Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Luns, 16 de abril de 2012 Páx. 13485

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 4 de abril de 2012 pola que se procede á convocatoria dos premios á cooperación para o ano 2012.

A Constitución española, no seu artigo 129.2.º, encoméndalles aos poderes públicos a promoción das diversas formas de participación na empresa e o fomento, mediante unha lexislación adecuada, das sociedades cooperativas.

A Comunidade Autónoma galega asumiu a competencia exclusiva en materia de cooperativas en virtude da transferencia feita pola Lei orgánica 16/1995, ampliando a recollida no artigo 28.7.º do Estatuto de autonomía de Galicia.

En uso da referida competencia ditouse a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, a cal recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas, e crea o Consello Galego de Cooperativas como máximo órgano de promoción e difusión do cooperativismo na Comunidade Autónoma, co encargo de velar polo cumprimento dos principios cooperativos, pola adecuada aplicación da lei e polo respecto das regras dunha xestión correcta e democrática das cooperativas de Galicia.

O Consello Galego de Cooperativas é un órgano de carácter colexiado, integrado polas entidades representativas das cooperativas, por representantes da Xunta de Galicia, dos concellos e das universidades da Comunidade Autónoma, e a súa presidencia corresponde á conselleira de Traballo e Benestar.

A Consellería de Traballo e Benestar, coa finalidade de fomentar e difundir o cooperativismo na Comunidade Autónoma, así como para recompensar publicamente o labor que as cooperativas e outras institucións e persoas veñen realizando neste sentido, considerou adecuado instituír con periodicidade anual os premios á cooperación, e acordou establecer as súas bases reguladoras.

As bases reguladoras dos premios á cooperación foron aprobadas pola Orde do 16 de marzo de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras dos premios á cooperación e se procede á súa convocatoria para o ano 2011 (DOG n.º 59, do 24 de marzo). Unha vez sometida a consideración do Consello Galego de Cooperativas, na súa reunión plenaria do 25 de novembro de 2011, procede realizar a convocatoria anual correspondente ao ano 2012.

Por todo o exposto, e de conformidade coas atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria.

Convócanse os premios á cooperación para o ano 2012, en réxime de concorrencia competitiva, regulados polas bases reguladoras contidas na Orde do 16 de marzo de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras dos premios á cooperación e se procede á súa convocatoria para o ano 2011 (DOG n.º 59, do 24 de marzo).

As condicións destas axudas no que respecta ás epígrafes e) «Requisitos para solicitar a subvención e forma de acreditalos»; f) «Indicación dos órganos competentes para a instrución e resolución do procedemento»; h) «Prazo de resolución e notificación»; i) «Documentación e informacións que deben achegarse á petición»; k) «Indicación de se a resolución pon fin á vía administrativa e, no caso contrario, órgano ante o que se interpoñerá o recurso de alzada»; l) «Criterios de valoración das solicitudes...»; n) «Medio de notificación ou publicación...» contidas no artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, quedan reflectidas nos artigos 7, 8, 9, 10, 11, 12 e 13 das bases reguladoras contidas na Orde do 16 de marzo de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras dos premios á cooperación e se procede á súa convocatoria para o ano 2011 (DOG n.º 59, do 24 de marzo).

Artigo 2. Presentación de solicitudes.

O prazo de presentación das solicitudes de participación nos premios á cooperación para o ano 2012 será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes tamén se poderán presentar a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo: https://sede.xunta.es

Artigo 3. Contía dos premios.

Outórganse os seguintes premios:

– Premio aos valores cooperativos, cunha dotación económica de 6.000 euros.

– Premio ao mellor proxecto cooperativo, cunha dotación económica de 6.000 euros.

– Premio á promoción do cooperativismo, cunha dotación económica de 6.000 euros.

Artigo 4. Financiamento.

A concesión das axudas económicas e premios previstos nesta convocatoria realizaranse con cargo aos recursos económicos asignados á Dirección Xeral de Relacións Laborais, nas aplicacións 12.03.324A.471.0 e 12.03.324A.480.1, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 2012, por un importe de 9.000 euros a cada unha delas, que se transferirán á conta de habilitación do Consello Galego de Cooperativas.

A utilización de dúas aplicacións faise de acordo co establecido no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG n.º 20, do 29 de xaneiro de 2009).

Disposición adicional primeira.

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar na persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais para resolver a concesión dos premios previstos nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, ou a súa revogación, así como para resolver os procedementos de reintegro dos importes indebidamente percibidos.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2012.

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file