Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Luns, 16 de abril de 2012 Páx. 13489

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 4 de abril de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras do certame Cooperativismo no ensino, dirixido ao alumnado e ao profesorado dos centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012.

A Constitución española no seu artigo 129.2 encomenda aos poderes públicos a promoción das diversas formas de participación na empresa e o fomento, mediante unha lexislación adecuada, das sociedades cooperativas.

A Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas e crea o Consello Galego de Cooperativas como máximo órgano de promoción e difusión do cooperativismo na Comunidade Autónoma.

O Consello Galego de Cooperativas é un órgano de carácter colexiado, integrado polas entidades representativas das cooperativas, por representantes da Xunta de Galicia, dos concellos e das universidades da Comunidade Autónoma, e corresponde a súa presidencia á conselleira de Traballo e Benestar.

A Consellería de Traballo e Benestar, co fin de difundir e promover o cooperativismo entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria e formación profesional de Galicia, impulsando a realización de actividades de fomento do cooperativismo nos centros educativos, así como de promocionar a educación e a formación cooperativa; establece as bases reguladoras para o certame Cooperativismo no ensino, dirixido ao alumnado e ao profesorado dos centros educativos de Galicia, e aproba a súa convocatoria para o ano 2012. A súa concreción e realización levarana a cabo de xeito coordinado as consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e de Traballo e Benestar.

As bases reguladoras do certame, así como a súa convocatoria para o ano 2012, foron aprobadas polo Consello Galego de Cooperativas, na súa reunión do Pleno do 25 de novembro de 2011.

Por todo o exposto, e de conformidade coas atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Capítulo I
Bases reguladoras do certame Cooperativismo no ensino dirixido ao alumnado
e ao profesorado dos centros educativos de Galicia

Artigo 1. Finalidade.

1. O certame Cooperativismo no ensino ten por obxecto difundir e promover o cooperativismo entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria e formación profesional de Galicia, impulsando a realización de actividades de fomento do cooperativismo nos centros educativos.

2. Os centros educativos que desexen participar neste certame organizarán actividades divulgativas e formativas e poderán dispoñer, para este fin, de apoios técnicos a través do Programa Cooperamos da Dirección Xeral de Relacións Laborais.

3. No desenvolvemento das actividades deberanse potenciar e propiciar os valores e principios que inspiran o cooperativismo, tales como a solidariedade, o espírito democrático, a participación, a actuación colectiva ou a solución de conflitos de forma pactada.

4. Coa finalidade de impulsar a formación nos referidos valores e a súa aplicación práctica, pode procurarse a realización de actividades cooperativas por grupos de alumnos.

5. Para incentivar a realización das actividades, establécense distintos premios a que poden optar os traballos realizados polos alumnos e profesores.

Artigo 2. Procedemento.

1. Os premios concederanse por concorrencia competitiva, segundo o procedemento baseado no artigo 19 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O procedemento iniciarase de oficio coa publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente convocatoria pública, segundo o establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Participantes.

1. Poden participar no certame o alumnado e o profesorado dos centros educativos de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria e formación profesional, segundo as modalidades e nos termos previstos nas presentes bases.

2. Non poderán participar as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, en quen concorra algunha das circunstancias recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Modalidades.

O alumnado e profesorado dos centros educativos de Galicia poderán presentarse ás seguintes modalidades:

a) Debuxo, pintura, fotografía e/ou vídeo dirixida ao alumnado de infantil e primaria.

b) Actividades cooperativizadas dirixidas ao alumnado de educación secundaria obrigatoria.

c) Proxectos empresariais cooperativos dirixidos ao alumnado e ao profesorado dos centros de formación profesional.

Artigo 5. Modalidade de debuxo, pintura, fotografía e/ou vídeo dirixido ao alumnado de infantil e primaria.

1. O alumnado dos centros de infantil e primaria nos que se realizasen actividades de fomento e divulgación do cooperativismo poderán presentar a este concurso os debuxos, pinturas, fotografías e/ou vídeos, realizados por eles, segundo as seguintes categorías:

– Categoría A: alumnos/as de 2.º ciclo de educación infantil.

– Categoría B: alumnos/as de 1.º e 2.º de educación primaria.

– Categoría C: alumnos/as de 3.º e 4.º de educación primaria.

– Categoría D: alumnos/as de 5.º e 6.º de educación primaria.

2. Os traballos presentados poderán optar aos seguintes premios:

– Un premio ao mellor traballo de cada categoría.

– Un accésit por cada categoría.

3. Condicións técnicas.

– Os traballos de debuxo e pintura presentaranse en formato e soporte libre, empregando as técnicas que o alumnado decida. No reverso do debuxo ou pintura consignarase, en letras maiúsculas, para unha correcta identificación, os datos do autor/es: nome, apelidos, idade, curso, enderezo do centro escolar, así como a categoría en que participan.

– Os traballos de fotografía presentaranse en formato dixital, arquivos JPG, RAW ou TIFF, en alta resolución para a súa posible publicación, de 2.000 píxeles, como mínimo, no seu lado máis reducido. A resolución recomendada é de 300 ppp. Enviaranse copias en papel, xunto co arquivo en soporte CD. Cada fotografía (copia impresa), así como o correspondente CD coas copias dos arquivos, deberán levar unha inscrición no reverso indicando con letra lexible os datos identificativos dos autores: nome, apelidos, idade, curso, enderezo do centro escolar, así como a categoría en que participan e título.

– No caso de vídeos, as producións presentaranse nun DVD estándar, reproducible en calquera reprodutor convencional de DVD, e poden conter menú de inicio. O formato será MPEG2 PAL, configurado como zona 2 ou como zona libre. As locucións e grafismos deberán utilizar o galego. A súa duración non poderá exceder de 10 minutos. O DVD non poderá conter máis dun programa e deberá estar identificado cos datos dos autores: nome, apelidos, idade, curso, enderezo do centro escolar e a categoría en que participan, título da creación presentada, así como ficha técnica.

– Non se admitirá ningún traballo en soporte distinto dos anteriores ou que non respecte as condicións indicadas.

4. En cada traballo deberán participar como mínimo tres alumnos/as e, como máximo, non se poderá superar o número de alumnos/as pertencentes a unha mesma aula.

Artigo 6. Modalidade de Actividades cooperativizadas dirixido ao alumnado do primeiro e segundo ciclo de educación secundaria obrigatoria.

1. O alumnado dos centros de educación secundaria obrigatoria en que se realizasen actividades de fomento e divulgación do cooperativismo poderán presentar a este concurso as memorias dos traballos realizados cooperativamente por grupos de alumnos/as, tales como unha viaxe de ampliación de estudos, un festival de fin de curso, un campionato deportivo, un xornal, unha páxina web, un programa de radio ou unha obra de teatro, segundo as seguintes categorías:

– Categoría E: alumnos/as do 1.º ciclo da ESO.

– Categoría F: alumnos/as do 2.º ciclo da ESO.

2. Os traballos presentados á modalidade de actividades cooperativizadas, dirixido aos centros de secundaria, poderán optar aos seguintes premios:

– Un premio ao mellor traballo por cada categoría.

3. A memoria dos traballos realizados describirá o proceso de elaboración e realización da actividade de xeito que indique:

– Definición dos obxectivos. Cómpre aclarar as metas que se pretenden acadar, que beneficios de tipo cooperativo vai reportar a actividade, así como poñer un título ao traballo que resuma as súas intencións.

– Asignación de tarefas. Débese dividir o traballo en partes e decidir que persoa ou persoas se encargan de cada unha delas. Para isto é importante ter en conta os intereses de cadaquén, as súas posibilidades, coñecementos, preferencias, etc.

– Tarefas desenvolvidas. Especificar que tipo de materiais se precisan para levar a cabo a actividade, e cales deles se utilizan. Estes poden ser de tipo documental, gráficos, sonoros, económicos, etc. Tamén é necesario precisar a maneira de obtelos.

– Dinámica das reunións. Para que o traballo estea coordinado hai que levar a cabo reunións periódicas para poñer en común o realizado, así como para establecer cales son as seguintes tarefas, os prazos, os/as encargados/as de realizalas, e calquera decisión sobre a marcha do proxecto. Para este fin débense elaborar actas das reunións en que se deixe constancia de todo isto.

– Resultado final.

Esta memoria terá unha extensión máxima de 6 follas DIN A4 escritas por unha soa cara editadas en Arial cun corpo de 12 puntos e unhas marxes de 15 mm en cada bordo. Deberanse entregar dúas copias en papel e o seu soporte en sistema informático. Engadiranse, como anexos, o resultado final e os documentos precisos para xustificar a realización do proxecto, nas súas diferentes etapas, tales como fotografías da realización, documentos, materiais realizados e actas das reunións, debidamente identificados co nome do centro e o título do proxecto.

4. En cada traballo deberán participar como mínimo tres alumnos/as e, como máximo, non se poderá superar o número de alumnos/as pertencentes a unha mesma aula.

Artigo 7. Modalidade de proxectos empresariais cooperativos, dirixido ao alumnado e ao profesorado dos centros de formación profesional.

1. O alumnado e o profesorado dos centros educativos que impartan formación profesional específica e nos cales se realizasen actividades de fomento e divulgación do cooperativismo poderán presentar a este concurso os proxectos empresariais elaborados por eles, baixo a única modalidade de proxectos empresariais cooperativos.

2. Os traballos presentados á modalidade de proxectos empresariais cooperativos poderán optar aos seguintes premios:

– Premio ao mellor proxecto empresarial cooperativo.

– Dous accésits aos proxectos finalistas.

3. Os proxectos deberán desenvolver o proceso completo de posta en marcha dun proxecto empresarial, baixo a fórmula cooperativa, orixinal, coherente e viable economicamente.

Os proxectos deberán estar redactados en galego e presentaranse en formato papel e formato electrónico que permita a súa posterior publicación, acompañados obrigatoriamente dunha ficha resumo segundo o modelo que pode obterse na web www.cooperativasdegalicia.com

4. Na elaboración de cada proxecto deberán participar como mínimo tres alumnos/as, que deberán estar dirixidos/as por un/unha profesor/a-director/a.

Artigo 8. Presentación dos traballos e prazo.

1. Os traballos dos/as alumnos/as debidamente identificados deberán entregarse na Dirección Xeral de Relacións Laborais (Consellería de Traballo e Benestar, edificio administrativo de San Lázaro, 15781 Santiago de Compostela), xunto coa correspondente solicitude de participación, que deberá especificar a modalidade e, se é o caso, a categoría a que se presenta, no prazo indicado na convocatoria. As solicitudes tamén poderán presentarse electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo: https://sede.xunta.es, ben que os traballos se deberán facer chegar, en todo caso, nos termos indicados anteriormente.

2. Poderase utilizar calquera tipo de envío sempre que garanta a entrega no lugar e prazo referidos anteriormente. Os autores serviranse dos medios necesarios (mensaxaría urxente e outros) para garantir que os traballos se reciban na Dirección Xeral de Relacións Laborais na data sinalada.

3. No caso dos proxectos empresariais cooperativos, xunto co proxecto e a solicitude, deberá xuntarse o currículo do grupo (nomes, apelidos, idades, estudos dos/as integrantes do grupo, así como do/a profesor/a-director/a), e a ficha resumo a que se fai referencia no número 3 do artigo 7.

Artigo 9. Órgano instrutor.

O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social da Dirección Xeral de Relacións Laborais, que se encargará de comprobar que as solicitudes ou a documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, e atendendo ao disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requiriralle ao interesado para que a repare no prazo máximo e improrrogable de 10 días e, se non o fixer, terase por desistido da súa solicitude logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Tribunais e criterios de avaliación.

1. Os traballos que participen nas modalidades de debuxo, pintura, fotografía e/ou vídeo e actividades cooperativizadas serán avaliados por un tribunal composto polos seguintes membros: dous representantes nomeados/as polas asociacións de cooperativas presentes no Consello Galego de Cooperativas, un/unha técnico/a especialista nas materias de debuxo e pintura e un/unha técnico/a especialista en audiovisual nomeados/as pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o/a titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais, ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente/a.

O tribunal valorará nos traballos presentados a orixinalidade e a representación dos valores e actitudes que fomenta o cooperativismo. Particularmente, para a modalidade de actividades cooperativizadas terase en conta o número de persoas participantes, a orixinalidade do tema elixido, a organización do grupo para a realización do traballo de maneira cooperativa e a calidade final do traballo realizado.

2. Os proxectos presentados á modalidade de proxectos empresariais cooperativos serán avaliados por un tribunal composto polos seguintes membros: dous/dúas representantes nomeados/as polas asociacións de cooperativas presentes no Consello Galego de Cooperativas, un/unha representante nomeado/a pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, un/unha técnico/a especialista en cooperativismo nomeado/a pola Consellería de Traballo e Benestar e o/a titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais, ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente/a.

O tribunal avaliará a coherencia, orixinalidade e viabilidade económica dos proxectos empresariais cooperativos, así como a súa relación co contorno onde se desenvolven.

3. Todos os premios serán propostos polos respectivos tribunais. Os tribunais poderán propoñer que se declaren os premios desertos ou conceder premios compartidos. Se existiren premios desertos, a súa contía poderase acumular aos premios que se concedan de xeito compartido.

4. A entrega dos diplomas acreditativos da obtención dos premios terá lugar no transcurso do acto público que se realizará con motivo do día do cooperativismo.

Artigo 11. Apoio aos centros educativos para a realización de actividades de promoción do cooperativismo.

1. Co obxecto de facilitar a realización das actividades de promoción do cooperativismo, os centros educativos poderán participar no Programa Cooperamos organizado pola Dirección Xeral de Relacións Laborais e o Consello Galego de Cooperativas.

2. A través deste programa, os centros poderán recibir asesoramento e apoios técnicos tanto para os labores divulgativos como para a elaboración e presentación de traballos.

3. As características do Programa Cooperamos e as condicións de participación dos centros, poderanse consultar na páxina web www.cooperativasdegalicia.com. Nesta mesma páxina estará ao dispor dos alumnos e dos profesores material divulgativo en formato electrónico, como soporte de apoio para a realización das actividades.

Artigo 12. Resolución e recursos.

1. O tribunal fará pública a relación provisional dos traballos propostos para premio na web www.cooperativasdegalicia.com

2. Contra ela poderase presentar reclamación mediante instancia dirixida á presidencia do tribunal, presentándoa na Dirección Xeral de Relacións Laborais (Consellería de Traballo e Benestar, edificio administrativo de San Lázaro, 15781 Santiago de Compostela), no prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da súa publicación.

3. Transcorrido o prazo, e se non existiren reclamacións, a proposta converterase en definitiva. Se existiren reclamacións, e unha vez resoltas estas, o tribunal elaborará a acta coa proposta definitiva de adxudicación dos premios.

4. O/a titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais resolverá a concesión dos premios que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia.

5. O prazo para resolver e notificar será de tres meses. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no artigo 1 e no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. De conformidade coas prescricións da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, a Consellería de Traballo e Benestar incluirá e fará públicos, no rexistro regulado no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás axudas recibidas ao abeiro desta orde, así como as sancións impostas. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición de datos de carácter persoal exerceranse ante o CIXTEC como órgano responsable dos ficheiros (rúa Domingo Fontán, 9, 15702 Santiago de Compostela).

Artigo 13. Xustificación e pagamento.

1. Os premios que consistan nunha contía en diñeiro serán entregados aos premiados logo da presentación da seguinte documentación xustificativa, no prazo indicado na convocatoria:

• Datos de identificación dos premiados e do representante legal, de ser o caso: nome e apelidos, número de identificación fiscal, domicilio, teléfono e correo electrónico.

• Declaración asinada por todos os autores do proxecto que acredite as contías atribuídas individualmente a cada un deles.

• Documentación complementaria exixida para o pagamento, de ser o caso.

• Certificación bancaria, en orixinal, do número de conta do premiado.

• Declaración de non estar incurso nalgunha das circunstancias recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

• Declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto das aprobadas e/ou concedidas como das pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, en su caso, de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

2. A xustificación deberá presentarse na Dirección Xeral de Relacións Laborais (Consellería de Traballo e Benestar, edificio administrativo de San Lázaro, 15781 Santiago de Compostela).

3. Os premios que non consistan nunha contía en diñeiro serán entregados materialmente no acto de entrega de premios que se celebre con motivo do día do cooperativismo ás persoas que resulten premiadas ou aos seus representantes.

Artigo 14. Financiamento e normativa reguladora.

1. A concesión dos premios realizarase con cargo aos recursos económicos asignados á Dirección Xeral de Relacións Laborais nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega. As aplicacións orzamentarias e os importes asignados a estes premios figurarán nas oportunas convocatorias.

2. As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse ás presentes bases e ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 15. Condicións xerais de participación.

1. O outorgamento dos premios establecidos neste certame implica, sen necesidade de declaración ningunha por parte dos/as autores/as, o recoñecemento do dereito exclusivo a favor da Consellería de Traballo e Benestar, a reproducir, traducir e difundir os traballos premiados nas condicións, cos medios e a través dos suxeitos, entidades ou institución que consideren oportunos, así como a cesión do dereito da propiedade no caso dos debuxos, pinturas, fotografías e vídeos gañadores.

2. A Consellería de Traballo e Benestar reservará para si o dereito a difundir o nome e/ou imaxes dos/as gañadores/as polos medios e formas de comunicación que crean convenientes durante todo o tempo que considere necesario e sen obriga de realizar ningunha compensación. Considerase que os/as participantes no certame prestaron o seu consentimento ao presentaren os traballos.

3. Os/as concursantes exoneran de toda responsabilidade a Consellería de Traballo e Benestar, no caso de que os traballos resultaren danados ou destruídos por caso fortuíto ou forza maior mentres estean en poder destes. Os centros poderán recoller os traballos que non resulten premiados nun prazo de tres meses a partir do día da entrega dos premios.

4. A participación neste certame implica a aceptación incondicional destas bases, que teñen carácter administrativo e cuxos efectos se rexerán polo establecido nas súas cláusulas e, na súa falta, pola normativa xeral que lle sexa de aplicación.

Artigo 16. Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios e beneficiarias quedan obrigados a someterse ás accións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Traballo e Benestar, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, a achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e demais obrigas establecidas no artigo 11 da citada Lei 9/2007.

Capítulo II
Convocatoria do certame Cooperativismo no ensino para o ano 2012

Artigo 17. Convocatoria.

Convócase para o ano 2012 o certame Cooperativismo no ensino, dirixido ao alumnado e profesorado dos centros educativos de Galicia.

Artigo 18. Presentación de solicitudes e traballos.

O prazo de presentación das solicitudes e dos traballos será dun mes desde o día seguinte da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 19. Contía dos premios.

1. Os traballos presentados á modalidade de debuxo, pintura, fotografía e/ou vídeo dirixido ao alumnado de infantil e primaria, nas súas distintas categorías, poderán optar aos seguintes premios:

– Un premio ao mellor traballo de cada categoría: os/as autores/as do traballo premiado en cada categoría recibirán materiais de debuxo e pintura, audiovisual ou informático, por un valor total equivalente a 2.700 euros.

– Un accésit por cada categoría: os/as autores/as de cada traballo premiado recibirán materiais de debuxo e pintura, audiovisual ou informático, por un valor de 1.700 euros.

2. Os traballos presentados á modalidade de actividades cooperativizadas, dirixido ao alumnado dos centros de secundaria, poderán optar aos seguintes premios:

– Un premio ao mellor traballo por categoría: os/as autores/as do traballo premiado en cada categoría recibirán material audiovisual ou informático, por un valor total equivalente a 2.700 euros.

3. Os traballos presentados á modalidade de proxectos empresariais cooperativos, dirixido ao alumnado e profesorado dos centros de formación profesional, poderán optar aos seguintes premios:

– Premio ao mellor proxecto empresarial cooperativo, coa seguinte dotación:

• Un único premio de 6.000 euros, que se repartirán entre os/as alumnos/as que elaboraron o proxecto premiado; dos cales 3.000 euros se entregarán despois da concesión do premio, e 3.000 euros se entregarán despois da presentación dunha memoria das xestións realizadas para a posta en marcha do proxecto; será preciso xuntar a documentación acreditativa que xustifique, como mínimo, a conformación do grupo promotor do proxecto, coa relación de nomes e apelidos e a acta da súa primeira reunión.

• Unha viaxe para visitar experiencias cooperativas, por valor máximo de 1.500 euros, para o profesor/a-director/a do proxecto.

– Dous accésits aos proxectos finalistas, coa seguinte dotación:

• 2.000 euros para cada proxecto finalista, que se repartirán entre os/as alumnos/as que elaboraron cada un dos proxectos finalistas.

• 500 euros en material audiovisual ou informático para cada un/unha dos/as profesores/as-directores/as dos proxectos finalistas.

Artigo 20. Financiamento.

A concesión dos premios previstos nesta convocatoria realizarase con cargo aos recursos económicos asignados á Dirección Xeral de Relacións Laborais, aplicación 12.03.324A.480.1 Impulso do cooperativismo no ensino nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 2012.

Disposición adicional primeira.

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar na persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais para resolver a concesión dos premios previstos nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, ou a súa revogación, así como para resolver os procedementos de reintegro dos importes indebidamente percibidos.

Disposición derrogatoria.

Quedan derrogadas as bases reguladoras do certame Cooperativismo no ensino, dirixido aos centros educativos de Galicia, contidas na Orde da Consellería de Traballo e Benestar do 16 de marzo de 2011 (Diario Oficial de Galicia n.º 59, do 24 de marzo).

Disposición derradeira primeira.

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2012.

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file