Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Venres, 20 de abril de 2012 Páx. 14402

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 9 de abril de 2012 pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2012.

Desde o ano 1991 vénse apoiando mediante subvencións a creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social, co fin de cooperar de forma efectiva co fomento, creación e funcionamento das diversas modalidades de economía social, en virtude do acordado na Mesa de Concertación Social; e desde o ano 1993, como consecuencia dos acordos Xunta de Galicia-sindicatos aprobados pola mesa xeral o 23 de outubro de 1992, estableceuse unha liña de axuda destinada aos sindicatos máis representativos coa finalidade de subvencionarlles plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais e gabinetes sindicais de formación.

Conforme o anterior, anúncianse nesta orde os seguintes tipos de axudas:

Programa I. Axuda para o desenvolvemento das actividades das centrais sindicais durante o ano 2012.

Programa II. Axuda ás centrais sindicais para a creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social.

Programa III. Axuda para gabinetes técnicos de formación e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.

O importe global das referidas axudas destinadas aos tres programas mencionados ascende a un total de un millón setecentos cincuenta e oito mil novecentos euros (1.758.900 €) que figura na Lei 11/2011, do 26 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012.

Concluído o proceso de eleccións sindicais previsto na disposición transitoria oitava do actual texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e en virtude do novo sistema de medición da representatividade das organizacións sindicais, para os efectos das axudas previstas nesta orde terase en conta a representatividade sindical en 31 de decembro de 2011 referida exclusivamente ao ámbito territorial de Galicia.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento desta lei, establecen o réxime xeral de concesión de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, normativa á cal, en consecuencia, se adaptará esta orde tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, obxectividade, concorrencia, transparencia, igualdade e non discriminación.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e de conformidade coas atribucións que teño conferidas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios aos fins para os que foron establecidos,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Ámbito de aplicación

Artigo 1. Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto a convocatoria das axudas previstas no artigo 4 do Decreto 106/1994, do 21 de abril, polo que se establece o réxime xeral das axudas e subvencións en materia de ámbito laboral e mellora das condicións de traballo que concederá a Consellería de Traballo e Benestar ás centrais sindicais con representación na Comunidade Autónoma de Galicia, para o desenvolvemento das súas actividades durante o ano 2012, para a creación ou mantemento de gabinetes de economía social e para gabinetes técnicos de formación, e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.

Para os efectos desta orde teranse en conta a representatividade sindical en 31 de decembro de 2011, referida exclusivamente ao ámbito territorial de Galicia.

2. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, así como no Decreto 106/1994, do 21 de abril, e nesta orde. O procedemento de concesión das axudas recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva de conformidade co previsto no artigo 19.2.º da Lei de subvencións de Galicia, e a repartición axustarase aos criterios que se establecen nesta orde.

3. Tipos de axudas.

Programa I. Axuda para o desenvolvemento das actividades das centrais sindicais durante o ano 2012.

Programa II. Axuda ás centrais sindicais para a creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social.

Programa III. Axuda para gabinetes técnicos de formación e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.

CAPÍTULO II
Programas

Sección 1.ª Programa I

Axuda para o desenvolvemento das actividades das centrais sindicais
durante o ano 2012

Artigo 2. Finalidade.

Será a de facilitarlles axudas económicas ás centrais sindicais con representación no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, para as actividades que lles son propias, de acordo co disposto na normativa legal vixente de aplicación e que se desenvolvan no ano 2012.

Artigo 3. Financiamento.

Esta axuda financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 12.03.324A.481.6 da Dirección Xeral de Relacións Laborais, cun crédito por importe de novecentos vinte e oito mil novecentos euros (928.900 €) co código de proxecto 2012/00593.

Artigo 4. Entidades beneficiarias e subvención.

O crédito que figura na citada aplicación orzamentaria será proporcionalmente distribuído entre as centrais sindicais a que se refire o artigo 2, segundo o número de representantes que tivesen en 31 de decembro de 2011 en virtude das eleccións realizadas nas empresas e nas administracións públicas no ámbito de Galicia.

Tomarase como denominación aquela con que figuren rexistradas na data antedita.

Non poderán ser beneficiarias das subvencións reguladas neste programa aquelas entidades que non cumpran os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Sección 2.ª Programa II

Axuda ás centrais sindicais para a creación ou mantemento de gabinetes
de asesoramento en materia de economía social

Artigo 5. Finalidade.

Será a de promover e apoiar a creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social.

Artigo 6. Requisitos.

Para poderen ser obxecto de subvención, os gabinetes de asesoramento en materia de economía social deberán estar integrados, como mínimo, por dúas persoas con titulación superior, unha das cales deberá ser necesariamente licenciada en Economía ou en Administración e Dirección de Empresas, e unha persoa auxiliar administrativa, contratadas a xornada completa para a realización das actividades propias dos gabinetes.

Artigo 7. Financiamento.

Esta axuda financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 12.03.324A.481.2 da Dirección Xeral de Relacións Laborais, cun crédito por importe de cento oitenta mil euros (180.000 €) co código de proxecto 2012/00596.

Artigo 8. Entidades beneficiarias.

Poderán ser beneficiarias desta axuda as centrais sindicais con representación na Comunidade Autónoma de Galicia segundo os resultados electorais referidos en 31 de decembro de 2011.

Non poderán ser beneficiarias das subvencións reguladas neste programa aquelas entidades que non cumpran os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 9. Subvención.

Do crédito que figura na aplicación orzamentaria citada no artigo 7 poderá destinarse, en concepto de axuda á creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social, corenta e nove mil setenta e tres euros (49.073 €) a cada unha das centrais sindicais máis representativas desta comunidade autónoma, de conformidade co establecido no artigo 7 da Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, e en virtude da representatividade sindical en 31 de decembro de 2011.

O resto do crédito, trinta e dous mil setecentos oitenta e un euros (32.781 €), dedicarase a atender as solicitudes das outras centrais con representación en Galicia, consonte os resultados electorais que se sinalan no artigo 8.

Se non se presentase ningunha solicitude ou o número das efectuadas fose escaso a criterio desta consellería, e unha vez atendidas estas, a consellería reserva para si a facultade de incrementar a contía das axudas do Programa I, consonte o criterio de distribución previsto para el, ou efectuar convocatorias complementarias.

Sección 3.ª Programa III

Axuda para gabinetes técnicos de formación e para plans de formación
de cadros e delegadas e delegados sindicais

Artigo 10. Finalidade.

Será a de fomentar os gabinetes técnicos de formación e a de facilitar e favorecer a formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.

Artigo 11. Financiamento.

Esta axuda financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 12.03.324A.481.7 da Dirección Xeral de Relacións Laborais, cun crédito por importe de seiscentos cincuenta mil euros (650.000 €) co código de proxecto 2012/00595.

Artigo 12. Entidades beneficiarias.

Poderán ser beneficiarias desta axuda as centrais sindicais intersectoriais con representación na Comunidade Autónoma de Galicia.

Non poderán ser beneficiarias das subvencións reguladas neste programa aquelas entidades que non cumpran os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde para o Programa III poderán subcontratar, por unha soa vez, a realización do plan de formación financiado con cargo a esta convocatoria, tendo en conta que a subcontratación non pode supoñer un aumento do custo de execución do plan subvencionado, e que deberá ser realizada consonte o establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Ademais, os/as subcontratistas deberán facilitarlles aos organismos de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás accións subcontratadas. Esta subcontratación poderá chegar ata o 100% do importe do plan.

Cando a actividade concertada con terceiros exceda o 20% do importe da subvención e o dito importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación estará sometida ao cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que o contrato se subscriba por escrito.

b) Que a súa subscrición a autorice previamente a entidade concedente da subvención.

Entenderase autorizada a subscrición do contrato a través da comunicación escrita da persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais, logo de solicitude da dita autorización pola entidade beneficiaria da subvención.

Artigo 13. Subvención.

O crédito total que figura na citada aplicación orzamentaria será proporcionalmente distribuído entre as centrais sindicais intersectoriais que o soliciten, segundo o número de representantes que tivesen en 31 de decembro de 2011 en virtude das eleccións realizadas nas empresas e nas administracións públicas no ámbito de Galicia. Tomarase como denominación aquela con que figuren rexistradas na data antedita.

CAPÍTULO III
Procedemento

Artigo 14. Solicitudes.

1. As solicitudes, que deberán formalizarse por separado para cada un dos programas, presentaranse segundo o modelo que figura no anexo I, no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Así mesmo, tamén poderán presentarse electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo: https://sede.xunta.es

2. O prazo de presentación de solicitudes será de 40 días hábiles contados a partir do día seguinte á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 15. Documentación xeral.

Cada solicitude deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Acordo do órgano reitor competente, debidamente acreditado, polo que se decida solicitar a subvención e poder suficiente que acredite a representación da persoa que actúe en nome da organización sindical solicitante. No caso de que efectúe a solicitude unha federación ou confederación e reclame a subvención en nome doutros sindicatos con representatividade deberán xuntar documentación acreditativa en que conste a autorización dos sindicatos para que a confederación a solicite no seu nome.

b) Memoria explicativa da actividade ou actividades desenvolvidas ou que vaia desenvolver a organización sindical, ou o gabinete de asesoramento en materia de economía social, ou o gabinete técnico de formación e sobre o plan de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais, segundo o tipo de axuda que se solicite.

Na memoria das actividades realizadas ou que vaia realizar a organización sindical, dentro do Programa II, derivadas da creación e mantemento de gabinetes de asesoramento, faranse constar detalladamente as actuacións en materia de economía social.

c) Fotocopia compulsada da tarxeta de persoas xurídicas co número de identificación fiscal.

d) Ficha de solicitude de transferencia bancaria.

e) Certificación da entidade bancaria acreditativa de que a central sindical solicitante é a titular da conta corrente que indica.

f) Declaración expresa de submisión ás actuacións de comprobación que acorde a Consellería de Traballo e Benestar e ás de control financeiro que lle correspondan á Consellería de Facenda e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

g) Declaración de conxunto de todas as solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas, para a mesma actividade, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

h) Declaración expresa de non incorrer nas circunstancias previstas no artigo 10.2.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Documentación específica.

Cando se trate de axudas para a creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social, ademais da documentación sinalada no artigo anterior, deberase xuntar copia compulsada dos contratos de traballo do persoal adscrito ao gabinete e documento que acredite que figura de alta na Seguridade Social como persoal traballador da central solicitante.

Cando se trate de axudas para gabinetes técnicos de formación e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais, a central sindical solicitante deberá acreditar que ten a condición de intersectorial.

Artigo 17. Tramitación.

1. As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á Dirección Xeral de Relacións Laborais, para que o Servizo de Relacións Laborais comprobe se a solicitude ou a documentación presentada reúne os requisitos exixidos nos artigos anteriores, e no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirase a entidade interesada para que nun prazo de 10 días emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se terá por desistida da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

2. Unha vez realizado o trámite anterior os expedientes remitiranse á comisión de valoración para que emita informe previo á elevación perante o órgano competente para formular a proposta de resolución.

3. Para os efectos do disposto no número anterior a comisión de valoración estará formada polos seguintes membros: a persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais, quen presidirá, a persoa titular da Subdirección Xeral de Traballo, a persoa titular do Servizo de Relacións Laborais e unha persoa titular dunha sección da Dirección Xeral de Relacións Laborais que actuará como secretario ou secretaria, por designación da persoa responsable da Dirección Xeral de Relacións Laborais.

Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída polo funcionario ou funcionaria que para o efecto designe a persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais e, sempre que sexa posible, o nomeamento deberá recaer nunha persoa cuxo posto de traballo estea adscrito á dirección xeral.

Artigo 18. Resolución.

A resolución das axudas, logo do informe da comisión de valoración e da proposta da persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais e a fiscalización da Intervención Delegada da consellería, corresponderalle á conselleira de Traballo e Benestar, e notificaráselles ás entidades interesadas no prazo de dez días a partir da data en que se dite a resolución. As resolucións deberán ser sempre motivadas.

O prazo para resolver e notificar será de tres meses contados desde que a solicitude da entidade interesada teña entrada no rexistro correspondente. A dita resolución poñerá fin a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Transcorrido o prazo para resolver o procedemento sen que se dite resolución expresa, entenderase que esta é desestimatoria da concesión da axuda ou subvención.

De conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Traballo e Benestar publicará na súa páxina web e no DOG a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

Coa presentación da solicitude préstase expreso consentimento á Consellería de Traballo e Benestar para incluír e facer públicos, no rexistro regulado no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas. Os datos de carácter persoal dos titulares de expedientes de axudas e subvencións están protexidos segundo o establecido na Lei 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición de datos de carácter persoal (artigo 5 da antedita lei) exerceranse ante o CIXTEC como órgano responsable dos ficheiros (rúa Domingo Fontán, 9, 15702 Santiago de Compostela).

Artigo 19. Forma de pagamento e xustificación.

1. Unha vez notificada a resolución de concesión de subvención e previamente ao seu cobramento a entidade beneficiaria dispoñerá dun prazo de 10 días para a súa aceptación, transcorrido este sen que se producise manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada segundo o disposto no artigo 21.5, ordinal 2.º, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, o prazo de presentación da xustificación das axudas concedidas rematará o 31 de outubro de 2012, agás que na resolución de concesión se estableza unha data posterior.

2. Poderase facer efectivo para os tres programas, logo de solicitude e en concepto de anticipo, ata o 25% do total da contía da subvención, no momento en que se teña constancia da aceptación da subvención concedida.

3. As axudas, con carácter xeral, poderán facerse efectivas nunha ou varias fases. A administración poderá efectuar un pagamento único ou varios pagamentos parciais á entidade beneficiaria segundo se xustifique a realización das actividades subvencionadas e os gastos delas derivados.

No caso de que a subvención concedida sexa superior a seis mil dez con doce euros, e de conformidade co disposto no artigo 62 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, tamén se poderán acordar pagamentos parciais á conta da liquidación definitiva, a medida que a entidade beneficiaria xustifique os gastos, ata unha porcentaxe máxima do 80% da subvención concedida.

4. A xustificación das actividades subvencionadas e dos gastos derivados delas realizarase mediante a presentación da seguinte documentación:

a) Certificacións, nas cales figuren a desagregación detallada dos gastos contraídos polas actividades obxecto de subvención, expedidas pola persoa responsable da contabilidade da central sindical, con poder suficiente para o efecto, o que deberá acreditarse documentalmente.

b) Facturas orixinais ou copias compulsadas, debidamente conformadas pola persoa representante do sindicato, nas cales figure o destino concreto do gasto, que deberá axustarse á finalidade da subvención. Ademais, deberanse presentar os xustificantes de pagamento das ditas facturas de acordo co disposto nos artigos 28 e 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Declaración de que as facturas e demais documentación que se presenten para o efecto de xustificar o gasto subvencionado non foron nin serán presentadas como xustificación para a concesión doutras axudas por calquera outra administración ou institución pública.

En todo caso, as ditas xustificacións poderanse complementar cos medios de xustificación previstos nos artigos 46 e 47 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e terán que presentarse antes do 31 de outubro de 2012.

d) No caso de que se realice a subcontratación das actividades subvencionadas prevista no artigo 12 desta orde, as entidades beneficiarias do Programa III achegarán copia compulsada do contrato subscrito con terceiros para a execución total ou parcial das ditas actividades se fose necesario, segundo o establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Transcorrido o prazo establecido no número 1 deste artigo, ás entidades beneficiarias que non presentasen a documentación de xustificación final dos gastos poderáselles exixir o reintegro das cantidades percibidas en concepto de anticipo, así como os pagamentos parciais efectuados, consonte o disposto na disposición adicional segunda desta orde.

5. No momento da xustificación total da actividade subvencionada, deberá presentarse declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade , tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou, de ser o caso, que non solicitou ou percibiu outras axudas ou subvencións.

Esta comunicación deberá ser individualizada por programa e deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

6. No momento da xustificación de execución total da actividade subvencionada e, en calquera caso, antes do último pagamento, deberase presentar unha memoria das actividades realizadas dentro de cada un dos programas obxecto de subvención.

Na memoria das actividades realizadas, que son obxecto de subvención, dentro do Programa II, e que derivan da creación e mantemento de gabinetes de asesoramento, faranse constar detalladamente as actuacións desenvolvidas en materia de economía social.

Artigo 20. Compatibilidade e comprobación da aplicación das subvencións.

Estas axudas serán compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra administración ou ente público ou privado, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sen prexuízo de que o importe das subvencións percibidas, illadamente ou en concorrencia con outras axudas ou subvencións, non supere o custo da actividade que se vai desenvolver.

A Dirección Xeral de Relacións Laborais poderá comprobar en todo momento a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Cando se trate de axudas destinadas á creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social, achegaranse antes do 10 de febreiro de 2013 os boletíns oficiais de cotización á Seguridade Social onde figuren os traballadores e traballadoras con adscrición ao gabinete durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2012 ou desde a data da súa creación, se esta fose posterior, ata o 31 de decembro de 2012.

Disposición adicional primeira.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o establecido no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional segunda.

No caso de que a entidade beneficiaria da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas nesta orde, a Consellería de Traballo e Benestar procederá ao reintegro total ou parcial da subvención concedida, e solicitará a devolución das cantidades percibidas e os correspondentes xuros de demora xerados desde o momento do seu pagamento, de habelos, segundo o disposto nos artigos 74 e seguintes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e nos artigos 33, 37 e 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira.

En todo o non regulado nesta orde aplicaranse de forma supletoria a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira segunda.

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira terceira.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2012.

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file