Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Martes, 28 de agosto de 2012 Páx. 34420

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 22 de agosto de 2012 pola que se convoca unha xornada internacional de protección civil.

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realicen algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias, como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teñan como fin a protección de persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei, este persoal organizarase en grupos operativos.

Mediante a Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que se poidan producir en Galicia derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Dentro das actividades programadas para o ano 2012, e conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), anúnciase a convocatoria dunha xornada internacional de protección civil, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Tipo: xornada.

Denominación: xornada internacional de protección civil.

Modalidade: presencial.

Edicións: 1.

Horas lectivas: 11.

Prazas: limitadas pola capacidade do local.

2. Obxectivos e contido.

Obxectivos:

Traballar para lograr un ambiente que favoreza ao voluntariado.

Ofrecer medios de actuación ás agrupacións/asociacións de voluntarios.

Mellorar a calidade do voluntariado.

Sensibilizar sobre o valor e a importancia do voluntariado de protección civil.

Recoñecer as actividades de voluntariado.

Contido: na xornada trataranse os seguintes temas:

Análise e avaliación da protección civil no ámbito estatal, autonómico e local.

Análise e avaliación das AVPC de Protección Civil nos distintos países da Unión Europea.

Exercicios prácticos: rescate con cans en estruturas colapsadas, condución 4×4, camión simulador, …

3. Destinatarios/as.

Destinatarios/as: as xornadas van dirixidas ao persoal voluntario de agrupacións de voluntarios de protección civil e outras persoas interesadas no tema.

4. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: Agasp (avda. da Cultura s/n, A Estrada, Pontevedra).

Data: 15 de setembro.

Horario: das 9.30 ás 20.00 horas.

5. Inscrición.

a) As persoas que sexan usuarias da páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es poderán inscribirse na xornada a través dela.

As persoas que non sexan usuarias da páxina web da Agasp poderán inscribirse na xornada mediante solicitude dirixida ao director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública (avda. da Cultura s/n, A Estrada, Pontevedra), segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e que serán presentadas no Rexistro Xeral da Agasp, ou ben de calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Serán admitidas inscricións por medio de fax enviado ao número 886 20 61 23 ou por correo electrónico dirixido ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.es

b) O prazo de inscrición é de 15 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

A inscrición poderá realizarse ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

As inscricións fóra de prazo só serán admitidas, de quedaren prazas libres, coa condición de que cumpran os requisitos xerais antes indicados.

c) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 12, 886 20 61 37 e 886 20 61 38, do fax: 886 20 61 23 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

d) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática da xornada, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

6. Criterios de selección do alumnado participante.

1º Terá preferencia o persoal voluntario de agrupacións de voluntarios de protección civil.

2º Pola orde de presentación de solicitudes.

7. Publicación das relacións do persoal seleccionado.

A Agasp publicará na súa páxina web http://agasp.xunta.es, unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada xornada, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 59.6 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con cando menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as que reúnan os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp).

8. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro ).

9. Certificado de asistencia.

Ao remate da actividade entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada.

10. Facultades da Agasp.

A Agasp poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir a xornada, ampliar novas edicións ou suspendela temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

A Estrada, 22 de agosto de 2012

José Carlos García Bouzas
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública