Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Martes, 04 de decembro de 2001 Páx. 15.410

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 301/2001, do 22 de novembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Mos, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de contorno do pavillón e piscinas municipais e plan especial de infraestructuras para a urbanización e acondicionamento do contorno da área educativa e recreativa de Petelos-Mos (concello de Mos-Pontevedra).

O concello, en sesión celebrada o día 23 de decembro de 1999, aprobou o proxecto de contorno do pavillón e piscinas municipais e plan especial de infraestructuras para a urbanización e acondicionamento do contorno da área educativa e recreativa de Petelos-Mos e na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do concello foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 7 de novembro de 2001.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. Este informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 4 de maio de 2001.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque segundo sinala o concello trátase de completa-lo proxecto no contorno do pavillón e piscinas municipais dada a necesidade de poñe-las súas instalacións, xa construídas, en funcionamento, cunha conexión directa coas distintas poboacións do concello e o complexo escolar da zona, para mellora-las condiccións de seguridade vial dos seus accesos, permiti-la posta en funcionamento das instalacións e o valado e sinalización do noiro, para evita-lo risco de accidentes; por todo isto faise necesario dispoñer dos terreos para construí-la única vía de acceso axeitada para comunica-la zona e que atravesa unha parcela cualificada como monte veciñal en man común e que é a que impide a conexión destas zonas.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintedous de novembro do dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Mos para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de contorno do pavillón e piscinas municipais e plan especial de infraestructuras para a urbanización e acondicionamento do contorno da área educativa e recreativa de Petelos-Mos.

Santiago de Compostela, vintedous de novembro do dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais