Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Martes, 3 de xaneiro de 2012 Páx. 322

III. Outras disposicións

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 245/2011, do 15 de decembro, polo que se autoriza a implantación e a modificación na denominación de ensinanzas universitarias oficiais nas universidades do Sistema Universitario de Galicia para o curso 2011-2012.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, establece no seu artigo 8.2 que a implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional serán acordadas pola comunidade autónoma, ben por propia iniciativa, co acordo do Consello de Goberno da universidade, ben por iniciativa da universidade mediante proposta do Consello de Goberno, en ambos os casos con informe previo favorable do Consello Social.

O artigo 35.2 da dita lei establece que as universidades deberán obter a verificación do Consello de Universidades de que o oportuno plan de estudos se axusta ás directrices e condicións establecidas polo Goberno. A verificación positiva dos plans de estudo das titulacións que se autorizan neste decreto foi acordada polo Consello de Universidades.

O Real decreto 1393/2007, modificado polo Real decreto 861/2010, do 2 de xullo, polo que se establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais, e o Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento, seguindo os principios establecidos na Lei orgánica de universidades, flexibiliza a organización das ensinanzas universitarias, promovendo a diversificación curricular e permitindo que as universidades aproveiten a súa capacidade de innovación, fortaleza e oportunidades.

O citado Real decreto 1393/2007 regula no seu capítulo VI o procedemento de verificación e acreditación dos títulos. Os plans de estudos deberán ser verificados polo Consello de Universidades e someterse a un procedemento de acreditación cada seis anos no caso dos graos e doutoramentos e catro nos de máster, contados desde a data da súa verificación inicial ou a súa última acreditación, co fin de manter a súa acreditación.

No ámbito autonómico esta materia está regulada pola Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia, o Decreto 259/1994, do 29 de xullo, polo que se establece o procedemento para a creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudos na Comunidade Autónoma de Galicia, e o Decreto 66/2007, do 29 de marzo, polo que se establece o procedemento de autorización para a implantación de estudos universitarios oficiais de posgrao conducentes ao título de máster ou de doutor, tendo acordado no Consello Galego de Universidades do 5 de novembro de 2007 unhas liñas xerais para a implantación dos estudos de grao e de posgrao no sistema universitario de Galicia.

No artigo 3 do Decreto 259/1994 establécese que a autorización para a implantación de estudos no ámbito territorial propio da comunidade autónoma farase por decreto da Xunta de Galicia. Previamente terá que recibir o informe favorable do Consello Galego de Universidades, de acordo co previsto no artigo 5.j) da Lei 2/2003, do 22 de maio, do Consello Galego de Universidades.

Neste decreto autorízase a implantación de estudos conducentes aos títulos de máster universitario e doutor e a modificación na denominación de ensinanzas universitarias oficiais no sistema universitario de Galicia, unha vez cumpridos todos os requisitos previos ao acto formal de autorización por parte da Xunta de Galicia.

O deseño da nova oferta de titulacións e especialidades no sistema universitario de Galicia, ademais de perseguir o obxectivo irrenunciable da transmisión do coñecemento, débese enmarcar nun sistema máis aberto, diverso e versátil, que permita e favoreza unha mellor adaptabilidade a unha realidade laboral cambiante en exixencias e capacidades e que facilite e promova a formación ao longo da vida que demanda a sociedade actual.

O proceso de implantación dos novos títulos debe permitir o deseño dunha oferta global cun eficiente aproveitamento dos recursos para mellorar a calidade do sistema universitario de Galicia e, ao mesmo tempo, diminuír as repeticións e eliminar as redundancias dentro dunha mesma universidade.

Polo exposto, por proposta do Consello de Goberno das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, cos informes previos favorables dos consellos sociais respectivos, verificados positivamente os plans de estudos polo Consello de Universidades, logo de informe favorable do Consello Galego de Universidades, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do quince de decembro dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Concederlle autorización á Universidade de Santiago de Compostela para que implante as seguintes ensinanzas universitarias oficiais:

Máster universitario:

– Máster universitario en bioloxía mariña (interuniversitario).

– Máster universitario en dirección de actividades educativas na natureza.

– Máster universitario en tecnoloxías da información.

– Máster universitario en turismo urbano e xestión de empresas turísticas.

– Máster universitario en xuventude e sociedade.

Doutoramento:

– Doutor ou doutora dentro do programa de doutoramento en condicionantes xenéticos, nutricionais e ambientais do crecemento e do desenvolvemento (interuniversitario).

Artigo 2.

Concederlle autorización á Universidade da Coruña para que implante as seguintes ensinanzas universitarias oficiais:

Máster universitario:

– Máster universitario en arquitectura sanitaria e asistencial.

– Máster universitario en bioloxía mariña (interuniversitario).

– Máster universitario en ciencia e tecnoloxía en termalismo e balneoterapia (interuniversitario).

– Máster universitario en enxeñaría mariña.

– Máster universitario en investigación en tecnoloxías navais e industriais.

– Máster universitario en investigación, ordenación e avaliación de servizos sociosanitarios.

– Máster universitario en literatura, cultura e diversidade.

– Máster universitario en planificación e xestión de destinos e novos produtos turísticos.

– Máster universitario en prevención de riscos laborais e riscos comúns.

Doutoramento:

– Doutor ou doutora dentro do programa de doutoramento en biotecnoloxía avanzada (interuniversitario).

Artigo 3.

Concederlle autorización á Universidade de Vigo para que implante as seguintes ensinanzas universitarias oficiais:

Máster universitario:

– Máster universitario en ciencia e tecnoloxía en termalismo e balneoterapia (interuniversitario).

– Máster universitario en bioloxía mariña (interuniversitario).

– Máster universitario en dirección de pemes.

– Máster universitario en dirección e planificación do turismo interior e de saúde.

– Máster universitario en dirección pública e liderado institucional.

– Máster universitario en lingua e comunicación nos negocios.

– Máster universitario en mecatrónica.

– Máster universitario en xestión empresarial do deporte.

Doutoramento:

– Doutor ou doutora dentro do programa de doutoramento en arte contemporánea. Creación e investigación.

– Doutor ou doutora dentro do programa de doutoramento en biodiversidade e ecosistemas.

– Doutor ou doutora dentro do programa de doutoramento en biotecnoloxía avanzada (interuniversitario).

– Doutor ou doutora dentro do programa de doutoramento en integración económica rexional e políticas comunitarias.

– Doutor ou doutora dentro do programa de doutoramento en oceanografía.

Artigo 4.

Modificación na denominación dos seguintes títulos oficiais de grao, máster universitario e programas de doutoramento das universidades de Santiago de Compostela e A Coruña:

1. Título de grao en educación primaria da Universidade de Santiago de Compostela, que foi autorizada a súa implantación no Decreto 150/2010, do 16 de setembro, modifica a súa denominación por Resolución do Consello de Universidades do 2 de xullo de 2010, e pasa a denominarse graduado/a en mestre de educación primaria.

2. Título de grao en educación infantil da Universidade de Santiago de Compostela, que foi autorizada a súa implantación no Decreto 150/2010, do 16 de setembro, modifica a súa denominación por Resolución do Consello de Universidades do 2 de xullo de 2010, e pasa a denominarse graduado/a en mestre de educación infantil.

3. Título de máster universitario en lingua e usos profesionais: español/galego/inglés da Universidade da Coruña, que foi autorizada a súa implantación no Decreto 13/2007, do 1 de febreiro, modifica a súa denominación por Resolución do Consello de Universidades do 13 de maio de 2009, e pasa a denominarse máster universitario en lingua e usos profesionais.

4. Programa de doutoramento en urbanismo: plans e proxectos. Do territorio á cidade, da Universidade da Coruña, que foi autorizada a súa implantación no Decreto 13/2007, do 1 de febreiro, modifica a súa denominación por Resolución do Consello de Universidades do 7 de maio de 2010, e pasa a denominarse programa de doutoramento en plans e proxectos. Do territorio á cidade.

5. Programa de doutoramento en saúde, discapacidade, dependencia e sociedade, da Universidade da Coruña, que foi autorizada a súa implantación no Decreto 13/2007, do 1 de febreiro, modifica a súa denominación por Resolución do Consello de Universidades do 7 de maio de 2010, e pasa a denominarse programa de doutoramento en saúde, discapacidade e dependencia.

Disposición adicional primeira.

A implantación polas universidades do sistema universitario de Galicia dos plans de estudos conducentes á obtención dos títulos que se autorizan neste decreto realizarase coa temporalidade prevista no correspondente plan de estudos verificado polo Consello de Universidades.

Disposición adicional segunda.

A efectiva impartición das ensinanzas autorizadas neste decreto queda condicionada ao procedemento establecido no artigo 35 da Lei orgánica de universidades e no capítulo VI do Real decreto 1393/2007, polo que se establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais.

Disposición adicional terceira.

A implantación e posta en funcionamento das titulacións que se recollen neste decreto será efectuada polas universidades do sistema universitario de Galicia con cargo aos seus recursos e dispoñibilidades orzamentarias. En todo caso, a participación económica da Xunta de Galicia será a fixada anualmente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dentro do Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia.

Disposición derradeira primeira.

Autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para que, no ámbito das súas competencias, dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, quince de decembro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria