Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Martes, 21 de decembro de 1999 Páx. 14.917

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 30 de novembro de 1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas.

O vixente Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles, aprobado por Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, regula nos seus artigos 8 e 9 o réxime de outorgamento das autorizacións previas para a instalación, ampliación e modificación das redes de distribución e as acometidas de gas.

Respecto das redes de distribución e ampliacións destas, o artigo 9, alínea b), do citado regulamento, prescribe como competencias das delegacións provinciais as ampliacións das redes de distribución urbana, podendo ser obxecto dunha autorización conxunta para tódalas proxectadas no ano. Ó remate deste e, se é o caso, concretaranse as instalacións afectadas pola dita instalación.

En canto ás acometidas, o mesmo artigo 9, alínea b), establece que as de usos non industriais non precisarán autorización, mentres que as de usos industriais, soamente en casos especiais, cando pola súa importancia, a entón delegación provincial do Ministerio de Industria correspondente o estime oportuno.

Por outra parte, o artigo 30 alínea h), do xa repetido regulamento, prescribe que non poderá ser posta en servicio ningunha instalación sen a previa extensión da acta de recoñecemento ou posta en marcha, por persoal facultativo da delegación provincial, excluíndose de tal requisito as instalacións receptoras de uso doméstico e as instalacións industriais e comerciais de consumo reducido. Ademais, establécese que a Dirección Xeral de Industria (segundo establece o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, de estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio) fixará o límite de consumo de gas combustible nestas instalacións industriais e comerciais, a partir do cal se requirirá a acta de recoñecemento ou posta en marcha.

Con posterioridade ó citado regulamento, publicáronse importantes disposicións normativas, sexa sobre a propia materia, como é a Lei 10/1987, do 15 de xuño, sobre normas básicas para un desenvolvemento coordinado de actuacións no sector de combustibles, recentemente derrogada pola Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, como sobre aspectos de responsabilidade e seguridade industrial, como o Real decreto 2135/1980, do 26 de novembro, sobre liberalización industrial, a Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria, o Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, sobre calidade e seguridade industrial, etc., que delimitan as responsabilidades de proxección, execución, inspección e control previos á posta en servicio, nos axentes intervenientes, proxectistas, directores de obra, empresas instaladoras, organismos de control, sen menoscabo da superior vixilancia e supervisión da Administración.

As distintas situacións, en canto á dispoñibilidade de gas en épocas distintas, conduciron na práctica a un dispar tratamento destas instalacións nalgunhas provincias da comunidade, polo que ante o gran desenvolvemento do sector do gas previsto para os próximos anos en numerosas localidades, é necesario establecer para tódalas provincias da Comunidade Autónoma de Galicia un procedemento común e áxil para a tramitación dos expedientes das ampliacións das redes de distribución urbana e de acometidas de gas canalizado.

En consecuencia co anteriormente disposto, a Consellería de Industria e Comercio

DISPÓN:

Artigo 1º.-Competencias da Dirección Xeral de Industria.

Correspóndelle á Dirección Xeral de Industria a autorización administrativa das seguintes instalacións:

1. As novas redes de distribución, é dicir, o primeiro proxecto que se presente nunha localidade, tralo outorgamento da autorización administrativa que establece a Lei do sector de hidrocarburos, ou aquelas ampliacións de importancia (considerando como tales as que superen nun 25% as instalacións existentes, sexa pola súa extensión territorial, orzamento ou número de usuarios).

2. As ampliacións das redes de distribución e/ou acometidas, sempre que non se dispoña de tódalas autorizacións dos propietarios dos terreos afectados, calquera que sexa a presión ou o diámetro das canalizacións.

3. As canalizacións de presión máxima de servicio maior de 16 bar.

Artigo 2º.-Competencias das delegacións provinciais.

Correspóndelles ás delegacións provinciais, en tanto non se alteren os termos das autorizacións administrativas dictadas por órgano superior, a autorización administrativa do resto de instalacións, coas seguintes puntualizacións:

a) Instalacións que requiren autorización individual:

As canalizacións de presión máxima de servicio entre 4 e 16 bar con diámetro maior de 114,3 mm (4'').

b) Instalacións de autorización conxunta anual:

1. Ampliacións de redes de distribución urbana con presión máxima de servicio igual ou inferior a 4 bar e nas que se dispoña de tódalas autorizacións dos propietarios dos terreos afectados, se é o caso.

2. Ampliacións de redes de distribución urbana e as acometidas industriais, cunha presión máxima de servicio entre 4 e 16 bar con diámetro menor ou igual a 114,3 mm (4'') e nas que se dispoña de tódalas autorizacións dos propietarios dos terreos afectados, se é o caso.

Artigo 3º.-Instalacións que non requiren autorización administrativa.

Non requirirán autorización administrativa as seguintes instalacións:

1. As acometidas, calquera que sexa o seu uso, de presión máxima de servicio igual ou inferior a 4 bar, lonxitude igual ou inferior a 500 m e diámetro igual ou inferior a 114,3 mm (4''), sempre que discorran por vías, camiños ou terreos de dominio público, ou por terreos de particulares con autorización escrita dos propietarios.

2. Cambios de sección en canalizacións de media e baixa presión (ata 16 bar).

3. Substitución, por avaría ou renovación, dos elementos dunha canalización por outros de similares características.

Artigo 4º.-Procedemento de autorización conxunta anual.

Para as instalacións recollidas na alínea b) do artigo 2º (instalacións de autorización conxunta anual), o procedemento de autorización será o seguinte:

1. A empresa titular da autorización administrativa, ou a súa representada, presentará durante o cuarto trimestre de cada ano, un ou varios proxectos, subscritos por técnico competente, e visados polo correspondente colexio oficial, que comprenda as actuacións que ten previsto executar no exercicio seguinte.

2. A Delegación Provincial de Industria procederá, no prazo dun mes, a dictar unha autorización administrativa conxunta de tódolos proxectos presentados, dándolles de prazo ata o 31 de decembro do ano seguinte para a súa execución.

3. A empresa subministradora, no primeiro trimestre de cada ano, comunicará as instalacións realmente executadas no exercicio anterior e das que tiña autorización administrativa conxunta, incluíndo as posibles modificacións de execución respecto ás actuacións previstas, achegando a documentación esixible pola regulamentación vixente (certificados de dirección de obra, certificados de empresa instaladora, probas e ensaios de O.C.A.S., etc.)

4. A delegación provincial procederá, no prazo dun mes, a regulariza-la situación das instalacións que se executaron no exercicio anterior. Neste sentido, estenderá a acta de posta en marcha correspondente, tras comproba-la documentación presentada e visitadas as instalacións.

Artigo 5º.-Posta en marcha provisional.

Unha vez realizadas total ou parcialmente as instalacións aprobadas e realizadas as probas regulamentarias, baixo a supervisión do director de obra, poderán funcionar con carácter provisional, estando suxeitas a tódolos requisitos legais, en canto a responsabilidades e seguridade industrial. En concreto deben terse presentados na delegación provincial,

na súa data correspondente, e debídamente dilixenciados por esta, os seguintes documentos:

-Dirección de obra por técnico titulado competente.

-Certificado da empresa subministradora e da empresa instaladora, das probas de resistencia mecánica e de estanquidade (no caso de tratarse de acometidas).

-Certificados de probas de O.C.A. (ou organismo de control) cando proceda.

-Documentación xeral sobre os materiais utilizados e a execución destes.

No que respecta a instalacións que non requiren autorización administrativa individual, será suficiente para a posta en marcha provisional a presentación na delegación provincial e a súa dilixenciación dun certificado da empresa subministradora e da empresa instaladora da superación das probas en obra previstas no Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos.

Artigo 6º.-Execución e supervisión das probas regulamentarias.

A empresa subministradora estará obrigada a comunicarlle á delegación provincial correspondente as datas nas que se ten previsto realiza-las probas regulamentarias das canalizacións, por se o persoal facultativo considerase oportuno presencialas.

Artigo 7º.-Sancións.

O incumprimento do establecido nesta orde sancionarase de conformidade co disposto na lexislación vixente.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Industria para dicta-las disposicións que sexan necesarias para a execución e desenvolvemento da presente orde.

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 1999.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio