Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Luns, 16 de xullo de 2012 Páx. 28292

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 6 de xullo de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao sector do lúpulo e se convocan para o ano 2012.

O cultivo de lúpulo está sufrindo un forte retroceso nos últimos anos, e en xeral as plantacións existentes son moi antigas e as variedades cultivadas non se adaptan ás necesidades actuais do mercado.

Por outra banda, o mercado do lúpulo está estreitamente vinculado á produción de cervexa, xa que o lúpulo é unha materia esencial na súa fabricación, e a produción española non chega a cubrir a demanda nacional.

Para asegurar o futuro do sector do lúpulo, fortemente condicionado polas necesidades da industria cervexeira, e deter a tendencia ao abandono deste cultivo, é necesario levar a cabo un axuste estrutural do sistema produtivo actual que garanta a súa permanencia no tempo e a súa rendibilidade e viabilidade a longo prazo.

A produción debe adaptarse ás novas necesidades do mercado, pero os fortes investimentos necesarios para acometer estes cambios, o período improdutivo ata a entrada en produción e o carácter permanente do cultivo dificultan a adaptación das plantacións actuais. As variedades de lúpulo demandadas polo mercado evolucionaron nos últimos anos cara a aquelas con alto contido en alfa-ácidos. Neste sentido, a existencia de variedades obsoletas xustifica que se adopte unha medida de reconversión co fin de animar os produtores a que reorienten a súa produción cara a outras máis competitivas, que se adapten mellor ás condicións locais de crecemento e ás necesidades da industria. Ante o esforzo económico que supón para os produtores a reconversión das súas plantacións e para impulsar a súa reconversión, prevese conceder unha axuda a aqueles agricultores interesados en arrincar a súa plantación e realizar unha nova con variedades máis adaptadas ás condicións locais e ás exixencias do mercado.

Por outra lado, é necesario intervir para deter a tendencia ao abandono que está experimentando este cultivo e ao mesmo tempo fomentar a súa expansión, polo que o Real decreto 714/2010, do 28 de maio, que establece as bases reguladoras das subvencións estatais destinadas ao sector do lúpulo, dá resposta ás necesidades do sector do lúpulo, establecendo para iso un réxime de axudas ao cultivo baseado en tres liñas principais de axuda que pretende incidir sobre aspectos estratéxicos para a propia supervivencia do sector, de conformidade co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

O cultivo do lúpulo en Galicia, que no pasado tivo importancia en determinadas áreas da provincia da Coruña, está comezando a rexurdir, co apoio da industria cervexeira galega e dos centros de investigación da Consellería do Medio Rural e do Mar polo que cómpre darlle pulo a esta produción de xeito que se cree un núcleo estable de produtores que faga máis rendible a actividade, empregando na medida do posible infraestruturas e maquinaria comúns.

As axudas recollidas nesta disposición axústanse ao disposto na epígrafe IV.A.2 Axuda ao investimento nas explotacións agrícolas das directrices comunitarias sobre as axudas estatais ao sector agrario e forestal 2007-2013 (2006/C 319/01) publicada no DOUE serie C. 319, do 27 de decembro de 2006.

Estas axudas financiaranse con fondos do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, así como con outras achegas que para estes mesmos fins puidese achegar a Consellería do Medio Rural e do Mar.

En virtude do exposto, de conformidade co artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confiren o artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións estatais en réxime de concorrencia competitiva para o establecemento de novas plantacións de lúpulo, a reconversión e mellora das plantacións existentes e a adquisición de maquinaria específica para a mecanización do cultivo, así como proceder á súa convocatoria para o ano 2012.

Artigo 2. Definicións

Para os efectos desta orde son de aplicación as definicións establecidas no artigo 2 do Real decreto 714/2010, do 28 de maio.

Artigo 3. Liñas de axuda

1. As liñas de axuda son as seguintes:

a) Axudas para o establecemento de novas plantacións de lúpulo.

b) Axudas para a reconversión e mellora das plantacións existentes.

c) Axudas para a adquisición de maquinaria específica.

2. As actividades obxecto de subvención deberán realizarse con posterioridade á data de presentación da solicitude de axuda.

CAPÍTULO II
Liñas de axudas

Sección 1ª Axudas para o establecemento de novas plantacións de lúpulo

Artigo 4. Finalidade

A presente liña de axuda terá por finalidade a concesión de subvencións destinadas a fomentar o establecemento de novas plantacións de lúpulo.

Artigo 5. Actividades susceptibles de subvención

Poderán ser obxecto de subvención os investimentos necesarios para a instalación de novas plantacións de lúpulo que comprendan unha ou varias das actividades seguintes:

a) Adquisición do material vexetal.

b) A compra e instalacións das estruturas de soporte e guía do cultivo.

c) A implantación de sistemas de rega por goteo.

Artigo 6. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios desta liña de axudas con carácter xeral, as persoas físicas ou xurídicas, con experiencia no ámbito da actividade agraria ou que conten co nivel de capacitación profesional suficiente e que presenten un proxecto viable desde o punto de vista técnico e económico.

2. No poderán ter condición de beneficiarios aqueles solicitantes nos cales concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

3. Os beneficiarios deberán, así mesmo:

a) Ter a condición de peme conforme o anexo I do Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado común na aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).

b) Non ter a consideración de empresa en crise.

c) Non ter sido sancionados por delitos ou infraccións ambientais ou contra a Facenda pública.

Artigo 7. Obrigas dos beneficiarios

Ademais das obrigas indicadas no artigo 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, os beneficiarios destas subvencións terán as seguintes obrigas:

a) A adquisición e plantación do material vexetal realizarase con variedades recomendadas pola Consellería do Medio Rural e do Mar, segundo o anexo IV que se xunta a esta orde. En todo caso, as variedades utilizadas terán que adaptarse as necesidades de comercialización e ás condicións edafoclimáticas da zona en que se establecerá a nova plantación.

b) Manter as novas plantacións obxecto de axuda en produción e cultivadas de maneira sustentable e en condicións de obter un rendemento óptimo de cultivo, de acordo coas condicións agroclimáticas da zona onde se encontren situadas, durante un período mínimo de cinco anos desde a concesión da subvención.

Artigo 8. Requisitos das novas plantacións

As novas plantacións que se pretendan executar deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) A superficie plantada mínima, exixible ás novas plantacións para poder percibir a axuda será de 1,8 hectáreas, agás que o beneficiario xa sexa titular dunha explotación dedicada ao cultivo de lúpulo, neste caso a superficie plantada mínima exixible será ao menos de 0,5 hectáreas, sempre e cando a superficie resultante sexa de polo menos 1 hectárea.

b) As cabeceiras das novas plantacións, así como a distancia entre liñas, deberán ter unha anchura mínima que permita unha adecuada mecanización dos labores de cultivo.

c) A densidade de plantación estará comprendida entre 2.000 e 3.000 plantas por hectárea en función da variedade. A densidade de plantación non poderá ser modificada agás por razóns debidamente xustificadas e deberá ser autorizada pola Dirección Xeral de Produción Agropecuaria da Consellería do Medio Rural e do Mar.

d) A plantación deberá realizarse con material vexetal certificado, xustificándose a súa orixe co correspondente albará, etiqueta certificada, pasaporte fitosanitario ou factura de compra a un viveirista rexistrado oficialmente ou co título de produtor seleccionador ou multiplicador de lúpulo.

Artigo 9. Límite e contía de axudas estatais

1. A superficie subvencionable por beneficiario estará comprendida entre os límites mínimo e máximo de 0,5 e 25 hectáreas, ambos os dous inclusive.

2. A contía da axuda será do 40 por cento do investimento subvencionable, tendo en conta que o total do dito investimento subvencionable non poderá superar os seguintes importes:

a) Custos de adquisición do material vexetal: 2.000 euros por hectárea no caso de reprodución por esgallos e 3.000 euros por hectárea para pés.

b) Custos de adquisición e instalación das estruturas permanentes de soporte e guía do cultivo: 10.250 euros por hectárea.

c) Custos de implantación de sistemas de rega por goteo: 3.000 euros por hectárea.

3. A porcentaxe do investimento subvencionable poderá incrementarse en 10 puntos porcentuais, no caso de que o titular da explotación teña os requisitos para ser cualificado como agricultor/a novo/a, conforme o define o artigo 22 do Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro, e estea nos seus primeiros cinco anos de actividade.

4. A contía máxima total da axuda será de 8.125 euros por hectárea. Tal axuda podería verse reducida proporcionalmente se, ao longo do período 2010-2013, a superficie de novas plantacións de lúpulo en todo o territorio nacional, acollidas ás axudas previstas no Real decreto 714/2010, superase o total máximo de 350 hectáreas recollidas nel.

Sección 2ª Axudas para a reconversión e mellora das plantacións existentes

Artigo 10. Finalidade

Esta liña de axudas terá por finalidade a reconversión varietal e/ou a mellora das plantacións de lúpulo a través da modernización dos sistemas de rega.

Artigo 11. Actividades susceptibles de subvención

Poderán ser obxecto de subvención as seguintes actividades, sempre que teñan por finalidade a mellora e modernización das plantacións existentes:

a) Os investimentos realizados polos produtores dirixidas á reconversión varietal das superficies plantadas de lúpulo con vistas a mellorar a calidade do lúpulo e a súa rendibilidade.

b) A modernización dos sistemas de rega a través da implantación de sistemas de rega por goteo nas parcelas que xa estivesen a ser cultivadas en regadío.

Artigo 12. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios desta liña de axudas, con carácter xeral, os titulares de explotacións dedicadas ao cultivo de lúpulo que presenten un plan de mellora e/ou reconversión varietal para as plantacións de lúpulo dirixido a mellorar a calidade do lúpulo e a súa rendibilidade.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarios aqueles solicitantes nos cales concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

3. Os beneficiarios deberán, así mesmo:

a) Ter a condición de peme conforme ao anexo I do Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto.

b) Non ter a consideración de empresa en crise.

c) Non ter sido sancionados por delitos ou infraccións ambientais ou contra a Facenda pública.

Artigo 13. Obrigas dos beneficiarios

Ademais das obrigas indicadas no artigo 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, os beneficiarios destas subvencións terán as seguintes obrigas:

a) Presentar un plan de mellora e/ou reconversión varietal en que se recollan os requisitos establecidos no artigo 14.

b) No caso de reconversión varietal, realizar a plantación cunha variedade que estea dentro das contidas no anexo VI e sexa distinta á da plantación substituída, de maneira que se consiga unha mellora da calidade da produción. A dita mellora, cuxa avaliación realizarán os técnicos designados para tal efecto, deberá constatarse nalgunha mellora das características agronómicas ou comerciais.

c) Manter as plantacións obxecto de axuda en produción e cultivadas de maneira sustentable e en condicións de obter un rendemento óptimo de cultivo, de acordo coas condicións agroclimáticas da zona onde se encontren situadas, durante un período mínimo de cinco anos desde a concesión da subvención.

Artigo 14. Requisitos das plantacións obxecto de reconversión ou mellora

As plantacións obxecto desta liña de axudas deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Non presentar estado de abandono e estar actualizadas nos rexistros correspondentes, no caso de existiren.

b) Non ter recibido nos últimos cinco anos subvención ningunha polo mesmo concepto e para a mesma parcela.

c) A superficie mínima de actuación por parcela será de 0,2 hectáreas. Non obstante, poderase actuar sobre superficies inferiores sempre que afecten a totalidade do recinto SIXPAC.

d) A densidade de plantación estará comprendida entre 2.000 e 3.000 plantas por hectárea. A densidade de plantación non poderá ser modificada salvo por causas debidamente xustificadas e deberá ser autorizada pola Consellería do Medio Rural e do Mar.

e) Ser realizada con material vexetal certificado. Xustificarase a súa orixe co correspondente albará, etiqueta certificada, pasaporte fitosanitario e factura de compra a un viveirista rexistrado oficialmente ou co título de produtor seleccionador ou multiplicador de lúpulo.

Artigo 15. Límite e contía das axudas estatais

1. A superficie subvencionada por beneficiario e ano estará comprendida entre os límites mínimo e máximo de 0,2 e 25 hectáreas, ambos os dous inclusive.

2. A contía da axuda será do 40 por cento do investimento subvencionable, tendo en conta que o dito investimento subvencionable non poderá superar os seguintes importes:

a) Custos de adquisición de material vexetal: 2.000 euros por hectárea no caso de reprodución por esgallos e 3.000 euros hectáreas para pés.

b) Custos de implantación de sistemas de rega por goteo: 3.000 euros por hectárea.

3. A porcentaxe do investimento subvencionable poderá incrementarse en dez puntos porcentuais, no caso de que o titular da explotación reúna os requisitos para ser cualificado como agricultor/a novo/a, conforme o define o artigo 22 do Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro de 2005, e estea nos seus primeiros anos de actividade.

4. A contía máxima total da axuda será de 3.000 euros por hectárea. Tal axuda podería verse reducida proporcionalmente se, ao longo do período 2010-2013, a superficie de plantacións de lúpulo obxecto de reconversión e mellora en todo o territorio nacional, acollidas ás axudas previstas para tal fin no Real decreto 714/2010, superase o total máximo de 450 hectáreas recollidas nel.

Sección 3ª Axudas para a adquisición de maquinaria específica

Artigo 16. Finalidade

Esta liña de axudas terá por finalidade a concesión de subvencións destinadas a fomentar a mecanización do cultivo.

Artigo 17. Actividades susceptibles de subvención

Poderán ser obxecto de subvención a adquisición da titularidade de maquinaria agrícola e equipamentos específicos para o coidado, tratamento, recolección, peladura, secado e prensaxe do lúpulo, así como os grupos de presión para a instalación de sistemas de rega por goteo.

Artigo 18. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios desta liña de axudas, con carácter xeral:

a) As sociedades cooperativas e a súas agrupacións ou unións.

b) As sociedades agrarias de transformación (SAT).

c) As asociacións de produción integrada en agricultura (Apria).

d) Outras agrupacións agrarias sen personalidade xurídica propia baseadas nun pacto contractual, recoñecido pola Consellería do Medio Rural e do Mar e subscrito por un mínimo de sete persoas físicas titulares de explotacións agrarias, aínda que excepcionalmente e en casos concretos, debidamente xustificados polas características do equipamento que se vai subvencionar, se poderán reducir os compoñentes destas agrupacións.

e) As agrupacións de produtores ou agricultores individuais que teñan unha superficie cultivada de lúpulo que faga viable a adquisición, segundo o criterio da Consellería do Medio Rural e do Mar, sen ser en ningún caso inferior a 1,8 hectáreas.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarios aqueles solicitantes nos cales concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

3. Os beneficiarios deberán, así mesmo:

a) Ter a condición de peme conforme o anexo I do Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto.

b) Non ter a condición a consideración de empresas en crise.

c) Non ter sido sancionados por delitos ou infraccións ambientais ou contra a Facenda pública.

Artigo 19. Obrigas dos beneficiarios

Ademais das obrigas indicadas no artigo 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, os beneficiarios terán as seguintes obrigas:

a) Manter as máquinas e equipamentos subvencionados en uso e propiedade do beneficiario por un período mínimo de oito anos. Non poderán solicitarse no dito período axudas para a adquisición de maquinaria de similares funcións á xa subvencionada.

b) Inscribir as máquinas e equipamentos subvencionados, cando proceda, no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola. A inscrición realizarase cunha anotación na marxe, así como na cartilla de inscrición, precisando que debe permanecer no patrimonio do beneficiario durante oito anos a partir da data de inscrición.

c) As persoas físicas ou xurídicas que se dediquen á realización de traballos agrícolas a terceiros, que soliciten esta subvención deberán comprometerse, polo menos durante os oito primeiros anos, a dedicar como mínimo un 75 por cento das súas horas anuais de funcionamento, en explotacións alleas aos titulares da sociedade.

d) Para a compra de peladoras por agricultores individuais, deberase acreditar a titularidade dunha superficie cultivada de lúpulo que faga viable a adquisición, ante a Consellería do Medio Rural e do Mar.

Artigo 20. Requisitos da maquinaria e equipamentos específicos

As máquinas e equipamentos agrarios subvencionados deberán ser novos e de primeira inscrición.

Artigo 21. Investimentos excluídos

Non se concederá axuda para os investimentos seguintes:

a) Os investimentos de simple substitución, reposición e de mantemento de maquinaria e equipamentos. Considérase un investimento de reposición o que supoña a substitución dunha máquina ou equipamento existente por outro e non xustifique claramente unha mellora ou innovación tecnolóxica ou se realice nun prazo inferior aos 10 anos de adquisición da maquinaria e equipamento que se vai substituír.

b) Os investimentos en compra de maquinaria e equipamentos usados.

c) A adquisición de tractores.

Artigo 22. Contía das axudas

A contía da axuda será do 40 por cento do investimento subvencionable, tendo en conta que o dito investimento subvencionable non poderá superar os seguintes importes:

a) Custos de adquisición de podadoras: 10.000 euros.

b) Custos de adquisición de colleitadoras: 30.000 euros.

c) Custos de adquisición de peladoras: 235.000 euros.

d) Custos de adquisición de equipamentos de secado: 40.000 euros.

e) Custos de adquisición de prensas de pacas: 7.000 euros.

f) Custos de adquisición de grupos de presión para a rega: 12.000 euros.

2. A porcentaxe do investimento poderá incrementarse en dez puntos porcentuais, no caso de que o titular da explotación reúna os requisitos para ser cualificado como agricultor/a novo/a, conforme o define o artigo 22 do Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro, e estea nos seus primeiros cinco anos da actividade.

3. A contía máxima total de axudas para a compra de maquinaria e equipamentos agrícolas non superará os 150.000 euros.

CAPÍTULO III
Tramitación das axudas

Artigo 23. Solicitudes

1. As solicitudes de subvención formularanse conforme os modelos que se achegan como anexos I, II, III, IV e V desta orde, segundo correspondan ao tipo de investimento, e irán acompañadas da documentación que se establece no artigo seguinte.

2. As solicitudes dirixiranse á Consellería do Medio Rural e do Mar e deberán presentarse por calquera dos seguintes medios:

a) En soporte papel, que poderán presentarse nos rexistros das oficinas agrarias comarcais ou nos rexistros das xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural e do Mar ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) Telematicamente, poderá efectuarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo: https://sede.xunta.es

Neste caso, os solicitantes deberán anexar, ademais unha declaración responsable de que os documentos escaneados son orixinais e auténticos, sen prexuízo de que se lle poida requirir a exhibición dos propios orixinais en calquera momento da tramitación do procedemento.

3. O prazo de presentación das solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde e finalizará o día 1 de abril de cada ano, agás na convocatoria do ano 2012, en que será dun mes desde a data de publicación da orde de convocatoria.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución non poderá exceder os seis meses contados a partir da publicación da orde de convocatoria das axudas.

5. Nas resolucións de concesión da axudas, farase constar expresamente a contía que foi financiada con cargo aos orzamentos xerais do Estado.

Artigo 24. Documentación

1. Sen prexuízo da achega de calquera outro documento e informacións que o interesado puidese presentar para resolver sobre o outorgamento da subvención ou as que puidese solicitar a Administración, o beneficiario deberá xuntar á solicitude de subvención, en cada caso, a documentación que se indica a continuación:

– Fotocopia do NIF no caso de persoa xurídica e fotocopia do DNI no caso de persoa física. Neste caso do DNI só será necesario presentalo se o beneficiario non outorga expresamente a autorización á consellería, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009 que a desenvolve, para a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio da Presidencia.

– No caso de persoas xurídicas, fotocopia cotexada do DNI de todos os socios ou autorización á consellería, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009 que a desenvolve, para a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio da Presidencia.

– Fotocopia cotexada das escrituras de propiedade das parcelas ou dos contratos de arrendamento das parcelas por un período non inferior a seis anos desde a data de presentación da solicitude.

– Memoria descritiva e orzamento da actividade que se vai realizar e facturas pro forma dos equipamentos e/ou material vexetal que se van adquirir, indicando a que unidade produtiva (parcela) vai destinada cada un dos investimentos e as referencias SIXPAC das parcelas agrícolas no caso de axudas da sección 1ª ou 2ª. A memoria deberá permitir verificar o cumprimento dos requisitos exixidos en calquera das liñas de axuda. Cando o importe individualizado do ben subvencionable supere a contía de 18.000 euros, o beneficiario deberá solicitar e achegar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, salvo que polas especiais características daquel non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren.

– Se procede, documento en que conste o acordo do órgano correspondente da entidade pola que se solicite a subvención.

– Se procede, documento que acredite a representación da persoa que subscribe a solicitude.

– Declaración doutras axudas solicitadas ou concedidas para os mesmos fins.

– Declaración responsable acerca da veracidade dos datos bancarios consignados na solicitude.

– No caso de entidade asociativa, fotocopia cotexada da documentación de constitución da entidade e xustificación do carácter de agricultor/a novo/a dos seus membros, se procede.

2. A presentación da solicitude de axuda polas persoas ou entidades interesadas comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que teñan que emitir a Axencia Estatal da Aministración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, de acordo co previsto no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 25. Criterios de valoración

1. Terán prioridade na concesión destas axudas as solicitudes recollidas na sección 1ª desta orde.

2. No caso de que as solicitudes de axuda superen o límite orzamentario fixado para cada ano, ordenaranse de acordo cos seguintes criterios e baremos:

a) Figuras asociativas: tres puntos.

b) Agricultores/as novos/as: tres puntos.

c) Titulares de explotacións prioritarias: dous puntos.

d) Explotacións radicadas en concellos no ámbito da zona tradicional de produción de lúpulo en Galicia: dous puntos. Considéranse como tal os concellos, relacionados no anexo VII desta orde, que constitúen a comarca A Coruña Setentrional do Plan de rexionalización produtiva.

Artigo 26. Instrución

1. A instrución do procedemento correspondente ás solicitudes realizaraa a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria.

2. O órgano instrutor poderá solicitar aos beneficiarios da subvención cantas aclaracións e ampliacións de información e documentos sexan precisos para a adecuada tramitación do procedemento e, en xeral, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se deba ditar a resolución.

3. Se os impresos de solicitude non están debidamente cubertos, se non se achega a documentación establecida ou se o expediente presenta defectos corrixibles, requirirase o interesado para que nun prazo máximo de dez días emende os erros ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non facelo, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro (BOE nº 285, do 27 de novembro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE nº 12, do 14 de xaneiro).

Artigo 27. Avaliación e resolución das solicitudes

1. A resolución dos expedientes correspóndelle ao secretario xeral de Medio Rural e de Montes, por delegación da conselleira do Medio Rural e do Mar, por proposta do órgano de instrución das axudas, logo da avaliación das solicitudes por un órgano colexiado que estará presidido polo subdirector/a xeral de Apoio ás Explotacións Agrarias e integrado polo xefe/a do Servizo de Sanidade e Produción Vexetal e por dous/dúas funcionarios/as desa subdirección xeral con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algún ou algunha dos seus integrantes non puidesen asistir, será substituído polo/a funcionario/a que para o efecto designe o subdirector/a xeral.

2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de seis meses contados desde o día seguinte ao da publicación no diario oficial da convocatoria. Transcorrido o dito prazo sen que ditase e notificase a correspondente resolución, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 28. Recursos

As resolucións expresas ou presuntas dos expedientes tramitados en aplicación das respectivas ordes de convocatoria esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

1. Potestativamente, recurso de reposición ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, se é expresa.

Artigo 29. Compatibilidade e límites das axudas

1. A contía máxima percibida por beneficiario non poderá superar os 400.000 euros por un período de tres exercicios fiscais para o conxunto de todas as liñas establecidas.

2. As subvencións previstas nesta orde son compatibles con calquera outra que, para a mesma finalidade e obxecto, puidesen establecer outras administracións públicas ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais. Para estes efectos, os solicitantes incorporarán ao expediente unha declaración das axudas solicitadas para esta mesma finalidade.

3. En todo caso, a suma das axudas concedidas polas distintas administracións públicas a un mesmo beneficiario non poderá exceder os límites previstos en cada caso na epígrafe IV.A.2 Axudas ao investimento nas explotacións agrícolas das directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario e forestal 2007-2013 (2006/C 319/01) publicada no DOUE, serie C. 319, do 27 de decembro de 2006.

Artigo 30. Xustificación do cumprimento

1. Unha vez realizados os investimentos previstos, os interesados deberán xustificalos como máximo ata o 30 de decembro do ano en curso, por escrito, preferentemente nos rexistros das xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural e do Mar ou das oficinas agrarias comarcais ou por calquera dos medios previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A xustificación da realización da actividade subvencionada, do cumprimento das condicións impostas e da consecución dos obxectivos previstos no acto de concesión da subvención, documentarase mediante conta xustificativa do gasto realizado, consistente nunha relación documentada que acredite os gastos realizados e os seus correspondentes pagamentos.

Na rendición da conta xustificativa deben incluírse:

a) A declaración das actividades realizadas que foron financiadas coa subvención e o seu custo.

b) A desagregación de cada un dos gastos realizados, que se acreditarán documentalmente.

c) Xustificantes do gasto acompañados dos do pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias, que deberán terse realizado antes de que expire o prazo de xustificación. Cando os gastos sexan inferiores a 1.000 euros, abondará con achegar a factura co recibín por parte do provedor co selo e/ou sinatura e DNI de quen asina o recibín. Todos os gastos deberán ser posteriores á solicitude de axuda.

d) Declaración do beneficiario das axudas concedidas para o mesmo fin ou as pendentes de ser outorgadas ou pagadas.

e) Calquera outra documentación ou acreditación que se sinale expresamente na resolución de concesión.

2. O prazo previsto na resolución da concesión da subvención para a xustificación dos investimentos poderá ser obxecto de prórroga logo de solicitude motivada presentada polo beneficiario ante o órgano concedente, prórroga que deberá ser solicitada antes da finalización do prazo de xustificación.

3. No caso de non xustificación da subvención ante o órgano instrutor do procedemento na data prevista no artigo anterior será de aplicación o disposto no artigo 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 31. Pagamento das subvencións

1. O pagamento da subvención efectuarase logo de xustificación polo beneficiario, e na parte proporcional á contía xustificada, da realización da actuación obxecto de subvención.

2. Previamente ao pagamento comprobarase in situ a execución dos investimentos, incluíndose no expediente o certificado acreditativo da verificación realizada.

3. Non poderá realizarse o pagamento, mentres o beneficiario non se atope ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social ou sexa debedor por resolución que declare a procedencia do reintegro.

Artigo 32. Modificación da resolución

1. A alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, despois do oportuno procedemento de audiencia do interesado.

2. Así mesmo, a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, cando o importe total das axudas percibidas por cada beneficiario supere os máximos previstos nesta orde ou na normativa comunitaria aplicable, dará lugar á redución proporcional que corresponda no importe das subvencións reguladas nesta orde, ata respectar o dito límite.

Artigo 33. Incumprimento e reintegro

1. Se o beneficiario incumprise os requisitos exixidos para a concesión da subvención, en particular o incumprimento do requisito de non ter sido sancionado por delitos ou infraccións ambientais ou contra a Facenda pública, con independencia doutras responsabilidades en que puidese incorrer, dará lugar á perda ao dereito á subvención concedida, coa obriga de reembolsar as cantidades xa percibidas, incrementadas cos xuros de demora legais.

2. No caso de incumprimentos parciais relativos ás actividades subvencionables, procederase á redución proporcional das subvencións concedidas ou aboadas.

3. Así mesmo, procederá o reintegro das cantidades percibidas, así como a exixencia dos xuros de demora desde o momento do pagamento da subvención, segundo o establecido no artigo 37.1 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que desenvolve o regulamento da dita lei.

4. Non procederá o reintegro da subvención no suposto que o beneficiario transmita os bens subvencionados a un terceiro, sempre que sexa autorizado pola Administración concedente e o adquirinte se subrogue nos compromisos deste durante o período restante de cumprimento.

Artigo 34. Obriga de facilitar información

Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lle poidan exixir os órganos competentes da Consellería do Medio Rural e do Mar, os beneficiarios das axudas teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano de inspección ou control da Unión Europea.

Artigo 35. Normativa que se aplicará

O Real decreto 714/2010, do 28 de maio, polo que se establecen as bases reguladoras das subvencións estatais ao sector do lúpulo.

CAPÍTULO IV
Convocatoria para o ano 2012

Artigo 36. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes de axuda para a convocatoria do ano 2012 formularase conforme os modelos que se xuntan nesta orde, anexos I, II, III, IV e V.

2. O prazo para a presentación será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo día ordinal de publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mesmo mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Artigo 37. Financiamento para o ano 2012

As axudas reguladas nesta orde estarán financiadas no exercicio 2012 con cargo á aplicación orzamentaria 2012.16.22.713C.770.3 (código proxecto 2010 01258) da Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, por un importe de 120.558,27 euros, sen prexuízo de poder utilizar outros remanentes dispoñibles e da ampliación da dotación orzamentaria da orde.

Disposición adicional primeira

Os beneficiarios destas axudas que non superen os 1.500 euros están exentos de acreditar que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda por calquera concepto coa Administración da comunidade autónoma, así como de estaren ao día nas súas obrigas tributarias estatais e coa Seguridade Social segundo a Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012.

Disposición adicional segunda

No non previsto nesta orde observarase o disposto no Real decreto 714/2010, do 28 de maio, así como na Lei 38/2003, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, así como con carácter supletorio a estas, na Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG nº 121, do 25 de xuño) de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional terceira

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural e do Mar publicará na súa páxina web oficial e no Diario Oficial de Galicia as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 17 de xuño de 2011 (DOG nº 124, do 29 de xuño) pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao sector do lúpulo e se convocan para o ano 2011.

Disposición derradeira primeira

Facúltase ao director xeral de Produción Agropecuaria para ditar as instrucións precisas para a execución do disposto nesta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2012

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file