Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Mércores, 18 de xullo de 2012 Páx. 28619

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 10 de xullo de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos plans de reestruturación e reconversión de viñedo en Galicia e se convocan para o ano 2012.

O Regulamento (CE) 491/2009 do Consello, do 25 de maio, polo que se modifica o Regulamento (CE) 1234/2007 polo que se crea unha organización común de mercados agrícolas e se establecen disposicións específicas para determinados produtos agrícolas, incorpora, na súa totalidade, o sector vitivinícola ao Regulamento único para as OCM e recolle as decisións normativas adoptadas polo Regulamento (CE) 479/2008 do Consello, do 29 de abril, que establecía a Organización Común do Mercado Vitivinícola. Este Regulamento marcaba, entre outros obxectivos xerais, a mellora do equilibrio do mercado comunitario, introducindo, no título II un programa de apoio específico para o sector vitivinícola, consistente nunha serie de medidas de carácter financeiro cuxa finalidade é reforzar as estruturas competitivas dos produtores; entre estas medidas atópanse as axudas á reestruturación e reconversión dos viñedos, xa existentes na anterior Organización Común do Mercado Vitivinícola.

O Real decreto 244/2009, do 27 de febreiro, recolle a nivel nacional as disposicións comunitarias fixando as normas básicas para a implantación do réxime de reestruturación e reconversión no territorio do Estado.

Este decreto introduce a posibilidade, para as comunidades autónomas en que o tamaño medio das parcelas de viñedo é inferior a 0,1 hectárea, circunstancia en que se atopa Galicia, de fixaren o límite mínimo da superficie da parcela que se vai reestruturar. Así mesmo, permite que as comunidades autónomas cunha superficie media de parcelas de viñedo menor de 0,2 hectáreas establezan a superficie total mínima dos plans de reestruturación e reconversión de viñedo no seu territorio.

Por outra banda, consonte a Decisión da Comisión, do 4 de agosto de 2006, Galicia está incluída nas rexións que poden recibir o importe máximo de financiamento comunitario, no marco do obxectivo de converxencia, definido polo Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1260/1999.

A Orde do 29 de xaneiro de 2009, da Consellería do Medio Rural, foi a primeira normativa autonómica que desenvolveu a actual organización común do mercado vitivinícola no relativo ás axudas aos plans de reestruturación e reconversión de viñedo; ao abeiro das bases reguladoras previstas nesta orde convocáronse as axudas ata o ano 2011.

Porén, a experiencia na xestión destes últimos anos fai que sexa necesario elaborar unhas novas bases reguladoras que reflictan os diferentes aspectos que supoñan una xestión máis eficaz destas axudas.

Xunto a estas bases reguladoras, e co fin de acadar o máximo grao de execución financeira dos fondos comunitarios vixentes ata o 15 de outubro de 2013, cómpre publicar unha nova convocatoria destas axudas para este ano 2012.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto desta orde é regular as axudas aos plans de reestruturación e reconversión de viñedo en Galicia e convocalas, en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2012.

2. As bases reguladoras publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial da Consellería do Medio Rural e do Mar.

Sección 1ª Bases reguladoras

Artigo 2. Ámbito de aplicación

1. O réxime de axudas para reestruturación e reconversión de viñedos será de aplicación ao viñedo da comunidade autónoma galega destinado á produción de uva para vinificación.

2. O apoio para reestruturación e reconversión de viñedo só poderá concederse para unha ou varias das actividades seguintes:

a) A reconversión varietal.

b) A reimplantación de viñedos.

c) As melloras das técnicas de xestión de viñedos.

3. Non poderán acollerse a este réxime de axudas:

a) A renovación normal dos viñedos que chegaran ao final do seu ciclo natural, definida consonte o artigo 6 do Regulamento 555/2008 da Comisión, do 27 de xuño, como a replantación dunha mesma parcela de terra coa mesma variedade e segundo o mesmo método de cultivo.

b) As accións de reestruturación e reconversión que xa se beneficiasen destas axudas nos últimos dez anos, para esa mesma superficie de viñedo.

c) A renovación dos viñedos plantados ao abeiro dunha concesión de novas plantacións ata transcorridos 10 anos da dita plantación.

d) Os viñedos daqueles titulares que contraveñan a normativa vixente en materia de plantacións de viñedo, para calquera das superficies de viñedo da súa explotación.

Artigo 3. Definicións

Para os efectos de aplicación desta orde, entenderase por:

a) Titular do viñedo: persoa física ou xurídica ou agrupación de persoas físicas ou xurídicas, con independencia da forma xurídica da agrupación ou dos seus membros, que ten os dereitos de plantación ou replantación sobre o cultivo, ben como consecuencia dun dereito de propiedade, ou ben porque teña atribuído un dereito de disposición sobre o cultivo.

b) Propietario: persoa física ou xurídica ou agrupación de persoas físicas ou xurídicas, con independencia da forma xurídica da agrupación ou dos seus membros, que ten o título de propiedade sobre a parcela onde se atopa o viñedo.

c) Viticultor ou cultivador: persoa física ou xurídica, ou agrupación de persoas físicas ou xurídicas, con independencia da forma xurídica da agrupación ou dos seus membros, que obtén o produto anual da viña ben por ser o propietario, ou ben por ter atribuído un dereito de uso sobre o viñedo.

d) Parcela de viñedo: superficie continua de terreo en que un só viticultor cultiva o viñedo, cunha referencia alfanumérica única representada graficamente no Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas, en diante SIXPAC.

e) Parcela agrícola de viñedo: superficie continua de viñedo explotada por un mesmo viticultor.

f) Medida: conxunto de operacións tendentes a conseguir a reestruturación e/ou reconversión dunha superficie de viñedo determinada.

g) Campaña vitícola: campaña de produción do viñedo, en adiante campaña, que comeza o 1 de agosto de cada ano e remata o 31 de xullo do ano seguinte.

h) Agricultor mozo (AM): para estes efectos terase en consideración a definición dada na Lei 19/1995, de modernización das explotacións agrarias. Este aspecto comprobarase nos correspondentes controis que se realicen con posterioridade á aprobación da solicitude de axuda, se fose o caso.

i) Agricultor a título principal (ATP): para estes efectos terase en consideración a definición dada na na Lei 19/1995, de modernización das explotacións agrarias. Este aspecto comprobarase nos correspondentes controis que se realicen con posterioridade á aprobación da solicitude de axuda, se fose o caso.

Artigo 4. Requisitos dos beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das axudas previstas nesta orde os viticultores de Galicia –persoas físicas ou xurídicas, ou as súas agrupacións, e as comunidades de bens- que soliciten unha axuda á reestruturación e/ou reconversión de viñedo de acordo co disposto no artigo 103 octodecies do Regulamento (CE) 491/2009 do Consello, do 25 de maio, e na sección 2 do capítulo II do título II do Regulamento (CE) 555/2008 da Comisión, do 27 de xuño.

2. Deberán cumprir os requisitos establecidos nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. No caso de comunidade de bens ou sociedade civil poderá resultar beneficiaria da axuda, coa condición de que cumpra as exixencias previstas para estas agrupacións no artigo 8.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo que deberán facer constar expresamente, segundo o modelo do anexo XI desta orde, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Deberán nomear un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario correspondan á agrupación. Así mesmo, deberán acreditar a existencia dun pacto de indivisión da comunidade por un período mínimo de, polo menos, 10 anos contados a partir do 31 de xullo de 2013.

4. Os solicitantes deberán ter, no momento do remate do prazo da solicitude, as parcelas e os dereitos de plantación para os que solicitan a axuda inscritos no Rexistro Vitícola de Galicia. Isto non será de aplicación aos viticultores que soliciten a axuda para as superficies incluídas en zonas de concentración parcelaria en fase de acordo.

Artigo 5. Plans de reestruturación e reconversión de viñedo

1. O réxime de reestruturación e reconversión de viñedos levarase a cabo a través de plans de reestruturación e reconversión que agrupan aos viticultores e que conterán as medidas solicitadas por cada un deles para as súas explotacións.

2. Os plans de reestruturación e reconversión poderán ser de dous tipos:

a) Colectivos: constituídos por un mínimo de 5 viticultores.

b) Individuais.

3. Os plans colectivos de reestruturación e reconversión realizaranse no marco dun acordo celebrado entre os todos os viticultores participantes. Este acordo incluirá a designación dun representante que se encargará das relacións coa Consellería do Medio Rural e do Mar.

Artigo 6. Requisitos dos plans de reestruturación e reconversión de viñedo

Para poder acceder a estas axudas, cumpriranse os seguintes requisitos:

1. A superficie total reestruturada e/ou reconvertida no marco dun plan de reestruturación e reconversión de viñedo será de, polo menos, 1 hectárea para os plans colectivos e 0,5 hectáreas para os plans individuais.

2. A parcela agrícola de viñedo, unha vez reestruturada ou reconvertida, terá que ser de, polo menos, 100 m2.

Malia o anterior, nos casos en que a medida se limite a accións de reenxerta e/ou cambio de sistema de condución, a superficie mínima será aquela con que a parcela figura no rexistro vitícola.

3. O límite máximo de superficie subvencionable para reestruturar ou reconverter por viticultor será de 15 hectáreas.

4. Poderanse utilizar dereitos de replantación procedentes de fóra das explotacións ata un límite dun 20% da superficie total do plan. Para estes efectos, non se computarán os dereitos de plantación achegados polos agricultores mozos.

5. Unha vez finalizada a medida, a/s variedade/s da parcela incluídas total ou parcialmente no plan, deberán ser das clasificadas como recomendadas para a Comunidade Autónoma de Galicia.

6. Será obrigatorio o emprego de portaenxertos certificados.

7. A densidade máxima de plantación admitida será de 5.000 plantas/ha. Ademais, no ámbito das denominacións de orixe ou indicacións xeográficas «viño da terra», deberán respectarse os límites de densidade de plantación establecidos polas súas normativas reguladoras.

8. Non se poderán acoller a este réxime de axudas aquelas superficies localizadas en zonas en proceso de concentración parcelaria en fases anteriores ao acordo, agás que o servizo territorial de Infraestruturas Agrarias informe que a execución dos investimentos de reestruturación e reconversión de viñedo non interfire no proceso de concentración parcelaria.

Artigo 7. Axudas

1. Poderanse conceder axudas na campaña vitícola 2012/13 para:

a) Participar nos custos da reestruturación e/ou reconversión do viñedo.

b) Compensar os viticultores participantes no plan pola perda de ingresos derivados da súa aplicación.

2. As operacións de reestruturación e reconversión financiables, e os custos unitarios máximos que se aplicarán ás ditas operacións son os que se recollen no anexo VII.

3. A porcentaxe de axuda sobre os investimentos finalmente aprobados, prevista na alínea a) do punto 1, será, como máximo, do 75% no caso dos plans colectivos, e do 63,75% no caso dos plans individuais. Para a operación de elevadores, esta porcentaxe máxima será do 50% e 42,50%, respectivamente.

4. A compensación aos viticultores pola perda de renda prevista na alínea b) do punto 1 concederase durante dúas campañas. O seu importe máximo será de 1.600 €/ha en cada campaña.

Non terán dereito á compensación por perda de ingresos aquelas superficies reestruturadas coa achega dun dereito de replantación non xerado da aplicación do plan de reestruturación nin aquelas superficies en que a medida só comprenda a operación de instalación de elevadores.

Cando as accións que se leven a cabo sobre unha parcela de viñedo sexan a reconversión varietal e/ou o cambio do sistema de condución, concederase a compensación por perda de ingresos para esa superficie por unha soa campaña.

5. Para determinar o importe de axuda a que ten dereito un viticultor pola reestruturación e/ou reconversión dunha superficie de viñedo, a medición da parcela efectuarase seguindo o método establecido no artigo 18 desta orde.

6. Para ter dereito ao pagamento da axuda, o viticultor deberá executar a reestruturación e/ou reconversión en, polo menos, o 80% da superficie para a cal se lle concedeu a subvención.

Artigo 8. Operacións de reestruturación e/ou reconversión elixibles

1. Respecto das operacións de reestruturación/reconversión deberán observarse os seguintes aspectos:

a) Non se financiarán os custos da arrinca naquelas superficies en que se utilicen dereitos de replantación non xerados na aplicación do plan de reestruturación.

b) A necesidade de realizar unha desinfección do terreo xustificarase achegando unha análise de solo realizada por un laboratorio recoñecido.

Unicamente será subvencionable a desinfección do terreo cando o produto empregado estea autorizado no Rexistro de Produtos e Materiais Fitosanitarios. A persoa ou empresa que efectúe o tratamento deberá ter a cualificación adecuada e, no caso de que sexa unha empresa a que o realice, figurará inscrita nalgún rexistro oficial de establecementos e servizos praguicidas (ROESP).

Será obrigatorio comunicar por escrito ao servizo territorial de Explotacións Agrarias, con polo menos 10 días de antelación, a data e a hora en que se realizará esta operación, así como o produto que se vai empregar e a persoa ou empresa que levará a cabo a aplicación, achegando a copia do contrato neste último caso.

c) Só se poderá financiar a operación de socalcamento cando a pendente media da parcela sexa igual ou superior ao 15% e a mura, no caso de non deixar o talude de terra, se constrúa a base de materiais propios da zona.

Para modular o investimento desta operación, será necesaria a presentación dunha memoria ou, dun proxecto, elaborados por un técnico agrario, de acordo co que se establece na alínea r) do número 2 do artigo 9 desta orde.

Cando esta operación afecte a menos de 2 hectáreas, poderase incluír man de obra propia ata un 70% do investimento; se a superficie é maior, a man de obra deberá ser allea, na súa totalidade.

d) En parcelas cuxa pendente supera o 30%, será financiable a instalación de equipos elevadores homologados, e de cor negra, consonte os seguintes parámetros:

Pendente do terreo

Superficie mínima financiable (ha)

31% a 40%

0,3500

41% a 50%

0,2500

máis do 50%

0,2000

Non se subvencionará esta operación se na mesma parcela agrícola de viñedo xa existen elevadores a menos de 150 metros da localización solicitada.

e) Os protectores subvencionables consistirán en proteccións individualizadas para cada planta nova ou reenxertada no pé.

2. A Consellería do Medio Rural e do Mar efectuará, con anterioridade á concesión das axudas, unha comprobación inicial sobre o terreo dos datos incluídos na solicitude e determinará, en función das características da parcela, a necesidade das operacións de retirada de pedras e/ou a de nivelación do terreo se estas accións están incluídas no expediente.

3. Non se subvencionarán aquelas operacións que, na data da inspección inicial a que fai referencia o parágrafo anterior, xa estivesen executadas ou comezase a súa execución. Malia o anterior, a operación de arrinca pode realizarse a partir da data de presentación da solicitude de reestruturación do viñedo.

Artigo 9. Solicitudes e documentación

1. As axudas aos plans de reestruturación e/ou reconversión de viñedo serán presentadas, segundo o previsto nesta orde e no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, preferentemente nos rexistros das oficinas agrarias comarcais, polo representante do plan, para o caso dos plans colectivos, ou polo propio viticultor solicitante no caso de plans individuais. Tamén se poderá presentar a solicitude electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo: http://www.xunta.es/sede-electronica

2. Xunto coa solicitude, axustada ao modelo do anexo I, achegarase a seguinte documentación:

a) Para os plans colectivos, copia do DNI, en vigor, do representante, no caso de non prestar autorización á Consellería do Medio Rural e do Mar para a consulta dos seus datos de identidade no Sistema de Verificación de Datos de Identidade do Ministerio da Presidencia.

b) Para os plans colectivos, acordo asinado por todos os viticultores participantes, axustado ao anexo II.

c) Se o plan é colectivo, superficie e axuda solicitada por cada viticultor, segundo o modelo do anexo III.

Á parte desta documentación xeral relativa ao plan, para cada un dos viticultores participantes, incluirase:

d) Copia do DNI, en vigor, cando sexan persoas físicas, no caso de non prestaren autorización á Consellería do Medio Rural e do Mar para a consulta dos seus datos de identidade no Sistema de Verificación de Datos de Identidade do Ministerio da Presidencia.

e) Para as persoas xurídicas, copias do NIF e da escritura ou do documento de constitución ou modificación onde consten os estatutos vixentes, e copia do DNI do representante da entidade, no caso de non prestar autorización á Consellería do Medio Rural e do Mar para a consulta dos seus datos de identidade no Sistema de Verificación de Datos de Identidade do Ministerio da Presidencia, xunto coa acreditación da súa representatividade.

f) No caso de comunidades de bens, copia da escritura ou documento de constitución ou modificación onde consten os estatutos vixentes, máis as copias dos DNI, en vigor, dos comuneiros, no caso de non prestar autorización á Consellería do Medio Rural e do Mar para a consulta dos seus datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio da Presidencia.

g) Se o solicitante non é o propietario da superficie, nin o titular do viñedo que se quere reestruturar ou reconverter:

1. Escrito de autorización do propietario ou do titular para executar a medida.

2. Copia do DNI do propietario ou do titular no caso de non prestar autorización á Consellería do Medio Rural e do Mar para a consulta dos seus datos de identidade no Sistema de Verificación de Datos de Identidade do Ministerio da Presidencia.

3. Documentación acreditativa da propiedade ou titularidade das parcelas cando non estean inscritas no rexistro vitícola ou non coincida o propietario ou o titular actual co que figura neste.

h) Solicitude do viticultor que conterá os datos xerais deste, axustándose ao modelo do anexo IV, a localización e características das parcelas e a procedencia dos dereitos de plantación ou replantación incluídos na solicitude conforme o anexo V, así como o investimento previsto en cada parcela segundo o anexo VI.

i) Declaración xurada do titular do viñedo, segundo o anexo VIII, de que todas as superficies de viñedo da súa explotación cumpren a normativa vixente en materia de plantacións de viñedo.

j) Declaración xurada do solicitante da axuda, axustada ao modelo do anexo IX, de que non solicitou nin se lle concedeu ningunha outra axuda para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra administración pública.

k) Se o viticultor non presentara a solicitude única de axudas establecida no Real decreto 1612/2008, do 3 de outubro, sobre aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría, achegará unha relación das referencias alfanuméricas SIXPAC de todas as parcelas agrícolas que forman parte da súa explotación, consonte o anexo X, para os efectos do control da condicionalidade establecido no artigo 21º. Se durante o período en que deben cumprirse os requisitos legais de xestión e as boas condicións agrarias e ambientais, se produciren cambios nas parcelas da explotación dun titular que recibise un pagamento á reestruturación e reconversión de viñedo, este deberá actualizar a relación das parcelas da súa explotación antes do 30 de abril.

l) Cartografía actualizada e identificación dos recintos SIXPAC incluídos na solicitude, tanto dos iniciais, se se incorpora ao plan co viñedo sobre o terreo, como dos finais onde vai situarse a parcela reestruturada, cando esta non coincida coa inicial ou cando achega ao plan dereitos de plantación e/ou replantación de viñedo. No caso de zonas de concentración parcelaria en que non estivera actualizado o SIXPAC, a identificación das parcelas que se vaian reestruturar ou reconverter farase de acordo coa cartografía que serviu de base para a súa adxudicación.

m) Plano acoutado indicativo da superficie que se vaia reestruturar ou reconverter cando esta non coincida cun recinto completo do SIXPAC.

n) Se o viticultor se incorpora ao plan co viñedo en campo, copia da ficha do rexistro vitícola ao seu nome.

ñ) Se o viticultor presenta dereitos de plantación ou replantación, acreditación administrativa destes:

1. Copia do impreso de arrinca A dilixenciado pola comunidade autónoma ou copia da notificación da resolución de recoñecemento dos dereitos de replantación procedentes dunha arrinca, de ser o caso.

2. Copia da notificación ou da resolución de autorización da transferencia, cando os dereitos procedan de fóra da explotación ou,

3. Copia da notificación ou da resolución de concesión, no caso de dereitos de nova plantación.

o) Cando o sistema de condución previsto para a parcela reestruturada sexa emparrado ou similar, o solicitante deberá achegar unha descrición do dito sistema e un orzamento detallado do investimento, desagregando materiais e man de obra e indicando se esta é propia ou allea.

p) Análise do solo realizada por un laboratorio recoñecido se o viticultor solicita a desinfección do terreo.

q) Solicitude da autorización de arroteamento nas implantacións de viñedo en terreo forestal e da solicitude de modificación de uso no SIXPAC.

r) Se algunha medida inclúe o socalcamento, presentarase unha memoria xustificativa que inclúa:

1. Localización e pendente media da parcela.

2. Características construtivas: unidades de obra e materiais en que se realizará a mura, planos cos perfís lonxitudinais e curvas de nivel, planos de planta e perfil das muras previstas e número de socalcos.

3. Orzamento detallado dos traballos que se van desenvolver, desagregando materiais e man de obra e indicando, respecto a esta, a porcentaxe que é propia e/ou allea.

s) Cando a solicitude do viticultor inclúa a instalación de equipamentos elevadores, achegarase un bosquexo que indique a súa localización e dimensións, así como a factura pro forma pola totalidade do investimento solicitado totalmente desagregado.

t) Acreditación da condición de agricultor a título principal, de ser o caso, que constará de Informe de vida laboral e copia da declaración do IRPF do último exercicio.

u) Copia dos lotes asignados no acordo da concentración parcelaria, a que se refire o artigo 11.1, con data posterior ao 20 de marzo de 2011.

v) Para aquelas solicitudes cuxo peticionario sexa unha comunidade de bens, pacto de indivisión de, polo menos, 10 anos contados a partir do 31 de xullo de 2013.

Artigo 10. Autorizacións e obrigas do beneficiario

1. De acordo co artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de axuda á reestruturación e reconversión de viñedo polo interesado comportará a autorización á Dirección Xeral de Produción, Agropecuaria para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellaría competente en materia de facenda da Xunta de Galicia. Porén, segundo o disposto no artigo 51.1.l) da Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, quedan exentos de achegar os xustificantes do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, ou ser debedor ou debedora por resolución de procedencia de reintegro, os beneficiarios e as beneficiarias das subvencións que non superen os 1.500 euros.

2. De conformidade co artigo 15 da antedita Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería do Medio Rural e do Mar publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial, nos termos previstos no artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, as concesións das subvencións convocadas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada web.

3. Segundo o establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

4. As superficies acollidas aos plans de reestruturación e reconversión do viñedo, deberán permanecer en cultivo un período mínimo de dez anos contados desde a campaña vitícola seguinte á finalización da execución da medida.

5. O viticultor deberá cumprir as obrigas do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e comunicarlle ao órgano concedinte a obtención doutras axudas, ingresos ou recursos que financien a actividade subvencionada, así como a modificación de calquera das circunstancias que fundamentasen a concesión da axuda.

6. Así mesmo, o beneficiario ten a obriga de dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento da axuda concedida.

Artigo 11. Distribución do crédito e criterios de prioridade

1. Distribución do crédito das axudas á reconversión e reestruturación de viñedo.

Resérvanse as seguintes porcentaxes da dispoñibilidade orzamentaria prevista en cada convocatoria de axudas, segundo o tipo de solicitante:

a) Solicitantes de plans colectivos ou individuais de superficies de viñedo procedentes exclusivamente de lotes asignados en acordos de concentración parcelaria de data posterior ao 20 de marzo de 2011: 50%.

b) Solicitantes de plans colectivos ou individuais distintos dos anteriores: 50%.

2. Criterios de prioridade.

Dentro de cada grupo daráselles primeiramente prioridade aos plans colectivos sobre os plans individuais, e sobre esta prioridade ordearanse as solicitudes segundo a seguinte prelación:

a) Superficie reestruturada de viñedo exenta da aplicación do réxime de abandono de viñedo establecido na Orde do 11 de agosto de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras das primas para o réxime de abandono de viñedo e se convocan para o ano 2008, maior do 50% da superficie pola que se solicita: 4 puntos.

b) Superficie reestruturada de viñedo baixo o ámbito dunha denominación de orixe ou indicación xeográfica Viño da terra, maior do 50% da superficie pola que se solicita: 1 punto.

c) Superficie reestruturada de viñedo situada en zonas desfavorecidas, de acordo coas categorías establecidas no capítulo V do Regulamento 1257/99, do 17 de maio, e consonte a relación de concellos recollida na Directiva 86/466/CEE do Consello, do 14 de xullo, maior do 50% da superficie pola que se solicita: 3 puntos.

d) Agricultores mozos ou beneficiarios dunha axuda á incorporación de mozos á actividade agraria respecto ao total de viticultores que integran o plan, maior do 50% do total dos solicitantes: 3 puntos.

e) Agricultores a título principal respecto do total de viticultores que integran o plan maior do 50% do total dos solicitantes: 3 puntos.

4. En caso de igualdade de puntuación daráselles prioridade aos de maior porcentaxe de agricultores mozos respecto do total, e no caso de manterse o empate, a prioridade na aprobación será para os de maior porcentaxe de agricultores a título principal.

5. Unha vez que se realice a baremación, e no suposto de existir remanente nalgún dos dos grupos que se establecen no número 1, poderase utilizar a dita cantidade para financiar solicitudes do outro grupo.

Artigo 12. Tramitación dos plans

1. O órgano instrutor do procedemento será a Dirección Xeral de Produción, Agropecuaria, quen poderá solicitarlles aos beneficiarios da subvención cantas aclaracións e ampliacións de información ou documentos sexan precisos para a adecuada tramitación do procedemento e, en xeral, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba ditarse a resolución.

2. Se os impresos de solicitude non están debidamente cubertos, se non se achega a documentación establecida ou se o expediente presenta defectos corrixibles, requirirase o viticultor para que, nun prazo máximo de dez días hábiles, contados a partir da recepción do requirimento, presente, persoalmente ou a través do representante do plan, a documentación que falte ou emende o erro da solicitude, con advertencia de que, de non facelo así, se entenderá que desiste da súa petición, logo de resolución ditada en tal sentido, de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, na súa redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

3. A avaliación das solicitudes levaraa a cabo un órgano colexiado, que estará presidido pola subdirectora xeral de Apoio ás Explotacións Agrarias, e integrado por tres funcionarios desa mesma subdirección xeral con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario.

4. O órgano colexiado valorará as solicitudes conforme os criterios de prioridade previstos no artigo 11 desta orde e emitirá un informe en que concretará o resultado da avaliación. Con base neste informe, o director xeral de Produción, Agropecuaria, formulará a proposta de resolución ao secretario xeral de Medio Rural e Montes, que resolverá por delegación da conselleira do Medio Rural e do Mar.

Artigo 13. Resolución

O prazo máximo para resolver as subvencións será o 31 de decembro de 2012. Se transcorre o citado prazo máximo sen ditar resolución expresa o órgano competente, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes, para os efectos da interposición dos correspondentes recursos potestativos de reposición e contencioso-administrativo.

Artigo 14. Modificacións dos plans. Subrogacións

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Calquera cambio sobre os investimentos que se consideraron elixibles deberá ser solicitado nos seis meses posteriores á data de resolución aprobatoria e autorizado polo secretario xeral do Medio Rural e Montes, por delegación da conselleira do Medio Rural e do Mar con anterioridade á execución destes. Isto supón que os xustificantes do gasto e do pagamento destes novos investimentos autorizados deberán ter data posterior á dita autorización.

3. A modificación da modalidade de pagamento, o cambio dunha variedade aprobada por outra recomendada na Comunidade Autónoma de Galicia e o cambio do portaenxerto aprobado por outro que tamén sexa certificado, deberán ser comunicados polo beneficiario da axuda antes da execución das melloras, non precisando nova resolución de aprobación.

4. Poderán autorizarse como modificacións os plans complementarios que se incorporen a agrupacións de viticultores xa establecidas, ao abeiro desta normativa, co fin de sumar número de participantes ou superficie para acadar os mínimos establecidos, ou ben para facer uso dos remanentes de dereitos de transferencias que tiveran os plans orixinais.

5. Para que se autorice a subrogación dos dereitos e obrigas derivados da axuda concedida cumpriranse os seguintes requisitos:

a) Que a totalidade das accións sexa executada sobre a nova parcela.

b) Que a parcela que se pretenda subrogar sexa das mesmas ou análogas características que a inicialmente considerada.

c) Se se autoriza a subrogación a un novo viticultor, este deberá asumir os compromisos adquiridos polo viticultor a que se concedeu a axuda.

Artigo 15. Xustificación dos investimentos e documentación

1. Só serán auxiliables os investimentos que se realicen e que se xustifique o seu gasto e pagamento, con posterioridade á data de presentación da solicitude e con anterioridade á data límite de realización dos investimentos, sempre e cando recaia resolución aprobatoria da axuda sobre os ditos investimentos.

2. Os investimentos elixibles xustificaranse coa seguinte documentación:

a) Copia da notificación da resolución de recoñecemento de dereitos de replantación procedentes da arrinca de viñedo das parcelas que na solicitude se incluíron como dereitos de viñedo existentes no terreo.

b) Copia da notificación da autorización para plantación de viñedo.

c) En caso de sobreenxerta, copia da ficha do rexistro vitícola actualizada que recolla o cambio de variedade.

d) Factura da planta certificada expedida por un viveiro autorizado.

e) A desinfección de solo xustifícase coa factura polo importe total do investimento ou coa factura do produto empregado, segundo a aplicación dos fitosanitarios fose realizada ou non por unha empresa. Ademais, deberá achegarse unha copia da ficha dos tratamentos fitosanitarios da explotación en que figure rexistrada esta aplicación.

f) Factura de socalcamento: se este foi realizado con man de obra allea, a factura será pola totalidade do investimento; no caso de que a man de obra fose propia, achegarase factura de materiais por, polo menos, o 30% do investimento.

g) Nas implantacións de viñedo en terreo forestal, autorización de arroteamento e solicitude de modificación de uso no SIXPAC.

h) Se o sistema de condución da parcela reestruturada é emparrado ou similar, factura dos materiais e da man de obra se esta é allea.

i) Facturas de protectores, cando esta operación foi aprobada.

j) Factura da instalación dos elevadores, xunto co certificado de homologación.

k) Copia da toma de posesión das superficies que foron obxecto de concentración parcelaria.

l) Declaración xurada do solicitante da axuda de que non solicitou nin lle foi concedida ningunha outra axuda para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra administración pública, axustada ao modelo do anexo IX.

m) Cando o beneficiario sexa agricultor mozo, acreditará esta condición mediante informes de vida laboral e da Axencia Estatal da Administración Tributaria nos que figure de alta na actividade agraria.

n) Calquera outra documentación xustificativa das operacións realizadas cando así se considere necesario.

3. Os xustificantes do gasto consistirán, de forma xeral, nas facturas orixinais, acreditativas dos investimentos que cumpran as exixencias que establece a Axencia Tributaria (Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro).

4. No caso de presentar fotocopias das facturas, achegará tamén os orixinais para seren dilixenciados pola Administración, co texto «financiado con Fondos Comunitarios».

5. As facturas deberán cumprir, como mínimo, os seguintes requisitos:

a) Número e, se é o caso, serie.

b) A data da súa expedición.

c) Nome e apelidos, razón ou denominación social completa, tanto do obrigado a expedir factura como do destinatario das operacións.

d) Número de identificación fiscal atribuído pola Administración española ou, se é o caso, pola doutro Estado membro da Comunidade Europea, co que realizou a operación o obrigado a expedir a factura.

e) Domicilio, tanto do obrigado a expedir factura como do destinatario das operacións.

f) Descrición das operacións, coa consignación de todos os datos necesarios para a determinación da base impoñible do imposto, correspondente a aquelas, e o seu importe, incluíndo o prezo unitario sen imposto das ditas operacións, así como calquera desconto ou rebaixa que non estea incluído no devandito prezo unitario.

g) O tipo impositivo ou tipos impositivos, se é o caso, aplicados ás operacións.

h) A cota tributaria que, se é o caso, lle repercuta, deberá consignarse por separado.

i) A data en que se efectuasen as operacións que se documentan sempre que se trate dunha data distinta á de expedición da factura.

j) No caso de que unha operación estea exenta ou non suxeita ao IVE, especificarase o artigo da normativa referida ao IVE que así o recoñece.

k) Con carácter xeral, só se considerará subvencionable a base impoñible que figure na factura, salvo que se trate dunha entidade non suxeita, exenta de IVE ou suxeita á regra de pro rata; nestes casos, deberá xuntarse a documentación xustificativa desta circunstancia (declaración de non suxeición ou exención de do IVE emitida pola AEAT e, no caso de aplicación da regra de pro rata, o modelo 390 de declaración resumo anual IVE correspondente ao último exercicio en que figure a porcentaxe de dedución ou pro rata).

l) Non se admitirán como xustificantes de gasto albarás, notas de entrega, facturas pro forma, tíckets cando sexa obrigatoria a expedición de factura, nin as facturas que non conteñan todos os requisitos citados para a súa consideración como tal ou cuxa data non se axuste aos prazos citados.

m) Unha partida do orzamento auxiliable poderá xustificarse mediante unha ou varias facturas relativas aos conceptos de gasto incluídos na dita partida, sempre que a dita partida admita a desagregación en distintos conceptos.

6. O xustificante do pagamento de facturas realizarase mediante a presentación de orixinal e copia, para a súa compulsa e selaxe, dalgún dos documentos que se relacionan a seguir:

a) Como regra xeral, presentarase a factura definitiva e o xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (xustificante de transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo na entidade, certificación bancaria etc.), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación do beneficiario que paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura. No caso de que o xustificante bancario sexa transferencia bancaria deberá ser orixinal ou copia cotexada, e estará selado pola entidade bancaria.

b) Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio etc.) achegarase a factura xunto coa copia do efecto mercantil, acompañada da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto etc.) en que conste claramente que o dito efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

c) No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas imputadas ao proxecto, deberán identificarse no documento do pagamento as facturas obxecto do pagamento.

d) No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura a que se imputa o pagamento, e xuntarase unha relación de todos os documentos de pagamento e importes acreditativos do pagamento desa factura.

e) No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, deberá identificarse claramente no documento de pagamento a factura ou facturas cuxo pagamento se imputa ao proxecto.

f) No caso de facturas en moeda estranxeira, deben xuntarse os documentos bancarios de cargo en que conste o cambio utilizado.

7. Tras a comunicación de finalización dos investimentos, o persoal técnico agrícola da Consellería do Medio Rural e do Mar realizará as correspondentes certificacións sobre o terreo.

8. Para determinar a axuda definitiva a que ten dereito un viticultor, as superficies reestruturadas ou reconvertidas serán medidas seguindo o método establecido no artigo 18 desta orde.

9. Cando o custo da unidade de planta reflectido na factura achegada para xustificar esta operación sexa inferior a 1 euro, o investimento certificarase segundo o custo unitario e o número de cepas que figura na dita factura.

Artigo 16. Prazos de execución dos investimentos

1. Con independencia da modalidade de pagamento elixida, o prazo máximo de execución dos plans é o 31 de xullo de 2013. Os viticultores ou o representante do plan deberán comunicar por escrito, con anterioridade a este prazo, que finalizaron as melloras. No caso de non o facer así, poderase entender que non se realizaron os investimentos aprobados.

2. O pazo máximo para a presentación da documentación xustificativa dos investimentos farase xunto coa comunicación do remate dos traballos, e nunca con posterioridade ao 31 de xullo de 2013.

3. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado esta, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 17. Modalidades de pagamento das axudas

1. As axudas á reestruturación e reconversión do viñedo pagaranse despois da comprobación, por un técnico agrario da Consellería do Medio Rural e do Mar, da execución de cada medida conforme o aprobado.

2. Non obstante o disposto no número anterior, os participantes nos plans, naqueles casos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos, poderán solicitar un anticipo polo 50% da axuda aprobada cando cumpran as seguintes condicións:

a) Ter comezada a execución da medida para a cal se solicita o anticipo. Para estes efectos, considérase que comezou a execución cando se teña realizado a arrinca da plantación ou se achegue factura de compra da planta xunto co xustificante bancario que acredite o seu pagamento, ou se demostre ou verifique fidedignamente calquera outra operación de carácter irreversible.

b) Ter constituída unha garantía financeira por un importe igual ao 120% do anticipo da axuda.

Artigo 18. Medición das superficies reestruturadas e/ou reconvertidas

Para a determinación da axuda a que ten dereito o viticultor pola reestruturación e/ou reconversión dunha superficie de viñedo, observarase o disposto no artigo 75 do Regulamento (CE) nº 555/2008 da Comisión, do 27 de xuño, que establece que unha superficie plantada de viñedo se define mediante o perímetro externo das cepas máis unha marxe cuxa anchura corresponda á metade da distancia entre as filas. A superficie plantada determinarase segundo o disposto no artigo 30 do Regulamento (CE) nº 796/2004 da Comisión.

Artigo 19. Controis

1. Os controis, tanto administrativos como sobre o terreo, desenvolveranse tendo en conta os principios xerais do sistema integrado de xestión e control previstos no título II, capítulo 4, do Regulamento (CE) nº 73/2009 do Consello, do 19 de xaneiro.

2. A Consellería do Medio Rural e do Mar adoptará as medidas de control necesarias para garantir o cumprimento das actuacións previstas no plan xeral de control establecido polo Fondo Español de Garantía Agraria.

3. Con independencia do plan xeral de control a que se refire o parágrafo anterior, a Consellería do Medio Rural e do Mar poderá desenvolver todas aquelas actuacións de control que considere precisas.

4. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 20. Reintegros e réxime sancionador

1. No caso de pagamento indebido, o beneficiario deberá reembolsar os importes máis os xuros que lle correspondan. O tipo de xuro que se aplicará será o de demora establecido na correspondente Lei de orzamentos xerais do Estado.

2. No caso de fraude ou neglixencia grave, o beneficiario reembolsará o dobre da diferenza entre o importe inicialmente aboado e o importe realmente debido.

3. Segundo o establecido no número 6 do artigo 7, se o viticultor cobrara anticipo e non alcanzara a porcentaxe de execución do 80% da superficie, reembolsará o dito importe máis os xuros legais contados desde a data de pagamento do anticipo, salvo causa de forza maior ou circunstancias excepcionais.

4. Igualmente, cando se concedera un anticipo para a realización dunha medida, e unha vez executada a reestruturación e/ou reconversión, a axuda definitiva a que ten dereito resultara inferior ao importe do anticipo, o viticultor reembolsará a diferenza entre o anticipo percibido e a axuda que lle corresponde, máis os xuros legais contados desde o momento do pagamento do anticipo, salvo causa de forza maior ou circunstancias excepcionais.

5. Se unha medida pola que se percibiu anticipo non se executara no prazo máximo previsto no artigo 16 do final da segunda campaña vitícola seguinte á do pagamento do anticipo e, antes do 31 de xullo de 2013, o viticultor deberá reintegrar todo o anticipo máis os xuross legais contados desde a data do pagamento, salvo causa de forza maior ou circunstancias excepcionais.

6. O beneficiario que incumpra a obriga de manter en cultivo as superficies acollidas a estas axudas un período mínimo de dez anos contados desde a campaña seguinte á finalización da execución, deberá devolver a axuda percibida máis os xuros legais devindicados desde a data do pago, salvo causa de forza maior ou circunstancias excepcionais.

7. A non execución das accións para as que se solicita a axuda será considerada como infracción leve segundo o previsto no artigo 38.1.g) da Lei 24/2003, do 10 de xullo, da viña e do viño, e sancionarase de conformidade co establecido no artigo 42.1 da citada lei.

8. Á parte do disposto nos parágrafos anteriores, aos beneficiarios das axudas á reestruturación e/ou reconversión de viñedo aplicaráselles o réxime de infraccións e sancións establecido nos artigos 50 a 68 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

9. Para o non establecido nesta orde terase en conta o título II (Reintegro de subvencións) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 21. Condicionalidade

Se se constata que un beneficiario, en calquera momento ao longo dos tres anos seguintes ao pagamento da axuda recibida en virtude da presente orde, non respectou na súa explotación os requisitos legais de xestión e as boas condicións agrarias e ambientais a que se refiren os artigos 4 a 6 do Regulamento (CE) nº 73/2009 do Consello, do 19 de xaneiro, e este incumprimento se deba a unha acción ou omisión imputable directamente ao beneficiario, o importe da axuda reducirase ou cancelarase, parcial ou totalmente, dependendo da gravidade, alcance, persistencia e repetición do incumprimento, e o beneficiario deberá reintegralo, se procede, de acordo co establecido na dita normativa.

Sección 2ª Convocatoria

Artigo 22. Convocatoria

Convócanse para o ano 2012, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas aos plans de reestruturación e reconversión de viñedo en Galicia, de acordo coas bases reguladoras establecidas na sección primeira desta orde.

Artigo 23. Prazo de presentación das solicitudes de axuda

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se o mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 24. Financiamento

1. As axudas aos plans de reestruturación e reconversión do viñedo en Galicia estarán financiadas con cargo á aplicación orzamentaria 16.22.713-C 772.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012.

2. A súa dotación para o exercicio 2012 será dun millón novecentos corenta mil (1.940.000,00) euros. Para o exercicio futuro 2013, tamén con cargo á aplicación orzamentaria 16.22.713-C 772.1, disporase de cincocentos vinte cinco mil (525.000,00) euros. Estas dotacións poderán verse incrementadas con outros remanentes orzamentarios, segundo os supostos a que se refire o artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición transitoria

As disposicións contidas nesta orde respecto ao 31 de xullo de 2013, data máxima de execución dos plans, axustaranse ao que estableza a normativa europea e estatal que se publique con posterioridade á entrada en vigor desta orde, se a houber.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o director xeral de Produción Agropecuaria para ditar as instrucións que considere oportunas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2012

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

ANEXO VII
Operacións de reestruturación e reconversión financiables

Operación

Custos unitarios máximos (€/hectárea)

Arrinca

421

Preparación do solo

962

Plantación:

 

Planta e plantación (ud.) *

2,07

Outros custos de plantación

240

Custos de cultivo

1.052

Espaller

3.500

Palizada

4.958

Emparrado ou similar

15.000

Cambio de vaso a outro sistema de condución

3.649

Desinfección

2.104

Retirada de pedras

391

Nivelación do terreo

601

Socalcamento

18.752

Socalcamento con muras de pedra en pendentes superiores ao 30%

30.000

Elevador**

110

Protección de planta nova

1.202

Sobreenxerta:

 

Enxerta (ud.) *

0,60

 Outros custos enxerta

1.202

* Custos referidos a cada planta

** €/ml

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file