Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Mércores, 16 de novembro de 2011 Páx. 33625

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

EDICTO do 19 de outubro de 2011, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se resolve a clasificación do monte Lomba da parroquia de Ribadetea, do concello de Ponteareas, solicitada a prol dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Ribadetea, parroquia de Ribadetea, do concello de Ponteareas.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado por Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes veciñais de Pontevedra ditou a seguinte resolución:

Asistentes:

Presidente: Gerardo Zugasti Enrique (xefe territorial da Consellería do Medio Rural).

Vogais:

Enrique Martínez Chamorro (xefe do Servizo de Montes).

Víctor Abelleira Argibay (representante colexio de avogados da provincia).

Lorena Peiteado Pérez (letrada da Xunta de Galicia).

X. Carlos Morgade Martínez (representante das CMVMC da provincia de Pontevedra).

Vogais representantes da CMVMC de Ribadetea:

José Amoedo Soteliño.

Fernando Peña González.

Secretaria: Ana Belén Fernández Dopazo.

Na cidade de Pontevedra, sendo as 17.30 horas do día 3.10.2011, coa asistencia das persoas á marxe reseñadas, reúnese na 2.ª planta do edificio adminstrativo sito no n.º 43 da rúa Fernández Ladreda o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxecto de decidir, entre outros asuntos, sobre a resolución do expediente de clasificación do monte denominado Lomba, solicitada a prol dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Ribadetea, concello de Ponteareas.

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data de entrada do 11.1.2008, José Amoedo Soteliño, como presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de Ribadetea, concello de Ponteareas, presenta unha solicitude de iniciación de clasificación dunha parcela comunal denominada Lomba acompañada de diversa documentación. Tras varios trámites para corrixir deficiencias na documentación presentada, diversos informes do Servizo de Montes, establecen que o monte Lomba non está clasificado e que a súa extensión final, segundo a cartografía arrancada pola comunidade solicitante, é de 5.747 metros cadrados.

Segundo. O Xurado Provincial de Montes en Man Común acordou, na súa sesión do 27.10.2010, incoar o correspondente expediente de clasificación da devandita parcela a prol da CMVMC da parroquia de Ribadetea, concello de Ponteareas.

O 2.11.2010 solicítase ao Servizo de Montes a elaboración do informe preceptivo conforme o artigo 20 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común. Con data do 29.9.2010 recíbese o antedito informe preceptivo do Servizo de Montes.

Con data de entrada do 6.4.2011, a comunidade de montes solicitante presenta nova documentación histórica e actual sobre o monte Lomba.

Terceiro. A Rexistradora da Propiedade de Ponteareas, en escrito con data do 26.4.2011, certifica que o monte denominado Lomba non figura inscrito no Rexistro da Propiedade coas características presentadas.

Cuarto. Á vista da documentación achegada pola comunidade solicitante e os informes do Servizo de Montes, a parcela obxecto deste expediente obedece á seguinte descrición:

Concello: Ponteareas.

Parroquia: Ribadetea.

Nome da parcela: Lomba.

Cabida: 5.747 m2 aproximadamente.

Lindes:

Norte e oeste: vía asfaltada que vai do campo de fútbol da Lomba ao parque móbil da Deputación Provincial.

Sur: predios particulares de herdeiros de Carmen Carballido Zúñiga e herdeiros de Manuel Domínguez Sánchez.

Leste: antigas instalacións de Cophefor.

Sexto. Feitas as comunicacións do artigo 23 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e aberto período de audiencia, ningunha das partes presentou alegacións.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter ao abeiro do establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e no artigo 1 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, débese entender por montes veciñais en man común «... os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños».

Así, segundo abondosa xurisprudencia, o feito que xustifica a clasificación ou non como veciñal dun determinado monte, en vía administrativa, é a circunstancia de terse ou non demostrado o aproveitamento consuetudinario en man común, prescindindo das cuestións relativas á propiedade e demais dereitos reais.

Terceiro. O aproveitamento a prol dos veciños de Ribadetea queda acreditado no informe preceptivo do Servizo de Montes cando establece que «a parcela se atopa poboada por latizal/fustal de pino pinaster e pés sueltos de carballo e salgueiro. Algúns pés presentan sinais de corta amoreados sobre o terreo. Foi rozada recentemente e en varias zonas apréciase compactación de solo debido a tránsito e estacionamento de vehículos, sen que poidan deducirse servidumes de paso».

Por outra parte, o informe dos técnicos do Distrito Ambiental XVII Condado-Paradanta achega que «o antigo garda do lugar manifesta que a dita parcela sempre foi monte común». Ademais informa que o predio lindante polo sur, propiedade de Carmen Carballido Zúñiga, nas súas escrituras sinala que o predio linda polo norte con monte común.

Cuarto. A CMVMC solicitante achega un informe con documentación histórica (expedientes de exclusión de vendas de montes comúns, visitas a reais devesas, etc.) para probar o carácter veciñal que tiña a parcela en distintos momentos da historia, así como un informe pericial sobre o carácter forestal da parcela Lomba, na que se aprecia un cartel da Comunidade de Montes de Ribadetea prohibindo a vertedura de lixo.

Quinto. Segundo informe do Servizo de Montes, o titular catastral da parcela é a empresa Avigán, froito dunha cesión realizada polo Concello de Ponteareas hai décadas que non chegou a materializarse. Como xa se recolleu máis arriba, nin o Concello de Ponteareas nin a empresa Avigán (caso de existir actualmente) presentaron alegación algunha contra a clasificación da parcela como veciñal, o que debe tomarse como indicio de que a devandita cesión ten prescrito. O Concello de Ponteareas limitouse a remitir a certificación do secretario municipal (co visto e prace do alcalde) de que o edicto relativo á tramitación do expediente de clasificación estivo un mes exposto no taboleiro de anuncios do concello, como é preceptivo. Este proceder leva implícito o recoñecemento do carácter veciñal do terreo obxecto do expediente por parte do concello.

En consecuencia, vistos os antecedentes mencionados, a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, este instrutor, en uso das facultades que ten conferidas, propón e o xurado de maneira unánime acorda:

Clasificar como veciñal en man común a parcela denominada Lomba a prol dos veciños da CMVMC de Ribadetea do Concello de Ponteareas, de acordo coa descrición reflectida no antecedente de feito cuarto e planimetría elaborada para o efecto polo Servizo de Montes e que forma parte inseparable desta resolución.

Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta publicación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 4 de outubro de 2011.

Gerardo Zugasti Enrique
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra