Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Mércores, 11 de abril de 2012 Páx. 12875

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 28 de marzo de 2012 pola que se modifica a Orde do 30 de decembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2012.

A Orde do 30 de decembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2012 (DOG núm. 6, do 10 de xaneiro), establece no seu artigo 11.2 que se poderán acordar pagamentos parciais á conta da liquidación definitiva a medida que o beneficiario xustifique os gastos ou pagamentos parciais.

O artigo 67.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia exixe que cando nas bases reguladoras se prevexa a posibilidade de realizar pagamentos a conta, as bases deben regular a obriga de constituír garantías, establecendo no parágrafo catro do mesmo artigo que o Consello da Xunta de Galicia poderá eximir da obriga de constituír garantías neste caso.

Os anteditos pagamentos parciais, tal e como prevé o artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas e aboaranse pola contía equivalente á xustificación presentada, o que implica que as entidades beneficiarias da subvención realizaron xa un gasto para a execución da acción formativa que deberán xustificar para poder percibir o pagamento parcial. Atendendo á realidade socio-económica provocada pola situación de crise que se está a vivir neste momento, considérase necesario eximir as entidades perceptoras da subvencións da constitución da garantías para poder optar a un pagamento a conta.

Por todo o anterior, no uso das facultades que me foron concedidas

DISPOÑO:

Artigo único.

Engádese ao artigo 11.2 o seguinte parágrafo:

«Para a percepción dos pagamentos parciais, as entidades beneficiarias da subvención estarán exentas da constitución de garantías».

Disposición derradeira única.

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2012.

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar