Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Venres, 2 de decembro de 2011 Páx. 35713

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

EDICTO do 26 de outubro do 2011, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se resolve a clasificación do monte Gorxal, solicitada en prol dos veciños da Comunidade de Cabral, do concello de Vigo.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado por Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra ditou a seguinte resolución:

«Asistentes:

Presidente: Gerardo Zugasti Enrique (xefe territorial da Consellería do Medio Rural).

Vogais:

Enrique Martínez Chamorro (xefe do Servizo de Montes).

Victor Abelleira Argibay (representante colexio de avogados da provincia).

X. Carlos Morgade Martínez (representante das comunidades de montes veciñais en man común da provincia de Pontevedra).

Vogais representantes da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Cabral:

Luis Rodríguez Pérez.

Manuel Costas Duarte.

Secretaria: Ana Belén Fernández Dopazo.

Na cidade de Pontevedra, ás 17.30 horas do día 24.10.2011, coa asistencia das persoas á marxe indicadas, reúnese na 2.ª planta do edificio administrativo sito no n.º 43 da rúa Fernández Ladreda o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxecto de decidir, entre outros asuntos, sobre a resolución do expediente de clasificación do monte denominado Gorxal, solicitada en prol dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Cabral, concello de Vigo.

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data de entrada 15.10.2007, Miguel Luis Rodríguez Pérez, en condición de veciño comuneiro e presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Cabral, presenta unha solicitude de iniciación de clasificación do monte Gorxa.

O 26.10.2007 o Servizo de Montes indica ao secretario de Montes que a planimetría presentada é insuficiente.

O 9.11.2007 o secretario do xurado de MVMC informa o solicitante de que, unha vez revisada a documentación presentada para a clasificación das parcelas solicitadas, é necesario presentar unha nova planimetría xeoreferrenciada conforme o indicado polo Servizo de Montes.

O 8.2.2008 Miguel Luís Rodríguez Pérez presenta nova documentación.

O 27.8.2008 o Servizo de Montes indica á secretaria do xurado de montes que parte das dúas parcelas xa estarían clasificadas.

O 10.9.2008 o secretario do xurado de MVMC informa o solicitante de que, unha vez revisada a nova documentación presentada para a clasificación das parcelas solicitadas, é necesario aportar unha vez máis unha nova planimetría conforme o indicado polo Servizo de Montes.

O 13.11.2009 Miguel Luís Rodríguez Pérez presenta nova documentación onde di corrixir as deficiencias apreciadas polo Servizo de Montes.

O 13.11.2009 o Servizo de Montes indica ao secretario do xurado de montes que a cartografía non se atopa xeoreferrenciada e non se presenta ficheiro dixital.

O 13.11.2009 a secretaria do xurado de CMVMC traslada ao solicitante que a cartografía non se atopa xeoreferrenciada e non se presenta ficheiro dixital.

O 9.12.2009 Miguel Luís Rodríguez Pérez presenta a cartografía dixital solicitada.

O 14.12.2009 o Servizo de Montes, a través da sección de topografía, informa da suficiencia planimétrica e do estado dos montes solicitados.

O Xurado Provincial de Montes en Man Común acordou, na súa sesión de 22.2.2010, incoar o correspondente expediente de clasificación do devandito monte.

O 15.3.2010 o Servizo de Montes solicita ao Distrito XVIII o correspondente informe preceptivo conforme o establecido no artigo 20 do Decreto 2260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común.

O 12.4.2011 Luís Rodríguez Pérez solicita que se acorde a clasificación dunhas parcelas de monte situadas no Gorxal conforme o novo plano que se presenta, desistindo da clasificación de parte das parcelas solicitadas anteriormente, ao entender que non ten aproveitamento veciñal.

O 14.4.2011 o Servizo de Montes indica á secretaria do xurado de montes e a CMVMC de Cabral que é necesario que se presente nova documentación técnica debido aos cambios das parcelas agora presentadas.

O 29.5.20011 o instrutor comunica a Luís Rodríguez Pérez que se acordou unha ampliación do prazo establecido para a resolución por 6 meses, o que lle foi notificado á comunidade na data do 2.5.2011.

O 4.5.2011 Luís Rodríguez Pérez presenta nova documentación.

O 10.5.2011 a sección de topografía realiza un novo informe.

O 16.5.2011 Francisco Centero Ameijeiras, en representación da CMVMC de Cabral, entrega o plano corrixido e nova cartografía dixital.

O 23.5.2011 o Servizo de Montes solicita novamente ao Distrito XVIII o correspondente informe preceptivo conforme o establecido no artigo 20 do Decreto 2260/1992, tendo en conta os novos datos fornecidos.

O 26.5.2011 o Distrito XVIII remite informe preceptivo.

O 29.7.2011 o rexistrador da propiedade de Vigo n.º 2 remite a correspondente certificación, en que se indica, en primeiro lugar, que non aparecen inscritas neste rexistro a nome de persoa ningunha tal e como se describen. Non obstante, engade que por se puidera tratarse das mesmas leiras ou parte de elas, indica que coa denominación de Gorxal aparecen, entre outras, unha serie de leiras, que, por extensas en número, se dan por reproducidas ao constar no certificado emitido polo rexistrador da propiedade.

Segundo. Durante o tramite de audiencia presentan alegacións contra a clasificación: Ángel Serafín Seijo, Pilar Veiga Vilaboa, Amelia Rodríguez Iglesias, Mónica Rodríguez Sánchez, Rosario Parada Domínguez, Aurelio Pérez Graña, Margarita López Piñeiro, María Teresa Vasalo Álvarez, Jose M.ª Seijo Pérez, Elena Núñez Casal, María Remedios Rodríguez Blanco, Fernando Miguel Marcote Núñez, José Alonso Rodríguez, María Carmen Blanco Fernández, Manuel Fernández González. Alegan, en síntese, cuestións de propiedade e de posesión a título particular. Co escrito de alegacións presentan, para avalalas, unha serie de documentación escrita e gráfica.

Así mesmo presenta escrito de alegacións a comunidade de Cabral, en que reitera, en síntese, a procedencia da clasificación por eles solicitada.

Terceiro. Á vista da documentación presentada polo solicitante e o informe do Servizo de Montes, a paraxe obxecto do presente expediente obedece á seguinte descrición:

Concello: Vigo.

Parroquia: Santa María de Cabral.

Nome do monte: Gorxal.

Segundo información que consta no expediente as súas extremas son:

Parcela A.

Cabida: 7.091m2 ( superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Norte: Instituto de Bacherelato do Meixoeiro.

Sur: avda. da Ponte e entidade local menor de Bembrive.

Leste: autovía A-55.

Oeste: entidade local menor de Bembrive.

Parcela B.

Cabida: 9.961 m2 (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Norte: cemiterio municipal de Puxeiros.

Sur: autovía A-55.

Leste: avda. da Ponte (antiga estrada de Madrid).

Oeste: autovía A-55.

Parcela C.

Cabida: 4.155 m2 (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Norte: camiño e camiño do bosque.

Sur: cemiterio municipal de Puxeiros.

Leste: rúa de subida do cemiterio Puxeiros.

Oeste: camiño.

Parcela D.

Cabida: 4.932 m2 (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Norte: leira agrícola.

Sur: avda. da Ponte.

Leste: camiño e Escola de Imaxe e Son de Vigo do colexio Marcote.

Oeste: leiras de campo con cultivos e edificacións de casas.

Parcela E.

Cabida: 17.176 m2 (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Norte: avda. da Ponte (antiga estrada de Madrid).

Sur: barriada do Gorxal e herdeiros de Pilar García.

Leste: avda. da Ponte.

Oeste: avda. da Ponte.

Parcela F.

Cabida: 6.147 m2 (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Norte: avenida da Ponte.

Sur: avenida da Ponte.

Leste: leiras particulares de monte.

Oeste: colexio Marcote.

Parcela G.

Cabida: 14.322 m2 (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Norte: camiño do Gorxal e naves empresariais (Natiga Galasa).

Sur: autovía A-55, herdeiros de Urbano Pérez e gasolineira.

Leste: máis da CMVMC de Cabral xa clasificados.

Oeste: autovía A-55 e avda. da Ponte.

Parcela H.

Cabida: 10.014 m2 (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Norte: máis da CMVMC de Cabral.

Sur: autovía A-55.

Leste: máis da CMVMC de Cabral.

Oeste: máis da CMVMC de Cabral.

Parcela I.

Cabida: 14.107 m2 (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Norte: Ángel Davila Alonso e regato do Pepín.

Sur: máis da CMVMC de Cabral e Josefa Fernández Martínez.

Leste: Josefa Fernández Martínez e regato do Pepín.

Oeste: M.ª Teresa García Simón e camiño.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter segundo o establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e no artigo 1 do Decreto 240/1992, do 4 de setembro, cómpre entender por montes veciñais en man común «... os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños».

Así, segundo abondosa xurisprudencia, o feito que xustifica a clasificación ou non como veciñal dun determinado monte, en vía administrativa, é a circunstancia de terse ou non demostrado o aproveitamento consuetudinario en man común, prescindindo das cuestións relativas á propiedade e demais dereitos reais.

Terceiro. Por outra banda, de conformidade co artigo 5 da Lei 43/2003, do 21 de novembre, de montes, considerase monte: «todo terreno en el que vegetan especies forestales arbóreas, arbustivas, de matorral o herbáceas, sea espontáneamente o procedan de siembra o plantación, que cumplan o puedan cumplir funciones ambientales, protectoras, productoras, culturales, paisajísticas o recreativas».

Teñen tamén a consideración de monte:

a) Os terreos ermos, rochedos e areeiras.

b) As construcións e infraestruturas destinadas ao servizo do monte en que se sitúan.

c) Os terreos agrícolas abandonados que cumpran as condicións e prazos que determine a comunidade autónoma, e sempre que adquirisen signos inequívocos do seu estado forestal.

d) Todo terreo que, sen reunir as características descritas anteriormente, se adscriba á finalidade de ser repoboado ou transformado ao uso forestal, de conformidade coa normativa aplicable.

e) Os enclaves forestais en terreos agrícolas coa superficie mínima determinada pola comunidade autónoma.

E non se consideran monte:

a) Os terreos dedicados ao cultivo agrícola.

b) Os terreos urbanos e aqueloutros que exclúa a comunidade autónoma na súa normativa forestal e urbanística.

Cuarto. De conformidade coa lexislación autonómica e, en concreto, co artigo 32.2 b) da Lei 2/2010, do 25 de marzo, de medidas urxentes de modificación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, o solo rústico de protección forestal está constituído polos terreos destinados a explotacións forestais e os que sustenten masas arbóreas que deban ser protexidas por cumpriren funcións ecolóxicas, produtivas, paisaxísticas, recreativas ou de protección do solo, e igualmente por aqueles terreos de monte que, aínda cando non sustenten masas arbóreas, deban ser protexidos por cumpriren as ditas funcións e, en todo caso, polas áreas arbóreas formadas por especies autóctonas, así como aquelas que sufrisen os efectos dun incendio a partir da entrada en vigor desta lei ou nos cinco anos anteriores a ela ...».

E considerando tamén o artigo 2 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, considérase monte: «... todo terreo en que vexetan especies forestais arbóreas, arbustivas, de matogueira ou herbáceas, sexa espontaneamente ou procedentes de sementeira ou plantación, que cumpran ou poidan cumprir funcións ambientais, protectoras, productoras, culturais, paisaxísticas ou recreativas. Teñen tamén a consideración de monte o terreo forestal os demais terreos descritos no artigo 5 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes.

Non terán a consideración de monte ou terreo forestal os terreos dedicados ao cultivo agrícola, o solo urbano, os núcleos rurais e o solo urbanizable delimitado, incluíndo a canle e a zona de dominio público hidráulico destes solos, e os excluídos pola normativa vixente, así como os terreos rústicos de protección agropecuaria ...».

Quinto. Respecto ás alegacións presentadas por:

Ángel Serafín Seijo, Pilar Veiga Vilaboa, Amelia Rodríguez Iglesias, Mónica Rodríguez Sánchez, Rosario Parada Domínguez, Aurelio Pérez Graña, Margarita López Piñeiro, María Teresa Vasalo Álvarez, Jose M.ª Seijo Pérez, Elena Núñez Casal, María Remedios Rodríguez Blanco, Fernando Miguel Marcote Núñez, José Alonso Rodríguez, María Carmen Blanco Fernández, Manuel Fernández González débese indicar que a maioría destas alegacións presentan documentación sobre propiedade de diferentes leiras incluídas nas parcelas solicitadas, como escrituras públicas de compravenda e de partilla de herdanzas, escritura pública de protocolización de operacións particionais, documentos de inmatriculación no rexistro da propiedade e relación xurada de bens.

Ao respecto, e de acordo coa reiterada xurisprudencia existente sobre a materia (a título ilustrativo a STS 7/02/01), non corresponde ao xurado de montes entrar a valorar e resolver cuestións que atinxen á titularidade dos predios ou litixios entre particulares relativos á propiedade, e isto porque como veñen sinalando os tribunais:

«O feito que xustifica a clasificación ou non como veciñal dun determinado monte, en vía administrativa, é a circunstancia de terse demostrado o aproveitamento consuetudinario en man común, prescindindo das cuestións relativas á propiedade e demais dereitos reais ...».

A isto débese engadir, como ben sinala para casos análogos o Xulgado do Contencioso-Administrativo número 3 de Pontevedra, en sentenza do 29 de xuño de 2009:

«A función do xurado provincial é a de comprobar a existencia ou non dun aproveitamento consuetudinario comunal nos termos indicados no artigo 1 da Lei 13/1989, o cal exclúe do seu exame cuestións de propiedade, reservadas á xurisdicción ordinaria e que non obstan para a clasificación do MVMC.

Tampouco é obstáculo para tal fin que o monte figure incluído a nome doutras persoas ou entidades en catálogos, inventarios ou rexistros públicos, salvo que esa inclusión sexa consecuencia dunha sentenza ditada en xuízo declarativo (sentenza do TSX de Galicia do 8 de maio de 2008, onde se reproduce con claridade a doutrina do TS que define como única razón válida para a clasificación a constante posesión continuada do aproveitamento dos montes polos veciños de forma mancomunada, sen que frente a este estado posesorio dos aproveitamentos do monte, non necesariamente forestais, poidan prevalecer os actos de disposición deles sequera tivesen acceso ao Rexistro da Propiedade ...».

Estas pretensións non son obxecto de estudo conforme a xurisprudencia descrita e o fundamento de dereito segundo.

Agora ben, se prexuízo do exposto na alínea a), as alegacións demostran dunha ou outra maneira un aproveitamento individual de parte das parcelas solicitadas, en concreto nas parcelas: B, D, E, F e G posto que achegan xunto ás alegacións documentos tanto gráficos como escritos que demostran posesión: recibos bancarios e/a cartas de pagamentos en concepto de impostos sobre bens de natureza urbana, certificacións catastrais descritiva e gráfica de bens inmobles de natureza urbana, pagamentos de expropiacións de Fenosa, recursos á Consellería de Economía sobre valoracións de predios de natureza urbana, así como fotografías de hortas, chousumes e aparcadoiros a que se fan referencia no informe do Servizo de Montes. É de destacar que moitos dos alegantes son comuneiros de Santa Mariña Cabral e non recoñecen o uso comunal dos terreos.

Polo exposto, ponse en evidencia que en moitos dos terreos que se pretenden clasificar non existe un aproveitamento consuetudinario comunal nos termos indicados no artigo 1 da Lei 13/1989 por parte da CMVMC dwe Cabral.

Sexto. Respecto ás alegacións da CMVMC de Cabral, débese indicar que, en primeiro lugar, se reiteran nos documentos xa presentados (informe técnico e plano), onde, segundo os promotores, se demostra «en especial o uso e aproveitamento actual que exixe o artigo 1 da Lei 13/1989», sen rebater as alegacións presentadas contra a clasificación.

Tamén o escrito fai referencia ao informe técnico elaborado polo Servizo de Montes que fai un resumo dos aproveitamentos observados nalgunhas das parcelas, sen especificar que no referido informe tamén se afirma que nas parcelas E, F e H non se observa ningún tipo de aproveitamento veciñal consuetudinario. Tamén cabe comentar que sen que o referido informe rexistra aproveitamentos como a roza en parte da parcela A, non especifica que a roza a realizase a Comunidade de Cabral; e que, finalmente, nas parcelas I e D non observan aproveitamentos.

Posteriormente, o escrito só se centra na parcela A, da cal se presenta un plano que a divide en 3 partes, para indicar que o aparcadoiro do Instituto de Bacharelato do Meixoeiro é unha servidume e que as outras dúas partes son monte aproveitado polos veciños. Destaca sobre esta cuestión que o propio informe indica que o aparcadoiro e público e que das outras dúas partes, unha esta incluída no noiros da autovía do Atlántico e a outra subparcela corresponde a unha pequena zona de monte raso con algúns pés de piñeiro.

Finalmente, a comunidade achega unha serie de declaracións xuradas dalgúns veciños da parroquia; a este respecto cómpre indicar que son declaracións xenéricas que non se centran nas parcelas obxecto deste expediente e que a maioría dos asinantes non aparecen como estremeiros na relación de lindes presentada polos promotores, o que engadiría un maior valor probatorio.

En definitiva, non queda acreditado de forma sólida o aproveitamento consuetudinario nestas parcelas.

Conclusións da investigación:

Primeiro. Unha vez analizada a documentación presentada e os informes do Distrito XVIII e do Servizo de Montes, chégase ás seguintes conclusións:

A parcela A atópase na súa maior parte ocupada polos acesos ao Instituto de Bacharelato do Meixoeiro e unha ampla zona asfaltada de aparcadoiro público (ver foto 2 do informe do 26.5.2011 do distrito forestal); noiros de máis dun 45% de pendente da autovía do Atlántico, (ver foto1 do mesmo informe) onde se identifica unha roza de mantemento propia deste tipo de infraestruturas viarias. O resto da parcela corresponde a unha pequena zona de monte raso con algúns pés de piñeiro onde non se identifica nin se xustifica aproveitamento comunal.

Polo descrito, non queda patente a existencia de aproveitamento consuetudinario en man común na parcela A.

Segundo o informe do distrito, a parcela B comprende unha franxa estreita e excesivamente fragmentada polas variadas servidumes que presenta. Estrema ao oeste coa autovía do Atlántico A-55 e ao leste coa avenida da Ponte. Contén abundantes noiros ao acoller enlaces de aceso viario entre ambas as estradas citadas.

No extremo sur obsérvase un cartel que fai referencia á titularidade da propiedade a nome de Rocoigor que di: «Propiedad de Rocoigor para la construcción de nave para almacén de material y oficinas. Licencia: 45470/421-30028/422 de 6.10.2005 (ver foto 8)». Na proximidade do restaurante Seijo existe unha zona de aparcadoiro (ver foto 4), incluída na superficie alegada, con chan de formigón e que, segundo expresa o propietario do restaurante, é para uso exclusivo dos clientes do restaurante.

Xunto ao cemiterio hai dúas filas de árbores ornamentais (plátanos e castiñeiros de indias) nunha área urbanizada e axardinada.

Non se observan usos ou aproveitamentos consuetudinarios de carácter forestal salvo as cachopas procedentes dunha corta de oito eucaliptos realizada nun noiro achegado ao cemiterio de Puxeiros, no ano 2006, segundo acredita con facturas a Comunidade de Montes de Cabral; atópanse algunhas cachopas de eucalipto e algúns pés illados da mesma especie.

Tamén existen postes de tendido de alta e de baixa tensión, os noiros de rede viaria e de aceso á autovía do Atlántico A-55. Un cartel publicitario da empresa Merkamueble (ver foto3); a este respecto hai que indicar que a comunidade non presenta canon do arredamento, polo que se pode deducir que o canon o pode estar recibindo un terceiro. Por último, unha horta cultivada xunto ao hostal Avenida (ver foto 5) xunto a un peche con cadeado (ver foto 6).

O exposto no informe, xunto á documentación posesoria a título particular presentada nas alegacións respecto a esta parcela, indica que non queda suficientemente demostrado o aproveitamento consuetudinario en man común na parcela B.

A parcela C, segundo informe, está arrendada pola comunidade na súa totalidade á empresa Garciventa para o depósito de materiais de construción. Salvo o peche de entrada, o soar non presenta ningún tipo de construción.

Trátase dun terreo ocupado por variados materiais de construción e na entrada dispón dun aparcadoiro incluído na superficie alegada para a clasificación (ver foto 9 e 10). A comunidade de montes de Cabral presenta recibos do aluguer do citado terreo, terreo que aínda que na actualidade esta cedido a outra actividade podería volver a ser repoboado ou transformado ao uso forestal. Sobre esta parcela non hai alegacións.

Polo descrito pode considerarse que hai aproveitamento en man común ao existir unha cesión e que se demostrou documentalmente o pagamento do aluguer.

A parcela D presenta dúas zonas separadas entre si. A primeira zona, situada máis ao norte, está dividida en dúas por un camiño estreito asfaltado que une a avenida da Ponte coa rúa de subida ao cemiterio de Puxeiros; ao oeste do cemiterio obsérvase unha ampla zona de campos, hortas, millo, viñas, pastos, leiras con cultivos agrícolas en que non se aprecia ningún indicio de que sexa monte, xa que se trata dunha leira pechada por un sólido muro de pedra cun portón de entrada pechado con chave que dá ao citado camiño (ver foto11). Ao leste do camiño obsérvase unha pequena zona poboada con eucaliptos, carballos e matogueiras (ver foto 12) que estrema coas instalacións do colexio Marcote e cunha leira de propiedade particular con casa e campos. Nesta zona preséntanse 3 alegacións.

A segunda zona, situada ao sur, fórmaa unha ringleira de árbores que estrema e separa a leira do colexio Marcote, discorre en paralelo coa avenida da Ponte, (antiga estrada N-120), e a penas contén unha ringleira de carballos no noiro da beirarrúa que se atopa dentro do peche das instalacións do colexio.

Polo descrito non queda demostrado aproveitamento consuetudinario en man común da parcela D.

A parcela E está dividida en tres zonas separadas e ben diferenciadas, que poden detallarse da seguinte forma:

Na subparcela situada máis ao norte (ver foto 13), está limitada pola avenida da Ponte, ao sur cunha parcela non solicitada. Nela existe unha ocupación pechada con muro de pedra e bloques onde se atopan guindastres e camións (ver fotos 14 e 15); obsérvanse pequenos campos, algúns cultivados con horta, e outros a poulo, unha casa de pedra derruída, outra de bloques en estado de abandono e tamén un poste de tendido eléctrico de baixa tensión. Nela non se observa aproveitamento veciñal nin uso forestal. Nesta zona preséntanse unha alegación.

A subparcela seguinte aparece na cartografía unida á anterior por unha estreita banda que, na realidade, se trata da beirarrúa da avenida da Ponte. Esta é a única que presenta un estado forestal formado por eucaliptos e piñeiros, mato e zonas de pradaría (ver foto16). Polo oeste, á parcela citada pásalle a rente unha liña eléctrica de alta tensión. Nesta zona preséntanse 4 alegacións.

A subparcela situada ao sur, está moi separada das dúas anteriores e é estremeira coas inmediacións das casas sociais da rúa Gorxal. Trátase dunha franxa estreita que inclúe o lavadoiro público da rúa Gorxal (ver foto17); ademais está ocupada por dous peches, un deles formado por postes, un muro de pequena altura e malla (ver foto18) e outro de bloques con portón (ver foto19); este último ten porteiro automático e marcado o n.º 31; no seu interior hai unha edificación de casa de planta baixa situada fóra da superficie alegada na clasificación. Nesta zona non se observa ningún tipo de aproveitamento veciñal consuetudinario.

Polo descrito non queda demostrado aproveitamento consuetudinario en man común na parcela E.

Que a parcela F esta poboada por vexetación e arboredo propio de ribeira. Non se observan aproveitamentos veciñais salvo roza en carreiro limítrofe ao colexio, ben que a comunidade de montes presenta unha factura de corta do ano 2008 que textualmente di: «Concepto: venda de madeira: monte do Gorxal colindante colexio Marcote, da especie Pinus pinaster».

Por outra banda, esta zona preséntanse 3 alegacións; en 2 delas descríbese na zona unha leira denominada Viveiro proveniente de herdanza e noutra afírmase que a parte sur da parcela solicitada é utilizada como aparcadoiro de vehículos do colexio Marcote.

Tendo en conta o descrito no informe (non se observan aproveitamentos veciñais), que os datos da corta son imprecisos (non hai solicitude de corta), que o límite leste se di que limita con leiras particulares cando no plano chega ata o regueiro e que de visu se constata o aparcadoiro.

Polo exposto non queda plenamente demostrado aproveitamento consuetudinario en man común na parcela F.

A parcela G trátase dun monte estremeiro con outra zona xa clasificada e recuperada con éxito cunha plantacións de frondosas. Está atravesada por un regato e poboada, en parte, con castiñeiros, carballos, acacias e eucaliptos. O resto está formado por pradarías e tamén por plantacións recentes de frondosas nun intento de dar recuperación e continuidade ás accións desenvolvidas na parcela de monte limítrofe xa clasificado.

É a Comunidade de Cabral a que realizou os ditos traballos. Non obstante, na parte sur do solicitado hai un aparcadoiro que vén sendo aproveitado por unha estación de servizo como aparcadoiro de camións e vehículos.

Este aparcadoiro esta dentro dun predio do cal se presenta certificación catastral a nome da Estación de Servizo Puxeiros, S.L. cunha superficie de 0,43 ha, o que supón o 30% das 1,4 ha solicitadas.

Polo descrito, non queda plenamente demostrado aproveitamento consuetudinario en man común de toda a parcela G.

A parcela H trátase dun terreo en que foi realizado no pasado un recheo, e na actualidade sitúase nel unha nave, maquinaria e contedores dunha empresa de reciclaxe denominada Vila Rodríguez, S.L. (ver foto 20). Non se aprecia ningún aproveitamento nin uso forestal. Indícase que da dita ocupación non se presenta ningún tipo de documentación que indique cesión o aluguer por parte da CMVMC de Cabral.

Polo descrito non queda demostrado aproveitamento consuetudinario en man común no conxunto da parcela H.

A parcela I está formada por dúas subparcelas próximas que limitan co monte veciñal xa clasificado. Aínda que non se observan usos nin tratamentos forestais, o bo estado forestal indicaría que non son necesarios (ver foto 21). Nalgúns puntos que parecen coincidir cos seus límites obsérvanse algúns marcos. Sobre esta parcela non hai alegacións.

Polo descrito no informe do distrito, a parcela podería considerarse MVMC.

En consecuencia, vista a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, o instrutor propón e o xurado acorda por unanimidade:

Non clasificar como veciñais as parcelas A, B, D, E, F, G e H polos motivos anteriormente expostos, e clasificar como veciñais en man común as parcelas C e I a favor da CMVMC de Cabral, da parroquia de Santa Mariña de Cabral, concello de Vigo, por non reuniren as primeiras os requisitos exixidos no artigo 1 da Lei 13/1989, e de acordo coa descrición reflectida no antecedente de feito terceiro e planimetría elaborada para o efecto polo Servizo de Montes, e que forma parte inseparable da presente resolución.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente publicación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

Pontevedra, 26 de outubro de 2011.

Gerardo Zugasti Enrique
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra