Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 17 de febreiro de 2012 Páx. 6170

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 27 de xaneiro de 2012 pola que se clasifica de interese laboral a Fundación Formavigo.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Formavigo con domicilio na avenida de Beiramar, número 171, en Vigo (Pontevedra).

Feitos:

1. Fernando Couñago Pérez, presidente do padroado da fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Formavigo foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo (Pontevedra), o 2 de febreiro de 2011, ante o notario Antonio A. Salgueiro Armada, con número de protocolo 134, entidades Tesol, S.L. e Formavigo, S.L.

Esta escritura foi emendada por outra outorgada tamén en Vigo (Pontevedra), o 25 de maio de 2011, ante o notario José Luis Prieto Fenech, con número de protocolo 732.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto a formación, cualificación e emprego de persoas físicas, xurídicas e entidades públicas ou privadas de calquera sector.

4. O padroado inicial da fundación está formado Fernando Couñago Pérez, como presidente; María de la Concepción Otero Adán, como vicepresidenta; María del Carmen Pérez Alonso, como secretaria; e Beatriz Couñago Otero, como vogal.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese laboral da Fundación Formavigo, de acordo coas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo a proposta da comisión de secretarios, procede a súa clasificación como de interese laboral e a súa adscrición á Consellería de Traballo e Benestar.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 23 de xaneiro de 2012,

DISPOÑO:

Clasificar de interese laboral a Fundación Formavigo, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Traballo e Benestar.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Tamén se poderá interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2012.

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza