Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Venres, 15 de xuño de 2012 Páx. 23548

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 13 de xuño de 2012 pola que se modifica a Orde da Consellería de Traballo e Benestar do 27 de febreiro de 2012, pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional, no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012.

No Diario Oficial de Galicia nº 49, do 9 de marzo, publicouse a Orde do 27 de febreiro de 2012, pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional, no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012.

Nesta orde agrúpanse os programas que teñen por obxecto establecer incentivos para a creación de emprego das persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego, e nos seus anexos A e B regúlanse, respectivamente, os programas de integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego.

O Programa de integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego recolle as axudas aos proxectos de creación e de ampliación do cadro de persoal fixo de persoas con discapacidade e as axudas ao mantemento de centros especiais de emprego, agás a subvención do custo salarial dos traballadores con discapacidade, que é regulada na Orde da Consellería de Traballo e Benestar do 11 de outubro de 2011, publicada no Diario Oficial de Galicia do 18 de outubro de 2011.

A aprobación por parte do Consello de Ministros do Goberno de España, na súa reunión do día 30 de marzo, do proxecto de Lei de orzamentos xerais do Estado para o ano 2012, expresa un importante esforzo no control do gasto co fin de reducir o déficit público e acadar o obxectivo de estabilidade orzamentaria, cun axuste de 27.300 millóns de euros.

Este importante axuste supón unha redución media de case o 17 por cento na capacidade de gasto dos ministerios e, no caso das políticas activas de emprego, implica a redución de 1.557 millóns de euros para este exercicio no conxunto do Estado, tanto para o Servizo Público de Emprego Estatal como para os autonómicos.

A orde de convocatoria en materia de programas de integración laboral das persoas con discapacidade citada, competencia da Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo e Benestar, ditouse e publicouse coa correspondente autorización do gasto con base nos créditos contidos na Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, de acordo coas previsións de fondos finalistas facilitadas polo Servizo Público de Emprego Estatal.

Unha vez aprobada pola Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais, na súa reunión do día 24 de maio de 2012, a distribución de fondos en materia laboral dos orzamentos xerais do Estado para a súa xestión polas comunidades autónomas no ano 2012 e, en concreto, para Galicia, en materia de medidas de políticas activas de emprego, procede realizar o correspondente e necesario axuste nas diferentes partidas destinadas ao financiamento destas medidas, de conformidade coas normas e previsións da Estratexia Española de Emprego 2012-2014, aprobada polo Real decreto 1542/2011, do 31 de outubro, e do Plan Anual de Política de Emprego para 2012.

Por todo o anterior e en coherencia cos principios da política orzamentaria, que implican o necesario equilibrio entre ingresos e gastos, procede, neste momento, efectuar un axuste nos créditos inicialmente asignados a este centro de gasto nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia.

En consecuencia e coa finalidade de poder cumprir cos obxectivos de estabilidade orzamentaria da Facenda da Comunidade Autónoma, esta consellería vese obrigada a adoptar medidas de reaxuste dos créditos financiados con fondos finalistas de emprego autorizados para o financiamento de subvencións no exercicio de 2012 e a modificar as correspondentes ordes de convocatoria, neste caso concreto en materia de programas de axudas para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego.

Así pois, de acordo co exposto e co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións, e en virtude das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º. Programa de promoción da integración laboral de persoas con discapacidade en centros especiais de emprego

Para o exercicio orzamentario 2012 minórase o importe do orzamento inicial previsto para o programa do anexo A da Orde da Consellería de Traballo e Benestar do 27 de febreiro de 2012, pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012, na aplicación e na contía seguinte:

12.04.322C.470.1. Código de proxecto 201200575: 1.100.000,00 euros.

Artigo 2º. Prazo de solicitude

Esta modificación non afecta os prazos establecidos na orde para a presentación de solicitudes nin tampouco afecta o resto do articulado da devandita orde.

Disposición derradeira.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2012

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar