Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Luns, 20 de agosto de 2012 Páx. 33162

I. Disposicións xerais

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 172/2012, do 1 de agosto, polo que se regula a Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía.

O Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, órgano da Administración da Comunidade Autónoma ao cal lle corresponden as competencias e funcións en materia de ambiente, ordenación do territorio e urbanismo, vivenda e solo, infraestruturas, mobilidade, e conservación da natureza, consonte o establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos termos sinalados na Constitución española. O artigo 4 do Decreto 44/2012, sinala que o/a conselleiro/a é a autoridade superior da consellería e con tal carácter está investido/a das atribucións enumeradas no artigo 34 da Lei de Galicia 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

A Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía creouse polo Decreto 148/2003, do 9 de xaneiro, como un órgano de coordinación técnica dos departamentos, organismos e entes da Administración autonómica galega nas súas actuacións en materia de sistema de información xeográfica e cartográfica, adscrito inicialmente á Consellería de Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública. O Decreto 188/2003, do 27 de febreiro, modificou a súa adscrición desde a dita consellería á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

A necesidade de contar cun departamento que puidese desenvolver e dar soporte técnico en materia de cartografía e sistemas de información xeográfica á devandita comisión e a obriga de coordinar e pór en marcha a Infraestrutura de Datos Espaciais de Galicia (IDEG), en que estivesen incluídas as deputacións provinciais e os concellos, implicou a adaptación da composición da comisión para dar cabida a estas institucións e a utilización do Sistema de Información Territorial de Galicia (Sitga), como soporte técnico para o desenvolvemento das funcións asignadas á comisión, a través do Decreto 394/2009, do 8 de outubro, que adscribe esta Comisión á Conselleria de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a través da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe.

A disposición derradeira cuarta da Lei 15/2010, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, modificou o artigo 10 da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, engadindo, entre as funcións do Instituto de Estudos do Territorio, a da compilación e tratamento da información do territorio galego, así como a produción cartográfica para as diferentes consellerías e organismos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, función en estreita vinculación coas funcións asignadas á Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía, polo Decreto 148/2003, do 9 de xaneiro. Esta comisión está adscrita á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, dirección que pasa a integrarse no Instituto de Estudos do Territorio, polo que se considera xustificada a adscrición da Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía ao Instituto de Estudos do Territorio.

De conformidade co artigo 16 da Lei 15/2010, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, autorizouse o Consello da Xunta de Galicia para proceder á disolución ao abeiro do previsto nos artigos 45 e seguintes da Lei 3/1985, do 12 de abril, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e nos artigos 360 e seguintes do Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades de capital, da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia. Desde o momento en que se produza a extinción da personalidade xurídica da sociedade anónima, o Instituto de Estudos do Territorio, en función das novas competencias atribuídas e a estrutura necesaria para o seu desenvolvemento, subrogarase nos dereitos e obrigas da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, no que se refire á Subdirección do Sistema de Información Territorial de Galicia (Sitga), modificacións recollidas polo Decreto 244/2011, do 29 de decembro.

O Decreto 19/2011, do 10 de febreiro, polo que se aproban definitivamente as directrices de ordenación do territorio establece como determinacións excluíntes 10.1.20 e 10.1.21, previstas no artigo 9 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, para a aplicación, desenvolvemento e revisión das directrices de ordenación do territorio, a formulación e execución a través da Comisión de Coordinación dos Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía, do Plan Cartográfico de Galicia, como instrumento para planificar dun xeito coordinado a produción, o uso e a difusión da información xeográfica necesaria para a xestión do territorio galego, coa finalidade de garantir a coherencia e interoperabilidade dos datos espaciais, así como o establecemento e actualización da Infraestrutura de Datos Espaciais de Galicia (IDEG) que garanta o almacenamento, a dispoñibilidade e o mantemento dos datos espaciais.

As numerosas modificacións do Decreto 148/2003, do 9 de xaneiro, fan necesario recollelas nun só texto que permita rematar con esta dispersión e facilite o seu manexo, polo que procede aprobar un novo decreto no que se recollan todas as modificacións anteriores e se adapte ás novas circunstancias.

En virtude do exposto, en exercicio das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día un de agosto de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo 1. Natureza

Regúlase a Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía, como órgano de coordinación técnica dos departamentos, organismos e entes da Administración pública de Galicia nas súas actuacións en materia de sistema de información xeográfica, cartográfica e xeomática.

Artigo 2. Adscrición

A Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía estará adscrita ao Instituto de Estudos do Territorio.

Artigo 3. Funcións

Serán funcións propias da Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografia as seguintes:

– Formulación e execución do Plan Cartográfico de Galicia.

– Coordinación das actividades cartográficas da Xunta de Galicia, así como das peticións e solicitudes en materia cartográfica das distintas consellerías respecto a outras administracións.

– Impulso e seguimento da Infraestrutura de Datos Espaciais de Galicia (IDEG).

– Execución dos obxectivos e liñas de traballo que lles sexan asignadas no Plan Galego de Cartografía e Información Xeográfica.

– Dar soporte técnico á Comisión de Delimitación de Termos Municipais e á Comisión de Toponimia.

– Análise das necesidades e da evolución da demanda de cartografía e información xeográfica de Galicia.

– Calquera outra función que poida ter relación coa natureza da Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía.

Artigo 4. Composición

A Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía estará composta polos seguintes membros:

1. Presidente/a: a persoa titular da consellería competente en materia de ordenación do territorio.

2. Vicepresidente/a: o/a director/a do Instituto de Estudos do Territorio.

3. Vogais:

a) Un/unha representante por consellería designado/a polo/a conselleiro/a correspondente.

b) Un/unha representante do órgano central de estatística da Comunidade Autónoma.

c) Un/unha representante da consellería competente en materia de toponimia.

d) Un/unha representante de cada unha das catro deputacións provinciais.

e) Un/unha representante da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

f) Un/unha representante da entidade pública competente en materia de modernización e innovación tecnolóxica.

g) Un/unha do representante do Fondo Galego de Garantía Agraria.

4. As consellerías e demais organismos e entidades anteriormente mencionadas deberán, así mesmo, designar, ademais do/da vogal titular, un/unha vogal suplente.

5. A composición da Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía tenderá a acadar unha participación equilibrada de homes e mulleres.

Artigo 5. Presidente/a e vicepresidente/a

1. Correspondelle ao/a presidente/a, ou persoa na que delegue:

a) Desempeñar a representación da Comisión.

b) Acordar a convocatoria das reunións e a fixación da orde do día, tendo en conta, de ser o caso, as peticións dos/as demais membros formuladas con suficiente antelación.

c) Presidir as reunións, moderar o desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas.

d) Dirimir co seu voto os empates.

e) Asegurar o cumprimento das leis.

f) Visar as actas e certificacións dos acordos da Comisión.

g) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á presidencia dun órgano colexiado.

2. Nos casos de vacancia, enfermidade ou outra causa legal de ausencia, o/a presidente/a será substituído/a polo/a vicepresidente/a.

3. Nos casos de vacancia, enfermidade ou outra causa legal de ausencia, o/a vicepresidente/a será substituído/a polo/a suplente designado/a para o efecto.

Artigo 6. Secretaría da Comisión

1. A Secretaría da Comisión será desempeñada por un/unha representante do Instituto de Estudos do Territorio designado/a polo/a presidente/a da comisión ou persoa na que delegue.

2. En caso de vacancia, ausencia ou enfermidade do/a secretario/a, será substituido/a temporalmente pola persoa que designe o/a presidente coma suplente.

3. Correspóndelle a/o secretaria/o da Comisión:

a) Asistir ás reunións, con voz pero sen voto.

b) Efectuar a convocatoria das sesións da Comisión por orde da súa presidencia, así como ás citacións aos/ás seus/súas membros.

c) Recibir os actos de comunicación dos membros da comisión e, polo tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos dos que deba ter coñecemento.

d) Preparar o despacho dos asuntos e redactar e autorizar as actas das sesións.

e) Expedir certificacións das consultas, ditames e acordos aprobados.

f) Cantas outras funcións sexan inherentes á secretaría dun órgano colexiado.

Artigo 7. Convocatorias e sesións

1. A Comisión reunirase, logo da convocatoria acordada pola persoa titular da presidencia, por iniciativa desta ou por petición de polo menos a metade dos/as vogais ou polo pedimento dunha comisión de traballo, cando menos dúas veces ao ano.

2. A convocatoria da Comisión será cursada pola persoa titular da secretaría cando menos con corenta e oito horas de antelación, por escrito ou por medio de correo electrónico no que se recolla a orde do día cos asuntos que se vaian tratar na sesión.

3. Para a válida constitución da Comisión, ademais das persoas titulares da presidencia e da secretaría ou de quen as substitúa, deberan estar presentes oito vogais en primeira convocatoria, e seis en segunda. Entre a primeira e a segunda convocatoria deberá transcorrer, cando menos, un prazo de trinta minutos.

Artigo 8. Asistencia de expertos/as

A Comisión podera contar coa asistencia de expertos/as ou asesores/as, logo de acordo do Pleno sempre que o requiran os traballos que haxa de realizar.

Artigo 9. Pleno

O Pleno estará integrado por todos os/as membros da Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía.

A comisión actúa en Pleno, sen prexuízo de distribuír os seus traballos en grupos de traballo, acordo que lle corresponde aprobar ao seu Pleno.

Artigo 10. Grupos de traballo

1. O Pleno poderá crear grupos de traballo por áreas, que poderán ser permanentes ou específicos e estarán formados polos/as membros que aquel designe para o efecto, e poderán ser asistidas polos expertos/as ou asesores/as que procedan en función do tema que se trate.

2. Estarán compostos por un/unha coordinador/a nomeado/a polo/a presidente/a da Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía entre o persoal do Instituto de Estudos do Territorio e os/as membros necesarios/as para o seu funcionamento en función da materia que se vaia tratar.

3. Correspondelles aos grupos de traballo a análise sectorial, a recollida de información, a elaboración de propostas e demais que sinale o Pleno.

4. Os grupos de traballo reuniranse coa periodicidade que sexa necesaria ou por petición do/a seu/súa coordinador/a.

Artigo 11. Funcionamento da Comisión

Sen prexuízo das peculiaridades previstas neste decreto, o funcionamento da Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía acomodarase ás normas contidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, sobre órganos colexiados.

Artigo 12. Apoio técnico

O soporte técnico para o desenvolvemento das funcións da Comisión de Coordinación de sistemas de Información Xeográfica e Cartografía será prestado polo Instituto de Estudos do Territorio dedicado á compilación e tratamento de información do territorio galego, así como á produción cartográfica, sen prexuízo da colaboración que poidan prestar outros servizos da Xunta de Galicia en función do seu carácter temático en relación coas competencias que lle son propias.

Disposición adicional primeira. Sesión constitutiva

Desde o momento da entrada en vigor deste decreto quedarán sen efecto os nomeamentos efectuados de vogais anteriormente designados, sen prexuízo de que continúen en funcións ata a designación dos novos representantes da Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía na sesión constitutiva que deberá realizase no prazo dun mes contado a partir da entrada en vigor deste decreto.

Disposición adicional segunda. Crédito orzamentario

A constitución e posta en funcionamento da Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía non xerará aumento dos créditos orzamentarios da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados o Decreto 148/2003, do 9 de xaneiro, polo que se crea a Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía, e o Decreto 188/2003, do 27 de febreiro, e o Decreto 394/2009, do 8 de outubro, polos que se modifica o Decreto 148/2003, do 9 de xaneiro.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, ou persoa en quen delegue, para ditar cantas normas complementarias fosen precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de agosto de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas