiais da Comunidade Autónoma segundo modelo que se indica no anexo VI desta resolución.

c) Na sesión de avaliación final previa á realización da formación no centro de traballo (FCT) tomaranse decisións sobre o acceso do alumnado á FCT, e fixaranse as actividades de recuperación para o alumnado que non poida acceder á citada FCT. O resultado dela reflectirase nunha acta segundo modelo do anexo IV desta resolución. Esta avaliación poderá coincidir coa da letra b).

d) A sesión de avaliación final do ciclo formativo realizarase ó remata-lo período da FCT, no prazo máximo dun mes. A superación da totalidade de módulos que o integran dará lugar ó título correspondente. O seu resultado reflectirase nunha acta segundo modelo do anexo V desta resolución.

-Sesións de avaliación extraordinaria:

Tal e como se recolle no artigo 7.4º da Orde do 1 de setembro de 1995, o alumnado que non supere a totalidade de módulos de formación en centro educativo (FCE) deberá realizar unha avaliación extraordinaria, podendo darse as seguintes situacións:

a) Que o alumnado teña un único módulo avaliado negativamente: segundo o artigo 7.3º da Orde do 1 de setembro de 1995, o equipo docente poderalle autoriza-lo acceso ó módulo de FCT, sempre que se considere que o/a alumno/a ten fundadas posibilidades de superalo mediante as actividades de recuperación que se establezan. Neste caso deberáselle realizar unha sesión de avaliación final extraordinaria, do módulo pendente, antes de remata-la FCT. O seu resultado reflectirase nunha acta segundo modelo do anexo IV desta resolución. A non superación do módulo pendente implicará a non continuidade do alumno no módulo de FCT.

b) Que o alumnado teña dous ou máis módulos pendentes: non poderá acceder á FCT. Durante ese período realizará as actividades de recuperación conforme o establecido no artigo 7.4º da Orde do 1 de setembro de 1995. Posteriormente realizarase unha sesión de avaliación final extraordinaria dos módulos suspensos. O resultado desta sesión reflectirase nunha acta segundo modelo do anexo IV desta resolución. Neste caso esta sesión de avaliación extraordinaria coincidirá coa avaliación final do ciclo formativo. Para o alumnado que supere os módulos pendentes, a dirección do centro adoptará as medidas oportunas para que poida realiza-la FCT e establececerá a data na que se celebre a sesión de avaliación final do ciclo formativo. O seu resultado reflectirase na acta correspondente, segundo modelo do anexo V desta resolución. Como máximo realizarase unha sesión de avaliación final extraordinaria do ciclo formativo cada trimestre lectivo.

c) Para o alumnado que non supere módulos de ciclos formativos de ata 1.400 horas, procederase de igual forma, pero a sesión de avaliación final, extraordinaria deles realizarase antes do día 29 de outubro.

d) O alumnado que non superou os módulos poderá matricularse e cursalos novamente conforme o que se establece no artigo 22.1º do Decreto 239/1995. No caso de ciclos formativos de ata 1.400 horas poderá matricularse por 2ª vez antes do día 31 de outubro.

4. Os modelos de acta que se utilicen, recollidos nos anexos III, IV e V desta resolución, que se corresponden cos que proporciona o programa informático para a xestión dos ciclos formativos, desenvolven o modelo de acta recollido no anexo II da Orde do 1 de setembro de 1995 (Diario Oficial de Galicia

do 21). Os centros deberán realiza-las solicitudes de proposta de título nos prazos determinados pola normativa vixente.

5. Segundo o artigo 19.4º do Decreto 239/95 xa mencionado, nas sesións de avaliación finais do ciclo formativo, o equipo docente elaborará un consello de orientación dirixido a cada un dos alumnos, co fin de asesoralo sobre a súa incorporación ó mundo do traballo.

Décimo segundo.-Memoria final do ciclo formativo.

A memoria describe a evolución da totalidade do proceso formativo do ciclo. Nela deberán figura-los seguintes puntos:

-Distribución dos diferentes módulos que integran o ciclo formativo entre o profesorado que o imparte.

-Número de alumnos matriculados indicando cantos son homes e cantos son mulleres, cantidade de alumnos/as que accederon á FCT indicando tamén cantos o fixeron cun módulo pendente e número de alumnos que obtivo o título.

-Breve resumo das actividades de recuperación dos distintos módulos, valorando o resultado obtido con elas.

-Actividades extraescolares e complementarias desenvolvidas.

-Medidas concretas de atención á diversidade e ó alumnado con diversificación curricular.

-Programa de FCT indicando as empresas e as seccións delas onde se desenvolveron e o número de alumnos/as que recibiu cada unha delas.

-Valoración do desenvolvemento do programa formativo nas diferentes empresas.

-Cantos outros aspectos se consideren de interese.

Esta memoria enviarase no prazo máximo dun mes dende o remate da FCT á Inspección Educativa.

Disposicións derradeiras

1. Os directores e directoras dos centros educativos arbitrarán as medidas necesarias para que esta resolución sexa coñecida por tódolos membros da comunidade educativa.

2. Os delegados provinciais, a través do servicio da Inspección Educativa, garantirán o cumprimento do disposto na presente resolución e asesorarán os centros sobre o seu contido.

3. Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 1998.

José Luis Mira Lema

Director xeral de Ordenación Educativa

e Formación Profesional

7150