Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Luns, 9 de abril de 2012 Páx. 12246

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 107/2012, do 22 de marzo, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras de construción dunha rotonda no cruzamento do Vilar, na D.P. 7305, no concello de Ribeira, da Deputación Provincial da Coruña.

A Deputación Provincial da Coruña, na sesión que tivo lugar o día trinta de outubro de dous mil nove, aprobou o proxecto de obras de construción dunha rotonda no cruzamento do Vilar, na D.P. 7305, no concello de Ribeira e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, proxecto que se incluíu no Plan de Vías Provinciais 2011, cuarta fase, aprobado na sesión celebrada o vinte e cinco de marzo de dous mil once.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

O dito expediente tivo entrada na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala a Deputación e o informe dos técnicos, actualmente a intersección das estradas está formada por sinais de stop en tres dos catro accesos. En todos eles a calzada ten piso de aglomerado pero con largos diferentes en cada unha das estradas que conflúen na intersección. Estas condicións dificultan a seguranza na circulación, especialmente durante o cruzamento de vehículos. Por outra banda as estradas atravesan núcleos de poboación con gran densidade de vivendas, polo que existe un apreciable tránsito de peóns que non poden desprazarse nas debidas condicións de seguranza.

A mellora da intersección coa construción da rotonda, das beirarrúas e de pasos peonís, posibilitará unha circulación máis segura tanto para vehículos como para os peóns nas estradas de titularidade provincial. Todo isto, unido ás precarias condicións xeométricas do cruzamento, provoca que actualmente a seguranza da circulación na intersección das estradas necesite unha mellora urxente.

A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2.º e 28.2.º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e dous de marzo de dous mil doce

DISPOÑO:

Artigo único.

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras construción dunha rotonda no cruzamento do Vilar na D.P. 7305, no concello de Ribeira, unha vez ocupados os terreos necesarios débense, se for o caso, obter as autorizacións que foran necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, vinte e dous de marzo de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza