Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Venres, 14 de novembro de 2003 Páx. 14.090

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE E VOLUNTARIADO

DECRETO 406/2003, do 29 de outubro, polo que se modifica o Decreto 42/2000, do 7 de xaneiro, polo que se refunde a normativa reguladora vixente en materia de familia, infancia e adolescencia.

A Constitución española prevé no seu artigo 39 que os poderes públicos asegurarán a protección social, económica e xurídica á familia, declaración que está na liña, entre outros, coa Declaración Social Europea, que considera a familia como elemento esencial da sociedade, e ten dereito a unha protección, xurídica e económica axeitada para logra-lo seu desenvolvemento.

Pola súa parte, o Estatuto de autonomía de Galicia lexitima a actuación lexislativa da Comunidade Autónoma no campo da protección da infancia, da familia e da adolescencia, nos títulos competenciais xenéricos de asistencia social e de promoción do desenvolvemento comunitario (artigo 27, números 3º e 4º).

O Decreto 195/2003, do 20 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado atribúelle a esta consellería, a través da Dirección Xeral de Familia, a xestión da política autonómica en materia de acción social no sector da familia, infancia e menores.

En resposta á demanda na sociedade de cambios lévase a cabo unha reforma das institucións reguladas no Código civil, recollendo o espírito dos tratados internacionais ratificados por España, especialmente a Convención dos Dereitos do Neno das Nacións Unidas de 1985, e o convenio relativo á protección do neno e á cooperación en materia de adopción internacional feito na Haia en 1993, ámbolos dous ratificados por España. Así, promúlgase a Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, de modificación parcial do Código civil e da Lei de axuizamento civil.

Posteriormente, de acordo coa Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, díctase a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia a infancia e a adolescencia, levándose a cabo actuacións de protección e asistencia dos menores que se atopen nunha situación de posible desprotección, desamparo ou conflicto social, sen prexuízo da competencia estatal naqueles aspectos que sexan da súa exclusiva competencia.

O desenvolvemento desta lei deu lugar á publicación de toda unha serie de decretos, polo que foi necesario, por razóns de índole práctica, refundir

nun único texto legal a dispersión normativa existente, dando lugar ó Decreto 42/2000, do 7 de xaneiro, polo que se refunde a normativa reguladora vixente en materia de familia, infancia e adolescencia.

Ó longo destes anos de aplicación práctica do decreto, viuse a necesidade de introducir matizacións nos procedementos que se regulan neste, en concreto en materia de adopción, co fin de garanti-la protección integral dos menores que se atopan ou residan no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Ó tempo que se aproveita a ocasión para facer aquelas adaptacións procedementais debido ás modificacións feitas pola Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Preténdese unificar e coordina-la actuación das delegacións na declaración de idoneidade dos solicitantes de adopción internacional, esixíndose na nova redacción unha proposta de resolución do delegado correspondente e unha resolución final da directora xeral.

Así mesmo, estímase necesaria a organización do rexistro de adopción, creándose dúas seccións distintas, unha para adopción nacional e outra para adopción internacional, divididas á súa vez en subseccións que reflicten as distintas fases nas que se atopan os expedientes.

Por outra banda, o grande incremento das adopcións internacionais pon de manifesto a necesidade de lles esixir ás entidades colaboradoras de adopción internacional (no sucesivo ECAI), unha intervención profesionalizada e de calidade.

As reformas que este decreto introduce fronte ó anterior pretenden, ademais, os obxectivos seguintes:

Definir claramente a natureza e función da ECAI; asegura-lo carácter non lucrativo da institución que a impulsa; establecer un procedemento para a súa habilitación; garanti-la solidez e solvencia suficientes para afrontar con éxito os riscos que implica a mediación; profesionaliza-la intervención das ECAI e desenvolve-la figura do representante no país de orixe do menor e por último regular de modo transparente a xestión económica, intensificando os controis preventivos sobre o orzamento, os pagamentos e calquera tipo de movementos económicos.

Por todo o exposto, por proposta da conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado no uso das atribucións que lle confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e o seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 22 de outubro, de acordo co dictame do Consello Consultivo e logo

da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de outubro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Engádese un novo punto co nº 3 ó artigo 26º, pasando o actual punto 3 a se-lo nº 4, que quedará redactado como segue:

«3. Os informes e as propostas elaborados polos equipos técnicos terán carácter preceptivo e non vinculante.

4. As delegacións provinciais solicitarán os informes sociais, médicos, psicolóxicos, pedagóxicos ou policiais oportunos, así como calquera outro que fose necesario no exercicio das competencias na materia; tamén poderán recadar información doutras persoas ou institucións sobre a situación do menor ou da súa familia ou gardadores».

Artigo 2º

Modifícase o punto 3 do artigo 37º, que quedará redactado como segue:

«3. Non obstante, en caso de urxencia con grave risco para o menor, a delegación provincial competente poderá, de modo inmediato, declara-lo desamparo e asumi-la tutela, adoptando as medidas de protección que considere adecuadas, sen prexuízo de que con posterioridade e no menor prazo de tempo posible se notifique axeitadamente e se lle dea cumprimento ó trámite de audiencia ós interesados».

Artigo 3º

Modifícase o artigo 38º, que quedará redactado como segue:

«Artigo 38º.-Solicitude de auxilio xudicial.

Cando os pais, titores ou gardadores dun menor impedisen a execución da medida de protección acordada na resolución de tutela ou non fixesen entrega do menor tutelado no prazo sinalado na resolución, a delegación provincial competente presentará ante o órgano xudicial competente solicitude de auxilio xudicial para facer efectiva a medida acordada, sen prexuízo das intervencións inmediatas que poidan realizarse se están ante unha situación que implique a vulneración de dereitos fundamentais das persoas ou se están en perigo a vida ou a integridade física do menor».

Artigo 4º

Modifícase o punto 1 do artigo 43º, que quedará redactado como segue:

«1. Cando os pais ou titores, por circunstancias graves, cumpridamente avaliadas, non poidan coida-lo menor poderán solicitar da delegación provincial competente que asuma a garda polo tempo necesario. Así mesmo, a delegación provincial asumirá a garda cando así o acorde o xuíz nos casos nos que legalmente proceda».

Artigo 5º

Modifícanse os puntos 2 e 3 do artigo 45º, que quedarán redactados como segue:

«2. Os equipos técnicos valorarán a solicitude e a documentación que consta no expediente e formularán as propostas de actuación que elevarán ó delegado provincial para a súa resolución, que se dictará no prazo de 6 meses desde a solicitude. Se a resolución é favorable á garda, os pais deberán asumi-los compromisos que desde a Administración se lles sinalen.

3. Cando da valoración da solicitude da garda se deduza que esta non é a medida máis axeitada, o delegado provincial dictará resolución denegatoria e proporalles ós solicitantes outras medidas de apoio».

Artigo 6º

Engádese un segundo punto ó artigo 53º, quedando o texto actual como punto 1 e os puntos enumerados alfabeticamente, que quedará redactado como segue:

«1. As persoas que desexen acoller un menor sen finalidade preadoptiva presentarán a correspondente solicitude ante a delegación provincial do seu domicilio, xunto coa seguinte documentación:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade.

b) Informe ou certificado médico de saúde física e psíquica conforme poden prestar unha adecuada atención ó menor.

c) Certificado de convivencia no que consten tódalas persoas que viven no domicilio.

d) Certificado literal de nacemento dos solicitantes.

e) Se é o caso, fotocopia do libro de familia.

f) Fotocopia da última declaración de renda ou, no seu defecto, certificación negativa expedida pola Axencia Tributaria.

g) Calquera outro documento que se coide conveniente.

2. No caso de acollementos simples, deberanlle xuntar tamén á solicitude un compromiso de que non se solicitará a adopción mentres dure o acollemento do menor».

Artigo 7º

Engádese un novo punto 2 ó artigo 56º, quedando o actual punto 2 como punto 3, que quedará redactado como segue:

«2. O documento de formalización no caso de acollemento simple deberá recolle-lo compromiso dos acolledores de non solicita-la adopción mentres dure o acollemento.

3. O documento de formalización do acollemento familiar remitiráselle o Ministerio Fiscal».

Artigo 8º

Modifícase o punto 1 do artigo 68º, que quedará redactado como segue:

«1. Na dirección xeral competente en materia de familia constituirase o Rexistro de Adopcións da

Comunidade Autónoma de Galicia. O Rexistro de Adopcións constará de dúas seccións, divididas á súa vez en varias subseccións:

1. Sección primeira: adopción nacional.

a) Subsección primeira: solicitudes de adopción nacional.

b) Subsección segunda: solicitantes idóneos para adopción nacional.

c) Subsección terceira: acollementos preadoptivos formalizados de adopción nacional.

d) Subsección cuarta: adopcións nacionais constituídas.

2. Sección segunda: adopción internacional.

a) Subsección primeira: solicitudes de adopción internacional.

b) Subsección segunda: solicitantes idóneos para adopción internacional.

c) Subsección terceira: preasignacións de menores.

d) Subsección cuarta: adopcións internacionais constituídas».

Artigo 9º

Modifícase o artigo 69º, que queda redactado como segue:

«Artigo 69º.-Subsección primeira. Solicitudes de adopción.

1. Na subsección primeira da sección primeira do rexistros de adopción nacional e da sección segunda de adopción internacional efectuaranse as inscricións das solicitudes recibidas.

2. Expedirase certificación, que se remitirá ás delegacións provinciais respectivas, na que constará a data de inscrición e o número de rexistro asignado.

3. A delegación provincial comunicarálle-lo certificado ós interesados e procederá á apertura dun expediente individualizado».

Artigo 10º

Modifícase o artigo 70º, que quedará redactado como segue:

«Artigo 70º.-Subsección segunda. Solicitantes idóneos para a adopción.

1. Na subsección segunda da sección primeira do rexistro de adopción nacional e da sección segunda de adopción internacional constará a relación dos solicitantes declarados idóneos.

2. No rexistro de adopcións nacionais figurará unha lista dos solicitantes idóneos menores de 40 anos para a adopción de nenos menores dun ano. A orde de antigüidade destes estará determinada pola data de presentación das súas solicitudes».

Artigo 11º

Modifícase o artigo 71º, que quedará redactado como segue:

«Artigo 71º.-Subsección terceira.

1. Na subsección terceira da sección primeira do rexistro de adopcións nacionais anotaranse as reso

lucións de formalización dos acollementos preadoptivos, remitíndose a cada delegación provincial a certificación expedida. Así mesmo, anotarase a data de presentación das propostas de adopción.

2. Na subsección terceira da sección segunda do rexistro de adopcións internacionais, anotaranse as preasignacións de menores efectuadas polo país de orixe do menor ós adoptantes».

Artigo 12º

Modifícase o artigo 72º que quedará redactado como segue:

«Artigo 72º.-Subsección cuarta. Adopcións constituídas.

Na subsección cuarta da sección primeira do rexistro de adopción nacional e da sección segunda de adopción internacional anotarase a data da resolución xudicial firme de constitución de adopción e farase consta-lo arquivo do expediente administrativo.

No caso de adopción nacional, seralles notificado ós interesados.

No caso de adopción internacional, arquivarase o expediente unha vez finalizados os seguimentos que esixe o país de orixe do menor».

Artigo 13º

Modifícase o punto 1 do artigo 73º, que quedará redactado como segue:

«1. As persoas que desexen adoptar un neno deberán presentar solicitude normalizada dirixida á delegación provincial correspondente ó seu domicilio. Esta solicitude poderase presentar en calquera dos rexistros que establece o artigo 38 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común».

Artigo 14º

Modifícase o artigo 78º, que quedará redactado como segue:

«Artigo 78º.-Proposta razoada sobre a idoneidade dos solicitantes.

Finalizada a valoración, o equipo técnico do menor elevaralle ó delegado provincial unha proposta razoada sobre a idoneidade dos solicitantes. Recibida a proposta, o delegado provincial emitirá resolución no prazo máximo de seis meses desde a data da solicitude. De non dictarse resolución expresa no dito prazo, a solicitude considerarase denegada por silencio administrativo».

Artigo 15º

Modifícase o artigo 79º, que quedará redactado como segue:

«Artigo 79º.-Resolución.

A resolución sobre a idoneidade será motivada e notificaráselles ós interesados. A devandita resolución non implica a finalización do proceso de valoración, senón que este poderá continuar co obxecto

de flexibiliza-la demanda e as motivacións dos solicitantes, o que poderá facerse a través dun proceso de formación».

Artigo 16º

Engádese un punto nº 1 e modifícase o punto 2 do artigo 80º, que quedarán redactados como segue:

«1. Os solicitantes de adopción terán que lle comunicar á delegación provincial calquera cambio das súas circunstancias, no momento que se produza e que poida influír nesta valoración, o que levará á revisión polo equipo técnico da valoración inicial.

2. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, transcorridos tres anos desde a declaración de idoneidade dun solicitante sen que se formalice un acollemento preadoptivo, deberá ratificarse a valoración inicial ou realizarse unha nova en caso de variar significativamente as circunstancias que a motivaron».

Artigo 17º

Modifícanse as letras a) e b) do punto 1 do artigo 82º, que quedarán redactadas como segue:

«a) Cando se trate dun neno ou unha nena menor de 1 ano en situación legal de ser adoptado e que non presente ningún problema de saúde, deficiencia significativa ou circunstancia especial que demande un tratamento diferenciado, a delegación provincial remitiralle ó responsable do Rexistro de Adopcións a ficha do menor, requirindo solicitante ou solicitantes idóneos para el.

O responsable do rexistro de adopcións remitiralle á delegación provincial os datos dos solicitantes que estean situados en primeiro lugar na lista que figura na subsección segunda da sección primeira do rexistro de adopción nacional.

b) No caso dun neno ou nena de máis dun ano ou que presente algún tipo de necesidade especial, a delegación provincial, por proposta do equipo técnico, seleccionará de entre os solicitantes da súa provincia declarados idóneos, os que máis se axeitan ás características ou circunstancias do menor. A selección farase de acordo cos criterios de preferencia seguintes: 1º Orde cronolóxica da solicitude e 2º Idade dos solicitantes».

Artigo 18º

Modifícase o capítulo V, que quedará redactado como segue:

«Capítulo V

Da adopción internacional

Sección primeira

Disposicións xerais

Artigo 88º.-Autoridade competente.

A Dirección Xeral de Familia é a autoridade central da Comunidade Autónoma de Galicia encargada de darlles cumprimento ás obrigas que impón o convenio relativo á protección do neno e á cooperación en materia de adopción internacional feito na Haia

o 29 de maio de 1993, ratificado por España o 30 de xuño de 1995.

Artigo 89º.-Tramitación do proceso de adopción internacional.

1. A Dirección Xeral de Familia, as delegacións provinciais ou as entidades colaboradoras de adopción internacional debidamente habilitadas, informarán os solicitantes sobre a tramitación necesaria para proceder á adopción internacional e sobre os requisitos específicos que se esixen nos diferentes países.

2. As solicitudes de adopción internacional tramitaranas:

a) A Dirección Xeral de Familia

b) As entidades colaboradoras de adopción internacional debidamente habilitadas e, en todo caso, as ditas entidades cando asi o esixa o país de orixe do menor.

3. A solicitude formularase para un país concreto. Iniciados os trámites dunha solicitude, será necesario finalizar ou cancela-lo proceso de adopción para poder iniciar unha nova tramitación no mesmo ou noutro país.

Non obstante o disposto no parágrafo anterior, cando nun país se paralice a tramitación de tódolos expedientes de adopción internacional xa iniciados, sen que poida preverse unha continuación destes en prazo próximo, a Dirección Xeral de Familia, logo de petición do interesado, poderá autoriza-la tramitación dun segundo expediente nun país distinto. No caso de producirse unha continuación dos expedientes paralizados, os solicitantes deberán optar por un dos dous abertos e desistir do outro.

Artigo 90º.-Valoración de idoneidade.

1. As persoas interesadas en adoptar un menor estranxeiro e residente nun país estranxeiro deberán formular solicitude de valoración de idoneidade ante a delegación provincial correspondente ó seu domicilio.

2. O estudio e valoración para a declaración de idoneidade axustarase ó procedemento establecido na sección quinta do capítulo IV do título II deste regulamento, coas seguintes especialidades:

a) Teranse en conta os requisitos e circunstancias que concorran no país ó que se lle formulará a petición de adopción. Entre outros aspectos, valorarase especialmente a aceptación das diferencias raciais, étnicas e culturais.

b) Finalizada a valoración polo equipo técnico do menor, o delegado provincial elevaralle unha proposta de resolución sobre a idoneidade dos solicitantes á Dirección Xeral de Familia. Recibida a proposta, a dirección xeral emitirá resolución no prazo máximo de seis meses desde a data da solicitude.

c) Correspóndelle a dirección xeral a expedición dos certificados de idoneidade, e cando o esixa o país de orixe do menor, a expedición do compromiso

de seguimento previamente aceptados polos solicitantes.

d) Certificado de idoneidade e os informes de valoración dos solicitantes, seranlle enviados ó organismo competente do país de orixe do menor, directamente ou mediante ECAI habilitada para actuar no país correspondente, sen prexuízo das persoas interesadas a obter copias.

En todo caso, o certificado de idoneidade só será válido para o país para o que se solicitase.

Artigo 91º.-Tramitación do expediente.

A tramitación do expediente de adopción axustarase ó procedemento establecido polo Convenio da Haia, do 29 de maio de 1993, relativo á protección do neno e á cooperación en materia de adopción internacional.

Artigo 92º.-Países que non teñen asinado protocolo de colaboración ou ratificado o Convenio da Haia.

1. No suposto de que o país no que se pretenda solicita-la adopción dun menor non tivese asinado protocolo de colaboración ou ratificado o Convenio da Haia, facilitaráselles ós interesados o enderezo e a información sobre o organismo oficial ó que deben dirixi-la súa solicitude, ben directamente, ben a través dunha ECAI debidamente acreditada. En calquera caso orientaranse os solicitantes que se dirixan ós países que teñan ratificado o Convenio da Haia ou asinado un protocolo de colaboración nesta materia.

2. Nestes casos, o certificado de idoneidade e os informes psicosociais dos solicitantes serán remitidos pola Dirección Xeral de Familia ó organismo competente do país de orixe do menor, ou á súa representación diplomática, directamente ou a través da ECAI.

Artigo 93º.-Preasignación dun menor.

De conformidade co Convenio da Haia, a preasignación dun menor será estudiada pola delegación provincial competente, que emitirá un informe-proposta. Este informe, xunto coa aceptación da familia á preasignación, serán elevados á Dirección Xeral de Familia, que certificará a conformidade ou non coa preasignación do menor, así como a continuación do procedemento se é o caso. Os solicitantes comunicaránlle á delegación provincial a constitución da adopción e a chegada do menor á Comunidade Autónoma de Galicia.

Sección segunda

Concepto de actuación e réxime xurídico das

entidades colaboradoras de adopción internacional

Artigo 94º.-Entidades colaboradoras de adopción internacional.

1. Para os efectos deste decreto enténdese por entidades colaboradoras de adopción internacional aquelas que sen ánimo de lucro e legalmente constituídas, teñan nos seus estatutos como fin a protección de menores e que, reunindo os requisitos

previstos nesta norma, obteñan a correspondente habilitación da Dirección Xeral de Familia, para intervir en funcións de mediación, determinadas por esta dirección xeral, en adopción internacional nos termos e condicións establecidas neste regulamento.

2. As entidades colaboradoras terán como referencia e respectarán na súa actuación o ordenamento xurídico español e a lexislación do país de orixe do neno e o que se establece neste regulamento.

Artigo 95º.-Ámbito de actuación.

1. Nesta sección regúlanse as actuacións das entidades colaboradoras de adopción internacional que se leven a cabo no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No estranxeiro, a intervención da entidade colaboradora estará referida ó país ou países para os que fose habilitada pola Dirección Xeral de Familia e autorizada polas autoridades competentes dos ditos países.

3. A entidade colaboradora intervirá en funcións de mediación para a adopción internacional, solicitada por residentes no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia ó país ou países para os que sexa habilitada, para as actividades e nos termos e condicións establecidas pola Dirección Xeral de Familia.

Artigo 96º.-Réxime xurídico.

O procedemento de tramitación das adopcións internacionais e o funcionamento das entidades colaboradoras de adopción internacional axustaranse ó que estableza a normativa internacional, estatal e autonómica aplicable, e a este regulamento, e especialmente ó Convenio da Haia, do 29 de maio de 1993, sobre a protección do neno e a cooperación en materia de adopción internacional.

Sección terceira

Requisitos para a habilitación

Artigo 97º.-Requisitos para a habilitación.

A entidade colaboradora debe reuni-los seguintes requisitos:

1. Que se trate dunha entidade constituída legalmente e inscrita no rexistro correspondente de acordo co seu ámbito territorial de actuación, así como no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servicios Sociais desta consellería.

2. Que teña como finalidade nos seus estatutos a protección de menores de acordo co previsto na lexislación española e os principios recollidos na Convención de Dereitos do Neno e demais normas internacionais aplicables.

3. Que persiga fins non lucrativos.

4. Que a súa traxectoria no desenvolvemento das actividades para a consecución dos obxectivos estatutarios sexa correcta e adecuada.

5. Que teña aptitudes para cumprir correctamente as funcións que vaia asumir.

6. Que no proxecto de actuación que presente quede suficientemente garantido o respecto ós principios e normas da adopción internacional e a debida intervención dos organismos administrativos e xudiciais competentes do país estranxeiro no que vai efectua-la súa actuación.

7. Que dispoña dos medios materiais necesarios para o desenvolvemento das súas funcións.

8. Que conte con equipos multidisciplinares, formados como mínimo por un licenciado en dereito, un psicólogo e un traballador social, competentes profesionalmente e con experiencia no ámbito da infancia, adolescencia e familia, así como coñecementos das cuestións relativas á adopción internacional. O equipo técnico será exclusivo desta comunidade, aínda que a ECAI estea acreditada tamén noutras comunidades autónomas.

9. Que estea dirixida e administrada por persoas cualificadas pola súa integridade moral e pola súa formación e/ou experiencia para actuar no ámbito da adopción internacional.

10. Que recolla nos seus estatutos os principios e as bases segundo os cales poden repercutir nos solicitantes de adopción os gastos derivados da tramitación efectuada pola entidade colaboradora.

11. Que teña o seu domicilio social en Galicia ou actúe a través de establecementos radicados nela e representación no país estranxeiro para o que solicita a habilitación.

12. Que xustifique mediante estudio económico os custos e gastos directos, incluídos os honorarios profesionais, derivados da tramitación xurídico-administrativa das solicitudes e procesos de adopción internacional para acreditar que non poderán obter beneficios indebidos.

Sección cuarta

Procedemento para a habilitación

Artigo 98º.-Procedemento para a habilitación de entidades colaboradoras.

1. A habilitación dunha entidade colaboradora para actuar en adopcións internacionais poderá realiza-la directamente a Dirección Xeral de Familia, unha vez comprobado que reúne tódolos requisitos establecidos no artigo 97 deste decreto ou ben por concurso público. A habilitación a través de convocatoria pública regularase mediante decreto.

2. Recorrerase á convocatoria pública na que se seleccionarán, entre as entidades que reúnan tódolos requisitos, as que ofrezan maiores garantías de calidade e respecto ós principios internacionais que deben rexe-la adopción, nos seguintes casos:

a) Cando exista unha desproporción entre o número de entidades que solicitan a habilitación para un determinado país e o número de preasignacións que anualmente se obteñen nel.

b) Cando sexa necesario reduci-lo número de entidades colaboradoras habilitadas para o mesmo país.

c) Cando sexa adecuado fomenta-la presentación de solicitudes de habilitación para determinados países.

d) Cando outras circunstancias excepcionais e xustificadas o aconsellen».

Artigo 99º.-Solicitude de documentación.

1. A habilitación dunha entidade colaboradora para actuar en adopcións internacionais supón a súa vontade previa de solicitala en modelo normalizado (anexo I), que deberá presentarse coa seguinte documentación:

a) Acreditación da identidade do asinante da solicitude e, se é o caso, da representación que exerza.

b) Copia autenticada da acta ou acordo de creación da entidade e dos seus estatutos así como certificado de inscrición no rexistro ou rexistros correspondentes á súa natureza.

c) Copia da tarxeta de identificación fiscal.

d) Documento acreditativo da composición do órgano de dirección, no que exprese o nome completo de cada membro e o seu documento nacional de identidade, así como do persoal que vai prestar servicios na entidade colaboradora co seu historial profesional.

e) Relación detallada dos medios materiais e patrimoniais dos que dispoñan para o desenvolvemento das súas funcións.

f) Documento que acredite a formación ou experiencia para actuar no ámbito da adopción internacional.

g) Proxecto de actuación do representante no país, no que se detallarán tódalas súas actuacións, previas e posteriores á asignación do menor, nas diferentes fases administrativas e xudiciais e as zonas onde se vai traballar, indicando a metodoloxía de traballo.

h) Plan económico sobre ingresos e gastos con indicación das percepcións que se prevexan cobrar ós solicitantes de adopción ó longo de todo o proceso.

i) Declaración na que consten os motivos polos que desexa actuar en materia de adopción internacional no país para o que solicita a habilitación.

j) Declaración de que cumpre os requisitos previstos neste capítulo e mailas instruccións dictadas pola consellería competente en materia de familia.

Toda esta documentación deberá presentarse debidamente compulsada.

2. A solicitude e maila documentación dirixiranse á Dirección Xeral de Familia, e poderá presentarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Cando do exame da documentación presentada se apreciase falta ou defecto nela, requirirase o asinante para que, nun prazo de 10 días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixese se considerará desistido da súa petición, logo de resolución na que se declare esta circunstancia.

4. A intervención en procesos de adopción de menores estranxeiros precisará de habilitacións diferentes con respecto a cada un dos países nos que a entidade colaboradora desexe intervir, para o que deberá presentar unha solicitude por cada un deles.

5. A Dirección Xeral de Familia, unha vez tramitado o oportuno expediente administrativo e comprobado que se cumpren tódolos requisitos previstos, dictará e notificará a resolución outorgando, se é o caso, a habilitación da entidade no prazo máximo de seis meses.

6. O titular ou representante legal da entidade colaboradora deberá poñer en coñecemento da Dirección Xeral de Familia todas aquelas modificacións que afecten os datos sinalados neste artigo.

7. Unha vez concedida a habilitación pola Dirección Xeral de Familia, anotarase no correspondente rexistro de entidades prestadoras de servicios sociais da consellería competente en materia de familia coa denominación de entidade colaboradora de mediación en adopción internacional.

Artigo 100º.-Efectividade da resolución.

A habilitación outorgada á entidade colaboradora pola Dirección Xeral de Familia queda condicionada:

a) Á obtención pola entidade colaboradora no prazo máximo dun ano de autorización para actuar no dito país polas autoridades competentes mediante resolución formal.

b) Á constitución dun fondo de reserva en calquera dos establecementos financeiros legalmente autorizados en España por un valor non inferior a dez veces a contía dos gastos indirectos por expediente que perciban dos solicitantes. Este fondo responderá das continxencias improntas que afecten a continuación dos expedientes ou o funcionamento da propia entidade, e non poderá ser utilizado sen autorización previa da Dirección Xeral de Familia.

Artigo 101º.-Duración.

1. A habilitación terá unha duración de dous anos e quedará prorrogada tacitamente por períodos anuais, excepto que a entidade colaboradora solicite a súa baixa cun prazo de antelación de seis meses á data de vencemento; neste caso estará obrigada a finaliza-la tramitación de tódolos expedientes que iniciase con anterioridade á dita solicitude. Á súa finalización, a ECAI está obrigada a lle entregar á Administración tódolos expedientes tramitados nun prazo máximo de 3 meses.

2. Non se producirá a prórroga tácita nos supostos recollidos nos artigos 98.2º b) e 104.1º deste regulamento.

Artigo 102º.-Revogación.

A Dirección Xeral de Familia poderá, mediante resolución motivada, logo de instrucción do oportuno procedemento, deixar sen efecto a habilitación, definitiva ou temporalmente, se a entidade colaboradora deixase de reuni-los requisitos e condicións esixidas, incumprise algunha norma legal ou as condicións e termos fixados polo órgano habilitante ou non tramitase ningún expediente de adopción internacional durante o período de dous anos.

Artigo 103º.-Efectos da revogación.

1. Na resolución pola que se revogue a habilitación dunha entidade colaboradora, establecerase, logo de audiencia dos interesados, se a entidade colaboradora está obrigada a finalizar por si mesma os expedientes iniciados, ou se a tramitación será continuada por outra entidade ou pola entidade pública no caso de que fose posible, afrontando a entidade as responsabilidades, incluso económicas, que poida supoñer. Nos supostos que a ECAI non finalice os expedientes por si mesma, deberá remitilos á Dirección Xeral de Familia, calquera que sexa a fase de tramitación, trasladandolle á Administración a titularidade e control dos que se atopen nos organismos competentes do país de orixe do menor.

2. Así mesmo, deberá efectua-la liquidación das cantidades percibidas dos solicitantes, xustificando o seu destino tanto nas aplicadas a gastos directos como indirectos. As cantidades percibidas a conta, que no momento da revogación da habilitación non se aplicaran ós gastos para as que estaban destinadas, serán devoltas ós solicitantes.

3. A liquidación da entidade colaboradora deberá ser remitida, co correspondente informe de auditoría, á Dirección Xeral de Familia para a súa aprobación.

Artigo 104º.-Limitación.

1. Se algún dos países de orixe dos menores susceptibles de adopción establece un límite no número de entidades colaboradoras de mediación en adopción internacional para actuar no seu territorio, a Dirección Xeral da Familia cooperará cos órganos competentes das comunidades autónomas e do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais para facer posible a habilitación do número máximo de entidades colaboradoras determinado polo límite referido, denegando as solicitudes das restantes entidades interesadas.

2. Cando se constate ou prevexa que haxa unha desproporción entre o número de expedientes en trámite e o número de asignacións que unha entidade colaboradora está obtendo nun determinado país ou países, a Dirección Xeral de Familia poderá acordar mediante resolución motivada, a suspensión do envío de novos expedientes a esta entidade colaboradora.

Sección quinta

Réxime de funcionamento

Artigo 105º.-Obrigas das entidades colaboradoras.

1. A entidade colaboradora, unha vez habilitada pola Dirección Xeral de Familia, terá as seguintes obrigas:

a) Deberá ter coñecemento detallado e cumpri-la lexislación sobre protección de menores e adopción, tanto estatal e autonómica, como do país estranxeiro para o que estea habilitada.

b) Deberá asegurarse da ausencia de compensación pola adopción do menor.

c) Deberá ter á disposición dos usuarios tanto as habilitacións concedidas como os prezos dos servicios que presta.

d) Informará mensualmente a Dirección Xeral de Familia sobre:

-Os solicitantes que rexistre tanto de alta como de baixa.

-Os expedientes que envíe a cada país.

-Os menores adoptados ou tutelados co fin de adopción que chegasen a España, nos que interviñera na súa tramitación, en favor de persoas ou familias residentes no territorio da Comunidade Autónoma.

e) Manterá reunións periódicas cos responsables de adopcións internacionais da Dirección Xeral de Familia e técnicos das delegacións provinciais, para os efectos de poder establecer criterios comúns de traballo.

f) Porá á disposición da Dirección Xeral de Familia, cando esta o requira, tódolos documentos que teñan que ver coa actividade para a cal foi habilitada.

g) Comunicaralle á Dirección Xeral de Familia calquera modificación dos datos relevantes achegados coa solicitude de habilitación ou proxecto de actuación, co fin de que, se é o caso, esta lle outorgue a oportuna autorización á modificación de que se trate.

h) Remitiralle á Dirección Xeral de Familia unha memoria anual, antes do 31 de marzo, na que se incluirá:

-Informe sobre as actividades realizadas e sobre a situación da entidade.

-Copia dos balances e orzamentos.

-Informe emitido por auditor autorizado.

-Informe sobre a dispoñibilidade das contas correntes.

-Informe sobre a situación contractual do persoal.

-Calquera outra información que lle requira a dirección xeral.

i) Deberá concertar un seguro de responsabilidade civil para garantir calquera tipo de responsabilidade deste carácter que derive do seu funcionamento.

j) Deberá manter unha xestión, infraestructura e programa orzamentario totalmente independente da entidade á que pertenza.

k) Deberá garantir e preserva-la confidencialidade de tódolos datos ós que poida acceder nas súas actuacións ou traballo, de acordo co recollido na normativa vixente en materia de protección de datos.

2. Así mesmo, a entidade colaboradora deberá informa-las autoridades competentes sobre calquera irregularidade, abuso ou ganancia indebida da que teña coñecemento, entendida esta última como beneficio financeiro distinto daqueles gastos que fosen precisos para cubri-los estrictamente necesarios que poidan derivar da adopción de nenos que residen noutro país.

3. A entidade prestará alomenos media xornada diaria de atención presencial e telefónica ó público.

Artigo 106º.-Réxime especial do persoal.

As persoas que presten servicios nunha entidade colaboradora estarán suxeitas ó seguinte réxime de actuación:

1. Estarán obrigadas a gardar segredo da información á que teñan acceso sobre adoptantes e adoptandos.

2. Non poderán simultanea-la súa actividade con outra no sector público en traballos relacionados coas materias obxecto de actuación da entidade.

3. Non poderán facer uso dos servicios dela.

4. Non poderán intervir nas funcións de mediación de adopción internacional cando concorran as seguintes circunstancias:

-Ter interese persoal no asunto tratado, ou noutro asunto que poida influír na resolución do primeiro.

-Ter cuestión litixiosa pendente con algún interesado.

-Ter parentesco de consanguinidade ata o cuarto grao ou de afinidade ata o segundo grao, con calquera dos interesados, asesores, representantes legais ou mandatarios que interveñan no proceso de mediación, así como compartir despacho profesional ou estar asociado con aqueles para o asesoramento, a representación ou o mandato.

-Ter amizade íntima ou inimizade manifesta con algunha das persoas mencionadas no parágrafo anterior.

-Ter intervido como perito ou testemuña no proceso de que se trate.

-Ter relación de servicio coa persoa interesada directamente no asunto, ou ter prestado servicios profesionais de calquera tipo ou en calquera circunstancia nos dous últimos anos.

5. Os representantes que realicen actos en nome da ECAI, deberán someter estes actos á supervisión da Dirección Xeral de Familia. Por estes actos responde a entidade que representa.

Artigo 107º.-O representante da ECAI no país de orixe do menor.

A ECAI deberá ter un representante no país de orixe do menor que cumpra os seguintes requisitos:

a) Ser unha persoa física. Excepcionalmente poderá ser unha persoa xurídica se así o prevé a normativa do estado de orixe.

b) Te-la súa residencia no país de orixe do menor, no que vai desenvolve-la súa actividade.

c) Ter experiencia acreditada en materia de menores.

d) Ter coñecemento a nivel legal e social da situación do país de orixe do menor.

e) O representante estará vinculado á ECAI mediante contrato laboral, mercantil ou mandato civil. En ningún caso, a súa remuneración consistirá nunha cantidade por cada expediente finalizado.

Artigo 108º.-Particularidades da tramitación.

1. A entidade colaboradora non poderá admitir a trámite nova solicitude daquelas persoas que xa teñen en trámite unha solicitude anterior de adopción internacional nesa ou noutra entidade colaboradora ou directamente a través da entidade pública.

2. A entidade colaboradora non poderá tramitar un mesmo expediente en varios países á vez. Iniciados os trámites dunha solicitude, será necesario finalizar ou cancela-lo proceso de adopción para poder iniciar unha nova tramitación no mesmo ou noutro país, agás a excepción prevista no artigo 89.3º deste decreto.

3. As solicitudes de adopción que se tramiten a través da entidade colaboradora deberán estar referidas a menores susceptibles de adopción do país ou países para os que fose habilitada.

4. Poderán intervir nos trámites tendentes á constitución de adopcións plenas, ou institucións xurídicas que posibiliten e autoricen expresamente a constitución da adopción plena en España, cando a lexislación do país de orixe estableza unicamente esta posibilidade para a adopción por estranxeiros.

5. Igualmente intervirán nos trámites conducentes á constitución no país de orixe dos menores de adopcións non plenas, naqueles supostos en que se prevé que posteriormente en España se pode constituí-la adopción plena dese menor.

Sección sexta

Funcións e actuacións das entidades colaboradoras

Artigo 109º.-Actuacións previas á adopción das entidades colaboradoras.

Previamente á constitución da adopción, as funcións da entidade colaboradora en España serán as seguintes:

1. Desenvolverá actividades de información e asesoramento.

2. Levará un rexistro das solicitudes de tramitación de adopción internacional recibidas, que inscribirá por orde de entrada, reflectindo a data de recepción

do certificado de idoneidade dos adoptantes, así como, se é o caso, o compromiso de seguimento.

En todo caso, o certificado de idoneidade, que será emitido pola Dirección Xeral de Familia, e o seu correspondente informe psicosocial, así como o compromiso da familia de someterse ó seguimento e o da Dirección Xeral de Familia de efectualo, serán remitidos directamente desde a dirección xeral á entidade colaboradora.

3. Encargarase, por petición dos solicitantes, de completa-lo expediente de adopción internacional, para o que reclamará os documentos necesarios, procederá, se é o caso, á súa traducción, e efectuará as xestións necesarias para a súa legalización e autenticación.

4. Desenvolverá actividades de preparación e formación para a adopción internacional, se así se indica na resolución administrativa de habilitación, orientadas a persoas que están tramitando a adopción a través desa entidade colaboradora.

5. Remitirá a documentación que conforme o expediente, incluídos o certificado de idoneidade e o compromiso de seguimento emitidos pola Dirección Xeral de Familia e citados no artigo 90º deste regulamento, dirixíndoa ó seu representante no país de orixe do menor, informando disto a delegación provincial correspondente.

Artigo 110º.-Actuacións no país de orixe do menor.

As funcións e actividades da entidade colaboradora no país de orixe do menor serán as seguintes:

1. Fará chega-la documentación do expediente de adopción, a través do seu representante, á autoridade pública competente nese país ou ó organismo privado habilitado para o efecto polas autoridades deste e ante o que está autorizada a entidade colaboradora española para tramita-las solicitudes de adopción.

2. Seguirá e activará o procedemento de adopción, mantendo os oportunos contactos cos organismos públicos administrativos e xudiciais competentes na adopción. Para tal efecto, reclamará, cando sexa necesario, os documentos pertinentes dos organismos que correspondan.

3. Será informada periodicamente, a través do seu representante, sobre a situación da tramitación, co fin de poder manter informados os solicitantes e a correspondente delegación provincial.

4. Recibirá do organismo oficial do país de orixe do menor, e a través do seu representante, o documento referente á preasignación do menor.

5. Comunicaralle esta preasignación á correspondente delegación provincial que, en virtude das facultades recollidas no artigo 93º deste regulamento, emitirá informe ó respecto e dará traslado á Dirección Xeral de Familia para que esta resolva motivadamente sobre a súa aprobación ou non á preasignación.

6. Igualmente, informará da preasignación e da decisión da Dirección Xeral de Familia ós interesados, facilitándolles tódolos datos dispoñibles sobre

o menor de que se trate, solicitando a súa aceptación ou non para a adopción dese menor.

7. Presentará, a través do seu representante no organismo oficial do país de orixe do menor do que recibiu a preasignación, o documento de aprobación ou non aprobación da Dirección Xeral de Familia, e, se é o caso, o de aceptación dos solicitantes.

8. Xestionará, cando sexa necesario, o outorgamento de poderes por parte dos interesados para a actuación de avogados e procuradores ante os órganos xudiciais competentes do país de orixe do menor.

9. Será informada polo seu representante, se durante a tramitación se solicita, por parte das autoridades competentes do país de orixe do menor, algún novo documento ou a actualización dalgún dos xa presentados, co fin de poder comunicárllelo ós interesados. Por petición destes, encargarase de reclamalo, xestiona-la súa legalización e autenticación, e, se é o caso, traducción, e presentarállelo ás autoridades que o solicitasen.

10. Asegurarase de que o menor reúna tódolos requisitos para a entrada e a residencia en España, e de que dispoña de toda a documentación pertinente para o recoñecemento da eficacia da resolución estranxeira no noso país.

11. Informará os interesados do momento en que poidan trasladarse ó país de orixe do menor para ultima-los trámites da adopción.

12. Axudará os interesados nas xestións de legalización, así como naqueloutras que deban realizarse ante as dependencias consulares españolas no país de orixe do menor.

Artigo 111º.-Actuacións posteriores á constitución da adopción.

Unha vez constituída a adopción, a entidade colaboradora terá as seguintes funcións e actuacións en España ou no país de orixe do menor adoptado:

1. Comunicaralle á correspondente delegación provincial a constitución da adopción ou, se é o caso, a tutela legal con fins de adopción en España e a chegada do menor ó noso país, facilitando unha copia compulsada da resolución de adopción ou de tutela.

2. Remitiralle ó organismo competente do país de orixe do menor, cando así o requira e coa periodicidade que se sinale, os informes de seguimento da adaptación do menor á súa nova familia remitidos pola correspondente delegación provincial.

3. Asesorará e instará os adoptantes para que soliciten a inscrición da adopción no Rexistro Civil Central, no caso de que non se realizara a dita inscrición no consulado español do país de orixe do menor antes da súa partida del.

4. Preocuparase, nos supostos en que se constituíse unha adopción non plena ou unha tutela legal con fins de adopcións en España, que lle propoña ó órgano xudicial competente español á correspondente delegación provincial ou directamente ó interesado, segundo proceda legalmente, a constitución da dita adopción.

5. Informará mensualmente a correspondente delegación provincial, sobre os menores adoptados ou tutelados con fins de adopción que chegasen a España como consecuencia de expedientes tramitados a través de entidade colaboradora.

6. Comunicaralle á correspondente delegación provincial e ó organismo competente do país de orixe do menor que a resolución de adopción se inscribiu no Rexistro Civil Central ou consular correspondente. Á delegación provincial facilitaralle unha copia da inscrición rexistral.

7. Prestará servicios de apoio ó menor adoptado e, se é o caso, tutelado con fin de adopción, e ós adoptantes.

Sección sétima

Aspectos financeiros

Artigo 112º.-Disposición xeral.

Cando os ingresos anuais da entidade colaboradora de adopción internacional, tanto procedentes de subvencións de organismos públicos, percepcións por gastos de tramitación ou outros ingresos que poida percibir, sexan superiores ós gastos desta, o excedente poderá destinarse, logo de autorización da Dirección Xeral de Familia, a repercutir na reducción dos custos de tramitación de novos expedientes e/ou ó financiamento de programas ou actuacións dirixidas á protección dos menores no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia ou no estado de orixe deles.

En ningún caso a entidade colaboradora poderá recibir doazóns procedentes de persoas que teñan realizado unha adopción internacional nos dous anos anteriores, a estean tramitando ou vaian facelo, nin dos seus familiares.

Artigo 113º.-Gastos.

As entidades colaboradoras poderán percibir dos solicitantes de adopción para facer fronte ós gastos derivados da xestión específica de tramita-la adopción internacional, unha compensación económica polos seguintes conceptos:

1º Gastos indirectos: comprenderán os gastos xerais de mantemento, infraestructura e persoal da entidade, así como os do representante no país de orixe do menor.

2º Gastos directos, que comprenderán os seguintes conceptos:

a) Gastos de tramitación e de obtención, traducción, autenticación de documentos e xestións similares que, se é o caso, realice a entidade colaboradora tanto en España como no estranxeiro.

b) Os que poidan repercutir nos adoptantes correspondentes á manutención do menor nos países nos que a súa lexislación así o requira, non podendo ser anteriores á data en que o adoptante aceptou a preasignación do menor.

a) Doazóns humanitarias nos países nos que os orfanatos ou residencias infantís dependen das doazóns dos adoptantes que sexan autorizadas pola

Dirección Xeral de Familia unha vez comprobado que estas non contraveñan os principios que regulan a adopción internacional e acreditada a legalidade destas doazóns, as súas contías e condicións pola autoridade central do país.

Os gastos correspondentes ós pagamentos directos tanto se se produciran en España como no país de orixe do menor serán sempre realizados pola entidade colaboradora que os xustificará posteriormente, mediante comprobantes ou facturas, unha vez finalizada cada fase de tramitación, ou resolta a relación contractual.

Artigo 114º.-Publicidade dos custos.

A entidade colaboradora informará as persoas que soliciten o seu asesoramento, ou que demanden os seus servicios do importe aproximado dos gastos que, salvo imprevisibles, ocasionarán os trámites de adopción. Igualmente, porá en coñecemento da Dirección Xeral de Familia as sucesivas actualizacións dos custos de tramitación.

Artigo 115º.-Retribucións do persoal.

1. O importe das retribucións do persoal non poderá ser superior ó que está establecido, legal ou convencionalmente, de forma xeral no territorio e para a actividade que vaian desenvolver. En ningún caso percibirán as súas retribucións en función das tramitacións ou xestións realizadas.

2. Os membros dos órganos de goberno da ECAI non poderán percibir ningunha remuneración con cargo a esta, salvo cando excepcionalmente e debidamente autorizados pola entidade pública, realicen persoalmente funcións de mediación. En todo caso non poderán percibir por estas funcións máis da cantidade que se estableza por estas funcións na resolución de autorización.

Artigo 116º.-Conta corrente.

Tódolos pagamentos que deban realiza-los solicitantes serán ingresados por estes na conta corrente única da entidade, desde a que se realizarán os pagamentos que procedan ou as oportunas transferencias bancarias. No caso de que algún dos gastos directos deba realizarse en moeda estranxeira, a xustificación posterior precisará a data e o tipo de cambio ó que se realizou, agás que a entidade fora autorizada a dispoñer dunha segunda conta corrente en divisa estranxeira para o pagamento destes costes directos.

Artigo 117º.-Contabilidade.

En todo caso, a súa contabilidade estará adecuada ó Plan Xeral Contable e ás normas que para o efecto poida dicta-la Comunidade Autónoma.

Sección oitava

Inspección

Artigo 118º.-Disposicións xerais.

1. A inspección sobre estas entidades colaboradoras no referente ás súas actividades de mediación en adopcións de menores estranxeiros para as que foi habilitada, corresponderalle ó órgano de inspección da consellería competente en materia de familia.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, a Dirección Xeral de Familia efectuará a supervisión e o control das entidades colaboradoras. Para tales efectos, levarase un rexistro de reclamacións formuladas polas persoas que acudan ás entidades colaboradoras habilitadas. Así mesmo, informará a dirección xeral competente nesta materia do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, das entidades colaboradoras habilitadas para que, pola súa vez, o poña en coñecemento do órgano competente do país estranxeiro onde vaia actuar.

Artigo 119º.-Coordinación con outras comunidades autónomas.

Cando a mesma entidade colaboradora sexa habilitada tamén noutra ou noutras comunidades autónomas, a Dirección Xeral da Familia establecerá a oportuna coordinación cos órganos competentes delas para efectos deste control.

Sección novena

Arbitraxe

Artigo 120º.-Sometemento a arbitraxe.

As controversias que poidan suscitarse entre os solicitantes de adopción internacional e a entidade colaboradora que tramite o seu expediente, someteranse obrigatoriamente a arbitraxe ante a Dirección Xeral de Familia, atenderase ó establecido na lexislación vixente nesta materia, sendo o laudo que se dicte de obrigado cumprimento para ámbalas dúas partes».

Artigo 19º

Modifícase o capítulo VI do decreto, queda redactado como segue:

«Capítulo VI

Comisión Galega Interinstitucional do Menor

Artigo 121º.-Adscrición.

A Comisión Galega Interinstitucional do Menor constitúese como órgano adscrito á consellería competente en materia de familia, coa composición, competencias e funcionamento que se establecen nos seguintes artigos.

Artigo 122º.-Funcións.

A Comisión Galega Interinstitucional do Menor terá, no ámbito autonómico, a función de coordinación das comisións técnicas interinstitucionais provinciais sobre o menor así como o establecemento de directrices e plans de actuación.

Artigo 123º.-Composición.

1. A composición da Comisión Galega Interinstitucional do Menor será a seguinte:

a) Presidente: o/a conselleiro/a competente en materia de familia.

b) Vocais:

-Un representante da consellería competente en materia de familia, con rango de director xeral.

-Un representante da consellería competente en materia de educación, con rango de director xeral.

-Un representante da consellería competente en materia de saúde pública, con rango de director xeral.

-Un representante da consellería competente en materia de asuntos sociais, con rango de director xeral.

-Un representante da consellería competente en materia de xustiza, con rango de director xeral.

-Un representante da consellería competente en materia de inmigración, con rango de director xeral.

-Os delegados provinciais da consellería competente en materia de familia.

2. Tamén formarán parte da comisión:

-O delegado do Goberno en Galicia ou persoa en quen delegue.

-En representación das deputacións provinciais de Galicia, os seus respectivos presidentes ou, no seu defecto, os deputados que estes designen.

-En representación dos concellos da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Ferrol e Santiago de Compostela, asistirán os seus respectivos alcaldes ou concelleiros que estes designen.

-Un representante da Sociedade Galega de Pediatría.

-Un representante de saúde mental do Sergas.

3. Tódolos nomeamentos e as súas sucesivas modificacións seranlle debidamente notificados ó secretario da comisión.

Artigo 124º.-Reunións.

A Comisión Galega Interinstitucional do Menor reunirase con carácter ordinario unha vez ó ano, e con carácter extraordinario, cando se considere oportuno mediante convocatoria feita polo seu presidente».

Artigo 20º

Modifícase o capítulo VII do decreto, que queda redactado como segue:

«Capítulo VII

Comisións técnicas interinstitucionais sobre

o menor

Artigo 125º.-Adscrición.

As comisión técnicas interinstitucionais sobre o menor adscríbense ás respectivas delegacións da consellería competente en materia de familia, e terán a composición, estructura e funcións que se establecen nos seguintes artigos.

Artigo 126º.-Finalidade.

As comisións técnicas interinstitucionais provinciais actuarán como órgano asesor e consultivo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia en materia do menor, coordinando a actuación dos distintos órganos que os integran.

Artigo 127º.-Funcións.

Correspóndelles ás comisións técnicas interinstitucionais provinciais as seguintes funcións:

1. Realizar estudios, desde unha perspectiva integral e interdisciplinaria, da situación e das necesidades dos diversos servicios relacionados co menor.

2. Elaborar propostas ós órganos competentes das administracións públicas afectadas, relativas ás medidas que se van tomar e sobre os programas de actuación que se consideren máis adecuados ás necesidades reais.

3. Elaborar informes e dictames por petición dos órganos competentes da Xunta de Galicia.

4. Solicitar das diversas administracións públicas toda a información e documentación que lles sexa necesaria para mellor desenvolve-las súas funcións, agás a que teña carácter reservado, ó abeiro do disposto na normativa vixente.

5. Propoñer e executa-las pautas de actuación conxunta dos casos graves, conflictos que, non podendo ser resoltos polas institucións e polos membros dos propios servicios de atención sociofamiliar ou docentes, requiran unha actuación coordinada dos diversos sectores implicados, para que, se é o caso, sexan levadas á práctica polo órgano competente.

Artigo 128º.-Composición.

A composición das comisións técnicas interinstitucionais provinciais será a seguinte:

1. Presidente: o respectivo delegado/a provincial da consellería competente en materia de familia.

2. Vocais:

-Un representante da consellería competente en materia de familia.

-Un representante da consellería competente en materia de educación.

-Un representante da consellería competente en materia de saúde pública.

-Un representante da consellería competente en materia de asuntos sociais.

-Un representante da consellería competente en materia de xustiza.

-Un representante da consellería competente en materia de inmigración.

-Polas corporacións locais poderán formar parte, se así o considerasen oportuno:

Un experto no eido dos servicios sociais da deputación provincial respectiva.

Un experto no eido dos servicios sociais polos concellos da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Ferrol e Santiago de Compostela, que se integrarán na respectiva comisión segundo a provincia á que pertenzan.

-Poderá formar parte das comisións provinciais, se o considerase conveniente a autoridade de quen dependan:

-Un representante do Xulgado de Menores por cada provincia.

Artigo 129º.-Representantes da Administración.

1. Os representantes da Administración autonómica serán nomeados polos respectivos delegados provinciais ou territoriais das consellerías correspondentes, en caso de existiren ou, no seu defecto, polo propio conselleiro.

Os representantes das demais administracións públicas serán nomeados polo órgano competente, ó abeiro do disposto na súa normativa interna.

2. Por cada membro titular nomearase un suplente para o caso de que aquel non puidese asistir.

3. Actuará como secretario un dos membros da respectiva comisión, libremente elixido polos seus integrantes, de entre os representantes da Administración da Comunidade Autónoma.

Artigo 130º.-Reunións.

As comisións provinciais reuniranse con carácter ordinario dúas veces ó ano, e con carácter extraordinario cando se coide oportuno, mediante convocatoria feita polo seu presidente.

Artigo 131º.-Comisións locais.

1. As comisións provinciais poderán crear comisións locais para atende-la problemática asistencial daqueles concellos ou comarcas que, polo volume da demanda e pola cantidade de servicios existentes, así o consideren oportuno. As funcións serán as mesmas das comisións provinciais e a súa composición seguirá a mesma liña, en función dos servicios da comarca.

2. Cada vez que se estudie un caso concreto, tanto nas comisións provinciais como locais, poderán asistir tamén ás deliberacións os profesionais educativos, sanitarios, sociais e asistenciais responsables daquel».

Artigo 21º

Modifícase a numeración dos artigos do título III Infraccións e sancións, pasando os actuais artigos numerados do 128 ó 139 a numerarse como artigos 132 ó 143 correlativamente e co mesmo contido.

Disposicións transitorias

Primeira.-As entidades colaboradoras de adopción internacional, que xa se atopen acreditadas á entrada en vigor deste decreto deberán axustarse á regulación establecida por este no prazo dun ano desde a súa entrada en vigor.

A dita adaptación deberase xustificar documentalmente ante a Dirección Xeral de Familia, procedéndose en caso contrario á retirada da acreditación.

Segunda.-As solicitudes de acreditación formuladas con anterioridade á entrada en vigor deste decreto axustaranse ó disposto nel.

Tamén deberá axustarse ó disposto neste decreto a tramitación das reclamacións que se formularán fronte á entidade colaboradora e que non estiveran resoltas con anterioridade a súa entrada en vigor.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Xunta de Galicia, a través da consellería competente en materia de familia, elaborará a norma que fixe as condicións para a habilitación de entidades colaboradoras de adopción internacional a través de concurso público, de conformidade co disposto no artigo 98.1º deste decreto.

Segunda.-Facúltase a conselleira competente en materia de familia, para que dicte cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e a execución deste decreto.

Terceira.-Tódalas referencias que se realicen no Decreto 42/2000 á Consellería de Familia, Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, deberán entenderse no actual decreto como Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, que é como se denomina a actual consellería competente en materia de familia, con base no Decreto 280/2003, do 17 de xuño, polo que se modifica o Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro, polo que se modifica a estructura orgánica da Xunta de Galicia.

Cuarta.-Este decreto entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintenove de outubro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude, Deporte

e Voluntariado

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA