Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Martes, 3 de xullo de 2012 Páx. 26329

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 25 de xuño de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión en réxime de concorrencia competitiva de subvencións destinadas ao cofinanciamento da prestación de programas de desenvolvemento xitano polas corporacións locais e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2012, cofinanciada polo Fondo Social Europeo 2007/2013.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, atribúelle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social, en consonancia coa habilitación competencial outorgada ás comunidades autónomas polo artigo 148.1.20 da Constitución española.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais para Galicia, establece, no seu artigo 58, que as competencias en materia de servizos sociais lle corresponderán á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e ás corporacións locais de Galicia, así como, se é o caso, ás demais entidades públicas previstas no Estatuto de autonomía de Galicia ou establecidas nesta lei.

A Consellería de Traballo e Benestar segundo a estrutura orgánica fixada polo Decreto 109/2012, do 22 de marzo, é o órgano que ten asumidas as competencias en materia de servizos sociais, incluíndo as políticas de inclusión social que lle corresponden á Xunta de Galicia.

A Consellería de Traballo e Benestar, de acordo coas directrices comunitarias definidas nos cumios europeos de Lisboa e Niza en materia de protección social no marco de apoio ás políticas destinadas á mellora do emprego e da promoción da inclusión social, elaborou o II Plan galego de inclusión social, coa finalidade de responder ás necesidades dos grupos e persoas con maiores desvantaxes sociais, entre os cales se encontra a comunidade xitana.

A presente orde regula a convocatoria de subvencións ás corporacións locais para o cofinanciamento de programas desenvolvidos polos servizos sociais de titularidade municipal dirixidos á inclusión sociolaboral do pobo xitano residente en Galicia, de conformidade co establecido na normativa estatal básica da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do regulamento que a desenvolve, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no regulamento que a desenvolve, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, normativa á cal, en consecuencia, se adaptará a presente orde, atendendo, en todo caso, aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade e igualdade e non discriminación.

Nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2012 existe crédito adecuado e suficiente para o financiamento das subvencións previstas nesta orde, no estado de gasto correspondente á Secretaría Xeral de Política Social. Estas axudas están financiadas polo Fondo Social Europeo 2007/2013 nun 80%, pola Administración do Estado, a través do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e pola Comunidade Autónoma de Galicia.

A solicitude, tramitación e concesión das subvencións obxecto da presente orde axustaranse ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, atendendo, en todo caso, aos principios básicos de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, polo Decreto 1/2012, do 3 de xaneiro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e polo Decreto 109/2012, do 22 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto regular as bases polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás corporacións locais para o cofinanciamento de programas desenvolvidos polos servizos sociais de titularidade municipal dirixidos á inclusión sociolaboral do pobo xitano residente en Galicia e proceder á súa convocatoria, cofinanciada polo Fondo Social Europeo 2007/2013.

Estas accións son elixibles no marco do Programa operativo FSE Galicia 2007/2013 no eixo 2, tema prioritario 71 e cun cofinanciamento do FSE ao 80%.

Artigo 2. Entidades solicitantes

1. Poderán solicitar as subvencións que se regulan nesta orde as corporacións locais galegas que desexen implantar ou desenvolver o programa mencionado no artigo anterior, e deberán estar inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

2. Enténdense incluídas no punto anterior as mancomunidades de concellos. Cando se trate de agrupacións de feito acordadas para o desenvolvemento compartido dos servizos sociais obxecto desta orde, os concellos agrupados deberán xustificar no expediente de solicitude a complementariedade e a non duplicidade das subvencións solicitadas. En ambos os casos a solicitude conxunta de subvención para o desenvolvemento dun servizo ou programa exclúe a posibilidade de solicitude individual para a mesma modalidade de subvención.

3. En todo caso, para que as corporacións locais solicitantes poidan resultar beneficiarias destas subvencións, será requisito indispensable que realicen unha achega económica destinada ao cofinanciamento do programa conforme as seguintes porcentaxes:

a) Concellos de menos de 20.000 habitantes: o 20% do orzamento total do programa.

b) Concellos de 20.000 a 59.999 habitantes: o 25% do orzamento total do programa.

c) Concellos de 60.000 ou máis habitantes: o 33% do orzamento total do programa.

4. Para a determinación desta achega municipal computarase o importe total das contías destinadas polas corporacións locais para o cofinanciamento, tanto no caso de que se financien con cargo aos seus recursos propios, como no suposto de que se financien con cargo a outras axudas, ingresos, recursos, ou subvencións distintas das reguladas na presente orde; poderase computar o importe proporcional dos gastos soportados polas corporacións locais para o mantemento de instalacións e equipamentos correspondentes ás oficinas municipais de servizos sociais que se poidan imputar directamente á execución de proxectos de desenvolvemento do pobo xitano, así como os gastos de equipamento mobiliario que realicen as corporacións locais para o desenvolvemento destes proxectos.

Non obstante o anterior, en ningún caso poderá computarse un mesmo gasto para a determinación da achega municipal para o financiamento do proxecto anual de servizos sociais municipais e máis para a determinación da achega municipal para o financiamento de proxectos de desenvolvemento do pobo xitano.

Para os efectos de establecer o límite á compatibilidade con outras subvencións observarase o establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que establece que o importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos, ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada. En todo caso, para determinar esta compatibilidade tamén se deberá observar o disposto na normativa reguladora destas outras subvencións, axudas, ou achegas económicas concorrentes.

Artigo 3. Programas e actuacións subvencionables e criterios de formulación de proxectos

3.1. Programas e actuacións subvencionables:

De acordo cos obxectivos establecidos pola Consellería de Traballo e Benestar no ámbito da inclusión social, e tendo en conta as directrices marcadas pola Unión Europea no marco de apoio ás políticas destinadas á mellora do emprego e da promoción da inclusión social da comunidade xitana, esta orde subvencionará os programas que incluirán as actuacións distribuídas nas seguintes áreas:

1) Área de vivenda: proxectos enfocados a facilitar os procesos de erradicación do chabolismo e acceso á vivenda normalizada. Especialmente:

a) Desenvolvemento de accións acordadas e incluídas no deseño dos itinerarios individuais de inserción sociolaboral e residencial das persoas e familias incorporadas aos procesos de realoxo.

b) Actuacións de acompañamento, seguimento e educación social cara á preparación do acceso definitivo ou mantemento e convivencia nunha vivenda normalizada.

c) Outras accións positivas en favor das familias xitanas na bolsa de alugamento, campañas de información/formación, intermediación no acceso á vivenda usada etc...

2) Área de educación: proxectos enfocados a favorecer desde o ámbito sociofamiliar, a plena normalización do alumnado xitano. Especialmente:

a) Accións de intervención coas familias para reducir o absentismo escolar dos/as menores e aumentar a participación das familias na escola.

b) Accións de reforzo, orientación e apoio ao alumnado xitano, e dun xeito especial ás alumnas, para evitar o abandono prematuro da etapa de escolarización obrigatoria.

c) Medidas de acompañamento para a transición entre a educación primaria e a secundaria.

d) Creación de espazos de compensación socioeducativa extraescolar e en medio aberto.

e) Realización de cursos de alfabetización dirixidos a reducir o analfabetismo da poboación maior de 16 anos.

3) Área de inserción e emprego: proxectos enfocados a mellorar a empregabilidade e a inserción laboral da poboación xitana. Considerarase requisito indispensable para a concesión da subvención que o programa que se presente conteña accións que se encadren neste punto. Especialmente:

a) Accións de formación para o desempeño dun posto de traballo, mediante metodoloxías flexibles e adaptadas, con horarios flexibles que permitan a conciliación.

b) Cursos de alfabetización dixital.

c) Accións de acompañamento dos procesos de inclusión sociolaboral, especialmente das mulleres xitanas, e actividades de intermediación laboral na última fase do itinerario.

d) Accións formativas no contorno laboral, tales como prácticas en empresas.

e) Accións formativas sobre a obtención de títulos e certificados de profesionalidade. Preparación de exames de competencias clave.

f) Accións de acompañamento para a creación de emprego autónomo e asesoramento para o cumprimento dos requisitos legais e/ou fiscais, con especial atención á venda ambulante e recollida de residuos sólidos.

4) Área de saúde: proxectos enfocados á promoción integral da saúde. Especialmente:

a) Campañas específicas de educación para a saúde e de sensibilización sobre problemáticas socio-sanitarias.

b) Accións de fomento da saúde reprodutiva nas mulleres xitanas.

5) Área de acceso aos servizos sociais normalizados: proxectos enfocados a acadar o acceso maioritario da poboación xitana galega aos servizos normalizados, así como o uso adecuado destes. Especialmente:

a) Reforzo e mellora de itinerarios de inclusión social para persoas beneficiarias de Risga e outras en risco de exclusión social.

b) Actuacións enfocadas á mellora da eficacia e coordinación dos recursos sociais que inciden na comunidade xitana, incluída a sensibilización e formación dos/as profesionais.

c) Accións dirixidas a procurar o acceso da poboación xitana ás diferentes tipoloxías de bens e servizos da comunidade, tanto públicos como de mercado, en condicións de igualdade de oportunidades.

6) Área de participación social: proxectos enfocados á mellora da participación social. Especialmente:

a) Encontros e outras actuacións que fomenten a participación e a integración, así como a análise sobre melloras neste terreo.

b) Accións de sensibilización social participadas pola comunidade xitana.

c) Celebracións abertas de días sinalados para a comunidade xitana.

d) Obradoiros interculturais de ocio e lecer.

3.2. Criterios de formulación dos proxectos:

a) Aplicación do principio de normalización da poboación xitana.

b) Adopción do enfoque intercultural: accións que procuren o desenvolvemento das persoas de etnia xitana nunha perspectiva de fomento da convivencia, a comprensión mutua e a mellora das relacións entre as persoas que conforman a comunidade minoritaria xitana e as do conxunto da sociedade maioritaria.

c) Implicación da propia comunidade xitana no proceso de cambio.

d) Coordinación efectiva no territorio entre recursos públicos e de entidades de iniciativa social.

e) Incorporación da perspectiva de xénero.

Artigo 4. Financiamento

Na concesión das subvencións reguladas nesta orde destínase a cantidade de 618.250 euros con cargo á aplicación orzamentaria 12.08.313C.460.1 do estado de gastos da Comunidade Autónoma para o ano 2012.

A contía citada no presente artigo poderá incrementarse de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias e sempre que o incremento derive dos supostos contidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Gastos subvencionables

1. Serán gastos subvencionables en relación co artigo 3 desta orde os que deseguido se relacionan e axustaranse á Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, de gastos subvencionables polo FSE e á Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, que a modifica:

a) Gastos do persoal necesarios para a execución das actividades.

– Serán subvencionables as retribucións totais correspondentes, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social, segundo a contía establecida na normativa aplicable por xornada real de traballo para os correspondentes grupos profesionais nos seus respectivos convenios colectivos.

– As retribucións de persoal contratado en réxime de arrendamento de servizos, modalidade que terá sempre carácter excepcional, nos casos en que polas especiais características da actividade non resulte adecuada a realización polo persoal suxeito á normativa laboral vixente. Estas retribucións quedarán afectadas polas limitacións sinaladas no parágrafo anterior.

– As axudas de custo e gastos de viaxe tamén se rexerán na súa contía pola normativa establecida nos convenios colectivos, sempre que non superen no seu conxunto o 4 por 100 do importe total do programa subvencionado.

b) Gastos correntes consumibles non amortizables necesarios para a realización da actividade.

c) Os gastos xerais serán subvencionados a condición de que correspondan a custos reais de execución da actividade financiada por esta orde e se asignen de forma rateada á operación, de acordo cun método equitativo debidamente xustificado.

d) O alugamento debidamente xustificado. No caso de que este equipamento sexa destinado tamén a outras actividades, procederase como no parágrafo anterior, asignando unha pro rata de acordo cun método equitativo debidamente xustificado.

e) Os gastos dos usuarios participantes nas accións incluirán: axudas de custo de desprazamento, remuneracións ou asignacións de participantes. Estas bolsas terán unha contía máxima subvencionable de 7 euros día/lectivo. Así mesmo, consideraranse subvencionables os gastos derivados dos seguros de accidentes dos alumnos, así como aqueloutros destinados a cubrir continxencias de risco derivadas da actividade subvencionada.

f) Aqueloutros gastos correntes necesarios para a execución da operación, sempre que cumpran os requisitos establecidos na Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, de gastos subvencionables polo FSE e na Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, que a modifica.

2. Os gastos subvencionados por esta orde deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que se adecuen aos obxectivos e contidos do programa de traballo subvencionado.

b) Que exista constancia documental da súa realización de xeito que se poidan verificar.

3. As dúbidas ou controversias en relación coa subvencionabilidade dos gastos serán resoltas pola Consellería de Traballo e Benestar por propia iniciativa ou por petición de calquera das entidades beneficiarias.

4. Para os efectos previstos nesta convocatoria, está permitida a subcontratación, entendendo por esta a concertación con terceiros da execución parcial da actividade que constitúe o obxecto da subvención. O beneficiario poderá subcontratar ata un límite máximo do 80% do orzamento total do proxecto subvencionado e deberá xustificar adecuadamente a súa necesidade. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer o beneficiario para a realización por si mesmo da actividade subvencionada. O previsto neste artigo será aplicable a aquelas accións concertadas con terceiros a través de convenios de colaboración.

5. Todo procedemento de contratación deberá respectar os principios de transparencia, publicidade e libre concorrencia, estando os subcontratistas obrigados a facilitar aos organismos de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás actuacións subcontratadas. En especial, e segundo o artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando o importe do gasto que se vai subcontratar supere a contía de 18.000 € no suposto de prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para prestación do servizo, agás no caso de que polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número de entidades ou que os gastos se realizasen con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas achegarase na xustificación ou, de ser o caso, na solicitude da subvención e realizarase de conformidade cos criterios de eficiencia e economía. Este aspecto deberá xustificarse expresamente nunha memoria se a elección non recae na proposta económica de máis vantaxe.

Artigo 6. Solicitudes

1. As solicitudes de subvencións formularanse no modelo publicado como anexo I da presente orde, debidamente asinadas e seladas.

A solicitude e mais a documentación requirida presentaranse nos rexistros da Xunta de Galicia, e será de aplicación en todo caso o disposto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. Así mesmo, tamén poderá presentarse o modelo de solicitude (anexo I) electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo: https://sede.xunta.es, xunto cos anexos II, III, V citados no punto tres deste artigo. O resto dos documentos (anexos IV, VI, VII) deberán ser incorporados necesariamente a través dos rexistros da Xunta de Galicia, ou de conformidade con calquera dos modos establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no DOG.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

3. A solicitude (anexo I) deberá ir acompañada ademais pola seguinte documentación:

a) Certificación do órgano correspondente da corporación local, en que conste a contía da achega da corporación local (ou corporacións locais, no caso de compartir o servizo) destinada á execución de proxectos de desenvolvemento do pobo xitano (segundo o modelo do anexo IV). Esta achega deberá computarse consonte os criterios establecidos no artigo 2.3 da presente orde.

b) Declaración da corporación local peticionaria da subvención en que figure o conxunto das subvencións e axudas solicitadas, tanto as efectivamente percibidas como as aprobadas ou concedidas, así como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, procedentes das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, así como calquera outro ingreso ou recurso previsto que teña como finalidade cofinanciar as actuacións obxecto da subvención (segundo o modelo do anexo V).

c) Memoria, asinada por técnico do departamento de servizos sociais da corporación, xustificativa das actuacións incluídas dentro do proxecto para o cal se solicita a subvención, que deberán adecuarse ao establecido no artigo 3 desta orde (anexo II).

d) Orzamento desagregado por partidas dos gastos previstos (anexo III) e deberá comprender todos os gastos necesarios para o desenvolvemento e viabilidade do programa.

e) Compromiso, asinado polo interventor da corporación local, do mantemento separado na contabilidade dos gastos financiados e de conservar toda a documentación relativa á subvención durante un período de tres anos contados desde o peche do Programa operativo FSE Galicia 2007/2013 (anexo VI).

f) Compromiso, por parte do tesoureiro da corporación local, de xustificación dos pagamentos correspondentes aos gastos financiados superiores a 1.000 € mediante extractos ou certificacións bancarias asinadas polo beneficiario e seladas polo banco, para os efectos de cumprir os requisitos establecidos na normativa comunitaria e o artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo VII).

g) Declaración responsable de estar ao día nas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, segundo o establecido no artigo 11.i) da presente convocatoria.

4. Emenda da solicitude. A Subdirección de Inclusión Social e Cooperación coas Corporacións Locais comprobará que as solicitudes cumpren co establecido na presente orde e, se é o caso, requirirán os interesados para que no prazo de dez días hábiles emenden as faltas ou acheguen os documentos preceptivos con indicación de que se así non o fixeren, se lles terá por desistidos da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

5. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e no previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2006, e no artigo 15.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Traballo e Benestar comunicará ao Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios e publicará na súa páxina web oficial e no Diario Oficial de Galicia, a relación de beneficiarios, o importe das axudas concedidas e demais puntos exixidos na dita normativa. Así mesmo, e en aplicación dos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) 1828/2006, a dita relación será comunicada á autoridade de xestión do Fondo Social Europeo 2007/2013 con expresión da operación financiada e os fondos públicos asignados para os efectos de ser publicada. Para todos estes efectos, o solicitante prestará o seu consentimento expreso no anexo I para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias.

Artigo 7. Tramitación dos expedientes

1. Os expedientes, unha vez revisados e, se é o caso, completados, remitiranse á comisión de valoración de subvencións, que terá a función de propoñer a aprobación ou denegación das subvencións, segundo os criterios obxectivos recollidos nesta orde.

2. A composición da comisión de valoración de subvencións será a seguinte:

a) Presidente: o subdirector xeral de Inclusión Social e Cooperación coas Corporacións Locais.

b) Vogais: a xefa de Servizo de Inclusión Social e un funcionario adscrito á Subdirección Xeral de Inclusión Social e Cooperación coas Corporacións Locais. Ademais, actuando como secretario, con voz pero sen voto, un funcionario por proposta do presidente.

3. Para o exercicio das súas funcións, esta comisión poderá solicitar informes dos servizos técnicos pertinentes, que non terán carácter preceptivo nin vinculante, con excepción dos informes a que se refire o penúltimo parágrafo do artigo 8.1 da presente orde.

4. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algún dos seus compoñentes non puider asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe o presidente da comisión de valoración de subvencións e, sempre que sexa posible, o dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da mesma subdirección ou servizo que o substituído.

Artigo 8. Criterios de valoración das subvencións

1. A comisión de valoración aplicará os seguintes criterios, segundo a súa importancia, sinalada en termos de porcentaxe:

a) A xustificación da necesidade e o impacto sociais das medidas que se van implantar, e a adecuación dos proxectos as actuacións prioritarias a que se refire o artigo 3.1 da presente orde: 30%. Desta porcentaxe de puntuación ponderaranse especialmente aqueles proxectos que inclúan accións recollidas nos puntos 1) a, 2) a, b e c e 3) do artigo 3.1.

b) O número de destinatarios potenciais do proxecto residentes dentro do termo municipal: 20%.

c) A continuidade dos proxectos desenvolvidos en anos anteriores e os resultados da súa avaliación: 15%.

d) O carácter integral dos proxectos de maneira que se aborden conxuntamente actuacións en máis dunha das áreas sinaladas no artigo 3.1 da presente orde: 10%.

e) O esforzo orzamentario das corporacións locais en materia de servizos sociais, sempre que supere o mínimo establecido no artigo 2.3 da presente orde: 10%.

f) A coordinación dos proxectos das corporacións locais cos desenvolvidos por outras entidades, evitando crear redes paralelas de atención e duplicación de recursos: 10%.

g) O emprego da lingua galega na realización das actividades para as que se solicita a subvención, segundo o previsto no artigo 20.2.l) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia: 5%.

Para a apreciación dos criterios establecidos na alínea a) deste artigo a comisión de valoración, ademais dos datos que se achegan na solicitude, poderá ter en conta outros, sempre que sexan extraídos de informes dos organismos oficiais competentes na elaboración e difusión dos citados datos, logo de audiencia ao interesado.

A puntuación máxima será de 100 puntos, e establécese unha contía máxima por cada programa subvencionado de 50.000,00 €.

2. Criterios de repartición económica do crédito:

O crédito repartirase proporcionalmente en función da puntuación acadada, onde as solicitudes que obteñan unha maior puntuación obterán unha porcentaxe maior de subvención sobre a parte subvencionable do solicitado en función do establecido no artigo 5 da presente orde, e excluirá aqueles gastos que non cumpran os requisitos establecidos pola normativa en vigor e os que supoñan duplicidade de recursos. Así mesmo, apreciarase a eficiencia e racionalidade do gasto proposto.

Artigo 9. Resolución

1. A concesión das subvencións obxecto desta orde será resolta pola Secretaría Xeral de Política Social actuando por delegación da conselleira de Traballo e Benestar, unha vez avaliadas as solicitudes pola comisión de valoración e emitido o informe pola Subdirección Xeral de Inclusión Social e Cooperación coas Corporacións Locais, o cal será fiscalizado pola Intervención Delegada.

2. As resolucións de concesión de subvencións serán motivadas e notificaranse ás corporacións locais no prazo máximo de catro meses, contados a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao amparo da presente orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse, se é o caso, recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes contado a partir da notificación da resolución expresa ou de tres meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ante o mesmo órgano que as ditou, de acordo co previsto no artigo 116 e 117 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, ou ben directamente recurso contencioso administrativo ante a orde xurisdicional competente, de conformidade co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso- administrativa, no prazo de dous meses contados desde a súa notificación se o acto é expreso, ou seis meses a partir do día seguinte ao que se produza o acto presunto, e sen prexuízo de que os interesados poidan executar calquera outro que coiden oportuno.

4. En aplicación do artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe da axuda da resolución provisional sexa inferior ao que figura na solicitude, poderase instar nun prazo de dez días, a reformulación da solicitude para axustar os compromisos e as condicións á subvención concedida e/ou formular as alegacións que se consideren pertinentes. En calquera caso, a reformulación de solicitudes deberá respectar o obxecto, as condicións e a finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos e que deron lugar ao seu outorgamento. Así mesmo, a dita reformulación non poderá comprometer o desenvolvemento e viabilidade do programa, polo que se deberán manter aqueles gastos necesarios para o seu correcto desenvolvemento.

5. Todos estes aspectos serán apreciados pola comisión de valoración que dará a súa conformidade e remitirá o actuado á secretaria xeral de Política Social, quen ditará resolución, a cal terá carácter definitivo.

6. A proposta de resolución definitiva notificaráselle ás corporacións locais solicitantes. Unha vez notificada a resolución definitiva, as corporacións locais beneficiarias dispoñerán dun prazo de dez días para a aceptación da subvención. Se transcorrido o dito prazo non se produce manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

Artigo 10. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas ou subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión. Non obstante o anterior, como regra xeral, permítese a acumulación de axudas, sempre que o seu importe total non supere o custo total do programa. Este aspecto farase constar na resolución de concesión. O sistema de selaxe de orixinais a que se refire o artigo 12.2 da presente orde servirá para estes fins como mecanismo de control da concorrencia de subvencións.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución da subvención, por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os requisitos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Sen prexuízo do establecido no artigo anterior e con carácter excepcional poderanse efectuar resolucións complementarias fóra do prazo establecido, cando non for posible efectualas dentro del, por existir fondos procedentes de renuncias de subvencións inicialmente concedidas ou doutro tipo de remanentes, ou debido a un incremento dos créditos dispoñibles, nos termos establecidos polo artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Neste caso, salvo que se acuda a unha convocatoria complementaria, non poderán terse en conta outras solicitudes distintas ás consideradas para a resolución inicial.

4. Serán de aplicación aos beneficiarios das subvencións recollidas na presente orde, o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Obrigas das corporacións locais subvencionadas

As corporacións locais que sexan subvencionadas deberán:

a) Acreditar a realización da actividade ou servizo que fundamenta a concesión da subvención, o cumprimento dos requisitos e das condicións desta ante o órgano concedente, mantendo de forma separada na contabilidade os gastos financiados. Así mesmo, deberá conservar toda a documentación relativa á subvención durante un período de tres anos contados desde o peche do programa operativo FSE Galicia 2007/2013.

b) Facer constar, en todo tipo de publicidade e información relativas aos programas e actuacións concedidos, a condición de subvencionada polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, pola Consellería de Traballo e Benestar e o Fondo Social Europeo 2007/2013, conforme a normativa comunitaria.

c) Informar que as actuacións obxecto desta orde están financiadas polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, a Xunta de Galicia (Consellería de Traballo e Benestar) e polo FSE, así como dos obxectivos dos ditos fondos.

d) O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada. Para estes efectos, comunicará a obtención de axudas ou subvencións para a mesma finalidade procedentes de calquera administración pública, de calquera dos seus organismos autónomos, entes ou sociedades tanto públicos como privados, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos programas. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Adecuar a metodoloxía das actuacións, así como a de recollida e proceso de datos de seguimento de beneficiarios ás fórmulas que, se é o caso, propoña a Consellería de Traballo e Benestar e, se así é requirido, incorporaranse como usuarios da aplicación informática deseñada e implantada para o II Plan galego de inclusión social.

f) As corporacións locais estarán obrigadas ao cumprimento da normativa en materia de protección de datos de carácter persoal e, en concreto, á Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e ao Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, polo que se aproba o regulamento de desenvolvemento da dita lei. Así mesmo, os datos de carácter persoal dos beneficiarios atendidos incorporaranse ao ficheiro de datos de carácter persoal Xestión de servizos sociais, creado pola Orde do 15 de decembro de 2011 de creación do ficheiro de datos de carácter persoal.

g) Remitir no prazo de dez días os informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da Consellería de Traballo e Benestar.

h) Facilitar toda a información requirida pola Secretaría Xeral de Política Social, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas, e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

i) Acreditar, mediante declaración responsable, estar ao día nas obrigas tributarias e fronte á seguridade social, en virtude dos artigos 10 e 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) Todas aquelas obrigas e requisitos que se desprendan do articulado desta orde e dos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 12. Pagamento e forma de xustificación das subvencións

Respecto á forma de pagamento aplicarase o disposto na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a normativa comunitaria de aplicación.

O pagamento das subvencións realizarase segundo se establece a continuación:

1. Os pagamentos adoptarán a modalidade de conta xustificativa con entrega de xustificantes de gasto logo de xustificación pola corporación local dos gastos realizados e do cumprimento da finalidade para a cal é concedida a axuda, así como da aplicación dos fondos destinados para o efecto. Esta conta xustificativa conterá:

Certificación do órgano que teña atribuída na corporación local as correspondentes facultades de control, xunto cunha relación dos gastos comprendidos na dita certificación. A estes documentos xuntarase:

1. Relación de gastos de persoal acompañada das nóminas, boletíns de cotización á Seguridade Social, documentos de retención do imposto da renda sobre as persoas físicas, así como, dos documentos xustificativos dos pagamentos.

2. Relación numerada de facturas con expresión do seu número, acredor, data de emisión, concepto e importe e data de pagamento, acompañada das facturas orixinais que soporten o gasto, ou documento contable de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa. As facturas deberán cumprir o disposto no Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro. Polo que respecta aos gastos realizados con medios ou recursos propios, presentaranse os documentos acreditativos dos gastos e a indicación dos criterios de repartición dos custos xerais e/ou indirectos incorporados na relación.

En todo caso, calquera gasto imputado, tanto as retribucións de persoal como as facturas ou calquera documento acreditativo que figure e se presente nas relacións, deberán vir acompañadas dos documentos acreditativos de ter realizados os pagamentos do correspondente gasto mediante extractos ou certificacións bancarias asinadas polo beneficiario e seladas polo banco, para os efectos de cumprir os requisitos establecidos no artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; aceptarase a xustificación do pagamento mediante recibo do provedor ou beneficiario, sempre que o importe non exceda dos 1.000,00 €.

No caso de que se efectuasen gastos subcontratados en aplicación do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, deberanse achegar os seguintes documentos: proposicións económicas presentadas, informe ou documento equivalente en que se baseou a proposta de adxudicación e a adxudicación. Esta documentación poderá ser substituída unicamente polo documento de adxudicación definitiva cando, en aplicación do citado texto refundido, non sexa exixible outra documentación.

2. O pagamento das subvencións realizarase segundo se establece a continuación:

Ata o 80% da contía total concedida, o pagamento poderá facerse efectivo mediante pagamentos á conta da liquidación definitiva a medida en que a corporación local xustifique os gastos realizados na forma prevista anteriormente.

Antes de facer efectivo o 20% restante a corporación local, ademais da conta xustificativa con xustificantes de gasto establecida no punto anterior, deberá presentar:

1) Memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos. Para estes efectos, a corporación local beneficiaria deberá achegar todos aqueles documentos que lle sexan requiridos para a xustificación perante os órganos cofinanciadores, para o cal o órgano xestor achegará os modelos oportunos.

2) Certificación acreditativa da achega da corporación local, conforme o artigo 2.3 da presente orde (anexo IV).

3) A declaración das subvencións e axudas solicitadas, tanto as efectivamente percibidas como as aprobadas ou concedidas, así como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade, procedentes das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, así como calquera outro ingreso ou recurso financeiro que teña como finalidade cofinanciar as actuacións obxecto da subvención (segundo o modelo do anexo V).

4) Declaración responsable de que a corporación local está ao día nas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social.

Para os efectos de control da concorrencia de axudas establecida no artigo 10.1 da presente orde, os xustificantes de gasto imputados a esta subvención serán selados con expresión da porcentaxe que se vai imputar, ben a totalidade ou a que lle corresponda, segundo o método equitativo debidamente xustificado a que se refire o artigo 5.1.c) e d) da presente orde.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. As actuacións que se subvencionan deberán efectuarse entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2012, e consecuentemente, os xustificantes de pagamento que soporten as ditas actuacións poderán referirse a custos cuxa devindicación e pagamento corresponda ao dito período. En todo caso e, en aplicación do artigo 45.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, a resolución de concesión fixará o prazo de xustificación da subvención, o cal determinará finalmente o período máximo fixado de realización da actividade. O disposto neste parágrafo aplicarase sempre que non se opoña ao que se estableza na orde da Consellería de Facenda que regula as operacións de peche do exercicio 2012.

Artigo 13. Reintegro das subvencións concedidas

Para os efectos de reintegro das subvencións aplicarase o disposto no título 2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento de desenvolvemento.

1. Non se poderá exixir o pagamento da subvención concedida e procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida xunto cos xuros de demora devindicados desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificar a realización da actividade.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento total ou parcial da finalidade para a cal foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das obrigas sinaladas na presente orde.

2. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con axudas ou subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario.

3. A tramitación do correspondente expediente de reintegro levarase de acordo co procedemento establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. As cantidades que teñan que reintegrar os beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o previsto no artigo 14.4 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, de 8 de xaneiro, de desenvolvemento da anterior, ademais do disposto na normativa comunitaria de aplicación.

Artigo 14. Control

1. Os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que efectúe a Consellería de Traballo e Benestar e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás previstas na lexislación do Consello de Contas e aqueloutras que determine á súa condición de subvencionada polo FSE 2007/2013.

2. Neste sentido, os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, Consello de Contas ou Tribunal de Contas, e demais órganos implicados no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

3. Así mesmo, autorizarán a verificación polos órganos competentes da Consellería de Traballo e Benestar.

Para verificar o cumprimento do disposto na presente orde, a Consellería de Traballo e Benestar aplicará un sistema de seguimento e control, que consistirá na realización de visitas ás corporacións locais subvencionadas aprobadas para comprobar o grao de cumprimento do destino para o que foi concedida a subvención, e emitirá o correspondente informe .

Disposición derradeira primeira

Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Traballo e Benestar na secretaria xeral de Política Social para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde.

Disposición derradeira segunda

Autorízase a secretaria xeral de Política Social para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2012

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file