Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Mércores, 30 de maio de 2012 Páx. 20660

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 22 de maio de 2012, da Secretaría Xeral para o Turismo, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a axencias de viaxe para a promoción e comercialización do destino Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013.

O turismo en Galicia estase a posicionar como un piar da economía galega. Neste momento, Galicia posúe un produto turístico amplo e diversificado, que sitúa a nosa comunidade como un destino turístico preferente.

Na Comunidade galega, como no resto do territorio do Estado, a actividade turística levada a cabo polas axencias de viaxe é un piar fundamental do fenómeno turístico e son, sen dúbida, as artífices do auxe experimentado nos movementos de viaxeiros, de aí a súa enorme importancia no sector, o que as constitúe no alicerce en que se asentan ou no núcleo sobre o cal gravitan bo número do resto de actividades turísticas.

Neste sentido e na actualidade, as axencias de viaxe están asistindo a unha reestruturación e a un cambio nas súas actividades tradicionais derivadas dunha maior exixencia da demanda por parte dos consumidores, cunha conxuntura económica complicada; nace así o Plan de acción de turismo de Galicia 2010-2013.

O plan prevé actuacións para levar a cabo unha xestión integral nos vindeiros anos e converterse así nunha ferramenta de traballo ao servizo do sector. De cada política nacen unha serie de estratexias e, pola súa vez, de cada unha delas despréndense as liñas de actuación que hai que implementar. Unha das accións é o desenvolvemento do receptivo, que consideramos que pode ser complemento en cuestión de ingresos e, ademais, achegar valor engadido e, en consecuencia, incrementar o gasto e a estadía media dos nosos visitantes.

Así mesmo, de acordo coa recente aprobación da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, preténdese dar resposta ás demandas do sector e dos axentes sociais, recollidas no Plan de acción de turismo de Galicia, e establecer canles que permitan fortalecer a posición da empresa turística galega nun ámbito de gran competitividade.

Todo iso fai necesario un esforzo constante na presentación de novos enfoques e solucións imaxinativas para as empresas do sector, de xeito que creen novos servizos mellor adaptados á demanda.

Así, as axencias de viaxe enmarcadas na nosa comunidade, como principal expoñente e medio condutor que dá a coñecer a abundante e múltiple oferta turística existente no noso territorio, teñen un reto neste momento que derive na expansión, comercialización e difusión da oferta turística de Galicia en todos os ámbitos. Por iso, deben dar un asesoramento experto e especializado e xestionar de maneira activa o mercado turístico, a través da confección de viaxes a medida, ofertar novos servizos máis personalizados acordes coas tendencias que apuntan os mercados, e neste caso o mercado que demanda oferta galega, tendo en conta que a organización, creación e venda dun produto turístico implica coñecer a oferta turística e as actividades que se poden realizar na zona.

Por outra banda, o Programa operativo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Galicia 2007-2013 é un documento de programación comunitaria aprobado pola Comisión Europea que recolle a articulación da estratexia da Xunta relacionada con distintos eixes prioritarios de intervención. Nestes eixes establécense medidas dirixidas á mellora da calidade de vida nas zonas rurais e medidas para mellorar os servizos turísticos, tales como a reforma e modernización do turismo dado o carácter prioritario do sector do turismo na Comunidade Autónoma.

Así mesmo, o Decreto 12/2012, do 4 de xaneiro, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, dispón que é de aplicación á Secretaría Xeral para o Turismo o establecido na disposición adicional segunda do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia (DOG n.º 119, do 19 de xuño), modificado polo Decreto 52/2012, do 26 de xaneiro (DOG n.º 21, do 31 de xaneiro), que desconcentra na secretaria xeral a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencias.

Deste xeito, a Secretaría Xeral para o Turismo quere propiciar un marco favorable para a creación e desenvolvemento de iniciativas turísticas de calidade dado o peso do sector turístico no conxunto da economía da nosa comunidade autónoma que se reflicte no impulso das economías locais e na creación de emprego.

En consecuencia e con cargo aos créditos da Secretaría Xeral para o Turismo asignados para esta finalidade, e todo isto consonte o establecido sobre medidas de fomento no artigo 94 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 95 da dita lei e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, convócanse axudas destinadas a favorecer a comercialización do destino turístico de Galicia a través da modernización e actualización tanto de aplicación de novas tecnoloxías como da promoción e comercialización do produto das axencias de viaxe, así como o deseño de novos produtos turísticos

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que se inclúen como anexo I, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a entidades operadoras de axencias de viaxe para a promoción e comercialización do destino Galicia a través do deseño de paquetes turísticos especializados que creen novos produtos e/ou innoven os existentes.

2. Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse as ditas subvencións para o ano 2012.

Artigo 2. Solicitudes.

Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4 das bases reguladoras.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse no Rexistro Único da Xunta de Galicia ou por calquera outro dos restantes medios previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Tamén poderán presentarse en sede electrónica no enderezo de internet https//sede.xunta.es, conforme o disposto no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos seis meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

Artigo 5. Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral para o Turismo, a través dos seguintes medios:

a) Enderezo web da Secretaría Xeral para o Turismo: http://turismo.xunta.es

b) Os teléfonos 881 99 75 94 e 981 54 74 06 da dita secretaría xeral.

c) Presencialmente.

Artigo 6. Réxime de recursos.

A presente resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a secretaria xeral para o Turismo, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2012.

María Carmen Pardo López
Secretaria xeral para o Turismo

ANEXO I
Bases reguladoras específicas para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a axencias de viaxe para a promoción e comercialización do destino Galicia

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións.

1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a promoción e comercialización do destino Galicia a través do deseño de paquetes turísticos especializados que creen novos produtos e/ou innoven a oferta turística existente en Galicia.

2. As axudas reguladas nesta resolución establécense ao abeiro do Regulamento (CE) 1080/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (DOUE L 210, do 31 de xullo) para o período 2007-2013 de acordo co establecido na Orde EHA 524/2008, do 26 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Feder e Fondo de Cohesión.

As axudas reguladas nestas bases axústanse ao obxecto establecido no eixe 5: Desenvolvemento sustentable local e urbano, tema prioritario 57: Axudas á mellora dos servizos turísticos, coordinación e promoción do turismo, e á actuación 2: Actuacións do fomento do turismo, dentro do PO Feder Galicia (2007-2013).

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L379, do 28 de decembro).

4. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos obxecto de subvención aqueles que de maneira indubidable respondan á natureza da actividade.

5. Consideraranse proxectos subvencionables todos aqueles que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2012 e que se encadren nas seguintes liñas:

Liña A) Deseño de paquetes turísticos de nova configuración.

Están comprendidos nesta liña aqueles proxectos que configuren un paquete turístico, entendendo por este a oferta de servizos básicos como transporte, aloxamento e manutención. Para os efectos desta convocatoria, os proxectos que pretendan acollerse a esta liña terán que presentar paquetes turísticos que inclúan obrigatoriamente, ademais do aloxamento e manutención, polo menos dúas actividades de oferta de lecer, sendo optativa a oferta de transporte na proposta.

É obxectivo desta liña a potenciación e a diversificación da múltiple e nova oferta turística de Galicia co deseño de paquetes turísticos novos. Valoraranse especialmente aqueles paquetes turísticos que se configuren sobre os seguintes produtos cabeceira de marca: Camiño de Santiago, Bosques de Galicia (Natureza), Mananciais de Galicia (Termalismo), Paseando entre viñedos (Enogastronomía), Turismo mariñeiro e Ruta das camelias (Xardíns de Galicia), Faros e praias salvaxes, Patrimonio oculto e Santuarios máxicos. Tamén serán especialmente valorados os paquetes turísticos orientados ao turismo de caza e pesca, turismo de golf e turismo náutico-fluvial.

Considéranse accións subvencionables:

– Os gastos de creación do produto (gastos asociados ao deseño da idea).

– Os gastos de deseño, maquetación e impresión de folletos, catálogos, orixinais de publicidade ou calquera outro material promocional relacionado coa creación dese novo produto.

– Ferramentas ou aplicacións web para a promoción e comercialización dos produtos en sitios web propios ou de terceiros (webs, redes sociais ou blogs), específicos dos produtos desenvolvidos.Terase en conta neste punto:

1) Que non se considerará subvencionable a plataforma base que soporte a aplicación desenvolvida. É dicir, non terán carácter subvencionable os gastos relativos a adquisición ou mantemento de: equipamentos informáticos, sistemas operativos, bases de datos, equipamentos de comunicación, hosting web e calquera outro que dea soporte á dita aplicación.

2) Presentaranse exemplos do que se pretende construír con base na comparativa con aplicacións xa presentes no mercado, referindo, se é posible, os enderezos web onde se encontren os ditos exemplos.

3) O proxecto presentarase segundo o modelo que se xunta no anexo VI.

– As insercións publicitarias en medios de comunicación ou calquera outro soporte. A valoración máxima das insercións en medios será a da tarifa oficial do medio.

Liña B) Produtos existentes renovados.

As accións subvencionables dentro desta liña serán as seguintes:

– Deseño e impulso á innovación e renovación en produtos tradicionais ou envellecidos.

– Deseño e desenvolvemento transversal de produtos de natureza, culturais e enogastronómicos, así como dobres produtos, integrando termalismo, golf e outras actividades complementarias.

– Ferramentas ou aplicacións web para a promoción e comercialización dos produtos en sitios web propios ou de terceiros (webs, redes sociais ou blogs), específicos dos produtos desenvolvidos.Terase en conta neste punto:

1) Que non se considerará subvencionable a plataforma base que soporte a aplicación desenvolvida. E dicir, non terán carácter subvencionable os gastos relativos a adquisición ou mantemento de: equipamentos informáticos, sistemas operativos, bases de datos, equipamentos de comunicación, hosting web e calquera outro que dea soporte á dita aplicación.

2) Presentaranse exemplos do que se pretende construír con base na comparativa con aplicacións xa presentes no mercado, referindo, se é posible, os enderezos web onde se encontren os ditos exemplos.

3) O proxecto presentarase segundo o modelo que se xunta no anexo VI.

– Adecuación dos soportes de promoción aos parámetros de accesibilidade para persoas discapacitadas ou con dificultades de acceso á información, sempre que os produtos ofertados recollan estas discapacidades.

– Tradución e maquetación dos soportes de promoción existentes a outros idiomas.

– As insercións publicitarias en medios de comunicación ou calquera outro soporte. A valoración máxima das insercións en medios será a da tarifa oficial do medio.

6. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se van subvencionar os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

7. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 18.000 euros nos supostos de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o solicitante deberá presentar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia.

1. As subvencións obxecto desta resolución imputaranse á aplicación orzamentaria 04.80.761A.770.0, cofinanciada ao 70% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, cun crédito de 300.000 euros.

2. As axudas que se poden conceder aos proxectos que se recollen nesta resolución como actuacións subvencionables poderán acadar un máximo de axuda de ata o 40% do orzamento subvencionable. O importe subvencionado será dun máximo de 50.000 euros.

3. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao Regulamento (CE) 1998/2006 relativo ás axudas de minimis (DOUE do 28.12.2006), deberase garantir que no caso de recibir o beneficiario outras axudas baixo este réxime de minimis, non se supere o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Este límite aplicarase independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido. O período determinarase tomando como referencia os dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal en curso, de acordo co establecido no artigo 2 do citado regulamento.

4. Estas axudas son compatibles con calquera outra para o mesmo obxecto e finalidade, pero o seu importe en ningún caso poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo elixible (é dicir, excluídos os conceptos relacionados no artigo 1.6 da actividade subvencionada).

5. Estas axudas son incompatibles con outras financiadas con fondos europeos.

6. Os proxectos desenvolveranse no territorio de Galicia.

Artigo 3. Beneficiarios.

Os titulares de axencias de viaxe que conten con clasificación turística expedida pola Comunidade Autónoma galega e que estean comprendidos na definición de pequena ou mediana empresa (peme). En todo caso a casa central debe estar radicada en Galicia.

Defínese peme, segundo a Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L 124, do 20.5.2003), en función dos seus efectivos e do seu volume de negocio e do seu balance anual.

Así, pequena empresa é aquela empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; mediana empresa é unha empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance anual non excede os 43 millóns de euros.

Os requisitos para ser beneficiario deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado.

As entidades beneficiarias non poderán ter a consideración de empresa en crise conforme o disposto no artigo 1, letra h), do Regulamento (CE) n.º 1998/2006, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis.

Considérase empresa en crise se cumpre as seguintes condicións:

a) Se se trata dunha sociedade de responsabilidade limitada en que teña desaparecido máis da metade do seu capital subscrito e se perdese máis da cuarta parte nos últimos 12 meses ou

b) Se se trata dunha sociedade na cal, polo menos, algún dos seus socios ten unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da empresa, que desaparecesen máis da metade dos seus fondos propios, tal como se indica nos seus libros, e se perdese máis da cuarta parte deles nos últimos 12 meses ou

c) Para todas as formas de empresas, que reúna as condicións establecidas no dereito nacional para someterse a un procedemento de quebra ou insolvencia.

Unha peme con menos de tres anos de antigüidade non se considerará empresa en crise durante ese período.

Artigo 4. Solicitudes.

As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indiquen na convocatoria. Xunto coas solicitudes deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Anexo II: modelo de solicitude normalizado.

b) Cando se trate de persoas xurídicas achegarase copia do NIF, copia cotexada do documento de constitución da sociedade e da documentación acreditativa de representación suficiente para actuar en nome da empresa. Se o solicitante é persoa física observarase o disposto no artigo 5 destas bases.

c) Memoria explicativa da actuación que se vaia desenvolver que, en todo caso, deberá indicar segundo a liña de actuación solicitada:

– Número, tipoloxía e características dos produtos que presenta. Deberán achegarse, de ser o caso, exemplares dos soportes de promoción existentes.

– Medios humanos que dedicará ao seu deseño.

– Medios de promoción que ten previsto empregar, número de exemplares, características técnicas e indicación das zonas de distribución e calendario previsto.

d) Orzamento desagregado por conceptos do investimento que se vai realizar. De ser o caso, o interesado achegará tres orzamentos de diferentes provedores, segundo dispón o artigo 1.6 destas bases reguladoras.

e) Anexo III-A: modelo de declaracións.

– Declaración de conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta resolución, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Farase mención expresa sobre calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso.

– Declaración expresa de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Declaración acreditativa de ter a consideración de pequena ou mediana empresa (peme).

– Declaración de non ter a consideración de empresa en crise.

f) Anexo III-B: declaración dos datos bancarios.

– Declaración responsable da titularidade dunha conta bancaria en que se faga constar: código de banco, código de sucursal, díxito de control e código de conta corrente, segundo o previsto no artigo 5 da Orde do 12 de xaneiro de 2012 da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico.

g) No seu caso, anexo VI- Proxecto informático.

Artigo 5. Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. Para os efectos do previsto no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa os datos de carácter persoal que figuren no DNI do interesado e a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.

Igualmente, de conformidade cos mesmos artigos 20.3 da Lei 9/2007 e 4 da Orde do 12 de xaneiro de 2012, se o solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa figura en poder da Administración, deberá indicar na epígrafe correspondente do formulario da solicitude a autorización ao órgano concedente para acceder a ela. Para estes efectos, a documentación debe manterse vixente e identificarase no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o cal foi presentada, sempre que non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que corresponden.

Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, facéndoo constar no formulario de solicitude, debendo presentar entón o DNI e as certificacións ás cales fai referencia este punto.

En calquera caso, nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano instrutor poderá requirirlle ao solicitante a presentación da documentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos, todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta secretaría publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

Así mesmo, a aceptación do financiamento implica a aceptación da súa inclusión na lista de beneficiarios publicada de conformidade cos artigos 6 e 7, punto 2, letra d), do Regulamento (CE) n.º 1828/2006 da Comisión, que establece que a autoridade de xestión será responsable da organización de, polo menos, as seguintes medidas de información e publicidade: publicación, electrónica ou por outros medios, da lista de beneficiarios, os nomes das operacións e a cantidade de fondos públicos asignada ás operacións.

4. A Secretaría Xeral para o Turismo velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para eses efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, e adoptaranse tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recolla e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros, non obstante, a Secretaría Xeral para o Turismo revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida, de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: edificio administrativo San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que poderá atopar na Guía de procedementos da páxina web da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Órganos competentes.

A Subdirección Xeral de Xestión, Fomento e Cooperación da Secretaría Xeral para o Turismo será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e correspóndelle á titular da Secretaría Xeral para o Turismo ditar a resolución de concesión.

Artigo 7. Instrución dos procedementos.

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desistiu na súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Os Servizos de Turismo das xefaturas territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza achegarán un informe que deberá indicar as datas de clasificación turística do establecemento.

Así mesmo, achegaranse os informes seguintes:

Informe da Área de Novos Produtos de Turgalicia sobre o interese turístico da solicitude e adecuación á liña de actuación correspondente.

Informe da Área de Xestión da Informática de Turgalicia se a solicitude de axuda comprende actuacións relativas a tecnoloxías da información e comunicacións.

Estes informes achegaranse cunha antelación mínima de dez días previos á realización da comisión de valoración.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

Artigo 8. Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) O/a subdirector/a xeral de Xestión, Fomento e Cooperación, que a presidirá.

b) Os/as xefes/as do Servizo de Turismo de cada unha das xefaturas territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

c) O/a xefe/a do Servizo de Cooperación Institucional, Promoción e Formación, da Secretaría Xeral para o Turismo, quen exercerá as funcións de secretario/a.

d) O/a xefe/a do Servizo de Ordenación, da Secretaría Xeral para o Turismo.

3. Os/as suplentes, de ser o caso, serán designados/as pola Secretaría Xeral para o Turismo.

4. A comisión poderá estar asistida por outro persoal técnico para os efectos de colaboración e asesoramento.

5. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde, segundo os criterios recollidos no artigo seguinte e indicando o importe da concesión que se propón para cada un deles.

6. No caso de existiren solicitudes que non figuran na proposta anterior por razón do baremo aplicado ao terse esgotado o crédito dispoñible, a comisión poderá emitir propostas sucesivas de concesión, ben por dispor de crédito por producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente propostos ou ben por incremento do orzamento inicialmente destinado a esta subvención.

Artigo 9. Criterios de valoración.

Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables, e os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión da subvención serán os seguintes, e cada un deles terá o peso que se especifica:

1. A promoción dos seguintes produtos:Camiño de Santiago, Bosques de Galicia (Natureza), Mananciais de Galicia (Termalismo), Paseando entre viñedos (Enogastronomía), Turismo mariñeiro, Ruta das camelias (Xardíns de Galicia), Faros e praias salvaxes, Patrimonio oculto e Santuarios máxicos, Turismo de caza e pesca, Turismo de golf e Turismo náutico-fluvial (20 puntos).

2. Orientación da oferta ao público familiar, á mocidade e a colectivos minoritarios (10 puntos).

3. Incidencia na desestacionalización do destino Galicia (15 puntos).

4. Que o establecemento solicitante acredite o seu compromiso coa calidade turística (ata un máximo de 15 puntos).

– Acreditando certificación da marca Q de calidade turística do ICTE (10 puntos).

– Acreditando a súa adhesión vixente para o ano 2012 ao ICTE, no caso de establecementos aínda non certificados co Q de Calidade Turística (5 puntos).

– Acreditando o distintivo en boas prácticas de compromiso de calidade turística concedido por un destino SICTED (Sistema de Calidade Turística Española en Destinos) na Comunidade Autónoma de Galicia (5 puntos).

5. Atendendo á súa localización (ata 10 puntos).

– Presenza de destinos do interior de Galicia ou situados en zonas rurais con tendencia á despoboamento (ata 5 puntos).

– Actuacións que se leven a cabo nas provincias de Lugo e Ourense (ata 5 puntos).

6. Posicionamento do produto en mercados nacionais ou internacionais (10 puntos).

7. Que o paquete turístico presente unha oferta accesible a persoas e colectivos con discapacidade (10 puntos).

8. Innovación e creatividade na realización de materiais promocionais e insercións publicitarias (10 puntos).

Artigo 10. Audiencia.

Efectuada a avaliación, a comisión levantará acta en que se concretará o seu resultado, á vista do cal o órgano instrutor elaborará unha proposta de resolución provisional debidamente motivada que deberá ser notificada aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Na dita notificación expresarase o importe previsto da axuda (expresado en equivalente bruto de subvención) e o seu carácter de minimis conforme o Regulamento (CE) n.º 1998/2006 relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOUE 28.12.2006, L 379).

Artigo 11. Resolución e notificación.

1. Examinadas as alegacións, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución definitiva e elevaraa á titular da Secretaría Xeral para o Turismo.

2. A secretaria xeral, á vista da proposta de resolución, ditará no prazo de 15 días desde a súa elevación, a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e na cal, en todo caso, quedarán debidamente xustificados todos os aspectos contidos no artigo 34.4 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

3. O prazo máximo para resolver e notificarlle a resolución ao interesado será de seis meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non obstante e de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, no caso das subvencións concedidas poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Secretaría Xeral para o Turismo. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. Coa publicación no DOG poderán remitirse os beneficiarios a que consulten información detallada da resolución nun taboleiro de anuncios da citada web.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación. Non obstante, poderase substituír esta notificación individual pola publicación no DOG, coa indicación de que os non beneficiarios consulten a información detallada da súa resolución nun taboleiro de anuncios da citada web.

Artigo 12. Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a secretaria xeral para o Turismo, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 13. Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola secretaria xeral para o Turismo, logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 10.

Artigo 14. Aceptación e renuncia.

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa en contra, entenderase tacitamente aceptada.

2. Coa aceptación o beneficiario consente a publicación da resolución en que se lle concede a axuda na lista de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión.

3. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo IV, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, a secretaria xeral ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1 da mesma lei.

Artigo 15. Obrigas dos beneficiarios.

1. Os beneficiarios das subvencións adquiren as obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e as sinaladas nesta resolución. Así, sen prexuízo dos demais compromisos que resulten da normativa aplicable obríganse ao seguinte:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

b) Manter o investimento subvencionado e a súa actividade en Galicia durante un período mínimo de cinco (5) anos, contados desde a data en que se produza a liquidación definitiva da subvención.

c) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente así como a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicarlle á Secretaría Xeral para o Turismo a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien a actividade subvencionada procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais. Por estar esta convocatoria suxeita ao réxime de minimis tamén deberá comunicar calquera axuda obtida polo beneficiario baixo este réxime neste ano fiscal e nos dous anteriores. Estas comunicacións deberán efectuarse tan axiña como se coñezan e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase o solicitante ou beneficiario para que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.

g) O beneficiario deberá conservar a documentación contable e de todo tipo relativa á execución dos gastos do proxecto obxecto da subvención por un período de 3 anos a partir do peche do programa operativo, de conformidade co artigo 89, número 3, do Regulamento 1083/2006 do Consello. Así mesmo, queda obrigado a manter unha separación contable adecuada para os gastos relacionados coa axuda que facilite a «pista de auditoría».

h) Os beneficiarios deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Así mesmo, deberán cumprir as medidas en materia de información e publicidade reguladas na sección 1 do capítulo II do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello (DOUE 27.12.2006 L371), coas modificacións introducidas polo Regulamento (CE) 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro de 2009 (DOUE 23.9.2009, L250).

En concreto, as entidades beneficiarias de axudas deberán facer constar, na súa publicidade ou na información que xeren en relación co proxecto subvencionado, o cofinanciamento dos seus activos con fondos europeos Feder, así como pola Xunta de Galicia, segundo o establecido no Decreto 409/2009 sobre identidade corporativa da Xunta de Galicia. Para iso empregarán a lenda «Proxecto cofinanciado» xunto co escudo normalizado da Xunta de Galicia, e poderán descargar o logotipo no seguinte enlace: www.xunta.es/descarga-do-manual, e o emblema normalizado da Unión Europea coa lenda «Unión Europea. Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional» (Feder) e precedendo os emblemas empregarase a lenda «Unha maneira de facer Europa».

Estas medidas de información e publicidade están recollidas na Guía de publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais 2007-2013 que pode consultarse na páxina web:

http://www.conselleriadefacenda.es/web/portal/guia-intervencions-cofinanciadas-fe. Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta do beneficiario da subvención.

Cando se materialice nunha aplicación informática deberán facerse as citadas referencias na zona de inicio ou menú principal da aplicación informática, así como na epígrafe de información da aplicación (axuda, acerca de ou similares).

Cando o proxecto dea lugar a documentación (manuais, cadernos, folletos, notas informativas, CD-rom) deberán constar na contraportada das ditas publicacións as citadas referencias.

i) Igualmente, os beneficiarios deberán incluír nas súas accións promocionais a marca turística de Galicia. De ser o caso, nas páxinas web deberán incluír un banner cunha ligazón á páxina de promoción turística de Galicia. Nos folletos e outras publicacións deberán incluír na contraportada a marca turística, seguindo as indicacións do manual de uso. Para a aplicación correcta da marca deberán descargar de www.turgalicia.es/marca01 os arquivos informáticos cos elementos gráficos en calidade e formatos axeitados, así como as indicacións de uso.

Así mesmo, a Secretaría Xeral para o Turismo resérvase a opción de incluír os paquetes turísticos subvencionados na súa páxina web e cederllos á Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A.-Turgalicia para a súa comercialización.

j) Reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido pola subvención concedida, así como os correspondentes xuros de demora xerados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

– Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

– Por incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos prazos e termos establecidos nesta resolución.

– Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

– Incumprimento total ou parcial do obxectivo da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a subvención.

– Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas para a mesma finalidade percibidas de calquera Administración ou ente público ou privado.

– Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

Artigo 16. Subcontratación.

Queda excluída a subcontratación das actividades subvencionadas ao abeiro desta convocatoria, non obstante, en aplicación do disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non se inclúe nesta prohibición a contratación daqueles gastos en que o beneficiario teña que incorrer para a realización por si mesmo da actividade subvencionada.

Artigo 17. Xustificación da subvención.

1. Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario terá de prazo ata o 30 de novembro de 2012 para presentar nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria a seguinte documentación segundo a modalidade de conta xustificativa conforme o artigo 44 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia .

a) Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo V.

b) Memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

c) Memoria económica do custo das actividades realizadas, que conterá:

c.1. Relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con indicación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e data de pagamento. De ser o caso, indicaranse as desviacións producidas no orzamento que serviu de base ao seu outorgamento.

c.2. Facturas, orixinais ou copias cotexadas, que deberán especificar a que concepto corresponden segundo o investimento que serviu de base para a concesión da subvención, xunto coas certificacións bancarias ou, no seu defecto, copias das ordes de transferencia, que xustifiquen o seu pagamento.

En ningún caso se admitirán xustificantes de pagamento con data posterior á establecida para presentar a xustificación.

De acordo co establecido no artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de subvencións da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se o gasto é inferior a 1.000 euros poderá aceptarse xustificación do pagamento mediante a presentación da factura co recibín do provedor.

d) Certificados expedidos polos organismos competentes acreditativos de estar ao día nas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da Comunidade Autónoma, así como nas obrigas coa Seguridade Social e de non ter ningunha débeda pendente por ningún concepto con ningunha Administración pública. Non obstante, a presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

e) Declaración actualizada de conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta resolución, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Farase mención expresa sobre calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. Pode utilizarse actualizado o anexo III: Modelo de declaracións.

f) Declaración responsable onde se recollan expresamente os compromisos a que se fai referencia no artigo 15 das bases reguladoras.

2. O investimento xustificado ten que coincidir coa resolución de concesión da subvención ou as modificacións autorizadas. De non xustificarse o investimento executado quedará anulada toda a subvención; non obstante, se a xustificación fose inferior ao investimento previsto, sempre que se manteña a finalidade da subvención, minorarase a concesión proporcionalmente ao investimento non xustificado e, para o caso de que o executado non cumprise o fin para o cal se concedeu a subvención, quedaría anulada na súa totalidade.

3. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso a secretaria xeral ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 18. Pagamento.

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da secretaría, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento polo órgano concedente, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada tanto polo representante da Administración como polo beneficiario.

Artigo 19. Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e á súa normativa de desenvolvemento.

3. Cando o cumprimento polo beneficiario se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e se acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos compromisos adquiridos, a cantidade que hai que reintegrar responderá ao principio de proporcionalidade e determinarase aplicando os mesmos criterios de avaliación que se empregaron para a concesión referidos á realidade finalmente comprobada.

4. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 20. Control.

1. A Secretaría Xeral para o Turismo poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como aos dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 21. Publicidade.

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario ou programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Igualmente, farano na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Malia o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a tres mil euros (3.000 euros), non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Secretaría Xeral para o Turismo.

Artigo 22. Remisión normativa.

Son de aplicación directa o Regulamento comunitario 1998/2006 relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis, o Regulamento comunitario 1083/2006 relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), ao Fondo Social Europeo (FSE) e ao do Fondo de Cohesión, o Regulamento comunitario 1828/2006 relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e o resto de normativa que resulte de aplicación.

Aplicarase supletoriamente o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file