Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 17 de xaneiro de 2012 Páx. 2617

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 30 de decembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a actividades de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2012.

A Constitución española de 1978 recolle, dentro dos principios reitores da política social e económica, que os poderes públicos velarán pola seguridade e hixiene no traballo.

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no seu artigo 29, epígrafe 1, que lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia a execución da lexislación do Estado en materia laboral.

Mediante o Real decreto 2381/1982, do 24 de xullo, a Comunidade Autónoma de Galicia recibiu o traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de gabinetes técnicos provinciais do Instituto de Seguridade e Hixiene no Traballo.

O Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar atribúelle a esta, a través da Dirección Xeral de Relacións Laborais, o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, relativas á prevención de riscos laborais.

Na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, recóllese o mandato de que as administracións públicas competentes promoverán a prevención e o asesoramento, incluídas a asistencia e a cooperación técnica, a información, divulgación, formación e investigación en materia preventiva, coa finalidade de promover melloras nas condicións de traballo dirixidas a elevar o nivel de protección e da seguridade e saúde laboral das traballadoras e dos traballadores.

A Lei 54/2003, do 12 de decembro, que modifica a Lei 31/1995, establece o obxectivo de combater dun xeito activo a sinistralidade laboral así como o de reforzar a necesidade de integrar a prevención de riscos laborais nos sistemas de xestión da empresa. Isto fai preciso instrumentar mecanismos para as empresas galegas que lles faciliten dar cumprimento ao novo marco normativo e á normativa de desenvolvemento existente en materia de prevención de riscos laborais como actividade integrada no conxunto de actuacións e decisións da empresa.

O obxecto desta orde é concretar os principios xerais contidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no relativo ás axudas para fomento da prevención de riscos laborais entre as traballadoras e os traballadores de Galicia mediante actividades de formación (xornadas técnicas, seminarios, cursos de prevención, etc.), así como de promoción, difusión e comunicación sobre a normativa e aspectos máis relevantes da seguridade e saúde laboral entre os distintos sectores afectados, co obxecto de impulsar a presenza de recursos preventivos na empresa e fomentando unha auténtica cultura de prevención de riscos laborais no traballo.

Así, o financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria farase con cargo aos créditos do programa 2012.12.03.324B.481.1 (1.450.000,00 €), código de proxecto 2012 00611, tal como figura recollido no proxecto de orzamentos para o exercicio de 2012.

En todo caso, o gasto proxectado tramitarase como expediente anticipado segundo o disposto na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

Consecuentemente con todo o anterior, consultados o Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral e o Consello Galego de Relacións Laborais, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Capítulo I
Ámbito e réxime de axudas

Artigo 1. Obxecto e finalidade.

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto a convocatoria pública como a execución das axudas destinadas a actividades de fomento da prevención de riscos laborais en Galicia, correspondentes ao exercicio de 2012, xestionadas pola Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Relacións Laborais.

2. A convocatoria das subvencións previstas nesta orde realizarase mediante réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2. Entidades beneficiarias.

1. As entidades beneficiarias das axudas recollidas nesta orde de convocatoria serán:

a) Fundacións sectoriais paritarias para a promoción da prevención da seguridade e saúde laboral, nacidas da negociación colectiva ou de acordos sectoriais con sede e actividade en Galicia.

b) Organizacións sindicais con representatividade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto de carácter sectorial como intersectorial.

c) Asociacións empresariais de ámbito galego, provincial ou autonómico, sectoriais ou intersectoriais, constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 1 de abril, sobre regulación do dereito de asociación sindical, que recollan expresamente nos seus fins o fomento da prevención de riscos laborais.

d) Asociacións profesionais de traballadores e traballadoras autónomas rexistradas segundo o establecido no Decreto 406/2009, do 2 de outubro, que recollan expresamente nos seus fins o fomento da prevención de riscos laborais.

e) Asociacións profesionais de ámbito galego, provincial ou autonómico, sen ánimo de lucro, que agrupen a profesionais do ámbito da seguridade e saúde laboral.

2. Non poderán ser beneficiarias destas axudas:

a) Aquelas entidades en que concorra algunha das circunstancias a que se refire o artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) As administracións públicas, as sociedades públicas nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.

3. As entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde poderán subcontratar, por unha soa vez, a realización das accións financiadas con cargo a esta convocatoria, tendo en conta que a subcontratación non pode supoñer un aumento do custo de execución da acción subvencionada, e que deberá ser realizada consonte o establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Ademais, os/as subcontratistas deberán facilitarlles aos organismos de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás accións subcontratadas. Esta subcontratación poderá chegar ata o 100% do importe da acción.

Cando a actividade concertada con terceiros exceda o 20% do importe da subvención e o dito importe sexa superior a 60.000 euros, procederase á subscrición dun contrato por escrito. Con carácter previo á sinatura do contrato, solicitarase, por escrito, autorización ao órgano concedente (Dirección Xeral de Relacións Laborais), que concederá a autorización (se é procedente), pola súa vez, por escrito.

Capítulo II
Modalidades de axuda

Artigo 3. Gastos que se subvencionarán.

1. As actividades de fomento da prevención de riscos laborais recollidas nesta orde serán obxecto de subvención para compensar os custos derivados da súa execución, incluíndo os custos indirectos recollidos no artigo 29.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de acordo cos criterios que se recollen no artigo 9.3 e sen prexuízo de que a entidade solicitante achegue unha parte do orzamento total da actividade solicitada.

No relativo á imputación e xustificación de gastos concrétanse os seguintes aspectos:

– Os gastos relativos ao persoal de apoio interno ou externo con motivo da realización de accións de organización e supervisión das actividades formativas poderanse imputar ata un máximo do 30% do importe de cada nómina ou o 100%, no caso de que se proceda á contratación específica de persoal para a realización das devanditas funcións e polo tempo de vixencia do convenio de colaboración. Neste último suposto deberase presentar xunto coa restante documentación xustificativa o contrato de traballo subscrito (no cal se indicará a data de inicio e fin da contratación e do servizo determinado) e o parte de alta do traballador na Seguridade Social. Só se poderán imputar os gastos do persoal técnico vinculado directamente coas accións subvencionadas, excluíndose expresamente ao persoal directivo das entidades solicitantes.

– Os gastos mensuais relativos á luz, teléfono, auga, mensaxaría, etc. poderanse imputar ata un máximo do 10% do importe total. Nos restantes gastos (docentes, alugueres ou arrendamentos de aulas, talleres, amortización de equipamentos didácticos, medios didácticos, gastos de transporte dos participantes, seguro de accidentes dos participantes, bens consumibles (material de protección e seguridade) e publicidade poderase imputar o 100% do gasto, sempre que quede garantida a natureza do gasto en relación coa actividade formativa realizada, mediante constancia expresa no documento xustificativo ou por medio de certificación acreditativa de cada organización.

2. Serán subvencionables as seguintes actuacións:

– De formación, destinadas aos traballadores e traballadoras galegas:

• Formación específica en prevención de riscos laborais destinada a traballadores en xeral, delegados de prevención de empresas galegas preferentemente de entre 6 e 49 traballadores, recursos preventivos e traballadores/as designados/as, en empresas de menos de 49 traballadores que asuman con medios propios a actividade preventiva da empresa.

– Estudos e traballos técnicos relacionados coa seguridade e saúde laboral:

• De investigación e prospección para a análise da mellora das condicións de traballo en sectores concretos da actividade económica.

• Realización de ferramentas prácticas para implantación de actuacións en seguridade e saúde laboral.

– De difusión, sensibilización e intercambio de experiencias (conferencias, xornadas, seminarios e publicacións):

a) De difusión normativa e técnica, en relación coa Lei de prevención de riscos laborais e normativa de desenvolvemento.

b) De sensibilización empresarial para investimento específico en prevención de riscos laborais.

c) De intercambio de experiencias e boas prácticas en seguridade e saúde laboral.

3. O cobramento destas subvencións será incompatible coa percepción de calquera outra axuda pública ou privada da mesma natureza para a mesma actuación.

Artigo 4. Período de imputación de gastos.

Poderanse financiar con cargo a esta orde de convocatoria os gastos derivados de accións realizadas desde o 1 de xaneiro de 2012 ata que rematen, conforme o sinalado no artigo seguinte.

Artigo 5. Remate e xustificación das accións.

Todas as accións deberán estar rematadas e xustificadas, como data límite, o 31 de outubro de 2012.

Capítulo III
Da convocatoria pública

Artigo 6. Solicitudes.

1. As entidades incluídas no artigo 2 que desexen participar nas actuacións que se regulan nesta orde de convocatoria deberán formalizar a correspondente solicitude no modelo normalizado que se publica como anexo I a esta orde e que se subministrará nas xefaturas territoriais da consellería, na Dirección Xeral de Relacións Laborais, en calquera das oficinas administrativas de información ao cidadán e na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar, subscrita pola persoa ou representante legal da entidade e deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representación legal suficiente para asinar a solicitude.

b) Copia da última actualización ou modificación dos estatutos ou escritura pública de constitución da entidade, así como das actas que recollan acordos que afecten a prevención de riscos laborais na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. Acompañarase de certificación da vixencia, na data de presentación da solicitude, dos documentos emitida polo secretario ou secretaria da entidade.

c) Copia compulsada do NIF da entidade.

d) Unha ficha por cada unha das accións solicitadas no modelo normalizado (anexo II).

e) Declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma acción perante as distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

f) Declaración responsable de non estar incursa en supostos de prohibicións para obter a condición de entidade beneficiaria de subvencións, tal como se recolle no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo III).

g) Memoria das actividades que se realizarán para as que solicita a subvención especificando o seu custo e desagregando os ingresos e gastos da acción solicitada. Indicarase, así mesmo, se a entidade colabora no financiamento da acción solicitada e, de ser o caso, a cantidade que achega. A memoria presentarase no modelo que figura no anexo IV desta orde.

2. As solicitudes presentaranse ante a Consellería de Traballo e Benestar ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así mesmo, tamén poderán presentarse electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es

3. Cada entidade solicitante poderá presentar só unha solicitude de axudas. No caso de que unha entidade presentase máis dunha solicitude, só será tida en conta aquela que se presentou en primeiro lugar, establecéndose como criterio a data de presentación de acordo coa forma de presentación establecida no punto 2 deste artigo.

4. Os requisitos exixidos ás entidades entenderanse cumpridos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 7. Publicidade das axudas.

1. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos aspectos previstos no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e autorizarán a inclusión destas axudas no dito rexistro e, se é o caso, no de sancións, creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

2. Así mesmo, tal e como se recolle no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os órganos administrativos concedentes procederán a publicar no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas, indicando a convocatoria, o programa de crédito orzamentario a que se imputan, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade ou as finalidades da subvención.

Igualmente, publicaranse na páxina web oficial nos termos previstos no artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Artigo 8. Prazo.

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte á publicación desta orde.

2. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase a entidade para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa solicitude, logo de resolución que así o declare.

3. Os requisitos exixidos ás entidades computaranse na data de finalización do prazo de presentación de instancias.

Artigo 9. Procedemento.

1. O órgano instrutor do procedemento será o Servizo de Seguridade e Saúde Laboral da Dirección Xeral de Relacións Laborais.

2. O procedemento que se seguirá na tramitación e instrución dos expedientes será o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, coas concrecións que se establecen nos parágrafos seguintes.

3. A comisión de valoración, para avaliar as solicitudes, terá en conta os seguintes criterios:

– Representatividade da entidade solicitante (de 0 a 2 puntos).

A representatividade das entidades determinarase:

a) Para as fundacións paritarias, segundo o ámbito funcional do convenio colectivo ou acordo sectorial polo que foron creadas.

b) Para as organizacións sindicais e empresariais segundo o sistema establecido no Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores (título III) para a aplicación no ámbito territorial ou funcional específico en cada unha das accións programadas ou na Lei 17/2008, do 29 de decembro, de participación institucional das organizacións sindicais e empresarias máis representativas de Galicia.

c) Para as asociacións profesionais, de acordo coa porcentaxe de socios sobre o total do sector no ámbito de aplicación da acción.

– Número de persoas destinatarias a que van dirixidas as accións (de 0 a 3 puntos).

– Dimensión territorial da acción proposta (de 0 a 2 puntos).

– Transferibilidade da actuación ou ferramentas a outros sectores (de 0 a 2 puntos).

– Achega de elementos innovadores (de 0 a 1 puntos).

– Maior índice de sinistralidade laboral en Galicia sobre o sector en que se pretende actuar. Contabilizaranse os accidentes de traballo e as enfermidades profesionais (de 0 a 3 puntos).

– Metodoloxía e recursos empregados para o desenvolvemento dos proxectos (de 0 a 2 puntos).

– Participación da entidade no financiamento da acción (de 0 a 2 puntos).

– Participación no proxecto que se vai realizar de organizacións sindicais e empresariais (de 0 a 3 puntos).

– Experiencia da entidade solicitante no desenvolvemento de acción de fomento da prevención de riscos laborais (de 0 a 3 puntos).

– Emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda, artigo 20.2.l da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (0 a 3 puntos).

4. Para os efectos do previsto neste artigo, a comisión de valoración estará composta polos seguintes membros: a xefa ou o xefe do Servizo de Seguridade e Saúde Laboral, que a presidirá, e serán vogais a xefa ou o xefe de sección de Seguridade e Saúde Laboral e dúas persoas integrantes do persoal adscrito á Dirección Xeral de Relacións Laborais; unha delas actuará como secretario ou secretaria.

5. Se, por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída pola persoa que para o efecto designe o director ou a directora xeral de Relacións Laborais.

6. A contía máxima que se subvencionará determinarase do seguinte xeito:

– A entidade solicitante da subvención xuntará á súa solicitude unha valoración detallada e razoada do custo previsto da acción solicitada, en que indicará, así mesmo, a cantidade que achega, de ser o caso, para o seu financiamento.

– A comisión de valoración, unha vez avaliadas as solicitudes presentadas, de acordo cos criterios de valoración establecidos nesta orde, realizará informe para resolvelas.

O importe total das axudas percibidas non poderá superar os custos das actividades subvencionadas.

7. O xefe ou a xefa do Servizo de Seguridade e Saúde Laboral, tendo en conta o informe da comisión de valoración, elevará proposta de resolución ante o órgano competente para resolver.

8. Con carácter previo á resolución das axudas, daráselles audiencia aos interesados nos casos en que así proceda (artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia).

Artigo 10. Resolución.

1. A resolución dos expedientes de axudas, logo do informe da comisión de valoración do cumprimento do trámite de audiencia cando proceda, e fiscalizada a proposta pola respectiva intervención, corresponderalle ao director xeral de Relacións Laborais, por delegación da conselleira ou do conselleiro de Traballo e Benestar.

As resolucións deberán ser notificadas ás entidades interesadas no prazo de 10 días desde que se diten; estas disporán dun prazo de 10 días para comunicar a aceptación da subvención concedida.

2. De acordo co sinalado no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tendo en conta que se trata dun procedemento baixo o réxime de concorrencia competitiva, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder os nove meses.

3. As resolucións ditadas poñen fin á vía administrativa, e contra elas poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes desde a súa notificación, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 11. Xustificación do pagamento.

1. O pagamento das axudas quedará condicionado á presentación polas entidades beneficiarias da seguinte documentación:

– Certificación expedida polo/a responsable legal da entidade en que figure a mención das actividades realizadas, o importe que se xustifica e a relación de facturas.

– Orixinal ou fotocopia compulsada de todas as facturas, nóminas e xustificantes de pagamento de todos os gastos imputables á acción subvencionada.

– Documentos acreditativos do aboamento de tales facturas e dos demais documentos xustificativos dos pagamentos realizados.

– Memoria xustificativa da actuación realizada e obxecto da subvención, nos termos e na forma que se sinale na resolución de concesión.

– Xustificante da cantidade achegada pola entidade para o financiamento á acción realizada, de ser o caso.

– Declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas para o mesmo proxecto ás distintas administracións públicas competentes ou ás súas entidades vinculadas ou dependentes, tanto aprobadas como as pendentes de resolución, incluíndo as resolucións correspondentes.

2. A data límite para a presentación desta documentación será o 31 de outubro de 2012.

3. Tras a recepción da documentación recollida neste artigo procederase á revisión e valoración dos documentos xustificativos da execución e, se é o caso, da documentación adicional solicitada. En función dos resultados acadados realizarase proposta de pagamento, axuste ou revogación das subvencións.

4. Revisada a xustificación efectuada polas entidades beneficiarias e sempre que esta se axuste ao disposto nesta orde, a Dirección Xeral de Relacións Laborais emitirá certificacións para poder facer efectiva a correspondente liquidación da axuda concedida.

5. Poderán acordarse pagamentos parciais a medida que a entidade beneficiaria xustifique as actividades xa realizadas. Estes pagamentos nunca serán superiores ao 80% da subvención concedida.

De acordo co establecido no artigo 65.4.f) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en relación cos artigos 62.3 e 67 do mesmo corpo legal, quedan exonerados da constitución de garantías «os beneficiarios de subvencións con cargo aos créditos orzamentarios correspondentes ao capítulo IV, Transferencias correntes, destinadas a familias e institucións sen fins de lucro».

Artigo 12. Obrigas das entidades beneficiarias.

1. Son obrigas das entidades beneficiarias das subvencións:

a) Comunicarlle ao órgano competente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

b) O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Traballo e Benestar, ás de control financeiro que correspondan, de ser o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos que proceda, así como a obriga de facilitar información, tal como establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan necesarios, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

d) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

e) Dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento de programas, actividades, investimentos ou actuacións de calquera tipo que sexan obxecto de subvención nos termos regulamentariamente establecidos; en concreto, deberá consignarse o anagrama da Xunta de Galicia, en todas as actividades de difusión, así como no material que se faga con motivo das actuacións realizadas ao abeiro desta orde de convocatoria, e tamén deberá observarse o disposto na Lei 23/2011, do 29 de xullo, de depósito legal, así como calquera outra das obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Calquera outra das obrigas establecidas nos artigos 11 e 45 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) As entidades subvencionadas estarán obrigadas a ceder, logo de petición, o uso público, sen ánimo de lucro, de todos aqueles materiais que resulten da execución do proxecto, guías, dípticos, enquisas ou calquera outro traballo, que se poida aproveitar noutros sectores ou empresas.

2. As entidades beneficiarias de subvencións deberán estar, con independencia da súa contía, tanto antes de ditarse a resolución de concesión como de proceder ao cobramento das subvencións, ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Non obstante, non terán que acreditar esta circunstancia aquelas entidades exentas pola Lei de orzamentos para o exercicio de 2012.

Artigo 13. Incumprimento das condicións.

O incumprimento por parte do beneficiario do prazo de realización ou de xustificación das accións concedidas suporá de forma automática a perda do dereito á percepción da axuda concedida.

No caso de incumprimento parcial das accións realizadas, a cantidade que perciba o beneficiario da subvención quedará reducida de forma proporcional ás accións non realizadas.

Artigo 14. Modificación de resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión destas axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 15. Revogación.

Procederá a revogación da axuda, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 16. Seguimento e control.

A Dirección Xeral de Relacións Laborais poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, as entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas que se establecen nesta orde e axustar a execución das accións á resolución de concesión.

Disposición adicional primeira.

A resolución das axudas previstas nesta orde estará supeditada á existencia de crédito axeitado e suficiente no programa 2012.12.03.324B.481.1, código de proxecto 2012 00611, no momento en que se aproben os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012.

Poderán ditarse resolucións complementarias cando existan fondos provenientes de renuncias de subvencións inicialmente concedidas, ou doutros remanentes. Neste caso, agás que se acuda a unha convocatoria complementaria, non poderán terse en conta outras solicitudes distintas ás tidas en conta para a resolución inicial.

Disposición adicional segunda.

Apróbase a delegación de atribucións da conselleira ou conselleiro de Traballo e Benestar no director ou directora xeral de Relacións Laborais para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, e para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas entidades beneficiarias, respecto das resolucións de concesión, das cales derivan, ditadas por delegación da conselleira.

Disposición adicional terceira.

En todo o non disposto nesta orde será de aplicación a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, nos preceptos que teñen a consideración de básicos, a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e o Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención de riscos laborais, en canto lle sexa de aplicación e con carácter supletorio a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira primeira.

Autorízase o director ou directora xeral de Relacións Laborais para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta disposición.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2011.

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file