Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Venres, 22 de xullo de 2011 Páx. 20628

I. Disposicións xerais

Consellería de Traballo e Benestar

DECRETO 148/2011, do 7 de xullo, polo que se modifica o Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa individual de atención e a organización e o funcionamento dos órganos técnicos competentes.

Á vista da evolución da implantación do sistema de atención á dependencia na comunidade autónoma e das súas dificultades, co obxectivo de avanzar no desenvolvemento da atención e prevención da situación de dependencia, adaptarse aos últimos cambios normativos, consolidar os dereitos das persoas con grao e nivel de dependencia, así como de todas aquelas persoas que xa eran usuarios do Sistema Galego de Servizos Sociais con anterioridade á entrada en vigor da normativa específica en materia de dependencia, e garantir a máxima axilidade e eficacia nos procedementos de valoración da dependencia e da elaboración do Programa individual de atención, publicouse, derrogando o anterior decreto, o Decreto 15/2010, do 4 de febreiro (DOG n.º 34, do 19 de febreiro), polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa individual de atención e a organización e o funcionamento dos órganos técnicos competentes.

O 24 de maio de 2010 publícase no BOE o Real decreto lei 8/2010, do 20 de maio, polo que se adoptan medidas extraordinarias para a redución do déficit público.

O Real decreto lei recolle as medidas extraordinarias adoptadas para dar cumprimento ao compromiso do Goberno de acelerar, en 2010 e 2011, a redución do déficit inicialmente prevista. A extraordinaria e urxente necesidade das reformas previstas obrigou a facer uso da habilitación outorgada ao Goberno polo artigo 86 da Constitución española.

Entre as medidas que recolle o real decreto lei, a través do seu artigo 5 e na disposición adicional sexta, modifica certas disposicións contidas na Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.

Con efectos do 1 de xuño de 2010, modifícase a disposición derradeira primeira da Lei 39/2006, do 14 de decembro, que establece o prazo máximo para resolver as solicitudes sobre o recoñecemento da situación de dependencia e a prestación que lle corresponda recibir á persoa beneficiaria en seis meses contados desde a data da solicitude, independentemente de que a Administración competente regulase un ou dous procedementos diferenciados.

En consecuencia, o dereito de acceso ás prestacións correspondentes xerarase a partir da resolución en que se recoñeza a concreta prestación para percibir pola persoa beneficiaria. Non obstante, o dereito a percibir a prestación económica que no seu caso for recoñecida xerarase desde o día seguinte ao do cumprimento do prazo máximo de seis meses sen que se notificase a resolución expresa de recoñecemento da prestación que lle corresponda percibir á persoa beneficiaria.

Así mesmo, tamén se establece na disposición adicional sexta que as contías que se deban en concepto de efectos retroactivos das prestacións económicas previstas no artigo 18 da Lei 39/2006, do 14 de decembro, independentemente da data da solicitude, poderán ser aprazadas e o seu pagamento periodificado en pagamentos anuais de igual contía nun prazo máximo de 5 anos, co obxecto de lle dar cumprimento ao obxectivo económico do Goberno de acelerar, no ano 2010 e 2011, a redución do déficit inicialmente prevista.

Tendo en conta a modificación sinalada da Lei 39/2006, do 14 de decembro, en consecuencia, cómpre modificar as disposicións normativas ditadas no seu desenvolvemento. Debido a isto, o Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, vese afectado na regulación contida no seu artigo 39. Efectividade do dereito aos servizos e/ou libranzas, punto 1 e 2, e na disposición adicional quinta. Pagamento dos atrasos xerados aos beneficiarios, punto 2 e 3, polo que se procede á súa modificación.

En relación co punto 3 da disposición adicional quinta, en que se regula o pagamento dos atrasos recoñecidos nos supostos a que se lle aplicou o réxime de fraccionamento e falece a persoa beneficiaria, procédese a darlle unha nova redacción seguindo o acordo da Comisión Delegada do Consello Territorial do SAAD.

Así mesmo, e tendo en conta as dúbidas interpretativas xurdidas sobre a disposición adicional cuarta. Solicitude de recursos do sistema de atención á dependencia da Comunidade Autónoma de Galicia, establécese unha nova redacción para os efectos de lle proporcionar a claridade debida a esta disposición no caso do servizo de axuda no fogar municipal na súa modalidade de atención ás persoas en situación de dependencia.

Todos estes cambios buscan adaptar a normativa autonómica en materia de dependencia aos últimos cambios normativos. Co obxecto de contar coa participación dos colectivos directamente afectados, tivéronse en conta as súas alegacións a través do trámite de audiencia correspondente.

Na virtude do exposto anteriormente, e facendo uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Traballo e Benestar, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de xullo de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa individual de atención e a organización e o funcionamento dos órganos técnicos competentes.

O Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa individual de atención e a organización e o funcionamento dos órganos técnicos competentes, queda modificado como segue:

Un. Os números 1 e 2 do artigo 39. Efectividade do dereito aos servizos e/ou libranzas quedan redactados do seguinte xeito:

«1. A efectividade do dereito aos servizos producirase desde a data da resolución en que se recoñeza a concreta prestación, ou desde o primeiro día do ano en que proceda a implantación do grao e nivel de dependencia que lle for recoñecido, cando a resolución do Programa individual de atención sexa posterior á data de acceso ao servizo no suposto de persoas beneficiarias xa atendidas a través do Sistema Galego de Servizos Sociais.

2. A efectividade do dereito ás libranzas producirase a partir da data da resolución en que se recoñeza a concreta prestación económica, ou desde o día seguinte á data en que se cumpra o prazo máximo de seis meses desde a solicitude sen que se notificase a resolución expresa de recoñecemento da prestación. Na data de efectividade será necesario que se reúnan os requisitos que se exixan na normativa vixente para cada tipo de libranza. No caso contrario, a efectividade producirase a partir do día primeiro do mes seguinte a que concorran os ditos requisitos».

Dous. A disposición adicional cuarta. Solicitude de recursos do sistema de atención á dependencia da Comunidade Autónoma de Galicia, queda redactada do seguinte modo:

«Para a solicitude e acceso a calquera dos recursos dos incluídos no catálogo de Servizos deste decreto, deberase acreditar o recoñecemento da situación de dependencia, conforme o calendario previsto, incluso no caso do servizo de axuda no fogar municipal, na súa modalidade de atención ás persoas en situación de dependencia».

Tres. A disposición adicional quinta. Pagamento dos atrasos xerados aos beneficiarios queda redactada do seguinte xeito: «Pagamento fraccionado dos atrasos xerados aos beneficiarios de libranza vinculada a coidados no contorno familiar:

1. Mediante resolución motivada da persoa titular da xefatura territorial da consellería con competencia en materia de servizos sociais onde se especifique a contía devengada, o réxime de pagamento e a súa periodicidade, poderase fraccionar o pagamento dos atrasos xerados correspondentes ao dereito recoñecido en relación coas libranzas de coidados no contorno familiar.

2. A contía adebedada a cada persoa beneficiaria en concepto de efectos retroactivos da libranza de coidados no contorno familiar é o importe da cantidade xerada desde a data da efectividade establecida na resolución de recoñecemento da dita prestación, ata a mensualidade inmediatamente anterior á data da dita resolución.

3. Será obxecto de aprazamento a totalidade da contía a que se refire o número anterior segundo o seguinte:

a. O pagamento da contía obxecto de aprazamento periodificarase dentro dos cinco anos seguintes a aquel en que se ditase a resolución que recoñece a libranza de coidados no contorno familiar.

b. As contías periodificadas serán todas do mesmo importe e aboaranse en anualidades consecutivas.

c. O aboamento da primeira anualidade farase efectivo nun só pagamento no mes de marzo do ano seguinte a aquel en que se ditase a resolución de recoñecemento da libranza de coidados no contorno familiar.

d. O aboamento das restantes anualidades farase efectivo nun só pagamento no mes de marzo de cada ano.

4. No suposto de que a persoa beneficiaria falecese con anterioridade á percepción da integridade da contía aprazada, a consellería competente en materia de servizos sociais continuará aplicando os criterios establecidos no número 3 deste artigo ademais das normas aplicables para os supostos de pagamento de contías adebedadas a persoas falecidas.

En todo caso, e unha vez constituída a correspondente comunidade hereditaria, a consellería competente en materia de servizos sociais fará efectivas as cantidades pendentes de aboamento a través dun só pagamento á mencionada comunidade hereditaria.

5. Para os efectos de levar a cabo eses aprazamentos, na resolución en que se recoñeza a libranza de coidados no contorno familiar, ademais dos extremos que se conteñen segundo o disposto no artigo 38 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, deberase indicar:

a. A cantidade a que ascende a contía económica recoñecida como consecuencia dos efectos retroactivos da libranza de coidados no contorno familiar.

b. Que de conformidade co disposto na disposición adicional sexta do Real decreto lei 8/2010 se procede ao seu pagamento aprazado e ao seu aboamento periodificado en cinco pagos anuais de igual contía, procederase ao primeiro pago no mes de marzo do ano seguinte a aquel en que se ditou a resolución de recoñecemento da libranza de coidados no contorno familiar».

Disposición transitoria. Solicitudes de prestacións da Lei 39/2006, do 14 de decembro, presentadas con anterioridade ao 1 de xuño de 2010.

Ás persoas que solicitaran o recoñecemento da situación de dependencia con anterioridade á data de efectos do Real decreto lei 8/2010, do 20 de maio, o 1 de xuño, e se lles recoñeza un grao III ou un grao II, seralles de aplicación a disposición derradeira primeira da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, así como no seu desenvolvemento o artigo 39 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, na redacción vixente no momento de presentación da solicitude.

Disposición derradeira.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación, con efectos desde o un de xuño de dous mil dez, no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de xullo de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar