Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Martes, 3 de xaneiro de 2012 Páx. 318

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

INSTRUCIÓN 17/2011, sobre a conformación dos documentos emitidos polos organismos de control.

A Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria, modificada pola Lei 25/2009, do 22 de decembro, establece no seu artigo 13 que o cumprimento das exixencias regulamentarias en materia de seguridade industrial, sen prexuízo do control pola Administración pública, se probará de acordo cos regulamentos que resulten aplicables, utilizando, entre outros medios, certificación ou acta dun organismo de control.

O Real decreto 338/2010, do 19 de marzo, modificou o Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, e definía os organismos de control como as persoas naturais ou xurídicas que, tendo plena capacidade de obrar, se constitúen coa finalidade de verificar o cumprimento de carácter obrigatorio das condicións de seguridade de produtos e instalacións industriais, establecidas polos regulamentos de seguridade industrial, mediante actividades de certificación, ensaio, inspección ou auditoría.

A recente publicación do Decreto 54/2011, do 24 de marzo, polo que se regula a autorización e a actuación dos organismos de control en materia de seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia, dá resposta no ámbito galego á actualización normativa impulsada polo citado Real decreto 338/2010.

Entre outras cousas, o Decreto 54/2011 determina a modalidade de comunicación das actuacións dos organismos de control á Administración. Concretamente, no seu artigo 5.2, establécese que calquera informe, acta, protocolo ou certificación do organismo de control, independentemente de que sexa favorable, condicionada ou negativa, deberá ser remitido telematicamente, de acordo co disposto no artigo 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, ao órgano competente en materia de industria nun prazo máximo de dez días.

Non obstante, a disposición transitoria do decreto citado no parágrafo anterior indica que mentres non estea dispoñible a plataforma tecnolóxica que permita a presentación telemática da documentación, a modalidade utilizada será a da súa presentación en soporte papel ante o correspondente departamento territorial competente en materia de industria.

Co ánimo de facer máis áxil e eficaz a xestión administrativa nas unidades tramitadoras, considérase conveniente establecer mediante a presente instrución uns criterios comúns para a recepción e xestión de actas de inspección e a súa correspondente conformación.

Aínda que esta instrución, de acordo co previsto no artigo 37.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, non ten os efectos propios dunha norma xurídica de natureza regulamentaria, en prol dunha maior transparencia na xestión administrativa e da seguranza xurídica, considérase conveniente a súa publicación para que todas as persoas interesadas poidan coñecer os criterios que seguirán as xefaturas territoriais da consellería competente en materia de industria.

Primeiro. O obxecto desta instrución é o de establecer uns criterios comúns, para as unidades tramitadoras das xefaturas territoriais da consellería competente en materia de industria, na xestión administrativa das actas de inspección realizadas polos organismos de control.

Segundo. Para os efectos desta instrución denominaranse como actas de inspección todos os documentos dos referidos no artigo 3 do Decreto 54/2011, do 24 de marzo, polo que se regula a autorización e a actuación dos organismos de control en materia de seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro. Consonte o artigo 5 do Decreto 54/2011, calquera acta de inspección, independentemente de que sexa favorable, condicionada ou negativa, deberá ser remitida ao órgano competente en materia de industria nun prazo máximo de dez (10) días.

Entenderanse incluídos nesta obriga os certificados de inspección dos referidos na Orde do 18 de agosto de 2008 pola que se regula o réxime de inspeccións das instalacións eléctricas de baixa tensión, incluídos aqueles que como resultado da actividade de control cualifiquen o produto ou instalación como condicionada.

Cuarto. Todas as actas de inspección dos organismos de control que se presenten ante a Administración serán conformadas pola unidade administrativa tramitadora da xefatura territorial correspondente da consellería competente en materia de industria.

Quinto. Un documento conformado será aquel que leve estampado o selo identificador que utilice a unidade tramitadora, xunto coa data de recepción na citada unidade.

Sexto. Os organismos de control, ademais da preceptiva acta e con carácter xeral, poderán presentar tres copias como máximo por cada acta de inspección que serán devoltas pola unidade tramitadora debidamente conformadas. No caso de que un regulamento o especifique, conformaranse tantas copias como indique o dito regulamento.

De maneira xeral, as copias conformadas das actas de inspección recolleranse na unidade tramitadora. Non obstante, os organismos de control poderán solicitar o seu envío postal no enderezo que explicitamente se especifique para este efecto na instancia ou instancias presentadas xunto coas actas de inspección.

Sétimo. As actas de inspección presentaranse xunto coa correspondente instancia, que indicará unha relación do tipo e identificación das actas de inspección presentadas, ademais do establecido no artigo 70.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os organismos de control poderán presentar as actas de inspección en calquera rexistro incluído no sistema único de rexistro da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia establecido polo Decreto 191/2011, do 22 de setembro, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

As actas de inspección dos equipos e instalacións dunha circunscrición territorial remitiranse á xefatura territorial ou, cando exista, ao servizo territorial, situados na mesma provincia onde radiquen. Co propósito de facer a xestión o máis rápida posible, de maneira preferente, non se remitirán agrupadas as actas dirixidas a diferentes departamentos territoriais, senón que cada acta ou grupo de actas irán dirixidas separadamente a cadanseu departamento.

Oitavo. Sen prexuízo do indicado no punto anterior, as actas de inspección inicial poderanse presentar directamente nas unidades tramitadoras das xefaturas territoriais correspondentes para seren conformadas no momento.

Noveno. A conformación de cada acta de inspección está sometida ao pagamento dunha taxa cuxa contía e codificación virán establecidas no anexo correspondente ás taxas por servizos profesionais da correspondente Lei de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

Co pagamento da taxa pola conformación dunha acta entenderase incluída a conformación da dita acta e das copias que se presenten, tendo en conta o indicado no punto sexto.

Ao abeiro do anterior, non se conformará ningunha acta que non se presente acompañada do correspondente xustificante de pagamento da taxa.

Décimo. Esta instrución entrará en vigor desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2011.

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas