Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Martes, 10 de abril de 2012 Páx. 12532

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 3 de abril de 2012 pola que se modifican e se amplía o prazo de presentación de solicitudes das ordes do 28 e 29 de febreiro polas que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración, respectivamente, cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro, así como coas entidades locais, e se procede á convocatoria para o ano 2012.

No Diario Oficial de Galicia n.º 50, do 12 de marzo, publicouse a Orde do 28 de febreiro de 2012 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro e se procede á convocatoria para o ano 2012 (procedemento TR351A) e a Orde do 29 de febreiro de 2012 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2012 (procedemento TR352A).

Nos artigos de ambas as dúas ordes establécese unha serie de novidades e obrigas ás entidades interesadas en participar na convocatoria que non se prevían en convocatorias anteriores, polo que, co obxecto de facilitar e axilizar tanto a tramitación administrativa como a presentación das solicitudes por parte das potenciais beneficiarias, introdúcense unha serie de modificacións, entre as que cómpre destacar a ampliación do prazo de presentación de solicitudes a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Por outra banda, na Orde do 29 de febreiro de 2012, dirixida ás entidades locais, non se recolle, como se facía en exercicios anteriores, a opción de utilizar ofertas especiais e vinculacións nominais para a selección dos integrantes dos grupos municipais de intervención rápida, nin tampouco a posibilidade excepcional de que cando non existan demandantes co perfil adecuado para o desempeño das funcións propias destes grupos de emerxencia, poida participar algún dos integrantes de exercicios anteriores.

Debido á petición expresa da Federación Galega de Municipios e Provincias, ante a futura modificación do actual mapa galego de emerxencias no seo do Pacto Local e, co obxecto de garantir o mantemento dos Grumir, procede modificar, con carácter excepcional para este exercicio 2012, a orde citada, recuperando unha disposición adicional xa recollida para estes programas en exercicios anteriores.

Por todo o anteriormente exposto e, en virtude das atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Orde do 28 de febreiro de 2012 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro e se procede á convocatoria para o ano 2012.

1. Modifícase a letra c) do parágrafo 2 do artigo 3. Entidades beneficiarias, que queda redactado como segue:

«c) Asumir o compromiso de procurar a inserción laboral posterior de, cando menos, as seguintes persoas traballadoras desempregadas participantes no proxecto, en función do número de prazas solicitadas e concedidas:

• Unha para o caso das entidades cunha concesión entre 4 e 7 prazas.

• Dúas para o caso das entidades cunha concesión entre 8 e 11 prazas.

• Tres para o caso das entidades cunha concesión entre 12 e 15 prazas.

Con carácter xeral, considerarase que a inserción laboral se acadará cando a persoa desempregada participante no programa sexa contratada como traballador ou traballadora por conta allea por unha duración non inferior a seis meses ou se acredite a súa constitución en traballadores ou traballadoras autónomos ou por conta propia polo mesmo período».

2. Modifícase o parágrafo 6 do artigo 6. Presentación de solicitudes, que queda redactado como segue:

«6. O último día hábil para a presentación de solicitudes será o 20 de abril, agás as solicitudes de axudas e subvencións para a contratación de mulleres vítimas de violencia, que poderán presentarse ata o 15 de novembro».

Artigo 2.

Orde do 29 de febreiro de 2012 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2012.

1. Modifícase o parágrafo 2 do artigo 3. Entidades beneficiarias, que queda redactado como segue:

«Para poder ser beneficiarias destas axudas, as entidades solicitantes deberán asumir o compromiso de procurar a inserción laboral posterior de, cando menos, as seguintes persoas traballadoras desempregadas participantes no proxecto, en función do número de prazas solicitadas e concedidas:

a) Unha para o caso das entidades cunha concesión entre 1 e 10 prazas.

b) Dúas para o caso das entidades cunha concesión entre 11 e 20 prazas.

c) Tres para o caso das entidades cunha concesión superior a 20 prazas.

Con carácter xeral, considerarase que a inserción laboral se acadará cando a persoa desempregada participante no programa sexa contratada como traballador ou traballadora por conta allea por unha duración non inferior a seis meses ou se acredite a súa constitución en traballadores ou traballadoras autónomos ou por conta propia polo mesmo período».

2. Modifícase o parágrafo 7 do artigo 6. Presentación de solicitudes, que queda redactado como segue:

«7. O último día hábil para a presentación de solicitudes será o 20 de abril, agás as solicitudes de axudas e subvencións para a contratación de mulleres vítimas de violencia, que poderán presentarse ata o 15 de novembro».

3. Engádese unha disposición adicional sexta coa seguinte redacción:

«Ademais dos supostos previstos no parágrafo sexto do artigo 11, para a selección de mulleres vítimas de violencia e/ou integrantes de colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social, poderá utilizarse a vinculación nominal para a selección dos integrantes dos grupos municipais de intervención rápida, caso en que tampouco será de aplicación a limitación prevista no inciso final do seu parágrafo segundo, sempre que exista autorización expresa da respectiva xefatura territorial».

Disposición derradeira.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2012.

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar