Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Venres, 20 de maio de 2011 Páx. 10379

I. Disposicións xerais

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 12 de maio de 2011 pola que se regula a actividade das persoas auxiliares de conversa que realizan o seu labor en centros educativos públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

A presenza de auxiliares de conversa nos centros educativos galegos é un elemento esencial para facilitar o proceso de ensino e de aprendizaxe de linguas estranxeiras. Achegan a voz nativa do seu país de orixe ao alumnado galego e apoian o labor do profesorado, posibilitando as prácticas de conversa en lingua estranxeira e representando un auténtico vehículo de achegamento á cultura dos países onde se fala a lingua obxecto de estudo.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece como un dos fins do sistema educativo español a capacitación para a comunicación na lingua oficial, na lingua cooficial, de ser o caso, e nunha ou máis linguas estranxeiras. Ademais, esta lei, no seu artigo 157, establece que lles corresponde ás administracións educativas subministrar os recursos necesarios para garantir a creación de programas de reforzo da aprendizaxe de linguas estranxeiras.

En consecuencia, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en coherencia coa política educativa que desenvolve, e seguindo as directrices establecidas no Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras nos centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia, incorpora cada ano un maior número de auxiliares de conversa aos centros educativos, especialmente a aqueles que forman parte da Rede de Centros Plurilingües ou participan no Programa de seccións bilingües.

Esta presenza de auxiliares de conversa forma así parte dunha estratexia de apertura do sistema educativo galego ás demandas do mundo exterior, o que implica, entre outros aspectos, a mellora da aprendizaxe de linguas estranxeiras, o aumento da mobilidade e o reforzo da cooperación europea.

Igualmente, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria entende a colaboración das persoas auxiliares de conversa como un apoio esencial ao esforzo e compromiso do profesorado galego co desenvolvemento do Plan Galego de Potenciación de Linguas Estranxeiras.

Considerando o anterior, e co fin de regular a presenza das persoas auxiliares de conversa e a súa adecuada contribución nos centros públicos plurilingües e, de ser o caso, nos centros públicos con seccións bilingües e nas escolas oficiais de idiomas, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Sección 1.ª Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.

1. O obxecto desta orde é regular a actividade das persoas auxiliares de conversa seleccionadas polo Ministerio de Educación, en virtude do convenio de colaboración entre este e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2. Esta orde é de aplicación nos centros públicos que forman parte da Rede de Centros Plurilingües de Galicia, nos centros públicos con seccións bilingües e nas escolas oficiais de idiomas da Comunidade Autónoma de Galicia, que sexan dotados dunha persoa auxiliar de conversa.

Sección 2.ª As persoas auxiliares de conversa.

Artigo 2. Funcións das persoas auxiliares de conversa.

As persoas auxiliares de conversa realizarán as seguintes funcións:

a) Posibilitar a práctica da conversa oral na lingua estranxeira obxecto de estudo do alumnado.

b) Achegar o alumnado e o profesorado á cultura do país onde se fala a lingua estranxeira, mediante a presentación de temas de actualidade e actividades lúdicas.

c) Proporcionar un modelo de corrección fonética e gramatical na lingua estranxeira correspondente.

d) Colaborar co profesorado na elaboración de materias didácticos na lingua estranxeira correspondente.

e) Colaborar nas actividades e nos proxectos internacionais en que participe o centro.

f) Apoiar o alumnado cos medios informáticos ou audiovisuais necesarios para a mellora da lingua oral.

g) Calquera outra relacionada coa lingua estranxeira obxecto de estudo, que lle sexa encomendada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 3. Obrigas das persoas auxiliares de conversa.

As persoas auxiliares de conversa terán, entre outras, as seguintes obrigas:

a) Aceptar o horario que lles sexa fixado nos centros de destino.

b) Xustificar as ausencias ao centro na forma establecida para todo o profesorado. En caso de incumprimento inxustificado da súa actividade, terán unha dedución proporcional da asignación mensual correspondente como consecuencia da diferenza entre a actividade regulada neste artigo e a efectivamente realizada. A inasistencia sen xustificación ou o incumprimento reiterado das súas obrigas será motivo de anulación da asignación mensual prevista.

c) Asistir ás xornadas de acollida e formación que se realicen nas datas e lugar que para o efecto se determine.

d) Elaborar, conxuntamente co seu coordinador ou coordinadora, unha proposta de boas prácticas como mostra do seu traballo no centro.

e) Elaborar, quince días antes de finalizar o período de presenza no centro educativo, unha memoria na cal consten as actividades desenvolvidas no citado centro e a súa repercusión no proceso de ensino e aprendizaxe da lingua estranxeira obxecto de estudo.

Sección 3.ª Organización da actividade das persoas auxiliares de conversa nos centros educativos

Artigo 4. Actuacións do equipo directivo.

En relación coas persoas auxiliares de conversa, o equipo directivo deberá:

1. Establecer os procedementos que garantan a coordinación e titorización da persoa auxiliar de conversa.

2. Elaborar o horario semanal, contando coa colaboración do coordinador ou coordinadora e co profesorado que vaia ser apoiado pola persoa auxiliar de conversa. Igualmente, velará polo cumprimento do horario das persoas auxiliares.

3. No caso de que a persoa auxiliar teña horario compartido con outro centro, os respectivos equipos directivos deberán coordinarse para establecer o horario, tendo en conta que nunca deberá acudir no mesmo día a máis dun centro.

4. Remitir á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a certificación para a concesión mensual da axuda económica que percibirá a persoa auxiliar de conversa.

5. Comunicar á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa calquera ausencia ou atraso prolongado da persoa auxiliar de conversa que resulte inxustificada.

6. Remitir á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a memoria realizada pola persoa auxiliar de conversa ao finalizar a súa actividade. Así mesmo, ao finalizar o curso escolar a persoa directora do centro educativo deberá remitir o informe realizado polo coordinador ou coordinadora sobre a actuación da persoa auxiliar de conversa á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

7. Entregar á persoa auxiliar de conversa un certificado acreditativo do tempo de permanencia no centro e das actuacións realizadas. No caso de que a dita persoa estea compartida, o centro de referencia deberá coordinarse co equipo directivo do centro de destino para emitir o certificado e determinar cal será o seu contido.

Artigo 5. A actividade das persoas auxiliares de conversa.

1. O período de duración da actividade das persoas auxiliares de conversa a que fai referencia esta orde será de nove meses, desde o 1 de outubro de cada ano natural ao 31 de maio do seguinte ano natural. Excepcionalmente, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa poderá autorizar períodos de duración diferentes.

2. A dedicación semanal será de doce horas lectivas. A xornada poderá concentrarase en catro días á semana no centro ou centros escolares que se lle adxudiquen.

3. A condición de auxiliar de conversa non dará lugar a relación laboral nin administrativa coa Comunidade Autónoma de Galicia, nin á súa inclusión no réxime da Seguridade Social.

Sección 4.ª A coordinación das persoas auxiliares de conversa.

Artigo 6. Requisitos da persoa coordinadora.

a) O coordinador ou coordinadora da persoa auxiliar de conversa será:

b) No caso dos centros plurilingües, a persoa coordinadora do programa.

c) No caso de centros cunha sección bilingüe, a persoa coordinadora da dita sección.

d) No caso de centros con varias seccións bilingües, o coordinador ou coordinadora dunha desas seccións designado/a pola persoa directora do centro.

No caso de escolas oficiais de idiomas, o xefe ou xefa do departamento da lingua correspondente.

Artigo 7. Funcións da persoa coordinadora.

Son funcións da persoa coordinadora:

a) Acoller a persoa auxiliar de conversa asignada ao seu centro.

b) Facilitar toda a información relativa ás tarefas da persoa auxiliar de conversa no referente á programación didáctica, obxectivos, contidos e mínimos exixibles en cada curso.

c) Informar a persoa auxiliar de conversa sobre a utilización de espazos, instalacións, material e equipamento asignados ao departamento, así como realizar a supervisión das actividades que lle sexan asignadas.

d) Coordinar e elaborar os informes en relación coa actuación da persoa auxiliar de conversa que sexan requiridos polo equipo directivo.

Artigo 8. Certificación de participación.

O coordinador ou coordinadora da persoa auxiliar de conversa recibirá, como acreditación de tal condición, un certificado de innovación educativa ao remate de cada curso escolar, cunha equivalencia de 20 horas de formación permanente do profesorado.

Sección 5.ª Asignación económica, asistencia sanitaria e seguros.

Artigo 9. Asignación económica.

1. A asignación mensual ás persoas auxiliares de conversa seleccionadas polo Ministerio de Educación será a estipulada no convenio que a Comunidade Autónoma de Galicia subscriba co Ministerio de Educación.

2. Estas asignacións mensuais realizaranse a mes vencido, mediante transferencia á conta indicada pola persoa auxiliar de conversa. Excepcionalmente, cando non se complete o mes de actividade, aboarase a parte proporcional ao período que corresponda.

Artigo 10. Asistencia sanitaria e seguros.

1. Se a persoa auxiliar de conversa é beneficiaria de asistencia sanitaria no sistema público de saúde do seu país ou ben ten dereito a ela a través de seguro privado, deberá vir provista da tarxeta sanitaria europea que garante a súa asistencia sanitaria en calquera país da Unión Europea. No caso de que non desfrute de cobertura sanitaria no seu país, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria adoptará as medidas oportunas para proporcionarlle a asistencia sanitaria necesaria mentres permaneza como auxiliar de conversa na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria subscribirá unha póliza de seguro de accidentes, responsabilidade civil e repatriación a favor das persoas auxiliares de conversa mentres estean no exercicio das súas funcións.

Sección 6.ª Seguimento e avaliación do labor das persoas auxiliares de conversa

Artigo 11. Seguimento e avaliación.

1. Os centros aos cales se lles asigne un ou unha auxiliar de conversa establecerán na súa programación xeral anual os mecanismos de seguimento e avaliación da súa actividade que permitan valorar os resultados obtidos e establecer, cando cumpra, propostas de mellora, que se deberán reflectir na memoria final de cada curso.

2. Correspóndelles aos servizos provinciais da Inspección educativa supervisar o labor da persoa auxiliar de conversa, con especial atención á súa repercusión, co fin de favorecer o ensino e a aprendizaxe das linguas estranxeiras, así como propor medidas de mellora.

Disposición adicional única.

As persoas auxiliares de conversa non serán responsables da supervisión do alumnado e estarán acompañadas sempre na aula polo profesorado da área, materia ou módulo a que estea a apoiar.

Disposición derradeira primeira.

Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar as medidas necesarias para a aplicación desta orde no seu ámbito competencial.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2011.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria