Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 16 de xaneiro de 2012 Páx. 2349

I. Disposicións xerais

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos.

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na súa disposición adicional terceira, autorizou a creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia cando dispón que:

«1. Mediante esta lei autorízase a creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia, que terá como obxectivos básicos a definición, o desenvolvemento e a execución dos instrumentos da política da Xunta no eido das tecnoloxías da información e comunicacións e a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico.

2. Esta axencia, en concreto, asumirá os medios persoais e materiais e as competencias que na actualidade lle corresponden á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, que se suprimirá no momento da creación daquela, sen que supoña incremento ningún de gasto público».

Mediante o presente decreto procédese ao desenvolvemento da autorización antedita, creando a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e regulando tanto as súas competencias e funcións como a súa organización e estrutura, o réxime do seu persoal, o réxime económico-financeiro e patrimonial, así como os principios que a orientarán na súa actuación.

Desde a procura da eficiencia na prestación dos servizos públicos e a convicción da importancia estratéxica das tecnoloxías da información e a comunicación como elemento de crecemento económico e desenvolvemento social, xorde a necesidade de constituír unha entidade única de xestión das tecnoloxías da información e comunicación (en diante TIC) de carácter público, adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia, que aglutine as competencias que na actualidade corresponden á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e que concentre os recursos humanos, materiais e orzamentarios asociados ás actuais estruturas TIC dispersas no sector público autonómico.

O modelo de entidade instrumental elixido, o de axencia, é sen dúbida o que mellor se adapta ás necesidades de eficacia e racionalización propostas, xa que permitirá xestionar as iniciativas e actuacións que sobre tecnoloxías da información se desenvolvan no sector público autonómico, así como proporcionar un novo modelo de xestión das TIC para a Administración autonómica máis eficaz e eficiente.

Os obxectivos básicos a que debe dar cumprimento a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia acadaranse mediante a prosecución dos seguintes obxectivos específicos:

1. Favorecer a prestación dun modelo de servizos flexible e o principio de responsabilización pola xestión.

2. Optimizar o rendemento da entidade, demostrando que a austeridade non está rifada coa eficacia e a responsabilización por obxectivos.

3. Promover a participación e colaboración do ámbito privado, tanto empresarial como de entidades que dan soporte á innovación e ao desenvolvemento tecnolóxico.

4. Asegurar a posibilidade de participación das consellerías con iniciativas no ámbito tecnolóxico, para corresponsabilizar e aliñar esforzos de todo o Goberno e a administración da comunidade autónoma. Isto tradúcese principalmente na participación daquelas no futuro Consello Reitor da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

O proceso é gradual e comeza co presente acto de creación da entidade instrumental e aprobación dos seus estatutos. Ao longo, entón, da execución do seu primeiro contrato de xestión, prevese a incorporación paulatina dos departamentos TIC repartidos horizontalmente na  Xunta de Galicia, así como o despregamento efectivo de todas as competencias de planificación, ordenación, xestión e supervisión TIC de todo o sector público autonómico galego.

A estrutura desta norma é sinxela. Constando de seis artigos, as correspondentes disposicións complementarias e un anexo cos estatutos da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia . En primeiro lugar disponse a creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, establécense os seus obxectivos xerais e apróbanse os estatutos contidos no anexo.

Polo que se refire á adscrición do novo ente, o presente decreto ocúpase de desenvolver as consecuencias da adscrición á Presidencia da Xunta de Galicia prevista na disposición adicional terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. En efecto, debe destacarse que, a pesar da referencia contida na disposición adicional citada, a lei se refírese en diversas ocasións ao longo do seu articulado ás competencias da consellería de adscrición (por exemplo, para os efectos da elevación a través dela de determinadas decisións ao Consello da Xunta de Galicia), sen regular, polo tanto, as consecuencias dunha eventual adscrición á Presidencia da Xunta de Galicia. Tratándose dunha cuestión organizativa, este decreto desenvolve e aclara este suposto, partindo da base da específica posición legal e institucional da Presidencia da Xunta de Galicia, de acordo coa regulación contida na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.

Deste modo, o decreto aclara as facultades que lle corresponden á Consellería de Presidencia, Administracións públicas e Xustiza seguindo o modelo disposto no artigo 96 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, para os consorcios autonómicos que vaian quedar adscritos a un órgano dependente da Presidencia da Xunta de Galicia, no senso de entender que a adscrición indicada ao dito órgano non obsta para o desenvolvemento de determinadas competencias pola consellería que corresponda. Este esquema non se encontra afastado do previsto no artigo 26.5 do mesmo corpo legal para o caso das secretarías xerais dependentes directamente da Presidencia, caso en que se distingue entre unha dependencia funcional a esta e unha dependencia orgánica á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, debido sempre á posición xurídica e institucional, xa aludida, da Presidencia da Xunta de Galicia.

De todos modos, cómpre subliñar que a adscrición a un órgano da Administración xeral non é máis que unha manifestación da relación de dependencia que une ás entidades instrumentais coa súa administración matriz. O presente decreto reserva a manifestación máis intensa desa dependencia á Presidencia da Xunta de Galicia dado que recolle que a presidencia da propia axencia corresponde á persoa titular da Presidencia de la Xunta de Galicia, todo isto sen prexuízo de novo do apoio da Consellería de Presidencia, Administracións públicas e Xustiza en determinadas funcións.

Así mesmo, cómpre poñer de manifesto que as funcións que desenvolva a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza se realizarán baixo a dirección do presidente da Xunta de Galicia.

Para o goberno máis áxil dos asuntos da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, o decreto tamén desconcentra outras competencias na Dirección da Axencia.

Noutro plano, o decreto prevé o principio de dependencia funcional das unidades TIC da Xunta, que xa se achaba plasmado na organización da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, e establece unha serie de regras transitorias para a tramitación de asuntos durante a transición cara á nova figura organizativa.

Esta transición, de acordo coa previsión do presente decreto, acharase completada nun prazo máximo de catro anos, cando finalice a adscrición á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia dos servizos, recursos económicos e persoal TIC das distintas consellerías e entidades integrantes do sector público autonómico.

Así mesmo, determínase tanto a subrogación xurídica da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia na posición da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica coa valoración do custo efectivo dos medios que se traspasan, como a previsión da adscrición do persoal (principalmente, o que figura na relación de postos de traballo da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica), coa expresa aclaración de que estes conservan todos os dereitos que adquirisen adquirido.

En canto ao estatuto que se aproba no anexo, prevese a existencia de órganos de goberno (Presidencia e Consello Reitor), de goberno executivos (Dirección) e de control (Comisión de Control).

Para o despregamento das súas competencias, e atendendo ao carácter instrumental da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a Dirección contará cunha serie de áreas funcionais, articuladas por criterios técnicos e de eficacia na prestación de servizos, nas materias tecnolóxicas.

O estatuto prevé, así mesmo, unha serie de normas tendentes a asegurar a transparencia pública da acción da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. Neste senso, disponse a publicidade na sede electrónica dos principais documentos da entidade (como o seu contrato de xestión, plan de acción anual, informe xeral de actividade e contas anuais, etc.). Así mesmo, establécese a necesidade de elaborar unha carta de servizos para a Axencia que describa ás persoas usuarias dos servizos e á cidadanía en xeral os compromisos de calidade que asume a entidade, así como os indicadores e procedementos que permitan controlar o seu cumprimento.

De conformidade co exposto, en uso das facultades atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, a proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de conformidade co Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 15 de decembro de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo 1. Creación.

Ao abeiro da autorización contida na disposición adicional terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, créase a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (en diante Amtega) como axencia pública autonómica que ten por obxecto a definición, desenvolvemento e execución dos instrumentos da política da Xunta de Galicia relativa a tecnoloxías da información e comunicacións, así como innovación e desenvolvemento tecnolóxico, e apróbanse os estatutos contidos no anexo I do presente decreto.

Artigo 2. Adscrición.

De conformidade co disposto na disposición adicional terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a Amtega está adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia, conforme o regulado neste decreto.

Artigo 3. Funcións da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Sen prexuízo do disposto no artigo anterior, de conformidade co disposto no artigo 56 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, corresponderán á persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, baixo a dirección da persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia, as seguintes competencias:

a) Elevar ao Consello da Xunta de Galicia dos asuntos que deban someterse á súa aprobación, coa súa preparación previa por parte da Secretaría Xeral da Presidencia da Xunta de Galicia.

b) Nomear dos membros do Consello Reitor, nos termos que a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia prevé para a persoa titular da consellería de adscrición.

c) Propoñer ao Consello da Xunta o nomeamento e a separación da persoa titular da Dirección da Amtega.

d) Exercer o control e seguimento da execución e do cumprimento dos obxectivos fixados no contrato de xestión durante o anterior exercicio.

e) Con carácter xeral, o exercicio das competencias que a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia atribúe á persoa titular da consellería de adscrición respecto da entidade pública instrumental adscrita, así como aquelas que lle atribúan os estatutos da propia Amtega.

Artigo 4. Presidencia das sesións do Consello Reitor.

Sen prexuízo do disposto nos artigos 63 e 64 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, corresponde á persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza presidir as sesións do Consello Reitor salvo nos casos en que, por razón da materia que se vai tratar, a persoa titular da Presidencia da Amtega considere necesaria a súa intervención.

Artigo 5. Desconcentración na Dirección da Amtega.

Queda desconcentrada no titular da Dirección da Amtega a competencia para subscribir con entidades públicas e privadas, en nome da Amtega, convenios de colaboración excluídos da lexislación de contratos do sector público.

Artigo 6. Valoración do custo efectivo dos medios que se traspasan.

1. A valoración do custo efectivo dos medios que se traspasan comprenderá o orzamento da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, sen prexuízo do seu estado de execución no momento de constituírse a Amtega, e as incorporacións que, de ser o caso, se fixesen, así como as achegas de medios, servizos, bens e outros elementos con valoración económica que se adscriban ou transfiran no momento da súa creación.

2. De conformidade coa disposición adicional terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e coa disposición adicional cuarta da Lei 14/2010, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, quedan afectados os créditos atribuídos á Secretaría de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

3. O persoal adscrito proveniente doutras consellerías ou entidades públicas delas dependentes incorporarase á Amtega coas súas respectivas dotacións orzamentarias.

4. Facúltase a persoa titular da Vonsellería de Facenda para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do presente artigo.

Disposición adicional primeira. Constitución da Amtega e supresión da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

1. A constitución efectiva da Amtega producirase coa realización da sesión constitutiva do seu Consello Reitor, que terá lugar no prazo máximo de dous meses desde a entrada en vigor deste decreto.

2. A Amtega asume as competencias e medios materiais que na actualidade lle corresponden á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, que quedará suprimida no momento da constitución efectiva da Amtega.

3. A Amtega quedará subrogada no momento da súa constitución efectiva en todas as relacións xurídicas, bens, dereitos e obrigas dos cales é titular a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

Disposición adicional segunda. Adscrición de órganos e postos de traballo da Secretaría de Modernización e Innovación Tecnolóxica.1.

1. No momento da constitución efectiva da Amtega quedarán suprimidos os órganos de rango de subdirección xeral e servizo correspondentes á estrutura orgánica da Secretaría Xeral de Modernización Innovación Tecnolóxica, autorizándose a Dirección da Amtega a adscribir ao persoal afectado aos órganos da estrutura orgánica da Axencia previstos nos seus estatutos.

2. Quedan adscritos á Amtega, no momento da súa constitución efectiva, as unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior a servizo previstos na relación de postos de traballo correspondente á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica. A adscrición efectuarase aos órganos da estrutura orgánica da Axencia previstos nos seus estatutos segundo se dispoña por resolución da Dirección da Amtega. Estas unidades e postos de traballo continuarán subsistentes e serán retribuídos con cargo aos créditos orzamentarios da Axencia ata que se aprobe a relación de postos de traballo correspondente á Amtega, adaptada á estrutura orgánica establecida nos seus estatutos.

3. Desde o momento da constitución efectiva da Amtega, a persoa titular da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica desenvolverá transitoriamente as funcións que corresponden ao director/a da Amtega ata o nomeamento deste/a a través do procedemento recollido nos estatutos.

Disposición adicional terceira. Adscrición de postos de traballo da Presidencia da Xunta de Galicia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

De conformidade co plan para a posta en marcha da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia e para a integración dos servizos tecnolóxicos da Xunta de Galicia aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 21 de xullo de 2011 e logo de acordo coa Presidencia da Xunta de Galicia e a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, quedan adscritos á Amtega, desde o momento da súa constitución efectiva, as unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior a servizo provistos por persoal da escala xeral informática existentes nas relacións de postos de traballo dos órganos anteditos. A adscrición efectuarase aos órganos da estrutura orgánica da Axencia previstos nos seus estatutos segundo se dispoña por resolución da Dirección da Amtega. Estas unidades e postos de traballo continuarán subsistentes e serán retribuídos con cargo aos créditos orzamentarios da Axencia, ata que se aprobe a relación de postos de traballo correspondente á Amtega, adaptada á estrutura orgánica establecida nos seus estatutos.

Disposición adicional cuarta. Adscrición de órganos e postos de traballo doutras consellerías ou entidades públicas.

1. A Amtega asumirá progresivamente, de conformidade co plan para a posta en marcha da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia e para a integración dos servizos tecnolóxicos da Xunta de Galicia aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 21 de xullo de 2011 e de acordo co disposto na disposición transitoria terceira deste decreto, a prestación de servizos en materia de tecnoloxías da información e comunicacións ás consellerías da Administración xeral da Comunidade Autónoma e ás entidades públicas instrumentais do sector público autonómico, de conformidade cos decretos que sexan aprobados para tales efectos. Nos decretos indicados, nos cales se regulará o exercicio das competencias necesarias para levar a cabo a prestación antedita, estableceranse as oportunas adaptacións das correspondentes estruturas orgánicas e incluirase a previsión do persoal funcionario, estatutario e persoal laboral da Xunta de Galicia que quedará adscrito á Amtega.

2. A Amtega quedará subrogada, desde o momento da súa asunción efectiva, en todas as relacións xurídicas, bens, dereitos e obrigas relativos ás competencias en materia tecnolóxica que a Amtega asuma das distintas consellerías e entidades públicas delas dependentes. En forma non taxativa, estes dereitos e obrigas son os que derivan de contratos, encomendas e encargos perfeccionados no ámbito das competencias asignadas á Amtega.

Disposición adicional quinta. Persoal ao servizo da Amtega.

1. De conformidade co establecido nas disposicións anteriores, o persoal funcionario ou estatutario da Xunta de Galicia que pase a formar parte do persoal ao servizo da Amtega por ocupar postos de traballo aos cales correspondan funcións asignadas a esta, pasará a desenvolver servizos nela como persoal funcionario ou estatutario na mesma situación en que se atopase, cos mesmos dereitos e obrigas que tivesen no momento da adscrición.

2. Así mesmo, o persoal laboral da Xunta de Galicia que pase a formar parte do persoal ao servizo da Amtega por ocupar postos de traballo aos cales correspondan funcións asignadas a esta, pasará a desenvolver servizos nela como persoal laboral na mesma situación en que se atopase, cos mesmos dereitos e obrigas que tivesen no momento da adscrición.

3. O persoal funcionario interino e o persoal laboral temporal que estea a prestar servizos nos postos que se integren na Amtega incorporarase a esta, mentres siga vixente a relación de emprego que o vincule a ela.

Disposición adicional sexta. Asesoramento xurídico inicial.

Mentres non se proceda á dotación da Asesoría Xurídica da Amtega, o seu asesoramento xurídico corresponderá á Asesoría Xurídica das secretarías xerais da Presidencia da Xunta de Galicia, para o cal se concertará o oportuno convenio coa Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, nos termos previstos no seu regulamento orgánico, aprobado polo Decreto 343/2003, do 11 de xullo.

Disposición adicional sétima. Dependencia das unidades responsables das tecnoloxías da información e a comunicación.

Dependerán funcionalmente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia os órganos e unidades responsables das tecnoloxías da información e a comunicación de cada consellería, así como os seus organismos dependentes.

A Consellería de Facenda en coordinación coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia aprobará os plans de actuacións do CIXTEC. Así mesmo, o CIXTEC levará a cabo as súas actuacións de acordo coas política e directrices tecnolóxicas xerais da Xunta de Galicia.

Disposición adicional oitava. Carácter de medio propio instrumental e servizos técnicos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

De conformidade co disposto no artigo 47 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ten o carácter de medio propio instrumental e servizos técnicos da Comunidade Autónoma de Galicia, polo que terá a obriga de executar as encomendas ou os encargos que os poderes adxudicadores que os controlan e os seus medios propios lles realicen dentro do ámbito das súas competencias e nos termos fixados nos seus estatutos.

Disposición adicional novena. Desenvolvemento da estrutura orgánica da Amtega.

A estrutura orgánica prevista no artigo 21 dos estatutos  desenvolverase progresivamente a medida que se realicen as sucesivas modificacións de crédito orzamentario precisas para financiar cada un dos postos, coa finalidade de garantir que a creación da Amtega non supón gasto adicional segundo o disposto na disposición adicional terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

As modificacións anteditas deberán estar realizadas con anterioridade á ocupación con carácter provisional ou definitivo de cada posto, feito que será verificado pola Dirección Xeral  de Orzamentos.

Disposición adicional décima. Organismos adscritos.

1. Todos os organismos que na data de constitución da Amtega dependan da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, pasan a depender directamente da Axencia desde o momento da súa creación.

2. O Observatorio da Sociedade da Información e e a Modernización de Galicia (Osimga) , creado mediante o Decreto 21/2010, do 4 de febreiro (DOG n.º 39, do 26 de febreiro), queda adscrito á Amtega, a través da Área de Sociedade Dixital.

3. A Sociedade Redes de Telecomunicacións Galegas, Retegal, S.A., creada mediante o Decreto 58/1997, do 20 de febreiro (DOG n.º 56, do 21 de marzo), queda adscrita á Amtega, a través da Área de Infraestruturas e Telecomunicacións.

4. Os organismos ou entidades instrumentais comprendidos na definición do artigo 3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, que teñan competencias en materias que queden comprendidas nas funcións estatutarias da Amtega deben ser adscritos gradualmente a esta de acordo, se é o caso, coas directrices establecidas polo Consello da Xunta.

Disposición transitoria primeira. Prestación de servizos.

1. Os órganos da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica continuarán transitoriamente no exercicio das súas funcións ata a data da constitución efectiva da Amtega. Igualmente, os órganos da Amtega exercerán as funcións atribuídas polo estatuto que se aproba mediante este decreto a partir do día da constitución efectiva desta.

2. Sen prexuízo da creación e constitución efectiva da Amtega, a Secretaría Xeral da Presidencia continuará prestando os servizos en materia de persoal e servizos comúns necesarios para a Amtega ata que esta dispoña dos servizos propios para alcanzar a súa autonomía.

3. Ata que, de conformidade co establecido no artigo 80.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, se aprobe o primeiro contrato plurianual de xestión, a Amtega prestará os servizos en materia de tecnoloxías da información e das comunicacións que actualmente desenvolve a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, de acordo co disposto na disposición adicional primeira deste decreto e no plan inicial de actuación que se aproba conxuntamente con este.

Disposición transitoria segunda. Expedientes, obrigas, contratos e gastos.

1. Os expedientes relativos a materias que sexan competencia da Amtega, iniciados pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica con anterioridade á posta en funcionamento da Amtega e non resoltos na devandita data, serán resoltos polo órgano competente da Amtega de acordo coa atribución do exercicio de competencias establecida polo estatuto ou a normativa que o desenvolva.

2. Os expedientes relativos a materias que sexan competencia da Amtega, iniciados polas distintas consellerías e entidades públicas delas dependentes cuxas competencias en materia tecnolóxica sexan asumidas pola Amtega e non resoltos na data da dita asunción, serán resoltos polo órgano competente da Amtega de acordo coa atribución do exercicio de competencias establecida polo estatuto ou a normativa que o desenvolva.

3. Os procedementos de gasto iniciados e non rematados pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación tecnolóxica ou polas consellerías ou entidades cuxo persoal sexa efectivamente adscrito á Amtega, relativos a materias de competencia da Axencia, adaptaranse na súa tramitación á normativa reguladora da Amtega e finalizaranse de acordo coa orde de competencias establecida polo estatuto aprobado por este decreto.

Disposición transitoria terceira. Adscrición progresiva de servizos e persoal TIC.

Os servizos, recursos económicos e persoal de tecnoloxías da información e comunicación das distintas consellerías e entidades públicas delas dependentes adscribiranse progresivamente á Amtega no prazo máximo de catro anos. Para estes efectos, os órganos competentes en cada caso ditarán as normas que resulten precisas para tal fin.

Disposición transitoria cuarta. Primeiro exercicio económico.

O primeiro exercicio económico da Amtega comeza a contarse desde a data da súa posta en funcionamento e finaliza o 31 de decembro do mesmo ano.

Disposición derrogatoria.

1. Queda derrogado o punto 1.g) do artigo 1; o punto 2.2.h) do artigo 3; e o artigo 7 do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

2. Queda derrogada a alínea a).7 do artigo único do Decreto 82/2009, do 21 de abril, polo que se establecen os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

3. Queda derrogado o Decreto 11/2004, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolven as competencias en materia da sociedade da información e o coñecemento.

4. Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Remisións.

Toda remisión normativa á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica debe entenderse feita á Axencia creada polo presente decreto.

Disposición derradeira segunda. Normativa de desenvolvemento e execución.

Facúltase a persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Disposición derradeira terceira.

Facúltase a consellería competente en materia de función pública para adoptar, logo do estudio por parte da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, cantas medidas en materia de persoal sexan necesarias para levar a cabo as restruturacións derivadas da progresiva adscrición do persoal de tecnoloxías da información e comunicacións das distintas consellerías e entidades públicas delas dependentes prevista neste decreto, sen prexuízo da autorización do Consello da Xunta cando, de conformidade coa legalidade vixente, resulte preceptiva a súa intervención.

Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor.

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa íntegra publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, quince de decembro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Anexo I
Estatuto da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

Capítulo I
Disposicións Xerais

Artigo 1. Natureza xurídica e obxecto da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

1. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (en diante Amtega) é unha axencia pública autonómica das reguladas pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, polo seu decreto de creación, polo presente estatuto e pola restante normativa que resulte de aplicación.

2. A Amtega ten personalidade xurídica diferenciada respecto da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, patrimonio e tesouraría propios e autonomía de xestión, dentro dos límites establecidos pola normativa vixente e por este estatuto.

3. A Amtega ten como obxectivos básicos a definición, o desenvolvemento e a execución dos instrumentos da política da Xunta no ámbito das tecnoloxías da información e comunicacións, e a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico.

4. Para os efectos previstos no artigo 4.1.n) e 24.6 da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ten a consideración de medio propio e servizos técnicos daqueles poderes adxudicadores para os cales realice a parte esencial da súa actividade cando estes exerzan sobre aquela un control análogo ao que poden exercer sobre os seus propios servizos. O réxime das encomendas ou encargos á Amtega será o definido nos artigos 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 2. Potestades administrativas.

Corresponde á Amtega, dentro da esfera das súas competencias, o exercicio das potestades administrativas precisas para o cumprimento dos seus fins e funcións, nos termos establecidos no presente estatuto e de acordo coa lexislación aplicable.

Artigo 3. Adscrición e sede.

1. De conformidade co disposto na disposición adicional terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a Amtega está adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia, conforme o regulado no decreto de creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

A Amtega ten a súa sede institucional en Santiago de Compostela.

Artigo 4. Principios da actuación da Amtega.

1. A Amtega implantará un modelo de xestión que equilibre os principios de autonomía e de control e que responda ao principio de responsabilización por resultados apoiándose no cumprimento de obxectivos claros, medibles e orientados cara á mellora na prestación do servizo, de forma que sirva mellor aos usuarios e á sociedade.

2. A Amtega orientará a prestación dos servizos da súa competencia cara á mellora da eficacia, a calidade e a produtividade mediante o uso das tecnoloxías da información avanzadas.

3. A Amtega respectará na súa actuación o principio de transparencia, garantindo aos cidadáns a accesibilidade aos principais documentos de planificación e de avaliación da a súa xestión.

Artigo 5. Resolucións administrativas.

1. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia dita as resolucións internas necesarias para o cumprimento das súas competencias, que poden adoptar a forma de:

a) Resolucións da Presidencia da Amtega.

b) Resolucións do Consello Reitor.

c) Resolucións, instrucións e protocolos de actuación da Dirección da Amtega.

2. Os actos suxeitos ao dereito administrativo ditados polo Consello Reitor, pola persoa titular da Presidencia ou pola persoa titular da Dirección da Amtega no exercicio das súas competencias esgotan a vía administrativa, sen prexuízo do posterior acceso á xurisdición contencioso-administrativa.

Capítulo II
Competencias

Artigo 6. Competencias.

1. A Amtega, para o cumprimento dos seus obxectivos e obrigas, ten as competencias que emanan deste estatuto e das demais leis e regulamentos que resulten de aplicación.

2. A Amtega exerce as seguintes competencias e funcións:

a) Dirección e xestión de todas as actuacións da Xunta en materia de tecnoloxías da información e as comunicacións.

b) Impulso, asesoramento técnico e apoio á Presidencia e ao Consello da Xunta de Galicia, ás consellerías e a outros órganos do sector público autonómico en todo o referente ás tecnoloxías da información e as comunicacións, e a súa aplicación para a modernización, innovación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia.

c) Elaboración, desenvolvemento e execución da estratexia tecnolóxica global do sector público autonómico de Galicia.

d) Definición dos estándares e directrices tecnolóxicas a que deberán axustarse todos os órganos dependentes da Xunta de Galicia.

e) Promoción da inclusión e execución do despregamento das TIC no ámbito da prestación dos servizos públicos.

f) Deseño e execución, en todas as consellerías e organismos dependentes da Xunta, dos proxectos de sistemas e tecnoloxías da información que dan soporte á súa operativa.

g) Xestión e coordinación, ben de forma autónoma, ben en colaboración con outros órganos superiores da Xunta de Galicia, de instrumentos e actuacións de órganos con competencias en tecnoloxías da información e as comunicacións.

h) Fomento da colaboración e da acción coordinada entre administracións públicas en materia de tecnoloxías da información e as comunicacións.

i) Deseño e liderado de iniciativas que contribúan a impulsar o desenvolvemento da Sociedade da Información en Galicia e coordinación coas distintas consellerías e organismos para o desenvolvemento das actuacións nesta materia no ámbito das súas competencias, garantindo os dereitos dos cidadáns e eliminando as barreiras que se opoñan á expansión e ao uso das novas tecnoloxías.

j) Planificación e proposta da normativa relativa ao exercicio das competencias en materia de sociedade da información e das telecomunicacións.

k) Impulso, xestión e coordinación da Administración electrónica, como elemento indispensable para a modernización da Administración pública.

l) Definición, consolidación e homoxeneización da infraestrutura TIC e os servizos de telecomunicacións do sector público autonómico.

m) Dirección, xestión e modernización da infraestrutura TIC da Xunta de Galicia.

n) Planificación e ordenación do mapa de infraestruturas de telecomunicacións de Galicia.

o) Sen prexuízo das competencias que, en materia de innovación, poidan corresponder a outras entidades integrantes do sector público autonómico, o fomento da innovación no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións en colaboración cos organismos e institucións competentes na materia.

p) Participación en órganos de colaboración deliberantes ou consultivos, en representación da Xunta de Galicia, en materia de tecnoloxías da información e as comunicacións.

q) Todas as demais que deriven dos fins que ten atribuídos e aquelas que se lle sexan asignadas legal ou regulamentariamente.

Artigo 7. Funcións da Secretaría Xeral da Presidencia.

De acordo co disposto no artigo 66.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, corresponden á persoa titular da Secretaría Xeral da Presidencia as competencias para a resolución das reclamacións previas en asuntos civís e laborais.

Artigo 8. Ámbito subxectivo de actuación.

O ámbito subxectivo de actuación comprende a totalidade do sector público autonómico definido polo artigo 3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, no exercicio das competencias recollidas nos artigos anteriores.

Capítulo III
Instrumentos de xestión

Artigo 9. O contrato plurianual de xestión.

1. A Amtega elaborará unha proposta de contrato plurianual de xestión co contido, dentro dos prazos previstos e baixo o procedemento establecido na Lei 16/2010, de 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, para a súa aprobación polo Consello Reitor e posterior elevación ao Consello da Xunta para a súa aprobación definitiva no prazo de tres meses contados desde a súa presentación. A non aprobación no dito prazo comportará o mantemento da vixencia do contrato plurianual de xestión anterior.

2. A actuación da Amtega levarase a cabo de acordo cun plan de acción anual, baixo a vixencia e de acordo co pertinente contrato plurianual de xestión.

3. O contrato plurianual de xestión comprenderá, cando menos, os aspectos previstos pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 10. O plan de acción anual, o informe de actividade e as contas anuais.

1. A persoa a cargo da Dirección da Amtega proporá ao Consello Reitor para a súa aprobación, nas datas que estableza a normativa aplicable:

a) O plan de acción anual, sobre a base dos recursos dispoñibles.

b) O informe xeral de actividade correspondente ao ano inmediatamente anterior.

c) As contas anuais acompañadas do informe de auditoría de contas.

2. Os documentos a que se refire este artigo serán públicos, tendo os cidadáns acceso ao seu contido desde a súa aprobación.

3. Para garantir o libre acceso ao contido destes documentos, deberán ser publicados na sede electrónica da Amtega dentro dos 30 días seguintes ao da súa aprobación e editados en documentos para o efecto.

4. No primeiro trimestre de cada ano a Amtega deberá remitir, a través do seu director/a, ás consellerías competentes en materia de facenda e administracións públicas o informe xeral de actividade, aprobado polo Consello Reitor, relativo ás funcións da Axencia e ao grao de cumprimento dos seus obxectivos durante o anterior exercicio.

Capítulo IV
Estrutura

Artigo 11. Órganos da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

Son órganos da Amtega os seguintes:

a) De goberno:

A Presidencia.

O Consello Reitor.

b) De goberno e executivo:

A Dirección.

c) Outros:

A Xerencia.

A Comisión de Control.

A Asesoría Xurídica.

As áreas.

Os departamentos.

2. A composición e organización dos órganos da Amtega farase procurando acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes na súa composición total.

Artigo 12. Presidencia da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

1. A Presidencia da Amtega corresponderá ao titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

2. Corresponde á persoa titular da Presidencia da Amtega, sen prexuízo das delegacións que, se é o caso, poidan acordarse:

a) Exercer a máxima representación institucional da Amtega.

b) Exercer a presidencia do Consello Reitor presidindo as súas sesións, sen prexuízo do disposto no artigo 4 do decreto de creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

c) Subscribir con entidades públicas e privadas, en nome da Amtega, convenios de colaboración excluídos da lexislación de contratos do sector público, sen prexuízo da súa posible desconcentración.

3. A persoa titular da Presidencia poderá delegar aquelas funcións propias que xulgue oportunas e sexan susceptibles de delegación, na persoa titular da Dirección.

Artigo 13. Consello Reitor.

1. O Consello Reitor, órgano superior colexiado de goberno da Amtega, está composto por unha presidencia, dúas vicepresidencias, unha secretaría e as vogalías.

2. Corresponde a presidencia do Consello Reitor á persoa titular da Presidencia da Amtega.

3. Corresponde o cargo de vicepresidente 1.º ao representante da consellería competente en materia de administracións públicas.

4. Corresponde o cargo de vicepresidente 2.º ao representante da consellería competente en materia de facenda.

5. Cada unha das restantes consellerías da Xunta de Galicia estarán representadas no Consello Reitor por un vogal.

6. A persoa titular da Dirección da Amtega é membro nato do Consello Reitor, ostentando unha das súas vogalías.

7. A titularidade da Secretaría do Consello Reitor corresponde á persoa que este designe e nomee, de conformidade co artigo 64.3.d) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

8.Os membros do Consello Reitor serán nomeados pola persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

9. As sesións do Consello Reitor serán presididas pola persoa titular da Presidencia da Amtega, sen prexuízo do disposto no artigo 4 do decreto de creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. A persoa que presida as sesións do Consello Reitor moderará o desenvolvemento dos debates e poderá suspendelos por causas xustificadas, así como dirimirá co seu voto os empates para efectos da adopción de acordos, sen prexuízo das restantes facultades que, segundo o disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, resulten inherentes á dita presidencia.

10. Con invitación previa da Presidencia da Amtega, poderán asistir ás sesións do Consello Reitor, con voz e sen voto, outras persoas cualificadas ou institucións que, por razón da súa actividade ou coñecementos especializados, teñan relación relevante coas materias incluídas na orde do día. En concreto, a Federación Galega de Municipios e Provincias e o Consello Galego de Universidades poderán estar representados naquelas sesións en relación con aqueles asuntos da orde do día cuxa natureza poida aconsellar que sexan oídos para unha mellor ponderación e eficacia dos acordos e decisións que se puidesen adoptar.

11. O Consello Reitor reunirase en todas as ocasións que resulte necesario para o desenvolvemento das funcións da Amtega e, cando menos, unha vez ao ano.

12. O Consello Reitor aproba o seu regulamento de funcionamento interno, no cal se fixa o réxime de sesións e de acordos, así como as funcións do Secretario. Igualmente pode aprobar a constitución de comisións ou grupos de traballo para materias e asuntos determinados, coa composición e funcións que este determine.

13. A pertenza ao Consello Reitor non xera dereitos laborais nin económicos.

Artigo 14. Funcións do Consello Reitor.

Corresponderán ao Consello Reitor as seguintes funcións, sen prexuízo das delegacións que, se é o caso, poidan acordarse:

a) A dirección estratéxica, seguimento, supervisión e control superiores da actuación da Amtega e da xestión da persoa titular da Dirección.

b) Por proposta do titular da Dirección da Amtega, a aprobación dun informe xeral anual da actividade desenvolvida pola Axencia, así como de cantos informes extraordinarios considere necesarios sobre a súa xestión, coa valoración dos resultados obtidos e a consignación das deficiencias observadas.

c) A elaboración e aprobación do anteproxecto de orzamentos anuais e da contracción de obrigas de carácter plurianual dentro dos límites que teña fixados.

d) Por proposta do titular da Dirección da Amtega, a aprobación das contas anuais e, de ser o caso, a distribución do resultado do exercicio, conforme a lexislación de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) A proposta de contrato plurianual de xestión ou da súa modificación.

f) Por proposta do titular da Dirección da Amtega, a aprobación do plan de acción de cada ano, sobre a base dos recursos dispoñibles.

g) Fixar a integración das áreas da Amtega.

h) As decisións que sobre a administración do patrimonio e bens da Amtega lle poidan corresponder de conformidade co establecido no ordenamento xurídico.

i) As decisións que poidan corresponder á Amtega en relación coas sociedades anónimas en que teña participación.

j) A proposta, cando así corresponda, do nomeamento e substitución dos membros dos órganos de goberno ou control das entidades instrumentais do sector público autonómico que puidesen ser creadas ou participadas pola Amtega.

k) Determinar os postos de traballo que poden ser ocupados por persoal directivo en atención á especial responsabilidade, competencia técnica e relevancia dos labores asignados a estes.

l) Nomear e separar o persoal directivo da Axencia, por proposta do titular da Dirección da Amtega.

m) Establecer a periodicidade dos informes que deben ser elaborados pola Comisión de Control.

n) Avaliar a información de xestión e financeira remitida pola Comisión de Control

o) A supervisión dos instrumentos de planificación informática e das comunicacións nas distintas consellerías e entidades públicas delas dependentes, así como a aprobación dos plans de actuación estratéxica que afecten dúas ou máis consellerías, a súa revisión e o control do seu cumprimento, así como dos programas de actuación anual que considere oportuno.

p) A proposta da declaración de hardware e software de uso uniforme e exclusivo en toda a Administración xeral e institucional da Comunidade Autónoma de Galicia.

q) Aprobar, logo do informe favorable da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, a carta de servizos da Amtega.

r) As demais previstas nas Leis que resulten de aplicación.

Artigo 15. Dirección da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

1. A Dirección da Amtega configúrase como órgano de goberno e executivo desta. Baixo a súa responsabilidade exércense as competencias e misión da Amtega e alcánzanse os obxectivos comprometidos.

2. A persoa titular da Dirección da Amtega é nomeada e separada por decreto do Consello da Xunta, por proposta da persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e terá a consideración de alto cargo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia con rango de secretaria/o xeral.

3. A persoa titular da Dirección da Amtega é responsable da dirección e xestión ordinaria da Axencia e desenvolve as atribucións establecidas neste estatuto, nas leis e regulamentos aplicables, así como as que lle delegue o presidente da Amtega ou o Consello Reitor.

4. Corresponden á persoa titular da Dirección, en particular, as seguintes funcións:

a) Propoñer, para a súa aprobación polo Consello Reitor, o plan de acción anual sobre a base dos recursos dispoñibles, o informe xeral de actividade correspondente ao ano inmediatamente anterior e as contas anuais xunto co informe de auditoría de contas.

b) Elevar ao Consello Reitor propostas de desenvolvemento estatutario, no marco organizativo e de xestión económica e administrativa, dentro dos límites do presente estatuto e dos compromisos do contrato plurianual de xestión.

c) Emitir instrucións, circulares e demais instrumentos orientados á xestión ordinaria da Amtega

d) A proposta da relación de postos de traballo da Amtega con suxeición ao disposto no artigo 58.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

e) Autorizar, de conformidade co artigo 83.4 da Lei 16/2010, de 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, variacións orzamentarias que non afecten a contía global do orzamento, nin a gastos de persoal e de capital.

f) Propoñer a autorización das variacións que afecten a contía global do orzamento, ou os gastos de persoal e de capital, nos termos establecidos no artigo 83.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

g) Acordar incorporar o remanente de tesouraría non afectado ao orzamento do exercicio seguinte, logo do informe preceptivo e vinculante da Dirección Xeral de Orzamentos que se pronunciará respecto dos seus efectos sobre a estabilidade orzamentaria. Do devandito acordo darase conta á Comisión de Control.

h) Informar, dentro do primeiro trimestre de cada ano, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Consellería de Facenda acerca da execución e do cumprimento dos obxectivos fixados no contrato de xestión durante o anterior exercicio.

i) Propoñer ao Consello Reitor un candidato a ocupar a Xerencia da Amtega.

j) Propoñer ao Consello Reitor o nomeamento do persoal directivo da Amtega.

k) Calquera outra función que lle puidese ser delegada ou que derive do resto do ordenamento xurídico.

Artigo 16. A Xerencia.

1. A persoa que exerza a titularidade da Xerencia é elixida polo Consello Reitor, por proposta da Dirección da Amtega.

2. A xerencia é o órgano ao cal lle corresponden as funcións xerenciais de xestión e administración. Para tal fin, é responsabilidade da Xerencia a administración dos servizos xerais da Amtega. Para ese efecto, dependen dela servizos ou unidades con competencias sobre:

a) Xestión económica e contratación, orzamentos, xestión patrimonial, contabilización e contratación da Amtega.

b) Recursos humanos, incluíndo a xestión da relación de postos de traballo, o asesoramento ao Consello Reitor na fixación das retribucións e a condución de avaliacións periódicas de desempeño e cumprimento de obxectivos.

c) Funcións técnico-xurídicas, sen prexuízo do disposto no artigo 19 do presente estatuto.

d) Coordinación administrativa, xestión dos servizos comúns da Amtega, mantemento e publicacións.

e) Avaliación e xestión da calidade dos aspectos internos do funcionamento da Amtega.

Artigo 17. A Comisión de Control.

A Comisión de Control, que funciona no seo do Consello Reitor, estará composta polos seguintes membros:

a) Un presidente, elixido polo Consello Reitor entre os seus membros.

b) O representante no Consello Reitor da consellería competente en materia de facenda.

c) Cinco vogais, elixidos polo Consello Reitor entre os seus membros. Estes exercen as vogalías de forma rotatoria e deben ser renovados tras finalizar a avaliación do plan de acción anual.

d) Unha Secretaría, que corresponderá á persoa que exerza a Secretaría do Consello Reitor.

Artigo 18. Funcións da Comisión de Control.

1. Corresponde á Comisión de Control informar o Consello Reitor sobre a execución do contrato de xestión e, en xeral, sobre todos aqueles aspectos relativos á xestión económico-financeira que deba coñecer o propio Consello, para o cal deberá:

a) Elaborar para o Consello Reitor, coa periodicidade que este decida e polo menos semestralmente, informes sobre o desenvolvemento e execución do contrato de xestión.

b) Supervisar o procedemento e sistemas de elaboración da información de xestión e financeira que se someterá ao Consello Reitor.

c) Revisar as contas anuais que deben someterse ao Consello Reitor para a súa formulación de acordo coa normativa aplicable.

d) Verificar o cumprimento das normas e prazos, tanto relativas á rendición de contas anuais e demais información que deban render pola súa pertenza ao sector público, como as establecidas no contrato de xestión.

e) Vixiar o cumprimento das normas orzamentarias na elaboración do orzamento, así como na súa execución a través do control do estado de execución orzamentaria mensualmente remitido á Comisión de Control.

f) Emitir informe sobre as autorizacións de variacións orzamentarias emitidas polo director/a da Amtega.

g) Analizar todos os informes de control da xestión económico-financeira emitidos polos órganos de control externo e interno da Xunta de Galicia e propoñer ao Consello Reitor as estratexias encamiñadas a corrixir as debilidades que se poidan poñer de manifesto.

h) Supervisar as memorias e informes da Xerencia, nas cales se relacione o grao de cumprimento de obxectivos cos sistemas de responsabilidade, carreira profesional, e incentivos que debe levar asociados.

i) Formulación dun marco normalizado, sinxelo e claro de comunicación da información financeira e de xestión que periodicamente debe presentar ao Consello Reitor, para a avaliación periódica do nivel de cumprimento do contrato de xestión.

Artigo 19. Asesoría e asistencia xurídica.

O asesoramento xurídico da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia corresponderá á Asesoría Xurídica da Axencia que estará integrada na Amtega.

A Asesoría Xurídica da Axencia dependerá funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e rexerase polo disposto no Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia. A Asesoría Xurídica da Axencia estará integrada por funcionarias/os do corpo superior da Administración da Xunta de Galicia, escala de letrados.

Para a representación e defensa en xuízo da Amtega formalizarase un convenio coa Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia nos termos previstos no regulamento orgánico antedito.

Artigo 20. Áreas.

1. A Amtega estrutúrase en áreas, que terán carácter directivo, dependentes directamente da Dirección regulada polo artigo 15 deste estatuto.

2. A estrutura das distintas áreas da Amtega responderá á correcta execución das competencias definidas no artigo 15 do presente estatuto.

Artigo 21. Estrutura orgánica da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

1. A estrutura orgánica da Amtega aséntase en criterios de austeridade, economía, racionalidade, eficacia e eficiencia no desenvolvemento competencial e de xestión das funcións que se lle atribúen.

2. Para o exercicio das súas funcións, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia contará cos seguintes órganos administrativos:

2.1. A Xerencia, á cal lle corresponden as funcións xerenciais de xestión e administración. Para tal fin, é responsabilidade da Xerencia a administración dos servizos xerais da Amtega.

Para o desenvolvemento das funcións que lle son encomendadas, a Xerencia contará cos seguintes órganos administrativos:

2.1.1. Departamento de Persoal.

Son funcións deste departamento:

a) A ordenación, xestión e administración ordinaria dos recursos humanos da Amtega e o seguimento e control do rexistro de persoal.

b) A xestión do réxime interno da Amtega, rexistro, arquivo e información, control da asistencia e puntualidade seguindo as indicacións da Dirección ou da Xerencia da Amtega.

c) A xestión dos plans de formación do persoal da Amtega.

d) A xestión de nóminas e habilitación de gastos de persoal da Amtega.

e) A programación das necesidades do persoal.

f) A elaboración do borrador da proposta da relación de postos de traballo.

g) Elaboración de estudos e informes en materia de reclamacións previas á vía laboral e recursos, así como a execución de sentenzas, en materia de persoal funcionario e laboral da Amtega.

h) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas pola Dirección ou pola Xerencia da Amtega.

2.1.2. Departamento Xurídico.

Son funcións deste departamento:

a) O estudo e a elaboración de borradores e anteproxectos de iniciativas normativas no ámbito de competencias da Amtega.

b) A asistencia e o apoio xurídico nas materias de competencia da Amtega, tanto nos proxectos de disposicións que elabore coma no estudo, tramitación e propostas de resolución de reclamacións, recursos e requirimentos e peticións formulados contra actos e resolucións ditados polos seus distintos órganos cando non estean atribuídos a outros órganos dela.

c) Elaboración dos estudos e informes que lle sexan encomendados pola persoa titular da Dirección ou da Xerencia da Amtega.

d) O estudo dos asuntos que teñan que elevarse ao Consello da Xunta de Galicia e á Comisión de Secretarios Xerais.

e) A elaboración de convenios de colaboración e cooperación e das convocatorias de axudas en materia de fomento da sociedade da información e as telecomunicacións.

f) A asistencia e xestión de cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Dirección ou da Xerencia da Amtega.

g) A tramitación e elaboración das propostas de resolución de reclamacións previas á vía laboral e recursos en materia de persoal funcionario e laboral da Amtega.

h) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas pola Dirección ou pola Xerencia da Amtega.

2.1.3. Departamento Orzamentario.

Son funcións deste departamento:

a) A elaboración do borrador do anteproxecto de orzamentos da Amtega, o seu seguimento e control.

b) A coordinación, supervisión e o seguimento en materia de xestión económica da execución dos orzamentos.

c) A tramitación e o seguimento das modificacións orzamentarias.

d) A coordinación, supervisión e o seguimento en materia dos fondos, por fontes de financiamento.

e) A execución da xestión orzamentaria, efectuando os trámites económico-administrativos dos expedientes de gastos e as propostas de pagamento, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros departamentos.

f) O asesoramento económico e orzamentario a todas as unidades da Amtega.

g) A habilitación xeral de pagamentos da Amtega, agás o capítulo I.

h) A tramitación e xestión económica de convenios de colaboración e cooperación e das convocatorias de axudas en materia de fomento da sociedade da información e as telecomunicacións.

f) E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección ou pola Xerencia da Amtega.

2.1.4. Departamento de Contratación.

Son funcións deste departamento:

a) A proposta, tramitación e xestión dos expedientes de contratación administrativa que sexan competencia da Amtega.

b) A elaboración dos pregos de cláusulas administrativas particulares e de prescricións técnicas aplicables aos contratos que suscriba a Amtega.

c) A coordinación, supervisión e o seguimento da contratación administrativa da Amtega.

d) A elaboración de estudos e informes en materia de contratación administrativa.

e) A realización dos trámites económico-administrativos dos expedientes de gastos e as propostas de pagamento correspondentes aos expedientes de contratación administrativa que sexan competencia da Amtega.

f) E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección ou pola Xerencia da Amtega.

2.1.5. Departamento de Relacións Institucionais.

Son funcións deste departamento:

a) A prestación de asistencia técnica e administrativa á Amtega en todos os asuntos que lle sexan encomendados, propoñendo as actuacións que considere necesarias para a coordinación, o réxime interno e o funcionamento dos servizos da Amtega.

b) O estudo, preparación e informe dos asuntos que teñan que ser levados aos diferentes órganos de goberno das tecnoloxías da información e a comunicación e o traslado dos seus acordos.

c) A tramitación de borradores e anteproxectos de iniciativas normativas no ámbito de competencias da Amtega.

d) A tramitación dos requirimentos e peticións formuladas á Amtega polos xulgados e tribunais, o Defensor do Pobo, o Valedor do Pobo e outros órganos e institucións.

e) A tramitación dos asuntos que teñan que elevarse ao Consello da Xunta de Galicia e á Comisión de Secretarios Xerais.

f) A remisión ao Diario Oficial de Galicia e demais diarios e boletíns oficiais das disposicións ou actos da Amtega.

g) O mantemento do rexistro, arquivo e custodia das disposicións normativas emanadas da Amtega, así como levar a cabo as compilacións das ditas normas.

h) Apoio e asistencia en temas relacionados co ámbito das competencias da Amtega e, en xeral, calquera outra función que lle sexa encomendada en razón da súa competencia pola Dirección ou pola Xerencia da Amtega.

2.2. Área de Infraestruturas e Telecomunicacións, á cal lle corresponden as seguintes funcións:

a) Planificación de toda actividade de telecomunicacións tendente a garantir a integración de Galicia na sociedade da información, como un dos motores principais do desenvolvemento en Galicia.

b) Planificación e ordenación do mapa de telecomunicacións de Galicia.

c) A coordinación con outros departamentos da Axencia dos requirimentos técnicos para a universalización dos servizos de telecomunicacións na poboación galega.

d) Impulso da incorporación de infraestruturas de telecomunicacións de nova xeración, tractoras de novos servizos e posibilitadoras dun maior achegamento das persoas e organizacións á sociedade do coñecemento.

e) Propoñer aos órganos correspondentes da Axencia as intervencións administrativas e regulatorias precisas para o mellor desenvolvemento do mercado das telecomunicacións galego.

f) Planificación e coordinación das funcións atribuídas a Redes de Telecomunicacións de Galicia (Retegal, S.A.).

g) A orientación estratéxica, avaliación e control dos resultados da actividade de Retegal S.A, sen prexuízo das competencias doutras consellerías nas materias de transmisións e alleamento de accións, tutela financeira e control patrimonial.

h) Planificación, implantación e xestión da infraestrutura de sistemas e software de base da Xunta de Galicia.

i) Planificación, implantación e xestión da infraestrutura de telecomunicacións da Xunta de Galicia.

j) Xestión da infraestrutura dos centros de proceso de datos da rede corporativa da Xunta de Galicia e establecemento das políticas de apoio destes centros.

k) Definición dos acordos de nivel de servizo da plataforma tecnolóxica e supervisión do seu cumprimento.

l) Definición de estándares, directrices e normas de seguridade e calidade tecnolóxicos aos cales deberán axustarse todos os órganos dependentes da Xunta de Galicia.

Para o desenvolvemento das funcións que lle son encomendadas, a Área de Infraestruturas e Telecomunicacións contará cos seguintes órganos administrativos:

2.2.1. Departamento de Telecomunicacións.

Son funcións deste departamento:

a) Establecemento dos requirimentos técnicos en todo programa ou proxecto tendente á universalización dos servizos de telecomunicacións na poboación galega.

b) O impulso ás novas infraestruturas e servizos de telecomunicacións.

c) Establecemento de políticas de telecomunicacións para a comunidade autónoma galega e planificación e coordinación das funcións atribuídas a Redes de Telecomunicacións de Galicia (Retegal, S.A.).

d) Coordinación cos diferentes organismos e institucións públicas ou privadas no ámbito das telecomunicacións.

e) Planificación, implantación e xestión da Rede de Emerxencias de Galicia.

f) Colaboración coa Consellería de Economía e Industria na definición das directrices de planificación e xestión da Rede de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia (Recetga).

g) Planificación, implantación e xestión da rede corporativa de voz e datos da Xunta de Galicia.

h) Mantemento e soporte permanente da infraestrutura de telecomunicacións: supervisión e monitorización da rede corporativa de voz e datos da Xunta de Galicia, así como administración, instalación, configuración e explotación da infraestrutura de telecomunicacións.

i) Xestión do acceso corporativo á internet, da renovación e adquisición de dominios e xestión do acceso remoto á rede corporativa.

j) Supervisión e coordinación da infraestrutura de comunicacións, cableado e de acondicionamento informático de todos os centros da Xunta de Galicia.

k) Xestión da infraestrutura de telecomunicacións dos centros de proceso de datos da rede corporativa da Xunta de Galicia.

l) Evolución e optimización técnica da infraestrutura de telecomunicacións.

m) Mantemento integral dos centros de proceso de datos corporativos: infraestruturas eléctricas e electrónicas, climatización, sistemas de alimentación ininterrompida, control de accesos, sistemas contra incendios, videovixilancia, grupos electróxenos e demais equipamento propio deste tipo de centros.

n) Elaboración de propostas normativas e supervisión técnica no ámbito das telecomunicacións, así como a tramitación e emisión de informes

o) E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección da Área ou pola Dirección da Amtega.

2.2.2. Departamento de Sistemas.

Son funcións deste departamento:

a) Xestión da infraestrutura de sistemas dos centros de proceso de datos da rede corporativa da Xunta de Galicia e establecemento das políticas de apoio destes centros.

b) Establecemento das políticas e modelos de xestión das infraestruturas da Xunta de Galicia.

c) Planificación, implantación e xestión da plataforma tecnolóxica: servidores, sistemas de almacenamento e software de base da Xunta de Galicia.

d) Mantemento e soporte permanente da infraestrutura de sistemas: Supervisión e monitorización da plataforma tecnolóxica, así como administración, instalación, configuración e explotación da infraestrutura de sistemas.

e) Evolución e optimización da plataforma hardware e software de base.

f) Xestión do correo electrónico, do directorio electrónico corporativo e do acceso das persoas usuarias aos recursos informáticos da Xunta de Galicia.

g) E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección da Área ou pola Dirección da Amtega.

2.2.3. Departamento de Seguridade e Calidade.

Son funcións deste departamento:

a) Establecemento e supervisión da política de estándares e directrices tecnolóxicas da Xunta de Galicia, co obxecto de homoxeneizar o ámbito informático da Xunta de Galicia

b) Establecemento das normas de calidade as que se deberán axustar todos os sistemas TIC dos órganos dependentes da Xunta de Galicia.

c) Dirección das políticas corporativas de seguridade informática da Xunta de Galicia.

d) Deseño e realización de accións encamiñadas a garantir o cumprimento da normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal na administración da comunidade autónoma.

e) Xestión do procedemento de ciclo de vida para a adquisición e desenvolvemento dos sistemas de información e a revisión do correcto cumprimento deste.

f) Definición, mantemento e supervisión da política de consolidación dos centros de proceso de datos da Xunta de Galicia.

g) Avaliación e aprobación das arquitecturas tecnolóxicas dos proxectos de sistemas de información.

h) Definición de estándares de intercambio de información entre os sistemas de información da Xunta de Galicia.

i) Realización de auditorías necesarias para velar polo cumprimento dos estándares e metodoloxías corporativas.

j) E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección da Área ou pola Dirección da Amtega.

2.3. Área de Modernización das Administracións Públicas, á cal lle corresponden as seguintes funcións:

a) Planificación estratéxica, deseño, desenvolvemento dos sistemas e servizos para a posta en marcha e consolidación da Administración electrónica, a presenza da administración na internet e o sistema de información e servizos ao cidadán.

b) Planificación estratéxica, deseño, desenvolvemento do modelo de información e sistemas de información corporativos e de órganos de goberno.

c) Planificación estratéxica, deseño, desenvolvemento, adquisición, mantemento e implantación dos sistemas de información de aplicación na Administración de xustiza en Galicia. Impulso da aplicación das novas tecnoloxías na Administración de xustiza en Galicia.

d) Deseño das políticas e procedementos de coordinación do uso dos sistemas de Administración electrónica e os sistemas do seu ámbito de actuación.

e) Promoción e impulso das reformas administrativas, cambios procedementais e regulamentarios, en coordinación coas unidades competentes, necesarias para a posta en marcha da Administración electrónica e os sistemas do seu ámbito de actuación.

f) Deseño, planificación e xestión das actuacións de implantación, formación e soporte para a posta en marcha efectiva da Administración electrónica e os sistemas do seu ámbito de actuación.

g) Promoción, regulación e coordinación da implantación da Administración electrónica no ámbito da Administración pública, da súa relación coa cidadanía, e da relación coas restantes administracións, provinciais, locais ou estatais.

h) Interlocución e regulación de acordos con outras administracións ou órganos en relación co emprego dos sistemas de información corporativos da Xunta de Galicia ou a súa interconexión con estes.

i) Coordinación do nivel de servizo de carácter troncal.

Para o desenvolvemento das funcións que lle son encomendadas, a Área de Modernización das Administracións Públicas contará cos seguintes órganos administrativos:

2.3.1. Departamento de Modernización da Administración de Xustiza.

Son funcións deste departamento:

a) Deseño, desenvolvemento, adquisición, mantemento e implantación dos sistemas de información e elementos tecnolóxicos de aplicación na Administración de xustiza en Galicia.

b) Atención, soporte, formación e impulso da utilización dos sistemas e tecnoloxías da información na Administración de xustiza en Galicia.

c) Atención directa aos usuarios dos órganos e sedes xudiciais e colectivos específicos.

d) Coordinación e interlocución tecnolóxica coas administracións ou autoridades competentes en materia de Administración de xustiza.

e) Elaboración de propostas procedimentais, en coordinación coas unidades competentes, de utilización dos sistemas de información.

f) Interlocución técnica coas administración ou autoridades competente en materia de tecnoloxías da información na Administración de xustiza.

g) E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección da Área ou pola Dirección da Amtega.

2.3.2. Departamento de Administración Electrónica.

Son funcións deste departamento:

a) Impulso, xestión e coordinación das iniciativas da Administración electrónica en todas as unidades administrativas.

b) Definición, planificación, xestión, adquisición e mantemento dos sistemas, ferramentas e compoñentes para a configuración da Administración electrónica, sistemas e servizos ao cidadán, e sistemas corporativos da Administración pública.

c) Promoción das reformas administrativas, de procedementos e sistemas necesarios para a modernización da actividade administrativa da Xunta, en coordinación coas unidades implicadas.

d) Proposta e implantación de sistemas para a prestación de servizos telemáticos nos ámbitos local e provincial, en coordinación coas administración territoriais competentes.

e) Proposta, implantación e regulación da utilización das técnicas electrónicas, informáticas e telemáticas nas relacións da cidadanía coa Administración autonómica galega.

f) Xestión, coordinación, evolución da web institucional da Xunta de Galicia e coordinación das redes de portais da administración pública.

g) Elaboración e verificación das políticas web.

h) Xestión, coordinación, evolución da intranet corporativa e das plataformas colaborativas para o empregado público.

i) Definición das normas que deban seguir as entidades prestadoras dos servizos de certificación de sinatura dixital para o seu recoñecemento pola Xunta de Galicia.

j) E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección da Área ou pola Dirección da Amtega.

2.3.3. Departamento de Implantación e Xestión do Cambio.

Son funcións deste departamento:

a) Definir e establecer as normas, estándares e procedementos en actividades de soporte de aplicación e sistemas informáticos e asegurar o seu cumprimento para a obtención da calidade destes e da satisfacción das persoas usuarias, impulsando os procesos de certificación en normas de aseguramento da calidade.

b) Dirección e xestión do Centro Único de Atención a Usuarios e coordinación coas unidades de soporte especializadas.

c) Planificación e xestión das actuacións para a implantación efectiva da Administración electrónica e os sistemas do seu ámbito competencial.

d) Elaboración e mantemento do catálogo de servizos ao usuario e usuaria.

e) Deseño e coordinación dos plans formativos en materia de tecnoloxías da información e de boas prácticas no uso dos sistemas de información. Xestión dos programas de capacitación dixital do empregado público, en coordinación cos órganos competentes en materia de formación.

f) Deseño, xestión e mantemento das políticas de configuración de posto de traballo e ferramentas de empregado público.

g) Dotación e supervisión da plataforma de posto de traballo e parque ofimático.

h) E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección da Área ou pola Dirección da Amtega.

2.4. Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais, á cal lle corresponden as seguintes funcións:

a) Deseño e coordinación dos plans de sistemas dos departamentos da Administración pública.

b) Coordinación das actuacións das diferentes consellerías e organismos da Xunta en materia de sistemas de información. Supervisión e seguimento dos plans operativos e actuacións concretas de cada consellería e organismos dependentes.

c) Asesoramento tecnolóxico aos departamentos da Administración pública.

d) Deseño, xestión e desenvolvemento dos sistemas sectoriais ou departamentais.

e) Elaboración das propostas normativas para o impulso das tecnoloxías de información nos contextos sectoriais da Administración pública galega.

Para o desenvolvemento das funcións que lle son encomendadas, a Área de Solucións Tecnolóxicas contará cos seguintes órganos administrativos:

2.4.1. Departamento de Desenvolvemento

Son funcións deste departamento:

a) Planificación, xestión e execución dos proxectos de sistemas de información sectoriais ou departamentais, nas áreas directamente integradas na Amtega.

b) Desenvolvemento dos modelos de integración entre os sistemas corporativos e os sectoriais ou departamentais.

c) Coordinación coas unidades de atención ás persoas usuarias dos sistemas xestionados.

d) Coordinación das actuacións das diferentes consellerías e organismos da Xunta en materia de sistemas de información. Definición e supervisión de procedementos de xestión e coordinación dos sistemas de información nas distintas unidades da Xunta.

e) Promoción da innovación tecnolóxica nos servizos públicos.

f) E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección da Área ou pola Dirección da Amtega.

2.4.2. Xerentes de proxectos.

Son funcións xerais dos xerentes de proxectos a xestión, coordinación e execución dos proxectos informáticos en todo o ámbito da Xunta de Galicia. O número de xerentes de proxectos será variable, en función dos servizos e funcións que a Amtega deba prestar derivados da integración nela dos distintos recursos e servizos de tecnoloxías da información e comunicacións das distintas consellerías e entidades públicas delas dependentes. As funcións dos xerentes de proxectos son:

a) Elaboración dos plans de necesidades sectoriais dos diferentes departamentos da Xunta de Galicia.

b) Asesoramento e formación nas tecnoloxías.

c) Captación de peticións, suxestións e recomendacións das respectivas áreas funcionais.

d) Deseño, planificación e coordinación da implantación dos sistemas do seu ámbito de competencia.

e) Coordinación coas unidades funcionais implicadas nos sistemas de información.

f) Xestión das unidades de soporte especializado por ámbitos sectoriais.

g) E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección da Área ou pola Dirección da Amtega.

2.5. Área de Sociedade Dixital, á cal lle corresponden as seguintes funcións:

a) A planificación relativa ás competencias da Amtega en materia da sociedade da información e o coñecemento e a súa coordinación cos programas estatais e internacionais.

b) Planificación e coordinación das actuacións e accións estratéxicas destinadas a promover a implantación das novas tecnoloxías da sociedade da información en todos os ámbitos da actividade económica e social da Comunidade Autónoma galega.

c) Proposta de normativas relativas ao exercicio das competencias da Amtega en materia da sociedade da información.

d) O fomento e apoio de iniciativas e proxectos para a innovación tecnolóxica e o emprendemento en materia das tecnoloxías da información e comunicacións, en colaboración cos departamentos e institucións con competencias en innovación tecnolóxica.

e) Promover accións, proxectos e programas tendentes a cohesionar territorial e socialmente Galicia mediante a eliminación da fenda dixital.

f) Planificar e coordinar, coa colaboración dos departamentos e institucións con competencias en programas de formación, programas destinados a elevar o coñecemento da cidadanía no uso das novas tecnoloxías, particularmente daqueles colectivos en risco de exclusión social.

g) Planificar e coordinar os proxectos e programas da Xunta de Galicia que teñan o obxecto de incrementar a empregabilidade grazas ao desenvolvemento das capacidades tecnolóxicas que derivan do uso das TIC.

h) Actuar como órgano de coordinación e participación de organismos, centros, entidades e institucións públicas e privadas en materia da Sociedade da información, no ámbito competencial da Xunta de Galicia.

i) Promover, planificar e coordinar proxectos de innovación que conten co financiamento de fondos e transferencias doutras administracións e organismos, e que a Xunta de Galicia destine á promoción das actividades previstas nas alíneas anteriores.

j) Planificación e coordinación das funcións atribuídas ao Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (Osimga).

k) A orientación estratéxica, avaliación e control dos resultados da actividade do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (Osimga).

Para o desenvolvemento das funcións que lle son encomendadas, a Área de Sociedade Dixital contará cos seguintes órganos administrativos:

2.5.1. Departamento de Sociedade da Información.

Son funcións deste departamento:

a) Proposta de normativas relativas ao exercicio das competencias da Amtega en materia da Sociedade da Información e do Coñecemento.

b) Planificación e desenvolvemento de actividades do Observatorio TIC de Galicia.

c) Planificación, coordinación e xestión de proxectos para o fomento da sociedade da información na cidadanía.

d) Planificación, coordinación e xestión de proxectos para o fomento das tecnoloxías da información e comunicacións nas empresas.

e) Planificación, coordinación e xestión de proxectos para promover accións de comunicación á cidadanía, co obxectivo de informar sobre a existencia de servizos dixitais e dar a coñecer os beneficios que comporta a súa utilización a nivel persoal, profesional e social.

f) Planificación, coordinación e xestión de accións formativas que fagan posible a inclusión dixital de toda a poboación.

g) Planificación, coordinación e xestión de accións de fomento do uso dos servizos dixitais entre a cidadanía mediante axudas económicas e oportunidades de financiamento.

h) Planificación, xestión e coordinación da rede de centros CeMIT e da súa programación.

i) E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección da Área ou pola Dirección da Amtega.

2.5.2. Departamento de Innovación Tecnolóxica.

Son funcións deste departamento:

a) Planificar, promover, coordinar e xestionar proxectos e actuacións destinadas ao fomento da sociedade dixital.

b) O fomento da implantación das tecnoloxías da información nos diferentes sectores produtivos. O apoio aos proxectos para a innovación e emprendemento en materia das novas tecnoloxías.

c) A elaboración e xestión de iniciativas de apoio á creación e ao desenvolvemento de empresas das tecnoloxías da información, das comunicacións e contidos dixitais que promovan o seu desenvolvemento en Galicia, en colaboración cos departamentos e institucións con competencias nesta materia.

d) Xestionar a totalidade dos fondos e transferencias de outras administracións e organismos que a Xunta de Galicia destine a promoción das actividades previstas nas alíneas anteriores, sen prexuízo das funcións atribuídas a outros departamentos.

e) E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección da Área ou pola Dirección da Amtega.

Capítulo V
Réxime patrimonial, económico e financeiro

Artigo 22. Recursos.

Os recursos económicos da Amtega estarán formados por:

a) As transferencias consignadas nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Os ingresos propios que perciba como contraprestación polas actividades que poida desenvolver en virtude de contratos, convenios ou disposicións legais para outras entidades públicas ou privadas ou persoas físicas, incluíndo aqueles recibidos como consecuencia do patrocinio de actividades ou instalacións.

c) Os ingresos devengados pola explotación ou uso das súas solucións, aplicativos ou desenvolvementos tecnolóxicos. Mediante acordos, convenios ou contratos, deben establecerse os réximes de cesións ou venda, se é o caso, dos produtos deste capítulo, así como o sistema de contraprestacións e marco de prezos públicos ou mercantís, dentro do límite da misión da Amtega e do carácter de servizo público en xeral.

d) O produto do alleamento dos bens e valores que constitúan o seu patrimonio, de conformidade co establecido na lexislación de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) O rendemento procedente dos seus bens e valores

f) As achegas voluntarias, doazóns, herdanzas, legados e calquera outra transmisión a título gratuíto de particulares ou empresas privadas.

Os demais ingresos de dereito público ou privado que estea autorizada a percibir.

Calquera outro recurso que se lle poida atribuír

Artigo 23. Réxime orzamentario.

Sen prexuízo do disposto no artigo 83 da Lei 16/2010, de 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia:

1. Corresponde ao Consello Reitor elaborar e aprobar o anteproxecto de orzamento. Este debe ser remitido para o seu exame á Secretaría Xeral da Presidencia da Xunta de Galicia que o presentará xunto co propio á consellería competente en materia de facenda para a elaboración dos orzamentos da comunidade autónoma.

2. O orzamento da Amtega elaborarase de acordo coa regulamentación que estableza a consellería competente en materia de facenda.

3. Os orzamentos da Amtega teñen carácter limitativo polo seu importe global e estimativo para a distribución dos créditos en categorías económicas, excepto os correspondentes a gastos de persoal e capital, os cales teñen carácter limitativo e vinculante pola súa contía total.

Artigo 24. Endebedamento.

A Amtega pode recorrer ao endebedamento a curto prazo, ata o límite sinalado pola lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia do exercicio correspondente.

Artigo 25. Contabilidade e réxime económico e financeiro aplicable.

1. En todo o non previsto neste estatuto, na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia e na normativa de desenvolvemento, a Amtega está suxeita ao réxime económico e financeiro da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O réxime de contabilidade será o establecido na lexislación de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. A Amtega deberá aplicar os principios contables que lle correspondan, para o cal contará cun sistema de información económico-financeiro e orzamentario que teña por obxecto mostrar, a través de estados e informes, a imaxe do patrimonio, da situación financeira, dos resultados e da execución do orzamento e proporcione información dos custos sobre a súa actividade que sexa suficiente para unha correcta e eficiente adopción de decisións. Así mesmo, a Amtega contará cun sistema de contabilidade de xestión que permita seguir o cumprimento dos compromisos asumidos no contrato de xestión

O control e seguimento da execución e do cumprimento dos obxectivos fixados no contrato de xestión, estará a cargo da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Artigo 26. Contratación.

1. A contratación da Amtega rexerase polas normas xerais de contratación do sector público.

2. Actuará como órgano de contratación o/a director/a da Amtega, que precisará a autorización do Consello da Xunta de Galicia cando, por razón da contía, lle corresponda a este autorizar o gasto.

3. É de plena aplicación ás prácticas de contratación da Amtega o disposto pola Lei 4/2006, de 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Artigo 27. Patrimonio.

1. A Amtega ten, para o cumprimento dos seus fins, patrimonio propio, distinto do da Xunta de Galicia, integrado polo conxunto de bens e dereitos dos que sexa titular.

2. A xestión e administración dos bens e dereitos propios, así como dos do patrimonio da Xunta de Galicia que se lle adscriban para o cumprimento dos seus fins, será exercida con suxeición ao establecido para os organismos públicos na lexislación de patrimonio da administración pública galega.

3. Para o mellor cumprimento dos seus fins e cun obxecto acorde cos seus obxectivos, a Amtega, logo de aprobación polo Consello Reitor, poderá formular proposta de creación ou participación de sociedades mercantís públicas autonómicas ou fundacións do sector público autonómico de conformidade co procedemento establecido nos artigos 104 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Así mesmo, o Consello Reitor poderá propoñer a participación en toda clase de entidades que adopten a forma de sociedade mercantil ou de fundación, non incluídas no parágrafo anterior, e cuxo obxecto estea vinculado cos fins e obxectivos da Axencia, nos termos previstos pola lexislación da comunidade autónoma en materia de patrimonio e de fundacións.

Artigo 28. Control da xestión económico-financeira.

1. O control externo da xestión económico-financeira da Amtega corresponde ao Consello de Contas de Galicia, de acordo coa súa normativa específica.

2. O control interno da actividade económico-financeira da Amtega correspóndelle á Intervención Xeral da comunidade autónoma e realizarase de acordo co disposto na lexislación de réxime financeiro e orzamentario de Galicia

3. Sen prexuízo do control establecido nos puntos anteriores e cunha adecuada coordinación, a Amtega está sometida ao control e seguimento, pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, da execución e do cumprimento dos obxectivos fixados no contrato de xestión durante o anterior exercicio e a adecuada utilización dos recursos asignados.

Capítulo VI
Réxime de persoal

Artigo 29. Persoal da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

1. A Amtega contará con persoal funcionario e/ou laboral da Xunta de Galicia ou, se é o caso, estatutario, de acordo co previsto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na normativa aplicable aos funcionarios públicos. En todo caso, quédanlle reservadas ao persoal funcionario as funcións que impliquen a participación, directa ou indirecta, no exercicio de potestades públicas ou na salvagarda dos intereses xerais da Comunidade Autónoma de Galicia e das administracións públicas, así como aquelas que se determinen na normativa aplicable en materia de emprego público.

2. O persoal funcionario ao servizo da Amtega rexerase polo disposto na normativa reguladora da función pública e nas súas normas de desenvolvemento.

3. O persoal laboral da Xunta de Galicia ao servizo da Amtega rexerase polo convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, polo texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e pola demais normativa que resulte de aplicación ao persoal laboral ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. O persoal funcionario, estatutario e/ou laboral da Xunta de Galicia ao servizo da Amtega poderá percibir unha parte da súa retribución como incentivo de rendemento, mediante o complemento correspondente que valore a produtividade, de conformidade coa normativa reguladora da función pública de Galicia.

Artigo 30. selección de persoal, provisión de postos de traballo e mobilidade.

1. Os procesos de selección de persoal funcionario e/ou laboral da Xunta de Galicia destinado na Amtega serán realizados pola consellería competente en materia de función pública e seranlles de aplicación as disposicións da lexislación galega sobre emprego público.

2. A provisión de postos de traballo do persoal funcionario e/ou laboral da Xunta de Galicia correspóndelle á consellería competente en materia de función pública, de conformidade cos principios xerais e procedementos de provisión establecidos na normativa de función pública.

3. A mobilidade do persoal funcionario, estatutario e laboral da Xunta de Galicia destinado na Amtega someterase ao réxime xeral previsto na normativa de función pública.

Artigo 31. Ordenación de postos de traballo.

1. A Amtega dispón da súa relación de postos de traballo na cal se determinará a natureza, contido, características do desempeño e retribución de cada posto de traballo, de acordo coa normativa de función pública. A dita relación será pública.

2. En todo caso, a aprobación e modificación da relación de postos de traballo con persoal funcionario e/ou laboral da Xunta de Galicia estará sometida na súa tramitación á normativa xeral establecida na Comunidade Autónoma de Galicia sobre modificacións ou aprobacións destes instrumentos de planificación de persoal.

Artigo 32. Persoal directivo.

1. Constitúen postos que serán ocupados por persoal directivo aqueles que, de ser o caso, veñan definidos como tales na relación de postos de traballo da Amtega, en atención á especial responsabilidade, competencia técnica e relevancia das tarefas asignadas.

2. O persoal directivo da Amtega é nomeado e cesado polo Consello Reitor, por proposta do titular da Dirección, en atención a criterios de competencia profesional e experiencia, mediante un procedemento que garanta o respecto aos principios de mérito, capacidade, concorrencia e publicidade.

3. Cando o persoal directivo da Amtega teña a condición de funcionario/a, permanecerá na situación administrativa que lle corresponda segundo a normativa de función pública.

4. Cando o persoal directivo da Amtega reúna a condición de persoal laboral estará sometido á relación laboral de carácter especial de alta dirección. Neste caso, a fixación das súas retribucións deberá contar cun informe previo favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e de función pública.

5. O persoal directivo está suxeito, no desenvolvemento dos seus cometidos, a avaliación de acordo cos criterios de eficacia, eficiencia e cumprimento da legalidade, responsabilidade pola súa xestión e control de resultados en relación cos obxectivos que lle foron fixados.

6. O persoal directivo poderá percibir unha parte da súa retribución como incentivo de rendemento, mediante o complemento correspondente que valore a produtividade, de acordo cos criterios e porcentaxes que se establezan polo Consello Reitor e de conformidade coa normativa reguladora da función pública de Galicia.

Artigo 33. Incompatibilidades.

O persoal da Amtega estará suxeito á normativa e ao réxime de incompatibilidades establecido con carácter xeral para o persoal ao servizo das administracións públicas.

Capítulo VII
Transparencia na xestión

Artigo 34. Publicidade de información de interese público.

1. Sen prexuízo das demais obrigas de información ao cidadán establecidas na lexislación vixente e daquelas que os órganos de dirección consideren oportunas, a Amtega deberá publicar na súa sede electrónica información actualizada sobre os seguintes aspectos:

a) Contrato de xestión da Amtega, o plan de acción anual, informe xeral de actividade e as contas anuais, xunto co informe da auditoría de contas.

b) As redes de coñecemento e intercambio de información que impulse a Amtega e, de ser o caso, outras que existan no territorio de Galicia.

c) Os recursos públicos destinados pola Xunta de Galicia ás políticas que desenvolva a Amtega e, de ser o caso, condicións e formas de acceso a eles.

d) Outros recursos públicos ou privados destinados a similares fins e dispoñibles no ámbito de Galicia, dos cales a Amtega teña coñecemento.

e) Os procedementos e medios de acceso dos interesados aos servizos da Amtega e os dereitos que para ese efecto lles correspondan.

f) A carta de servizos da Amtega, de conformidade co disposto no artigo seguinte.

2. A publicación dos documentos a que refire a letra a do apartado anterior deberá realizarse nun prazo dun mes desde a súa aprobación polo órgano que en cada caso corresponda.

Artigo 35. Carta de Servizos da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

1. A Amtega deberá elaborar unha carta de servizos en que dea a coñecer á cidadanía os servizos que ofrece, xunto cos niveis de calidade que se compromete a garantir.

2. A carta de servizos da Amtega elaborarase segundo o procedemento de aprobación previsto no Decreto 117/2008, do 22 de maio, polo que se regulan as cartas de servizos da Xunta de Galicia e o Observatorio da Calidade e da Administración Electrónica de Galicia.

3. A carta de servizos da Amtega responderá aos criterios de elaboración, difusión, contido, imaxe corporativa, avaliación e seguimento previstos no Decreto 117/2008, do 22 de maio, polo que se regulan as cartas de servizos da Xunta de Galicia e o Observatorio da Calidade e da Administración Electrónica de Galicia.