Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Martes, 04 de decembro de 2001 Páx. 15.409

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 300/2001, do 15 de novembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Catoira, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de acondicionamento do bordo fluvial de Catoira (concello de Catoira).

O Concello de Catoira, en sesión do día 1 de marzo de 1996, aprobou o proxecto de acondicionamento do bordo fluvial de Catoira e na sesión do 30 de outubro de 2000, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do concello foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 22 de febreiro de 2001.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable que tivo entrada no rexistro da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 17 de xaneiro de 2001.

A Dirección Xeral de Montes y Medio Ambiente Natural de la Consellería de Medio Ambiente, emitiu informe favorable que tivo entrada no rexistro da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 14 de marzo de 2001.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, emitiu informe que tivo entrada no rexistro da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 1 de outubro de 2001, no sentido de que antes do inicio dos traballos, o seu promotor presentará un proxecto de control de movemento de terras, asinado polo técnico competente, de acordo co esixido no Decreto 199/1997, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia, para a súa autorización pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, así como que antes, e durante o transcurso dos traballos, deberán balizarse e sinalizarse adecuadamente o cruceiro, a telleira e o dique existentes, co fin de evitar danos ocasionados pola execución das obras. Tamén e tal e como se contempla no artigo 63.2º da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, os traballos financiaranse con cargo ó promotor das obras.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque segundo sinala o concello a urxencia das obras vén dada pola necesidade de evita-la degradación dunha serie de valores naturais, paisaxísticos e mesmo culturais que corren serio perigo de perderse se non se acometen actuacións integrais de recuperación, iniciados no extremo do esteiro do río Ulla no concello de Catoira, que permitan posteriores actuacións de tódolos concellos da marxe dereita do río (Catoira, Valga, Pontecesures) para aborda-lo seu adecentamento e recuperación integral, factores que teñen unha gran repercusión económica e ambiental nestes concellos.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día quince de novembro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Catoira para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de acondicionamento do bordo fluvial de Catoira.

Santiago de Compostela, quince de novembro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais