Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Mércores, 18 de xullo de 2012 Páx. 28563

I. Disposicións xerais

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 155/2012, do 5 de xullo, polo que se regula a estrutura e organización do Plan territorial de continxencias por contaminación mariña accidental da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Convención das Nacións Unidas sobre o Dereito do Mar destaca a obriga dos estados de protexer e preservar o medio mariño para o cal deberán tomar todas as medidas para previr, reducir e controlar a contaminación do medio mariño procedente de calquera fonte. Para estes efectos, promove que os estados utilicen os medios máis viables de que dispoñan e harmonicen as súas políticas ao respecto.

O intenso tráfico marítimo xunto coas actividades antropoxénicas asociadas ao litoral de Galicia supoñen un risco potencial de contaminación das zonas costeiras. Neste contexto, a cidadanía debe contar coa seguridade de que se establecen os mecanismos necesarios para a protección dos bens con importancia socioeconómica e ambiental ante episodios de contaminación accidental.

O Convenio internacional sobre cooperación, preparación e loita contra a contaminación por hidrocarburos de 1990 (OPRC 90), en vigor en España desde o 13 de maio de 1995, e o seu Protocolo sobre substancias nocivas e potencialmente perigosas (OPRC-HNS 2000), en vigor en España desde o 14 de xuño de 2007, teñen como obxectivo a cooperación internacional e a asistencia mutua en incidentes maiores de contaminación mariña, e o desenvolvemento e mantemento nos Estados parte da adecuada capacidade de preparación e resposta a emerxencias de contaminación mariña. Ambos os dous establecen a obriga de elaborar plans específicos de preparación e loita contra a contaminación nos que se teñan en conta as directrices elaboradas pola Organización Marítima Internacional. Para cumprir con estas obrigas a Administración estatal aprobou o Plan nacional de continxencias por contaminación mariña accidental segundo establece na Orde do Ministerio de Fomento do 23 de febreiro de 2001.

A Constitución española habilita as comunidades autónomas para establecer normas adicionais de protección do ambiente. A Comunidade Autónoma de Galicia asumiu, de acordo co disposto no Estatuto de autonomía no artigo 27, número 30, a competencia exclusiva de establecer «normas adicionais sobre protección do medio ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1.23». Así mesmo, no artigo 29, número 4, Galicia asumiu a competencia autonómica para a execución da lexislación do Estado na materia de «verteduras industriais e contaminantes nas augas territoriais do Estado correspondentes ao litoral galego».

A xestión das continxencias por contaminación marítima accidental en Galicia incúmbelles, no seu ámbito de competencias, á Consellería do Medio Rural e do Mar, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a Consellería de Sanidade e a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Á Consellería do Medio Rural e do Mar correspóndelle, entre outras, desenvolver a coordinación das competencias nas materias de salvamento marítimo e loita contra a contaminación, a elaboración do plan de continxencias por contaminación mariña accidental e a planificación de actividades de prevención desta. A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, atribúe á Consellería do Medio Rural e do Mar, nos seus artigos 119 e 125, a competencia nas materias de apoio á frota pesqueira, de prestación dos servizos de busca, rescate e salvamento marítimo, así como da prevención e loita contra a contaminación do medio mariño.

Á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas correspóndelle, entre outras, a avaliación e control da incidencia que sobre o ambiente provoque a actividade humana, o fomento de sistemas e estratexias de corrección da dita incidencia, a participación no desenvolvemento de plans de continxencia fronte a catástrofes naturais ou antropoxénicas, así como a autorización das obras e instalación de verteduras desde terra ás augas do litoral galego e o exercicio das funcións de policía sobre estes.

Á Consellería de Sanidade correspóndenlle, entre outras, as intervencións que supoñan exercicio de autoridade necesarias para garantir a tutela xeral da saúde pública.

Á Consellería de Presidencia, Administracións públicas e Xustiza correspóndenlle, entre outras, as competencias relativas ás materias de atención de emerxencias e protección civil, interior e seguridade.

No ano 2003 elaborouse o Decreto 438/2003, do 13 de novembro, polo que se aproba o Plan básico de continxencias por contaminación mariña para a defensa dos recursos pesqueiros, marisqueiros, paisaxísticos, acuícolas e ambientais de Galicia, co fin de establecer un conxunto de normas e procedementos de actuación, así como definir órganos competentes que constitúan o sistema de resposta das administracións públicas fronte a unha situación de contaminación mariña por unha vertedura terra-mar nas rías de Galicia. A publicación do primeiro Plan de continxencias por contaminación mariña nas rías de Galicia realizouse mediante a Orde do 26 de outubro de 2004.

No ano 2006, a Xunta de Galicia aprobou o Plan territorial de continxencias por contaminación mariña de Galicia que inclúe e amplía o ámbito territorial do anterior a toda a costa de Galicia, polo que se viu a conveniencia de derrogar o primeiro Plan de continxencias por contaminación mariña nas rías de Galicia, así como o Decreto 438/2003. Este plan, aínda vixente, foi publicado por Resolución do 23 de abril de 2007, da Dirección Xeral de Recursos Mariños.

Na actualidade, o novo escenario normativo derivado da entrada en vigor do Protocolo OPRC-HNS 2000, e tendo en conta a experiencia acumulada así como os avances tecnolóxicos e melloras habidas na loita contra a contaminación mariña, fan necesaria a revisión do marco xeral de actuación a nivel autonómico ante un suceso de contaminación mariña accidental co obxecto de mellorar a eficacia na resposta. Nesta revisión incorporouse o traballo conxunto dos departamentos involucrados na planificación e coordinación das actuacións a nivel territorial.

Por todo o exposto, por proposta da conselleira do Medio Rural e do Mar, do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, da conselleira de Sanidade e do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de xullo de dous mil doce,

DISPOÑO:

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Este decreto ten por obxecto regular a estrutura e organización do Plan territorial de continxencias por contaminación mariña accidental da Comunidade Autónoma de Galicia (en diante Plan Camgal), así como establecer as disposicións xerais, a organización operativa e as medidas para a súa implementación.

2. O Plan Camgal defínese como aquel plan deseñado e elaborado polo órgano competente da Comunidade Autónoma de Galicia en que se establecen as normas e procedementos básicos de actuación, a estrutura de organización e o sistema de resposta fronte a un episodio de contaminación mariña accidental que se produza ou afecte o litoral galego.

3. A contaminación mariña accidental defínese como calquera derramamento de substancias contaminantes no mar producida como consecuencia dun accidente marítimo ou outra causa.

Artigo 2. Clases de plans de continxencias por contaminación mariña accidental

Para os efectos do presente decreto establécense as seguintes definicións de plans locais, plans interiores, plans territoriais e plan nacional de continxencias por contaminación mariña accidental:

a) Plans locais: aqueles plans deseñados e elaborados polas administracións locais competentes en que se establecen as normas e procedementos básicos de actuación, a estrutura de organización e o sistema de resposta fronte a un episodio de contaminación mariña accidental que se produza no ámbito do seu concello.

b) Plans interiores: aqueles plans deseñados e elaborados por industrias, portos ou outro tipo de instalacións susceptibles de provocar episodios accidentais contaminantes no mar, no cal se establecen as normas e procedementos básicos de actuación, a estrutura de organización e o sistema de resposta fronte a un episodio de contaminación mariña accidental que se produza no seu ámbito.

c) Plans territoriais: aqueles plans en que se regulan as medidas de loita contra a contaminación mariña no litoral dunha Comunidade Autónoma.

d) Plan nacional: aquel plan deseñado e elaborado pola Administración estatal segundo se establece na Orde do Ministerio de Fomento do 23 de febreiro de 2001, así como calquera outro que se defina como tal pola normativa estatal referente na materia.

Capítulo II
O Plan territorial de continxencias por contaminación mariña accidental da Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 3. Obxectivos

1. O obxectivo fundamental do Plan Camgal é obter a máxima protección para as persoas, o ambiente e os bens que resulten ou poidan resultar afectados en calquera continxencia derivada de sucesos relacionados coa contaminación mariña accidental.

2. Defínense como obxectivos específicos os seguintes:

a) Planificar e coordinar, no ámbito das súas responsabilidades, as actuacións dos medios materiais e humanos adscritos ao Plan Camgal coas actuacións dos distintos medios capaces de realizar operacións de loita contra a contaminación mariña accidental, pertencentes ás diversas administracións, así como a institucións públicas e privadas.

b) Potenciar a utilización axeitada e a mellora dos medios de loita contra a contaminación mariña accidental adscritos ao Plan Camgal así como fomentar a capacitación de persoal especializado a nivel territorial.

Artigo 4. Contido

O contido do Plan Camgal deberá axustarse aos criterios básicos establecidos para os plans territoriais de continxencias na Orde do Ministerio de Fomento do 23 de febreiro de 2001, así como calquera outro que defina como tal a normativa estatal referente na materia.

Artigo 5. Elaboración e aprobación

O Plan Camgal será elaborado pola consellería competente na materia de loita contra a contaminación mariña accidental e aprobado por acordo do Consello da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Vixencia

1. Unha vez aprobado, o Plan Camgal terá unha vixencia de catro anos e será sometido a revisión antes de que remate o dito prazo. Para tal efecto crearase unha comisión de traballo en que estarán representadas as administracións implicadas no Plan Camgal e que realizará os traballos de revisión e seguimento de resultados na aplicación práctica do Plan. A comisión de traballo deberá presentar á consellería competente na materia de loita contra a contaminación mariña accidental o novo texto dentro dos tres meses anteriores ao vencemento do Plan Camgal vixente. A revisión do Plan Camgal será aprobada por acordo do Consello da Xunta de Galicia.

2. Ademais das revisións periódicas establecidas no punto anterior, o Plan Camgal poderá ser actualizado en calquera momento, por proposta das administracións implicadas nel, como consecuencia dos cambios lexislativos que obriguen á actualización deste ou dos avances tecnolóxicos ou melloras que se produzan na loita contra a contaminación mariña. As actualizacións non suporán cambios na estrutura e organización do Plan.

Capítulo III
Organización operativa do Plan Camgal

Sección 1ª Estrutura organizativa

Artigo 7. Presidencia e dirección

1. A presidencia do Plan Camgal correspóndelle ao/á titular da consellería competente na materia de loita contra a contaminación mariña accidental e ten a responsabilidade de garantir a existencia dos marcos, lexislativo e administrativo, necesarios para o funcionamento, a implementación e mantemento do Plan Camgal.

2. A dirección do Plan Camgal correspóndelle ao/á titular do órgano de dirección que, dentro da consellería competente na materia de loita contra a contaminación mariña accidental, teña atribuídas as funcións relativas á dita materia. Será a autoridade responsable da dirección das actuacións necesarias desde a activación do Plan ata o final da emerxencia.

Artigo 8. Órganos de actuación

1. Son órganos de actuación no Plan Camgal:

a) O Centro de Coordinación Operativa.

b) Os grupos operativos de resposta.

c) As unidades de apoio.

d) Outros que se consideren.

2. As funcións e a forma e lugar de constitución dos órganos de actuación serán desenvolvidas no Plan Camgal.

Artigo 9. O Centro de Coordinación Operativa

1. O Centro de Coordinación Operativa é, baixo a dirección do director, o órgano de actuación encargado de decidir todas as operacións necesarias para facer fronte á continxencia e de manter a relación institucional con outros organismos das distintas administracións, así como coas demais entidades que participan na loita contra a contaminación.

2. Formarán parte do Centro de Coordinación Operativa:

a) Os integrantes do Comité de Dirección.

b) Os integrantes do Comité Técnico Asesor.

c) Os/as coordinadores/as de operacións.

Artigo 10. O Comité de Dirección

1. O Comité de Dirección ten como misión asistir ao/á director/a do Plan na toma de decisións.

2. O Comité de Dirección terá como mínimo un/unha representante da/do:

a) Consellería competente na materia de protección civil.

b) Consellería competente na materia de calidade ambiental.

c) Consellería competente na materia de sanidade.

d) Autoridade competente na materia portuaria da zona afectada.

e) Dirección Xeral da Mariña Mercante.

f) Demarcación de Costas en Galicia.

g) Concello/s afectado/s.

3. Cando a natureza da emerxencia ou catástrofe o requira, o/a presidente/a ou o/a director/a do Plan poderá determinar que formen parte do Comité de Dirección outros membros distintos dos prescritos neste artigo.

Artigo 11. O Comité Técnico Asesor

1. O Comité Técnico Asesor é o órgano que desenvolve funcións de asesoramento técnico e científico no Centro de Coordinación Operativa, baseado na información que lle chegue dos grupos operativos de resposta e das unidades de apoio.

2. O Comité Técnico Asesor estará integrado por persoal da Administración autonómica con competencia técnica en función da natureza da emerxencia. Así mesmo, poderán formar parte deste comité representantes das universidades galegas, do Consejo Superior de Investigaciones Científicas e do Instituto Español de Oceanografía con sede en Galicia.

3. Cando a natureza da emerxencia ou catástrofe o requira, o/a presidente/a ou o/a director/a do Plan poderá determinar que formen parte do Comité Técnico Asesor outros membros con competencia técnica na materia distintos dos prescritos neste artigo.

4. Para poder formar parte deste comité, no caso das universidades galegas e do Consello Superior de Investigacións Científicas e do Instituto Español de Oceanografía con sede en Galicia, estes deberán nomear un/unha representante e comunicalo á consellería competente na materia de asuntos marítimos e loita contra a contaminación mariña accidental.

Artigo 12. Os/as coordinadores/as de operacións

1. No Plan Camgal serán designados dous/dúas coordinadores/as de operacións, un/unha para as operacións no mar e outro/a para as operacións en terra, co fin de dirixir as distintas operacións de loita contra a contaminación e coordinar as accións dos diferentes grupos de resposta.

2. Para prestar apoio in situ aos/ás coordinadores/as de operacións poderán establecerse centros de mando avanzado no mar e en terra.

Artigo 13. Os grupos operativos de resposta

1. Os grupos operativos de resposta serán os encargados de desenvolver as operacións de loita contra a contaminación: contención e recollida no mar, limpeza e recuperación dos ecosistemas e instalacións afectados, xestión dos residuos e demais misións auxiliares necesarias.

2. Estarán formados por persoal e medios especializados. Constituirase un grupo de resposta no mar e un grupo de resposta en terra.

Artigo 14. As unidades de apoio

As unidades de apoio son os órganos de actuación encargados de proporcionar soporte específico tanto ao Centro de Coordinación Operativa como aos diferentes grupos operativos achegándolles información e medios, humanos e materiais, para facilitar un mellor desenvolvemento da resposta.

Sección 2ª Procedemento de activación e desactivación do Plan Camgal

Artigo 15. Criterios de activación do Plan Camgal

De acordo co establecido na Orde do Ministerio de Fomento do 23 de febreiro de 2001, os criterios de activación do Plan Camgal son os seguintes:

a) Derramamento ao mar de produtos contaminantes desde un porto ou instalación costeira ou interior sen que estea implicado un buque e a magnitude da emerxencia supere a capacidade de resposta dos plans locais ou interiores correspondentes.

b) Derramamento ao mar de produtos contaminantes desde unha instalación costeira en que estea implicado un buque e se vexa ameazada a costa próxima.

c) Derramamento ao mar de produtos contaminantes desde un buque accidentado na costa.

d) Derramamento ao mar de produtos contaminantes desde un buque accidentado en augas xurisdicionais españolas e que exista a posibilidade de que a contaminación chegue á costa.

e) Derramamento ao mar de produtos contaminantes desde unha terminal de carga e/ou descarga situada en augas xurisdicionais españolas e que exista a posibilidade de que a contaminación chegue á costa.

Artigo 16. Niveis de activación do Plan Camgal

1. A activación do Plan Camgal guiarase polos seguintes niveis de emerxencia:

a) Alerta: darase cando se sospeite que algún tipo de contaminación significativa pode chegar á zona costeira, tanto procedente do mar como de instalacións en terra.

b) Emerxencia: darase cando algún tipo de contaminación significativa chegue á zona costeira, tanto procedente do mar como de instalacións en terra.

1º) Emerxencia nivel mínimo: darase cando o episodio de contaminación sexa de pequena gravidade e extensión, caracterizado por algunha das seguintes circunstancias:

i) Que os medios dispoñibles nos plans interiores e/ou locais activados resulten insuficientes para combater a contaminación.

ii) Que a contaminación tivese lugar fóra do ámbito de aplicación dos plans interiores e/ou locais.

2º) Emerxencia nivel medio: darase cando o episodio de contaminación sexa de gravidade ou extensión media, caracterizado por algunha das seguintes circunstancias:

i) Que a contaminación afecte ou poida afectar o ámbito de dous ou máis plans locais.

ii) Que pola especial vulnerabilidade da zona afectada ou ameazada se considere necesario.

3º) Emerxencia nivel máximo: darase cando a natureza, gravidade ou extensión da emerxencia supere a capacidade de resposta da Comunidade Autónoma.

2. As incidencias ordinarias que poidan ser atendidas polos grupos operativos dispostos na zona non darán lugar á activación do Plan Camgal.

Artigo 17. Avaliación da continxencia marítima

A partir da información da continxencia marítima, os/as coordinadores/as de operacións avaliarán a situación e, se esta supera a emerxencia ordinaria, comunicaranllo ao/á director/a do Plan.

Os mecanismos de comunicación da incidencia, verificación e avaliación da continxencia quedarán definidos no Plan Camgal.

Artigo 18. Activación do Plan Camgal

1. O Plan Camgal será activado polo/a seu/súa director/a, quen en función da natureza, gravidade e extensión da continxencia decidirá o nivel de activación do Plan e informará o/a presidente/a do Plan Camgal.

2. Para activar o Plan Camgal o/a director/a do Plan, co apoio dos/das coordinadores/as de operacións:

a) Informará da continxencia o/a responsable da unidade administrativa competente na materia de protección civil ao cal solicitará o apoio necesario nas operacións de resposta.

b) Dará aviso da continxencia, segundo o descrito no Plan, aos/ás responsables das unidades de apoio para que poñan en marcha as accións establecidas nos seus procedementos operacionais en función do nivel da emerxencia.

c) Comunicará a continxencia ás autoridades locais afectadas.

d) Convocará os membros do Centro de Coordinación Operativa e constituirao segundo o descrito no Plan.

3. O/a presidente/a do Plan Camgal informará a Delegación do Goberno sobre a activación do Plan Camgal e, no caso de que a emerxencia o requira, solicitará o apoio dos medios de resposta do Plan Nacional e, se é o caso, a activación deste.

4. Os/as coordinadores/as de operacións porán en marcha as accións establecidas nos procedementos operacionais dos grupos de resposta no mar e terra, en función do nivel da emerxencia.

Artigo 19. Criterios de coordinación de operacións entre distintos plans de continxencias

1. Cando estean activados o Plan Camgal e un plan interior e/ou local de continxencias, a coordinación das operacións será exercida pola persoa designada no Plan Camgal.

2. Cando estean activados o Plan Camgal e un plan de ámbito superior dos establecidos na normativa estatal, a coordinación de operacións corresponderalle a este último. O director do Plan Camgal integrarase nos órganos de dirección establecidos para a dita coordinación.

3. Cando estea activado o Plan Camgal e se necesiten medios adscritos a un plan de ámbito superior dos establecidos na normativa estatal, sen estar este activado, o/a presidente/a do Plan Camgal poderá solicitar, en virtude do principio de cooperación interadministrativa, a colaboración da Administración xeral do Estado. Os medios adscritos ao Ministerio de Fomento solicitaranse segundo o convenio asinado nas materias de salvamento marítimo, loita contra a contaminación mariña e seguridade no ámbito pesqueiro.

4. O Plan Camgal incluirá o procedemento de coordinación entre os órganos de dirección deste plan e os órganos de dirección do Plan territorial de emerxencias de Galicia, para o caso de que estean simultaneamente os dous activados nalgún dos seus niveis.

5. O Plan Camgal, sen estar activado, poderá colaborar con outros plans de continxencias poñendo á disposición destes os seus medios.

Artigo 20. Procedemento de desactivación do Plan Camgal

O/a director/a do Plan Camgal, cando a situación da emerxencia permaneza baixo control, e tras avaliar a situación cos/cas coordinadores/as de operacións, decidirá a desactivación do Plan comunicándollo ao/á presidente/a do Plan e a todas as partes implicadas, de conformidade co descrito no Plan Camgal.

CapÍtulo IV
Medidas para a implementación do Plan Camgal

Artigo 21. Suspensión de servizos ordinarios

1. O/a director/a do Plan Camgal decidirá sobre a necesidade da suspensión dos servizos ordinarios programados para o persoal das unidades adscritas ao Plan e decidirá a mobilización dos medios anticontaminación.

2. O/a presidente/a do Plan Camgal autorizará a suspensión dos servizos ordinarios das unidades da súa consellería e solicitará aos/ás titulares das consellerías con responsabilidades no Plan a suspensión dos servizos programados e ordinarios do seu persoal, que estará á disposición da loita contra a contaminación mariña.

Artigo 22. Centro de operacións

1. Poderanse establecer centros de operacións en calquera punto da costa para concentrar os medios que participen nos traballos ou labores de loita contra a contaminación atendendo a criterios de proximidade, instalacións e servizos.

2. Se for necesario habilitaranse zonas, dentro destes centros, onde quedará prohibida calquera outra actividade mentres dure a emerxencia.

Artigo 23. Dotación de material

1. A base loxística de loita contra a contaminación mariña situada no porto de Tragove constitúe o centro activo de almacenamento de equipos, establecido co fin de proporcionar unha utilización racional dos medios materiais existentes para a loita contra a contaminación mariña accidental e facilitar o mantemento destes.

2. Dotaranse de material de loita contra a contaminación mariña distintos portos de interese da Comunidade Autónoma de Galicia, o cal se localizará en contedores ou noutras instalacións físicas que se dispoñan para estes efectos.

3. De acordo co mecanismo establecido no Plan Camgal, realizarase unha revisión periódica do material e dos equipos adscritos ao Plan Camgal para avaliar o estado do material e a súa adecuación tecnolóxica.

Artigo 24. Exercicios e formación

1. O Plan Camgal conterá un programa de adestramento co obxectivo de mellorar a eficacia da resposta ante unha emerxencia, con exercicios de adestramento periódico, de carácter obrigatorio, tanto para o adestramento do persoal como para a validación periódica dos medios. Este programa estará dirixido a todas as unidades, departamentos e persoal que teñan asignados cometidos no Plan Camgal, ben conxuntamente ou por separado.

2. As necesidades de formación do persoal involucrado no Plan Camgal revisaranse periodicamente co fin de establecer o programa de formación máis axeitado.

Artigo 25. Recursos financeiros

O Plan Camgal financiarase mediante a aplicación dos seguintes recursos:

a) As dotacións previstas para este fin nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Os fondos e transferencias que por razóns de auxilio e urxente necesidade poidan ser achegados polas administracións públicas.

Capítulo V
Outras disposicións

Artigo 26. Plans locais na Comunidade Autónoma de Galicia

Os concellos litorais da Comunidade Autónoma de Galicia remitirán á consellería competente na materia de loita contra a contaminación mariña accidental, un plan local que conteña os elementos exixidos no Plan Camgal. A elaboración, aprobación, implantación e funcionamento dos plans locais son responsabilidade da Administración local competente.

Artigo 27. Plans interiores das instalacións industriais situadas no ámbito costeiro da Comunidade Autónoma de Galicia

1. As instalacións industriais que son colindantes coas augas de dominio público marítimo-terrestre ou verten as súas augas pluviais ou residuais no dito dominio ou nun sistema público de saneamento con vertedura final neste, disporán dun plan interior segundo as seguintes premisas:

a) Os establecementos aos cales lles sexa de aplicación o Real decreto 1254/1999, do 16 de xullo, sobre medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves en que interveñan substancias perigosas, deberán incluír nos seus plans de emerxencia interior o contido descrito na normativa estatal reguladora dos plans interiores de continxencias por contaminación mariña accidental.

b) Os establecementos aos cales lles sexa de aplicación o Real decreto 253/2004, do 13 de febreiro, polo que se establecen medidas de prevención e loita contra a contaminación nas operacións de carga, descarga e manipulación de hidrocarburos no ámbito marítimo e portuario, establecerán nos seus plans interiores de continxencias por contaminación mariña accidental, o descrito na normativa estatal reguladora da materia.

c) Aos establecementos situados no ámbito portuario de interese da Comunidade Autónoma de Galicia e non recollidos nas alíneas a) e b), poderáselles exixir un plan de continxencias por contaminación mariña accidental, cando Portos de Galicia ou algunha outra administración competente advirta que pode existir un risco significativo de vertedura contaminante.

d) Todos os demais establecementos non recollidos nas alíneas a), b) e c) contarán cun plan interior de continxencias por contaminación mariña accidental segundo os criterios establecidos no Plan Camgal.

2. A elaboración, implantación e funcionamento dos plans interiores das instalacións recollidos neste artigo, son responsabilidade do titular da instalación e serán aprobados de acordo co descrito na normativa estatal reguladora da materia.

Artigo 28. Plans interiores dos portos situados na Comunidade Autónoma de Galicia

1. Nos portos de interese da Comunidade Autónoma de Galicia, o plan interior portuario será elaborado pola entidade competente na materia portuaria de Galicia e aprobado pola consellería competente na materia de loita contra a contaminación mariña accidental.

2. Nos portos de interese xeral do Estado que radiquen no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, os plans serán elaborados e aprobados segundo o establecido na normativa estatal reguladora da materia.

Disposición adicional

As administracións locais, instalacións industriais e os portos afectados por este decreto elaborarán os seus plans no prazo dun ano a partir da data de aprobación do Plan Camgal.

Disposición transitoria

O Plan territorial de continxencias por contaminación mariña de Galicia aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 16 de novembro de 2006, e publicado por Resolución do 23 de abril de 2007, da Dirección Xeral de Recursos Mariños, manterá a súa vixencia ata a aprobación do Plan Camgal.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que contraveñan ou se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o/a titular da consellería competente na materia de loita contra a contaminación mariña accidental para que, no ámbito das súas competencias, dite as disposicións oportunas para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de xullo de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza