Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Martes, 5 de xuño de 2012 Páx. 21502

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 29 de maio de 2012 pola que se convoca un curso superior de intervención en presenza de riscos radiolóxicos.

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realicen algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teñan como fin a protección de persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei, este persoal organizarase en grupos operativos.

Por Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga), onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que se poidan producir en Galicia derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

O Real decreto 387/1996, do 1 de marzo, polo que se aproba a Directriz básica de planificación de protección civil ante o risco de accidentes nos transportes de mercadorías perigosas por estrada e ferrocarril, inclúe a planificación e a xestión de emerxencias do grupo-7 de materiais radioactivos.

O Real decreto 1564/2010, do 19 de novembro, polo que se aproba a Directriz básica de planificación de protección civil ante o risco radiolóxico, establece como obxectivo básico do nivel de resposta exterior dispoñer da organización, procedementos, medios e recursos necesarios para protexer a poboación fronte os riscos radiolóxicos que os puidesen afectar no caso de emerxencias radiolóxicas.

Dentro das actividades programadas para o ano 2012, e conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), anúnciase a convocatoria dun curso superior de intervención en presenza de riscos radiolóxicos, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Tipo

Curso

Denominación

superior de intervención en presenza de riscos radiolóxicos

Modalidade

Presencial

Edicións

1

Horas lectivas

36

Prazas

14

2. Obxectivos e contido.

Obxectivos:

• Adquirir unha formación básica sobre o risco radiolóxico e a lexislación e normativa reguladora das instalacións radioactivas.

• Coñecer os procedementos de operación nas instalacións radioactivas e a correcta xestión de apoio nas emerxencias orixinadas nestas instalacións.

• Coñecer os diversos niveis de coordinación e asesoramento para a xestión da emerxencia e os recursos dispoñibles para a intervención nas instalacións.

• Realizar simulacións de xestión deste tipo de emerxencias xunto a persoal experto e establecer unha comunicación entre os técnicos de xestión de emerxencias de Galicia e os responsables en protección radiolóxica de instalacións radioactivas.

Contido: o curso estrutúrase nunha secuencia teórico-práctica para cada módulo:

Módulo 1: introdución e bases físicas, lexislativas e radiobioloxía.

Teoría:

• Física da radiación ionizante.

• Sistemas de detección e medida da radioactividade.

• Efectos biolóxicos.

• Lexislación, normativa, guías, instrucións técnicas, procedementos.

• Instalacións de investigación.

Práctica:

• Visita de prácticas nunha instalación radioactiva de investigación universitaria:

– Delimitación e sinalización de zonas radiolóxicas.

– Procedementos de operación nunha instalación de investigación.

– Xestión de acreditacións e autorizacións do persoal.

– Xestión do material radioactivo non encapsulado.

– Utilización dos diversos equipos para a detección e medida da radioactividade.

– Rastrexo e busca dunha fonte radioactiva extraviada.

– Plan de emerxencia interior.

Módulo 2: instalacións radioactivas: estudos de seguridade, verificación da instalación, regulamento de funcionamento e plan de emerxencia.

Teoría:

• As instalacións radioactivas: categorías e tipoloxías.

• Instalacións médicas.

• Instalacións de control de proceso industrial en planta.

• Instalacións industriais con equipos móbiles.

Práctica:

• Visita de prácticas nunha instalación radioactiva de equipos móbiles.

• Visita de prácticas nunha instalación radioactiva de control de procesos industriais en planta:

– Bases tecnolóxicas de xustificación de uso do material radioactivo para realizar medicións en obras e para control de proceso en liña de fabricación.

– Procedementos de operación diversos segundo a tipoloxía da instalación.

– Probas de hermeticidade de fontes radioactivas.

– Xestión de dosimetría do persoal.

– Vixilancia radiolóxica de área.

– Plan de emerxencia interior.

– Transporte de mercadorías perigosas do grupo-7 (equipos para a medición de humidade e densidade de solos).

– Plan de emerxencia no transporte.

Módulo 3: instalacións radioactivas comercializadoras.

Teoría:

• Instalación de radiofarmacia.

• Xestión do material radioactivo.

• Preparación de radiofármacos.

• Expedición de material radioactivo.

• Procedementos de operación.

• Vixilancia radiolóxica ambiental.

Práctica:

• Visita de prácticas nunha instalación radioactiva de radiofarmacia.

• Visita de prácticas nunha instalación radioactiva de radioterapia:

– Uso do material radioactivo para realizar diagnóstico médico e para tratamentos médicos.

– Protección radiolóxica operacional.

– Procedementos de mantemento de equipos.

– Procedementos de operación nos diversos tipos de radioterapia.

– A xestión de residuos radioactivos.

Módulo 4: instalacións radioactivas de medicina nuclear e transporte de mercadorías perigosas do grupo-7.

Teoría:

• Xestión das fontes radioactivas encapsuladas e dos residuos radioactivos líquidos.

• Normativa.

• Procedementos de protección radiolóxica no transporte do grupo-7.

• Incidencias no transporte.

• Procedementos de intervención.

• Equipamento de protección.

Práctica:

• Visita de prácticas nunha instalación radioactiva dun complexo hospitalario do Servicio Galego de Saúde:

– Procedementos de xestión de fontes radioactivas encapsuladas de alta taxa.

– Procedementos de xestión de material radioactivo non encapsulado de terapia metabólica.

– A xestión de residuos radioactivos de vida curta.

– Vixilancia radiolóxica ambiental.

3. Destinatarios/as e requisitos de participación.

a) Destinatarios/as: o curso vai dirixido a:

• Técnicos de protección civil da Xunta de Galicia.

• Técnicos do CAE 112 Galicia.

• Xefes de parque e xefes de quenda dos servizos de bombeiros de Galicia.

• Xefes dos servizos municipais de Protección Civil e/ou Emerxencias.

Este persoal forma parte do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia).

b) Requisitos de participación: os/as solicitantes seleccionados deberán acreditar a súa categoría profesional o primeiro día do curso mediante un certificado da súa xefatura de persoal.

4. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: o programa teórico desenvólvese na Agasp (avda. da Cultura, s/n, A Estrada, Pontevedra), mentres que o programa teórico-práctico se desenvolve na sede das instalacións radioactivas.

Datas: 17, 18, 19 e 20 de setembro (4 xornadas).

Horario: mañá e tarde, das 9.00 ás 14.00 horas e das 16.30 ás 20.00 horas.

5. Inscrición.

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá inscribirse na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) Con carácter previo á inscrición é necesario darse de alta como usuario da páxina web da Agasp. Nesta alta previa é imprescindible facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) O prazo de inscrición é de 15 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

A inscrición poderá realizarse ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, con suficiente antelación para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 12, 886 20 61 37 e 886 20 61 38, do fax 886 20 61 23 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

e) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

6. Criterios de selección do alumnado participante.

1.º Terán preferencia na selección os solicitantes que teñan menos cursos feitos na Agasp nos anos 2010 e 2011.

2.º Se existise empate, aplicaranse os restantes criterios establecidos no artigo 20 da Orde do 4 de febreiro de 2009 pola que se aproba o Regulamento de réxime interior da Academia Galega de Seguridade Pública.

3.º Reservarase o 50% das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. De non existiren suficientes solicitudes de participación de mulleres, as prazas sobrantes acrecentarán as da quenda xeral.

7. Publicación das relacións do persoal seleccionado.

A Agasp publicará na súa páxina web http://agasp.xunta.es unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 59.6.º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Ademais, para unha maior difusión serán informados da súa selección a través do correo electrónico.

As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con polo menos 48 horas de antelación ao seu comezo. A dita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

Noutro caso, serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen para as que reúnan os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp).

8. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG n.º 30, do 12 de febreiro).

9. Faltas de asistencia.

O Regulamento de réxime interior da Agasp, mencionado na base número 8 desta convocatoria, regula no seu artigo 16 as faltas de asistencia nos cursos:

«1. A asistencia ás clases e actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria. As faltas que as/os alumnas/os acumulen deberanse xustificar debidamente, e penalizaranse disciplinariamente, en caso contrario.

2. A/o alumna/o que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10% das clases do curso de formación será declarado non apto, e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

De ser necesario, e só nos casos en que a inasistencia ás clases estivese motivada por accidente ou lesión sufridos con ocasión da actividade académica, o/a director/a xeral poderá considerar a conveniencia ou a oportunidade de permitirlle ao/á alumno/a poder recuperar ata un determinado número de horas e participar posteriormente nun exame extraordinario para poder superar o curso sen ter que repetilo.

3. No entanto, aínda que as ausencias acumuladas non chegasen á porcentaxe sinalada, a/o alumna/o poderá verse obrigado a recuperar todas ou parte das horas perdidas ao longo do curso. Neste caso a xefatura de ensino proporá ao/á director/a xeral o número de horas que se van recuperar, tendo en conta, en cada caso concreto, o tipo de xustificación presentada para cada ausencia, así como o número total destas e o comportamento e actitude da/o alumna/o ao longo do curso».

10. Certificado de aproveitamento.

Ao remate da actividade entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen a proba final.

11. Financiamento da actividade.

Esta actividade é cofinanciada nun 80% polo Fondo Social Europeo dentro do Programa operativo Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, no eixe 3, tema prioritario 72.

12. Facultades da Agasp.

A Agasp poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir o curso, ampliar novas edicións deste ou suspendelo temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

A Estrada, 29 de maio de 2012.

José Carlos García Bouzas
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública