Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Venres, 18 de xullo de 2003 Páx. 9.609

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 303/2003, do 19 de xuño, polo que se regula a prestación de servicios regulares permanentes de transporte público de viaxeiros por estrada de uso xeral, de varios titulares mediante a utilización dun mesmo vehículo.

O artigo 77.3º da Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres (BOE do 31 de xullo), establece a posibilidade da utilización dun mesmo vehículo para servir conxuntamente ós tráficos de dous ou máis concesións de distintos titulares sempre e cando estas presenten puntos de contacto entre si, o servicio se preste sen solución de continuidade, e non proceda a unificación das concesións.

O interese público esixe facilitárlle-lo transporte colectivo ós usuarios. Para estes efectos, constátase que a dispersión da poboación e a multiplicidade de concesións que caracterizan a nosa comunidade reducen considerablemente as posibilidades de realizar tráficos directos entre poboacións.

Deste xeito, a opción do transporte público, á hora de se desprazar entre dúas localidades da nosa comunidade, deixa de ser atractiva e mesmo resulta inviable nunha alta porcentaxe de casos a causa da descoordinación horaria entre servicios.

É por isto que cómpre propiciar desde a Administración as modificacións concesionais que permitan superar estes inconvenientes de xeito que cando a iniciativa privada e a concertación entre concesionarios non acade este obxectivo, a propia Administración supla esta iniciativa privada para mellora-la oferta de transporte público.

Neste sentido, a lexislación vixente xa prevé a posibilidade de impo-la unificación de servicios concesionais.

Sen embargo, existen situacións nas que o interese público pode defenderse con medidas que afecten en menor medida a esfera dos intereses dos concesionarios, e que poden ser adoptadas de oficio pola Administración tal e como recolle o artigo 75.3º da Lei 16/1987, en canto posibilita as modificacións nas condicións de prestación do servicio non previstas no título concesional e as ampliacións, reduccións ou substitucións de itinerarios que resulten necesarios ou convenientes para unha mellor prestación do servicio.

Nesta orde de cousas resulta doado desenvolve-la previsión contida no artigo 77 da LOTT regulando o solapamento das concesións dentro da nosa comunidade co fin de mellora-lo servicio público co mínimo de incidencia sobre as concesións de servicios regulares.

En consecuencia, e en uso das competencias atribuídas polo artigo 27.8º da Lei orgánica 1/1981, pola que se aproba o Estatuto de autonomía de Galicia, por proposta do conselleiro de Política Territorial,

Obras Públicas e Vivenda, oído o Consello Galego de Transportes na súa reunión do día dez de marzo de mil novecentos noventa e oito, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia do 26 de maio de 2003, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do dezanove de xuño de dous mil tres,

DISPOÑO

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Este decreto ten por obxecto a regulación do réxime de autorizacións administrativas a concesionarios para que un mesmo vehículo poida realizar servicios coordinados de transporte, con emprego dalgunha das dúas fórmulas seguintes:

a) A autorización a concesionarios de transportes para que vehículos adscritos a unha calquera das concesións poidan realiza-la totalidade dos itinerarios concesionais, nas condicións que a Administración de transportes estableza.

b) A autorización a un concesionario para que prolongue os seus itinerarios concesionais ó itinerario doutra concesión.

Enténdese por solapamento para os efectos deste decreto a utilización dun mesmo vehículo na explotación conxunta dos tráficos de dúas ou máis concesións, que teñan puntos de contacto e cun itinerario que se desenvolva integramente dentro do territorio galego ou aínda que discorra parcialmente fóra de Galicia non efectúen ningunha parada no dito tramo.

2. As disposicións que neste decreto se recollen serán de aplicación a aqueles servicios coordinados de transporte que, afectando a itinerarios de dúas ou máis concesións, teñan un percorrido que se desenvolva integramente dentro do territorio galego sen solución de continuidade, ou que, aínda que discorra parcialmente fóra de Galicia, non efectúen ningunha parada no dito treito, e teñan puntos de contacto entre si.

Artigo 2º.-Requisitos do solapamento.

1. Como requisito formal necesario para que proceda o solapamento, os concesionarios interesados deberán contar coa correspondente autorización administrativa, que será outorgada pola Administración de transportes da Xunta de Galicia logo da tramitación do oportuno expediente.

2. Para que proceda o solapamento será necesario o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que se respecten as regras sobre prohibicións de tráfico establecidas con carácter xeral na lexislación vixente.

b) Que non proceda, a xuízo da Administración de transportes a unificación das concesións, por non resultar axeitada a explotación xeral conxunta dos seus servicios, nin proceda o establecemento como servicio independente do treito obxecto de solapamento que vai servi-lo vehículo de que se trate, e así quede acreditado no expediente administrativo tramitado para o efecto.

c) Que resulte acreditada a conveniencia da prestación do servicio sen solución de continuidade por resultar máis adecuado ás necesidades dos usuarios.

d) Que os treitos concesionais obxecto do solapamento teñan puntos de contacto entre si.

Artigo 3º.-Efectos do solapamento.

O solapamento habilitará unicamente para a prestación dos servicios expresamente recollidos na resolución que o autorice, sen xerar expectativas de dereito ningún.

A autorización de solapamento non outorgará dereito de preferencia sobre servicios regulares de uso especial nin habilitará automaticamente para a prestación dos servicios por infraestructura distinta, se ben a Dirección Xeral de Transportes poderá, excepcionalmente, atendendo ás circunstancias concorrentes autoriza-la dita prestación con carácter provisional e en precario.

Artigo 4º.-Compatibilidade dos solapamentos.

A Administración poderá conceder solapamentos coincidentes na súa orixe e destino sempre que discorran por itinerarios claramente diferenciados.

A existencia previa dunha coordinación de horarios entre dúas concesións non será óbice para que se autorice un solapamento no que participen dous concesionarios distintos ou ben unha das concesións coordenadas e outra distinta.

Artigo 5º.-Iniciación do expediente de solapamento.

O expediente de solapamento poderá iniciarse:

1. Por instancia dos concesionarios afectados.

2. De oficio pola Administración de transportes.

Artigo 6º.-Procedemento iniciado por instancia de parte.

A tramitación do expediente iniciado por instancia de parte será a seguinte:

a) A solicitude de solapamento deberá conte-los seguintes datos:

1. Descrición do itinerario con indicación dos punto de parada e distancias quilométricas, reflectidos nun plano con base xeográfica.

2. Calendario e horario.

3. Tarifa.

4. Vehículos adscritos ás concesións que se vaian dedicar á prestación do servicio.

5. Fórmulas de compensación entre os concesionarios que solicitan o solapamento.

Unha vez presentada a solicitude, a Administración de transportes ordenará nun só acto a emisión dos seguintes informes, que versarán sobre a oportunidade do solapamento solicitado:

1. Da sección de transporte público permanente regular de uso xeral do Comité Galego de Transportes.

2. Do/s servicios provinciais de transportes por onde discorra o servicio.

b) Os informes ós que se refiren os parágrafos anteriores deberán ser emitidos no prazo dun mes, podendo proseguirse coa tramitación de non se emitir no referido prazo.

c) A Administración de transportes unha vez finalizada a tramitación do expediente resolverá sobre o outorgamento ou non do solapamento, determinando nela, de ser positiva, as condicións de prestación do

servicio, e recollendo os acordos acadados polos concesionarios como fórmulas de compensación.

Artigo 7º.-Procedemento de oficio.

A Administración, para dar cumprimento ó principio de satisfacción das necesidades sociais co máximo grao de eficacia e co mínimo custo social, que, de conformidade co establecido na Lei 16/1987, do 30 de xullo, debe presidi-la organización e funcionamento do sistema de transportes, poderá establecer de oficio o solapamento de concesións.

O acordo da Administración polo que se inicie o procedemento de solapamento será necesariamente motivado e deberá contemplar cando menos os seguintes aspectos:

1. Descrición do itinerario con indicación dos puntos mínimos de parada.

2. Proposta de calendario, horario e tarifas.

Unha vez iniciado o procedemento, a Administración de transportes daralles traslado do acordo da iniciación ós concesionarios afectados polo solapamento para que presenten nun prazo máximo de 15 días as alegacións que estimen oportunas sobre a implantación do solapamento. De mostra-los concesionarios a conformidade co solapamento deberán determinar por escrito os seguintes aspectos:

1. Vehículos que vaian dedicar á prestación do servicio e xustificación da súa dispoñibilidade.

2. Fórmulas de compensación acordadas entre eles.

Unha vez presentadas as alegacións anteditas ou transcorrido o prazo para o facer, o órgano competente ordenará a emisión dos seguintes informes, que versarán sobre a oportunidade do solapamento solicitado:

1. Da sección de transporte público permanente regular de uso xeral do Comité Galego de Transporte.

2. Dos servicios provinciais de transportes por onde discorra o servicio.

Os informes deberán ser emitidos no prazo dun mes, podendo continuar coa tramitación de non se emiti-lo informe no prazo sinalado.

Cumpridos os trámites anteriores, abrirase durante un prazo de 15 días o trámite de audiencia ós interesados, regulado no artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, no que estes poderán manifestar tanto a súa conformidade coa implantación do propio solapamento como coas medidas compensatorias propostas.

A Administración de transportes unha vez finalizado o trámite anterior resolverá sobre o outorgamento ou non do solapamento, recollendo as fórmulas de compensación acordadas entre os concesionarios ou, se é o caso, en defecto de acordo sobre as indicadas fórmulas compensatorias, as establecidas de oficio pola Administración, que deberán gardar proporción co factor km-viaxeiros xerado por cada concesión e ter en conta a compensación dos custos de prestación do servicio determinados en función dos valores establecidos para as respectivas concesións, respectando en todo caso os seus propios equilibrios económicos.

Artigo 8º.-Prolongacións concesionais.

A negativa inxustificada dun concesionario a constituír un solapamento poderá determina-la autorización da Administración ó outro ou outros concesionarios

para prolonga-lo seu itinerario concesional na medida que sexa necesaria para conseguir os efectos desexados co solapamento.

En calquera caso, na autorización de prolongación imporanse as prohibicións de tráfico que sexan imprescindibles para salvagarda-los tráficos que de maneira exclusiva pertencesen ó concesionario que rexeitou o solapamento.

No suposto de que ningún dos concesionarios afectados prestase a súa aceptación ó solapamento e a Administración de transportes considerase necesaria a prestación do servicio sen que fose procedente o establecemento deste como servicio independente, poderase autorizar un terceiro concesionario que teña puntos de contacto para que preste os tráficos obxecto daquel.

En ámbolos supostos a Administración de transportes recadará os informes previstos no artigo 7 deste decreto.

Artigo 9º.-Prazos de resolución e efectos do silencio.

O prazo para a resolución dos expedientes e máis a notificación desta ós interesados será de 4 meses contados desde a súa iniciación.

A falta de resolución expresa e da súa notificación no referido prazo producirá os efectos determinados no artigo 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, para os procedementos iniciados de oficio e a desestimación da solicitude para os iniciados por instancia dos interesados.

Artigo 10º.-Vehículos

Os servicios obxecto de solapamento deberán prestarse necesariamente con vehículos adscritos a algunha das concesións afectadas polo solapamento.

Artigo 11º.-Tarifa.

A tarifa aplicable nos servicios obxecto de solapamento será a resultante de aplicar dentro de cada treito concesional a tarifa aprobada no respectivo título concesional.

Artigo 12º.-Duración do solapamento.

1. O solapamento, ou calquera modificación concesional autorizada pola Administración en aplicación deste decreto, outorgarase por un prazo de 3 anos prorrogables por anos naturais ata un máximo de 6 anos. Durante o período inicial de 3 anos, a Administración non poderá outorgar un servicio concesional coincidente.

2. Non obstante o previsto no punto anterior, unha vez transcorrido un ano desde o inicio da explotación, o solapamento extinguirase por solicitude de calquera das empresas que participan nel procedendo, a Administración de transportes de estimalo necesario, a autoriza-las prolongacións concesionais de acordo co previsto no artigo 8 deste decreto.

3. En todo caso, producirase a extinción automática do solapamento ou da respectiva modificación con

cesional autorizada con base neste decreto de o facer así calquera das concesións afectadas por el.

Artigo 13º.-Incumprimento das condicións do solapamento.

O incumprimento das condicións de prestación establecidas pola Administración de transportes poderá determinar, ademais da imposición das sancións que correspondan, a revogación da autorización.

Disposicións adicionais

Primeira.-Con carácter excepcional, a Administración de transportes, por proposta do servicio provincial correspondente e logo do informe das seccións de transporte público regular de uso xeral interurbano de viaxeiros en autobús, transporte público discrecional interurbano de viaxeiros e transporte público de viaxeiros en vehículos de menos de 9 prazas do Comité Galego de Transporte por Estrada, poderá conceder unha autorización específica para a prestación de servicios de transporte de viaxeiros con cobramento por asento individual, con vehículos provistos de autorización de transporte serie V.D. ou V.T., sempre que a poboación afectada non dispoña de servicio regular de transporte de viaxeiros de uso xeral por discorre-lo servicio en zonas de débil tráfico ou ben que, polas súas características, sexa inviable establecer un servicio concesional, nin fose posible o establecemento do solapamento ou autorizacións de prolongacións ós que se refire este decreto, extremos que se deberán

xustificar suficientemente no expediente administrativo tramitado para o efecto.

No correspondente expediente administrativo xustificarase igualmente e en todo caso a inviabilidade de explotación do servicio de acordo coas condicións xerais establecidas en relación coas concesións administrativas de transporte regular permanente de viaxeiros de uso xeral.

A autorización específica regulada nesta disposición estará referida a un itinerario concreto e corresponderalle á Administración de transportes fixa-las condicións para a prestación do servicio. A súa duración será por un prazo máximo de tres anos, prorrogable por anos naturais ata un máximo de seis cando perduren as circunstancias que motivaron o seu outorgamento.

Segunda.-Facúltase a consellería competente en materia de transportes para dicta-las disposicións que sexan precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor ós dous meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de xuño de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Alberto Núñez Feijoo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda