Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Luns, 16 de xullo de 2012 Páx. 28321

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 9 de xullo de 2012 pola que se fai pública a ampliación do importe existente para a concesión das axudas aos investimentos en transformación e comercialización de produtos procedentes da pesca, do marisqueo e da acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo da Pesca, convocadas pola Orde do 12 de decembro de 2011.

A Orde do 12 de decembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas aos investimentos en transformación e comercialización de produtos procedentes da pesca, do marisqueo e da acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo de Pesca nun 61%, e se convoca para o exercicio 2012 o dito procedemento, tramitado como expediente anticipado de gasto (DOG nº 248, do 29 de decembro), establece no seu artigo 3 o importe da contía máxima das axudas que ao abeiro dela poderán ser concedidas aos seus solicitantes.

Unha vez revisados os expedientes presentados ao abeiro da dita orde, comprobouse que o importe total solicitado destas axudas superaba a existencia de crédito, o que faría imposible atender a demanda da totalidade das solicitudes presentadas.

Non obstante e como consecuencia de que con posterioridade á publicación da orde foi aprobada unha incorporación de crédito, o importe inicialmente dotado pode ser incrementado, o que permitiría achegar as axudas a un maior número de beneficiarios.

Tendo en conta o indicado no artigo 3 da Orde do 12 de decembro de 2011, o crédito inicial poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contra na orde que se publique para o efecto.

Considerando todo o dito anteriormente é polo que cómpre ampliar o importe da contía máxima das axudas que poderán ser concedidas ao abeiro da referida Orde do 12 de decembro de 2011, coa finalidade de achegalas ao meirande número de beneficiarios posible. Por todo o exposto, e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.

Primeiro. Amplíase o importe da contía máxima das axudas que se van conceder ao abeiro da Orde do 12 de decembro de 2011 (DOG nº 248, do 29 de decembro) na cantidade de 32.000.000 de euros, con cargo á aplicación 16.30.723A.771.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012.

Segundo. A presente modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2012

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar