Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Venres, 20 de abril de 2012 Páx. 14458

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 13 de abril de 2012 pola que se establece o réxime de axudas á apicultura e se convocan para o ano 2012.

O Regulamento (CE) n.º 1234/2007 do Consello, do 22 de outubro, crea unha organización común de mercados agrícolas e establece disposicións específicas para determinados produtos agrícolas (Regulamento único para as OCM). Este último regulamento recolle as axudas a estes programas apícolas no artigo 105 e seguintes.

En España, o Real decreto 519/1999, do 26 de marzo, modificado polo Real decreto 209/2000, do 22 de febreiro, polo que se establecen normas de ordenación das explotacións apícolas, e tamén polo Real decreto 448/2005, do 22 de abril, de modificación destes dous reais decretos citados, establece un réxime de axudas á apicultura no marco dos programas nacionais anuais.

O programa de mellora da produción e a comercialización dos produtos da apicultura presentado por España foi aprobado pola Comisión Europea na Decisión do 14 de setembro de 2010.

No marco do dito programa nacional establécese un réxime de axudas destinadas a mellorar a produción e a comercialización dos produtos da apicultura, no cal a participación financeira corresponde ata un 50% ao financiamento comunitario, ata un 25% corresponde ao financiamento do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e a restante porcentaxe á Consellería do Medio Rural e do Mar.

No artigo 108 do Regulamento (CE) n.º 1234/2007, do Consello, establécese que os gastos dos Estados membros deberán efectuarse, como máis tarde, o 15 de outubro, data en que se deben ter presentados os xustificantes de gasto por parte do Estado membro da Unión Europea. Para adiantar no posible a data de pagamento das axudas, cómpre que os gastos correspondentes ás accións realizadas se xustifiquen perante a Consellería do Medio Rural e do Mar no prazo fixado na resolución de concesión da axuda, sen que en ningún caso poida exceder do 27 de xullo de 2012.

Na súa virtude, de conformidade co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confiren o artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases dun réxime de axudas para o fomento daquelas actividades destinadas a mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura, e proceder á súa convocatoria para o ano 2012.

Artigo 2. Finalidade das axudas, contías e límites.

Poderán ser obxecto das axudas, de acordo coa normativa comunitaria, aquelas actividades ou investimentos que estean recollidos no programa nacional, e encamiñadas a acadar os obxectivos das seguintes liñas de actuación:

a) Prestar información e asistencia técnica: asesoramento e formación de apicultores en ámbitos distintos da sanidade apícola, formación de persoal de centros de envasamento e de laboratorios de organizacións apícolas, técnicas apícolas, divulgación. Para esta liña a subvención será de ata o 50% dos gastos.

b) Loita contra a varroase, actividades inescusablemente ligadas a un programa sanitario supervisado por un veterinario responsable da súa correcta aplicación e funcionamento: asociacións de defensa sanitaria, custos de tratamentos químicos autorizados que non sexan subvencionados doutro xeito, métodos de loita biolóxica, mellora das condicións de tratamento das colmeas. Para esta liña a subvención será de ata o 50% dos gastos en produtos, outros materiais e asistencia técnica relacionada coa sanidade apícola, e de ata o 30% do custo da contratación dun veterinario, ou de ata o 80% no suposto de que a contratación sexa en exclusividade, cunha limitación de 25.000 euros para subvención deste contrato.

c) Racionalizar a transhumancia: identificación das colmeas e dos marcos, investimentos en equipamentos de uso exclusivo para manipulación de colmeas transhumantes, divulgación de boas prácticas de transhumancia, acondicionamento de espazos para facilitar a transhumancia. Con cargo a esta liña, aboarase a subvención do seguro de responsabilidade civil, tanto para as colmeas estantes como para as transhumantes. Para esta liña a subvención será de ata o 50% dos gastos, agás a identificación das colmeas, en que a subvención será de ata o 70%.

En relación co establecido neste artigo, a subvención concedida a cada explotación apícola por liña de actuación, con cargo a esta orde de axudas, non poderá superar a cantidade de 25.000 euros no caso de persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas, ou de 60.000 euros no caso de cooperativas apícolas e organizacións representativas con personalidade xurídica propia, en canto existan outros titulares de explotacións que non obtivesen, por baixo do dito límite, a axuda solicitada e para a cal xustificasen o gasto.

A subvención máxima que se concederá calcularase multiplicando o número de colmeas situadas na Comunidade Autónoma incluídas no programa sanitario por 10 euros, sen superar o límite de 100.000 euros por solicitude, e tendo en conta o establecido no artigo 3.2.

Artigo 3. Beneficiarios.

1. Poderán optar ás axudas previstas no artigo 2:

a) Aquelas persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas. Será requisito para a obtención das axudas estar inscrito no rexistro oficial apícola da comunidade autónoma polo menos con anterioridade ao primeiro de xaneiro do ano 2011. Ademais, os beneficiarios deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

b) Cooperativas apícolas, organizacións representativas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia, integradas na súa maioría por apicultores que cumpran os requisitos da letra a).

As alvarizas abandonadas e as colmeas mortas non darán dereito ao cobramento de axudas polo seu titular.

Un mesmo apicultor só poderá ser beneficiario de axuda por unha mesma actuación de forma única para cada unha das súas explotacións, ben sexa a título individual ou ben como integrante dunha cooperativa ou organización representativa.

2. Para poderen acollerse ás ditas medidas da axuda os apicultores deberán:

a) Realizar ao menos un tratamento ao ano fronte á varroase, de acordo co establecido no Real decreto 608/2006, do 19 de maio, polo que se establece e se regula un programa nacional de loita e control das enfermidades das abellas.

b) Dispoñer dun seguro de responsabilidade civil.

c) Ser titulares dunha explotación con mais de 75 colmeas, se solicitan axuda para realizar a transhumancia.

3. Será preciso presentar a documentación correspondente segundo a seguinte relación:

3.1. As persoas físicas (apicultores), integrados ou non nunha asociación ou organización de apicultores, presentarán solicitudes individuais, xuntando á solicitude a seguinte documentación:

a) No caso de representación exixirase autorización para facer a solicitude nos termos exixidos no artigo 32 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) Xustificación da identificación das colmeas (declaración xurada e modo de identificación) e número de colmeas.

c) Fotocopia compulsada das tres follas do libro de rexistro (caderno de explotación apícola) onde figuren os datos do titular, actualización do número de colmeas e dos servizos veterinarios oficiais.

d) Nas axudas da liña de loita contra a varroase, declaración xurada do veterinario responsable de compromiso previo de execución e posterior xustificación do programa.

e) Programa de actuación que pretende desenvolver: memoria onde figuren os datos do apicultor, número de colmeas, descrición e finalidade dos, incluíndo orzamentos ou facturas proforma dos investimentos. Cando o gasto subvencionable supere o importe de 50.000 euros para obras ou 18.000 euros para subministracións ou prestacións de servizos, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores e xustificar a elección, nos termos especificados no artigo 31.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

f) Dispoñibilidade dos terreos nos cales pretenda facer os asentamentos das alvarizas, así como permisos ou licenza das obras que pretenda realizar para a colocación das colmeas e/ou de adecuación ou mellora dos accesos, de ser o caso.

g) Memoria explicativa da realización da transhumancia (resumo e esquema da situación de orixe das colmeas e do destino onde se pretende realizar a transhumancia, e datas probables do movemento), de ser o caso.

h) Xustificación da exclusividade dos equipamentos para a actividade transhumante, de ser o caso.

i) Xustificación de ter subscrito un seguro de responsabilidade civil.

j) Declaración da existencia ou non de solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, así como doutros ingresos ou recursos que financien o proxecto, mediante a declaración que figura no anexo III.

3.2. As persoas xurídicas (cooperativas apícolas, asociacións e organizacións representativas con personalidade xurídica propia, ou calquera outro tipo de sociedade ou entidade) achegarán a solicitude coa seguinte documentación:

a) Certificación do órgano competente na cal se especifique o acordo polo que se concede autorización para facer a solicitude ao asinante dela. Se actuar en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia. De non ser así, deberá acreditarse a representación conforme o artigo 32 da Lei 30/1992.

b) Certificación do órgano competente que acredite o desempeño actual do cargo.

c) Acta de constitución da asociación ou organización ou copia compulsada dos estatutos.

d) Relación nominal de socios actualizada, en formato electrónico, con NIF, número de colmeas, e concello/s onde se atopan situadas, de cada un dos socios.

e) Xustificación da identificación das colmeas (declaración xurada e modo de identificación).

f) Fotocopia compulsada do libro de rexistro de cada un dos integrantes, das tres follas onde figuran os datos do titular, actualización do número de colmeas e selo dos servizos veterinarios oficiais.

g) Copia do contrato do veterinario responsable da execución do programa sanitario de loita contra a varroase, se e o caso.

h) Nas axudas da liña de loita contra a varroase, declaración xurada do veterinario responsable de compromiso previo de execución e posterior xustificación do programa.

i) Programa de actuación que pretende desenvolver para cada unha das liñas de axudas solicitadas: memoria descritiva de cada actuación onde figuren os datos dos apicultores incluídos no programa, número de colmeas, descrición e finalidade dos investimentos, incluíndo orzamentos pormenorizados e/ou facturas proforma dos investimentos. Cando o gasto subvencionable supere o importe de 50.000 euros para obras, ou 18.000 euros para subministracións ou prestacións de servizos, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores e xustificar a elección, nos termos especificados no artigo 31.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

j) Declaración da existencia ou non de solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, así como doutros ingresos ou recursos que financien o proxecto, mediante a declaración que figura no anexo III.

k) Xustificación do cumprimento das alíneas g), h), i) e j) do artigo 3.3.1).

De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

De acordo co artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de axuda polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, agás para os beneficiarios das axudas que non superen un importe de 1.500 euros, que non o precisan.

Artigo 4. Presentación de solicitudes.

As solicitudes presentaranse preferentemente nos rexistros dos órganos dependentes da Consellería do Medio Rural e do Mar. Así mesmo, poderán presentarse no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia – Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, en Santiago de Compostela, así como nos demais lugares e formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no Decreto 191/2011, do 22 de setembro, e tamén poderán ser presentadas a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no seguinte enderezo: https://sede.xunta.es. No caso de envío por correo farase de acordo co regulamentariamente previsto, no artigo 31 do Real decreto 1829/1999, do 3 de decembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regula a prestación dos servizos postais, en desenvolvemento do establecido na Lei 24/1998, do 13 de xullo, do servizo postal universal e de liberalización dos servizos postais, presentándose en sobre aberto, co obxecto de que na cabeceira da primeira folla do documento que se queira enviar se faga constar con claridade o nome da oficina e a data, o lugar, a hora e minuto da súa admisión.

As solicitudes axustaranse aos modelos que figuran como anexo I (solicitudes individuais de persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas) e anexo II (solicitude de cooperativas apícolas e organizacións representativas con personalidade xurídica propia).

Artigo 5. Prazo de presentación.

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 6. Tramitación, resolución e recurso administrativo.

1. O órgano competente para a instrución e tramitación do procedemento é a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria.

Recibidas as solicitudes de axudas e a súa documentación, serán examinadas polos servizos técnicos, que, se observan algunha deficiencia, concederán ao solicitante un prazo de 10 días para emendalas consonte o artigo 71 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999. Transcorrido este prazo sen que se produza a emenda ao expediente, terase por desistido da súa petición, logo da súa resolución.

2. Efectuadas as comprobacións e estudos pertinentes, para a avaliación das solicitudes presentadas constituirase un órgano colexiado formado polo subdirector xeral de Gandaría, o xefe do Servizo de Sanidade Animal e o xefe do Servizo de Dotación de Medios, que emitirá un informe que conterá unha relación dos solicitantes para os cales se propón a concesión de subvención e a contía, así como daqueles para os cales se propón a denegación da subvención solicitada e que será elevado ao director xeral de Produción Agropecuaria para a formulación da proposta de concesión.

3. Os criterios obxectivos de outorgamento serán os seguintes:

No caso de que as axudas superen o crédito dispoñible seguirase a prioridade seguinte entre liñas: primeira liña b) loita contra varroase; segunda liña c) transhumancia; terceira liña a) asistencia técnica; e dentro de cada liña:

– Para a liña b) de loita contra a varroase terán prioridade aquelas solicitudes presentadas por agrupacións de defensa sanitaria apícola ou figura equivalente. Dentro delas terán prioridade aquelas que reúnan un maior número de colmeas propiedade dos apicultores que as integren.

– Para a liña c) de racionalización da transhumancia terán prioridade aquelas solicitudes presentadas polos apicultores que reúnan un maior número de colmeas.

– Para a liña a) de información e asistencia técnica terán prioridade as solicitudes presentadas por cooperativas apícolas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia sobre as presentadas polo resto de persoas físicas ou xurídicas. Dentro delas terán prioridade aquelas que reúnan un maior número de colmeas propiedade dos apicultores que as integren.

As axudas serán adxudicadas a aquelas solicitudes que queden colocadas diante na prelación establecida en función dos criterios anteriores. A determinación da contía será a fixada no artigo 2 para todos os beneficiarios, ata o esgotamento do crédito dispoñible.

A correspondente proposta de resolución da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria elevarase ao secretario xeral do Medio Rural e Montes, a quen lle corresponderá a resolución das axudas por delegación da conselleira do Medio Rural e do Mar, no prazo máximo de seis meses contados desde o día seguinte ao de publicación desta orde. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, as solicitudes poderán entenderse desestimadas por silencio administrativo. Contra a dita resolución, que esgota a vía administrativa, poderán interpoñerse os seguintes recursos:

1. Potestativamente, recurso de reposición ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses, contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

2. Directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación.

A resolución notificarase na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Prazo de realización.

O prazo en que debe ser realizada a actividade axudada rematará antes do 21 de xullo do ano 2012.

Antes do 28 de xullo deberán entregarse nas oficinas comarcais agrarias as xustificacións de ter realizado as actuacións e os documentos xustificativos de ter feito o pagamento (movemento bancario) dos gastos relacionados (facturas, nóminas, etc).

Artigo 8. Pagamento das axudas.

1. O pagamento tramitarase logo de xustificación da execución do proxecto no prazo sinalado e, para tal efecto, o beneficiario deberá presentar a seguinte documentación por duplicado (orixinal e fotocopia que deberá ser compulsada):

a) Memoria de realización da actividade en que se indiquen as datas de realización, o número de asistentes a cursos, de ser o caso, e outros aspectos de interese, á cal se xuntará a documentación relacionada coa actividade, tal como programas, folletos, notas de prensa e outros.

b) Facturas por duplicado, nóminas, orixinais ou fotocopias compulsadas, e xustificación de pagamento dos gastos realizados (movemento bancario), xunto cunha relación delas cos importes agrupados polos conceptos que se describiron na memoria de solicitude. No caso de pagamento de salario, gratificacións, etc., deberá constar a retención correspondente polo IRPF e xustificación do seu ingreso en Facenda.

c) Declaración responsable na cal se expresen as axudas solicitadas, concedidas ou percibidas para o mesmo fin por calquera organismo estatal, autonómico, local ou institucional.

d) Se a actividade subvencionada correspondese á publicación en formato impreso, audiovisual ou multimedia de orixinais de material didáctico ou de divulgación sobre temas apícolas, dirixidos á formación en materia apícola, incluída a súa preparación e elaboración, sempre que a súa finalidade sexa a distribución gratuíta entre o público, entregarase, ademais do establecido no parágrafo anterior, un exemplar orixinal ou unha copia equivalente do material realizado ou algún exemplar editado no caso de que sexa impreso, cunha memoria que indique o seu destino e a xustificación da distribución.

e) No programa de loita contra a varroase, certificación do veterinario responsable acerca do número de explotacións en que foi executado, número de colmeas implicadas, doses de tratamento químico empregado, de ser o caso, e de cumprimento da normativa vixente en materia de medicamentos veterinarios.

2. A contía das axudas será satisfeita unha vez realizados os investimentos previstos en cada caso, despois da súa comprobación por parte dos servizos correspondentes da Consellería do Medio Rural e do Mar. En ningún caso se considerarán gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

3. O incumprimento das obrigas asumidas polo beneficiario suporá a perda total ou parcial da axuda, así como a obriga de restituír as cantidades percibidas, sen prexuízo doutras responsabilidades en que puideren incorrer os beneficiarios.

Artigo 9. Outras condicións.

En toda a documentación publicada relacionada coas actividades obxecto da axuda farase constar a frase «Esta actividade foi realizada cunha axuda económica da Consellería do Medio Rural e do Mar, Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e fondos Feaga da Unión Europea», cos correspondentes logotipos institucionais.

Artigo 10. Concorrencia con outras axudas.

A obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais e a alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 11. Inspección e control.

Farase un control administrativo sobre o 100% das solicitudes de axudas recibidas e un control sobre o terreo de, polo menos, o 5% das adxudicacións.

Os beneficiarios das axudas previstas nesta orde están obrigados a facilitar todos os labores de inspección ao persoal técnico das distintas administracións que cofinancian o programa, fornecendo todos os datos que sobre o particular lles sexan solicitados.

O beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida polo órgano xestor, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas e o Servizo de Auditoría Interna do Fogga no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

A Consellería do Medio Rural e do Mar reserva para si a facultade de realizar as comprobacións, inspeccións e controis que considere oportunos, verificando o cumprimento da finalidade da axuda. Para tal fin, o beneficiario deberá comunicar por escrito, de ser o caso, as datas e horas de realización das actividades obxecto de axuda con prazo suficiente para poder efectuar as comprobacións que se consideren oportunas.

No suposto de que, unha vez notificada a resolución de concesión, haxa algunha variación no calendario, nos prazos de execución da actividade sinalados na memoria da solicitude, ou calquera outra modificación, será comunicada á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria coa anticipación suficiente para que poida realizar as comprobacións que considere necesarias, para efectos de tramitar e propoñer a súa aprobación ou a denegación da devandita modificación.

Artigo 12. Financiamento.

As axudas establecidas nesta orde teñen o carácter de cofinanciadas polo Feaga da UE ata un 50%, o MARM ata un 25%, e a porcentaxe restante a comunidade autónoma, en virtude do Regulamento (CE) 1234/2007, do Consello, e o Real decreto 519/1999, do 26 de marzo, polo que se regula o réxime de axudas á apicultura no marco dos programas nacionais anuais.

A contía das axudas, polo importe máximo de 350.000,00 euros, será financiada con cargo aos créditos da aplicación orzamentaria 16.22.713-E.770.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012.

En ningún caso poderá a axuda financeira do Estado membro ser superior á da Comunidade, en virtude do artigo 1 da Decisión da Comisión do 10 de agosto de 2007, polo que a contía total de axudas aprobadas dependerá do importe de Feaga consignado a Galicia na repartición estatal.

De conformidade co disposto no número 4 do artigo 5 do Real decreto 519/1999, cando o importe das resolucións ditadas exceda, no que respecta aos importes que se financien mediante fondos achegados polo MARM, as contías aprobadas para a Comunidade Autónoma de Galicia, procederase a reducir proporcionalmente as contías unitarias das axudas.

Igualmente, as resolucións poderán ser modificadas incrementando a contía das axudas, para readxudicar a parte de crédito autorizado e non utilizado e recoñecido en obriga dentro do exercicio, por falta de xustificación polos beneficiarios da realización das actuacións ou incumprimento do resto das súas obrigas, sempre que non se excedan as limitacións establecidas nesta orde e seguindo a mesma orde de prioridade sinalada no artigo 6.

Artigo 13. Reintegro da axuda, infraccións e sancións.

O interesado ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como no seu réxime de infraccións e sancións.

Se como consecuencia dos controis se detectaren incumprimentos na execución do programa aprobado en aspectos relevantes para a súa efectividade, aplicaranse deducións sobre as axudas aprobadas ponderando a gravidade e frecuencia dos incumprimentos.

As deducións parciais aplicables serán as seguintes:

– Do 5% do importe da axuda para o caso de incumprimentos relevantes detectados no 10% das explotacións inspeccionadas ou controis realizados.

– Do 15% do importe da axuda para o caso de incumprimentos relevantes detectados no 20% das explotacións inspeccionadas ou controis realizados.

– Do 25% do importe da axuda para o caso de incumprimentos relevantes detectados no 30% das explotacións inspeccionadas ou controis realizados.

– Do 50% do importe da axuda para o caso de incumprimentos relevantes detectados no 40% das explotacións inspeccionadas ou controis realizados.

En caso de detectar un mesmo tipo de incumprimento na execución do programa sanitario en máis dun 40% das explotacións gandeiras inspeccionadas, perderase o dereito á axuda naqueles puntos en que incida o incumprimento constatado.

Disposición adicional primeira.

Os peticionarios das axudas presentarán, coa solicitude inicial, unha declaración do conxunto de todas as solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

Disposición adicional segunda.

En todas aquelas cuestións non previstas na presente orde será de aplicación o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, BOE n.º 276 do martes 18 de novembro de 2003, o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase o director xeral de Produción Agropecuaria para ditar as instrucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2012.

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file