Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Mércores, 17 de setembro de 2003 Páx. 11.741

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 11 de setembro de 2003 pola que se convocan axudas a alumnos e alumnas que vaian iniciar durante o curso 2003-2004 ensinanzas de formación profesional específica de grao medio, en familias profesionais non vocacionais demandadas polo mercado laboral. Axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

O artigo 31 do Estatuto de autonomía de Galicia asígnalle á Comunidade Autónoma a competencia plena na regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

O Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, traspasa á Comunidade Autónoma de Galicia funcións e servicios da Administración do Estado en materia de educación.

O Plan Galego de Formación Profesional, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 27 de xuño de 2001, contempla un plan específico de promoción de profesións non vocacionais demandadas no mercado de traballo, para favorece-lo necesario equilibrio entre os profesionais que precisa o mundo laboral e a cualificación dos traballadores. Trátase de potenciar entre a xuventude aquelas familias profesionais e ciclos formativos de grao medio das ensinanzas de formación profesional específica que, aínda sendo pouco demandadas polo alumnado, contan con perspectivas de inserción laboral e, en consecuencia, facilitan a súa incorporación ó primeiro emprego.

Na súa virtude, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1º.-Bases xerais.

Convócanse axudas, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, destinadas ó alumnado que inicia no curso académico 2003-2004 algún ciclo formativo de grao medio ou módulo experimental dos que se indican na seguinte táboa:

Familia profesionalCiclo formativo de grao medio

Actividades agrarias-CM traballos forestais e de conservación do medio natural-CM xardinería-CM explotacións agrarias extensivas-CM explotacións agrícolas intensivas

Actividades marítimo-pesqueiras-CM operación, control e mantemento de máquinas e instalacións do buque-CM pesca e transporte marítimo

Edificación e obra civil-M albanelería-M cubrición de edificios: lousas-CM acabados de construcción

Industrias alimentarias-CM panificación e repostería-CM elaboración de productos lácteos-CM elaboración de viños e outras bebidas-CM conserveira vexetal, cárnica e de peixe

Madeira e moble-CM fabricación á medida e instalación de carpintería e moble

Mantemento e servicios á producción-CM instalación e mantemento electromecánico de maquinaria e conducción de liñas

Familia profesionalCiclo formativo de grao medio

Téxtil, confección e pel-CM confección

Vidro e cerámica-CM operacións de fabricación de productos cerámicos

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán solicitar estas axudas os alumnos e alumnas que se matriculen por primeira vez no curso 2003-2004 nalgún ciclo formativo de grao medio ou módulos experimentais dos indicados no artigo 1º desta orde, en centros de educación secundaria da Comunidade Autónoma nos que as ditas ensinanzas estean sostidas con fondos públicos.

Quedan excluídos destas axudas os alumnos e alumnas que cursen o segundo ano do ciclo formativo ou módulo experimental e os repetidores.

Artigo 3º.-Contía das axudas.

A contía das axudas individuais será única e poderá ascender ata un máximo de 400 euros por beneficiario.

As axudas serán concedidas con cargo ó concepto orzamentario 07.04.322S.480.1 da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, por un importe total máximo de 146.425 euros.

O desfrute destas axudas é compatible con outras de carácter xeral con cargo a fondos públicos.

Artigo 4º.-Solicitudes.

Os alumnos e alumnas que reúnan os requisitos para participaren nesta convocatoria presentarán no centro onde vaian realiza-los estudios de formación profesional a seguinte documentación:

-Solicitude de axuda segundo o modelo que se recolle no anexo I desta orde.

-Fotocopia do DNI.

-Fotocopia cotexada do xustificante de matrícula.

-Anexo II desta orde relativa á declaración do conxunto de tódalas solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas, para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes, para o curso 2003-2004, de acordo co establecido nos artigos 8.4º e 15.4º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5º.-Prazo e lugar de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será de 40 días hábiles contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes presentaranse na secretaría do centro onde o alumno ou a alumna vaia cursa-los estudios. Tódalas solicitudes deberán ter rexistro de entrada no centro dentro do prazo regulamentario establecido.

As secretarías dos centros remitirán a documentación, nos cinco días naturais seguintes ó remate do prazo de presentación de solicitudes, á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais (Edificio Administrativo San Caetano, 15771 Santiago de Compostela).

Artigo 6º.-Comisión de selección.

A selección das peticións levaraa a efecto unha comisión integrada polas seguintes persoas:

-A subdirectora xeral de Formación Profesional e Educación de Adultos, que actuará como presidenta.

-A xefa do Servicio de Formación en Empresas e Orientación Laboral.

-O xefe do Servicio de Formación Profesional.

-Un membro dos servicios de Inspección Educativa designado pola Inspección Central.

-O director dun centro de educación secundaria que imparta ensinanzas de formación profesional específica, designado pola Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, que actuará como secretario, con voz e sen voto.

Os membros da comisión de selección poderán percibir asistencias, axudas para gastos e de locomoción, para concorrer ás sesións, conforme o Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).

Artigo 7º.-Adxudicación de axudas.

Vistas as solicitudes presentadas e o crédito dispoñible, a comisión de selección elaborará a proposta de adxudicación das subvencións e elevaralla ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, que resolverá o que proceda.

Artigo 8º.-Comunicación.

A concesión ou denegación da axuda será publicada no Diario Oficial de Galicia. Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á súa publicación no Diario Oficial Galicia, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 9º.-Aceptación das axudas.

Nos quince días naturais seguintes ó da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia os beneficiarios deberán remitir á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais a seguinte documentación:

-Anexo III desta orde relativo á aceptación previa da subvención concedida e ó compromiso de segui-las avaliacións continuas durante o curso 2003-2004.

-Certificación bancaria na que consten os datos da entidade e o código da conta na que o beneficiario desexa se lle faga efectivo o pagamento. Nesta conta o beneficiario debe figurar necesariamente entre os titulares.

De non presentarse a citada documentación no prazo establecido enténdese que o beneficiario renuncia á axuda concedida polo que se procederá ó arquivo do expediente.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non dictarse resolución expresa no prazo de tres meses desde a publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10º.-Pagamento das axudas.

As axudas efectuaranse nun só pagamento, a través de conta ou cartilla de aforro abertas a nome do beneficiario.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 11º.-Perda da axuda.

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto no artigo 6 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, que modifica o artigo 78 do texto da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

A falsidade dos datos ou a falsificación de documentos que se presenten, calquera que sexa o momento en que se demostre a inexactitude, terá como consecuencia a perda de tódolos dereitos do solicitante e a correspondente devolución da cantidade total percibida, sen prexuízo doutras responsabilidades ás que houbera lugar, logo da apertura do correspondente expediente.

Artigo 12º.-Información.

De acordo co establecido no Regulamento (CE) nº 1159/2000 da Comisión, do 30 de maio de 2000 (DO L 130/30 do 31-5-2000), os centros educativos tomarán as medidas oportunas para informa-lo alumnado de que estas axudas están financiadas nun 65% polo Fondo Social Europeo.

Os directores dos centros educativos arbitrarán as medidas necesarias para que esta orde sexa coñecida por tódolos membros da comunidade educativa e para que os beneficiarios cumpran cos requisitos establecidos. Así mesmo, a inspección educativa asesorará os centros na tramitación desta orde e velará polo seu estricto cumprimento.

Artigo 13º.-Autorización.

Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais a desenvolve-lo disposto nesta orde, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación universitaria