Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Martes, 04 de decembro de 2001 Páx. 15.408

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 299/2001, do 15 de novembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Santiago de Compostela, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de execución das conexións exteriores do equipamento administrativo en San Lázaro (concello de Santiago de Compostela).

O Concello de Santiago de Compostela, en sesión do día 26 de outubro de 2000, aprobou o proxecto de execución das conexións exteriores do equipamento administrativo en San Lázaro e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa, ó amparo do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais do día 5 de novembro de 2001.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu á información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable, que tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 5 de setembro de 2001.

Con data do 24 de setembro de 2001, presentáronse ó expediente alegacións asinadas polos seguintes afectados: Manuel Pérez Rozas, Amancio Touriño Fuentes, Leonor Míguez Antelo, Jose Beiroa Míguez, Concepción Castiñerias Moure, Segundo Mato Varela, José Mª Caneda Antelo, María Vieiro Segade, María Luz Míguez Zas, Antonio Míguez Vázquez, José Lado Antelo, Julio César López, Blanca Otero Carollo, Cesáreo Tello Santamartina, Manuel Ferreiro Otero e Ricardo Calvo Cobas.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque segundo sinala o concello, baséase na necesidade de consegui-lo adecuado funcionamento dos equipamentos da Administración autonómica en San Lázaro xa que, sen ter uns accesos e conexións exteriores adecuadas, resultaría moi conflictivo poñelas en funcionamento, tendo en conta, ademais, o avanzado estado de execución das obras previstas que requiren, de maneira inmediata, a súa correcta integración urbanística na zona e a execución simultánea das obras de urbanización necesarias, tanto interiores como exteriores.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día quince de novembro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Santiago de Compostela, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente amdinistrativo instruído para o efecto e necesario para a execución das obras do proxecto de execución das conexións exteriores do equipamento administrativo en San Lázaro.

Santiago de Compostela, quince de novembro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais