Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Mércores, 21 de decembro de 2011 Páx. 37487

I. Disposicións xerais

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia nos que se imparten as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no artigo 31, determina que é competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e a administración do ensino en toda a súa extensión, nos seus niveis e graos, nas súas modalidades e especialidades, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que, conforme o punto primeiro do artigo 81, a desenvolvan.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no capítulo I do título preliminar establece os principios e fins do sistema educativo; entre os principios que o inspiran destacan a calidade da educación para todo o alumnado; a equidade, a inclusión educativa e a non discriminación; a concepción da educación ao longo de toda a vida; a flexibilidade para adecuar a educación á diversidade de aptitudes, intereses, expectativas e necesidades do alumnado; a orientación educativa e profesional do estudantado; o esforzo compartido por alumnado, nais, pais ou titores e titoras legais, profesorado, centros, administracións, institucións e o conxunto da sociedade, e a autonomía para establecer e adecuar as actuacións organizativas e curriculares. Mediante eses principios trátase de conseguir o éxito escolar de todo o alumnado.

No propio título II da referida lei, dedicado á equidade na educación, establécese que as administracións educativas disporán os medios necesarios para que todo o alumnado alcance o máximo desenvolvemento persoal, intelectual, social e emocional, asegurando os recursos necesarios para que o alumnado que requira unha atención educativa diferente á ordinaria poida acadar o máximo desenvolvemento posible das súas capacidades, así como os obxectivos establecidos con carácter xeral para todas as alumnas e alumnos. Igualmente, disponse que as administracións educativas establecerán os procedementos e recursos precisos para identificar de forma temperá as necesidades educativas específicas do alumnado. A atención integral deberá iniciarse desde o momento da identificación e tendo como principios a normalización e a inclusión, e que, para facer efectivo o principio de igualdade no dereito á educación, desenvolverán accións de carácter compensatorio en relación coas persoas, grupos e ámbitos territoriais que se encontren en situacións desfavorables, tratando de evitar as desigualdades derivadas de factores sociais, económicos, culturais, xeográficos, étnicos ou doutra índole.

A diversidade, pois, é unha realidade social, e, polo tanto, unha realidade en cada centro educativo; realidade derivada da singularidade biolóxica, psicolóxica, social e cultural de cada alumna e cada alumno, da singularidade de cada familia e de cada unha das profesoras e dos profesores, tamén das particularidades de cada centro e de cada comunidade educativa no seu conxunto. E a resposta educativa a esa diversidade debe concretarse en cada un dos proxectos educativos, en cada unha das ensinanzas, na coordinación docente, na personalización da educación de cada unha das alumnas e alumnos, nos recursos e medidas educativas, nos compromisos familiares e sociais e en todo o que contribúa ao máximo desenvolvemento persoal e social do alumnado e á súa preparación para convivir e participar, de forma autónoma, nunha sociedade democrática.

Concíbese a atención educativa á diversidade como o conxunto de medidas e accións deseñadas coa finalidade de adecuar a resposta educativa ás diferentes características, potencialidades, ritmos e estilos de aprendizaxe, motivacións e intereses e situacións sociais e culturais de todo o alumnado. Estas medidas e accións implican a toda a comunidade educativa e deben concretarse en propostas curriculares e organizativas que teñan en conta a pluralidade de todas e cada unha das alumnas e alumnos.

O obxectivo educativo de conseguir que todas as persoas acaden o máximo desenvolvemento persoal e social posible require que se lles facilite unha educación adaptada ás súas singularidades, que se lles garanta unha igualdade efectiva de oportunidades e que se lles ofrezan os recursos necesarios, tanto ao alumnado que o precise como aos centros en que se escolariza. E sendo isto necesario para a totalidade do alumnado, máis nos casos daquel que presenta necesidades educativas especiais, dificultades específicas de aprendizaxe, altas capacidades intelectuais, incorporación tardía ao sistema educativo ou unhas condicións persoais ou de historia escolar moi desfavorables. A atención deste alumnado, considerado con necesidade específica de apoio educativo na Lei orgánica 2/2006, de educación, deberá axustarse, entre outros, aos principios de normalización de servizos, de flexibilidade na resposta educativa, de prevención e de atención personalizada.

En consecuencia, ningunha circunstancia persoal ou social pode ser motivo de discriminación á hora de organizar a atención educativa do alumnado, polo que os centros educativos deberán ofrecer unha resposta que compense as diferenzas individuais de todas as alumnas e alumnos, no marco dos principios de normalización e inclusión e desde a consideración da diversidade como un elemento enriquecedor para o conxunto da sociedade. Xa se recolle no preámbulo da citada Lei orgánica 2/2006, que a educación «é o medio máis adecuado para garantir o exercicio da cidadanía democrática e un instrumento de mellora da condición humana e da vida colectiva».

Nas conclusións do Consello da Unión Europea do 12 de maio de 2009 acórdase, entre outras cousas, que a cooperación europea no ámbito da educación e da formación ata 2020 se deberá situar nun marco que recolla os seguintes catro obxectivos estratéxicos:

a) Facer realidade a aprendizaxe permanente e a mobilidade dos educandos.

b) Mellorar a calidade e a eficacia da educación e da formación.

c) Promover a equidade, a cohesión social e a cidadanía activa.

d) Incrementar a creatividade e a innovación, incluído o espírito empresarial, en todos os niveis da educación e da formación.

Este decreto establece unha relación de complementariedade co que, sobre a atención á diversidade, regulan os decretos da Comunidade Autónoma de Galicia que establecen a ordenación xeral das ensinanzas non universitarias, así como co establecido, entre outras normas, na Lei 13/1982, do 7 de abril, de integración social dos minusválidos; na Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor; na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal; na Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade; na Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes; na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores; na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero; na Lei 27/2007, do 23 de outubro, pola que se recoñecen as linguas de signos españolas e se regulan os medios de apoio á comunicación oral das persoas xordas, con discapacidade auditiva e xordo-cegas; na Lei 5/2010, do 23 de xuño, pola que se establece e regula unha rede de apoio á muller embarazada; no Real decreto 240/2007, do 16 de febreiro, sobre entrada, libre circulación e residencia en España de cidadáns dos Estados membros da Unión Europea e doutros Estados parte no Acordo sobre o Espazo Económico Europeo; no Real decreto 132/2010, do 12 de febreiro, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan as ensinanzas do segundo ciclo da educación infantil, a educación primaria e a educación secundaria; no Decreto 120/1998, do 28 de abril, polo que se regula a orientación educativa e profesional na Comunidade Autónoma de Galicia; no Decreto 30/2007, do 15 de marzo, polo que se regula a admisión do alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación; e na Convención do 13 de decembro de 2006 sobre os dereitos das persoas con discapacidade.

O decreto estrutúrase en nove capítulos. No primeiro, de disposicións xerais, establécense o obxecto do decreto, o ámbito de aplicación, o concepto de atención á diversidade e os principios xerais que deben presidir esa atención.

No segundo, de actuacións e medidas de atención á diversidade, establécese o marco das actuacións xerais, tanto da Administración educativa como dos centros docentes, así como o marco das medidas de atención á diversidade, diferenciando entre as ordinarias e as extraordinarias, rematando o capítulo co tratamento do Plan Xeral de Atención á Diversidade, en canto documento destinado á articulación en cada centro docente da atención á diversidade.

O terceiro capítulo, referido á escolarización, establece os principios e as posibles modalidades de escolarización, priorizando sempre a escolarización ordinaria fronte á que se realice en unidades ou centros de educación especial.

O cuarto capítulo desenvolve todo o que fai referencia á promoción da escolarización e da formación das persoas, tanto no que se refire ao control da súa escolarización como ás circunstancias que requiren un tratamento singularizado desa escolarización, coa finalidade de que a formación permanente estea presente ao longo da vida de cada persoa.

O capítulo quinto, dedicado integramente ao alumnado con necesidade específica de apoio educativo, aborda a conceptualización deste alumnado e os procedementos para a súa identificación, avaliación e informes.

O sexto capítulo está destinado aos recursos, tanto humanos como materiais e/ou de equipamento, cunha clara referencia á autonomía que os centros docentes teñen na súa distribución e/ou aproveitamento.

O sétimo capítulo trata da participación e da coordinación, entendidas como factores imprescindibles nos procesos de axuste e mellora do labor educativo. Esa participación e coordinación establécense tanto no seo de cada comunidade educativa como no que ten que ver con outros servizos e institucións.

O oitavo capítulo está destinado á promoción da formación, da innovación e da mellora da calidade educativa, por ser este último un obxectivo permanente do sistema educativo.

No noveno capítulo abórdanse os procesos de seguimento e avaliación en canto mecanismos necesarios para garantir un tratamento adecuado da diversidade e para orientar os procesos de reaxuste ou mellora constante.

Remata o decreto coas disposicións adicionais, derrogatoria e derradeiras.

En consecuencia, de conformidade co exposto, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, conforme o ditame do Consello Escolar de Galicia, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do sete de decembro de dous mil once,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto.

Este decreto ten por obxecto regular a atención á diversidade do alumnado, coa finalidade de facilitar o desenvolvemento persoal e social de cada alumna e alumno e o seu potencial de aprendizaxe, facilitándolles a adquisición das competencias e a consecución dos obxectivos xerais previstos nas ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE).

Artigo 2. Ámbito de aplicación.

Este decreto será de aplicación en todos os centros docentes dependentes da consellería con competencias en materia de educación da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Concepto de atención á diversidade.

No marco deste decreto, enténdese por atención á diversidade o conxunto de medidas e accións que teñen como finalidade adecuar a resposta educativa ás diferentes características e necesidades, ritmos e estilos de aprendizaxe, motivacións, intereses e situacións sociais e culturais de todo o alumnado.

Artigo 4. Principios xerais de actuación.

1. A atención á diversidade rexerase polos principios de normalización e inclusión; equidade, igualdade de oportunidades e non discriminación; flexibilidade e accesibilidade; interculturalidade e promoción da convivencia; autonomía dos centros docentes e participación de toda a comunidade educativa.

2. A atención á diversidade abrangue a totalidade do alumnado, quen deberá contar coas medidas e recursos educativos que respondan ás súas necesidades e características persoais.

3. Nas decisións pedagóxicas, organizativas e de xestión dos centros educativos terase en conta a atención á diversidade.

4. As accións preventivas e a detección temperá terán carácter prioritario nos centros docentes, coa implicación e a participación de toda a comunidade educativa e, de ser o caso, doutras administracións ou entidades sen ánimo de lucro.

5. Na resposta educativa á diversidade priorizaranse as medidas de carácter ordinario e normalizador. As de carácter extraordinario só se levarán a cabo unha vez esgotadas as anteriores.

6. A intervención educativa basearase nun enfoque multidisciplinar e de colaboración e coordinación entre os diferentes profesionais.

7. As nais, pais ou titores e titoras legais do alumnado recibirán, de forma individualizada, a necesaria información e asesoramento respecto das características e necesidades do alumnado, así como das medidas que se deberán adoptar para a súa atención nos centros educativos.

8. A formación, a innovación e a difusión de boas prácticas na atención á diversidade serán accións que se deberán promover para a mellora continuada da calidade educativa.

CAPÍTULO II
Actuacións e medidas de atención á diversidade

Sección 1.ª Actuacións

Artigo 5. Actuacións da Administración educativa.

A consellería con competencias en materia de educación, no marco das actuacións destinadas a adecuar a resposta educativa á diversidade, deberá:

1. Garantir unha adecuada e equilibrada escolarización do alumnado con necesidade específica de apoio educativo na planificación da oferta de prazas escolares nos centros sostidos con fondos públicos.

2. Realizar a dotación dos recursos necesarios para ofrecer unha educación equitativa e de calidade, dentro dos principios inclusivos e de individualización da intervención educativa.

3. Adecuar os centros docentes ás disposicións vixentes en materia de promoción da accesibilidade universal.

4. Impulsar accións, medidas e programas dirixidos, entre outros, a: compensación de desigualdades en educación, prevención do absentismo e abandono escolar, mellora da convivencia, transición á vida laboral e promoción da aprendizaxe ao longo da vida.

5. Impulsar a formación de todo o profesorado na atención ao alumnado con necesidade específica de apoio educativo.

6. Adoptar cantas outras actuacións se determinen para propiciar a calidade e a equidade no ámbito da atención á diversidade.

Artigo 6. Actuacións dos centros docentes.

No marco das actuacións destinadas a adecuar a resposta educativa á diversidade, os centros docentes deberán:

1. Tomar as decisións e adoptar as medidas que optimicen a acción educativa, respondan ás necesidades do alumnado e contribúan á consecución das competencias e dos obxectivos das diferentes etapas e ensinanzas.

2. Deseñar e poñer en práctica accións preventivas e de detección temperá, garantindo un tratamento educativo personalizado e adaptado á realidade de cada alumna e de cada alumno.

3. Concretar e desenvolver os principios de atención á diversidade nas decisións de carácter pedagóxico, organizativo e de xestión do centro.

4. Desenvolver medidas e actuacións de tipo curricular, relacional e organizativo para promover a convivencia, a non discriminación e o respecto polas diferenzas.

5. Optimizar a organización dos recursos do centro para atender e dar resposta ás necesidades de todo o alumnado, en particular daquel con necesidade específica de apoio educativo.

6. Potenciar a acción titorial e orientadora por parte de todo o profesorado.

7. Promover a implicación das nais, pais ou titores e titoras legais do alumnado no proceso educativo.

8. Impulsar a participación do profesorado en actividades de formación e innovación, así como o intercambio de experiencias no ámbito da atención á diversidade.

9. Adoptar, no ámbito da súa autonomía, cantas outras actuacións favorezan a atención á diversidade do alumnado, contando, cando cumpra, coa correspondente autorización.

Sección 2.ª Medidas

Artigo 7. Concepto.

No marco deste decreto, enténdese por medidas de atención á diversidade aquelas actuacións, estratexias e/ou programas destinados a proporcionar unha resposta axustada ás necesidades educativas do alumnado. Estas medidas clasifícanse en ordinarias e extraordinarias e estarán recollidas no Plan Xeral de Atención á Diversidade e nas concrecións anuais de dito plan.

Artigo 8. Medidas ordinarias.

1. No marco deste decreto, considéranse medidas ordinarias de atención á diversidade todas aquelas que faciliten a adecuación do currículo prescritivo, sen alteración significativa dos seus obxectivos, contidos e criterios de avaliación, ao contexto sociocultural dos centros educativos e ás características do alumnado. Estas medidas teñen como finalidade dar resposta ás diferenzas en competencia curricular, motivación, intereses, relación social, estratexias, estilos e ritmos de aprendizaxe, e están destinadas a facilitar a consecución dos obxectivos e competencias establecidas nas diferentes ensinanzas.

2. Sen prexuízo do establecido na normativa reguladora de cada etapa ou ensinanza, entre as medidas ordinarias de atención á diversidade inclúense:

a) Adecuación da estrutura organizativa do centro (horarios, agrupamentos, espazos) e da organización e xestión da aula ás características do alumnado.

b) Adecuación das programacións didácticas ao contorno e ao alumnado.

c) Metodoloxías baseadas no traballo colaborativo en grupos heteroxéneos, titoría entre iguais, aprendizaxe por proxectos e outras que promovan a inclusión.

d) Adaptación dos tempos e instrumentos ou procedementos de avaliación.

e) Aulas de atención educativa e convivencia e medidas e actuacións destinadas á mellora da convivencia.

f) Desdobramentos de grupos.

g) Reforzo educativo e apoio do profesorado con dispoñibilidade horaria.

h) Programas de enriquecemento curricular.

i) Programas de reforzo nas áreas instrumentais básicas.

j) Programas de recuperación.

k) Programas específicos personalizados.

l) Programas de habilidades sociais.

Artigo 9. Medidas extraordinarias.

1. No marco deste decreto, considéranse medidas extraordinarias de atención á diversidade todas aquelas dirixidas a dar resposta ás necesidades educativas do alumnado con necesidade específica de apoio educativo que poden requirir modificacións significativas do currículo ordinario e/ou supoñer cambios esenciais no ámbito organizativo, así como, de ser o caso, nos elementos de acceso ao currículo ou na modalidade de escolarización. Aplicaranse unha vez esgotadas as de carácter ordinario ou por resultaren estas insuficientes.

2. Para a aplicación das medidas extraordinarias será necesaria a autorización da dirección do centro educativo, do Servizo de Inspección Educativa, da xefatura territorial ou da dirección xeral que proceda, e, se é o caso, informe xustificativo do correspondente Servizo de Orientación.

3. Sen prexuízo do establecido na normativa reguladora de cada etapa ou ensinanza e da limitación dalgunha a ensinanzas ou etapas específicas, considéranse medidas extraordinarias de atención á diversidade, entre outras, as que seguen:

a) Adaptacións curriculares.

b) Agrupamentos flexibles.

c) Apoio do profesorado especialista en Pedagoxía Terapéutica e/ou en Audición e Linguaxe.

d) Flexibilización da duración do período de escolarización.

e) Programas de diversificación curricular.

f) Programas de cualificación profesional inicial.

g) Atención educativa ao alumnado que, por circunstancias diversas, presenta dificultades para unha asistencia continuada a un centro educativo.

h) Grupos de adquisición das linguas.

i) Grupos de adaptación da competencia curricular.

4. A consellería con competencias en materia de educación poderá establecer cantas outras medidas de atención á diversidade considere necesarias, así como o procedemento para a súa autorización.

Sección 3.ª Plan Xeral de Atención á Diversidade

Artigo 10. Concepto.

O Plan Xeral de Atención á Diversidade é o documento en que se articula a atención á diversidade a que se refire o artigo 121.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. Neste plan concretaranse todas as actuacións e medidas de atención á diversidade que un centro educativo deseña e desenvolve para adecuar a resposta educativa ás necesidades da totalidade do seu alumnado.

Artigo 11. Elaboración e relación co proxecto educativo.

1. Os departamentos de orientación, ou os recursos equivalentes nos centros privados concertados, serán os responsables de elaborar, de acordo coas directrices da Comisión de Coordinación Pedagóxica e as achegas dos departamentos e/ou equipos de ciclo, a proposta do Plan Xeral de Atención á Diversidade, que trasladarán ao equipo directivo.

2. O Plan Xeral de Atención á Diversidade será aprobado polo consello escolar, por proposta do claustro do profesorado, e pasará a formar parte do proxecto educativo.

3. O equipo directivo será o responsable do desenvolvemento, seguimento e avaliación do Plan Xeral de Atención á Diversidade.

4. Ao comezo de cada curso escolar, os departamentos de Orientación dos centros elaborarán a proposta da concreción anual do Plan Xeral de Atención á Diversidade, que debe formar parte da programación xeral anual.

5. O equipo directivo incorporará a concreción anual do Plan Xeral de Atención á Diversidade á programación xeral anual, e velará polo seu cumprimento, avaliación e memoria.

Artigo 12. Estrutura.

O Plan Xeral de Atención á Diversidade incluirá, cando menos:

1. Xustificación baseada no contexto.

2. Identificación e valoración das necesidades.

3. Determinación dos obxectivos.

4. Descrición das actuacións, medidas e/ou programas para a atención á diversidade.

5. Determinación dos criterios para a organización e distribución dos recursos e a aplicación das medidas propostas.

6. Concreción das actuacións dos distintos profesionais en relación coas medidas deseñadas para o centro.

7. Mecanismos de coordinación e colaboración internos, así como con outras etapas educativas e cos centros adscritos ou de adscrición.

8. Canles de colaboración coas nais, pais ou titores e titoras legais do alumnado e cos diferentes servizos externos ao centro.

9. Protocolos para a solicitude e/ou autorización das medidas extraordinarias.

10. Procesos de seguimento, avaliación e mellora do plan.

Artigo 13. Seguimento, avaliación e memoria.

1. Cada centro educativo establecerá os mecanismos e indicadores para o seguimento e avaliación do Plan Xeral de Atención á Diversidade.

2. Ao final de cada curso, de acordo cos datos do proceso de seguimento e avaliación, o Departamento de Orientación de cada centro elaborará a correspondente memoria do Plan Xeral de Atención á Diversidade, e establecerá, de ser o caso, as pertinentes propostas de mellora. Esta memoria incorporarase á memoria do Departamento de Orientación e, en consecuencia, á memoria anual do centro.

Artigo 14. Supervisión.

Corresponde aos servizos de Inspección Educativa supervisar a elaboración, desenvolvemento e avaliación do Plan Xeral de Atención á Diversidade, así como prestar o asesoramento necesario para tales fins.

CAPÍTULO III
Escolarización

Artigo 15. Principios xerais.

A escolarización do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos en que se imparten as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, de educación, atenderá á liberdade de elección de centro, aos principios de normalización e inclusión, ás circunstancias persoais de cada alumna e alumno, aos recursos existentes, aos informes e ditames dos servizos de orientación e á flexibilidade e reversibilidade, na busca dun ensino de calidade e do desenvolvemento persoal e social do alumnado. De acordo cos ditos principios, priorizarase a escolarización do alumnado con necesidades educativas especiais nos centros ordinarios fronte ás unidades ou aos centros de educación especial.

Artigo 16. Modalidades de escolarización.

1. Considéranse modalidades de escolarización:

a) A escolarización en centros ordinarios, en que se poderán crear ou autorizar unidades de educación especial. Igualmente, determinados centros ordinarios poderán ser habilitados, pola consellería con competencias en materia de educación, como centros de escolarización preferente.

b) A escolarización en centros de educación especial.

c) A escolarización combinada entre un centro ordinario e un centro de educación especial. Para os efectos de escolarización, as unidades de educación especial nos centros ordinarios terán a consideración de centros de educación especial.

2. No caso das escolarizacións combinadas entre un centro ordinario e un centro de educación especial, o alumnado pertencerá, para efectos académicos e administrativos, ao centro educativo que se determine na resolución da xefatura territorial correspondente. O profesorado de ambos os centros coordinarase no proceso de planificación, atención e avaliación deste alumnado.

3. A escolarización do alumnado nunha modalidade diferente da ordinaria estará sometida a un proceso de revisión periódica por parte da xefatura do Departamento de Orientación correspondente, que será trimestral en educación infantil e, cando menos, anual nas demais ensinanzas. Cando, a partir desa revisión, se conclúa que é necesario un cambio na modalidade de escolarización, este deberá solicitarse á xefatura territorial correspondente, quen resolverá.

Artigo 17. Escolarización nos centros ordinarios.

1. Os centros ordinarios constitúen o referente básico para os efectos da escolarización.

2. A escolarización en educación infantil poderá, excepcionalmente, aumentarse ou reducirse nun ano respecto do establecido con carácter xeral, en función, respectivamente, das necesidades educativas especiais ou das altas capacidades do alumnado. En ningún caso se poderá permanecer en educación infantil máis alá do ano natural en que se cumpran os sete de idade nin comezar a educación primaria antes do ano natural en que se cumpran os cinco anos.

3. Cando en educación infantil, de acordo co procedemento establecido, se opte pola permanencia dunha nena ou neno con necesidades educativas especiais un ano máis no primeiro ciclo, a súa incorporación ao segundo ciclo realizarase ao primeiro curso dese ciclo, aínda que non se axuste ás condicións de idade requiridas con carácter xeral. Este alumnado poderá optar á reserva de prazas establecida con carácter xeral para o alumnado con necesidade específica de apoio educativo que se escolariza no primeiro curso do segundo ciclo de educación infantil.

4. A escolarización en educación primaria poderá, excepcionalmente, aumentarse ou reducirse nun ano respecto do establecido con carácter xeral, en función, respectivamente, das necesidades educativas especiais ou das altas capacidades do alumnado. En ningún caso se poderá permanecer en educación primaria máis alá do ano natural en que se cumpran os quince de idade nin comezar a educación secundaria obrigatoria antes do ano natural en que se cumpran os dez anos.

5. A escolarización en educación secundaria obrigatoria poderá, excepcionalmente, aumentarse ou reducirse nun ano respecto do establecido con carácter xeral, en función das necesidades educativas especiais ou das altas capacidades do alumnado, respectivamente. En ningún caso se poderá permanecer en educación secundaria obrigatoria máis alá do ano natural en que se cumpran os dezanove anos, agás en unidades ou centros de educación especial, que se poderá prolongar ata o ano natural en que se cumpran os vinte e un de idade.

Artigo 18. Escolarización en centros ordinarios de escolarización preferente.

1. A consellería con competencias en materia de educación poderá habilitar centros ordinarios como centros de escolarización preferente, coa finalidade de lle proporcionar a atención educativa ao alumnado con necesidades educativas especiais que, polas súas singulares características, precise recursos humanos ou materiais específicos de difícil xeneralización nos centros ordinarios sostidos con fondos públicos.

2. O procedemento de escolarización nos centros ordinarios de escolarización preferente do alumnado con necesidades educativas especiais que requira eses recursos ou materiais específicos realizarase conforme o establecido para os centros de educación especial.

Artigo 19. Escolarización en unidades de educación especial.

1. A consellería con competencias en materia de educación poderá crear ou autorizar unidades de educación especial en centros ordinarios cando se entenda como o recurso máis adecuado para atender as necesidades educativas especiais de determinado alumnado, facilitando a participación e a posibilidade de compartir actividades e espazos do centro ordinario que favorezan a inclusión.

2. A escolarización do alumnado en unidades de educación especial, combinada ou a tempo completo, e a organización da súa atención educativa, estarán suxeitas ás mesmas condicións e procedementos que os dispostos para os centros de educación especial.

3. A escolarización do alumnado a tempo completo nunha unidade de educación especial poderá prolongarse un terceiro ano en educación primaria e un cuarto en educación secundaria obrigatoria, nos termos establecidos pola consellería con competencias en materia de educación e respectando o límite de 15 anos nas unidades dos centros ordinarios de educación primaria e de 21 anos nos de educación secundaria obrigatoria, cumpridos, en ambos os casos, no ano natural en que remata o curso escolar.

4. Os proxectos educativos dos centros ordinarios que conten con unidades de educación especial incluirán os aspectos singulares da organización e funcionamento que as caracterizan.

Artigo 20. Escolarización en centros de educación especial.

1. Enténdese por centro de educación especial aquel onde se escolariza, exclusivamente, alumnado con necesidades educativas especiais que require modificacións significativas do currículo en parte ou en todas as áreas ou materias e que precisa da utilización de recursos moi específicos ou excepcionais, necesidades que non poden ser atendidas e recursos que non se poden facilitar dentro das medidas de atención á diversidade dos centros educativos ordinarios.

2. A escolarización nos centros de educación especial realizarase segundo o procedemento que estableza a consellería con competencias en materia de educación.

3. A competencia para a escolarización nos centros de educación especial corresponde á xefatura territorial e deberá contar co ditame de escolarización emitido polos servizos de Orientación, co informe do Servizo de Inspección Educativa e coa manifestación por escrito da vontade das nais, pais ou titores e titoras legais.

4. O alumnado escolarizado a tempo completo nun centro de educación especial poderá prolongar a súa escolarización un terceiro ano en educación primaria e un cuarto en educación secundaria obrigatoria, nos termos establecidos pola consellería con competencias en materia de educación e respectando o límite de 21 anos de idade para a permanencia do alumnado nos centros de educación especial, cumpridos no ano natural en que finaliza o curso escolar.

5. As ensinanzas nos centros de educación especial e nas unidades de educación especial dos centros ordinarios abordarán unha educación básica obrigatoria e unha formación profesional adaptada e de transición á vida adulta. A educación básica a que se refire o punto anterior terá unha duración mínima de dez anos e centrarase no desenvolvemento dos obxectivos e competencias básicas no grao en que as características persoais do alumnado o posibiliten. A formación profesional adaptada estará encamiñada á adquisición de competencias profesionais e das habilidades da vida diaria que lle permitan ao alumnado desenvolverse coa máxima autonomía posible. Esta formación, de ser o caso, poderá ter efectos de acreditación das competencias profesionais adquiridas en relación co Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional. A consellería con competencias en materia de educación establecerá a ordenación das ditas ensinanzas.

6. Os centros de educación especial, para efectos de organización e funcionamento, contarán con regulación específica adaptada ás súas peculiaridades. É competencia da consellería con competencias en materia de educación esa regulación.

7. Nos termos que estableza a consellería con competencias en materia de educación, os centros de educación especial poderán constituírse como centros de recursos específicos, poñendo á disposición dos centros ordinarios os materiais e recursos de que dispoñen, centralizando os recursos máis especializados e exercendo os labores de asesoramento e atención ambulatoria que se determinen. Igualmente, fomentarán o intercambio de experiencias e a difusión de boas prácticas docentes.

CAPÍTULO IV
Promoción da escolarización e da formación

Artigo 21. Promoción da escolarización.

Na promoción da escolarización e na busca permanente da mellora educativa e do éxito escolar, a consellería con competencias en materia de educación terá como prioridades:

1. Asegurar a permanencia do alumnado no sistema educativo durante, cando menos, as etapas obrigatorias. Esta actuación levarase a cabo directamente ou en colaboración con outras administracións ou entidades sen ánimo de lucro que realicen accións preventivas respecto do absentismo escolar.

2. Promover o deseño e a aplicación de programas específicos de atención á diversidade para aquel alumnado que presente dificultades de inserción e/ou adaptación escolar, coa finalidade de favorecer a súa integración no centro e promover a adquisición dos obxectivos e das competencias da etapa mediante unha metodoloxía adaptada ás súas necesidades e intereses.

3. Adoptar as medidas oportunas para posibilitar a atención educativa ao alumnado que, por razóns de saúde ou por decisión xudicial, non poida asistir con regularidade a un centro educativo. Para tal efecto, poderá subscribir convenios, protocolos e/ou acordos coas administracións con responsabilidade na atención ao referido alumnado, mesmo con institucións sen ánimo de lucro especializadas nesa atención.

4. Fomentar a permanencia do alumnado nas ensinanzas postobrigatorias, tratando de evitar o abandono escolar mediante unha adecuada oferta formativa e de programas para a transición á vida adulta e laboral, así como por medio de medidas relativas á conciliación da vida escolar, laboral e familiar.

Artigo 22. Absentismo, abandono escolar temperán e desescolarización.

Para os efectos deste decreto, entenderase por:

1. Absentismo: ausencia ao centro escolar e sen causa debidamente xustificada do alumnado en idade de escolarización obrigatoria. Esta ausencia ao centro suporá, cando menos, un dez por cento (10%) do horario lectivo mensual.

2. Abandono escolar temperán: situación daquel alumnado que, podendo seguir escolarizado por idade, abandona o sistema educativo sen a obtención da titulación correspondente.

3. Desescolarización: situación en que persoas en idade de escolarización obrigatoria non se atopan matriculadas en ningún centro educativo.

Artigo 23. Mecanismos de prevención, seguimento e control.

1. A consellería con competencias en materia de educación promoverá o acceso, máxima permanencia e promoción do alumnado no sistema educativo mediante programas e medidas proactivas, directamente ou en colaboración con outras administracións ou entidades públicas ou privadas.

2. Estableceranse mecanismos de coordinación entre as institucións educativas e os poderes públicos con competencias na prevención, detección e intervención ante as situacións de absentismo, desescolarización e abandono escolar temperán, para o cal se adoptarán os protocolos de actuación que correspondan.

3. Os centros educativos establecerán, nas súas normas de organización e funcionamento, os procedementos para a aplicación dos citados protocolos, e recollerán, como mínimo, as seguintes actuacións ante situacións de desescolarización, absentismo e/ou abandono escolar temperán:

a) Control e rexistro das incidencias na asistencia do alumnado aos centros escolares.

b) Información ás nais, pais ou titores e titoras legais do alumnado e intervención ante a detección de casos.

c) Se procede, traslado da información á Inspección Educativa por parte da dirección do centro.

Artigo 24. Plan autonómico de promoción da escolarización e da formación.

A consellería con competencias en materia de educación impulsará a posta en marcha dun plan autonómico de promoción da escolarización e prevención do absentismo e o abandono escolar temperán, no cal se integren actuacións dos servizos educativos, sociais, de saúde, de emprego e, en xeral, de cantas administracións promovan e desenvolvan actuacións destinadas á redución do absentismo e do abandono escolar do alumnado.

Artigo 25. Atención educativa hospitalaria e domiciliaria.

1. A atención educativa hospitalaria e/ou domiciliaria terán por finalidade a continuidade do proceso formativo do alumnado que curse ensinanzas de réxime xeral en modalidade presencial en centros sostidos con fondos públicos e que, por prescrición facultativa, debido a enfermidade ou lesión, non poida asistir con regularidade ao centro por un período prolongado de tempo. En todo caso, priorizarase a atención ao alumnado das etapas de ensino obrigatorio.

2. Será destinatario de atención educativa hospitalaria o alumnado que deba permanecer ingresado nun centro hospitalario, a tempo completo ou en hospitalización de día, nalgunha das seguintes situacións:

a) Longa hospitalización: máis de trinta días.

b) Media hospitalización: entre quince e trinta días.

c) Curta hospitalización: menos de quince días.

O alumnado de longa e media hospitalización será quen reciba atención educativa en coordinación co centro de orixe, mentres que o de curta hospitalización poderá realizar no centro hospitalario actividades educativas de carácter xeral.

3. A consellería con competencias en materia de educación establecerá convenios cos centros hospitalarios para garantir, cando proceda, a atención educativa do alumnado hospitalizado neles.

4. Será destinatario de atención educativa domiciliaria o alumnado escolarizado en centros sostidos con fondos públicos que deba permanecer convalecente no domicilio por un período de tempo superior a un mes. Igualmente, será obxecto desta atención o alumnado que padeza algunha enfermidade crónica que sexa a causa de faltas de asistencia ao centro de seis ou máis días continuados ao mes dentro dun período mínimo de seis meses.

5. A autorización da atención educativa domiciliaria correspóndelle á Administración educativa, de acordo co procedemento que se estableza.

6. A consellería con competencias en materia de educación determinará os recursos específicos que garantan a continuidade do proceso educativo do alumnado que precise atención educativa hospitalaria ou domiciliaria, así como os criterios e procedementos para a súa atención e a coordinación interprofesional.

Artigo 26. Alumnado menor sometido a medidas de responsabilidade penal.

A escolarización do alumnado menor de idade a quen, por decisión xudicial, se lle impoñan medidas que afectan a súa escolarización realizarase de acordo co establecido no artigo 7 da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores. En todo caso, respectarase o dereito á educación do alumnado en idade de escolarización obrigatoria.

Artigo 27. Alumnado sometido a medidas de protección e tutela.

1. A consellería con competencias en materia de educación desenvolverá accións de carácter compensatorio destinadas ao alumnado sometido a medidas de protección e tutela, asegurando o seu acceso e permanencia no sistema educativo. Na súa atención, propiciará a subscrición de convenios de colaboración e protocolos de actuación con outras administracións ou entidades sen ánimo de lucro, co fin de garantir o cumprimento destas medidas.

2. A escolarización do alumnado sometido a medidas de protección e tutela realizarase de conformidade co procedemento establecido con carácter xeral; este alumnado será considerado como alumnado con necesidade específica de apoio educativo por condicións persoais ou de historia escolar. Os centros docentes deben adoptar as medidas de atención á diversidade que procedan, para asegurar o seu proceso educativo.

3. A consellería con competencias en materia de educación garantiralle ao alumnado asignado a familias acolledoras unha praza escolar no centro educativo en que se escolarice outro alumnado dependente desas mesmas familias, fillas ou fillos ou outro alumnado acollido, sempre que no centro se impartan as ensinanzas que lle corresponde cursar.

4. Cando as medidas de protección e tutela supoñan un cambio de centro escolar, a súa tramitación e resolución levarase a cabo con carácter urxente.

Artigo 28. Alumnado afectado por medidas de violencia de xénero e/ou acoso escolar.

1. A consellería con competencias en materia de educación asegurará, dentro do seu ámbito competencial e de acordo co establecido no artigo 17 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, a escolarización inmediata do alumnado que se vexa afectado por cambios de centro derivados de situacións de violencia de xénero. Así mesmo, os centros educativos prestarán atención especial á inclusión e normalización do dito alumnado.

2. Nos casos en que sexa necesario un cambio de centro por motivos de violencia ou acoso escolar, garantirase a escolarización inmediata do alumnado afectado.

Artigo 29. Alumnado pertencente a familias itinerantes.

1. Será destinatario desta atención aquel alumnado que, por razóns de itinerancia da súa familia, non poida asistir ao mesmo centro educativo de xeito continuado.

2. A consellería con competencias en materia de educación facilitará a escolarización deste alumnado nos centros do contorno onde itinere a súa familia ou representantes legais, nas condicións establecidas con carácter xeral para todo o alumnado e coas medidas de atención á diversidade que procedan, co fin de garantir a continuidade do seu proceso de aprendizaxe.

3. O cambio, por razóns de itinerancia, dun centro educativo ao outro realizarase segundo o establecido para os traslados de centro, polo que o centro de orixe deberá facilitar ao centro de destino, logo de petición deste, a información pertinente.

Artigo 30. Alumnado procedente do estranxeiro.

1. Será destinatario desta atención aquel alumnado que, procedendo do estranxeiro, conte cunha idade comprendida entre os tres anos e o límite da escolarización obrigatoria e presente algunha das seguintes circunstancias:

a) Descoñecemento das dúas linguas oficiais de Galicia.

b) Desfase curricular significativo.

c) Graves dificultades de adaptación.

2. A consellería con competencias en materia de educación facilitará as medidas necesarias para proporcionar a debida atención educativa ao alumnado procedente do estranxeiro que presente algunha das circunstancias referidas no punto anterior. Estas medidas poderán ser tanto de tipo curricular como organizativo.

Artigo 31. Atención educativa a mozas embarazadas.

1. A consellería con competencias en materia de educación, en cumprimento do establecido no artigo 5 da Lei 5/2010, do 23 de xuño, pola que se establece e regula unha rede de apoio á muller embarazada, arbitrará as actuacións ou medidas de apoio necesarias para facer posible a continuación dos estudos por parte da menor embarazada e, se é o caso, do futuro pai en idade de escolarización obrigatoria, de forma compatible coas exixencias derivadas do embarazo e coas obrigas da maternidade e da paternidade.

2. Os centros docentes deberán proporcionar ás menores embarazadas que cursen estudos de ensino obrigatorio e postobrigatorio a adecuación dos procesos de ensino e aprendizaxe ás súas necesidades durante o seu embarazo e nos dous anos seguintes ao parto, nos termos que estableza a consellería con competencias en materia de educación.

3. A menor de idade durante o proceso de xestación e, posteriormente, no caso de que se faga cargo da atención da súa filla ou fillo, terá dereito a ser autorizada, pola Administración educativa, para asistir intermitentemente ao centro en que está escolarizada, de acordo coas súas necesidades. Este dereito esténdese ao pai menor de idade que xustifique un comportamento de paternidade responsable.

CAPÍTULO V
Alumnado con necesidade específica de apoio educativo

Artigo 32. Concepto.

Enténdese por alumnado con necesidade específica de apoio educativo aquel que requira, de forma temporal ou permanente, apoios ou provisións educativas diferentes ás ordinarias por presentar necesidades educativas especiais, por dificultades específicas de aprendizaxe, por altas capacidades intelectuais, por incorporarse tardiamente ao sistema educativo ou por condicións persoais ou de historia escolar.

Artigo 33. Identificación temperá, avaliación inicial e valoración.

1. A identificación temperá das necesidades educativas do alumnado, a súa valoración e a resposta educativa procedente constitúen procesos necesarios para adecuar as medidas e recursos educativos á diversidade.

2. A avaliación inicial, nos termos regulados pola consellería con competencias en materia de educación, constitúe un factor preventivo por excelencia na atención á diversidade, en xeral, e na atención ao alumnado con necesidade específica de apoio educativo, en particular.

3. Ao finalizar cada curso avaliarase o proceso educativo de cada alumna e de cada alumno, especialmente os resultados acadados en función dos obxectivos propostos a partir da avaliación inicial realizada.

4. As nais, pais ou titores e titoras legais do alumnado deberán ser informados dos procedementos para a detección temperá das necesidades educativas do alumnado e dos resultados desa identificación e valoración, así como, de ser o caso, da aplicación das actuacións e medidas de atención á diversidade que se consideren oportunas.

5. Os servizos de Orientación deberán asesorar a totalidade da comunidade educativa nos procesos de identificación das necesidades educativas do alumnado, na súa valoración, nas medidas educativas que cómpre adoptar e na súa avaliación.

Artigo 34. Avaliación psicopedagóxica.

1. A avaliación psicopedagóxica é un proceso sistematizado de recollida, análise e valoración da información relevante do alumnado, do seu contexto escolar, do contorno familiar e dos distintos elementos que interveñen no proceso de ensino e aprendizaxe. Terá por finalidade identificar as necesidades educativas que poida presentar o alumnado e poder fundamentar as correspondentes propostas e decisións.

2. A avaliación psicopedagóxica é competencia e responsabilidade da xefatura do Departamento de Orientación, coa colaboración, de ser o caso, dos equipos de orientación específicos. A súa realización axustarase ao establecido pola consellería con competencias en materia de educación. En todo caso, deberá realizarse unha avaliación psicopedagóxica previa ao ditame de escolarización.

3. Os servizos de Orientación deberán deseñar e elaborar os correspondentes protocolos de demanda de avaliación psicopedagóxica. Os procedementos para esa demanda daranse a coñecer á comunidade educativa.

Artigo 35. Informe psicopedagóxico.

1. Os resultados e conclusións da avaliación psicopedagóxica recolleranse nun informe psicopedagóxico no cal deberán figurar a situación evolutiva e educativa da alumna ou alumno, a concreción das súas necesidades educativas, as orientacións curriculares, a proposta de escolarización, a determinación das axudas necesarias, o procedemento para a revisión e/ou actualización do informe e cantas outras orientacións se consideren oportunas. Este informe xuntarase á documentación que conforma o expediente escolar da alumna ou alumno.

2. As nais, pais ou titores e titoras legais do alumnado deberán ser informados dos resultados das avaliacións psicopedagóxicas e das medidas propostas, e terán dereito a obter copia do informe psicopedagóxico nas condicións que estableza a consellería con competencias en materia de educación.

Artigo 36. Ditame de escolarización.

1. O ditame de escolarización para o alumnado con necesidade específica de apoio educativo realizarase, no caso de que se consideren necesarios recursos extraordinarios de atención educativa ou ben unha modalidade de escolarización distinta da ordinaria, nas seguintes situacións:

a) Alumnado de nova incorporación ao sistema educativo.

b) Alumnado que comeza un novo tipo de ensinanzas.

c) Alumnado para quen se propón un cambio na súa modalidade de escolarización.

d) Outras situacións de carácter excepcional que a Administración educativa considere.

2. O ditame de escolarización consiste nun informe persoal dunha alumna ou dun alumno elaborado polos servizos de Orientación, no cal se recollerán, cando menos:

a) As conclusións da avaliación psicopedagóxica.

b) As orientacións sobre a proposta curricular adecuada e, de ser o caso, sobre os recursos persoais e materiais necesarios.

c) A proposta de escolarización.

d) A opinión das nais, pais ou titores e titoras legais do alumnado respecto desa proposta.

3. A elaboración do ditame de escolarización corresponderá á xefatura do Departamento de Orientación, ou ao cargo equivalente nos centros privados concertados, do centro en que está escolarizada a alumna ou o alumno ou para o cal solicita a súa escolarización por primeira vez, quen poderá contar, de ser o caso, coa colaboración do equipo de orientación específico correspondente.

4. No caso de cambio de centro escolar, pero dentro do mesmo tipo de ensinanzas, revisarase o último ditame de escolarización e non será necesario elaborar un novo ditame agás que haxa circunstancias que así o requiran ou que o dito traslado supoña, tamén, un cambio na modalidade de escolarización. A revisión e, de ser o caso, elaboración dun novo ditame correspóndelle á xefatura do Departamento de Orientación do centro que recibe a solicitude de escolarización, que requirirá ao centro de procedencia, a través das respectivas direccións, a información escrita que corresponda.

5. Cando sexa necesario modificar a modalidade de escolarización dun alumno ou dunha alumna ou cando circunstancias especiais así o aconsellen, ademais do ditame de escolarización que elabore a xefatura do Departamento de Orientación do centro correspondente, a xefatura territorial de Educación poderá requirir ao equipo de orientación específico a elaboración dun ditame complementario ao emitido pola xefatura do Departamento de Orientación do centro educativo.

CAPÍTULO VI
Recursos

Artigo 37. Recursos materiais.

1. A consellería con competencias en materia de educación dotará os centros educativos do necesario equipamento e materiais educativos específicos para atender as necesidades educativas da diversidade do seu alumnado.

2. A consellería con competencias en materia de educación dotará de servizos complementarios adaptados ao alumnado cando se determine a súa necesidade nos informes e/ou ditames que correspondan.

3. As instalacións e dependencias dos centros educativos serán accesibles para todo o alumnado escolarizado neles.

Artigo 38. Recursos humanos.

1. A consellería con competencias en materia de educación establecerá os criterios prioritarios para a optimización dos recursos humanos na atención ao alumnado con necesidade específica de apoio educativo.

2. Os centros educativos contarán cos profesionais especializados necesarios para atender as necesidades do seu alumnado. Entre eses profesionais inclúese o profesorado de Pedagoxía Terapéutica e/ou Audición e Linguaxe que se estableza de acordo co número de unidades.

3. No caso dos centros en que o reducido número de unidades non supoña a provisión de profesorado de Pedagoxía Terapéutica e/ou Audición e Linguaxe nos seus catálogos de postos de traballo, así como naqueles centros en que a dotación dese profesorado non abonde para atender as necesidades educativas do alumnado, a consellería con competencias en materia de educación realizará dotacións excepcionais de profesorado de Pedagoxía Terapéutica e/ou de Audición e Linguaxe de acordo co número de alumnado con necesidades educativas especiais, identificado polos servizos de Orientación, e co informe do Servizo de Inspección. Ao profesorado de apoio correspondente a estas dotacións excepcionais poderáselle encomendar a atención doutros centros, en réxime de itinerancia.

4. A proposta de organización da atención ao alumnado por parte do profesorado de Pedagoxía Terapéutica e/ou Audición e Linguaxe e, de ser o caso, doutros profesionais específicos, será realizada pola xefatura do Departamento de Orientación, de acordo cos criterios establecidos no Plan Xeral de Atención á Diversidade e coa participación do profesorado titor do alumnado e do propio profesorado de Pedagoxía Terapéutica e/ou Audición e Linguaxe.

Artigo 39. Autonomía no uso dos recursos.

Os centros docentes, dentro da súa autonomía organizativa, pedagóxica e de xestión, distribuirán e optimizarán os seus recursos segundo a súa planificación educativa e o seu Plan Xeral de Atención á Diversidade.

CAPÍTULO VII
Participación e coordinación

Artigo 40. Colaboración con entidades, asociacións e outras organizacións relacionadas coa atención á diversidade.

A consellería con competencias en materia de educación promoverá a colaboración entre as distintas administracións, entidades, asociacións e outras organizacións sen ánimo de lucro e con atribucións na prevención, detección temperá e intervención educativa co alumnado, establecendo protocolos comúns de actuación e favorecendo o intercambio de información e a difusión de boas prácticas.

Artigo 41. Coordinación intercentros.

1. Promoverase a coordinación e colaboración entre os diferentes centros educativos, especialmente entre os centros que atenden unha mesma alumna ou alumno.

2. A posta en común da información recollida na documentación do alumnado e, particularmente, nos informes de fin de ciclo e/ou etapa, tanto do profesorado titor como do Departamento de Orientación, de ser o caso, formarán parte dese proceso de coordinación.

3. O Plan Xeral de Atención á Diversidade deberá especificar os mecanismos de coordinación entre as distintas etapas e entre os centros educativos implicados.

Artigo 42. Participación e colaboración das familias.

1. As nais, pais ou titores e titoras legais do alumnado deberán compartir o esforzo educativo, participando e colaborando, nos termos legalmente establecidos, nas decisións que afecten a escolarización e os procesos educativos do alumnado.

2. Os centros educativos promoverán a implicación das nais, pais ou titores e titoras legais do alumnado en todas aquelas medidas destinadas ao desenvolvemento integral do alumnado, particularmente nos ámbitos referidos á mellora da autonomía, esforzo, autoestima, participación e convivencia. Nos documentos de organización, xestión e funcionamento do centro deberán recollerse actuacións destinadas a esta finalidade.

3. As nais, pais ou titores e titoras legais do alumnado deberán colaborar no proceso de avaliación inicial do alumnado así como no das posibles avaliacións psicopedagóxicas, nos termos que estableza a consellería con competencias en materia de educación.

4. Os centros docentes promoverán a posta en marcha de programas familia-escola e/ou das medidas que correspondan para que as nais, pais ou titores e titoras legais do alumnado reciban información e asesoramento que os axuden no seu labor educativo, faciliten a comunicación co profesorado e potencien a participación na vida dos centros.

CAPÍTULO VIII
Formación, innovación e mellora da calidade

Artigo 43. Formación.

1. A consellería con competencias en materia de educación promoverá a formación inicial e permanente de todo o profesorado e o seu recoñecemento, como eixe de mellora da calidade educativa e do éxito escolar.

2. Os plans de formación do profesorado deberán ter en conta a atención á diversidade entre as súas liñas prioritarias.

Artigo 44. Innovación educativa.

1. A consellería con competencias en materia de educación fomentará a investigación e a innovación na atención á diversidade como proceso de mellora da calidade da resposta educativa.

2. Serán ámbitos de investigación e innovación:

a) A convivencia.

b) Os enfoques metodolóxicos innovadores.

c) As prácticas de educación inclusiva.

d) A orientación académica e profesional.

e) Aqueloutros que redunden na mellora da atención á diversidade.

Artigo 45. Mellora continua da calidade.

1. Todas as accións educativas se rexerán polo principio de mellora continua da calidade.

2. Enténdense como factores favorecedores da calidade na atención á diversidade, entre outros: a cualificación e formación do profesorado; a coordinación e traballo en equipo; a optimización dos recursos educativos; a investigación, desenvolvemento e innovación educativa; a autonomía pedagóxica, organizativa e de xestión dos centros; a función directiva; a titoría e a orientación; a inspección educativa e a avaliación.

3. Os centros educativos, no ámbito da súa autonomía e partindo da análise da súa realidade, priorizarán actuacións educativas destinadas ao dominio, por parte do alumnado, das técnicas instrumentais básicas, das tecnoloxías da información e da comunicación e de idiomas estranxeiros. Igualmente, priorizaranse actuacións que faculten para aprender a aprender ao longo da vida e que promovan a convivencia, a autonomía e a participación nunha sociedade democrática.

CAPÍTULO IX
Seguimento e avaliación

Artigo 46. O seguimento e a avaliación como procesos de mellora.

1. O seguimento e a avaliación dos diferentes proxectos, plans e/ou programas constituirán os procesos básicos no axuste e na mellora da atención á diversidade, polo que todos eles deberán establecer o procedemento, a temporalización, os indicadores e as persoas responsables deses procesos.

2. Todos os sectores implicados, no ámbito das súas respectivas competencias, deberán participar nos procesos de seguimento e avaliación dos proxectos, plans e/ou programas, de acordo cos procedementos que neles se establezan.

3. As persoas ou os equipos responsables da elaboración dos diferentes proxectos, plans e/ou programas, tendo en conta os indicadores de seguimento e avaliación que neles figuren, deberán deseñar os instrumentos adecuados para a recollida de información dos distintos sectores da comunidade educativa.

4. Os instrumentos destinados á recollida da información sobre o seguimento e a avaliación da atención á diversidade deberán ter en conta tanto aspectos de tipo cuantitativo e obxectivable como de tipo cualitativo.

Disposición adicional primeira.

O establecido para as nais, pais ou titores e titoras legais do alumnado enténdese referido ao alumnado menor de idade ou ao legalmente incapacitado; referiranse ao propio alumnado cando sexa maior de idade e non estea legalmente incapacitado.

Disposición adicional segunda.

O disposto neste decreto será aplicable aos centros privados concertados e non concertados en todos aqueles aspectos que non contraveñan o establecido na súa lexislación específica.

Disposición adicional terceira.

A obtención e o tratamento dos datos persoais do alumnado, das nais, pais ou titores e titoras legais deste, en especial os que figuren nos documentos oficiais a que se refire este decreto, a súa cesión duns centros a outros e a adopción de medidas que garantan a seguridade e a confidencialidade dos ditos datos someteranse ao disposto na lexislación vixente en materia de protección de datos de carácter persoal.

Disposición derrogatoria única.

Derróganse o Decreto 320/1996, do 26 de xullo, de ordenación da educación de alumnos e alumnas con necesidades educativas especiais, e todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo.

Autorízase a consellería con competencias en materia de educación para ditar todas aquelas normas necesarias para o desenvolvemento do establecido neste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de decembro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria