Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Martes, 28 de agosto de 2012 Páx. 34412

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 20 de agosto de 2012, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establece a convocatoria do programa de bolsas destinadas aos cidadáns galegos residentes no exterior e aos seus descendentes para a prórroga da realización de estudos universitarios oficiais conducentes á obtención do título de grao, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico en centros públicos de Galicia para o curso académico 2012/13.

Segundo o Decreto 12/2012, do 4 de xaneiro, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e o Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración configúrase como o órgano superior da Administración da Comunidade Autónoma ao que lle corresponden, entre outras, as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, así como a confección e xestión dos programas de formación ou especialización a elas dirixidos.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, desconcentra no secretario xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

Con data do 6 de xullo de 2011 foi publicada no Diario Oficial de Galicia nº 129 a Resolución do 24 de xuño de 2011, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aprobaron as bases reguladoras do programa de bolsas destinadas aos cidadáns galegos residentes no exterior para a realización de estudos universitarios oficiais, intercambios universitarios e estudos de formación profesional en Galicia.

A presente resolución abrangue a convocatoria de bolsas para o curso académico 2012-2013, destinadas aos cidadáns galegos que tiveran axudas en convocatorias anteriores neste programa para realizar estudos universitarios oficiais conducentes á obtención do título de grao, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico.

Búscase que estes mozos e mozas poidan formarse no eido cultural e educativo galego, dentro das súas institucións académicas, para que posteriormente desenvolvan o seu labor profesional, ao mesmo tempo que se contribúe ao fortalecemento das súas orixes galegas.

En virtude do exposto, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 29 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, naqueles preceptos que sexan básicos, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na normativa que a desenvolve,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade da convocatoria

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar a convocatoria pola que se rexerá a concesión de bolsas de prórroga para a realización de estudos presenciais universitarios, de carácter oficial, en centros públicos de Galicia para o curso académico 2012-2013, a través do programa 1 da sección I da Resolución do 24 de xuño de 2011, da Secretaría Xeral da Emigración: bolsas para a realización de estudios universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional conducentes á obtención do título de grao, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico.

2. Estas bolsas terán como finalidade axudar a sufragar parte dos gastos académicos derivados dos estudos (incluídas as taxas académicas correspondentes aos estudos elixidos), da estadía, da manutención e da viaxe de ida e volta entre o lugar de residencia no estranxeiro e a Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Réxime de concesión

O procedemento de concesión destas bolsas realizarase en réxime de concorrencia competitiva, mediante a comparación e avaliación dos méritos achegados polos solicitantes, co fin de establecer una prelación entre estes de acordo cos criterios de valoración que se establecen e respectando os principios de obxectividade, igualdade e non discriminación.

A convocatoria rexerase polas bases reguladoras recollidas na Resolución do 24 de xuño de 2011, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras do programa de bolsas destinadas aos cidadáns galegos residentes no exterior para a realización de estudos universitarios oficiais, intercambios universitarios e estudos de formación profesional en Galicia e a convocatoria para o curso académico 2011/12 (Diario Oficial de Galicia núm. 129, do 6 de xullo).

Artigo 3. Solicitudes, prazo de presentación e resolución

1. Poderán solicitar estas axudas cidadáns galegos que fosen beneficiarios deste programa I de bolsas en anteriores convocatorias e non rematasen os seus estudos conducentes á obtención do título de grao, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico; e cumpran coas especificacións contidas nas bases aprobadas na Resolución do 24 de xuño de 2011, da Secretaría Xeral da Emigración.

2. A solicitude, no modelo oficial que se publica como anexo a esta resolución, dirixirase á Secretaría Xeral da Emigración (rúa Basquiños, 2. 15704 Santiago de Compostela-A Coruña) e presentarase por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común (entre os que figuran as delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo).

Igualmente, as solicitudes poderán presentarse nas representacións diplomáticas e oficinas consulares de España no estranxeiro.

Así mesmo, as solicitudes poderán presentarse por vía electrónica, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo: https://sede.xunta.es, conforme o disposto no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

No suposto de que a solicitude de concesión non reúna os requisitos exixidos ou a documentación presentada fose incompleta, a Secretaría Xeral da Emigración publicará na súa páxina web http://emigracion.xunta.es a relación de persoas interesadas que deberán emendar a súa solicitude para que no prazo de 10 días corrixan a falta en que incorran ou acheguen os documentos preceptivos, indicando que se non o fixesen, se darán por desistidas da súa petición, de conformidade co disposto no artigo 71, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común.

Se por causas non imputables ao interesado non se puidese presentar no prazo sinalado algunha da documentación ou xustificante de carácter académico requirido, poderase admitir a súa substitución por unha declaración responsable do solicitante. Neste caso, e con anterioridade á proposta de resolución de concesión da subvención, a Secretaría Xeral da Emigración requirirá a presentación nun prazo de 10 días da documentación que acredite a realidade dos datos contidos na citada declaración.

4. O prazo máximo para resolver este procedemento será de tres meses, contados desde o remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se notificase a resolución expresa, os interesados poderán entender rexeitada a súa solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Documentación

Os solicitantes deberán achegar a seguinte documentación:

1. Solicitude segundo o modelo normalizado (anexo I).

2. Copia do DNI, pasaporte ou documento acreditativo da identidade e nacionalidade do solicitante. A presentación da copia do DNI só será necesaria no caso de non autorizar a consulta dos datos de identidade no sistema de verificación de datos de identidade.

3. Certificación de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular acreditativo da residencia no estranxeiro da súa unidade económica familiar. No caso de non posuír a nacionalidade española, documentación oficial que acredite a residencia no estranxeiro.

4. Documentación xustificativa, expedida pola universidade correspondente, de ter superado o 75 % dos créditos matriculados durante o curso 2011-2012.

5. Anexo II: modelo de declaracións:

• Declaración de que non ten concedidas, para os mesmos estudos, outras axudas ou subvencións das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (anexo II).

• Declaración de non estar incurso en prohibición para obter a condición de beneficiario de subvención (anexo II).

• Declaración responsable de non ter débedas pendentes coa Administración tributaria estatal e autonómica, así como coa Seguridade Social (anexo II).

• Declaración do compromiso de utilización da lingua galega en todas as actividades para as cales se solicita a axuda, de ser o caso (anexo II).

Artigo 5. Orzamento

Esta convocatoria ten carácter plurianual e para a concesión destas bolsas destinarase un total de 42.000 €, con cargo a aplicación orzamentaria 04.50.312C.480.0-Accións políticas migratorias dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2012 e 2013, distribuídos: 29.400 € para o ano 2012 e 12.600 € para o ano 2013.

Artigo 6. Contía das axudas

Cada bolsa concedida estará integrada por unha axuda máxima de 6.000 €, destinada a sufragar os gastos académicos derivados dos seus estudos, da estadía e da manutención na Comunidade Autónoma de Galicia.

Poderanse conceder axudas coa contía máxima prevista a aquelas solicitudes admitidas que reúnan os requisitos previstos, no caso de non esgotar o crédito previsto na convocatoria.

As bolsas que se perciban a través deste programa para cursar estudios regrados, tanto en España como no estranxeiro, en todos os niveis e graos do sistema educativo, están exentas de tributar segundo o establecido no artigo 7 da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas e de modificación parcial das leis dos impostos sobre sociedades, sobre a renda de non residentes e sobre patrimonio, e no artigo 14 do Real decreto lexislativo 5/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do imposto sobre a renda de non residentes.

Artigo 7. Desenvolvemento e aplicación

O secretario xeral da Emigración poderá ditar todas as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta convocatoria e das súas bases reguladoras.

Artigo 8. Recursos

Contra esta resolución, que é definitiva en vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso administrativa.

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2012

J. Santiago Camba Bouzas
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file