Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 23 de xaneiro de 2012 Páx. 3430

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 30 de decembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades de iniciativa social para o desenvolvemento de programas que contribúan a fomentar a inclusión social e a integración no mercado de traballo das persoas en situación ou risco de exclusión social e se procede á súa convocatoria, cofinanciada polo Fondo Social Europeo 2007/2013.

missing image file

DOG Núm. Páx.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asígnalle á comunidade autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social. Así mesmo, no artigo 33.2 establécese que lle corresponde o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de Seguridade Social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais para Galicia, establece no seu artigo 31 que o cumprimento dos fins das entidades de iniciativa social se promoverá mediante o outorgamento de subvencións, que se concederán atendendo ao interese social dos distintos servizos e proxectos, á súa complementariedade coa oferta pública de servizos sociais, á súa calidade e ao carácter innovador das prestacións e servizos ofertados, á eficiencia no emprego dos fondos públicos e á súa adecuación aos obxectivos fixados pola planificación autonómica en materia de servizos sociais.

A Consellería de Traballo e Benestar, segundo a estrutura orgánica fixada polo Decreto 335/2009, do 11 de xuño, é o órgano que ten asumidas as competencias en materia de servizos sociais, incluíndo as políticas de inclusión social, que lle corresponden á Xunta de Galicia.

De acordo coas directrices comunitarias definidas nos cumios europeos de Lisboa e Niza en materia de protección social, no marco de apoio ás políticas destinadas á mellora do emprego e da promoción da inclusión social elaborouse o II Plan Galego de Inclusión Social desde unha formulación estratéxica, centrada en dar respostas globais e integradas, que respondan ás necesidades dos grupos e persoas con maiores desvantaxes sociais.

Un dos principios orientadores na execución das medidas do Plan é o enfoque integrado e a implicación do tecido social. Preténdese dar cabida dentro do Plan de Inclusión as entidades de iniciativa social e as ONGs, aumentando así a súa capacidade de acción para loitar contra a exclusión social. Esta orde é un dos instrumentos para a súa participación.

Hai que sinalar que esta orde se tramita ao abeiro da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e a Orde do 25 de outubro de 2001, que posibilita a tramitación anticipada de expedientes de gasto, no exercicio anterior ao dos orzamentos, sempre que exista crédito axeitado e suficiente no proxecto de orzamentos do exercicio do ano seguinte aprobados polo Consello da Xunta de Galicia. O dito trámite de aprobación tivo lugar o día 18 de outubro.

A solicitude, tramitación e concesión das subvencións obxecto da presente orde axustaranse ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, atendendo, en todo caso, aos principios básicos de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Na súa virtude e unha vez consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, polo Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e polo Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións para o ano 2012 ás entidades de iniciativa social, para a realización de programas que contribúan a fomentar a inclusión social e a integración no mercado de traballo das persoas en situación ou risco de exclusión social, cofinanciada polo Fondo Social Europeo 2007/2013.

Estas accións son elixibles no marco do programa operativo FSE Galicia 2007/2013 no eixo 2, tema prioritario 71 e cun cofinanciamento do FSE ao 80%.

Artigo 2. Entidades e organizacións solicitantes.

Poderán ser solicitantes das subvencións reguladas na presente orde as entidades de iniciativa social a que se refire o artigo 30 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, sempre e cando reúnan os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, regulado polo Decreto 291/1995, do 3 de novembro, e pola Orde do 5 de febreiro de 1996, que desenvolve o anterior.

b) Carecer de ánimo de lucro. Non obstará para a consideración de carencia de ánimo de lucro o feito de que as ditas entidades perciban contraprestación das persoas usuarias, sempre e cando da análise das súas contas anuais se deduza a non obtención de beneficio.

c) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na comunidade autónoma.

d) Non atoparse nalgunha das situacións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Todos os requisitos sinalados deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.

Artigo 3. Programas e actuacións subvencionables.

De acordo cos obxectivos establecidos pola Consellería de Traballo e Benestar no ámbito da inclusión social, e tendo en conta as directrices marcadas pola Unión Europea no marco de apoio ás políticas destinadas á mellora do emprego e da promoción da inclusión social, esta orde subvencionará os seguintes programas e actuacións:

a) Actuacións que permitan a adquisición e o desenvolvemento das habilidades sociais e hábitos prelaborais para dinamizar as capacidades e recursos persoais e sociais (mellora de aptitudes básicas, desenvolvemento persoal, técnicas de busca de emprego, etc).

b) Actuacións de formación básica e de tipo laboral específica e adaptada ás necesidades dos colectivos en situación de exclusión social, que permitan mellorar a súa cualificación socioprofesional.

c) Programas integrais de base comunitaria en zonas rurais que favorezan a inclusión social e laboral de persoas mozas, mulleres e colectivos con dificultades de inserción.

d) Programas integrais de base comunitaria en barrios urbanos que desenvolvan accións preventivas, de intervención, seguimento e titorización para persoas en situación ou risco de exclusión social.

e) Actuacións de acompañamento social, que consistirán na posta á disposición dos usuarios, de servizos de apoio persoal e/ou familiar que faciliten o axeitado desenvolvemento de itinerarios de inserción sociolaboral.

Artigo 4. Financiamento.

Na concesión das subvenciones reguladas nesta orde destínase a cantidade de 585.000 euros cargo á aplicación orzamentaria 12.02.313C.481.6 que figura no proxecto de Lei de orzamentos da comunidade autónoma para o ano 2012, quedando as resolucións no momento da súa concesión condicionadas á existencia de crédito axeitado e suficiente na aplicación orzamentaria sinalada, unha vez que este texto teña carácter definitivo. Así mesmo, todos os actos de trámite ditados no expediente de gasto entenderanse condicionados a que no momento de dictarse a resolución de concesión subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron tales actos.

A contía citada no presente artigo poderá incrementarse de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias e sempre que o incremento derive dos supostos contidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Gastos subvencionables.

1. Serán gastos subvencionables en relación co artigo 3 desta orde os que a seguir se relacionan e axustaranse á Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, de gastos subvencionables polo FSE e á Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, que a modifica:

a) Gastos do persoal necesarios para a execución das actividades.

– Serán subvencionables as retribucións totais correspondentes, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social, segundo a contía establecida na normativa aplicable por xornada real de traballo para os correspondentes grupos profesionais nos seus respectivos convenios colectivos.

– As retribucións de persoal contratado en réxime de arrendamento de servizos, modalidade que terá sempre carácter excepcional, nos casos en que polas especiais características da actividade non resulte posible a realización polo propio persoal da entidade beneficiaria. Estas retribucións quedarán afectadas polas limitacións sinaladas no parágrafo anterior.

– As axudas de custo e gastos de viaxe tamén se rexerán na súa contía pola normativa establecida nos convenios colectivos, sempre que non superen no seu conxunto o 4 por 100 do importe total do programa subvencionado.

b) Gastos correntes consumibles non amortizables necesarios para a realización da actividade.

c) Os gastos xerais serán subvencionados a condición de que correspondan a custos reais de execución da actividade financiada por esta orde e se asignen de forma rateada á operación, de acordo cun método equitativo debidamente xustificado.

d) O aluguer debidamente xustificado. No caso de que este equipamento sexa destinado tamén a outras actividades, procederase como no parágrafo anterior, asignando unha pro rata de acordo cun método equitativo debidamente xustificado.

e) Os gastos dos/as usuarios/as participantes nas accións incluirán: axudas de custo de desprazamento, remuneracións ou asignacións de participantes. Estas bolsas terán unha contía máxima subvencionable de 7 euros día/lectivo. Así mesmo, consideraranse subvencionables os gastos derivados dos seguros de accidentes dos/as alumnos/as, así como aqueles outros destinados a cubrir continxencias de risco derivadas da actividade subvencionada.

f) Renting ou gastos de amortización derivados da adquisición de mobiliario, equipamento, vehículos, infraestruturas, bens inmobles e terreos, asignados exclusivamente durante a execución da operación e, no caso da amortización, sempre que as axudas públicas non contribuísen á súa adquisición. A amortización calcularase de conformidade coas normas de contabilidade xeralmente aceptadas e o custo referirase exclusivamente ao período subvencionable.

g) Os gastos financeiros, os gastos de asesoría xurídica ou financeira, os gastos notariais e rexistrais e os gastos periciais para a realización do proxecto subvencionable e os de administración específicos, só serán subvencionables se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son indispensables para a axeitada preparación ou execución desta. No caso de que estes gastos comprendan tamén custos relacionados con actividades distintas das subvencionadas, deberá reflectirse na xustificación, só a parte que proporcionalmente corresponda.

2. Os gastos subvencionados por esta orde deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que se adecúen aos obxectivos e contidos do programa de traballo subvencionado.

b) Que exista constancia documental da súa realización de xeito que se poidan verificar.

3. As dúbidas ou controversias en relación coa subvencionalidade dos gastos serán resoltas pola Consellería de Traballo e Benestar por propia iniciativa ou por petición de calquera das entidades beneficiarias.

4. Para os efectos previstos nesta convocatoria, está permitida a subcontratación, entendendo por esta a concertación con terceiros da execución parcial da actividade que constitúe o obxecto da subvención. O beneficiario poderá subcontratar ata un límite máximo do 50% do importe da actividade subvencionada e deberá xustificar adecuadamente a súa necesidade. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer o beneficiario para a realización por si mesmo da actividade subvencionada.

5. Todo procedemento de contratación deberá respectar os principios de transparencia, publicidade e libre concorrencia, estando os subcontratistas obrigados a facilitar aos organismos de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás actuacións subcontratadas. En especial, e segundo o artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando o importe do gasto a subcontratar supere a contía de 12.000 euros no suposto de prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para prestación do servizo, agás no caso de que polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número de entidades ou que os gastos se realizasen con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas achegarase na xustificación ou, se for o caso, na solicitude da subvención e realizarase de conformidade cos criterios de eficiencia e economía. Este aspecto deberá xustificarse expresamente nunha memoria se a elección non recae na proposta económica máis vantaxosa.

Artigo 6. Selección de usuarios.

Serán beneficiarios/as dos programas ou actuacións subvencionadas os perceptores da renda de integración social de Galicia, persoas en situación ou risco de exclusión derivadas da rede de equipos de inclusión sociolaboral e, en xeral, persoas afectadas por factores de exclusión identificadas no II Plan Galego de Inclusión Social (pódese consultar na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar). Na memoria do programa ou actuación (anexo IV) deberán quedar reflectidos os criterios de selección dos/as destinatarios/as e o seu perfil.

Artigo 7. Solicitudes.

1. As solicitudes de subvencións formularanse no modelo publicado como anexo I da presente orde, e deberán relacionarse nel todos os programas para os cales a entidade solicita subvención.

A solicitude e mais a documentación requirida presentaranse nos rexistros da Xunta de Galicia, sendo de aplicación, en todo caso, o disposto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. Así mesmo, tamén poderán presentarse electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo: https://sede.xunta.es

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no DOG.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

3. A solicitude (anexo I) deberá ir acompañada, ademais, pola seguinte documentación:

3.1. Relativa á entidade solicitante.

a) Fotocopia compulsada do DNI do/a solicitante, no caso de que o/a interesado/a non autorice expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao sistema de verificación de datos de identidade, do Ministerio de Administracións Públicas, copia compulsada do CIF da entidade e documentación e documentación acreditativa suficiente para actuar en nome da entidade (escritura de apoderamento ou de constitución ou modificación onde figure o dito nomeamento ou, no seu defecto, certificado expedido polo secretario da entidade acreditativo do dito aspecto). No caso de entidades que non teñan o seu domicilio social en Galicia, deberase acreditar a existencia dunha delegación na comunidade autónoma para os efectos de xustificar o artigo 2.c) da presente orde.

b) Memoria da entidade segundo o modelo (anexo II).

c) Ficha da transferencia e certificación bancaria da conta corrente en que se ingresará, se é o caso, o importe efectivo da subvención concedida segundo o modelo (anexo III).

d) Declaración responsable de non atoparse incursa en algunha das situacións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de desenvolvemento da anterior (anexo VII).

e) Declaración das axudas ou subvencións solicitadas, aprobadas, concedidas ou pendentes de resolución para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou de entes públicos ou privados nacionais ou estranxeiros, ou negativa, se for o caso. Engádese como modelo orientativo de declaración negativa o anexo VIII, o cal sufrirá as modificacións pertinentes no caso de declaración positiva doutras axudas ou subvencións.

3.2. Relativa aos programas.

a) Programa das actividades que se pretenden realizar (anexo IV). No programa deberanse concretar, polo menos, os seguintes puntos:

– Denominación de cada programa ou actuación.

– Descrición, fins e resumo do contido de cada programa ou actuación. No caso de acordarse o compromiso de contratación ou de formación laboral a que se refire o artigo 9.a) da presente orde, achegarase documento acreditativo asinado pola empresa.

– Perfil e criterios de selección dos/as destinatarios/as e número de usuarios/as previstos/as. Concretarase, se for o caso, unha relación nominal das problemáticas dos/as usuarios/as que se pretende atender.

– Período de execución. Localización territorial.

– Metodoloxía e instrumentos que se van utilizar para o desenvolvemento do programa.

b) Orzamento desagregado por partidas dos gastos previstos, así como dos posibles recursos con que se conte para o seu financiamento (anexo V), e deberá comprender todos os gastos necesarios para o desenvolvemento e viabilidade do programa.

4. Emenda da solicitude. Os servizos da Secretaría Xeral de Política Social comprobarán que as solicitudes cumpren co establecido na presente orde e, se for o caso, requirirán os interesados para que no prazo de dez días hábiles emenden as faltas ou acheguen os documentos preceptivos con indicación de que, se así non o fixesen, se considerará que desisten da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

5. De conformidade co artigo 13.4 da Lei de 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e no previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2006 e no artigo 15.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Traballo e Benestar comunicará ao Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios e publicará na súa páxina web oficial e no Diario Oficial de Galicia a relación das entidades beneficiarias, o importe das axudas concedidas e demais puntos exixidos na dita normativa.

Así mesmo e en aplicación dos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) 1828/2006, a dita relación será comunicada á autoridade de xestión do Fondo Social Europeo 2007/2013 con expresión da operación financiada e os fondos públicos asignados para os efectos de ser publicada.

Para todos estes efectos, o solicitante prestará o seu consentimento expreso no anexo I para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias.

Artigo 8. Tramitación dos expedientes.

1. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, o órgano encargado do Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais dependente da Consellería de Traballo e Benestar emitirá unha certificación relativa das entidades inscritas, para os efectos de comprobar o disposto no artigo 2.a) e b) da presente orde.

2. Os expedientes, unha vez revisados e, se for o caso, completados, remitiranse á comisión de valoración de subvencións, que terá a función de propoñer a aprobación ou denegación das subvencións, segundo os criterios obxectivos recollidos nesta orde no seu artigo 9.

3. A composición da comisión de valoración de subvencións será a seguinte:

a) Presidente: o subdirector xeral de Inclusión Social e Cooperación coas Corporacións Locais.

b) Vogais: a xefa do Servizo de Inclusión Social e un funcionario adscrito á Subdirección Xeral de Inclusión Social e Cooperación coas Corporacións Locais. Ademais, actuando como secretario, con voz pero sen voto, un funcionario por proposta do presidente.

4. Para o exercicio das súas funcións, esta comisión poderá requirir informes dos servizos técnicos pertinentes, que non terán carácter preceptivo nin vinculante.

5. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe o presidente da comisión de valoración de subvencións e, sempre que fose posible, este nomeamento deberá recaer noutra persoa da mesma subdirección ou servizo que o substituído.

Artigo 9. Criterios de valoración das subvencións.

O procedemento de valoración terá en conta os seguintes aspectos:

a) A necesidade social do programa en relación coa inexistencia de recursos suficientes na zona de desenvolvemento da actividade, os obxectivos que se pretenden acadar, en función do contido técnico do programa, así como o seu carácter innovador, e especialmente, aqueles relativos á inserción laboral prevista cando se trate de proxectos de formación para a inserción laboral. Esta inserción será especialmente valorada se está avalada mediante o compromiso por parte dunha empresa, ou ben de contrato de traballo, ou ben de realización de prácticas como parte da formación laboral. De non existir ese documento este aspecto non será apreciado. Producirá os mesmos efectos a acreditación documental de que a entidade solicitante é promotora ou traballa en coordinación cunha empresa de inserción laboral (EIL) debidamente inscrita no Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción Laboral de Galicia. Ata un máximo de 30 puntos.

b) O número e perfil das persoas usuarias, tanto no que se refire ás súas condicións obxectivas de vulnerabilidade, como especialmente ao feito de seren beneficiarios da renda de integración social de Galicia, serán derivados dos servizos sociais de atención primaria ou dos equipos de inclusión sociolaboral do II Plan Galego de Inclusión Social. Ata un máximo de 15 puntos.

c) Experiencia na realización de programas de inserción sociolaboral para persoas en situación ou risco de exclusión social, reflectida na memoria da entidade, así como ter xustificado adecuadamente as axudas económicas recibidas con anterioridade (anexo II). Ata un máximo de 10 puntos.

d) Programas integrais de carácter transversal en dous ou máis ámbitos da inclusión social (educación e formación, inserción laboral, acción social, vivenda e sanidade). Ata un máximo de 15 puntos.

e) O cofinanciamento por parte da entidade solicitante no orzamento total do programa ou actuación ou que reciban financiamento doutras administracións públicas ou privadas. Ata un máximo de 5 puntos.

f) A coordinación e cooperación cos servizos sociais, equipos de inclusión sociolaboral do II Plan Galego de Inclusión Social e outras entidades ou axentes sociais participantes. Esta coordinación será especialmente valorada se se estima que complementa as actuacións desenvolvidas por estes equipos no marco do territorio por eles atendido. Ata un máximo de 15 puntos.

g) O emprego da lingua galega na realización de actividades para a que se solicita a axuda. Ata un máximo de 10 puntos.

A puntuación máxima será de 100 puntos, establecéndose unha contía máxima por cada programa subvencionado de 30.000 euros.

Criterios de repartición económica do crédito:

O crédito repartirase proporcionalmente en función da puntuación acadada, onde as solicitudes que obteñan unha maior puntuación obterán unha porcentaxe maior de subvención sobre a parte subvencionable do solicitado en función do establecido no artigo 5 da presente orde, e excluirá aqueles gastos que non cumpran os requisitos establecidos pola normativa en vigor e os que supoñan duplicidade de recursos. Así mesmo, apreciarase a eficiencia e racionalidade do gasto proposto.

Artigo 10. Resolución.

1. A concesión das subvencións obxecto desta orde será resolta pola secretaria xeral de Política Social, actuando por delegación da conselleira de Traballo e Benestar e unha vez conte co informe da comisión de valoración e fiscalizada a proposta pola Intervención Delegada. Non obstante, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento de concesión das subvencións. Nunha mesma entidade poderá recaer a resolución favorable de máis dun programa.

2. As resolucións recaídas serán motivadas e notificaranse aos interesados no prazo máximo de seis meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde. Se vencese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados entenderán desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

3. As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro da presente orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse, se for o caso, recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes contado a partir da notificación da resolución expresa ou de tres meses a partir do día seguinte de que se produza o acto presunto, ante o mesmo órgano que as ditou, de acordo co previsto no artigo 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a orde xurisdicional competente, de conformidade co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde a súa notificación se o acto é expreso, ou seis meses a partir do día seguinte ao que se produza o acto presunto, e sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que estimen oportuno.

4. En todo caso, unha vez recibida a resolución da concesión da subvención, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez días a aceptación da subvención, comprometéndose a executar o programa ou actuación subvencionado no prazo e condicións establecidos na convocatoria. No caso de non comunicar este aspecto no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada.

5. En aplicación do artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe da axuda da proposta de resolución provisional sexa inferior ao que figura na solicitude, poderase instar nun prazo de dez días a reformulación da solicitude para axustar os compromisos e as condicións á subvención concedida e/ou formular as alegacións que se estimen pertinentes. En calquera caso, a reformulación de solicitudes deberá respectar o obxecto, as condicións e a finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos e que deron lugar ao seu outorgamento. Así mesmo, a dita reformulación non poderá comprometer o desenvolvemento e viabilidade do programa, polo que se deberán manter aqueles gastos necesarios para o seu correcto desenvolvemento.

6. Todos estes aspectos serán apreciados pola comisión de valoración, que dará a súa conformidade e remitirá o actuado á Secretaría Xeral de Política Social, que ditará resolución, a cal terá carácter definitivo.

Artigo 11. Modificación da resolución de concesión.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas ou subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión. Non obstante o anterior, como regra xeral, permítese a acumulación de axudas, sempre que o importe total destas non supere o custo total do programa. Este aspecto farase constar na resolución de concesión. O sistema de selaxe de orixinais a que se refire o artigo 13.2 da presente orde servirá para estes fins como mecanismo de control da concorrencia de subvencións.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución da subvención, por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os requisitos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Sen prexuízo do establecido no artigo anterior e con carácter excepcional poderanse efectuar resolucións complementarias fóra do prazo establecido, cando non fose posible efectualas dentro del, por existiren fondos procedentes de renuncias de subvencións inicialmente concedidas ou doutro tipo de remanentes. Neste caso, salvo que se acuda a unha convocatoria complementaria, non poderán terse en conta outras solicitudes distintas ás consideradas para a resolución inicial.

4. Serán de aplicación aos beneficiarios das subvencións recollidas na presente orde o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12. Obrigas das entidades subvencionadas.

1. As entidades que sexan subvencionadas deberán:

a) Acreditar a realización da actividade ou servizo que fundamenta a concesión da subvención, o cumprimento dos requisitos e das condicións desta ante o órgano concedente, mantendo de forma separada na contabilidade os gastos financiados. Así mesmo, deberá conservar toda a documentación relativa á subvención durante un período de tres anos contado desde o peche do Programa operativo FSE Galicia 2007/2013.

b) Facer constar, en todo tipo de publicidade e información relativos aos programas e actuacións concedidos, a condición de subvencionada pola Consellería de Traballo e Benestar e o Fondo Social Europeo 2007/2013, conforme a normativa comunitaria.

c) Informar os alumnos de que as actuacións nas cales participan están financiadas pola Xunta de Galicia (Consellería de Traballo e Benestar) e polo FSE, así como dos obxectivos dos ditos fondos.

d) O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada. Para estes efectos, comunicará a obtención de axudas ou subvencións para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración pública, de calquera dos seus organismos autónomos, entes ou sociedades tanto públicos como privados, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos programas. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Adecuar a metodoloxía das actuacións, así como a de recollida e proceso de datos de seguimento de beneficiarios ás fórmulas que, de ser o caso, propoña a Consellería de Traballo e Benestar e, se así é requirido, incorporaranse como usuarios da aplicación informática deseñada e implantada para o II Plan Galego de Inclusión Social. Para estes efectos, a Consellería de Traballo e Benestar asignaralle á entidade beneficiaria un equipo de inclusión sociolaboral de referencia pertencente ao II Plan Galego de Inclusión Social.

f) As entidades estarán obrigadas ao cumprimento da normativa en materia de protección de datos de carácter persoal e, en concreto, á Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e ao Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, polo que se aproba o regulamento de desenvolvemento da dita lei. Así mesmo, os datos de carácter persoal dos beneficiarios atendidos incorporaranse ao ficheiro de datos de carácter persoal Inclusión Social, creado pola Orde do 24 de xullo de 2008, de creación do ficheiro de datos de carácter persoal dependente da extinta Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

g) Remitir, como mínimo con catro días de antelación, a data de inicio e remate da actividade, así como o horario, a planificación e o enderezo de realización.

h) Remitir no prazo de dez días os informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da Consellería de Traballo e Benestar.

i) Facilitar toda a información requirida pola Secretaría Xeral de Política Social, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas, e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

l) Contratar un seguro de accidentes nos programas formativos para os alumnos ou beneficiarios que cubra tanto os riscos que poidan ter durante o desenvolvemento das actividades, como os do traxecto ao lugar onde se impartan as prácticas, se é o caso.

m) Remitir ao remate da actividade unha ficha rexistro de actividades.

n) Todas aquelas obrigas e requisitos que se desprendan do articulado desta orde e dos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 13. Pagamento e forma de xustificación das subvencións.

Respecto á forma de pagamento observarase o disposto na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na normativa comunitaria de aplicación.

O pagamento das subvencións realizarase segundo se establece a continuación:

1. Poderán realizarse anticipos de pagamento logo de solicitude, xunto coa presentación da certificación do director ou representante da entidade do inicio da actividade, aceptación da subvención e xustificante de ter gastado e pagado á compañía aseguradora a póliza do seguro de accidentes a que se refire a letra j) do artigo anterior. A estes anticipos aplicarase o disposto no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e ao seu regulamento. Estes anticipos acadarán distintas porcentaxes, dependendo da contía de cada subvención individual concedida: para aquelas axudas que non excedan o importe de 18.000 euros, o anticipo acadará a porcentaxe do 50% do importe que se vaia subvencionar. Se se supera ese importe, a porcentaxe do anticipo será o resultante de aplicar a 18.000 euros unha porcentaxe dun 50% e, ao importe que exceda este, un 10% adicional.

2. O importe restante aboarase, en aplicación do artigo 44 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, unha vez realizada a totalidade da actividade subvencionada e adoptará a modalidade de conta xustificativa con entrega de xustificantes de gasto. Esta conterá:

A. Memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

B. Memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas, que conterá:

B.1. Relación numerada de facturas con expresión do seu número, acredor, data de emisión, concepto e importe e data de pagamento, acompañada das facturas orixinais que soporten o gasto, ou documento contable de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa. Así mesmo, no caso de non ter solicitado o anticipo a que se refire o punto anterior, deberá achegarse co primeiro pagamento parcial o xustificante do pagamento do seguro, nos termos establecidos anteriormente. As facturas deberán cumprir o disposto no Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro. Establecerase un sistema de selaxe dos xustificantes de gasto que permita o control da concorrencia de subvencións, con expresión da porcentaxe que se lle imputa, ben a totalidade ou a que lle corresponda. Polo que respecta aos gastos realizados con medios ou recursos propios, documentos acreditativos dos gastos e a indicación dos criterios de repartición dos custos xerais e/ou indirectos incorporados na relación. En todo caso, tanto as facturas como calquera documento acreditativo que figure e se xunte na relación, deberán vir acompañadas dos documentos acreditativos de ter realizados os pagamentos do correspondente gasto, debendo cumprir os requisitos establecidos no artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aceptándose a xustificación do pagamento mediante recibín do provedor ou beneficiario, sempre que o importe non exceda os 1.000 euros.

B.2. Relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia. Así mesmo, achegarán o balance de ingresos e gastos, referido ao custo total do programa, segundo o modelo proporcionado no anexo VI, asinado polo presidente ou responsable da entidade, en que se reflicta que o gasto realizado foi igual ou superior ao importe total da subvención. De existiren outras fontes de financiamento, o importe destas detraerase do gasto total do programa, e o resultado da dita operación aritmética deberá coincidir ou superar o importe da axuda aque se vaia subvencionar. En ambos os casos, se non se pode xustificar o gasto da totalidade do programa, minorarase a contía da axuda en igual proporción, sempre e cando da dita minoración non se deduza a non execución da actividade subvencionada nin o non cumprimento dos obxectivos que serviron de base para a concesión da axuda.

B.3. No caso de que se efectuaran gastos subcontratados, en virtude dos puntos 4 e 5 do artigo 5 da presente orde, e estes sexan por contía superior a 12.000 euros, deberanse achegar os tres orzamentos solicitados para a elección da persoa física ou xurídica finalmente elixida para o desenvolvemento da actividade.

B.4. De existir remanentes non aplicados derivados do anticipo aboado segundo o número 1 deste artigo, deberase achegar carta de pagamento do reintegro destes, que deberá incluír os xuros de demora.

B.5. Declaración complementaria do conxunto das subvencións solicitadas das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, tanto as aprobadas e concedidas como as pendentes de resolución para o mesmo obxecto que corresponde ás subvencións reguladas por esta orde.

3. As actuacións que se subvencionan deberán efectuarse entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2012 e, consecuentemente, os xustificantes de pagamento que soporten esas actuacións poderán referirse a custos cuxa xeración corresponda a ese período. En todo caso e en aplicación do artigo 45.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia, a resolución de concesión fixará o prazo de xustificación da subvención, o cal determinará finalmente o período máximo fixado de realización da actividade. O disposto neste parágrafo aplicarase sempre que non se opoña ao que se estableza na Orde da Consellería de Facenda que regula as operacións de cerramento do exercicio 2012.

Artigo 14. Reintegro das subvencións concedidas.

Para os efectos de reintegro das subvencións aplicarase ao disposto no título 2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento de desenvolvemento.

1. Non se poderá exixir o pagamento da subvención concedida e procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida xunto cos xuros de demora xerados desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificar a realización da actividade.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento total ou parcial da finalidade para a cal foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das obrigas sinaladas na presente orde.

2. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con axudas ou subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario.

3. A tramitación do correspondente expediente de reintegro levarase de acordo co procedemento establecido no titulo II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. As cantidades que teñan que reintegrar os beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o previsto no artigo 14.4 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de desenvolvemento da anterior, ademais do disposto na normativa comunitaria de aplicación.

Artigo 15. Control.

1. Os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que efectúe a Consellería de Traballo e Benestar e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás previstas na lexislación do Consello de Contas e aqueloutras que determine á súa condición de subvencionada polo FSE 2007/2013.

2. Neste sentido, os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, Consello de Contas ou Tribunal de Contas, e demais órganos implicados no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

3. Autorizar a verificación dos órganos competentes da Consellería de Traballo e Benestar.

Para verificar o cumprimento do disposto na presente orde, a Consellería de Traballo e Benestar aplicará un sistema de seguimento e control, que consistirá na realización de visitas ás entidades subvencionadas aprobadas para comprobar o grao de cumprimento do destino para o cal foi concedida a subvención, e emitirá o correspondente informe.

Disposición derradeira primeira.

Autorízase expresamente a Secretaría Xeral de Política Social a actuar por delegación da conselleira de Traballo e Benestar na resolución das axudas reguladas pola presente orde.

Disposición derradeira segunda.

Autorízase a secretaria xeral de Política Social para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira.

Todos os actos de trámite ditados nos expedientes de gasto con cargo a esta orde de convocatoria quedan condicionados a que no momento de ditarse a resolución de concesión subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron os ditos actos.

Disposición derradeira cuarta.

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro 2011.

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file

DOG Núm. Páx.

missing image file
missing image file
missing image file

DOG Núm. Páx.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file