Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Mércores, 18 de xullo de 2012 Páx. 28578

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 2 de xullo de 2012 pola que se declaran de utilidade pública diversas asociacións inscritas nos rexistros central e provinciais de asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por iniciativa das correspondentes asociacións poderán ser declaradas de utilidade pública aquelas que reúnan os requisitos establecidos no artigo 32 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación.

O Decreto 157/2008, do 10 de xullo, sobre asunción de funcións da Administración do Estado traspasadas á Comunidade Autónoma de Galicia, mediante o Real decreto 1080/2008, do 30 de xuño, en materia de declaración de utilidade pública de asociacións, asigna estas funcións á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, establecendo que será competente para resolver o procedemento de declaración de utilidade pública a persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo da instrución do procedemento polo órgano correspondente.

Previa solicitude das asociacións, foron instruídos os expedientes de conformidade co previsto no Real decreto 1740/2003, do 19 de decembro, sobre procedementos relativos a asociacións de utilidade pública, e neles consta a documentación e os informes previstos na citada norma.

De conformidade cos informes favorables de declaración de utilidade pública emitidos polos instrutores dos expedientes,

RESOLVO:

Declarar de utilidade pública as seguintes asociacións:

• Asociación «. e seguido» (Asociación Galega de Mulleres afectadas por Cancro de Mama), inscrita no Rexistro Central de Asociacións co número 2008/11208-1.

• Asociación Agarimo, inscrita no Rexistro Provincial de Asociacións da Coruña co número 1970-187-1.

• Federación Provincial de Asociacións de Discapacitados Físicos de Ourense, inscrita no Rexistro Provincial de Asociacións de Ourense co número 1989-9-2.

Contra esta orde que pon fín á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2012

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza