Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Venres, 22 de xuño de 2012 Páx. 24911

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 8 de xuño de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a asociacións, fundacións e entidades culturais sen ánimo de lucro para o equipamento e a mellora dos seus locais, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012.

O ámbito de actuación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria responde ao vixente marco institucional de distribución de competencias, configurado basicamente no Estatuto de autonomía de Galicia. Este, no artigo 27.19º, establece como competencia exclusiva da Xunta de Galicia o fomento da cultura en Galicia e, no artigo 32, que lle corresponde ao Goberno da nosa Comunidade Autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de conformidade co Decreto 45/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, asume as competencias que a facultan para o deseño, a programación, o desenvolvemento e a execución da política cultural do Goberno de Galicia en todas as súas vertentes. Compételle a esta consellería a elaboración de normas e propostas para impulsar a creación e promover e difundir a cultura nos seus diversos eidos a través da xestión das diferentes axudas e instrumentos de colaboración coas asociacións, fundacións e outras entidades, de carácter público ou privado, que desenvolvan un labor dentro do seu ámbito competencial.

No eido concreto das asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, dentro da súa aposta pola dinamización cultural do país, considera que a mellora das condicións dos locais destas entidades abrirá as súas ofertas culturais aos novos campos da cultura, sen abandonar as súas ofertas culturais tradicionais.

No exercicio destas competencias, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria quere establecer con esta orde un instrumento que, adecuándose á normativa xeral vixente, marque as pautas para unha distribución, consonte os criterios de publicidade, obxectividade e concorrencia, dos recursos destinados á mellora dos locais e do equipamento das asociacións, fundacións e entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro, de acordo cos principios recollidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Finalidade e obxecto

1. Esta orde ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á mellora dos locais das asociacións, fundacións e entidades culturais sen ánimo de lucro para o ano 2012, no que atinxe ao equipamento e mellora dos seus locais, conforme o procedemento que a seguir se establece.

Inclúense nesta orde os investimentos feitos en melloras e equipamentos desde o 1 de xaneiro de 2012 ata a data límite de xustificación da orde.

2. Poderán ser obxecto de subvención as actuacións que se encadren nas seguintes modalidades:

a) Fundacións con local en propiedade: acondicionamento e mellora dos seus locais e investimentos en equipamento e mobiliario.

b) Asociacións con local en propiedade: acondicionamento e mellora dos seus locais e investimentos en equipamento e mobiliario.

c) Entidades culturais que non teñen local en propiedade pero que teñen unha cesión de uso por un prazo mínimo de 10 anos: poderán acollerse unicamente ás axudas de investimento en equipamento e mobiliario.

Para os efectos desta convocatoria, enténdense por locais de asociacións, fundacións e entidades culturais sen ánimo de lucro aqueles das citadas entidades, sitos en Galicia e que contribúan como sede destas entidades ao fomento da cultura en Galicia.

3. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde será tramitado en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado, as solicitudes serán examinadas por unha comisión de avaliación, que se axustará aos preceptos contidos no título II, capítulo II, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. No desenvolvemento desta orde aplicarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

d) Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, o Regulamento (CE) 1080/2006, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, o Regulamento (CE) 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro, e a Orde EHA 524/2008, do 26 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Feder e o Fondo de Cohesión.

e) Decreto 44/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia do censo de asociacións e entidades culturais.

f) Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012.

E supletoriamente:

g) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico que son de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

h) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que será de aplicación só nos seus preceptos básicos.

i) Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 2. Imputación orzamentaria e contía

1. As subvencións reguladas nesta orde concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 15.20.432B.781.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2012, por un importe de 300.000 euros (trescentos mil euros), cofinanciados nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

2. Este importe inicial pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O importe de 300.000 euros distribuirase do seguinte xeito:

a) Fundacións con local en propiedade: 120.000 euros.

b) Asociacións con local en propiedade: 120.000 euros.

c) Entidades culturais que non teñen local en propiedade pero que teñen unha cesión de uso por un prazo mínimo de 10 anos: 60.000 euros.

Segundo o volume de solicitudes e en función das modalidades presentadas, o órgano instrutor poderá modificar a repartición das axudas establecidas neste punto.

Estas subvencións están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), por medio do Programa operativo Feder (2007-2013), regulados pola normativa recollida no punto 4, alínea d) do artigo 1 desta orde, e as actuacións obxecto das subvencións están comprendidas dentro do eixe 5, tema prioritario 59 e actuación 3.

4. A concesión das axudas queda sometida á condición de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

5. A dotación das axudas será:

– Mobiliario, equipamento e material inventariable: máximo por beneficiario 10.000 euros.

– Acondicionamento e mellora de locais: máximo por beneficiario 20.000 euros.

Unha mesma entidade poderá optar as dúas modalidades sempre que cumpra os requisitos necesarios e non exceda do máximo que se fixa na orde de convocatoria.

6. A axuda máxima será de 30.000 euros por beneficiario, que en ningún caso poderá exceder o 75% do orzamento total do proxecto subvencionable.

Este importe entenderase máximo, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte de aplicación dos criterios do artigo 6 desta orde.

7. O importe máximo destas axudas non poderá, en ningún caso, superar o custo das actividades que desenvolvan as entidades beneficiarias; estas axudas serán compatibles, para os mesmos gastos subvencionables, con outras axudas concedidas por entidades públicas ou privadas sempre que a acumulación de axudas non supere a totalidade do custo elixible e se respecten as condicións establecidas en cada réxime de axudas, na normativa nacional e comunitaria aplicable.

En caso de que o conxunto das axudas supere o custo das actividades, esta axuda reducirase na cantidade necesaria ata acadar o cumprimento do establecido anteriormente.

Ao estar este réxime de axudas dentro do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, os gastos cofinanciados por un fondo non poderán acollerse a outras axudas procedentes do mesmo fondo ou doutros fondos ou instrumentos financeiros comunitarios, de conformidade co artigo 34 do Regulamento (CE) 1083/2006.

Artigo 3. Beneficiarios

1. Poderán optar a estas subvencións as asociacións, fundacións e entidades culturais sen ánimo de lucro que radiquen ou teñan sede en Galicia, para o seu equipamento e mellora, sempre e cando realicen actividades culturais de promoción da cultura galega e desenvolvan as súas actividades habitualmente en Galicia.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles que se atopen nalgún dos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As fundacións que se acollan a esta convocatoria non poderán percibir subvencións nin axudas públicas da Xunta de Galicia se non cumpren coa obriga de presentar as contas ao protectorado, segundo o establecido no artigo 38.3º da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

Artigo 4. Presentación de solicitudes, prazo e documentación

As entidades que desexen acollerse a esta orde deberán presentar a correspondente solicitude no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, mediante unha instancia dirixida ao secretario xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

1. A solicitude presentarase, preferentemente, ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia mediante sinatura electrónica do/da representante legal da entidade solicitante, tendo que cumprir os requisitos de presentación electrónica que se definen no punto seguinte, en aplicación do establecido no artigo 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica da Xunta de Galicia e das entidades dela dependentes.

Ao Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia accédese a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico https://sede.xunta.es, directamente ou tamén a través do portal www.xunta.es

Os requisitos para a presentación electrónica son os seguintes:

– Será necesario que o/a presentador/a da solicitude sexa a persoa física que posúa a representación legal da entidade solicitante e como tal figure identificado/a nos formularios normalizados de solicitude.

– O/a presentador/a deberá posuír algúns dos seguintes certificados:

a) DNI electrónico, conforme o disposto no Real decreto 1586/2009, do 16 de outubro, polo que se modifica o Real decreto 1553/2005, do 23 de decembro, polo que se regula a expedición do documento nacional de identidade e os seus certificados de sinatura electrónica.

b) Certificado electrónico en vigor baixo a norma X.509 V3, expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda, conforme o disposto no Decreto 164/2005, do 16 de xuño.

c) Calquera outro certificado dixital aceptado polo Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

Así mesmo, tamén se poden presentar en soporte papel segundo o modelo normalizado que figura como anexo I desta orde e poderán presentala na Oficina de Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Á solicitude xuntaráselle a documentación que a seguir se relaciona:

a) Fotocopia do NIF ou, se é o caso, DNI do representante, xunto coa documentación acreditativa da representación. Este último documento só se deberá presentar no suposto de que a persoa solicitante non dese o seu consentimento para que o órgano instrutor comprobe os seus datos de carácter persoal, por medios telemáticos co servizo horizontal de acceso aos sistemas de verificación de datos de identidade e de residencia do Ministerio da Presidencia (de acordo co disposto nos artigos 2.2 e 3.2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos).

b) Declaración do solicitante das axudas solicitadas ou concedidas por parte doutros organismos públicos ou privados para o mesmo fin, conforme o anexo II desta orde.

c) Memoria explicativa e detallada do proxecto ou proxectos que se vaian desenvolver, en que se xustifique a necesidade.

d) Certificado do responsable da institución, comprometéndose a achegar a porcentaxe do orzamento do proxecto que lle corresponda, conforme o anexo III.

e) Orzamento relativo ao proxecto ou proxectos que se van desenvolver.

f) Memoria en que se describan as actividades ou programas levadas a cabo pola entidade nos dous últimos anos.

g) Memoria da entidade, onde se faga constar a súa traxectoria cultural.

h) Documentación que acredite a propiedade do edificio ou local da entidade ou, de ser o caso, da súa cesión, onde quede especificada a súa duración.

i) Poderán achegar calquera outra documentación que a entidade solicitante entenda que é pertinente para unha mellor valoración da solicitude. As memorias e o orzamento deberán estar debidamente asinados.

3. Os anexos I, II e III desta orde poderanse obter, a través da guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico https://sede.xunta.es, directamente ou tamén a través do portal www.xunta.es

4. A presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano instrutor, neste caso á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, para solicitar de oficio e de forma telemática as consultas de atoparse ao día nas obrigas fiscais e tributarias que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

Esta consulta farase de oficio e de forma telemática. No caso de que para o órgano instrutor non for posible a obtención desta información, poderalle ser requirida directamente ao solicitante.

Artigo 5. Emenda de solicitudes

Se a documentación presentada for incompleta ou presentar erros emendables, requirirase o solicitante para que, no prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Instrución do procedemento e selección de solicitudes

1. Correspóndelle á Secretaría Xeral de Cultura a instrución do procedemento de concesión de subvencións, e desenvolverá de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución.

2. A comisión de avaliación a que fai referencia o punto 3 do artigo 1 estará constituída polos seguintes membros:

– Presidente: o secretario xeral de Cultura.

– Catro vogais, que serán designados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, dos que un deles actuará como secretario.

En caso de ausencia dalgún dos membros integrantes da comisión, poderá ser substituído por outra persoa que para o efecto designe a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

3. A comisión valorará os expedientes, consonte os seguintes criterios:

Criterios xerais para as dúas axudas:

a) Número de programas ou actividades culturais realizadas pola entidade solicitante nos dous anos anteriores: ata 10 puntos.

b) Repercusión territorial dos programas ou actividades da entidade: repercusión en toda a comunidade: 10 puntos; repercusión de ámbito comarcal ou superior: 5 puntos e repercusión local: 3 puntos.

c) Nivel de autofinanciamento do programa ou actividade: superior ao 25% ata o 40%, 2 puntos; por importe superior ao 40% ata o 60%, 3 puntos; por importe superior ao 60%, 5 puntos.

Criterios específicos para obras de acondicionamento e mellora de locais:

a) Necesidade das obras proxectadas segundo o estado en que se atopen os inmobles. A valoración farase de acordo co anteproxecto, proxecto ou, de ser o caso, memoria xustificativa: ata 10 puntos.

b) Realización de obras de mellora da accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas. Para a súa acreditación deberá constar especificada no anteproxecto, proxecto ou memoria: 10 puntos.

c) Viabilidade da realización das obras de acordo co seguinte: 5 puntos se a obra xa se atopa en execución: neste caso acreditarase mediante a presentación do contrato ou da primeira certificación de obra; 3 puntos se conta con proxecto aprobado.

Criterios específicos para investimento en equipamento e mobiliario:

a) Realización de investimentos destinados a fomentar novos usos do local: 5 puntos.

b) En función da finalidade do investimento. Se máis do 50% do orzamento se destina da forma seguinte:

a. Realización de investimentos relacionados con novas tecnoloxías: 5 puntos.

b. Realización de investimentos para dotar de medidas de seguridade e extinción de incendios: 5 puntos.

c. Realización de investimentos relacionados coas actividades de fomento da lingua e da lectura: 3 puntos.

d. Realización de investimentos relacionados coas artes escénicas: 3 puntos.

e. Realización de investimentos relacionados coa promoción audiovisual: 2 puntos.

f. Realización de investimentos de equipamento xeral do local: 2 puntos.

O órgano instrutor, á vista dos expedientes e do informe de avaliación emitido, formulará proposta de resolución motivada e concederalles subvencións, ata o límite do crédito dispoñible, a aqueles solicitantes que obteñan unha puntuación mínima que será fixada pola Comisión de Valoración, logo do exame das solicitudes.

Esta resolución terá carácter de provisional cando concorran as circunstancias previstas no artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Cando o importe da subvención da proposta de resolución provisional sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, poderase instar do beneficiario a reformulación da súa solicitude para axustar os compromisos e as condicións á subvención outorgable.

No caso de empate, para desempatar terase en conta en primeiro lugar o criterio de autofinanciamento e en segundo lugar a data de presentación de solicitude.

No suposto de que algunha entidade non acepte a axuda ou renuncie a esta, o órgano instrutor poderá formular proposta de resolución complementaria, adxudicando o importe dispoñible ás solicitudes valoradas pola comisión e que non acadaron axuda por límites orzamentarios, de acordo coa orde de puntuación establecida.

Artigo 7. Resolución

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo de 15 días desde a elevación da proposta de resolución, ditará a resolución de concesión de acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 8. Notificación e desestimación

O prazo máximo para ditar e notificarlles aos interesados a resolución expresa non poderá superar os nove meses, segundo establece o artigo 23.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O prazo computarase a partir da publicación desta convocatoria.

O vencemento do citado prazo sen que se notifique a resolución expresa faculta o interesado para entender como rexeitada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 9. Aceptación, xustificación e pagamentos

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios dispoñerán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa, se entenderá tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida, debidamente asinada polo representante da entidade beneficiaria.

2. Os beneficiarios da subvención quedan obrigados a acreditar a realización dos proxectos subvencionados e a xustificar a totalidade do orzamento do proxecto, antes do 1 de outubro de 2012.

3. En caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción. O cumprimento efectivo dos fins para os que foi concedida a axuda acreditarase por medio da seguinte documentación:

– Memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións establecidas na concesión da subvención.

– Memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas, que conterá orixinal ou fotocopia compulsada, e dúas copias da seguinte documentación:

a) Relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade.

b) As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior e a documentación acreditativa do pagamento.

c) Certificación, por parte do responsable da entidade, en que se detalle o conxunto de axudas que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións das administracións ou calquera dos seus entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, financiasen a actividade subvencionada con indicación do importe, a súa procedencia e a aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas.

d) Certificación da titularidade da conta expedida pola entidade bancaria onde se debe realizar o pagamento da subvención.

e) Dado que o financiamento das actuacións é con fondos Feder e co obxecto de facilitar o labor das auditorías, os beneficiarios deberán achegar na xustificación copia das ofertas solicitadas, segundo o establecido no artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia.

3. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

– Xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso en efectivo polo portelo, certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto do pagamento, a identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir co beneficiario da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa e entidade que emitiu a factura.

4. Cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa subvención, con fondos propios ou con outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, a procedencia e a aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas, segundo recolle o artigo 28.6º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

6. No momento da xustificación da execución do proxecto e, en calquera caso, antes do pagamento, o peticionario debe presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

7. En todo o relativo aos gastos subvencionables deberá cumprirse o disposto no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, modificado pola Lei 12/2011, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso da obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención).

Unicamente serán gastos subvencionables os recollidos na Orde EHA/524/08, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Cohesión (BOE nº 53, do 1 de marzo).

Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados na data límite de xustificación establecida no punto 2 do artigo 9.

Os gastos cofinanciados non poderán acollerse a outras axudas procedentes do mesmo fondo ou doutros fondos ou instrumentos comunitarios e a axuda só será definitiva se non sofre antes de transcorridos cinco anos da súa concesión unha modificación que afecta a natureza do investimento, o cesamento da súa actividade e os postos de traballo.

Artigo 10. Obrigas dos beneficiarios

1. Os beneficiarios desta axuda quedarán suxeitos ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Os beneficiarios das subvencións quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos para o obxecto concreto para o cal fosen concedidos. Os servizos técnicos da Xunta de Galicia realizarán a comprobación explícita da execución da obra.

3. Os beneficiarios da subvención farán constar en toda a publicidade xerada polo proxecto subvencionado que recibiron unha subvención da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, utilizando a normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia, e tamén se fará constar que as actuacións están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), co obxecto de dar cumprimento ás obrigas de información e publicidade comunitaria establecidas nos regulamentos (CE) nº 1083/2006, nº 1828/2006 e nº 846/2009.

4. O beneficiario queda obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas e, se é o caso, os servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

5. Dado que estas subvencións están cofinanciadas con fondos Feder, os beneficiarios deberán ter en conta os seguintes puntos, con motivo da adecuación á normativa comunitaria.

– O beneficiario estará obrigado a cumprir as obrigas de información e publicidade comunitaria establecidas nos artigos 8 e 9 do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, e no artigo 1, números 1 e 2 do Regulamento (CE) nº 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro.

– De acordo co artigo 9 do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, e o artigo 1.2.a) do Regulamento (CE) 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro, todas as medidas de información e publicidade establecidas incluirán os elementos seguintes:

• O emblema da Unión Europea.

• Referencia ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

• Declaración do fondo: «Unha maneira de facer Europa».

• Proporcionalidade entre emblemas.

Este plan pode consultarse na páxina web seguinte:

http://www.conselleriadefacenda.es/web/portal/area-de-planificacion-e-fondos

– Debe terse en conta a Orde EHA/524/2008, do 26 de febreiro, relativa aos gastos subvencionables e non subvencionables, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Cohesión (BOE nº 53, do 1 de marzo).

– Débese manter o investimento durante cinco anos, segundo o previsto no artigo 57 do Regulamento (CE) 1083/2006.

– Débese conservar a documentación por un período de 3 anos a partir do peche do programa operativo, tal e como se define no artigo 89.3 do dito regulamento, e facer unha separación contable dos gastos que facilite a pista da auditoría.

– Garantirase, a través da declaración do conxunto de axudas recollida no artigo 9.6 desta orde, que o conxunto de axudas que illadamente ou en concorrencia con outras subvencións das administracións ou calquera dos seus entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, non supere o custo elixible do investimento subvencionable.

Artigo 11. Reintegro da axuda e procedemento sancionador

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria instruirá un expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, pode dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 12. Recursos

Contra esta orde e contra os actos resolutivos referentes a ela, que esgotan a vía administrativa, poderá o interesado interpor recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a recepción da notificación da resolución ou, potestativamente, interpor, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición perante a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 13. Publicidade

1. Os órganos administrativos concedentes publicarán no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputen, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade ou finalidades da subvención, ao abeiro do disposto no artigo 15.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web.

3. Consonte o artigo 16.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as axudas outorgadas ao abeiro desta orde figurarán no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios.

4. Por tratarse de fondos Feder a aceptación da subvención supón a súa publicación na lista de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, .

Disposición derradeira primeira. Facúltase o secretario xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2012

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file