Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Mércores, 30 de maio de 2012 Páx. 20692

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 22 de maio de 2012, da Secretaría Xeral para o Turismo, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a actuacións de mellora dos campamentos de turismo en Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013.

Os campamentos de turismo, xeralmente coñecidos como cámpings, deviñeron en sinónimo de turismo alternativo, representado polo contacto coa natureza en vacacións e tempo libre.

Por outra parte, o Programa operativo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Galicia 2007-2013 é un documento de programación comunitaria aprobado pola Comisión Europea que recolle a articulación da estratexia da Xunta relacionada con distintos eixes prioritarios de intervención. Nestes eixes establécense medidas dirixidas á mellora da calidade de vida nas zonas rurais e medidas para mellorar os servizos turísticos, tales como a reforma e a modernización do turismo, dado o carácter prioritario do sector do turismo na Comunidade Autónoma, en consonancia co establecido no Plan de Acción do Turismo de Galicia 2010-2013.

Así mesmo, de acordo coa recente aprobación da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, preténdese dar resposta ás demandas do sector e dos axentes sociais, recollidas no Plan de acción de turismo de Galicia, e establecer canles que permitan fortalecer a posición da empresa turística galega nun contorno de gran competitividade.

A importancia do cámping no ámbito turístico galego vese resaltada pola variada e razoablemente ben conservada natureza de Galicia, o que xunto coa progresiva mellora da confortabilidade das instalacións está a supor un aumento deste tipo de turismo non só entre o segmento poboacional orixinalmente demandante del, a poboación máis nova, senón que tamén amplía o ámbito da demanda ata as persoas de idade madura e familias, mesmo na participación en actividades de turismo complementario ao contacto coa natureza (pesca, ráfting, sendeirismo...).

Un dos eixes vertebradores da actual política de turismo é a determinación da oferta turística de Galicia a través da estratexia diferenciada da calidade. Coherentemente con esta política estratéxica, no tocante á oferta turística vinculada aos cámpings, resulta fundamental afondar na implantación e desenvolvemento dos elementos de calidade tanto no confort e mellora das instalacións como na prestación dos demais servizos turísticos para deste xeito alcanzar a vantaxe estratéxica da competitividade pola calidade.

O turista elixe as súas vacacións en función do destino, pero valorando tamén a calidade do servizo, polo que a innovación constante na xestión das empresas para orientar a súa actividade á satisfacción dos clientes, unindo calidade, defensa do ambiente e a xestión sustentable dos recursos da natureza, todo baixo principios de responsabilidade social corporativa, son premisas que determinan a busca da excelencia na oferta turística, meta esta que a comunidade galega pretende fomentar como piar de todas as súas actividades turísticas.

É vontade, e polo tanto importante factor para a promoción e fomento de toda actuación que teña que ver coa calidade e xestión ambientalmente sustentable, tanto dos recursos naturais, como das infraestruturas e servizos da oferta turística galega, que a nosa Comunidade Autónoma destaque na promoción e implantación efectiva dun turismo de calidade e de preservación do medio natural.

Así mesmo, o Decreto 12/2012, do 4 de xaneiro, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, dispón que é de aplicación á Secretaría Xeral de Turismo o establecido na disposición adicional segunda do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia (DOG n.º 119, do 19 de xuño), modificado polo Decreto 52/2012, do 26 de xaneiro (DOG n.º 21, do 31 de xaneiro), que desconcentra na secretaria xeral a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencias.

Por todo o exposto, as subvencións que se convocan por medio desta resolución teñen por finalidade actuacións encamiñadas a facer de Galicia un destino turístico no cal prime a calidade dos seus establecementos turísticos así como a do servizo prestado, concretados neste caso na calidade dos cámpings, así como aquelas actuacións que pretendan a implantación de sistemas de protección ou mellora do comportamento ambiental que permitan acceder, como última finalidade, á adhesión ao sistema comunitario de xestión e auditoría ambiental (EMAS, EMAS II).

En consecuencia e con cargo aos créditos da Secretaría Xeral para o Turismo asignados para esta finalidade, e todo isto consonte o establecido sobre medidas de fomento no artigo 94 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 95 da dita lei e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, convócanse axudas destinadas á innovación e renovación de campamentos públicos de turismo e, por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión das subvencións da Secretaría Xeral para o Turismo, en réxime de concorrencia competitiva, para as actuacións de mellora dos campamentos de turismo en Galicia.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas subvencións para o ano 2012.

Artigo 2. Solicitudes.

Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4 das bases reguladoras.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse no Rexistro Único da Xunta de Galicia ou por calquera outro dos restantes medios previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Tamén poderán presentarse en sede electrónica no enderezo da internet https://sede.xunta.es, conforme o disposto no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica da Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos seis meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

Artigo 5. Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral para o Turismo, a través dos seguintes medios:

a) Na páxina web da Secretaría Xeral para o Turismo: http://turismo.xunta.es

b) Nos teléfonos 881 99 75 94 e 981 54 74 06 da devandita secretaría xeral.

c) Presencialmente.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2012.

María Carmen Pardo López
Secretaria xeral para o Turismo

ANEXO I
Bases reguladoras específicas polas que se rexerá a concesión das subvencións da Secretaría Xeral para o Turismo, en réxime de concorrencia competitiva,
para actuacións de mellora dos campamentos de turismo en Galicia,
e se procede á súa convocatoria para o ano 2012

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións.

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para actuacións de mellora dos campamentos de turismo en Galicia.

2. As axudas reguladas nesta resolución establécense ao abeiro do Regulamento (CE) 1080/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (DOUE L 210, do 31 de xullo) para o período 2007-2013, de acordo co establecido na Orde EHA 524/2008, do 26 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Feder e o Fondo de Cohesión.

As axudas reguladas nestas bases axústanse ao obxecto establecido no eixe 5: desenvolvemento sustentable local e urbano, tema prioritario 57: axudas á mellora dos servizos turísticos, coordinación e promoción do turismo, e á actuación 2: actuacións do fomento do turismo, dentro do P.O. Feder Galicia (2007-2013).

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L379, do 28 de decembro).

4. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos obxecto de subvención aqueles que de maneira indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

5 Consideraranse proxectos subvencionables todos aqueles que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2012 e que se encadren nas liñas seguintes:

Liña A) Actuacións relativas á xestión ambiental.

– Proxectos relativos á renovación, tecnificación e innovación dos campamentos de turismo que conduzan á implantación de sistemas de protección e mellora ambiental, tales como: mellor uso e depuración de augas, xestión enerxética, emisións atmosféricas, xeración e tratamento de residuos sólidos e non sólidos, contaminación acústica, substitución de materiais, etc.

Liña B) Actuacións relativas á modernización de instalacións e mellora da oferta complementaria.

– Proxectos de accesibilidade: adaptación dos espazos e instalacións do campamento ás normas de accesibilidade física e sensorial.

– Proxectos de modernización e remodelación das instalacións existentes, así como a substitución de equipamentos obsoletos.

– Proxectos de remodelación da oferta complementaria existente e creación de nova oferta, especialmente relacionada co turismo familiar (oferta de gardarías infantís ou alternativas de lecer e animación para os nenos).

Liña C) Actuacións relativas ao aumento de categoría do establecemento.

– Proxectos dirixidos á implantación de instalacións e servizos que teñan como obxectivo cumprir algún ou varios dos requisitos para o aumento de categoría segundo a escala oficial recollida no Decreto 143/2006, do 27 de xullo, polo que se establece a ordenación dos campamentos de turismo en Galicia.

As accións das liñas de subvención abranguen tanto actuacións nas instalacións como aquelas definidas para a creación ou mellora da oferta complementaria do establecemento. A mellora subvencionable non poderá supoñer un incremento superior ao 10% das prazas autorizadas pola Administración turística. As actuacións previstas que excedan o dito 10% non serán subvencionables. En todo caso, deberá presentarase a desagregación orzamentaria do proxecto que reflicta o custo correspondente á creación de cada unha das novas prazas para permitir a determinación da contía da subvención.

Considérase investimento subvencionable tanto a execución material das obras que se acometan para a reforma ou mellora dos establecementos obxecto desta resolución como, se é o caso, a adecuación do contorno e as actuacións de recuperación dos elementos de arquitectura, a cultura e a sociedade tradicional e os honorarios técnicos.

Están comprendidos nos proxectos de obras e son, polo tanto, subvencionables todos aqueles bens de equipamento que deben ser empregados nestas mediante instalacións fixas, sempre que constitúan complemento natural da obra (cociñas, cámaras frigoríficas, instalacións de aire acondicionado, etc.). Non se considera subvencionable o equipamento que non cumpra as devanditas condicións.

Queda expresamente excluído do ámbito de aplicación desta resolución o mobiliario, a lenzaría, útiles domésticos, louza e análogos, e a adquisición de terreos.

7. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se van subvencionar os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

8. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 50.000 euros no suposto de custo por execución de obra, ou de 18.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o solicitante deberá presentar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia.

1. As subvencións relativas á mellora dos establecementos obxecto desta resolución imputaranse á aplicación orzamentaria 04.80.761A.770.0 cofinanciada ao 70% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, cun crédito de 100.000 euros.

2. Os proxectos que se recollen nesta resolución como accións subvencionables poderán acadar unha subvención de ata o 40% sobre o investimento subvencionable sempre que non se superen os límites máximos de axuda establecidos na normativa aplicable.

3. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao Regulamento (CE) 1998/2006 relativo ás axudas de minimis (DOUE do 28 de decembro), deberase garantir que, no caso de recibir o beneficiario outras axudas baixo este réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Este límite aplicarase independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido. O período determinarase tomando como referencia os dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal en curso, de acordo co establecido no artigo 2 do citado regulamento.

4. Estas axudas son compatibles con calquera outra para o mesmo obxecto e finalidade, pero o seu importe en ningún caso poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo elixible (é dicir, excluídos os conceptos relacionados no artigo 1.5) da actividade subvencionada.

5. Estas axudas son incompatibles con outras financiadas con fondos europeos.

6. Os proxectos desenvolveranse no territorio de Galicia.

Artigo 3. Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarias das subvencións as pequenas e medianas empresas (pemes) autónomas ou as constituídas baixo calquera tipo de sociedade mercantil, civil ou comunidade de bens, que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e sexan titulares dos establecementos nos cales se poidan realizar os investimentos obxecto de subvención, segundo o establecido no artigo 1 destas bases.

Defínese peme, segundo a Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L 124, do 20 de maio), en función dos seus efectivos e do seu volume de negocio e do seu balance anual.

Así, pequena empresa é aquela empresa que ocupa a menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; mediana empresa é unha empresa que ocupa a menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance anual non excede os 43 millóns de euros.

Os titulares dos establecementos que se subvencionen terán que ser propietarios dos inmobles ou predios obxecto de actuación ou ben ter unha disposición sobre eles, acreditada por calquera título válido en dereito, que permita realizar o investimento proxectado. En calquera caso, o beneficiario da subvención terá o pleno uso e desfrute dos inmobles e/ou dos predios.

Será requisito imprescindible, para a concesión destas axudas, que a empresa solicitante conte coa correspondente autorización turística para a actividade obxecto da subvención, expedida polo centro directivo competente en materia de turismo.

Debe coincidir o titular da empresa autorizada co solicitante da axuda.

Os requisitos para ser beneficiario deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado.

As entidades beneficiarias non poderán ter a consideración de empresa en crise conforme o disposto no artigo 1, alínea h), do Regulamento (CE) 1998/2006, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis.

Considérase empresa en crise se cumpre as seguintes condicións:

a) Se se trata dunha sociedade de responsabilidade limitada, que desaparecese máis da metade do seu capital subscrito e se perdese máis da cuarta parte nos últimos 12 meses ou

b) Se se trata dunha sociedade en que polo menos algúns dos seus socios ten unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da empresa, que desaparecesen máis da metade dos seus fondos propios, tal como se indican nos seus libros, e se perdesen máis da cuarta parte deles nos últimos 12 meses ou

c) Para todas as formas de empresas, que reúna as condicións establecidas no dereito nacional para someterse a un procedemento de quebra ou insolvencia.

Unha peme con menos de tres anos de antigüidade non se considerará empresa en crise durante ese período.

Artigo 4. Solicitudes.

As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indiquen na convocatoria. Xunto coas solicitudes deberá achegarse a documentación administrativa e técnica.

Documentación administrativa:

a) Anexo II: modelo de solicitude normalizado.

b) Documentación acreditativa de que o solicitante da subvención é propietario do inmoble no cal se pretenda realizar a actuación, en que conste o carácter indivisible deste. No caso de existir propiedade pro indivisa, deberase achegar poder notarial dos copropietarios, outorgando representación ao solicitante, que deberá ser un deles, para actuar neste procedemento e asumir os compromisos derivados do establecido nesta resolución.

No caso de que o solicitante non sexa o propietario acreditará a disposición do inmoble ou do predio para a realización do investimento obxecto da subvención durante, polo menos, cinco anos que é o período mínimo de explotación establecido no artigo 15.b) destas bases.

Todo iso sen prexuízo de que se solicite documentación complementaria aclaratoria da propiedade ou disposición dos inmobles e/ou dos predios.

c) Cando se trate de persoas xurídicas achegarase copia do NIF e copia cotexada do documento de constitución da sociedade e da documentación acreditativa de representatividade suficiente para actuar en nome da empresa. Se o solicitante é persoa física observarase o disposto no artigo 5 destas bases.

d) Licenza urbanística que posibilite a execución do investimento para o cal se solicita a subvención. No caso de carecer dela no momento de realizar a solicitude de subvención, ou cando se trate de obras para as cales non sexa preceptiva segundo a normativa correspondente, presentarase certificación de viabilidade urbanística emitida polo órgano competente do concello en que se indique que o proxecto para o cal se solicita subvención é conforme coa legalidade urbanística vixente no municipio ou, de ser o caso, permiso emitido polo órgano municipal competente. No caso de ser necesaria, coa primeira solicitude de pagamento será obrigatoria a presentación da antedita licenza urbanística.

e) Anexo III, modelo de declaracións:

– Declaración de conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta resolución, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Farase mención expresa sobre calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso.

– Declaración acreditativa de ter a consideración de pequena ou mediana empresa (peme).

– Declaración expresa de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

– Declaración de non ter a consideración de empresa en crise.

f) Certificación orixinal expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta en que conste: código de banco, código de sucursal, díxito de control e código de conta corrente.

Documentación técnica:

1. Obras de edificación:

a) Anexo IV: anexo técnico.

b) Proxecto básico, elaborado por técnico facultativo competente, que conterá:

– Memoria explicativa do proxecto: adecuación ao contorno das actuacións, recuperación de elementos de arquitectura, cultura e sociedade tradicional, equipamentos, servizos e xustificación das solucións adoptadas.

– Orzamento do investimento en que se especificará o importe da execución material, así como o custo da redacción do proxecto e da dirección de obra e todo o equipamento proposto, segundo o anexo técnico da folla resumo xeral do orzamento que deberá estar na memoria. O interesado achegará tres orzamentos de diferentes provedores, segundo dispón o artigo 1.8 destas bases reguladoras. Os orzamentos deberán desagregar os custos de execución material, beneficio industrial e gastos xerais, non sendo os dous últimos conceptos obxecto de subvención.

– Planos de localización do investimento.

– Planos do estado actual, de corresponderen, e do proxecto.

– Relación exhaustiva (indicando calidades) dos materiais e acabamentos propostos.

– Relación detallada dos mobles e equipamentos (débese indicar calidades, localización e número) que se van instalar.

– Reportaxe fotográfica do inmoble, exteriores, interiores e do contorno.

– Así mesmo, achegarase calquera documentación que permita comprobar a boa execución da obra e a súa suxeición á normativa de obrigado cumprimento.

Teñen a consideración de edificación e, por tanto, requiren proxecto básico os seguintes:

I. Obras de ampliación, modificación, reforma ou rehabilitación que alteren a configuración arquitectónica dos edificios, considerándose tales as que teñan carácter de intervención total ou as parciais que produzan unha variación esencial do sistema estrutural, así como as que teñan por obxecto cambiar os usos turísticos do edificio.

II. Obras que teñan o carácter de intervención total en edificacións catalogadas ou que dispoñan dalgún tipo de protección de carácter ambiental ou histórico-artístico regulada a través de norma legal ou documento urbanístico, así como aquelas que afecten os elementos ou partes obxecto de protección e as que supoñan nova construción.

Considéranse comprendidos na edificación as súas instalacións fixas e o equipamento propio, así como os elementos de urbanización que estean adscritos ao edificio.

2. Outras obras:

No caso de tratarse dunha mellora ou reforma e cando sexan actuacións de pouca entidade que non necesiten proxecto de execución, segundo a normativa vixente, deberase presentar:

a) Memoria explicativa detallada en que se defina o proxecto que se vai executar.

b) Orzamento desagregado por conceptos do investimento.

c) Certificados de idoneidade técnica, asinados por persoal técnico competente.

d) Así mesmo, achegarase calquera documentación que permita comprobar a boa execución da obra e a suxeición á normativa de obrigado cumprimento.

Artigo 5. Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. Para os efectos do previsto no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa os datos de carácter persoal que figuren no DNI do interesado e a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.

Non obstante, o solicitante poderá denegar o consentimento, facéndoo constar expresamente no formulario de solicitude, e neste caso deberá presentar o DNI e as certificacións ás cales fai referencia este punto.

Igualmente, de conformidade co mesmo artigo 20.3 da Lei 9/2007, se o solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa figura en poder da Administración, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a ela. Para estes efectos, a documentación debe manterse vixente e identificarase no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada.

En calquera caso, nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano instrutor poderá requirirlle ao solicitante a presentación da documentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos, todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta secretaría publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

Así mesmo, a aceptación do financiamento implica a aceptación da súa inclusión na lista de beneficiarios publicada de conformidade cos artigos 6 e 7, número 2, letra d), do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, que establece que a autoridade de xestión será responsable da organización de polo menos as seguintes medidas de información e publicidade: publicación, electrónica ou por outros medios, da lista de beneficiarios, os nomes das operacións e a cantidade de fondos públicos asignada ás operacións.

4. A Secretaría Xeral para o Turismo velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para eses efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, adoptándose tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros, no entanto, a Secretaría Xeral para o Turismo revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida, de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: edificios administrativos, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que poderá atopar na Guía de procedementos da páxina web da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Órganos competentes.

A Subdirección Xeral de Xestión, Fomento e Cooperación da Secretaría Xeral para o Turismo será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e correspóndelle á titular da Secretaría Xeral para o Turismo ditar a resolución de concesión.

Artigo 7. Instrución dos procedementos.

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará que desistiu na súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Os servizos de Turismo das xefaturas territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza achegarán un informe que deberá indicar se o proxecto é conforme coa normativa de ordenación turística vixente, a localización e interese turístico do proxecto, categoría do establecemento e a data de autorización turística.

Así mesmo, o Servizo de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística emitirá informe sobre a calidade do inmoble, do seu estado e do proxecto ou memoria explicativa presentada.

Estes informes presentaranse cunha antelación mínima de dez días previos á realización da comisión de valoración.

Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

Artigo 8. Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) O/a subdirector/a xeral de Xestión, Fomento e Cooperación, que a presidirá.

b) Os/as xefes/as do Servizo de Turismo de cada unha das xefaturas territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

c) O/a xefe/a do Servizo Cooperación Institucional, Promoción e Formación da Secretaría Xeral para o Turismo, que exercerá as funcións de secretario/a.

d) O/a xefe/a do Servizo de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística da Secretaría Xeral para o Turismo.

e) O/a xefe/a do Servizo de Ordenación do Turismo da Secretaría Xeral para o Turismo.

f) O/a xefe/a do Servizo de Inspección da Secretaría Xeral para o Turismo.

g) O/a xefe/a da Área de Xestión de Calidade de Turgalicia.

h) O/a xefe/a da Área de Turismo Rural e Interior de Turgalicia.

3. Os/as suplentes serán designados/as pola Secretaría Xeral para o Turismo.

4. A comisión poderá estar asistida por outro persoal técnico.

5. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de forma individualizada os solicitantes propostos para obter a subvención especificarase a avaliación que lles corresponde, segundo os criterios recollidos no artigo seguinte, e indicarase o importe da concesión que se propón para cada un deles.

6. No caso de existiren solicitudes que non figuran na proposta anterior por razón do baremo aplicado ao se ter esgotado o crédito dispoñible, a comisión poderá emitir propostas sucesivas de concesión, ben por dispor de crédito por producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente propostos ou ben por incremento do orzamento inicialmente destinado a esta subvención.

Artigo 9. Criterios de valoración.

Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables, e os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión da subvención serán por orde decrecente os seguintes, tendo en conta a valoración específica que se lle atribúe a cada unha deles.

1) Que o establecemento solicitante acredite o seu compromiso coa calidade turística (ata un máximo de 15 puntos).

– Acreditando certificación da marca Q de calidade turística do ICTE (10 puntos).

– Acreditando a súa adhesión vixente para o ano 2012 ao ICTE, no caso de establecementos aínda non certificados co Q de calidade turística (5 puntos).

– Acreditando o distintivo en boas prácticas de compromiso de calidade turística concedido por un destino SICTED (Sistema de Calidade Turística Española en Destinos) na Comunidade Autónoma de Galicia (5 puntos).

2) A creación de novos servizos e instalacións non ofertados con anterioridade. Exclúese, neste punto, a ampliación ou mellora de servizos xa prestados no establecemento con anterioridade á convocatoria desta resolución (15 puntos).

3) O grao en que as actuacións impliquen a adaptación de instalacións xa existentes á Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia, ou unha mellora na seguridade física das persoas (15 puntos).

4) Que o proxecto pretenda acadar un establecemento respectuoso co ambiente (ata 15 puntos):

– Acreditando una certificación ambiental internacionalmente recoñecida (ISO, EMAS, Etiqueta Ecolóxica...) (8 puntos).

– A través da implantación de tecnoloxías que permitan aforros e eficiencias das instalacións en campos como: residuos, enerxías, depuración de augas, contaminación acústica, etc. (7 puntos).

5) Atendendo á súa localización (ata 15 puntos):

– Que o campamento turístico ou parte del estea situado en zonas rurais con tendencia ao despoboamento ou en terreo afectado por calquera figura de protección da natureza de rango autonómico ou superior (5 puntos).

– Que as actuacións se leven a cabo nas provincias de Lugo e Ourense (5 puntos).

– Que a actuación que se vai desenvolver estea localizada nun municipio declarado turístico pola Administración turística (5 puntos).

6) Grao en que o establecemento, tras a actuación, supoña un cambio de categoría (10 puntos).

7) Oferta de gardarías infantís ou alternativas de ocio ou animación para os nenos (5 puntos).

8) Que as actuacións que se van desenvolver se integren na paisaxe (10 puntos).

Artigo 10. Audiencia.

Efectuada a avaliación, a comisión levantará acta en que se concretará o seu resultado, á vista do cal o órgano instrutor elaborará unha proposta de resolución provisional debidamente motivada que deberá ser notificada aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Resolución e notificación.

Na dita notificación expresarase o importe previsto da axuda (expresado en equivalente bruto de subvención) e o seu carácter de minimis conforme o Regulamento (CE) n.º 1998/2006 relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOUE 28.12.2006, L 379).

Examinadas as alegacións, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución definitiva e elevaraa á secretaria xeral para o Turismo.

A secretaria xeral, á vista da proposta de resolución, ditará no prazo de 15 días desde a súa elevación, a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e na cal, en todo caso, quedarán debidamente xustificados todos os aspectos contidos no artigo 34.4 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de seis meses, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que recaia resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, no caso das subvencións concedidas poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Secretaría Xeral para o Turismo. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. Coa publicación no DOG poderá remitirse aos beneficiarios a que consulten información detallada da resolución nun taboleiro da citada web.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación. Non obstante, poderase substituír esta notificación individual pola publicación no DOG, coa indicación de que os non beneficiarios consulten a información detallada da súa resolución nun taboleiro da citada web.

Artigo 12. Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a secretaria xeral para o Turismo, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 13. Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola secretaria xeral para o Turismo, logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 10.

Artigo 14. Aceptación e renuncia.

Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa en contra, entenderase tacitamente aceptada.

Coa aceptación o beneficiario consente a publicación da resolución pola que se lle concede a axuda na lista de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) 1828/2006, da Comisión.

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo V, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que se comunique a renuncia en prazo, a secretaría xeral ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1 da mesma lei.

Artigo 15. Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios das subvencións adquiren as obrigas, establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e as sinaladas nesta resolución. Así, sen prexuízo dos demais compromisos que resulten da normativa aplicable obríganse ao seguinte:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

b) Manter o investimento subvencionado e a súa actividade en Galicia durante un período mínimo de cinco (5) anos, contados desde a data en que se produza a liquidación definitiva da subvención.

c) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente así como a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicarlle á Secretaría Xeral para o Turismo a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien a actividade subvencionada procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais. Por estar esta convocatoria suxeita ao réxime de minimis, tamén deberá comunicar calquera axuda obtida polo beneficiario baixo este réxime neste ano fiscal e nos dous anteriores. Estas comunicacións deberán efectuarse tan axiña como se coñezan e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase o solicitante ou beneficiario para que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.

g) O beneficiario deberá conservar a documentación contable e de todo tipo relativa á execución dos gastos do proxecto obxecto da subvención por un período de tres anos a partir do peche do programa operativo, de conformidade co artigo 89, número 3, do Regulamento 1083/2006 do Consello. Así mesmo, queda obrigado a manter unha separación contable adecuada para os gastos relacionadas coa axuda que facilite a «pista de auditoría».

h) Os beneficiarios deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Así mesmo, deberán cumprir as medidas en materia de información e publicidade reguladas na sección 1 do capítulo II do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello (DOUE 27.12.2006, L371), coas modificacións introducidas polo Regulamento (CE) 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro de 2009 (DOUE 23.9.2009, L250).

En concreto, as entidades beneficiarias de axudas deberán facer constar, na súa publicidade ou na información que xeren en relación co proxecto subvencionado, o cofinanciamento dos seus activos con fondos europeos Feder, así como pola Xunta de Galicia, segundo o establecido no Decreto 409/2009 sobre identidade corporativa da Xunta de Galicia. Para iso empregarán a lenda «Proxecto cofinanciado» acompañada do escudo normalizado da Xunta de Galicia, podendo descargarse o logotipo no seguinte enlace: www.xunta.es/descarga-do-manual, e o emblema normalizado da Unión Europea coa lenda «Unión Europea. Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional» (Feder) e precedendo os emblemas empregarase a lenda «Unha maneira de facer Europa».

Estas medidas de información e publicidade están recollidas na Guía de publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais 2007-2013 que pode consultarse na páxina web:

http://www.conselleriadefacenda.es/web/portal/guia-intervencions-cofinanciadas-fe. Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta do beneficiario da subvención.

Cando se materialice nunha aplicación informática deberán facerse as citadas referencias na zona de inicio ou menú principal da aplicación informática, así como na epígrafe de información da aplicación (axuda, acerca de ou similares).

Cando o proxecto dea lugar a documentación (manuais, cadernos, folletos, notas informativas, CD-Rom) deberán constar na contraportada das ditas publicacións as citadas referencias.

Cando se trate de obras arquitectónicas, os beneficiarios deberán colocar unha placa explicativa permanente, visible e de gran tamaño, nun prazo máximo de seis meses a partir da conclusión da obra. Na placa indicarase o tipo e nome da operación, que ocupará como mínimo o 25% da placa. Durante a execución da operación o beneficiario colocará un cartel no lugar das operacións. Concluída a operación, o cartel substituirase pola placa explicativa permanente.

i) Igualmente, os beneficiarios deberán incluír nas súas accións promocionais a marca turística de Galicia. De ser o caso, nas páxinas web deberán incluír un banner cunha ligazón á páxina de promoción turística de Galicia. Nos folletos e outras publicacións deberán incluír na contraportada a marca turística, seguindo as indicacións do manual de uso. Para a aplicación correcta da marca deberán descargar de www.turgalicia.es/marca01 os arquivos informáticos cos elementos gráficos en calidade e formatos axeitados, así como as indicacións de uso.

j) Se comportan a execución dunha obra, os proxectos que se subvencionen terán que cumprir o disposto na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia, e as normas regulamentarias de desenvolvemento.

k) Os beneficiarios obríganse a reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido pola subvención concedida, así como os correspondentes xuros de demora xerados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

– Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

– Por incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos prazos e termos establecidos nesta resolución.

– Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

– Incumprimento total ou parcial do obxectivo da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a subvención.

– Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas para a mesma finalidade percibidas de calquera Administración ou ente público ou privado.

– Nos demais supostos previstos na normativa reguladora das subvencións.

Artigo 16. Subcontratación.

Queda excluída a subcontratación das actividades subvencionadas ao abeiro desta convocatoria, non obstante, en aplicación do disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non se inclúe nesta prohibición a contratación daqueles gastos en que o beneficiario teña que incorrer para a realización por si mesmo da actividade subvencionada.

Artigo 17. Xustificación da subvención.

1. Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario terá de prazo ata o 30 de novembro de 2012 para presentar nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria a documentación xustificativa tanto administrativa como técnica segundo a modalidade de conta xustificativa conforme ao artigo 44 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Documentación administrativa:

a) Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo VI.

b) Memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

c) Memoria económica do custo das actividades realizadas que conterá:

1. Relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con indicación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e data de pagamento. De ser o caso, indicaranse as desviacións producidas no orzamento que serviu de base ao seu outorgamento.

2. Facturas, orixinais ou copias cotexadas, que deberán especificar a que concepto corresponden segundo o investimento que serviu de base para a concesión da subvención, xunto coas certificacións bancarias ou, no seu defecto, copias das ordes de transferencia, que xustifiquen o seu pagamento.

En ningún caso se admitirán xustificantes de pagamento con data posterior á establecida para presentar a xustificación.

De acordo co establecido no artigo 42.3.º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de subvencións da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se o gasto é inferior a 1.000 € poderá aceptarse xustificación do pagamento mediante a presentación da factura co recibín do provedor.

d) Certificados expedidos polos organismos competentes acreditativos de estar ao día nas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da Comunidade Autónoma, así como nas obrigas coa Seguridade Social e de non ter ningunha débeda pendente por ningún concepto con ningunha Administración pública. Non obstante, a presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

e) Declaración actualizada de conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta resolución, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Farase mención expresa sobre calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. Pode utilizarse actualizado o anexo III: modelo de declaracións.

f) Declaración responsable onde se recollan expresamente os compromisos a que se fai referencia no artigo 15 das bases reguladoras.

g) De ser necesaria, licenza urbanística que posibilitase a execución do investimento subvencionado. O dito documento é preceptivo e non se procederá ao pagamento de ningunha anualidade mentres non se presente.

Documentación técnica:

a) Obras de edificación:

1. Proxecto de execución definitivo da acción subvencionada, que deberá axustarse á oferta máis vantaxosa das inicialmente presentadas. O dito proxecto de execución incluirá o programa de obras que determinará a previsión anual de execución do investimento, conforme a resolución de concesión, e deberá ser avaliado polo Servizo de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística da Secretaría Xeral para o Turismo.

2. Documento acreditativo ou contrato do nomeamento do director da obra e director da execución material da obra (orixinal ou copia compulsada).

3. Certificación de obra por conceptos, en modelo normalizado que se compón de portada, certificación en orixe, por partidas e capítulos, segundo medicións e prezos recollidos no proxecto de execución, elaborada pola dirección facultativa da obra, relativa á obra executada coa súa valoración e, no caso de obra rematada, tamén se achegará certificado de fin de obra.

b) Outras obras: no caso de obras menores os beneficiarios presentarán certificado de fin de obra en consonancia co proxecto de execución asinado por persoal técnico competente.

2. O investimento xustificado ten que coincidir coa resolución de concesión da subvención ou as modificacións autorizadas. De non xustificarse o investimento executado quedará anulada toda a subvención; non obstante, se a xustificación for inferior ao investimento previsto, sempre que se manteña a finalidade da subvención, minorarase a concesión proporcionalmente ao investimento non xustificado e, para o caso de que o executado non cumpra o fin para o que se concedeu a subvención, quedará anulada na súa totalidade.

3. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso a secretaria xeral ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 18. Pagamento.

Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da Secretaría Xeral para o Turismo, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento polo órgano concedente, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada tanto polo representante da Administración como polo beneficiario.

Artigo 19. Incumprimento, reintegros e sancións.

O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Cando o cumprimento polo beneficiario se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e se acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos compromisos adquiridos, a cantidade que hai que reintegrar responderá ao principio de proporcionalidade e determinarase aplicando os mesmos criterios de avaliación que se empregaron para a concesión referidos á realidade finalmente comprobada.

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 20. Control.

A Secretaría Xeral para o Turismo poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 21. Publicidade.

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario ou programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Igualmente, farano na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Maila o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a tres mil euros (3.000 €) non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Secretaría Xeral para o Turismo.

Artigo 22. Remisión normativa.

Son de aplicación directa o Regulamento comunitario 1998/2006 relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis, o Regulamento comunitario 1083/2006 relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), ao Fondo Social Europeo (FSE) e ao do Fondo de Cohesión, o Regulamento comunitario 1828/2006 relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e o resto de normativa que resulte de aplicación.

Supletoriamente, aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file