Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Martes, 3 de xullo de 2012 Páx. 26364

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 26 de xuño de 2012 pola que se determinan as bases reguladoras e se convocan prazas de persoas colaboradoras–bolseiras para as residencias xuvenís dependentes desta consellería para o curso 2012/13.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 27, parágrafos 22, 23 e 24, que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva nas materias de promoción do deporte e a axeitada utilización do lecer, asistencia social, así como a promoción do desenvolvemento comunitario, que se aplican entre outros ao ámbito da mocidade.

Así mesmo, polo Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción sociocultural, no ámbito da mocidade e desenvolvemento comunitario.

Coa aprobación do Decreto 1/2012, do 3 de xaneiro, estableceuse a actual estrutura orgánica da Xunta de Galicia e co Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, estableceuse, no seu artigo 7, a estrutura básica da Consellería de Traballo e Benestar. A dita consellería conta cunha Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, á cal lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de mocidade, segundo dispón o artigo 34 do Decreto 109/2012, do 22 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar.

A Consellería de Traballo e Benestar dispón dunha serie de instalacións xuvenís entre as cales figuran as residencias xuvenís que, ademais do aloxamento e mantenza, ofrecen aos/ás mozos/as estudantes residentes unha serie de servizos e actividades convivenciais e educativas complementarias.

Coa realización desta convocatoria preténdese favorecer o acceso ao ensino universitario, aos estudos superiores en ensinanzas artísticas ou ciclos formativos de grao superior dos/das estudantes con escasos recursos, e ao mesmo tempo, dotar de persoal de apoio no eido educativo e asistencial as residencias xuvenís que se relacionan nesta orde.

Neste marco xeral hai que incardinar esta orde, que ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas cales se convocan prazas de persoas colaboradoras-bolseiras, en réxime de concorrencia competitiva, para as residencias xuvenís dependentes da Consellería de Traballo e Benestar, de conformidade co establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, tendo en conta as posteriores modificacións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, na Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, e na normativa de desenvolvemento, na cal se establecen os requisitos e as normas necesarias e básicas para a xestión e actividade económico-financeira, normativa á cal, en consecuencia, se adaptará esta orde, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Por todo isto, en virtude das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Convocar en réxime de concorrencia competitiva esta oferta de prazas para persoas colaboradoras-bolseiras nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Traballo e Benestar para o curso académico 2012/2013, e establecer as bases para a súa concesión.

O número de prazas convocadas e a súa distribución por residencias é a seguinte:

Cidade

Residencia

Prazas

Lugo

Centro Residencial Xuvenil LUG

4 Home/muller

Ourense

Florentino L. Cuevillas

5 Home/muller

Vigo

Altamar

6 Home/muller

Artigo 2. Requisitos das persoas solicitantes

Poderán solicitar as bolsas para residencia todas as persoas físicas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Posuír nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea, ou ser estranxeiro/a residente en España no momento da solicitude de praza.

b) Ter unha idade mínima de 18 anos e menos de 30 na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

c) Estar cursando estudos universitarios nunha facultade ou escola universitaria, estudos superiores en ensinanzas artísticas ou ciclo formativo de grao superior, que admitan polo seu contido e saídas profesionais, a formación e a práctica a través de calquera das tarefas que se poden desenvolver nunha residencia xuvenil.

d) Non ter perdido con anterioridade a condición de colaborador/a por causa imputable á persoa solicitante.

e) Non padecer defecto físico ou psíquico que impida o desenvolvemento normal da actividade no centro.

Artigo 3. Solicitudes e documentación

3.1. A solicitude, debidamente asinada pola persoa solicitante, efectuarase utilizando o impreso normalizado que figura no anexo I.

As solicitudes tamén se poderán presentar en formato electrónico segundo o disposto no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo: https://sede.xunta.es

A persoa interesada presentará exclusivamente unha única solicitude, na cal poderá optar por un centro. No caso de presentar máis dunha solicitude, non será admitida a trámite, e ditarase para o efecto a oportuna resolución.

3.2. As solicitudes, xunto coa restante documentación, deberán presentarse en calquera dos rexistros das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso da solicitude telemática, mediante sinatura electrónica, procederase á transferencia telemática da documentación ao Rexistro electrónico da Xunta de Galicia regulado no Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia.

3.3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

3.4. Deberá xuntar á solicitude a seguinte documentación:

a) Só no caso de que a persoa interesada non autorice expresamente na solicitude a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao sistema de verificación de datos de identidade, fotocopia do DNI para persoas españolas ou equivalente para nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, ou tarxeta de residencia da persoa solicitante no caso de naturais doutros países.

b) Fotocopia de todas as follas do libro de familia onde figuren todas as persoas que compoñen a unidade familiar.

c) Fotocopia do título de familia numerosa, de ser o caso. Cando este título fose emitido pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, non será preciso achegalo sempre e cando se autorice expresamente na solicitude o acceso telemático a estes datos.

d) Só no caso de que a persoa interesada non autorice expresamente na solicitude a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao sistema de verificación de datos de residencia, acreditación, a través dun certificado de empadroamento, en que figurará a composición da unidade familiar a que pertenza o/a solicitante, de posuír a residencia familiar en Galicia ou ser fillo/a de emigrantes. No caso de producirse un cambio de domicilio nos últimos dous meses, o/a interesado/a deberá achegar o certificado directamente ou sinalar o concello para o cal efectuou o cambio.

e) Certificado de convivencia das persoas que compoñen a unidade familiar.

f) Certificación académica orixinal ou copia na cal figuren as notas correspondentes ao último curso universitario en que estivo matriculado ou, se é o caso, da proba de selectividade. Na certificación deberá constar a nota media.

g) Xustificación de ingresos da unidade familiar. A persoa interesada autorizará expresamente na solicitude a Consellería de Traballo e Benestar para obter da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) e da Consellería de Facenda, os datos de carácter tributario necesarios para a determinación da renda da unidade familiar, a través de medios informáticos ou telemáticos. As demais persoas con ingresos que compoñen a unidade familiar deberán asinar no anexo II.

De non prestar consentimento expreso á Consellería de Traballo e Benestar para a obtención dos datos tributarios a que se refire o punto anterior terán que presentar copia da declaración do IRPF, correspondente ao último exercicio, de cada persoa da unidade familiar obrigada a declarar ou, de ser o caso, certificación emitida pola AEAT de non ter a obriga de declarar.

No suposto de que non sexa posible achegar a devandita certificación na data de presentación da solicitude, por non estar dispoñible, a selección quedará condicionada á presentación desta certificación con anterioridade á incorporación no centro.

h) Certificado médico en que se faga constar que a persoa solicitante non padece enfermidade infecto-contaxiosa, nin defecto físico ou psíquico, que impida o normal desenvolvemento da súa actividade no centro.

i) Proxecto de actividades que pretenda desenvolver na residencia xuvenil de acordo coas funcións recollidas no artigo 10.4. Este proxecto deberá incluír: obxectivos, metodoloxía, actividades e a temporalización e custos destas. Como tal proxecto, deberá ter en conta a realidade, o centro en que se pretende desenvolver e as peculiaridades dos/as destinatarios/as.

j) Documentación acreditativa de todos aqueles méritos alegados conforme os criterios de selección establecidos no artigo 5 para a súa consideración e valoración pola comisión de avaliación.

k) Declaración de todas as solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas.

l) Certificación médica que acredite o embarazo no momento de presentación da solicitude de axuda, se é o caso.

m) Acreditación de ser muller vítima de violencia de xénero, se é o caso, por calquera dos medios recoñecidos no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, que son:

– Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, ou testemuño ou copia autenticada pola secretaria ou polo secretario xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.

– Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas nesta lei.

– Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.

– Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local.

– Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.

– Informe da Inspección de Traballo e da Seguridade Social.

– Calquera outra que se estableza regulamentariamente.

3.5. Se na solicitude se apreciasen defectos ou falta de documentación, a xefatura territorial correspondente requirirá a persoa solicitante para que no prazo de 10 días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, se considerará que desiste da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución, que será ditada nos termos do artigo 42.

Artigo 4. Comisión de avaliación

4.1. A valoración das solicitudes para cada residencia efectuarase na xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar da provincia onde radica aquela, mediante unha comisión de avaliación creada para tales efectos e constituída por:

Presidente/a: a persoa que exerza a xefatura do Servizo de Xuventude e Voluntariado da correspondente provincia.

Vogais:

– Unha persoa que exerza a xefatura de sección do Servizo de Xuventude e Voluntariado desa provincia.

– As persoas que exerzan a dirección das residencias xuvenís situadas nesa provincia.

Secretario/a: unha persoa funcionaria nomeada pola persoa titular da xefatura territorial correspondente.

4.2. A dita comisión examinará as solicitudes presentadas, reservando para si o dereito de solicitar a documentación que considere necesaria para completar o expediente.

Artigo 5. Criterios de avaliación e adxudicación de prazas

Os criterios de avaliación que se terán en conta para conceder estas axudas serán os seguintes:

– Proxecto de actividades. Este proxecto puntuarase de 1 a 5 puntos.

– Situación económica da unidade familiar. A este respecto terase en conta a relación de ingresos/número de persoas que compoñen a unidade familiar. Para estes efectos, poderanse incluír os fillos e fillas menores de 25 anos de idade na data do remate do prazo de presentación de solicitudes, nos termos previstos na lexislación tributaria.

En cumprimento do establecido no artigo 6.2 da Lei 5/2010, do 23 de xuño, pola que se establece e regula unha rede de apoio á muller embarazada, terase en conta o seguinte:

– Computarase que a unidade familiar da que forme parte a muller embarazada está integrada por un/unha ou máis membros adicionais desde o momento da fecundación, dependendo no número de fillos/as que espere, sempre que na aplicación desta fórmula se obteña un maior beneficio.

– Se a nai xestante non forma parte da unidade familiar, entenderase que, polo feito de estar embarazada, a constitúe.

Puntuarase segundo o seguinte baremo:

Inferior ao 50% do IPREM: 4 puntos.

Entre o 50% e o 75% do IPREM: 3 puntos.

Superior ao 75% e inferior ao 100% do IPREM: 2 puntos.

Entre o 100% e o 125% do IPREM: 1 punto.

Superior ao 125% do IPREM: 0 puntos.

– Rendemento académico segundo a nota media obtida no último curso ou na proba de selectividade. A puntuación neste caso corresponderase coa dita nota media.

– Ter a súa residencia familiar en Galicia: 1 punto.

– Por calquera outra circunstancia socio-familiar que sexa susceptible de valoración a xuízo da comisión de avaliación e axeitadamente acreditada: 1 punto. Serán susceptibles de valoración en todo caso:

– Condición de familia monoparental.

– Irmán/á-áns/ás con praza renovada na residencia.

– Ser muller en estado de xestación.

– Ter acreditada a condición de muller vítima de violencia de xénero nos últimos 12 meses.

– A comisión de avaliación poderá citar os solicitantes para a realización dunha entrevista persoal, que se valorará de 1 a 5 puntos.

Artigo 6. Dereitos das persoas adxudicatarias

6.1. A concesión da bolsa comporta aloxamento e mantenza gratuítos na residencia xuvenil durante o seu período de funcionamento. O aloxamento será de tal xeito que lle permita ao/á bolseiro/a a normal realización dos seus estudos.

6.2. O recoñecemento da súa condición de colaborador/a-bolseiro/a ante o resto das persoas residentes.

6.3. Contar coa asistencia dun titor ou titora que coordine e dirixa a actividade que desenvolva como bolseiro/a na residencia.

Artigo 7. Financiamento

As actuacións recollidas nesta orde constitúen unha subvención en especie, regulada na disposición adicional terceira da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, que se financiará con cargo aos gastos correntes da Consellería de Traballo e Benestar.

Artigo 8. Tramitación e resolución

8.1. Unha vez avaliadas todas as solicitudes, a comisión elaborará unha proposta de resolución en virtude da puntuación alcanzada pola aplicación do baremo, no prazo máximo de dous meses contado desde o día seguinte á data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

8.2. A proposta será elevada pola comisión de avaliación á persoa titular da Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar, que resolverá por delegación da persoa titular da consellería de Traballo e Benestar, no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución.

8.3. A resolución da solicitude de axuda seralles notificada a todas as persoas solicitantes no prazo máximo de catro meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, entenderase desestimada a petición correspondente. Esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que resolveu, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, ou ben, no caso de silencio administrativo, no prazo de tres meses, contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, na forma e condicións que determina a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ser impugnadas directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, ou ben, no caso de silencio administrativo, no prazo de seis meses, contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 9. Xustificación da axuda

No mes seguinte ao do remate da bolsa, a persoa interesada deberá presentar na xefatura territorial correspondente unha memoria final indicativa dos obxectivos acadados en relación co proxecto de actividades proposto e desenvolvido na residencia.

No mesmo prazo remitirase á xefatura territorial un certificado emitido pola persoa que exerza a dirección da residencia, en que conste que a persoa bolseira permaneceu na dita residencia durante todo o curso académico.

Artigo 10. Obrigas dos/as colaboradores/as-bolseiros/as

10.1. As persoas seleccionadas están obrigadas a presentar fotocopia do xustificante de matrícula correspondente aos estudos que van cursar ou, no caso dos alumnos do 3º ciclo, certificado da persoa que exerza a xefatura do departamento universitario correspondente conforme a persoa interesada está realizando o doutoramento naquel, antes do 31 de outubro de 2012.

No caso de que a persoa interesada non poida presentar a fotocopia do xustificante de matrícula no dito prazo, por causa imputable ao centro en que vaia cursar os seus estudos, deberá comunicar esta circunstancia por escrito, presentando unha fotocopia da preinscrición na facultade, escola universitaria ou centro formativo de grao superior correspondente, e deberá, non obstante, presentar a fotocopia do xustificante de matrícula no momento en que a faga.

10.2. A condición de persoa colaboradora-bolseira obriga a esta nos termos previstos no artigo 14.1 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

10.3. Obriga de incorporarse ás residencias xuvenís o día de inicio do curso académico, segundo o plan de estudos de cada persoa beneficiaria e como máximo o 15 de outubro de 2012, salvo causa de forza maior debidamente acreditada.

En caso contrario perderán o dereito á praza adxudicada, procedéndose a cubrir a vacante conforme a lista confeccionada pola comisión de avaliación. Utilizarase este mesmo procedemento cando durante o curso escolar se produza algunha vacante nas prazas ofertadas.

A xefatura territorial correspondente emitirá certificación da incorporación dos/das bolseiros/as ás residencias xuvenís.

10.4. Obriga de participar en todas as tarefas e cometidos relacionados coa dinamización do centro en actividades de: información xuvenil, biblioteca, informática e deporte, entre outras, e correspóndelle ao/á director/a da residencia asignar estas tarefas en función do proxecto de actividades previsto no artigo 3.4.i) da orde.

Artigo 11. Natureza da relación bolseiros/as-Administración

A solicitude da bolsa e a súa posterior aceptación, no caso de adxudicación, implicarán a aceptación do disposto nesta orde.

As persoas seleccionadas adquirirán exclusivamente a condición de bolseiras, sen ningunha relación laboral ou administrativa.

Artigo 12. Revogación ou interrupción no goce das bolsas

12.1. O/a xefe/a territorial, logo dos informes pertinentes, e logo da audiencia ao interesado, motivando a resolución, procederá á revogación da resolución de outorgamento das bolsas nos casos previstos no capítulo I do título II da Lei de subvencións de Galicia, así como cando as persoas adxudicatarias:

a) Incumprisen as condicións, obrigas e incompatibilidades previstas nos artigos 2 e 10 desta orde.

b) Incorresen en ausencias reiteradas e inxustificadas.

c) Incumprisen a disciplina do centro.

12.2. Como axuda en especie, no caso de que se declare a procedencia do reintegro da bolsa, considerarase como cantidade recibida e haberá que reintegrar un importe equivalente ao prezo de adquisición do servizo, sendo exixible o xuro de demora correspondente. Todo o anterior de acordo co disposto no artigo 3.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Autorizacións

13.1. De acordo co previsto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, e da Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, pola que se desenvolve este, as persoas solicitantes poderán facer constar no formulario de solicitude o seu consentimento expreso para que a Administración verifique, de xeito telemático, os seus datos de identidade e residencia no Sistema de Verificación de Datos do Ministerio da Presidencia.

13.2. En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, infórmase de que os datos persoais recollidos na solicitude se incorporarán a un ficheiro coa finalidade da xestión deste procedemento e non serán cedidos a terceiros/as, agás a outras administracións públicas que exerzan as mesmas competencias e no caso de que unha lei o previse. De acordo co establecido na Orde do 15 de decembro de 2011, o dito ficheiro, denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» é responsabilidade da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, perante a cal se poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición previstos na lei, dirixíndolle un escrito ao enderezo: edificio administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña).

Cando a persoa solicitante facilite datos dun/dunha terceiro/a, aínda que se trate de menores de idade, sempre que sexan maiores de 14 anos, será a encargada de informar do contido desta cláusula a persoa titular dos datos e con carácter previo á súa inclusión no devandito ficheiro. No caso dos/das menores, deberá expresalo nunha linguaxe facilmente comprensible para eles/elas.

Disposición adicional primeira

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar nos/nas xefes/as territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición adicional segunda

As persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previstas para esta materia na Lei de subvencións de Galicia, e demais normas de procedente aplicación.

Disposición adicional terceira

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Traballo e Benestar publicará na súa páxina web a relación das persoas beneficiarias, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos/das beneficiarios/as e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición adicional cuarta

De acordo co establecido no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a persoa beneficiaria autoriza a Consellería de Traballo e Benestar a incluír e facer público, nos rexistros regulados neste decreto, os datos relevantes ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2012

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file