Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 1 de marzo de 2012 Páx. 7510

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 31 de decembro de 2011 pola que se establecen as bases que rexen as axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove e se procede á súa convocatoria.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 27.22 que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva nas materias do deporte e a axeitada utilización do lecer, así como a promoción do desenvolvemento comunitario.

Mediante o Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción sociocultural, no ámbito da mocidade e desenvolvemento comunitario.

Na actualidade, o Decreto 79/2009, do 19 de abril, establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, integrándose nela a Consellería de Traballo e Benestar.

O Decreto 8/2011, do 28 de xaneiro, modificado polo Decreto 194/2011, do 20 de outubro, fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado é un dos órganos de dirección da Consellería de Traballo e Benestar. A ela correspóndenlle, entre outras funcións, a xestión das actuacións en materia de mocidade así como das políticas de carácter interdepartamental e de apoio ao desenvolvemento da actividade xuvenil, ademais do fomento da participación da mocidade na vida social, segundo o disposto no artigo 35 do Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica desta consellería.

Nos últimos anos, as actuacións que se veñen desenvolvendo no ámbito do fomento e impulso do recoñecemento de novos campos de experimentación no eido da educación non formal son escasas e moi circunscritas a ámbitos moi específicos, con claro predominio de axudas dirixidas a entidades públicas territoriais ou de base corporativa, pero sen intervención directa nos proxectos deseñados e nas actuacións acometidas polos destinatarios finais das axudas, como é, precisamente, o colectivo de mozos para os que se articulan.

Neste contexto, a Xunta de Galicia non é allea aos problemas que afectan a mocidade no momento presente e é consciente de que debe reorientar a actuación administrativa de tal forma que, sen descoidar aqueles ámbitos que deben estar atendidos, se permita potenciar e intervir noutros máis demandados pola mocidade e que se enmarcan nas recomendacións contidas no Libro branco sobre la xuventude e, que atopan fundamento en catro directrices básicas, como son:

1. Impulsar o desenvolvemento dunha política activa dos mozos e mozas.

2. Ampliar e recoñecer novos campos de experimentación como a educación non formal e o voluntariado.

3. Promover a autonomía dos mozos e mozas a través de políticas de mocidade inspiradas na súa participación.

4. Defender os valores dos/as mozos/as para lograr unha maior solidariedade e tolerancia para reforzar a cohesión social, o entendemento mutuo, a mobilidade xuvenil e os intercambios socioculturais.

A Consellería de Traballo e Benestar considera que para que os mozos e mozas asuman responsabilidades é necesario que tomen nas súas mans, a través da execución de proxectos, a administración dos recursos necesarios para a súa posta en marcha e consolidación, para o cal considera fundamental apoiar aqueles que, cunha fórmula participativa, estean estreitamente ligados ás necesidades, aspiracións e intereses da mocidade.

Así mesmo, considera prioritario abrir as axudas a grupos informais de mozos/as, para favorecer que poidan levarse a cabo proxectos interesantes que, nun momento dado, poidan xurdir á marxe das asociacións e entidades legalmente constituídas, pero que igualmente cumpren determinados requisitos que os fan merecedores do apoio da Administración. Deste xeito estaranse a impulsar iniciativas voluntarias da mocidade que verdadeiramente respondan aos seus intereses e inquedanzas.

Así, é obxecto desta orde establecer as bases que rexerán a convocatoria de axudas dirixidas a grupos informais de mozos/as, ás asociacións xuvenís e ás entidades prestadoras de servizos á mocidade e ás súas respectivas federacións, tratando en todos os casos de apoiar proxectos nos que a mocidade participe de forma activa e directa en actividades concibidas por eles mesmos e das cales eles sexan os seus principais axentes.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións, e no establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, e ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e o Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Así mesmo, na súa tramitación, obsérvase o disposto na Orde do 11 de febreiro de 1998, da Consellería de Economía e Facenda, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade.

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que deberán rexer os procedementos de concesión de axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove para a posta en marcha de iniciativas xuvenís, entendidas estas como proxectos dirixidos á mocidade da Comunidade Autónoma de Galicia, que se desenvolvan durante o ano 2012, e en que os/as mozos e mozas participan activamente en actividades deseñadas por eles/elas mesmos/as, e convocar as ditas axudas.

Para os efectos desta orde considéranse áreas de atención prioritarias para desenvolver mediante as iniciativas xuvenís as seguintes:

a) Proxectos de ocio e lecer educativo.

b) Proxectos relacionados coa creación de espazos para a comunicación e coas novas tecnoloxías.

c) Proxectos de fomento de actitudes creativas, emprendedoras, innovadoras e participativas da mocidade na súa comunidade e contorno, así como de fomento de accesibilidade de mozos e mozas con discapacidade a actividades culturais e de tempo de lecer.

2. A finalidade das subvencións é fomentar e consolidar a participación libre e eficaz da mocidade no desenvolvemento político, social, económico e cultural, así como promover a adecuada utilización do lecer, a calidade de vida e o benestar dos mozos e mozas da nosa Comunidade Autónoma a través de proxectos integrais e específicos de actuación.

Artigo 2. Orzamento.

Para o financiamento destas axudas existe crédito suficiente e adecuado no proxecto de lei, de orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2012, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 18.10.2011, consignado na aplicación orzamentaria 12.07.313A.481.0 cunha contía de 705.000 euros, que financiará as axudas para a realización dos proxectos de iniciativas xuvenís.

Estas contías distribuiranse segundo o órgano competente para a tramitación e resolución dos expedientes do seguinte xeito, que se materializará nas correspondentes ordes de desconcentración de crédito:

Ámbito provincial

A Coruña

77.000 €

Lugo

65.000 €

Ourense

71.000 €

Pontevedra

77.000 €

Ámbito autonómico

Servizos centrais

175.000 €

Ámbito autonómico

Grupos informais

240.000 €

Artigo 3. Destinatarios/as.

Poderán solicitar a axuda ao abeiro destas bases reguladoras:

a) Os grupos informais de mozos/as que desexen realizar unha iniciativa xuvenil e reúnan os requisitos establecidos no artigo 4 desta orde.

b) As asociacións xuvenís e as entidades prestadoras de servizos á mocidade que carezan de interese de lucro e as súas respectivas federacións sempre que, no caso destas últimas, o proxecto que presentan non sexa o mesmo que o de cada unha das asociacións/entidades que as conforman.

Artigo 4. Requisitos.

Para seren beneficiarios/as das axudas a que se refire esta orde, os/as solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

1. As asociacións xuvenís e as entidades prestadoras de servizos á xuventude e as súas respectivas federacións deberán estar inscritas no censo oficial dependente organicamente da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, regulado no Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de mocidade, o día de remate do prazo de presentación de solicitudes, e cumprir a legalidade vixente no referente ás idades nas asociacións xuvenís (Real decreto 397/1988).

2. Os grupos informais deberán estar formados por un mínimo de 5 e un máximo de 10 mozos/as con idades comprendidas entre os 18 e os 29 anos no momento de presentar a solicitude, debidamente identificados/as, e un/unha deles/as asumirá o papel de representante único do grupo e con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario/a, lle corresponden ao grupo. Así mesmo, será necesario que o grupo teña unha denominación que o identifique.

3. O incumprimento por calquera dos membros do grupo do requisito da idade suporá a non admisión a trámite da solicitude.

4. Non se admitirá que a mesma persoa forme parte ou pertenza a outro grupo ou asociación solicitante destas axudas.

5. En ambos os casos, é requisito para ser beneficiario/a destas axudas non estar incurso/a en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Será requisito imprescindible para poder solicitar a axuda, ter xustificado debidamente as axudas recibidas no último ano. No caso dos grupos informais, non poderá obter subvención o proxecto presentado por un grupo do cal formen parte mozos/as que o ano anterior participasen nun proxecto subvencionado e non xustificado, aínda que o promotor deste fose un grupo distinto. De todos os xeitos, para a disolución dos grupos deberá terse en conta o disposto no artigo 17.k) desta orde en relación co artigo 8.3 da Lei 9/2007, en concordancia cos artigos 35 e 63 da mesma norma.

Artigo 5. Proxectos subvencionables.

Os proxectos para os cales se solicite axuda deberán responder aos seguintes criterios:

1. Os proxectos de iniciativas xuvenís deberán estar enmarcados preferentemente dentro das áreas prioritarias que se recollen no artigo 1 desta orde, subvencionándose actividades realizadas desde o 1 de xaneiro de 2012 ata o 30 de setembro de 2012.

2. Só se poderá presentar un proxecto por solicitante e o seu orzamento total non poderá ser superior a 4.000 euros.

3. Quedan excluídos, para os efectos de axuda, os proxectos docentes e deportivos previstos nos plans regulados de ensino e deporte escolar e federativo, adquisición de equipamento e material inventariable así como os gastos ordinarios de funcionamento que non estean asociados co proxecto subvencionado e recollidos no orzamento de gastos que se reflicte no anexo III. En todo caso, este tipo de gastos ordinarios de funcionamento non poderán superar nunca o 5 por cento do orzamento total do proxecto.

4. No caso daqueles proxectos que para o seu desenvolvemento indiquen que precisan formación, o importe desta non poderá exceder o 10 por cento do importe total do proxecto. Ademais, nestes casos acreditarase suficientemente que as persoas docentes son competentes para impartir a dita formación, especificando os contidos e aclarando se as persoas beneficiarias están suxeitas ao pagamento de cotas para recibir esa formación, ou ben esta é de carácter gratuíto.

5. Non poderán ser subvencionados os gastos correspondentes ás retribucións do persoal que teña unha relación laboral dependente das persoas ou entidades beneficiarias, nin honorarios profesionais ou remuneracións de calquera clase das persoas ou entidades impulsoras do proxecto.

6. A idade das persoas ás cales vai dirixido o proxecto deberá estar comprendida entre os 12 e os 35 anos.

7. O/a beneficiario/a deberá realizar por si mesmo/a a actividade subvencionada, polo que a subcontratación só estará permitida nos termos definidos e cos límites previstos neste punto e nos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 43 do seu regulamento. Neste sentido, e sempre respectando o establecido nas ditas disposicións, poderase subcontratar a execución da actividade ata unha porcentaxe que non exceda o 50 por cento do proxecto subvencionado.

Artigo 6. Incompatibilidade das axudas.

Estas axudas son incompatibles co aproveitamento de calquera outro tipo de axudas de institucións públicas ou privadas destinadas á mesma actuación.

Cando o solicitante teña concedida ou solicitada outra subvención incompatible con estas, fará constar esta circunstancia na solicitude a través do correspondente anexo II. Neste suposto, no caso de se lle conceder as axudas previstas nesta orde, a resolución de concesión condicionará os seus efectos á presentación por parte do/a beneficiario/a da renuncia ás axudas previamente obtidas, así como, se é o caso, ao reintegro dos fondos públicos que percibise.

Cando o órgano instrutor teña coñecemento de que un/unha beneficiario/a percibiu outra subvención incompatible coa outorgada sen ter efectuado a correspondente renuncia, procederá a exixir o reintegro destas axudas.

Artigo 7. Solicitude e prazo de presentación.

1. A solicitude, segundo o modelo oficial que figura no anexo I-A (para entidades) e anexo I-B (para grupos informais de mozos/as) desta orde, poderá presentarse no rexistro da Consellería de Traballo e Benestar sito en San Lázaro, Santiago de Compostela, nos rexistros das súas xefaturas territoriais ou por calquera dos procedementos previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. Así mesmo, tamén poderán presentarse electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.es

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto no artigo 29 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Polo tanto, o día final do citado prazo será o correspondente, no mes seguinte, ao mesmo número ordinal do día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

3. Se o expediente se remite por correo presentarase en sobre aberto para que a solicitude sexa datada e selada polo/a funcionario/a de Correos antes de proceder á súa certificación.

4. A presentación da solicitude comportará a autorización á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e ás xefaturas territoriais para solicitaren as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Documentación.

1. Ás solicitudes das asociacións xuvenís, das entidades prestadoras de servizos á mocidade e das súas respectivas federacións deberán xuntarse con carácter xeral:

a) Fotocopia do DNI do/a presidente/a da asociación ou da entidade, só no caso de non dar consentimento expreso para a comprobación telemática do seu DNI, segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, e a Orde do 7 de xullo de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza que o desenvolve.

b) Acreditación da súa lexitimación como presidente/a e representante da entidade, mediante certificación do/da secretario/a da entidade ou fotocopia compulsada da acta en que se recolla a composición do órgano de dirección na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

c) Declaración de non estar incurso nas prohibicións do artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia (anexo II).

d) Anexo III debidamente cuberto.

e) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas para o mesmo proxecto, tanto as aprobadas como as pendentes de resolución ou as outorgadas por outras administracións ou por outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais (anexo II).

2. Ás solicitudes dos grupos informais deberá xuntarse a seguinte documentación:

a) Poder de representación a favor dun/dunha dos/as participantes do grupo asinado por todos/as os/as seus/súas compoñentes (anexo IV).

b) Fotocopia do DNI ou NIE do/a representante do grupo e dos/as demais membros que o compoñen, só no caso de non dar consentimento expreso para a comprobación telemática do DNI ou NIE, segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, e a Orde do 7 de xullo de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza que o desenvolve.

c) Anexo III debidamente cuberto.

d) Declaración do conxunto de todas as solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas (por calquera dos seus membros), para un mesmo proxecto ou actividade, ante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais. Anexo II (un anexo por cada membro do grupo).

e) Declaración de cada un/unha dos/as integrantes do grupo informal, de non estar incurso nas prohibicións do artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Anexo II (un anexo por cada membro do grupo).

f) Declaración xurada individual de cada un/unha dos/as integrantes do grupo informal de non pertencer a outro grupo ou asociación (de ámbito autonómico ou provincial), solicitante destas axudas.

Artigo 9. Emenda de defectos.

1. Se na solicitude se apreciasen defectos ou falta de documentación, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado ou as xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, requirirán o/a solicitante para que nun prazo de dez días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Se así non o fixese, considerarase que desistiu da súa petición, de acordo co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución que será ditada nos termos do artigo 42 da referida lei.

2. A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado ou as xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar poderán demandar do/a solicitante a modificación ou mellora voluntaria dos termos contidos na solicitude. Deles levantarase acta sucinta, que se incorporará ao procedemento.

Artigo 10. Contía máxima da axuda.

Financiarase o 100% do proxecto presentado polo que, en concordancia co artigo 5.2 desta orde, a contía máxima da axuda concedida será de 4.000 euros.

Artigo 11. Instrución e comisión de avaliación.

1. A instrución do procedemento corresponderá, segundo os casos:

a) Á Subdirección Xeral de Programas da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, no caso de entidades de ámbito autonómico e grupos informais de mozos/as.

b) Ao Servizo de Xuventude e Voluntariado da xefatura territorial correspondente, no caso de entidades de ámbito provincial ou inferior.

2. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións coide necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación de datos en virtude dos cales debe realizar a proposta de resolución.

3. A avaliación das solicitudes corresponderá á comisión de avaliación, conformada do seguinte xeito:

a) No caso de entidades de ámbito autonómico e de grupos informais de mozos/as a comisión de avaliación estará formada polos seguintes membros:

Presidenta: a xefa do Servizo de Participación Xuvenil ou persoa en quen delegue.

Secretario/a: un/ha funcionario/a da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

Vogais:

– Un/ha funcionario/a do Servizo de Participación Xuvenil.

– Dous/dúas técnicos/as da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

b) No caso de entidades de ámbito provincial ou inferior, a dita comisión terá a seguinte composición:

O/a xefe/a do Servizo de Xuventude e Voluntariado da xefatura territorial correspondente da Consellería de Traballo e Benestar, que actuará como presidente/a.

Un/ha funcionario/a do dito servizo.

Un/ha funcionario/a do Servizo de Xestión Económica correspondente.

Actuará como secretario/a un/ha funcionario/a da xefatura territorial.

4. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de avaliación teña que examinar as solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee.

5. A comisión de avaliación poderá solicitar dos/das interesados/as a achega de cantos datos e documentos se consideren necesarios ou convenientes para a avaliación.

6. Unha vez avaliadas todas as solicitudes admitidas a trámite, a comisión de avaliación correspondente emitirá un informe en que se concretará o resultado da avaliación e prelación das solicitudes por orde decrecente de puntuación. No mesmo informe determinaranse as solicitudes que deban ser denegadas por non acadar a puntuación mínima requirida no artigo 12 desta orde.

Artigo 12. Criterios de avaliación.

A concesión da axuda tramitarase en réxime de concorrencia competitiva. Para acceder á axuda requirirase unha puntuación mínima de 50 puntos na avaliación dos proxectos.

A comisión de avaliación aplicará os seguintes criterios e baremos para a valoración das solicitudes (ata 100 puntos):

1. Adecuación ás áreas de atención prioritarias sinaladas no artigo 1: ata 15 puntos.

2. Calidade do proxecto e metodoloxía proposta (máximo 65 puntos):

a) Calidade do deseño do proxecto: ata 15 puntos.

b) Calidade do contido do proxecto e do programa de actividades: ata 15 puntos.

c) Creatividade e innovación do proxecto: ata 10 puntos.

d) Metodoloxía: ata 15 puntos.

e) Indicadores obxectivables para a avaliación dos resultados do proxecto: ata 10 puntos.

3. Grao de implicación activa dos/das participantes no proxecto e efecto multiplicador: ata 15 puntos.

4. Emprego da lingua galega na realización das actividades: ata 5 puntos.

Artigo 13. Proposta de resolución.

1. O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe da comisión de avaliación, elevará ao órgano competente para resolver o procedemento proposta de resolución das axudas. Esta proposta concretará:

a) Os/as solicitantes para os/as cales se propón a concesión da axuda. Esta concesión efectuarase, atendendo á orde de prelación establecida no informe da comisión de avaliación, ata esgotar o crédito orzamentario correspondente en cada caso.

b) Os/as solicitantes para os/as cales se propón a denegación da axuda e os motivos da proposta.

2. Os/as solicitantes que, aínda alcanzando a puntuación mínima establecida no artigo 12, non sexan propostos como adxudicatarios inicialmente por esgotarse o crédito orzamentario correspondente, pasarán a conformar unha lista de reserva, que formará igualmente parte da proposta de resolución coa finalidade prevista no punto seguinte.

3. No caso de se produciren renuncias a estas axudas por parte dos adxudicatarios, o órgano instrutor poderá realizar, se o considera oportuno, novas propostas de resolución de concesión destas aos/ás beneficiarios/as incluídos/as na lista de reserva prevista no punto anterior, atendendo rigorosamente á orde establecida nela.

Artigo 14. Resolución.

1. Serán órganos competentes para resolver, por delegación da conselleira de Traballo e Benestar:

a) No caso de entidades de ámbito autonómico e grupos informais de mozos/as: o director xeral de Xuventude e Voluntariado.

b) No caso de entidades de ámbito provincial ou inferior: os/as xefes/as territoriais da Consellería de Traballo e Benestar.

2. A resolución da solicitude de axuda, que terá lugar no prazo de 15 días desde a elevación da proposta de resolución, seralles notificada a todos/as os/as solicitantes, no prazo máximo de nove meses desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se dicte resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente. A dita resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditase, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á notificación da resolución, se o acto fose expreso, ou no prazo de tres meses contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ser impugnados directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza, órgano contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses se o acto é expreso, e de seis meses se é presunto, a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3. Notificada a resolución polo órgano concedente, o/a beneficiario/a disporá dun prazo de 10 días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa se entenderá tacitamente aceptada tal como dispón o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, salvo que o beneficiario opte por solicitar o anticipo previsto no artigo 16 desta orde, caso en que deberá remitir expresamente esta aceptación.

4. A Consellería de Traballo e Benestar reserva para si o dereito de orientar tecnicamente o proxecto de actividades e comprobar a súa execución, cando o considere conveniente, así como de divulgar e dar a coñecer publicamente as actividades subvencionadas.

5. As entidades solicitantes ás cales non lles fose concedida a axuda disporán dun mes de prazo, contado a partir da recepción da notificación, para retiraren a documentación presentada. Transcorrido este prazo, arquivarase o expediente.

6. Se por calquera circunstancia o/a beneficiario/a non puidese realizar o proxecto subvencionado, deberá presentar unha renuncia á subvención concedida. Esta renuncia deberá formalizarse no prazo máximo dun mes desde a resolución destas axudas, para os efectos do previsto no artigo 13.3 desta orde.

7. En todo caso, a concesión das subvencións quedará condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Artigo 15. Xustificación.

Unha vez notificada e aceptada a resolución de concesión da axuda, os/as beneficiarios/as procederán –ata o 5 de outubro de 2012– á xustificación do 100 por cento do proxecto na forma en que se indica a continuación, mediante a presentación da seguinte documentación:

a) Memoria das actividades realizadas no proxecto de iniciativas xuvenís (anexo VI).

b) Facturas orixinais (relacionadas no anexo VII), que no caso de grupos informais deberán ir a nome do/da representante do grupo. Considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias, debidamente identificados, selados e asinados polo beneficiario, polo que todas as facturas deberán presentarse xunto co correspondente documento bancario xustificativo do pagamento.

Excepcionalmente, en supostos debidamente xustificados e motivados, nos cales o pagamento se faga en efectivo, poderá aceptarse a xustificación do pagamento mediante recibín do provedor, ben a través de documento separado ou mediante dilixencia no xustificante de gasto, en ambos os dous casos coa sinatura do provedor e a identificación correspondente. Todo isto unicamente para gastos de escasa contía e por importe sempre inferior a 1.000 euros. Non se admitirá en ningún caso o fraccionamento de determinados gastos para os efectos de respectar o límite establecido neste parágrafo.

En casos excepcionais en que se xustifique a imposibilidade de obter a correspondente factura, poderase admitir a xustificación de gastos mediante a achega de tíckets. En todo caso, deberase respectar o límite establecido no parágrafo anterior e o importe máximo que se poderá xustificar deste xeito, non poderá superar o 20 por cento do proxecto ou da cantidade xustificada, de ser esta inferior a aquel e sen prexuízo da minoración que, de ser o caso, corresponda.

No caso de pagamentos realizados mediante tarxeta de crédito/débito, deberá xuntarse ademais acreditación da súa titularidade. No caso das asociacións, a dita tarxeta deberá estar asociada á conta da entidade. No caso dos grupos informais, a titularidade deberá corresponder en todo caso a algún dos membros do grupo informal. En ningún outro caso se admitirán pagamentos mediante tarxeta.

c) Memoria económica en que se reflicta a vinculación de cada gasto executado co proxecto subvencionado. Deberá quedar acreditado que cada gasto que se xustifique mediante factura ou documento equivalente é totalmente necesario para a realización do proxecto, e deberá quedar vinculado a unha actividade ou actuación concreta dentro del. No caso dos grupos informais, deberá ser asinada por todos/as os/as membros do grupo.

d) Declaración complementaria de non ter percibido ningunha outra axuda ou subvención para o mesmo proxecto e, polo tanto, incompatible con estas. En caso contrario, o/a beneficiario/a deberá proceder a renunciar á axuda outorgada ao abeiro desta orde ou acreditar ante o órgano instrutor o cumprimento dos trámites establecidos no artigo 6, do xeito que nel se especifica. No caso dos grupos informais esta declaración será individual por cada membro, anexo VIII (un anexo por cada membro do grupo).

e) Certificado dunha conta bancaria aberta a nome da entidade. No caso dos grupos informais, deberán figurar como titulares da conta todos os membros do grupo.

Artigo 16. Pagamento da axuda.

Unha vez recibida e comprobada a documentación poderase proceder ao pagamento da axuda concedida. No caso de que o gasto certificado, mediante facturas ou documento equivalente, sexa inferior ao orzamento do proxecto valorado, a contía da axuda será minorada na mesma porcentaxe.

De acordo co previsto no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, faranse anticipos de pagamento do 80% como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, a aquelas entidades e grupos informais, que, unha vez notificada a resolución de concesión da axuda, manifesten expresamente a súa aceptación, segundo o modelo que se achega como anexo V, e sempre dentro do prazo de dez días hábiles desde a data de notificación. Neste suposto, deberá presentarse coa aceptación o certificado dunha conta bancaria tal e como se reflicte no artigo 15.e).

Artigo 17. Obrigas dos/das beneficiarios/as.

As/os beneficiarias/os das axudas quedarán obrigadas a:

a) Realizar o proxecto que fundamenta a concesión da axuda por si mesmo/a ou, en todo caso, respectando os límites que para a subcontratación de actividades establece o artigo 5.7 desta orde, posto en relación cos artigos 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e 43 do seu regulamento.

b) Acreditar ante a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado ou as xefaturas territoriais a realización da actividade ou actividades que conforman o proxecto de iniciativa xuvenil, así como o cumprimento dos requisitos ou das condicións que determinan a concesión ou o desfrute da axuda. O cumprimento desta obriga de xustificación realizarase nos termos previstos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na normativa regulamentaria de desenvolvemento e no disposto nas bases reguladoras desta orde.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado ou as xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, así como calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais coma comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado ou á xefatura territorial correspondente da Consellería de Traballo e Benestar a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Para o caso das asociacións xuvenís, federacións e entidades prestadoras, dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao/á beneficiario/a en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Adoptar as medidas de difusión contidas no punto 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Incluír en todo o material de divulgación das actividades obxecto desta axuda a referencia de que están subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, mediante a inclusión da imaxe corporativa da Xunta de Galicia e incorporando unha referencia ao programa Iniciativa Xove.

i) Comunicar á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado ou aos respectivos servizos territoriais, con 15 días de antelación, o inicio da realización das actividades para as cales se pide axuda.

j) Figurar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e da Seguridade Social, non ser debedor en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro e non ter ningunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da comunidade autónoma. En caso contrario, non se fará o pagamento da axuda.

k) No caso dos grupos informais de mozos/as deberase respectar o prazo mínimo para a disolución de agrupacións de beneficiarios a que fai referencia o artigo 8 da Lei 9/2007, en concordancia cos artigos 35 e 63 da mesma norma.

Artigo 18. Control e reintegro da axuda.

1. Procederá o reintegro nos termos e supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto, nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no establecido nesta orde.

b) Obtención da axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

c) Incumprimento das condicións impostas con motivo da concesión da subvención ou da axuda pública, así como dos compromisos por estes asumidos, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que deben acadarse os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da axuda ou daqueles distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

d) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no artigo anterior.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. Con independencia das causas de reintegro enumeradas neste artigo, a declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulabilidade da resolución de concesión por concorreren as causas previstas nos artigos 62 e 63 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando concorra algunha das causas de reintegro antes referidas, comportará a obriga de devolver as cantidades percibidas.

Non procederá a revisión de oficio do acto de concesión cando concorra causa de reintegro.

3. As cantidades que se deban reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público, e resultará de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 ao 23 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 19. Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de conformidade co disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional primeira.

No caso de que unha vez ditada a resolución de concesión de axudas amparadas nesta orde quedase crédito sen adxudicar, poderase publicar unha segunda orde de convocatoria de axudas. En todo caso, a concesión de axudas terá como límite a cantidade consignada na correspondente aplicación económica dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2012 e, dada a tramitación anticipada deste expediente de gasto, a súa efectividade queda condicionada a que unha vez aprobada a Lei de orzamentos para 2012 subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da convocatoria.

Disposición adicional segunda.

Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Traballo e Benestar no director xeral de Xuventude e Voluntariado e nos/nas xefes/as territoriais, en función do seu respectivo ámbito competencial, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición adicional terceira.

Os/as beneficiarios/as destas axudas quedan suxeitos ao réxime de infraccións e sancións previstas para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional cuarta.

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Traballo e Benestar publicará na súa páxina web oficial a relación dos/das beneficiarios/as e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude autoriza expresamente para o tratamento necesario dos datos dos/das beneficiarios/as e da súa publicación na citada páxina web. Así mesmo, coa presentación da solicitude o/a beneficiario/a autoriza a Consellería de Traballo e Benestar a incluír e facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de axudas, subvencións e sancións, os datos relevantes referidos ás axudas concedidas. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, o/a solicitante poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e oposición mediante escrito dirixido á Consellería de Traballo e Benestar.

Disposición derradeira primeira.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira segunda.

Facúltase o director xeral de Xuventude e Voluntariado para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2011.

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file