Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Mércores, 17 de setembro de 2003 Páx. 11.745

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 4 de xullo de 2003, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector de oficinas e despachos.

Visto o expediente do convenio colectivo do sector de oficinas e despachos (código convenio 1501075), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 1-7-2003, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Profesional de Graduados Sociais, Asesores Fiscais e Empresarios da Provincia da Coruña, e da parte social, pola UGT, CIG e CC.OO. o día 26-6-2003, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo depósito do citado acordo no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 4 de xullo de 2003.

Elisa Madarro González

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo para o sector de oficinas e despachos da provincia da Coruña

Capítulo I

Unidades de negociación

Artigo 1º.-Partes concertantes.

A comisión negociadora do convenio que se subscribe está integrada pola parte empresarial: Asociación Profesional de Graduados Sociais, Asesores Fiscais e Empresarios da provincia da Coruña (AGS), e por parte dos traballadores: as centrais sindicais Comisións Obreiras (CC.OO.), Unión Xeral de Traballadores (UGT) e Confederación Intersindical Galega (CIG).

Ámbalas partes, despois de analiza-la documentación que presentan como constancia da súa representatividade, recoñécense como interlocutores válidos, con lexitimación suficiente para a negociación do presente convenio, de conformidade co establecido no título III do vixente Estatuto dos traballadores, modificado pola Lei 32/1984, do 2 de agosto.

Capítulo II

Ámbito, vixencia e denuncia

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Rexeranse polo presente convenio a totalidade dos traballadores e traballadoras que na actualidade, ou no sucesivo, presten os seus servicios nas empresas reguladas polo ámbito funcional e situadas dentro do ámbito provincial.

Artigo 3º.-Ámbito funcional.

O presente convenio será de aplicación a tódalas empresas encadradas, ou que no futuro se integren, en actividades reguladas pola ordenanza laboral para oficinas e despachos do 31 de outubro de 1972, hoxe derrogada.

Artigo 4º.-Ámbito territorial.

As normas do presente convenio serán de aplicación en toda a provincia da Coruña.

Artigo 5º.-Ámbito temporal, vixencia.

O presente convenio entrará en vigor para tódolos efectos o día 1 de xaneiro de 2003, con independencia da data da súa publicación no BOP, excepto o punto 1 a) do artigo 8º (xornada de inverno) que entrará en vigor a partir da data de publicación do presente convenio no BOP.

A súa duración será ata o 31 de decembro de 2005, entendéndose prorrogado tacitamente por anualidades naturais de non mediar denuncia expresa das partes.

Se durante a vixencia do presente convenio se asinara un convenio para o sector de oficinas e despachos de ámbito autonómico, este último sería de obrigado cumprimento para as partes que estean afectadas polo presente, establecéndose para a súa aplicación un prazo de tres meses, a partir da data da súa publicación.

Artigo 6º.-Denuncia.

Calquera das partes poderá solicita-la revisión do convenio, formulando a súa denuncia á outra parte e á autoridade laboral competente. Como mínimo terá que realizala con dous meses de antelación á data de expiración da súa vixencia ou da de calquera das súas prórrogas.

Capítulo III

Representación das partes negociadoras

Artigo 7º.-Comisión paritaria.

Acórdase establecer unha comisión paritaria como órgano para a conciliación, interpretación e vixilancia do pactado no presente convenio.

Esta comisión estará formada, logo de acordo das partes, polas representacións empresariais e sociais que nel deliberaron.

Para os únicos efectos de notificacións sinálanse os seguintes domicilios:

-Pola representación empresarial:

Asociación Profesional de Graduados Sociais, Asesores Fiscais e Empresarios da Provincia da Coruña. R/ Rafael Alberti, 8 ppal., 15008 A Coruña.

-Pola representación social:

Unión Sindical de Comisións Obreiras (CC.OO.).

Avda. Alfonso Molina km 2, edificio de Sindicatos 4ª planta, 15008 A Coruña.

Unión Xeral de Traballadores (UGT).

R/ Fernández Latorre, 27, 15006 A Coruña.

Confederación Intersindical Galega (CIG).

Avda. Alfonso Molina km 2, edificio de Sindicatos 6ª planta, 15008 A Coruña.

Capítulo IV

Tempo de traballo

Artigo 8º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo distribuirase da seguinte forma:

I. a) Xornada de inverno: 39 horas efectivas semanais para os anos 2003, 2004 e 2005, prestadas de luns a xoves 8 horas diarias en réxime de xornada partida; os venres 7 horas en réxime de xornada intensiva ou continuada en quenda de mañá.

I. b) Xornada de verán: 35 horas efectivas semanais, de luns a venres, en réxime de xornada intensiva ou continuada. Este réxime de xornada levarase a cabo desde o día 1 de xuño ata o día 30 de setembro, ambos inclusive.

Os traballadores en xornada continuada desfrutarán de 15 minutos de descanso diario.

Non serán laborables os seguintes días:

Día 24 de decembro (todo o día).

Día 31 de decembro (todo o día).

Aquelas empresas que teñan establecida unha xornada continuada todo o ano, respectarana como condición máis beneficiosa.

II. Horas extraordinarias: as horas que se realicen sobre a duración máxima da xornada ordinaria de traballo terán a consideración de horas extraordinarias.

Estas horas poderán ser compensadas por tempos equivalentes de descanso retribuído: 1 hora extraordinaria equivale a 1 hora e 45 minutos de descanso retribuído; ou ben aboadas da seguinte forma: 1 hora extraordinaria será aboada como un incremento do 75 por 100 sobre a hora ordinaria.

Artigo 9º.-Permisos retribuídos.

1. Ós traballadores e traballadoras interesados concederánselles -necesariamente- os seguintes permisos retribuídos:

a) Por matrimonio do traballador ou traballadora: 15 días naturais.

b) Intervención cirúrxica ou enfermidade grave do cónxuxe, pais, pais políticos e fillos: 5 días naturais. No caso de enfermidade grave ou internamento de irmáns: 2 días naturais, ampliables a 4, cando exista desprazamento fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Parto da esposa: 4 días naturais. No suposto de non coincidir, polo menos 2 días hábiles no cómputo dos 4 días naturais, ampliarase o permiso como garantía mínima dos días hábiles.

d) Morte do cónxuxe, pais, pais políticos, fillos ou irmáns: 5 días naturais, que se ampliarán ata 8 días naturais, se o óbito acontecese fóra da Comunidade Autónoma.

e) Morte do avó, tío ou cuñado: 2 días naturais, ampliable a un día máis cando exista desprazamento fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Necesidade de atender asuntos propios que non admitan demora: o tempo que sexa necesario para iso. Outorgarase este permiso unha vez demostrada a necesidade.

g) Licencia a representantes sindicais: observarase o lexislado nesta materia.

h) Dous días por traslado de domicilio habitual.

i) Dous días libres remunerados por asuntos propios, a decisión do traballador ou traballadora con aviso previo de 24 horas, condicionado ó 20% do cadro de persoal, nas empresas o cadro de persoal das cales sexa de ata cinco traballadores, non poderán coincidir máis dun.

j) Os dereitos que correspondan ós permisos, o estado civil dos cales é o matrimonio legal estenderanse ás parellas que convivan en común agás o previsto no punto a), xustificando esta convivencia mediante certificado de empadroamento ou outro equivalente.

2. As traballadoras, por lactación dun fillo menor de nove meses terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada normal en media hora coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser desfrutado indistintamente pola nai ou polo pai no caso de que ambos traballen.

O permiso de lactación aumentará proporcionalmente en caso de parto múltiple.

Artigo 10º.-Vacacións anuais.

O persoal regulado polo presente convenio terá dereito, durante o ano 2003, 2004 e 2005 a 23 días laborables de vacacións ó ano, que se desfrutarán preferentemente nos meses de verán de acordo coas necesidades da empresa.

As quendas de vacacións serán fixadas pola empresa e os delegados ou delegadas de persoal ou comité de empresa, no seu defecto por quen designen os traballadores e traballadoras.

Cando durante o período de desfrute das vacacións o traballador ou a traballadora se atope ou inicie unha situación de baixa por incapacidade temporal, a duración da cal exceda de vinte días, sempre que, por parte do traballador ou traballadora se acredite debidamente esta situación coa preceptiva baixa por IT non se computarán como días desfrutados de vacacións os que transcorran a partir do décimo sexto da baixa, en función do que estableza a lexislación da Seguridade Social sobre prestacións nesta materia. Nos casos de prestación por maternidade, as vacacións desfrutaranse, antes ou despois da dita prestación, a elección da traballadora.

Capítulo V

Percepcións económicas e revisión

Artigo 11º.-Salario base.

En concepto de salario base mensual, para cada categoría profesional, será o que se detalla na táboa salarial

anexa, e terá efectos económicos desde o día 1 de xaneiro de 2003.

Os salarios do ano 2003 representan un incremento do 3 por cento sobre os salarios vixentes ó 31 de decembro de 2002, unha vez aplicada a cláusula de revisión salarial.

O pagamento dos atrasos farase no prazo dun mes desde a publicación do presente convenio no BOP.

Os salarios do ano 2004 representan un incremento do IPC real a 31 de decembro de 2003 máis un punto. Este incremento será de aplicación transcorridos 15 días a partir da publicación do IPC e terá efectos desde o 1 de xaneiro de 2004.

Os salarios do ano 2005 representan un incremento do IPC real a 31 de decembro de 2004 máis un punto. Este incremento será de aplicación transcorridos 15 días a partir da publicación do IPC e terá efectos do 1 de xaneiro de 2005.

Artigo 12º.-Remuneración anual.

Dando cumprimento o disposto no artigo 26.5º do vixente Estatuto dos traballadores, detállanse na segunda columna da táboa salarial anexa para o ano 2003 os salarios en cómputo anual, en función da xornada efectiva pactada no presente convenio.

As partes reuniranse en xaneiro de 2004 e 2005 respectivamente para confeccionar, asinar e tramita-la publicación das táboas salariais correspondentes.

Artigo 13º.-Anticipos.

Todo o persoal con máis dun ano de antigüidade terá dereito a solicitar na empresa un anticipo sen xuro ata o importe de catro mensualidades do salario real. A amortización deste anticipo non excederá do 5% do seu salario.

Artigo 14º.-Antigüidade.

A partir do día 1 de xaneiro de 1989 establécese un complemento persoal de antigüidade para tódalas categorías, consistentes en cuadrienios do 5 por cento do salario base. O complemento por antigüidade devengarase a partir do día primeiro do mes en que se cumpra.

Os traballadores e as traballadoras que o 31 de decembro de 1989 estivesen percibindo algún bienio do 5 por cento, seguirán devengando o complemento de antigüidade, consolidado naquela, pola mesma porcentaxe. Os sucesivos e posteriores períodos de antigüidade devengaranse, a partir do día 1 de xaneiro de 1989, en cuadrienios ó 5 por cento do salario base.

A acumulación dos incrementos por antigüidade non poderá, en cada caso, supor máis do 10 por cento ós 5 anos, do 25 por cento ós 15 anos, do 40 por cento ós 20 anos e do 60 por cento, como máximo ós 25 anos ou máis.

Artigo 15º.-Gratificacións extraordinarias.

Os traballadores e as traballadoras ó servicio das empresas afectadas por este convenio percibirán dúas gratificacións extraordinarias ó ano. Unha no mes de xullo e outra no mes de decembro. O importe de cada unha delas será dunha mensualidade do salario base máis antigüidade.

O persoal que ingrese ou cese na empresa durante o transcurso dun ano percibirá as gratificacións extraordinarias en proporción ó tempo traballado.

Aqueles traballadores que polos conceptos anteriores veñan percibindo das empresas o importe correspondente a unha mensualidade do salario real, seguirán excepcionalmente coas mesmas condicións por teren carácter máis beneficioso.

Artigo 16º.-Contratos eventuais.

1. En atención ás especiais características do sector que implica frecuentes e irregulares períodos nos que se acumulan tarefas, as empresas poderán concertar contratos eventuais, ó abeiro do establecido neste convenio colectivo e no artigo 15.b) do ET, por un tempo non superior a doce meses dun período de dezaoito meses.

2. Cando se concerten estes contratos por un prazo inferior ó máximo establecido, poderán prorrogarse de mutuo acordo por unha ou máis veces, ata o referido prazo máximo de doce meses.

3. Naqueles casos nos que o contrato se concertase por un prazo inferior ó máximo establecido e chegado o seu termo non existise denuncia previa de ningunha das dúas partes, nin existise acordo expreso de prórroga, pero se continuase realizando a prestación laboral, entenderase prorrogado tacitamente ata o prazo máximo de doce meses.

Artigo 17º.-Incapacidade temporal.

En calquera suposto de baixa por incapacidade temporal, as empresas afectadas por este convenio garantiranlle ó traballador o 100 por 100 do salario que lle corresponda percibir no momento de producirse a baixa.

Capítulo VI

Conceptos extrasalariais

Artigo 18º.-Axuda de custos e desprazamentos.

As axudas de custo para o persoal que, en razón dos métodos de organización das empresas, deban efectuar saídas fóra do municipio no que radica o centro de traballo, quedan establecidas da seguinte maneira:

a) Axuda de custos completa: fíxase na contía de 70 euros para o ano 2003; 75 euros para o ano 2004 e 80 euros para o ano 2005; para tódalas categorías.

b) Media axuda de custos: fíxase en 35 euros para o ano 2003; 37,5 euros para o ano 2004 e 40 euros para o ano 2005, para tódalas categorías.

Capítulo VII

Acordos sociais

Artigo 19º.-Cadros de persoal.

As empresas reguladas por este convenio axustarán os seus cadros de persoal ás seguintes normas:

a) Os empregados que teñan directamente baixo a súa responsabilidade a quince ou máis traballadores dos grupos titulados administrativos ou técnicos serán clasificados como xefes superiores.

b) En dependencias con dez ou máis traballadores dos grupos citados na alínea anterior, o empregado que se encontre á fronte deles terá a categoría de xefe de primeira.

c) Nos centros de traballo onde presta os seus servicios un número de sete traballadores dos grupos xa citados anteriormente ou no suposto de que, sendo menos de sete, exista un mínimo de tres traballadores clasificados como oficiais ou asimilados, estará á fronte deles un xefe de segunda.

Artigo 20º.-Ascensos.

Tódalas empresas reguladas polo presente convenio están obrigadas a dispor nos seus cadros de persoal, como mínimo, dun número de oficiais de primeira igual ó 20 por 100 do cadro de persoal total de oficiais.

A elección dos novos oficiais de primeira é facultade exclusiva do empresario.Para o seu cómputo non se terán en conta as fraccións decimais.

Os auxiliares administrativos con 5 anos de servicio nesta categoría dentro da empresa, pasarán automaticamente á categoría de oficial de segunda administrativo.

Os auxiliares administrativos, ós tres anos de antigüidade na categoría dentro da empresa, pasarán a percibi-las remuneracións que fixa para estes casos a táboa salarial anexa.

O auxiliar especialista de oficina con máis de tres anos de antigüidade na categoría dentro da empresa será ascendido automaticamente á categoría de calcador.

Os cobradores, ó cumpriren dez anos de antigüidade na súa categoría dentro da empresa, asimilaranse -exclusivamente para efectos económicosós oficiais administrativos de segunda.

Os mozos dos recados, ó cumpriren os dezaoito anos de idade, pasarán automaticamente á categoría de ordenanza.

Cando o persoal realice traballos de categoría superior á que teña atribuída percibirá, durante o tempo de prestación destes servicios, a retribución da categoría á que circunstancialmente quede adscrito.

Salvo nos casos de substitución doutro empregado, estes traballos de superior categoría non poderán ter duración superior a seis meses ininterrompidos, debendo o empregado, ó cabo dese tempo, volver á categoría anterior ou ascender definitivamente á categoría superior.

O tempo no que o productor permaneceu en superior categoría será computado como antigüidade nesta, cando o empregado ascenda a ela.

Artigo 21º.-Póliza de accidentes.

As empresas afectadas polo presente convenio colectivo estarán obrigadas a subscribir, no prazo de 20 días desde a publicación no BOP, unha póliza de accidentes que lles garanta a tódolos traballadores un capital de 15.000 euros para morte e 22.000 euros para invalidez permanente, derivada, en ámbolos casos, de accidente laboral.

As empresas disporán dun prazo de 30 días, desde a publicación do presente convenio, para regulariza-los capitais das pólizas.

As empresas de nova creación disporán dun prazo de 30 días, desde a alta do primeiro productor, para formalizar esta póliza.

Capítulo VIII

Acción sindical

Artigo 22º.-Dereitos sindicais.

En todo o concernente ós aspectos sindicais dentro e fóra das empresas, aplicarase o que sobre esta materia dispón o vixente Estatuto dos traballadores e a Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical.

Artigo 23º.-Garantías dos representantes dos traballadores.

Os membros do comité de empresa e os delegados-delegadas de persoal terán as garantías que se establezan no artigo 68 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e as que se determinen a continuación:

a) Non se computará dentro do máximo legal de horas mensuais dispoñibles para o exercicio das súas funcións de representación, o exceso que sobre este se produza con motivo da designación de delegados de persoal ou membros do comité de empresa como compoñentes de comisións negociadoras de convenios colectivos nos que sexan afectados, e polo que se refire á realización de sesións oficiais a través das cales transcorran tales negociacións e cando a empresa en cuestión se vexa afectada polo ámbito da negociación referida.

b) Sen supera-lo máximo legal, poderán ser consumidas as horas retribuídas de que dispoñen os membros dos comités de empresa ou delegados-delegadas de persoal, co fin de preve-la asistencia destes a cursos de formación organizados polos seus sindicatos, institucións de formación e outras entidades.

Capítulo IX

Seguridade e hixiene no traballo

Artigo 24º.-Seguridade e hixiene.

Será obrigatoria a utilización de ordenadores de filtro ou monitores que cumpran a normativa vixente.

As mulleres embarazadas estarán exentas de traballos continuados nas fotocopiadoras.

Efectuaránselles revisións médicas específicas (vista, lombo, etc.) ós traballadores e traballadoras que desenvolvan os seus labores en equipos informáticos.

Artigo 25º.-Revisións médicas.

Tódalas empresas vinculadas ó presente convenio colectivo estarán obrigadas a solicitar do centro provincial do servicio social de hixiene e seguridade no traballo, ou mutua patronal, que cubra o risco de accidente de traballo, un recoñecemento médico anual para todo o persoal.

O tempo empregado para este recoñecemento será aboado pola empresa.

Capítulo X

Cómputos e vinculacións

Artigo 26º.-Compensación e absorción.

As condicións pactadas neste convenio formarán un todo orgánico indivisible e, consecuentemente, absorberán e compensarán no seu conxunto as melloras de calquera natureza que viñesen anteriormente satisfacendo as empresas, ben por imperativo legal, convenio colectivo, etc.

Artigo 27º.-Vinculación á totalidade.

Como se cita no artigo anterior, as condicións establecidas no presente convenio e pactadas polas partes deliberantes forman un todo orgánico e indivisible. En consecuencia, non poderá pretenderse a aplicación dunha ou varias normas con esquecemento das restantes, senón que para tódolos efectos, o presente convenio terá que ser aplicado e observado na súa integridade.

No suposto de que a autoridade laboral ou xurisdicción competente, no exercicio das súas facultades, declarase nulo, total ou parcialmente, algún artigo, o presente convenio quedará invalidado na súa totalidade, levándose a cabo unha nova negociación.

Artigo 28º.-Cláusula de desvinculación salarial.

Os compromisos en materia salarial contidos neste convenio serán de aplicación para tódalas empresas afectadas polo ámbito funcional.

Para as empresas que pretendan acollerse á cláusula reguladora neste artigo establécense os seguintes mecanismos:

a) Comisión paritaria do convenio.

b) Mecanismos do AGA.

A tódolos mecanismos citados anteriormente achegarase a documentación seguinte:

I. Acreditación por medio da contabilidade oficial dos resultados dos tres últimos exercicios nos que se demostre que durante estes se produciron perdas reais.

II. Plan de viabilidade para o período no que se pretenda a aplicación desta cláusula de exención, xustificación económica e repercusión real no melloramento global dos resultados da empresa.

Partes negociadoras:

-Por parte da representación social comparecen:

Gerardo Mariño Castro (CC.OO).

Juana Estébanez Cepedal (CC.OO.).

Juan Carreira (UGT).

José Manuel Cambón (CIG).

Xosé Antón Porto Rodríguez (CIG).

María José García Roca (CIG).

Arturo Vijande Parapar (CIG).

-E pola representación empresarial:

Jesús Vázquez Vázquez (AGS).

José Ramón Briones Varela (AGS).

Isidro Pousada Vales (AGS).

Artigo 29º.-Categorías profesionais.

As definicións das categorías profesionais son as seguintes, ás que lles corresponden os niveis salariais que a seguir se indican.

Sección primeira

Titulados

a) e b) Persoal titulado. É o que está en posesión dun título ou diploma oficial de grao superior ou medio, que está unido á empresa por un vínculo de relación laboral concertado en razón do título que posúe, para exercer funcións específicas para as que este o habilita,

e sempre que preste os seus servicios na empresa con carácter exclusivo ou preferente por un soldo, sen suxeición á escala habitual de honorarios da súa profesión.

Sección segunda

Persoal administrativo

a) Xefes/as superiores. Son aqueles provistos ou non de poderes que, baixo a dependencia directa da dirección ou xerencia, levan a resposabilidade directa de dous ou máis departamentos ou dunha sucursal, delegación ou axencia.

Asimilarase a esta categoría o profesional con dous ou máis xefes ás súas ordes.

b) Xefe/a de primeira. É o empregado capacitado, provisto ou non de poderes, que actúa ás ordes inmediatas do xefe superior, se o houber, e leva a responsabilidade directa dun ou máis servicios.

Quedan adscritas a esta categoría aquelas persoas que organizan e constrúen a contabilidade na empresa.

c) Xefe de segunda. É o empregado, provisto ou non de poderes, que ás ordes inmediatas dun xefe de primeira, se o houber, está encargado de orientar, dirixir e dar unidade a unha sección, distribuíndo os traballos entre o persoal que del depende.

Quedan adscritos a esta categoría os caixeiros con sinatura, con ou sen empregados ás súas ordes.

d) Oficial de primeira. É aquel empregado/a que actúa ás ordes dun xefe/a, se o houber, e que baixo a súa propia responsabilidade realiza traballos que requiren iniciativa.

Quedan adscritos a esta categoría os caixeiros sen sinatura, así como os telefonistas-recepcionistas, capacitados para expresarse en dous ou máis idiomas estranxeiros.

e) Oficial de segunda. É o empregado que, con iniciativa e responsabilidade restrinxida e subordinado a un xefe ou oficial de primeira, se o houber, realiza traballos de carácter secundario que só esixen coñecementos xerais da técnica administrativa.

Quedan adscritos a esta categoría os telefonistas-recepcionistas cun idioma estranxeiro.

f) Auxiliar. É o empregado maior de dezaoito anos que se dedica a operacións elementais administrativas e, en xeral, ás puramente mecánicas inherentes ó traballo da oficina ou despacho.

Quedan adscritos a esta categoría os telefonistas-recepcionistas e cobradores.

Sección terceira

Técnicos

a) Xefe/a de informática. É o técnico que ten ó seu cargo a dirección e planificación das distintas actividades que coinciden na instalación e posta en explotación dun ordenador de tipo grande, medio ou pequeno, así como a responsabilidade de equipos de análise de aplicacións e programación. Así mesmo, compételle a resolución de problemas de análise e programación das aplicacións normais de xestión, susceptibles de seren desenvolvidas por eles.

b) Analista. Verifica análises orgánicas de aplicacións para obte-la solución mecanizada destas en canto se refire a:

-Cadea de operacións que se debe seguir.

-Documentos que hai que obter.

-Deseño destes.

-Ficheiro que debe tratar: a súa definición.

-Posta a punto das aplicacións.

-Creación de xogos de ensaio.

-Enumeración das anomalías que poden producirse e definición do seu tratamento.

-Colaboración ó programa das probas de lóxica de cada programa.

-Finalización dos expedientes técnicos de aplicacións complexas.

c) Programador. Correspóndelle estudia-los procesos de complexos definidos polos analistas, confeccionando organigramas detallados de tratamento.

Redactar programas na linguaxe de programación que lle sexa indicada.

Confeccionar xogos de ensaio, pór a punto os programas e completa-los expedientes técnicos destes.

Documenta-lo manual de consola.

d) Xefe/a de delineación. É a persoa que ten a responsabilidade do grupo ou grupos de delineación, e se ocupa da recepción e distribución dos traballos, asesorando os delineantes na perfecta realización destes.

e) Xefe/a de explotación. Ten por misión planificar, organizar e controla-la explotación de todo o equipo de tratamento da información ó seu cargo, realiza-las funcións que corresponden a un operador de consola e a dirección de equipos de control.

f) Delineante proxectista. É o empregado que, dentro da especialidades propias da sección na que traballa, proxecta ou detalla os traballos do técnico superior, ás ordes do cal está, ou o que, sen superior inmediato, realiza o que persoalmente concibe segundo os datos e condicións técnicas esixidas polos clientes ou pola empresa.

g) Operador/a de primeira. É o que se ocupa de realiza-las operacións de imputación en máquinas principais de proceso de datos, coñecendo perfectamente as posibilidades e recursos do equipo, para logra-la súa mellor e máis idónea utilización, interpretando e desenvolvendo as instruccións e ordes para a súa explotación.

h) Delineante. É o técnico que está capacitado para o desenvolvemento de proxectos sinxelos, levantamento e interpretación de planos e traballos análogos.

Sección cuarta

Especialistas

a) Operador/a de segunda. É o que se ocupa de realizar operacións de máquinas auxiliares de proceso de datos, actuando como auxiliar do operador de primeira, se non o houber.

b) Debuxante. É o empregado/a que confecciona toda clase de rótulos, carteis e debuxos de carácter sinxelo, desenvolvendo o traballo desta índole baixo a dirección dun delineante-proxectista.

c) Entrevistador/a-enquisador/a. É o empregado maior de 21 anos de idade, que realiza entrevistas mediante un cuestionario estandarizado e que consegue, no espacio dunha xornada, un mínimo de entrevistas, axustándose en todo ás normas sinaladas polas empresas.

d) Calcador/a. É o que calca debuxos en papel transparente, realiza e acouta bosquexos sinxelos e efectúa outros labores análogos.

e) Gravador/a-compilador/a de datos. Realiza o perfecto manexo das máquinas de gravación e, se é o caso, compila datos para o seu posterior proceso.

Sección quinta

Subalternos

a) Conserxe. Ten como misión especial vixia-las portas e accesos ós locais da empresa.

b) Ordenanza. Terá esta categoría o subalterno maior de 18 anos que teña como misión facer recados dentro ou fóra da oficina, recoller e entregar correspondencia, así como outros traballos secundarios ordenados polo seu xefe.

c) Vixilante diúrno ou nocturno. Ten ó seu cargo o servicio de vixilancia diúrna ou nocturna dos locais.

d) Limpadores/as. Ocúpanse da limpeza dos locais das empresas.

e) Mozo dos recados. É o subalterno menor de 18 anos que realiza recados, repartos e outras funcións de carácter elemental.

Os mozos dos recados, ó cumpriren os 18 anos, pasarán automaticamente a ordenanzas.

Sección sexta

Oficios varios

a) Encargado/a. É a persoa especialista no seu cometido que, baixo as ordes directas dun superior, se o houber, dirixe os traballos dunha sección, coa responsabilidade conseguinte sobre a forma de ordena-la realización dos traballos que haxa que efectuar.

b) Oficial de primeira e conductor; c) Oficial de segunda; d) Mozo e peón. Inclúe o persoal que realiza os traballos propios dun oficio en calquera das categorías sinaladas.

Os conductores de automóbiles serán considerados oficiais de primeira se executan toda clase de reparacións que non esixan elementos de taller. Nos demais casos serán, como mínimo, oficiais de segunda.

Niveis por categoría profesional

CategoríasNiveis profesionais

Grupo I. Titulados:

Titulado/a grao superior1

Titulado/a grao medio2

Grupo II. Administrativos:

Xefe/a superior2

CategoríasNiveis profesionais

Xefe/a de primeira3

Xefe/a de segunda, caxeiro/a con sinatura, xefe/a de reporteiros, traductor/a e intérprete xurado de máis dun idioma4

Oficial de primeira, caxeiro/a sen sinatura, intérprete xurado dun idioma, operador/a de máquinas contables taquimecanógrafo/a, telefonista ou recepcionista con dous ou máis idiomas, inspector/a de zona6

Oficial de segunda, telefonistra ou recepcionista cun idioma, reporteiro/a de axencias de información, traductor/a e intérprete no xurado, xefe de visitadores/as7

Auxiliar con antigüidade superior a tres anos10

Auxiliar, telefonista, visitador/a-cobrador/a, pagador/a12

Aspirante13

Grupo III. Técnicos de oficina:

Xefe/a superior2

Xefe/a de primeira, xefe/a de equipo de informática, analista, programador/a de ordenadores3

Xefe/a de segunda, xefe/a de delineación, xefe/a de explotación, programador/a de máquinas auxiliares, administrador/a de tratamentos de cuestionarios4

Delineante proxectista5

Debuxante proxectista, controlador/a, operador/a de ordenadores6

Delineante7

Grupo IV. Especialistas de oficina:

Xefe/a de máquinas básicas4

Operador/a de tabuladores, inspector/a de entrevistadores, encargado/a de departamento de reprografía6

Operador/a de máquinas básicas, entrevistador/a-encuestador/a, debuxante7

Calcador/a, perforista, verificador/a, clasificador/a9

Auxiliar12

Aspirante13

Grupo V. Subalternos:

Conserxe maior9

Conserxe11

Ordenanza, vixilante12

Botones13

Grupo VI. Oficios varios:

Encargado/a almaceneiro/a7

Oficial de primeira, conductor/a de primeira8

Oficial de segunda, conductor/a de segunda9

Peón, mozo/a, limpador/a, a xornada completa12

ANEXO

Táboa de niveis salariais para o ano 2003

NiveisEuros/mesEuros/ano

11.091,9915.287,86

2 985,6213.798,68

3 971,5213.601,28

4 941,1713.176,38

5 881,4212.339,88

6 862,9212.080,88

7 821,8511.505,90

8 791,3311.078,62

9 758,9010.624,60

10 746,8810.456,32

11 729,4410.212,16

12 716,4110.029,74

13 502,70 7.037,80