Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Xoves, 1 de decembro de 2011 Páx. 35615

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

EDICTO do 24 de outubro de 2011, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, polo que se dá publicidade á resolución do expediente número 410, relativo aos montes de Camariñas, solicitado polos veciños da parroquia de Camariñas, do concello de Camariñas.

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento para a aplicación da Lei galega 13/1989, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1.º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o día 14 de outubro de 2011, adoptou a seguinte resolución:

«Asistentes:

Presidente: Antonio Manuel Aguión Fernández (xefe territorial da Consellería do Medio Rural na Coruña).

Vogais:

María Monserrat Jurjo García (letrada da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia).

Pilar Santamaría Calo (representante das comunidades propietarias de montes clasificados da provincia).

Augusto José Pérez-Cepeda Vila (representante do Colexio Provincial de Avogados da Coruña).

José Joaquín Martel Muñoz-Cobos (xefe do Servizo de Montes e Industrias Forestais da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural da Coruña).

M.ª de los Dolores Añón Rodríguez (xefa de sección do Servizo Xurídico Administrativo da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural da Coruña).

Na cidade da Coruña, o día 24 de outubro de 2011 reúnese o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña coa asistencia das persoas indicadas anteriormente, co obxecto de estudar e resolver, entre outros, o expediente de clasificación como veciñal en man común dos montes de Camariñas, promovido polos veciños da parroquia de S. Xurxo de Camariñas, do concello de Camariñas.

Antecedentes de feito.

Primeiro. Miguel Soto Alborés e outros veciños da parroquia de S. Xurxo de Camariñas, do concello de Camariñas, presentan unha solicitude para a clasificación como monte veciñal de varias parcelas que integran o monte de Camariñas, sitas na devandita parroquia e concello, alegando ante notario segundo acta do 17.6.2008 que, desde tempo inmemorial, os veciños da parroquia de Camariñas veñen aproveitando o monte Camariñas de forma consuetudinaria e sen asignación de cotas.

Segundo. Á vista de tal solicitude e da documentación achegada, e despois de emendar en varias ocasións os erros observados na planimetría do monte e presentar a documentación mínima para poder tramitar o expediente, o xurado, na súa reunión do 15 de xullo de 2009, acordou iniciar a tramitación do expediente de clasificación (n.º 410) e nomear instrutor.

As características do monte de que se solicita a clasificación son as seguintes:

Monte: Camariñas.

Parroquia: Santo Xurxo de Camariñas.

Concello: Camariñas.

Superficie total solicitada: 312,44 ha.

Segundo o informe do xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común do 30.11.2009 a superficie solicitada cadra totalmente cos montes catalogados de utilidade pública que a seguir se indican e as súas estremas son, segundo as correspondentes ordes de deslindamento destes montes incluídos no CUP, os seguintes:

● Monte As Seixas (CUP n.º 66-E). Superficie: 55,82 ha.

Estremas:

N: leiras Estivadiña dos Pozos e Portela de Reira e Prado Lagulleiro.

E: leiras Albarizas, Valadares, A Devesa de M.ª Luisa e Devesa e O Pitero.

S: leiras Prado de Pérez, Alto das Seixas e Penafreu.

O: leiras Penafreu, Estivada da Palla e Pena Maior, monte Petón da Pena Maior, leira Portela de Reira e monte Foxo e Campo de Rieira.

● Monte Foxo e Campo de Rieira (CUP n.º 66-L). Superficie: 69,60 ha.

Estremas:

N: océano Atlántico, desde a praia da Pedrosa ata a punta denominada Tasqueira de Porto Area.

E: monte público Curbeiro e Cosuñadoiro, da parroquia de Xaviña, concello de Camariñas, leiras particulares (seguindo en parte o camiño das Seixas) e monte público As Seixas (CUP n.º 66-E).

S: leiras particulares, monte público Petón de Pena Maior (CUP n.º 66-F), leiras particulares seguindo en parte o camiño das Seixas a Maurín.

O: monte público A Pedrosa da parroquia de Camariñas, seguindo o rego da Pedrosa.

● Monte A Pedrosa (CUP n.º 66-H). Superficie: 56,90 ha.

Estremas:

N: parcela 1: océano Atlántico. Parcela 2: leiras particulares.

L: parcela 1: océano Atlántico e monte público Foxo e Campo de Rieira, seguindo o rego da Pedrosa. Parcela 2: leiras particulares, seguindo en parte o camiño de Mourín ás Cazoliñas.

S: parcela 1: leiras particulares, seguindo en parte o camiño de Mourín á Pedrosa. Parcela 2: leiras particulares.

O: parcela 1: monte público As Pías, Vilán e outros, seguindo o rego das Cazoliñas e océano Atlántico. Parcela 2: leiras particulares.

● Monte As Pías, Vilán e outros (CUP n.º 66-G). Superficie: 102,40 ha.

Estremas:

N: parcela 1: faro Cabo Vilán e océano Atlántico. Parcela 2: leiras de veciños da parroquia de Camariñas. Parcela 3: camiño de Buría ao Cargadeiro.

L: parcela 1: monte público A Pedrosa (CUP n.º 66-H) a través do rego das Cazoliñas e leiras de veciños da parroquia de Camariñas. Parcela 2: leiras de veciños da parroquia de Camariñas, seguindo en parte os camiños e Buría á Galera e de Buría ás Esbaridas. Parcela 3: camiño de Buría á praia de Lago.

S: parcela 1: leiras de veciños da parroquia de Camariñas, seguindo en parte os camiños de Telleiro a Coenda, Costa de Coenda, de Buría a Coenda e de Terreo do Crego á estrada. Parcela 2: leiras de veciños da parroquia de Camariñas. Parcela 3: leiras de particulares.

O: parcela 1: océano Atlántico, desde a punta do Home Morto á punta de Bernadoi. Parcela 2: océano Atlántico, desde a parcela A Galera ata o denominado Caberta. Parcela 3: leiras particulares.

● Monte Petón de Pena Maior (CUP n.º 66-F). Superficie: 27,72 ha.

N: monte Foxo e Campo de Reira, da parroquia de Camariñas.

L: leira de herdeiros de Manuel Bermúdez e monte As Seixas, da parroquia de Camariñas.

S: monte As Seixas e leiras de Pedro García Vázquez e irmáns de Manuel Bermúdez Canosa e outros.

O: rego de Couce, piñeiral de Manuel Bermúdez Canosa, rego de Couce e piñeiral de Manuel Bermúdez Canosa e irmáns.

Terceiro. En cumprimento do disposto nos artigos 20 e 21 do Regulamento do montes veciñais en man común, o 4.8.2009 solicitouse informe ao Servizo de Montes e Industrias Forestais sobre o monte de referencia e certificacións de asentos ao Rexistro da Propiedade de Corcubión, que certifica o 30.12.2009 que os montes Seixas, Petón de Pena Maior, Foxo e Campo de Rieira e A Pedrosa están inscritos no rexistro como predios n.º 2608, 2611, 2613 e 2615 do tomo 375 o libro 26 do Concello de Camariñas, inscritos a favor do Concello de Camariñas como representante dos veciños da parroquia de Camariñas, que son os titulares do desfrute, e conforme o artigo 206 da Lei hipotecaria, que causou a inscrición primeira o 29.7.1965 no primeiro predio citado, e o 4.4.1966 nos restantes casos.

Así mesmo, e de acordo co artigo 23 do citado regulamento, realizáronse as correspondentes comunicacións de acordo do xurado de inicio do expediente de clasificación do monte Camariñas ao Servizo de Montes e Industrias Forestais, ao rexistrador da propiedade; aos veciños promotores do expediente; ao Concello de Camariñas, ao cal se remitiu edicto do acordo de inicio a fin de que fose exposto polo período dun mes para os efectos de alegacións dos posibles interesados no taboleiro de anuncios do concello e nos lugares de costume da parroquia; e ao Diario Oficial de Galicia para a súa publicación (DOG n.º 22, do 3 de febreiro de 2010).

Cuarto. O Concello de Camariñas remite o 26.4.2010 o edicto de publicidade do acordo de inicio do expediente de clasificación e varias certificacións de que algúns dos montes están inscritos no inventario de bens municipais como patrimoniais coa condición de comunais.

Quinto. O xurado, por Resolución do 16 de decembro de 2010 acorda retrotraer o expediente de clasificación ao momento procedemental de publicación do edicto do acordo de inicio do expediente de clasificación do monte Camariñas, ao advertir un erro formal na certificación remitida polo concello de Camariñas, xa que non quedaba acreditada a súa exposición pública nos lugares de costume da parroquia ou núcleo veciñal onde se asenta o monte, tal e como exixe o artigo 11 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, e o artigo 23 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se regulan os montes veciñais en man común en Galicia.

Sexto. Con rexistro de entrada do 25.3.2011 Francisco Antelo Lema e José Arjomil Canosa presentan escrito de alegacións, no seu nome e doutros veciños da parroquia en que, en síntese, manifestan que teñen propiedades particulares no monte; que nos anos 50 o Patrimonio Forestal do Estado procedeu a catalogar determinadas parcelas invadindo propiedades particulares, as que agora se pretende clasificar como veciñais. Achegan unha declaración notarial do 17.3.2011 en que varios veciños da parroquia de San Xurxo de Camariñas de idade avanzada manifestan que non teñen propiedades no monte As Pías, Vilán e outros e que nunca oíron de parte dos seus maiores nin persoalmente que fosen cultivadas ou aproveitadas polos veciños, senon cada parcela polo seu dono; que coñecen a existencia de propiedades particulares no monte e que así foi a súa condición ata o ano 1959, cando a chamada Brigada Forestal eliminou á forza as estremas daquelas propiedades; que desde ese ano 1959 ata o ano 1962 moitos propietarios loitaron xudicialmente co fin de recuperar os seu terreos de propiedade particular, recorrendo ao contencioso-administrativo pero que, finalmente, desistiron. Achegan escritos dunha ampla relación de veciños da parroquia que tamén solicitan que lle sexan recoñecidas as súas propiedades particulares dentro do montes de Camariñas. Por último, solicitan que se practiquen determinadas probas a fin de que se comprobe o alegado, entre elas a testemuñal de veciños da parroquia de Camariñas.

Sétimo. O Concello de Camariñas remite o 15.4.2011 o edicto de publicación do acordo de inicio do expediente exposto polo período dun mes tanto no taboleiro de anuncios como nos lugares de costume da parroquia. Posteriormente, o 25.4.2011 remite escrito de alegacións en que, en síntese, manifesta que os montes obxecto de clasificación son propiedade do concello con carácter de comunal, solicitando que non sexa declarado como veciñal.

Oitavo. Con data do 20.6.2011 solicítase ao Servizo de Montes e Industrias Forestais un novo informe ampliatorio do remitido o 28.10.2010 sobre o aproveitamento dos diferentes montes de Camariñas.

Noveno. Con data do 22.7.2011 os veciños que alegan ter propiedades no monte presentan diversa documentación neste sentido (copias de escrituras, cotas ou lotes hereditarios) así como un informe técnico sobre a situación dalgunhas das parcelas reclamadas no perímetro do monte Camariñas. As devanditas leiras están situadas principalmente, e segundo este informe, nos montes da Vela e Castelo, As Cazoliñas e Rego do Couce (no expediente As Pías, Vilariño e outros, Pedrosa e Foxo e Campo de Reiro).

Décimo. Con data do 9.9.2011 solicítase ao Servizo de Montes e Industrias Forestais que informe sobre os montes que se pretende clasificar á vista das alegacións presentadas polos veciños opositores á clasificación e á documentación que achegan.

O Distrito V informa o 19.9.2011, en síntese, o seguinte:

● Que, segundo contan os habitantes da parroquia de Camariñas, grande parte da superficie do monte As Pías, Vilán e outros non saben concretar a superficie era de propiedade particular, de feito quedan restos de muros antigos no monte, e, de feito, hai propietarios que pagaron impostos por estas leiras ata os anos 80. A partir dos anos 90 comezáronse os traballos para a execución do parque eólico e perdéronse parte dos devanditos muros.

● Que, o mato do monte segue sendo aproveitado para uso gandeiro e agrícola, pero que o devandito aproveitamento é puntual e de forma comunal, escollendo o mato axeitado para o seu uso sen poñerse de acordo entre os veciños.

● Que, segundo conversas cos veciños, os que realizaban o aproveitamento no monte antes da chegada do Patrimonio Forestal do Estado (finais dos anos 50) eran principalmente os veciños do lugar de Buría.

O xefe do Servizo de Montes no seu informe do 30.9.2011 conclúe que, dunha análise da documentación que consta no deslindamento dos montes de Camariñas e do informe presentado polo distrito, non parece acreditado que o aproveitamento do monte fose realizado polos veciños da parroquia de Camariñas na súa totalidade, en réxime de comunidade, a título de dono e como agrupación veciñal.

Undécimo. Na xuntanza do Xurado do 14.10.2011 asistiron as testemuñas propostas polos reclamantes das propiedades particulares en parte dos montes de Camariñas, todos eles veciños da parroquia de Camariñas e que afirman non ter propiedades no monte nin ter parentesco cos reclamantes. Coincidiron en afirmar que nalgunha parte dos montes -non poden especificar exactamente cal- aproveitaron os esquilmes e matogueiras principalmente os veciños do lugar de Buría e doutros lugares próximos (antes do ano 1950, a parroquia chamábase de S. Xurxo de Buría), pero que os veciños da vila de Camariñas non ían ao monte. Tamén afirmaron que de sempre se falou de que algunhas leiras destes montes, principalmente da Vela, Castelo e Cazoliñas eran de propiedade particular e non podían ir a elas, advertíndoos os seus pais neste sentido, aínda que tampouco sabían con precisión onde estaban. Os veciños da parroquia que afirman ter propiedades no monte insisten ante o xurado en que as súas propiedades son anteriores ao deslindamento dos montes e que cando se fixeron estes non se tiveron en conta os seus documentos e que por razóns históricas do momento non acudiron todos eles aos tribunais, e que lle foron quitadas as súas propiedades polo forza. No expediente de deslindamento consta a presentación de reclamación de propiedades particulares dentro dos montes por deslindar, as cales non se tiveron en conta por considerar que os títulos presentados non eran suficientes para acreditar a propiedade.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten competencia para coñecer deste expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co contido do artigo 11 da citada lei e o artigo 19 do seu regulamento aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños da parroquia de San Xurxo de Camariñas, do concello de Camariñas, son parte lexítima para solicitar o inicio deste expediente de clasificación.

Terceiro. Para a súa clasificación como veciñal en man común, o monte debe reunir as seguintes características: a) que pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; b) que se veña aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, polos membros destes grupos na súa condición de veciños comuneiros; c) que son veciños comuneiros aqueles que sexan titulares de unidades económicas, con residencia habitual nas entidades de poboación a que tradicionalmente estivese adscrito o aproveitamento do monte, e que veñan exercendo, segundo os usos e costumes da comunidade, algunha actividade relacionada con aquel (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989, do 10 de outubro; artigos 1, 2 e 3 do seu regulamento e 56 e 61 da Lei galega 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia).

É pois, un elemento determinante para a clasificación dun monte como veciñal en man común por parte do xurado que este teña elementos probatorios suficientes no expediente para determinar se o monte que se pretende clasificar é aproveitado en réxime de comunidade, sen cotas, polos veciños que a solicitan, neste caso a parroquia de Camariñas, e que estes o realicen pola súa condición de veciños comuneiros integrantes do grupo social, non como entidades administrativas, e isto á marxe das cuestións relativas á titularidade dominical e demais dereitos reais que se puideren suscitar no procedemento, que deberán dirimirse ante a xurisdición ordinaria segundo o disposto no artigo 10.2 da Lei estatal 55/1980, do 11 de novembro, de montes veciñais en man común.

No informe do Servizo de Montes e Industrias Forestais do 30.9.2009 faise constar que todas as parcelas que integran o monte Camariñas están catalogados como montes de utilidade pública e a súa pertenza corresponde á parroquia de Camariñas, que vén sendo representada polo Concello de Camariñas e teñen na actualidade consorcios co devandito concello para a súa explotación. Porén, a atribución da titularidade á parroquia dun monte de utilidade pública –como informa o xefe de Montes– é unha práctica común como «unidade mínima a que asignar a pertenza do monte». Finalmente, conclúe no informe que «dunha análise da documentación que consta no deslindamento dos montes de Camariñas e do informe presentado polo distrito, non parece acreditado que o aproveitamento do monte fose realizado polos veciños da parroquia de Camariñas na súa totalidade, en réxime de comunidade, a título de dono e como agrupación veciñal».

Esta afirmación parece coincidir tanto co manifestado polas testemuñas dos veciños da actual parroquia de Camariñas ante o xurado, como coas declaracións feitas por escrito no expediente por unha ampla relación de veciños da devandita parroquia, como co informado polo distrito no seu informe do 19.9.2011, no cal se pon de manifesto un certo aproveitamento en común polos veciños principalmente do lugar de Buría, aínda que tampouco queda determinado en que parte dos montes chamados de Camariñas se realizaba este aproveitamento, ademais de parecer coexistir nalgún momento cun aproveitamento particular.

En consecuencia, da análise da documentación que figura no expediente non queda acreditado que a parroquia de Camariñas como grupo social aproveitase os montes de Camariñas (As Seixas, Foxo e Campo de Rieira, A Pedrosa, As Pías, Vilán e outros e Petón de Pena Maior), sendo un elemento esencial que exista un claro vínculo entre o grupo social que aproveita o monte (con independencia da súa dimensión ou que este sexa ou non unidade administrativa) e o monte aproveitado e, ademais, que a devandita relación sexa de tipo xermánico coa condición de donos e sen atribución de cotas.

Por todo o exposto, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito indicados, e de acordo coa Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, e logo da proposta do instrutor e por maioría dos asistentes con dereito a voto, este xurado acorda:

Non clasificar como monte veciñal en man común os montes de Camariñas en favor da parroquia de S. Xurxo de Camariñas do concello de Camariñas coas estremas, superficie, características e planimetría solicitada e que consta no expediente, ao non resultar acreditado coa documentación que consta neste que os devanditos montes estean aproveitados polos veciños da devandita parroquia como grupo social e en réxime de comunidade.

Notifíquese esta resolución aos interesados.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

A Coruña, 24 de outubro de 2011.

Antonio Manuel Aguión Fernández
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común da Coruña