Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 16 de xaneiro de 2012 Páx. 2396

I. Disposicións xerais

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 12 de xaneiro de 2012 pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia.

No ámbito das administracións públicas, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, recolle no seu artigo 42.4 que as administracións públicas deben publicar e manter actualizadas, para os efectos informativos, as relacións de procedementos, con indicación dos seus prazos máximos de duración, así como dos efectos que produza o silencio administrativo.

O contexto normativo establecido pola Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, impulsa unha nova concepción ao construír a súa regulación sobre a base do dereito dos cidadáns a utilizar os medios de comunicación electrónica para relacionarse coa Administración e exercer os seus dereitos. Este singular punto de partida que pon o cidadán e os seus dereitos na base de toda actuación administrativa trae consigo a asunción do compromiso xurídico de incorporar as tecnoloxías da información á totalidade das funcións administrativas.

Nesta liña, o artigo 9 do Real decreto 4/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema Nacional de Interoperabilidade no ámbito da Administración electrónica, establece a previsión de que as administracións públicas manterán actualizado un inventario de información administrativa, que incluirá os procedementos administrativos e servizos que prestan de forma clasificada e estruturados en familias, con indicación do seu nivel de informatización.

O Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, establece o marco estable en materia de Administración electrónica en Galicia, co fin de dar cumprimento ás prescricións legais en vigor, e alcanzar unha Administración pública galega coordinada, cohesionada, interrelacionada e interoperable, en definitiva, eficiente e útil de cara a toda a cidadanía.

O Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, desenvolve o dereito do cidadán de non presentar documentos non exixidos polas normas aplicables ao procedemento de que se trate, ou que xa se atopen en poder da Administración.

Doutra parte, a Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior, establece como obxectivo común para todos os Estados membros a simplificación administrativa orientada principalmente á supresión dos réximes de autorización, procedementos e formalidades excesivamente custosas que obstaculicen a liberdade de establecemento e a libre circulación de servizos no ámbito comunitario.

Cómpre salientar que un dos obxectivos primordiais da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia é conseguir o máximo grao de achegamento da Administración á cidadanía. Para iso inténtase potenciar, como instrumento idóneo, a calidade da información en condicións de exactitude, veracidade, axilidade, seguridade xurídica, actualización permanente e vixencia a través da Guía de procedementos e servizos, así como garantir o cumprimento, de xeito homoxéneo, da normativa en materia de Administración electrónica, redución de cargas administrativas e criterios de acceso da cidadanía aos diferentes servizos electrónicos, fomentando que esta teña unha visión de administración única.

Deste xeito, a Guía de procedementos e servizos configúrase como o instrumento transversal de referencia que recompila e describe todos os procedementos administrativos e servizos, á disposición e de interese para a cidadanía, existentes e en vigor na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia, á marxe da estrutura interna, que pode ser cambiante, da Administración pública.

Nesta liña, a presente orde dítase para determinar o mecanismo de habilitación de procedementos administrativos e servizos con orixe en disposicións de carácter xeral, segundo os principios de simplificación administrativa na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia.

En particular, este mecanismo de habilitación será aplicable, ademais, as bases reguladoras e convocatorias de subvencións, presentes na guía desde o ano 1993, polo seu evidente interese para a cidadanía e dado que a lexislación reguladora das subvencións remite a estas a regulación da tramitación concreta dos procedementos subvencionais e a previsión da utilización de medios técnicos neles.

Con esta iniciativa encamiñada á modernización, racionalización e simplificación dos procedementos administrativos e servizos, propicia a redución de trámites e cargas burocráticas, ademais de facilitar a relación entre os cidadáns e a Administración, contribúe a reducir os custos administrativos das actividades empresariais e axuda a mellorar a competitividade das empresas e estimular o seu desenvolvemento.

Deste xeito, a redución das cargas administrativas proporciona ás empresas máis tempo que poden empregar na súa actividade produtiva, reducindo custos de produción, permitindo investimentos e innovacións suplementarias, mellorando a produtividade e a competitividade da economía.

En consideración co exposto, de conformidade co devandito Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e en virtude das funcións atribuídas polos artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Previsións xerais

Artigo 1. Obxecto e finalidade.

1. A presente orde desenvolve o mecanismo de habilitación de procedementos administrativos, así como de servizos á disposición e de interese para a cidadanía, establecidos por disposicións de carácter xeral, no ámbito da Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia, baixo os principios de simplificación e redución das cargas administrativas establecidos na lexislación vixente. Este mecanismo de habilitación será, en particular, aplicable ás bases reguladoras e convocatorias de subvencións.

2. A finalidade da presente orde é conseguir o máximo grao de achegamento da Administración á cidadanía, garantir a simplificación e redución de cargas administrativas, a redución da documentación exixible ao cidadán, a actualización permanente da Guía de procedementos e servizos, a promoción da canle unificada de acceso a través da sede electrónica da Xunta de Galicia e a homoxeneización do sistema de tramitación dos procesos habilitados.

Artigo 2. Guía de procedementos e servizos.

1. Os procedementos administrativos e servizos da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia que sexan obxecto de habilitación de acordo co establecido nesta orde integraranse na Guía de procedementos e servizos dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A inclusión dun procedemento administrativo ou servizo na Guía de procedementos e servizos implicará a incorporación dun resumo explicativo e didáctico do contido esencial do procedemento ou servizo, con indicación do seu obxecto, persoas beneficiarias, requisitos e documentos necesarios, prazos, sentido do silencio, nivel de tramitación, canles de presentación, así como a normativa aplicable.

3. A Guía de procedementos e servizos incorporará, ademais, os formularios normalizados necesarios para a tramitación en cada un deles.

4. Para a publicación dos procedementos e servizos na devandita guía deberase seguir o procedemento de habilitación establecido no capítulo III desta orde.

Artigo 3. Xestión electrónica de procedementos administrativos e servizos.

1. A xestión dos procedementos administrativos e o acceso aos servizos recollidos na Guía de procedementos e servizos realizarase a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou, de ser o caso, nas sedes electrónicas que se poidan crear segundo o previsto no Protocolo de creación de sedes electrónicas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. A xestión electrónica de procedementos administrativos e servizos respectará a titularidade e o exercicio da competencia do órgano ou entidade que a teña atribuída, así como o cumprimento dos requisitos formais e materiais establecidos nas normas que regulen a correspondente actividade.

3. As solicitudes de iniciación de procedementos e servizos deberán axustarse, con carácter xeral, aos formularios normalizados dispoñibles na Guía de procedementos e servizos.

CAPÍTULO II
Racionalización administrativa

Artigo 4. Petición de datos e documentos.

1. Para a xestión e resolución dos expedientes administrativos só poderán exixirse os documentos ou datos que sexan estritamente necesarios para conformar a vontade da Administración e resolver cada procedemento concreto, e que a Administración non poida obter polos seus propios medios.

2. Non se poderá solicitar ás persoas interesadas, nos procedementos administrativos e servizos regulados pola Administración xeral e o sector público autonómico de Galicia, a achega dos seguintes documentos:

(i) A fotocopia do documento nacional de identidade, ou documento equivalente.

(ii) O certificado de empadroamento, como documento probatorio do domicilio e da residencia, se os datos que contén a consulta ao servizo de verificación de datos de residencia resultan suficientes para a tramitación do procedemento.

(iii) Aqueles xerados pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou entidades públicas instrumentais do sector público e os que xa fosen presentados polas persoas interesadas. Para facer efectivo este dereito as persoas interesadas deberán especificar a data en que se presentaron os documentos e o órgano a que os dirixiron, sempre que non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento en que se achegaron.

(iv) Aqueles datos, documentos ou certificados dunha Administración pública para os que existan sistemas corporativos de interoperabilidade postos á disposición pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

(v) Documentos doutras administracións públicas, se se achegan copias destes que conteñan un código seguro de verificación que cumpra co disposto no artigo 18.1.b) da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

(vi) Aqueles non necesarios para o cumprimento das normas reguladoras do procedemento ou servizo de que se trate.

3. Cando a tramitación dun procedemento ou servizo requira a incorporación deste tipo de datos ou documentos, os modelos de solicitude normalizados incluirán unha epígrafe destinada para que as persoas interesadas outorguen a súa autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos ou documentos achegados no procedemento administrativo ou servizo. No caso de que non se autorice ao órgano xestor para realizar esta operación, a persoa interesada estará obrigada a achegalos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

4. A falsidade do declarado determinará a imposibilidade de percibir, de ser o caso, os dereitos recoñecidos no procedemento administrativo ou servizo desde o momento en que se teña constancia da falsidade, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas que procedan.

Artigo 5. Certificación acreditativa da titularidade dunha conta bancaria.

Nos procedementos administrativos ou servizos incluídos no ámbito de aplicación desta orde substitúese a obriga da persoa interesada de achegar a certificación acreditativa da titularidade dunha conta bancaria por unha declaración responsable acerca da veracidade dos datos consignados na solicitude e relativos á devandita conta, de conformidade co establecido no artigo precedente.

Artigo 6. Redución de cargas administrativas.

1. Para os efectos desta orde, considéranse cargas administrativas aquelas actividades de natureza administrativa que deben levar a cabo as empresas e os cidadáns para cumprir coas obrigas derivadas das normas reguladoras de procedementos administrativos ou servizos e que non farían de non viren impostas por estas.

2. O órgano con competencias horizontais en materia de simplificación de procedementos administrativos realizará unha medición das cargas administrativas inherentes a procedementos administrativos e servizos postos á disposición da cidadanía, cos datos proporcionados polos distintos órganos superiores e de dirección da Administración xeral da comunidade autónoma ou das entidades dependentes que tivesen a iniciativa de habilitación dun procedemento administrativo ou servizo.

3. Para a medición das cargas administrativas utilizarase o método simplificado de medición de cargas administrativas e da súa redución, compartido polas administracións públicas.

4. Na aplicación do devandito método distinguirase en cada caso a que colectivos se dirixe o procedemento administrativo ou servizo, e proporcionaranse elementos para a identificación das cargas, o custo e aforro que supón para a Administración e os cidadáns as cargas administrativas implicadas en normas reguladoras de procedementos administrativos ou servizos, así como os mecanismos dispoñibles para reducilas.

5. Os resultados analíticos da medición de cargas administrativas serán trasladados ás unidades que tivesen a iniciativa, co obxectivo de mellorar da competitividade económica e a simplificación da regulación administrativa para a cidadanía e empresas.

CAPÍTULO III
Procedemento de habilitación

Artigo 7. Habilitación de procedementos administrativos e servizos.

1. Entendese por habilitación o procedemento consistente na emisión dun informe tecnolóxico e funcional favorable emitido conxuntamente polos órganos con competencias horizontais en materia de administración electrónica e simplificación de procedementos administrativos, que versará sobre os extremos recollidos no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. A habilitación de procedementos administrativos ou servizos levarase a cabo con pleno respecto das garantías e procedementos administrativos establecidos na normativa xeral de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e de conformidade coas disposicións desta orde, tendo en conta os obxectivos de simplificación administrativa.

3. As disposicións de carácter xeral, que regulen procedementos administrativos ou servizos postos á disposición e de interese da cidadanía deberán contar, con carácter previo á súa publicación no Diario Oficial de Galicia e na sede electrónica da Xunta de Galicia, cun informe tecnolóxico e funcional favorable emitido conxuntamente polos órganos con competencias horizontais en materia de administración electrónica e simplificación de procedementos administrativos. Este mecanismo de habilitación será, en particular, aplicable ás bases reguladoras e convocatorias de subvencións.

4. O devandito informe encádrase, no caso das disposicións de carácter xeral, dentro do procedemento establecido no artigo 42 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

5. O procedemento establecido neste capítulo será de aplicación no suposto de modificación dos procedementos administrativos ou servizos recollidos na Guía de procedementos e servizos.

Artigo 8. Fases do procedemento.

O procedemento de habilitación ou modificación de procedementos administrativos e servizos consta de tres fases:

a) Solicitude: que se desenvolve dentro dos órganos superiores e de dirección da Administración xeral da comunidade autónoma ou das entidades dependentes que tivesen a iniciativa.

b) Análise: en que o proxecto de procedemento administrativo ou servizo se somete á análise tecnolóxica e funcional dos órganos con competencias horizontais en materia de administración electrónica e simplificación de procedementos administrativos.

c) Informe: que consiste na emisión do devandito informe preceptivo á publicación no Diario Oficial de Galicia e na sede electrónica da Xunta de Galicia de cada procedemento administrativo ou servizo.

Artigo 9. Solicitude.

1. Os órganos superiores e de dirección da Administración xeral da comunidade autónoma ou das entidades dependentes que tivesen a iniciativa deberán cubrir a solicitude de habilitación ou modificación coa información que se require na aplicación informática de habilitación, accesible desde a intranet da Xunta de Galicia.

2. A solicitude recollerá a seguinte información:

a) Identificación do procedemento administrativo ou servizo que se quere habilitar.

b) Prazo para a presentación de solicitudes.

c) Órgano responsable do procedemento administrativo ou servizo.

d) Indicación do obxecto da norma reguladora do procedemento ou servizo.

e) Relación completa da documentación que se deba presentar para iniciar a tramitación segundo a norma reguladora do procedemento administrativo ou servizo.

f) Identificación das canles habilitadas para a realización do trámite ou prestación do servizo.

g) Determinación dos sistemas de acreditación e sinatura electrónicas aceptados.

h) Identificación do sistema de tramitación ou xestión que dá soporte aos procesos.

3. A solicitude deberá ir acompañada dos seguintes documentos:

a) Texto do proxecto da norma reguladora do procedemento ou servizo.

b) Borrador do formulario normalizado que se publicará no Diario Oficial de Galicia e na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Análise.

1. Unha vez revisado o contido da solicitude e a documentación correspondente, os órganos con competencias horizontais en materia de administración electrónica e simplificación de procedementos administrativos realizarán unha análise dos aspectos tecnolóxicos e funcionais, previa e preceptiva á aprobación de cada novo procedemento administrativo ou servizo.

2. A devandita análise terá por obxecto comprobar o cumprimento dos criterios e requisitos establecidos nesta orde e, en especial, realizarase un exame do proxecto da norma reguladora, do borrador de formulario normalizado e anexos, da documentación requirida á cidadanía, da previsión de medios e instrumentos de participación, transparencia e información e dos mecanismos de integración na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Ademais, terase en consideración o cumprimento da normativa existente sobre racionalización administrativa, administración electrónica, seguridade e protección de datos de carácter persoal, así como dos procedementos internos de desenvolvemento de sistemas de información da Xunta de Galicia e aqueloutra normativa que resulte de aplicación.

Artigo 11. Informe.

1. Rematadas as fases recollidas nos artigos anteriores, emitirase un informe tecnolóxico e funcional no prazo de dez días hábiles desde a recepción da solicitude de habilitación dun procedemento ou servizo. Se non se efectuase o respectivo informe no devandito prazo, este entenderase favorable.

2. O órgano con competencias horizontais en materia de simplificación de procedementos administrativos trasladará o devandito informe e o formulario normalizado aos órganos superiores e de dirección da Administración xeral da comunidade autónoma ou ás entidades dependentes que tivesen a iniciativa.

3. Se a solicitude non reunise os requisitos exixidos ou non se xuntasen os documentos preceptivos, o órgano con competencias horizontais en materia de simplificación de procedementos administrativos requirirá aos órganos superiores e de dirección da Administración xeral da comunidade autónoma ou ás entidades dependentes que tivesen a iniciativa para que emenden a falta ou xunten os documentos preceptivos, ademais das eventuais consideracións e observacións de mellora en cada procedemento administrativo ou servizo para a súa habilitación.

Artigo 12. Baixa de procedementos administrativos e servizos.

1. Os órganos superiores e de dirección da Administración xeral da comunidade autónoma ou as entidades dependentes responsables do procedemento administrativo ou servizo deberán cubrir a solicitude de baixa coa información que se require no formulario de baixa, accesible desde a intranet da Xunta de Galicia.

2. Á solicitude deberáselle achegar:

a) Identificación do procedemento administrativo ou servizo.

b) Memoria xustificativa da baixa.

Disposición adicional primeira.

Autorízase os órganos con competencias horizontais en materia de administración electrónica e simplificación de procedementos administrativos para ditar todas as instrucións precisas para a correcta execución dos preceptos contidos nesta orde.

Disposición adicional segunda.

A tramitación do procedemento de habilitación previsto no capítulo III da presente orde realizarase a través da intranet da Xunta de Galicia.

Disposición adicional terceira.

A Guía de procedementos e servizos recollerá unha relación dos servizos habilitados para a súa xestión electrónica, que progresivamente incorporará novos servizos á disposición e de interese para a cidadanía.

Disposición transitoria única.

A presente orde será de aplicación aos procedementos administrativos e servizos iniciados ou modificados con posterioridade á entrada en vigor da presente orde.

Disposición derrogatoria única.

Quedan derrogadas cantas normas preexistentes de igual ou inferior rango resulten contrarias ao disposto nesta orde e, en particular:

Queda derrogada a Orde do 9 de novembro de 1993, sobre tramitación e publicación de disposicións de carácter xeral que afecten os procedementos administrativos por instancia de parte da Administración autonómica de Galicia.

Disposición derradeira única.

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2012.

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza