Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Martes, 10 de abril de 2012 Páx. 12536

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 2 de abril de 2012 pola que se convoca un curso de actualización da formación en primeiros auxilios.

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realicen algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teñan como fin a protección de persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei, este persoal organizarase en grupos operativos.

Por Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que poidan producirse en Galicia derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Dentro das actividades programadas para o ano 2012, e conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), anúnciase a convocatoria dun curso de actualización da formación en primeiros auxilios, con 16 edicións, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Tipo

Curso

Denominación

Actualización da formación en primeiros auxilios

Modalidade

Presencial

Edicións

16, descentralizadas en diversas localidades de Galicia

Horas lectivas

4

Prazas

20 por edición

Obxectivos: actualizar os coñecementos sobre primeiros auxilios.

Contido: divídese nunha parte teórica e outra práctica.

– Teoría (1 hora).

1. Novas recomendacións en soporte vital básico.

2. Prognóstico e actuación en situacións de parada cardiorrespiratoria (PCR).

3. Normas e técnicas de actuación na atención ao paciente dentro das principais situacións de urxencia e emerxencia sanitaria.

– Práctica (3 horas).

2. Destinatarios/as e requisitos de participación.

a) Destinatarios/as: o curso vai dirixido ao persoal voluntario de agrupacións de voluntarios de protección civil e ás/aos profesionais dos servizos municipais de protección civil (grupos municipais de intervención rápida, Grumir, e outros servizos municipais de intervención en emerxencias).

Este persoal forma parte do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia).

b) Requisitos de participación:

1. Para seren admitidos os solicitantes deberán ter realizado o curso básico de protección civil no ano 2009 ou anteriores a este.

2. As/os solicitantes seleccionadas/os deberán acreditar a súa categoría profesional o primeiro día do curso mediante un certificado da súa xefatura de persoal.

3. Desenvolvemento da actividade.

Lugar e datas:

– 1.º semestre.

Edición

Lugar

Data

1.ª

Provincia de Pontevedra

12 de maio

2.ª

Provincia de Pontevedra

13 de maio

3.ª

Provincia da Coruña

19 de maio

4.ª

Provincia da Coruña

20 de maio

5.ª

Provincia de Lugo

26 de maio

6.ª

Provincia de Lugo

27 de maio

7.ª

Provincia de Ourense

2 de xuño

8.ª

Provincia de Ourense

3 de xuño

– 2.º semestre.

Edición

Lugar

Data

9.ª

Provincia de Pontevedra

8 de setembro

10.ª

Provincia de Pontevedra

9 de setembro

11.ª

Provincia de Lugo

15 de setembro

12.ª

Provincia de Lugo

16 de setembro

13.ª

Provincia da Coruña

22 de setembro

14.ª

Provincia da Coruña

23 de setembro

15.ª

Provincia de Ourense

13 de outubro

16.ª

Provincia de Ourense

14 de outubro

4. Inscrición.

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá inscribirse na páxina web da Agasp: http://agasp.xunta.es

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) Con carácter previo á inscrición é necesario darse de alta como usuario da páxina web da Agasp. Nesta alta previa é imprescindible facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) Prazos para a presentación de solicitudes:

– Edicións do primeiro semestre: 15 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

– Edicións do segundo semestre: do 1 de xuño ao 31 de xullo de 2012.

Se o último día de calquera dos dous prazos for inhábil, entenderanse prorrogados ao primeiro día hábil seguinte.

A inscrición poderá realizarse ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, con suficiente anticipación para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 12, 886 20 61 37 e 886 20 61 38, do fax: 886 20 61 23 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

e) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

5. Criterios de selección do alumnado participante.

1.º Criterios establecidos no artigo 20 da Orde do 4 de febreiro de 2009 pola que se aproba o Regulamento de réxime interior da Academia Galega de Seguridade Pública.

2.º Reservarase o 50% das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. De non existiren suficientes solicitudes de participación de mulleres, as prazas sobrantes acrecentaranse ás da quenda xeral.

6. Publicación das relacións do persoal seleccionado.

A Agasp publicará na súa páxina web (http://agasp.xunta.es) unha relación das persoas seleccionadas para participaren en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 59.6 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Ademais, para unha maior difusión, serán informados da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participaren no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a imposibilidade de asistir con, cando menos, 48 horas de anticipación ao comezo desta. A dita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen para as cales reúnan os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp).

7. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

8. Faltas de asistencia.

O Regulamento de réxime interior da Agasp, mencionado na base número 8 desta convocatoria, regula no seu artigo 16 as faltas de asistencia nos cursos:

«1. A asistencia ás clases e actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria. As faltas que as/os alumnas/os acumulen deberán xustificarse debidamente, e penalizaranse disciplinariamente, en caso contrario.

2. A/o alumna/o que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10% das clases do curso de formación será declarado non apto, e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

De ser necesario, e só nos casos en que a inasistencia ás clases estiver motivada por accidente ou lesión sufridos con ocasión da actividade académica, o/a director/a xeral poderá considerar a conveniencia ou a oportunidade de permitir ao/á alumno/a recuperar ata un determinado número de horas e participar posteriormente nun exame extraordinario para poder superar o curso sen ter que repetilo.

3. No entanto, aínda que as ausencias acumuladas non chegasen á porcentaxe sinalada, a/o alumna/o poderá verse obrigado a recuperar todas ou parte das horas perdidas ao longo do curso. Neste caso a xefatura de ensino proporá ao/á director/a xeral o número de horas que se van recuperar, tendo en conta, en cada caso concreto, o tipo de xustificación presentada para cada ausencia, así como o número total destas e o comportamento e actitude da/o alumna/o ao longo do curso».

9. Certificado de aproveitamento.

Ao final da actividade entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen a proba final.

10. Financiamento da actividade.

Esta actividade é cofinanciada nun 80% polo Fondo Social Europeo dentro do Programa Operativo Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, no eixe 3, tema prioritario 72.

11. Facultades da Agasp.

A Agasp poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir o curso, ampliar novas edicións ou suspendelo temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

A Estrada, 2 de abril de 2012.

José Carlos García Bouzas
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública