Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Venres, 11 de maio de 2012 Páx. 17700

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCIÓN do 26 de abril de 2012, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar, pola que se procede a publicar a encomenda de xestión á empresa Tecnología y Servicios Agrarios, S.A. (Tragsatec) para a realización dos traballos técnicos de colaboración coa autoridade de xestión do Programa de Desenvolvemento Rural 2007/2013, durante o ano 2012.

Coa finalidade de dar cumprimento ao disposto no artigo 9.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, procédese a publicar no Diario Oficial de Galicia a orde de execución da extinta Consellería do Medio Rural a Tragsatec para a realización dos traballos técnicos de colaboración coa autoridade de xestión do Programa de Desenvolvemento Rural 2007/2013, durante o ano 2012.

Para xeral coñecemento, disponse a súa publicación como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2012.

Francisco José Vidal-Pardo Pardo
Secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural e do Mar

ANEXO

Primeiro. Actividade a que se refire.

A actividade a que se refire esta encomenda de xestión é a realización dos seguintes traballos:

– Apoio na realización das tarefas de avaliación continua do PDR responsabilidade da autoridade de xestión.

– Apoio nas tarefas de seguimento do PDR en Galicia.

– Apoio xurídico na preparación do informe intermedio anual, modificacións do programa, exame anual do programa do artigo 83 do Regulamento 1698/2005 e para o estudo e seguimento da tramitación dos novos regulamentos comunitarios de aplicación ao fondo Feader.

Segundo. Natureza e alcance da xestión encomendada.

Esta encomenda de xestión ten natureza intersubxectiva, ao ter Tragsatec a consideración de medio propio instrumental da Administración segundo o disposto na disposición adicional vixésimo quinta do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, e do Real decreto 1072/2010, do 20 de agosto, polo que se desenvolve o réxime xurídico da empresa Tragsa e das súas filiais, entre as cales se atopa Tragsatec.

Terceiro. Prazo de vixencia.

O período de execución comezará o 1 de xaneiro de 2012 e rematará o 15 de xullo de 2012, sen que se recolla posibilidade de prórroga.