Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Xoves, 26 de abril de 2012 Páx. 15319

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 12 de abril de 2012 pola que se convoca para o ano 2012 a concesión de subvencións para actuacións de rehabilitación, para familias e comunidades de propietarios, ao abeiro do Programa Renove do Plan de Vivenda e Rehabilitación 2009-2012.

O Decreto 402/2009, do 22 de outubro, constitúe o marco normativo polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, para o período 2009-2012.

O seu artigo 4.2.º establece que «as subvencións deste decreto, con cargo a axudas finalistas do Estado xestionadas pola Comunidade Autónoma de Galicia e que figuren nos seus orzamentos xerais, así como os que se financian con fondos propios da Comunidade Autónoma, estarán sometidas á normativa reguladora das subvencións públicas e, en concreto, á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Este decreto establece as bases reguladoras destas subvencións de acordo co procedemento do artigo 19.2.º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia».

Á vista do anterior, e para dar cumprimento ao disposto no artigo 4.3.º do Decreto 402/2009, en canto dispón que o importe das axudas se establecerá mediante ordes de convocatoria anuais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e en virtude das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e o Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar a convocatoria para o procedemento de concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas aos promotores de actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas existentes acollidos, mediante cualificación protexida, ao Plan de Vivenda e Rehabilitación 2009-2012, segundo o disposto no Decreto 402/2009, do 22 de outubro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, para o período 2009-2012.

2. As bases reguladoras foron aprobadas mediante o Decreto 402/2009, do 22 de outubro, publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 217, do 5 de novembro.

Artigo 2. Persoas beneficiarias.

Poderán solicitar as subvencións aquí reguladas as persoas físicas e comunidades de propietarios que promovesen actuacións de rehabilitación e que estean en posesión da cualificación definitiva, e ademais cumpran as condicións e requisitos que prevén os artigos 8 e 62 do Decreto 402/2009, do 22 de outubro.

Artigo 3. Contía das subvencións.

1. No que atinxe ao importe das axudas, atenderase ao establecido no artigo 63 do Decreto 402/2009, do 22 de outubro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, para o período 2009-2012, ademais do establecido nesta orde de convocatoria.

Artigo 4. Gasto subvencionable.

1. Considérase gasto subvencionable o orzamento da actuación que figure na cualificación definitiva emitida polo correspondente xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, sempre que se xustifique o seu efectivo pagamento, de conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. No suposto de que a cantidade xustificada sexa inferior ao orzamento da cualificación definitiva, o pagamento da subvención reducirase proporcionalmente de acordo co establecido no artigo 60 do Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 5. Solicitudes.

1. As solicitudes deberán ir dirixidas á área provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) que, por razón da situación da vivenda rehabilitada, corresponda. Deberán presentarse nas oficinas de rexistro do IGVS e tamén se poderán presentar a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es).

Non obstante o anterior, poderase presentar tamén nos rexistros de calquera outro órgano das administracións que teñan subscrito o oportuno convenio ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Neste caso, a data de entrada no Rexistro do IGVS será a que se tome en conta para efectos da prioridade das solicitudes prevista no artigo 7.5 desta orde.

2. A presentación da solicitude comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente solicite de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos. No caso de que non se puidesen obter de oficio, requiriráselle ao interesado a súa presentación. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, e deberá presentar entón as certificacións ou acreditacións indicadas.

3. Estas solicitudes, que figuran como anexos I, II e III, segundo a subvención que se solicite, deberán ir xunto coa seguinte documentación:

a) Autorización para consultar os datos de identidade e, de ser o caso, autorización para solicitar a acreditación de discapacidade, de non outorgala, fotocopia compulsada do DNI do solicitante e/ou da acreditación da discapacidade, tal e como se indica nos modelos anexos I, II e III.

b) Declaración responsable sobre a veracidade do solicitante de ter aberta, ao seu nome, a conta en que desexe que se realice o pagamento, xunto cos anexos I e II, segundo corresponda.

c) Se é o caso, certificación da entidade de crédito conforme concedeu o préstamo convido ao abeiro do Plan de Vivenda e Rehabilitación 2009-2012.

d) Copias compulsadas das facturas e xustificantes de pagamento, de acordo co establecido no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo a relación que figura como anexo IV á solicitude.

e) Declaración responsable da unidade familiar, segundo modelo anexo V, para os efectos da solicitude das axudas de vivenda e autorización para solicitar por vía telemática as acreditacións relativas a ingresos e débedas.

f) Documentación acreditativa do uso da vivenda, segundo consta no modelo anexo II.

g) Declaración de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma actuación nas distintas administracións públicas competentes, tal e como consta nos anexos I, II e III.

Artigo 6. Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 7. Procedemento de tramitación das subvencións.

1. O procedemento iniciarase mediante a presentación, por parte do interesado, da solicitude que se incorpora como anexo a esta orde, debidamente cuberta, á cal se deberá xuntar a documentación que nela se indica consonte o establecido nesta orde.

2. Se a solicitude ou documentación presentadas non reunisen os requisitos exixidos, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de dez días hábiles, emende ou xunte os documentos preceptivos e advírteselle que, no caso de non completar o citado requirimento, se terá por desistida da súa petición, de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Non obstante, o Instituto Galego da Vivenda e Solo poderá solicitar cantos documentos considere necesarios para ditar resolución.

4. Unha vez completado o expediente e analizado este, así como feitas as comprobacións oportunas, e emitido o certificado acreditativo da verificación do cumprimento de requisitos polo beneficiario, o/a xefe de área provincial do IGVS elevará a proposta de resolución e pagamento de cada expediente ao titular da Dirección Xeral do IGVS, quen, á vista dela e tendo en conta o límite orzamentario establecido nesta orde, resolverá o que segundo dereito proceda.

5. Se o orzamento establecido para esta axuda non fose suficiente para proceder ao pagamento de todas as solicitudes, aplicarase o criterio de prioridade pola entrada das solicitudes que reúnan os requisitos do artigo 5 desta orde.

Artigo 8. Resolución das subvencións.

1. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de dous meses de acordo co artigo 7 do Decreto 402/2009. Transcorrido este prazo sen que se ditase e notificase resolución expresa, os interesados que solicitasen as subvencións convocadas por esta orde poderán entender desestimada a súa solicitude.

2. Contra a resolución da Dirección Xeral do IGVS poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co previsto no artigo 7 do Decreto 402/2009.

Artigo 9. Pagamento das subvencións.

1. O pagamento das subvencións aos beneficiarios realizarase mediante transferencia bancaria á conta que para o efecto sinale o beneficiario.

2. A cualificación definitiva, terá a consideración de memoria de actuación xustificativa do cumprimento para os efectos do previsto no artigo 48 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 10. Compatibilidade e incompatibilidade.

1. Esta subvención é incompatible coas axudas establecidas para as áreas de rehabilitación integral e as áreas de renovación urbana.

2. A suma das axudas financeiras estatais e as que se recollen nesta orde, así como as doutras administracións ou organismos públicos que correspondan, non poderá superar o 75% do orzamento protexido das actuacións, de acordo co establecido no artigo 75 da Lei 18/2008, do 29 de decembro, de vivenda de Galicia.

Artigo 11. Reintegro da subvención.

1. O incumprimento ou falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención, comportará, ademais das sancións que puidesen corresponder, o reintegro da subvención percibida incrementada co xuro legal correspondente desde o seu pagamento máis o 25%, segundo establece o artigo 34 da Lei de subvencións de Galicia, salvo que a Lei de orzamentos xerais do Estado estableza outro diferente.

2. Tamén serán motivo de reintegro os supostos previstos no artigo 33 da Lei de subvencións de Galicia.

3. O procedemento para o reintegro será o establecido no artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 12. Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras subvencións, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O/A director/a xeral do IGVS, ou persoa en quen delegue, por proposta da área provincial, ditará resolución expresa, debidamente motivada, na cal figure o motivo da modificación da resolución de concesión ou da perda do dereito á subvención, e comunicaralle ao interesado a obriga de devolver as cantidades anteriormente percibidas en concepto de subvención.

3. Contra a resolución da Dirección Xeral do IGVS poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co previsto no artigo 7 do Decreto 402/2009.

Artigo 13. Publicidade.

1. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas no devandito rexistro, así como as sancións impostas, de ser o caso.

2. De conformidade co artigo 13.4.º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e o artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, este organismo publicará na súa páxina web oficial e no Diario Oficial de Galicia a relación dos beneficiarios e o importe das subvencións concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios para os efectos das citadas publicacións.

3. Os datos de carácter persoal relacionados coa solicitude, e solicitados no correspondente impreso de solicitude de subvencións, integraranse nun programa informático de carácter permanente, á disposición do Instituto Galego da Vivenda e Solo, para os únicos efectos de tramitación da solicitude, extracción de informes estatísticos e cumprimento das obrigas recollidas neste artigo. A negativa a cubrir calquera dos datos solicitados no impreso de solicitude suporá a imposibilidade de continuar coa tramitación da solicitude.

Artigo 14. Deber de colaboración e facultade de inspección.

1. As persoas beneficiarias ademais de cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, están obrigadas a facilitar toda a información que requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

2. Desde o momento da presentación da solicitude poderanse realizar todas as inspeccións ou comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados ou o destino da subvención concedida.

Artigo 15. Crédito orzamentario e contía.

As subvencións que se convocan mediante esta orde concederanse con cargo ao crédito que figura consignado para esta finalidade nos orzamentos de gastos do Instituto Galego da Vivenda e Solo para 2012, na aplicación orzamentaria 2012 07 83 451A 780.1, para familias e institucións sen fins de lucro por importe máximo de 1.350.000 euros.

Disposición adicional única.

Delégase no director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo a competencia para resolver sobre a ampliación das contías aquí establecidas, que producirá os seus efectos logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira única.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ajo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2012.

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file